eu

eu
eu

sábado, 25 de xullo de 2015

DÚAS NOVELAS GALEGAS CON RECENDO A SALITRE


MONTE LOURO, DE LUÍS REI NÚÑEZ
Unha peripecia vital transoceánica

Editouse en 2009 da man da colección de Narrativa das Edicións Xerais de Galicia, a novela gañadora da vixésimo sétima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor, organizada polo Concello de Burela. Trátase de Monte Louro, da autoría de Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958), presentada ao certame baixo o lema "Arcadia bis" e merecedora do citado galardón por decisión unánime do xurado.

O autor, ben coñecido xa pola súa brillante biografía do rianxeiro Rafael Dieste (A travesía dun século), por poemarios como A rolda invisible e Alma mareira e por obras narrativas como Expediente Artieda, A estrela dos polisóns, Toda a vida ou O señor Lugrís e a negra sombra e pola súa recente participación como cabeza da candidatura municipal da Marea de Pontevedra ofrece neste seu Monte Louro unha novela de enorme alento e calidade, moi ambiciosa do punto de vista estrutural e argumental, escrita nun galego rico e pulcro e, por iso mesmo, chamada a se converter nunha referencia imprescindíbel no panorama da narrativa galega da nova centuria.

Monte Louro reconstrúe en catro grandes capítulos a complicada peripecia dun individuo desde a súa infancia no Muros da inmediata posguerra a carón da súa pobre nai, "viúva de vivo", e do seu avó Domingos, que lle ensina a pescar, ata o seu internamento nun psiquiátrico bonaerense nos anos setenta, onde o acabará atopando en 1983 unha filla cuxa existencia el propio ignoraba.

Ao longo da novela, o protagonista verase impelido a fuxir en varias ocasións (de Muros a Barcelona, primeiro; de Barcelona a Bos Aires, despois) e terá que mudar mesmo de nome e apelidos varias veces (Delio, Artemio, Yago...). Irá así medrando, coñecendo os resortes máis profundos da conduta humana, gozando dalgúns grandes amores e enfrontándose a todo tipo de reptos e desafíos, sempre coa paisaxe de Monte Louro como ancoraxe espiritual necesaria para non derramar a propia identidade.

Os amantes da cultura marítima, coidamos, toparán especialmente celmosas e significativas moitas das páxinas desta grande novela, nomeadamente da súa primeira parte, "O fillo da robinsona", en que se recrea con trazo maxistral o ambiente mariñeiro do Muros de antes e despois da guerra do 36. Retrátanse aquí, efectivamente, as marcantes diferenzas sociais entre proletarias da conserva, reghateiras e fillas de patróns e armadores (os Artaza, os Romaní, etc.) e as evolucións e loitas da rillotería masculina criada na ribeira. Tamén se evocan o espertar, auxe e desfeita posterior do societarismo mariñeiro no porto muradán (representado na obra polo personaxe Xacobe), algunhas traxedias no mar e mesmo os baños nas praias da contorna das humildes "poubanas".

Páxinas brillantes, emotivas e ben escritas, que tornan máis máxico, se couber, o perfil xa de seu inesquecíbel do Monte Louro real.


IRIA, DE ANXO ANGUEIRA
Navegacións, afogamentos e rebeldías

O escritor Anxo Angueira (Manselle-Dodro, 1961), que fai parte destacada da intelectualidade galega dos nosos días por múltiplas razóns (profesor na Universidade de Vigo, investigador e ensaísta, membro das Redes Escarlata, presidente da Fundación Rosalía de Castro, activista da cultura marítima...), deu ao prelo no pasado 2012 a súa novela Iria.

Lembramos aínda unha conversa co autor hai algúns anos en Cerdedo, durante un acto de homenaxe ao Dionisio Pereira, sobre a relativamente escasa presenza do mar na nosa narrativa e sobre a valía, como friso histórico, dalgunha das obras que fan de excepción a esa regra, como é o caso de Antón e os inocentes, de Méndez Ferrín. Lonxe estábamos entón de imaxinar sequera que lle buligase no cerebro ao autor de Fóra do sagrado e O valo de Manselle a idea desta magnífica narración editada por Xerais e que vai dedicada aos colegas da A.C. Dorna da Illa de Arousa e mais á propia Federación Galega pola Cultura Martítima e Fluvial.

Ambientada na década dos 60 do pasado século, desenvólvese en terras e augas do Ulla final, na ría de Arousa e nos vales fértiles da veiga padronesa (escenario que xa visitara o autor na súa novela anterior Pensa nao, 1999), para ofrecer mediante a súa trama unha visión crítica do desarrollismo franquista, disfraz da corrupción empresarial e política reinante naquel rexime (el non virán de aí os lodos actuais?) e, ao mesmo tempo, un retrato de tonalidades épicas do traballoso labor de articulación na clandestinidade da resistencia popular galega antifraquista, personificada na tripulación do galeón que dá nome á novela e nos legoeiros das obras de construción dunha absurda, por inútil, canle de regadío.

En contrapunto a estes dous ámbitos, mariñeiro e proletario, a novela vai ofrecendo unhas manuelantonianas “historias de afogados”, que se intercalan pautadamente no relato e permiten captar a bivalencia simbólica (vida e morte) que adquire o propio río para as xentes que moran nas súas ribeiras.

Mais a novela de Angueira engade a estes elementos argumentais algúns outros valores, que fan da súa lectura un intensificado gozo, subliñado polo ritmo pausado da dicción, que evoca automaticamente o propio fluír da navegación a vela do galeón protagonista. Salientemos un saboroso dicir léxico e fraseolóxico tirado da fala popular arousá e ullá, un pormenorizado percurso de grande potencia evocadora polo mapa microtoponímico da ría de Arousa e do Ulla, un constante diálogo coa tradición literaria galega (Rosalía, Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste coa súa fiestra valdeira, as cantigas medievais....) e unha constante homenaxe, en fin, ao saber e ao indómito resistir do pobo, “soia e verdadeira xente do traballo no noso país”.

sábado, 18 de xullo de 2015

A ACADEMIA GALEGA NAS DÉCADAS DE PREGUERRA

Académicos na sesión de ingreso de Amador Montenegro. Compostela, 1910
A definitiva fundación da Academia Galega o 30 de setembro de 1906 significaba a culminación dun grande esforzo de institucionalización e dotación de referentes simbólicos (bandeira, himno...) levado a cabo polo Rexionalismo, con Manuel Murguía á cabeza, que se fixo co impagábel apoio, económico, publicístico e moral dalgúns núcleos conscientizados da comunidade galega emigrada en Cuba (Fontenla Leal, Chané, Curros Enríquez...).

Concibida como unha entidade de “varóns notábeis”, con amplos obxectivos na promoción e na investigación histórica e cultural, que non como Academia da Lingua (aínda que entre os seus fins figurasen o de elaborar unha gramática e un dicionario), a Corporación comezou a súa andaina marcada, para ben e para mal, pola personalidade de Murguía, veterano líder dun esforzado agrupamento, alcumado despectivamente como “Cova Céltica”, en que figuraron Lugrís Freire, Carré Aldao, Tettamancy, Florencio Vaamonde, Eladio Rodríguez...

Á hora de pór en marcha a entidade, Murguía repartiu designacións de numerarios e correspondentes seguindo pulsións ben transparentes: acoller todo aquel que tivese feito, no foro, na prensa ou no libro, profesión de fe rexionalista, latu sensu; atraer figuras do ámbito internacional para prestixiar a nova entidade (Teófilo Braga, Leite de Vasconcelos, Joseph Cornu...) e, finalmente, marxinar propositadamente algúns persoeiros e eruditos galegos (García de la Riega, Leopoldo Pedreira, Leandro Saralegui...) que lle foran e eran hostís, ben desde a vertente política, como furibundos antirrexionalistas, ben desde a historiográfica, como acérrimos detractores do celtismo.

E semellante aposta tivo, como era de agardar, o seu custe inmediatamente. Arredor da figura do “pretendente” José Mª Riguera Montero, erudito nado en Muras, formado no Seminario mindoniense e na emigración uruguaia e preboste na sociedade coruñesa na altura (membro do consello de administración de La Voz de Galicia, presidente de distintas entidades benéficas e sociais...), diversos sectores despregaron unha intensa campaña de cuestionamento da pertinencia (“¿Para qué más Academia que la Matritense?”, diría Santiago Abella), dos fins (“¿A qué querer fomentar un dialecto oscuro, teniendo un idioma nacional resplandeciente y extendido por el mundo”?, insistiría o citado autor) e da composición da Academia, tomando como alvo preferente dos ataques a propia figura de Murguía, quen mesmo chegou a ser acusado de malversar os fondos pecuniarios que lle chegaban desde a colonia galega en Cuba.

A esta campaña contra unha Academia que García de la Riega denominaría “última contorsión de un regionalismo vergonzante” sumáronse numerosos individuos e cabezallos de prensa de todo o país, con significacións variadas como o republicanista Tierra Gallega da Coruña, o satírico focego Guau...Guau, o católico-conservador El Norte de Galicia de Lugo, o Diario Ferrolano que dirixía Wenceslao Fernández Flórez e un longo etcétera de publicacións locais.

Dependencias da Academia Galega, en 1934
Tanta hostilidade amosada desde tan diversos, conspicuos e poderosísimos sectores conduciu a Murguía e o seu núcleo de fieis a adoptar dúas decisións tácticas intencionalmente “defensivas” de grande transcendencia para o devir da entidade. Por unha banda, colocar a Corporación baixo o patrocinio simbólico (e por engadido, económico, através das subvencións do Ministerio correspondente) do monarca español, solicitando o título de “Real”. Semellante aposta mal podía sentar en amplos segmentos da cidadanía herculina, pois a cidade era un auténtico bastión do republicanismo nesa altura, e talvez axude a explicar renuncias á cadeira numeraria como a de Manuel Leiras Pulpeiro. Por outra banda, procurar apoios, a xeito de “escudos protectores”, entre determinados segmentos elitistas da sociedade coruñesa, outorgando o título de numerario a individuos (sempre varóns, nótese) que, se ben gozaban de certo prestixio como eruditos ou prebostes do tinglado político restauracionista, estaban ben lonxe de compartir o espírito e os fins primixenios, inequivocamente galeguizadores, da entidade.

Da man do núcleo rexionalista e mercé a un regulamento que consagraba a cooptación como medio de elección de novos membros, van sendo propostos e entrando na Academia persoeiros como Ozores de Prado, Ponte Blanco, Rey Soto, Estrada Catoira... O seu prestixio nas elites sociais da época e a súa influencia mediática apagan o fervor da campaña contra Murguía, é certo, mais o seu españolismo e conservadorismo declarados e o seu desleixo cara aos fins primixenios da Academia hipotecan gravemente o labor desta e desvirtúan a súa función. Velaí un dos porqués do fracaso na tarefa de confección do dicionario e da gramática e tamén unha das razóns da “coruñesización”, se val a expresión, que experimenta a nómina de académicos, en detrimento da representación doutros núcleos intelectuais do país. Boa parte deses novos membros de número non cumpriron, desde logo, ningunha das hipotéticas funcións benefactoras polas que foron designados e actuaron máis ben como un auténtico “cabalo de Troia” na Academia, reforzando nela o pendor conservador, aristocratizante e pasatista e contribuíndo poderosamente, ademais, para ancorala nunha práctica e nun discurso aínda máis diglósicos, se cadra, cós que xa imperaban, en realidade, desde a súa propia fundación.

Con efecto, gravísima é desde o inicio a deriva que toma dentro da Academia a cuestión do uso e defensa do galego. Reducido xa desde a cerimonia de constitución a sermo de uso poético, o noso idioma está ausente na vida interna, nas actas, no boletín, na práctica totalidade dos discursos de ingreso, nas respostas a eses discursos, na correspondencia, nos diplomas, na vida pública e privada de case todos os numerarios... Só a biblioteca-arquivo constitúe unha perenne satisfacción na vida da entidade, pois reúne desde moi axiña abundantes materiais de primeiro interese sobre temática galega.

Villar Ponte retratado por Ramón Peris
Así chegamos a 1916, ano en que da man dos irmáns Villar Ponte de Viveiro se fundan as Irmandades da Fala, que poden ser consideradas unha “superación” da Academia, en tanto que conseguen co seu discurso e coa súa praxe dar novo pulo á causa da dignificación e ampliación de usos do noso idioma. Algúns artigos iniciais en A Nosa Terra, como "A bandeira ergueita" de Antón Villar Ponte, ponderan, precisamente, o que de “salto cualitativo” tiña a nova entidade a respecto da plataforma alentada polo Rexionalismo. Non é difícil imaxinar, nese sentido, a escasa compracencia con que non poucos dos membros da Academia acollerían algúns parágrafos dos irmandiños máis novos en que se facía de maneira explícita cuestionamento das súas actitudes e estratexias no inmediato pasado, porque, como resume o profesor Mariño Paz, “cando menos no dominio público, o nacionalismo resolveu en xeral as contradiccións entre o discurso ideolóxico e a práctica lingüística que caracterizaran a fase rexionalista”.

A pesar de certas desavinzas previas entre os seus dos seus respectivos cabezaleiros, Murguía e Villar Ponte, por mor do apoio que o de Viveiro demandou sen éxito do presidente da Academia para unha Diada catalanista en defensa da lingua en xaneiro de 1916, existiu á partida unha boa sintonía entre ambas as dúas entidades, que se pon de manifesto na presenza de varios académicos no acto fundacional da Irmandade coruñesa, na súa frecuente colaboración co boletín A Nosa Terra e na cesión do local da Corporación (entón sito en Rego de Auga, 38-1º) para o desenvolvemento dalgunhas actividades. Mais a medida que os cada vez máis numerosos e espallados núcleos irmandiños profundizaron no seu discurso nacionalista e na súa praxe monolingüe, foise producindo un paulatino distanciamento entre eles e o groso da Academia.

Un dos feitos que mellor exemplifican esa deriva diverxente é o apoio decidido que significativos vultos da Academia emprestan en 1918 ao entón alcalde liberal coruñés, Manuel Casás Fernández (futuro presidente da, propia Academia, na posguerra), cando este pon en marcha un “Intituto de Estudios Gallegos” co que pretendía contrarrestar a crecente influencia ideolóxica e cultural do nacionalismo galego, que celebra nese mesmo ano, en Lugo, a súa Primeira Asemblea. Ben significativo é que, agás Banet Fontenla e Vega Blanco, ningún numerario da Galega envíe a súa adhesión ao “Manifesto” saído desa transcendental xuntanza... Desde as páxinas do boletín Nós, Antón Villar Ponte describía en xaneiro de 1921, con enérxico e incisivo trazo, o ambiente espiritual reinante no areópago académico:

“Os galegos que máis galegos parescen (académicos, eruditos, arqueólogos) adícanse ó estudo das cousas vellas da nósa Terra, com'as d'un país finado, morto, cuia persoalidade sulagouse no castelanismo estéril. Si fan un dicionario danlle xeito de panteón da nósa língoa. Si fan un boletín convírtenno en eco morto de cousas pretéritas. Somente miran pra atrás, c'unha friaxe tan tolledora, que calquera diciría que se trocaron, com'a muller de Loth, en estátuas de sal. Fáltalles o atopárense a sí mesmos. Fáltalles o sentimento qu'é consustancialización da i-alma propia c'o meio natural. Infruenciados por cinco séculos de colonización castelán, xa non teñen máis que o viviren na Galizia [sic]. Perderon o sangue do espírito qu'é a língoa natural, perderon a autonomía dos sentimentos que só a língoa propia mantén acesa, e fican trocados en turistas na sua terra, que van percorrendo guiados por unha cultura fría que lembra ós antipáticos cicerones, tod'o que foi”.

Con todo, a crise interna das Irmandades, que se resolverá coa súa escisión na Asemblea de Monforte (febreiro de 1922), complicou a dialéctica entre a organización nacionalista e a Corporación académica, na medida en que levou ao enfrontamento fratricida a elementos que compartillaban, en derradeira instancia, a visión galeguizante desa institución.

As propostas ortográficas etimoloxistas e lusistas que colocou Xoán V. Viqueira nas páxinas de A Nosa Terra en 1917 e o intento posterior de A. Villar Ponte de as aplicar no boletín desagradou a un número importante de asinantes do decenario, capitaneados polo numerario e futuro autor da Gramática do idioma galego, Lugrís Freire. Tamén os debates no seo do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego” promovido pola Irmandade herculina afastaron a “renovadores” (partidarios do abandono do teatro feito polos Lugrís, Galo Salinas, etc.) e “conservadores”. Finalmente, un sector de irmadiños coruñeses vencellados á Academia (Lugrís, Carré, Eladio Rodríguez, Florencio Vaamonde...) logra purgar a Antón Villar Ponte da dirección de A Nosa Terra e este, como resposta, alenta a Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro para que critiquen con acritude os “Vellos” no manifesto Máis alá...

Divididas así as súas entón limitadas forzas, o nacionalismo galego non poderá impedir que na Academia exerzan hexemonía de aquí en diante os sectores menos comprometidos co idioma e a cultura do país, que son os que após terse producido en febreiro de 1923 o falecemento de Murguía, levan sucesivamente a Andrés Martínez Salazar, primeiro (se ben por breve tempo ao falecer axiña o noutora promotor da “Biblioteca Gallega”) e ao enxeñeiro e político turnista Francisco Ponte Blanco, despois, á Presidencia da entidade.

Se a presenza do Patriarca á fronte da Corporación tiña servido de freo a unha crítica máis incisiva da Academia Galega por parte do nacionalismo, a súa desaparición física, sumada á deriva que vimos comentando, faina agromar con toda a forza durante a ditadura primorriverista. Tanto a Irmandade coruñesa como a ING risquiana verterán continuos reproches sobre a entidade, quer a respecto da súa dinámica interna (acceso á presidencia de Ponte Blanco, política de novos nomeamentos, redacción do boletín e das actas integralmente en español, enfoque arqueoloxizante dos artigos, praxe e filosofía idiomática antitéticas ao sentido primixenio da entidade por parte de non poucos dos seus membros, etc.), quer a respecto da súa incapacidade ou indolencia para dar cabo a algúns dos principais fins para os que tiña sido concibida e creada no seu momento (gramática e dicionario).

Barcia Caballero
O propio xornal A Nosa Terra chegaría a demandar en 1924 “a clausura difinitiva da Academia por noxenta, ridícula e antigalega ademais de ser unha coveira de caciques”. Pouco tempo despois engadiría que “ou modifícase d'unha vez para sempre, ou é mester considerala xa definitivamente coma cousa inútil, morada única de ostentación fachendosa de testas valeiras da que deben de se retirare os poucos galegos de valer que ainda hai n-ela”. En contraste, algúns membros fundadores, como Barcia Caballero, non perdían ocasión nesta época para opoñerse ás demandas do nacionalismo galego, cualificando de “peligrosas” e “abominables” as súas propagandas e denunciado que atacaban “al principio fundamental y más hondo de nuestra nacionalidad, a la intangible unidad de la patria española” (El Pueblo Gallego, 30.8.1925).

Paralelamente, non atinará tampouco a Academia nestes anos á hora de poñer ramo a empresas que, levadas doutro xeito, poderían ter axudado ao seu prestixiamento. A polémica do numerario Lugrís Freire co directivo Estrada Catoira, a finais de 1925, por mor da xestión duns diñeiros destinados a honrar a memoria de Pondal, provoca que o de Sada abandone o proxecto de ordenar e editar Os Eoas. Así mesmo, a negativa da Academia a outorgar directamente o proxecto de monumento a Curros Enríquez na Coruña ao escultor cambadés Francisco Asorei levanta unha formidábel polémica pública en que o nacionalismo recrimina á entidade a súa actitude. Paralizado o traballo de confección do seu dicionario desde 1911, a Academia contempla impertérrita como aparecen achegas gramaticais e lexicográficas en que ela, como tal, ningún papel xoga: o Vocabulario popular galego-castelán publicado en 1926 como folletín de El Pueblo Gallego; o Diccionario Galego-Castelán (1928) da editora “Lar”... No colmo do “ninguneo”, o recén elixido académico da Española, Armando Cotarelo Valledor, propugna en 1928 que sexa esta e non a Galega quen elabore as normas do noso idioma...

Como corrente de fondo en todo este período da Academia que estamos comentando hai que mencionar, ademais, a tendencia ao “vaciamento”, isto é, a que a entidade non cubrise as vacantes que se ían producindo no seu seo, o que agravaba as súas insuficiencias e aumentaba a súa parálise. Semellante tendencia fica clara á vista dalgúns datos como os seguintes: de 40 escanos ocupados no momento de se fundar en 1906, hai 25 cando as Irmandades celebran a Asemblea de Lugo, que son os mesmos que cando morre Murguía. A finais de 1926, 21 asentos están ocupados, mentres que en 1933, son só 20. Cando efectivizan, en 1934, o seu ingreso A. Villar Ponte e Castelao, só 18 asentos tiñan titular e, pouco despois, no intre do infeliz estoupido da guerra, 21...

Así as cousas, non é estraño que o nacionalismo galego emprestase cada vez maior atención e arroubo a unha entidade nada en 1923 por iniciativa dun grupo de escolares composteláns (Tobío, Filgueira Valverde, Bouza Brei...), o “Seminario de Estudos Galegos”, na medida en que practicaba e exemplificaba as virtudes e firmes compromisos galeguizadores de que carecía, ao seu ver, a Academia: “¡Canto ten que adeprender d'esta entusiasta e galeguísima institución esa Real Academia Galega que conta con tantos e tan brilantes académicos que nada fan!”, sentenza A Nosa Terra en outubro de 1925. Abonda ver a listaxe de directores de sección do “Seminario” (Tobío, Cuevillas, Otero Pedraio, Risco, Castelao...) para se decatar do grao de entrega e compromiso da “intelligentzia” nacionalista coa nova entidade...

Eladio Rodríguez (con chapeu)
O acceso de Eladio Rodríguez González á presidencia da Academia, en novembro de 1926, supuxo unha solución de compromiso entre os dous sectores que a configuraban nese intre: o que podemos denominar “non galeguista” (hexemónico) e o “galeguista” (minoritario). Durante o mandato do autor de Oraciós campesiñas, as designacións de novos numerarios semellan respostar á pauta de non romper o equilibrio reinante: catro persoeiros, Jaime Solá, Manuel Casás, Fernando Martínez Morás e Alejandro Barreiro, pasan a engrosar as fileiras de numerarios electos que nin no seo da Academia mesma, nin na palestra pública ou privada usan e defenden nunca o galego, mentres que outros dous, Otero Pedraio e Vicente Risco, contrapesan coa súa militancia na causa da lingua esas incorporacións...

Mais a presidencia de D. Eladio, por máis que revitalizase o boletín académico, por máis que fomentase a celebración de diversos actos conmemorativos de figuras do pasado (Vicetto, Añón, Murguía..) e por máis que fallase en 1930 con coherencia galeguista o preito sobre a verdadeira bandeira galega colocado polo erudito Couceiro Freijomil, que cuestionaba a franxiceleste, non serviu, en realidade, para corrixir a máis seria contradición que a Academia arrastraba desde as súas orixes. Con efecto, o xornalista Roberto Blanco Torres, nun artigo intitulado "Por el prestigio de la Academia", publicado en marzo de 1929 en El Liberal de Madrid, denunciaba que nas reunións da docta Corporación "se habla un idioma distinto al que le da su razón de ser", que a maioría dos académicos "no usan del idioma gallego en la vida de relación, no lo emplean ni emplearán en su obra literaria, si alguna tienen", e, finalmente, que as "comunicaciones y publicaciones oficiales son escritas en una lengua diferente de la gallega".

Ingreso de Otero Pedraio na Academia (1929)
O conservadorismo ideolóxico de D. Eladio e da maior parte da Academia casou mal coa mudanza de réxime que se verifica o 14 de abril de 1931 e a Corporación, a diferenza doutras entidades como o “Seminario de Estudos Galegos”, que si se lanzou decididamente á arena pública en demanda de autogoberno co seu “Anteproxecto” estatutario, permaneceu aletargada e silenciosa mesmo en asuntos de tanta relevancia para o porvir da lingua como os debates sobre a súa posíbel oficialización. A demisión de Eladio Rodríguez como presidente da Corporación foi presentada en xaneiro de 1934 alegando pretextos de saúde, mais debeuse en realidade, como ten revelado Victoria Álvarez de Ojeda, á incomodidade do autor de Oraciós campesiñas coa situación interna da entidade e, engadimos nós, coa crecente presión que para virar en redondo o rumo da entidade viña exercendo, desde dentro e desde fóra, o galeguismo.

Non é estraño que fose este movemento, por boca do entón editorialista de El Pueblo Gallego, Xerardo Álvarez Gallego, quen explicitase con maior claridade as súas esperanzas a respecto da Corporación tralo acceso á presidencia de Lugrís Freire, en xuño de 1934. Tratábase, en síntese, de acabar co “espectáculo de una Academia letárgica y como inexistente”; de modificar o regulamento para facer máis áxil o seu funcionamento; de pór fin a un “localismo suicida”; de retomar os traballos para a elaboración da gramática e do dicionario; de dar orientacións sobre a ortografía e sobre a toponimia; de reanudar a edición do boletín; de cubrir axiña as vacantes e de celebrar novamente actos públicos. Todas estas reivindicacións serían asumidas publicamente polo propio Lugrís Freire, unha vez tomou pose do seu cargo, engadindo aínda outras como colaborar na inauguración do monumento a Curros na Coruña ou reeditar as obras de Pondal.

Manuel Lugrís Freire
Na xestión de Lugrís Freire á fronte da Academia hai, sen lugar a dúbidas, xunto a actividades de certa relevancia como os preparativos do primeiro centenario de Pondal (1935), un intre verdadeiramente emblemático: o de celebración de senllas sesións consecutivas para os respectivos ingresos dos históricos dirixentes galeguistas Antón Villar Ponte e Castelao, o 24 e o 25 de xullo de 1934, respectivamente. O de Viveiro, após ler o discurso O sentimento liberal na Galiza, pasaba a ocupar a vacante deixada polo arcebispo Lago González; o de Rianxo, pola súa vez, substituía Ozores de Prado lendo o discurso As cruces de pedra na Galiza. Dous discursos en galego, con senllas respostas na mesma lingua, en datas ben simbólicas do galeguismo e arroupados ademais pola edición, da man de Ánxel Casal, de tres obras mestras saídas do caletre dos protagonistas do evento: Os evanxeos da risa absoluta, Os dous de sempre e A romeiría de Xelmírez.

No entanto, dentro da Corporación as ansias renovadoras chocaron coa dura realidade. Os afáns do sector galeguista axiña se estrelaron coas inercias inmobilistas, coa precariedade de recursos, coa xorda e fechada oposición, por motivos ideolóxicos, dun sector considerábel dos socios (Martínez Morás, Estrada Catoira, César Vaamonde, Narciso Correal, Fernández Diéguez...) e co precario estado de saúde do veterano Lugrís, quen presentaría por tal motivo a renuncia en agosto de 1935.

Desde esa renuncia do autor de Noitebras, ocupou a presidencia interina da Academia un significado detractor do nacionalismo, o matemático Fernández Diéguez (quen había de se distinguir, segundo ten rememorado Jenaro Marinhas del Valle, nas purgas e queimas de libros levadas a cabo na Coruña polos franquistas a partir do “Alzamiento”) e a actividade corporativa reduciuse até tal punto que mesmo se interrompeu novamente a publicación do seu boletín. As únicas incorporacións de numerarios antes do fatídico 18 de xullo de 1936, a do director de La Voz de Galicia, Alejandro Barreiro, o día 12 de marzo dese ano, e mais a do ex-alcalde herculino, Manuel Casás, que se verifica un día despois, non viñeron senón reforzar precisamente as fileiras dos regionalistas sanos y bien entendidos, agora ademais antirrepublicanos, na Corporación.

Jaime Solá
Precisamente Barreiro e Casás xogarían un papel destacado na difícil continuidade da Academia durante os primeiros compases do franquismo, pois, a diferenza do que aconteceu co “Seminario de Estudos Galegos”, brutalmente expoliado e logo disolto no sucedáneo do “Padre Sarmiento”, a Corporación fundada en 1906 conservou intacto o seu arquivo-biblioteca e puido recompoñerse sen excesivas modificacións baixo a ollada (sempre unha miga desconfiada, todo hai que dicilo) das novas autoridades. Rematada a contenda que encheu de sangue galeguista e esquerdista as cunetas do país, a Academia, baixo a presidencia interina de Casás Fernández, acordou designar presidente de honra ao “Generalísimo” e procedeu a unha rápida renovación de integrantes, dando entrada sen máis trámites, isto é, obviando a presentación de discurso de ingreso e desprezando o feito de que moitas “vacantes” pertencían a exiliados aínda vivos, a toda unha serie de académicos electos (Narciso Correal, Lisardo R. Barreiro, Jaime Solá, Noriega Varela...) e acelerando a provisión dun total de dezanove vacantes máis, destinadas fundamentalmente a elementos de pasado galeguista (Bouza Brei, Cuevillas, López Abente, V. Taibo...), eruditos confesamente dereitistas (Vázquez Seijas, Couceiro Freijomil...) e sacerdotes máis ou menos cultivados (Portela Pazos, Xesús Carro, Pedret Casado, Samuel Eiján...).

Desta arte a Academia, fundada en 1906 con inequívoco selo galeguizador, ficaba así pronta para contribuír a lexitimar desde a súa perspectiva a ominosa Ditadura franquista e, de pasaxe, desimular, co seu boato inofensivo e coa súa actividade irrelevante, que todo un trebón destrutivo e virulento tiña pasado por riba da cultura galega, obrigándoa a resistir no exilio e a volver a comezar practicamente desde cero, no interior, como un Prometeo redivivo.

martes, 14 de xullo de 2015

RETRATO ÉPICO DUNHA MALPICA MARIÑEIRA INSUBMISA AO FASCISMO

O bibliotecario e investigador pontevedrés Francisco Xavier Redondo Abal, que xa nos tiña ilustrado con ensaios sobre a peripecia das bibliotecas públicas e privadas de Galiza durante o trebón do 36, tanto de xeito xeral (O fulgor e as tebras, 2009) como fixándose en casos concretos emblemáticos (a biblioteca pontevedresa de Castelao, a coruñesa de Casares Quiroga...), concorreu á palestra pública en 2012 da man das Edicións Laiovento para ofrecernos o traballo O mar e a memoria. O expediente Armesto, que se presentou cun conciso pero ao mesmo tempo substancioso e revelador prólogo de Dionisio Pereira. 

Tomando como base os informes redixidos para o Goberno Civil da Coruña entre 1937 e 1938 polo tenente da Garda Civil José Armesto Anta, destinado ex professo á vila de Malpica para investigar as razóns da actitude de rexeitamento masivo que a súa poboación amosaba cara ás autoridades do novo réxime implantado tralo 18 de xullo de 1936, Redondo Abal procede a facer unha pormenorizada reconstrución histórica das condicións de vida, relacións e conflitos políticos e sociais que se desenvolveron no citado porto bergantiñán durante o primeiro terzo do século XX.

O proceso de autoorganización da clase mariñeira e a consolidación do sindicato anarquista “El Despertar Marítimo”; a loita contra as redes do cacicato local encarnado polo industrial Mariano Grela e polo deputado conservador José del Moral; o entusiasmo esperanzado de amplos sectores populares durante a xeira republicana; o papel destacado do deputado da ORGA Emilio González López na consecución do ansiado porto refuxio; o trebón represivo que se abate sobre Malpica a partir do verán de 1936 e a, non por soterrada, menos potente resistencia ao novo réxime, que coroan tres impresionantes fugas masivas por mar, son os eixos que vertebran as demoradas e rigorosas exposicións que compoñen os capítulos deste libro, verdadeiramente recomendábel.

Precisamente ás tres citadas fugas está dedicada toda a terceira parte do ensaio, intitulada “Cara á liberdade”, e unha boa parte dos materiais que figuran no Apéndice. Redondo Abal relata as evasións protagonizadas polas motoras Ciudad de Montevideo (27 ao 28 de xuño de 1937, con 11 tripulantes, que arriban ao porto bretón de Douarnenez), San Adrián (27 de xuño de 1938, con vinteseis evadidos, que chegan tras 52 horas de travesía a Audierne) e Rocío (31 de agosto de 1938, con vintenove evadidos e o porto de Brest como destino), mais tamén concede importancia ao proceso de represión subseguinte que as autoridades franquistas levaron a cabo na vila por mor desas fugas.

Da man do investigadoir pontevedrés, nomes como os de Bernardino Garrido Carrillo O Xudío, Eulogia Villar Pérez, Cándido Carrillo Cousillas, Dolores Pombo Villar, Cándido Rodríguez Villar, José Carril, Manuel Castro Bilacha e un longo etcétera saen por fin do inxusto silencio a que estiveron sometidos e pasan a facer parte, por dereito propio, dese monumento intanxíbel que cómpre continuar erixindo día tras día á memoria da resistencia antifascista no noso país.

mércores, 1 de xullo de 2015

AS TERRAS DO SALNÉS NA OLLADA DE MANUEL MURGUÍA

 
Manuel Martínez Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923), esposo de Rosalía de Castro, ocupa un lugar central cando da cultura galega do século XIX falamos. Intelectual polifacético (xornalista, literato, crítico, político, pedagogo, folclorista...), fecundo e, cómo non, amiúde polémico (dígano Sánchez Moguel, Valera, Pardo Bazán ou Vicetto), non só teorizou, fronte ao abafante centralismo daquela reinante, un galeguismo rexionalista de corte liberal (en contraste co máis conservador de Alfredo Brañas), senón que entregou moitos anos da súa vida ao paciente resgate, estudo e interpretación de valiosa documentación arquivística, que lle posibilitou deseñar os primeiros capítulos verdadeiramente científicos sobre a nosa Historia.

O difícil labor de historiar 
 
Murguía está considerado, efectivamente, o mellor dos historiadores galegos do século XIX. O seu quefacer resulta culminación de todo o labor precedente realizado pola escola historiográfica romántica galega, en que se inclúen autores como o santiagués Verea e Aguiar, o tudense Leopoldo Martínez Paadín e o ferrolán Benito Vicetto.
 
No prólogo ao 1º tomo da súa Historia de Galicia (1865), Murguía ponderaría o penoso punto de partida que estaba obrigado a afrontar quen, coma el, quixese reconstruír nesa época o pasado da nosa terra: 
 
"Sin un archivo general en donde todo cuanto tocase a Galicia fuese guardado con esmero, sin un museo arqueológico en el cual se recogiese la moneda y la lápida que apenas descubierta fuese objeto de sabias consideraciones, el historiador se vé obligado á escribir su libro después de costosísimos y continuados afanes y sin quedar nunca tranquilo, no de haberlo visto todo, sino de haber conocido lo necesario [...] Los archivos particulares cerrados con cien llaves, los de las comunidades religiosas aniquilados y perdidos para siempre, los de los municipios, escepto honrosas escepciones, en el más completo abandono, pero casi todos ellos pobrísimos en toda clase de instrumentos, los de las catedrales esquilmados por la mano ininteligente de la desamortización, hé aquí lo que halla en nuestro país el historiador que pretende penetrar en la obscuridad de los siglos medios".
 
O labor de Murguía oriéntase invariabelmente a procurar en documentos, lendas e outras fontes de información a maior cantidade posíbel de datos que lle permitisen unha reconstrución fidedigna do pasado histórico de Galiza e que, ao mesmo tempo, deixasen ben patente o seu carácter de entidade plenamente nacional. Neste senso, pódese afirmar que é un historiador rigoroso, serio e científico, pero en absoluto imparcial. El mesmo deixa moi clara a motivación patriótica do seu traballo, o seu "partidismo" pro-galaico, ben distinto ao dos "falsificadores" de glorias patrias hispánicas coetáneos: 
 
"Galicia es un país cuya historia nos muestra claramente que sus desgracias tienen profundas raíces y vienen de muy atrás. Todo aquel que la ame con el intenso amor de un hijo, no podrá asistir impasible á su largo y doloroso martirio. Gócense enhorabuena otros escritores en referir ciertas glorias ni probadas ni probables, y en levantar hasta las nubes el nombre de su país y el de sus pretendidos triunfos; nos parecen ridículas esas vanidades que jamás han logrado seducirnos. Pero no sentir sus dolores, no llorarlos, no indignarse ante la iniquidad y la injusticia, esto es lo que no podremos hacer en la vida. [...] En lo que toca á los hechos, creemos se tiene derecho á exigir del historiador una narración clara, completa, exacta; pero, cuando se trate de deducir de esos mismos hechos las naturales consecuencias, el historiador queda en completa libertad para apreciarlos y lo único que debe pedirse es que sean legítimas sus conclusiones". 
 
Partindo desa base, Murguía compuxo numerosos traballos ensaísticos sobre Historia, quer en forma de artigos, quer en forma de libros. De todos eles, imos salientar e glosar aquí concretamente dous, polas numerosas referencias ás terras e xentes do Salnés que encerran: o tomo primeiro da Historia de Galicia e mais o volume Galicia. 
 
Do Salnés máis antigo 
 
O primeiro tomo da Historia de Galicia de Murguía foi estampado na imprenta de Soto Freire en Lugo, no ano 1865, e contén, ademais dun prólogo e un discurso preliminar, os capítulos relativos á prehistoria e o pasado céltico e pre-romano da Galiza. Para levar adiante a recompilación de materiais para este volume, Murguía valeuse dunha rede de informadores locais, en que figuran Ramón Valle Bermúdez (pai de Valle Inclán), que lle forneceu datos precisamente sobre a comarca da Arousa; Ramón Segade, que fixo o propio sobre Compostela; Xosé Bieito Amado, en Pontevedra; Paz Nóvoa, en Ourense, etc.
 
As referencias ás terras do Salnés que achamos neste tomo encádranse, en primeiro lugar, nas argumentacións de Murguía para afirmar a importancia da presenza fenicia e grega na Galiza. O faro da Lanzada debíase, segundo o noso historiador, á fábrica dos fenicios, pobo comerciante que fundou Cádiz, inzou a costa peninsular de pequenas factorías e frecuentou as nosas costas á procura de estaño. Da mesma maneira, entendía Murguía que boa parte da poboación de vilas como Muros, Noia ou Arousa tiña as súas orixes étnicas nas colonias gregas da Antigüidade que asentaran no noso territorio: 
 
"A orillas de nuestros mares acamparon, pues, aquellos que habían oido en la tierra natal los hermosos versos de Homero, y quizás las hallaron comparables á las que acababan de abandonar, y los campos que las rodeaban más fértiles que los de la Arcadia, puesto que aun viven sus hijos en los lugares que amaron y escogieron por morada. Hemos visto las estatuas que el cincel ateniense había animado, y sorprendimos en su frente serena, en la magestuosa apostura, en la suave calma de todo su ser, la belleza y la gracia de una raza á quien conocíamos desde nuestra niñez. ¡Muros la risueña, Noya la gótica, ondas de la ría de Arosa que hemos celebrado en los días de nuestra juventud, vosotras veis todavía vagar por esas risueñas riberas á los descendientes de aquellos que os enseñaron el amor á las artes y la música de la palabra!". 
 
Noutro lugar, comentando as diversas tipoloxías raciais presentes na poboación galega, na que a celta era, ao seu ver, a predominante, sinalaba Murguía que "el tipo fenicio y cartaginés se vé en algunos pueblos de la ría de Arosa, el griego se halla más esparcido, y se encuentra en Noya y especialmente en Muros, notándose, sin embargo á su lado el más perfecto tipo celta". 
 
Na breve descrición dos accidentes xeográficos máis destacados do territorio galaico incluída neste tomo, sinala Murguía a existencia de illas como Cortegada, Arousa, Sálvora ou A Toxa, "entre la península del Grobe [sic] y Cambados, célebre por sus preciosos baños termales". 
 
Reproduce ademais, na páxina 421, unha gravura da torre de San Sadurniño, en Santo Tomé, asinada polo artista Bertránd. A curiosidade desta ilustración, como pode comprobar o lector, é que presenta no alto da ruína da torre, moi claramente, un pináculo de pedra hoxe inexistente. Contrastando con algunha foto vella do monumento no volume Cambados:dos tempos idos, hai unha do ano 1934 en que tampouco se ve xa o citado pináculo... Licenza do artista? Elemento arquitectural perdido? Quen sabe!...
 
Finalmente, mencionando neste primeiro tomo da súa Historia exemplos de toponimia galaica que podería vencellarse ás raíces célticas e logo de repasar nomes de ríos como Arnoia, Suarna, Sar, Tambre, etc., Murguía trae a colación o caso cambadés, con estas palabras: "Si de los ríos nos estendemos al agua en general, hallaremos entre otros Cambais, en irlandés corriente tortuosa, y en Galicia Cambados".
 
A carón deste tomo 1º da Historia de Galicia, outra das obras saídas da pluma de Murguía en que resultan constantes as referencias ás terras e xentes da nosa bisbarra é a monumental Galicia, un groso volume de perto de 1.200 páxinas, editado en 1888 pola casa Daniel Cortezo & Cía, de Barcelona, que facía parte dunha serie ampla intitulada "España: sus monumentos y artes, su naturaleza e historia". Murguía asina esta obra en Iria (Padrón) o 20 de agosto de 1885, apenas un mes despois de se producir o óbito da súa compañeira Rosalía. Por ese motivo é especialmente conmovente a dedicatoria que estampa ao comezo do volume, enderezada á propia escritora e aos seus fillos, "para unir con un mismo lazo y un mismo y piadoso recuerdo, cuanto amé, cuanto amo, cuanto amaré toda mi vida, esto es, esposa, hijos, patria".
 
A obra centra a súa atención fundamentalmente nas vilas capitais das antigas provincias do reino galego e naqueloutras, que sen selo, tiñan maior relevancia demográfica, monumental ou económica na época de redacción. Así, logo de dous capítulos introdutorios, Murguía dedica o 3º á Coruña; o 4º, a Santiago; o 5º, a Pontevedra, Padrón, Noia e a bisbarra da Arousa; o 6º a Baiona, Tui e Ribadavia; o 7º a Ourense, Ribas de Sil, Celanova e Monforte e o 8º e derradeiro a Lugo, Mondoñedo, Monfero, Betanzos e Ferrol. Compón así un magnífico, aínda que parcial, retábulo do noso país.
 
A presenza do Salnés no volume Galicia é, desde logo, relevante. Case unha decena de páxinas do capítulo 5º conságranse en exclusiva a falar da comarca, pero ademais, ao longo do resto da obra, aparecen moitas outras referencias puntuais. Nese capítulo 5º menciona Murguía algunhas edificacións importantes, tanto civís como relixiosas, de Carril, Vilagarcía e Vilaxoán. Alude a Fefiñáns, Cambados e Santo Tomé, "tres distintas poblaciones que se unen y dan la mano para formar una sola". Logo de referir algúns datos do licenciado Juan Sarmiento Valladares, enterrado na igrexa de Fefiñáns, e de aludir á casa dos Figueroa, propietarios do pazo, prosegue dicindo: "Cambados fué en su tiempo gran villa y puerto, tuvo convento de franciscanos muy bien situado, y arruinada y en lamentable abandono tiene al presente la notable iglesia de Santa Marina, completa y cariñosamente descrita por nuestro amigo Sr. [López] Ferreiro".
 
Despois de reproducir a descrición que da igrexa de Santa Mariña fixo o mentado López Ferreiro na súa obra Galicia en el último tercio del siglo XV, finalizaba Murguía a súa referencia cambadesa con estas palabras: 
 
"Pone término á tan dilatada playa, que involuntariamente trae á la memoria el recuerdo de la bahía de la Coruña, Santo Thomé con su palacio greco-romano de los marqueses de Montesacro, con la vieja torre que continuaba á lo largo de la costa la serie de vigías y faros á la vez, que desde muy remotos tiempos resguardaban estos mares, y con el dilatado playal en donde se recogen á millones los berberechos, alimento diario de la gente pobre, apetecido de la rica, que lo mismo que los hombres lacustres que por estes lugares y en la cercana Lambriaca moraron, gustan todavía del cordium eduli que de tan pródiga manera se produce en estos arenales". 
 
A tentar ubicar esa cidade antiga, sitiada e rendida polo xeneral romano Bruto, dedica Murguía algúns parágrafos. Fronte á idea do Padre Fita, que identificaba "Lámbrica" con Pontevedra, Murguía coida que esta cidade antiga tivo que estar situada na desembocadura do Umia ou en lugar pouco distante, tal vez nos arredores de Noalla e das súas saíñas, entre A Lanzada e Vilalonga. Agardaba o noso historiador que algún día fose posíbel resgatar de debaixo do limo e da area acumulados durante séculos as trazas desta cidade prehistórica. 
 
Vilagarcía lacustre 
 
Entre as referencias puntuais ao Salnés que contén o volume Galicia, cómpre salientar especialmente as relativas ao poboado lacustre prehistórico que, en opinión de Murguía, debeu de existir nunha parte do territorio en que asenta a actual Vilagarcía: 
 
"Un descubrimiento fortuito, y por desgracia perdido para la ciencia y para Galicia, viene á decirnos que hasta en los lugares en que faltan los recuerdos romanos y es nula la tradición, hay motivo, a veces, para pensar que existió allí y durante largo tiempo el hombre primitivo [...] Al salir de Villagarcía, marchando con dirección á Cambados y á escasa distancia del convento de agustinas de aquella villa, se halló no hace muchos años, en un terreno de aluvión, un gran depósito de conchas, entre las cuales se veían mezclados huesos de animales, constituyendo el todo un verdadero kjoekkenmoedding ó restos de cocina. Cubiertos con una capa de tierra y guijarros, apenas los peones empezaron á atacar la brecha y llenar las carretas, cuando apareció el depósito, en el cual dominaban las conchas de ostra, y le seguían en importancia las del berberecho y mixillón. Á cada momento aparecían huesos que por sus dimensiones pudieron desde luego creerles pertenecientes á los grandes paquidermos extintos, y también se hallaban restos de cerámica. Por último, la presencia de un cráneo humano vino á completar la importancia, verdaderamente excepcional para nosotros, del depósito á que nos referimos".
 
Unha porción desas osamentas animais, segue informando Murguía, estaban perforadas e fendidas como para lles extraer a cana e outras presentaban raias lonxitudinais e sinais evidentes de teren sido raspadas con toscos útiles de pedra. Non se acharon no depósito citado instrumentos de sílex, mais si noutros xacementos próximos. Este depósito formaba, segundo explicaba o noso historiador, "una faja no muy estensa, pero de espesor desigual por presentarse en declive. En su parte superior tenía el corte 6 metros y 1 metro en su base". 
 
O descubridor deste depósito, segundo informa Murguía, foi D. Ramón Valle Bermúdez, o pai do coñecido escritor Ramón Mª del Valle-Inclán. O noso historiador acrecenta que nas páxinas do xornal La Voz de Arosa, Ramón Valle deu a voz de alerta sobre o perigo de destrución deste depósito, finalmente consumada. Tamén explica que o depósito "descubrióse por casualidad y con motivo de la construcción del nuevo muelle de Villagarcía, pues buscando tierra para el relleno se acometió el desmonte del terreno que encerraba estos restos de nuestras primitivas antigüedades. La rapidez que en sus trabajos pone la codicia propia de la moderna industria, las ocupaciones que cercaban á nuestro amigo, y el vivir lejos de aquellos lugares, no le dieron tiempo para más que salvar, como más curioso, el cráneo á que hacemos referencia". 
 
O que aconteceu logo con ese cranio é unha historia ben pavera, digna do creador do "esperpento" e que coloca ao autor de Divinas palabras como un caso de "patrimonicida" durante a súa infancia... Conta Murguía, con efecto, que "amante del país, el Sr. Valle, que siempre nos profesó un gran cariño, trató de conservarle para nosotros: mas habiéndolo guardado en un cajón, fué víctima de los juegos infantiles de los hijos de nuestro amigo. Cosa fácil, cuando, según nos aseguró, era de débil consistencia por su mucha antigüedad y mucha humedad del terreno en que se encontró". Non lle gardou Murguía rancor ao mozo Valle pola destrución dese cranio presuntamente prehistórico achado en Vilagarcía, pois tempo despois prologaría o primeiro libro poético do xenial escritor vilanovés: Femeninas (1895).
 
No volume Galicia (1888), menciona Murguía diferentes achados arqueolóxicos de moedas e armas verificados na bisbarra arousá. Concretamente fala dun depósito de máis de 60 moedas encontradas en Cambados, do que unha parte estaba en mans de particulares, outra fundírase e unha terceira parte se conservaba naquel entón (non sabemos se aínda hoxe), na "Sociedad Económica de Amigos del País" de Santiago. A análise destas moedas daba un 16% de chumbo na aleación, dato que, ao seu ver, "indica ya una época más civilizada, tal vez un bronce romano".
 
A toponimia da comarca tamén volve estar no punto de mira do noso historiador. Se no tomo primeiro da súa Historia de Galicia aludira Murguía á semellanza do nome da vila do Albariño co irlandés Cambais, 'corrente tortuosa de auga', agora no volume Galicia refírese novamente a Cambados, especificando nunha paréntese aclaratoria que tal nome significa literalmente casa de auga ou morada na auga. Para facer esta afirmación toma como base o dito por un filólogo francés apelidado Pictet nun seu Essai sur quelques inscriptions en langage gauloise. Noutro lugar desta mesma obra, vencella a raíz do topónimo Cambados ao céltico can, que significaría "lago", "estanque". Non dubida tampouco en vencellar o topónimo Castrelo, parroquia cambadesa na marxe do Umia, aos poboados célticos.
 
Por outra banda, ao se referir á existencia de torres-faro circulares, menciona, valéndose como fonte do pseudo-Servando, unha na nosa comarca, "la de la Harouza" [sic], aclarando "que así pronuncian en el país, por más que conozcamos esta isla á la manera castellana con el nombre de Arosa". Tamén fai mención na súa obra Murguía das ruínas da Torre da Lanzada, que "merecen bien el aprecio en que se las tiene". Tomando os datos ofrecidos polo ilustrado Padre Sarmiento en 1754, informa de que moi perto desa torre "se descubrieron con una avenida nueve sepulcros juntos y paralelos, con división de un tabique con fuerte argamasa y finísimo ladrillo. Dentro había nueve esqueletos de estatura regular, pero mirando todos al poniente y tendidos los brazos paralelos al cuerpo. No se encontró, añade, letrero alguno [..] Caso de que estos restos humanos no pertenezcan a los tiempos medios - reflexiona Murguía - fácil sería, y aun justo, pensar que por el sitio en que se hallan -un extenso playal que cubre diariamente las arenas del mar- esqueletos y sepulturas son propios de un pueblo de los primeros dólmenes".
 
Valéndose da autoridade do cóengo e historiador compostelán López Ferreiro, autor de novelas como A tecedeira de Bonaval, Murguía especula coa hipótese de que o castro lupario mencionado unha e outra vez na Historia Compostelana como retiro da raíña dona Urraca sexa "el que existió en Lobeira, cerca de Villagarcía".
 
Hai tamén referencias de Murguía na obra que citamos aos ritos relixiosos ou máxicos pre-romanos, entre os que destaca o culto ás chamadas pedras de abalar, mencionando expresamente, xunto ás máis famosas de Muxía, Carnota (Pindo), Meixide (Viana do Bolo) ou Castro Maior (Terra Chá), a de Santa María de Paradela, na bisbarra arousá.
 
Aparece igualmente mencionada polo noso historiador a probábel existencia dun cromlech en Catoira, non moi lonxe das ruínas do castellum honesti, pois alí "se levantan unos cuantos cruceros, cuya edad y disposición á voces dicen que ocupan el lugar de un cromlech famoso. Los rasgos arqueológicos de las citadas cruces, no permiten llevar su construcción más allá del siglo XVI; pero sean del tiempo que quiera, lo esencial para el caso es que se hallan dispuestas en círculo, rasgo sobrado significativo para que pase desapercibido. En medio de aquellas soledades, son todavía la viva representación del antiguo monumento al cual reemplazaron. Nada falta para ello, ni siquiera el crucero central que le da como quien dice el último toque. Circunstancia tan extraordinaria, pues no conocemos cosa igual ni en el resto de Galicia, ni en parte alguna, concede gran importancia al cromlech derribado, y pone de manifiesto su indubitable destino religioso. Ni se engañara quien vea en el un nemeton, un verdadero santuario, ni menos quien crea que por los tiempos en que fueron colocadas las cruces, las piedras en círculo eran sagradas para nuestros campesinos, sagrado también el recinto que cerraban. Al reemplazar con la cruz los viejos monolitos, se cambió su representación sensible, mas no el símbolo". 
 
A lenda do Meco grobense estaría relacionada en derradeira instancia, segundo opina Murguía, co culto a unha divinidade celto-galaica, "Eiduorio", asimilada posteriormente a Hermes, deus do comercio e protector dos camiñantes da mitoloxía romana. De feito, o nome que reciben as antigas vías célticas que atravesan o Franco Condado é o de Meuchi ou Mechi, e é raro que non exista arredor desas vías algunha historia que aluda á morte tráxica a mans da colectividade dun vendedor ambulante. A lenda do Meco constituía, para o noso historiador, un testemuño literario popular dun antigo culto fálico, presente tamén na Galia romana. O feito de que as mulleres grobenses tivesen pendurado o cadavre do Meco dunha figueira era un detalle que, para Murguía, "da definitivamente á la tradición el imborrable carácter fálico de que toda ella está impregnada, pues la higuera fué venerada en la antigüedad como árbol antropogónico, generador y nutricio por excelencia". 
 
Finalmente, tamén menciona o noso historiador como de orixe céltica e como tradición aínda viva na Irlanda do seu tempo o rito fertilizador do baño das nove ondas, na praia da Lanzada.
 
Para este Murguía que traballou arreo na reconstrución do pasado histórico galego e que non deixou de achegar, como puxemos de manifesto, referencias, noticias e materiais sobre as etapas pretéritas da nosa bisbarra, escribiría o poeta cambadés Ramón Cabanillas, en sinal de homenaxe e recoñecemento, o seguinte soneto, co que fechamos o noso traballo: 
 
No teu escudo, seu blasón, seu sello,
tral-o rudo loitar, pon a Vitoria.
¡Xa te agarima baixo as áas a Groria,
mestre e patriano, nobre e santo vello!

Ó teu xigante esforzo e san consello
debe a Terra gallega súa historia,
i-ondequeira que d'Ela haxa memoria
teus estúdeos serán fonte i-espello.

Miña y-alma, pasmada do tesouro
d-unha vida cuaxada en libros d'ouro
que forxa a cencia i-o talento adoba

chega hastra tí, saúdate e, incrinada,
bica as mans que na Suevia esnaquizada
puxo os cimentos da Galicia nova!

mércores, 17 de xuño de 2015

OS DERRADEIROS DÍAS DE ANTÓN VILLAR PONTE (e II)


Iniciativas de homenaxe post-mortem

A nova da morte de Antón Villar Ponte, ademais de conmocionar profundamente a opinión pública e ocupar significativos espazos na práctica totalidade dos xornais do país, espertou inmediatamente unha serie de iniciativas de homenaxe. Delas cómpre dar conta sequera brevemente, mesmo tendo presente que algunhas delas ficaron irrealizadas ou interrompidas por mor dos acontecementos bélicos e políticos desatados no tráxico xullo de 1936.

As homenaxes das Mocidades Galeguistas

A Federación de Mocidades Galeguistas foi unha das entidades máis activas e madrugadoras á hora de levar a cabo iniciativas de homenaxe post-mortem a Villar Ponte. O grupo de Celanova, por exemplo, liderado polo mozo Celso Emilio Ferreiro, imprentou unhas cartolinas de esquela. No seu anverso dicían: "Irmán Antón Vilar Ponte. Fundador das Irmandades da Fala. Escritor e Diputado nacionalista galego. Finou na Cruña o 4 de Marzal do MCMXXXVI", entanto no reverso líase: "Lembrámoste pol-a Patria. Confía en nós irmán, tua obra non morrerá endexamais. Cando o camiño era negro tua verba foi fírgoa acesa de fé i-espranza. Confía en nós irmán. No teu sartego todal-as primadeiras sentirás ledo recendo de froles nacionalistas".

Outro grupo da F.M.G., o santiagués, acordaba en reunión celebrada o 5 de marzo de 1936 baixo a presidencia de Enrique González García Paz, por iniciativa do seu secretario de propaganda Xaime Vidal Rei, organizar unha velada necrolóxica en memoria de Antón Villar Ponte e editar "uns cantos artigos seus de caráiter nacionalista". A idea inicial era reeditar o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, mais finalmente non foi así, quer por problemas financeiros para custear a edición, quer polas urxencias impostas pola dinámica política do momento (campaña do plebiscito estatutista). Así saíu do prelo da Editora Nós a Escolma d-artigos nazonalistas, volume de apenas 22 páxinas que, precedido por unhas palabras do alcalde de Cork (heroe e mártir nacionalista irlandés) e por unha introdución intitulada "In Memoriam", recollía un total de sete traballos villarpontinos.

Esa escolma amosa un carácter marcadamente doutrinario, pois seis dos sete traballos inciden sobre cuestións de relevancia ideolóxica para o nacionalismo: reivindicación do idioma como epítome da nacionalidade e como bandeira de loita política; defensa da conveniencia do achegamento do galego ao portugués; reivindicación de referentes históricos e simbólicos propios perante o discurso centralista e unitario hexemónico; defensa do carácter progresista e aconfesional do movemento galeguista; etc. Chama a atención, igualmente, o feito de que os textos escolmados procedan sen excepción da colección do boletín A Nosa Terra (el sería facilitada ao efecto polo impresor Ánxel Casal?) e, ademais, correspondan todos eles ao período anterior á escisión do nacionalismo consagrada na Asemblea de Monforte (1922). Parece haber unha clara intención dos responsábeis da Escolma, nese sentido, de recuperar textos representativos do ideario primixenio ou fundacional do movemento e de colocar a figura do noso autor, en tanto que ideólogo, nun lugar preeminente na historia do mesmo.

Proxecto dun monumento na Coruña

O escritor ourensán Álvaro das Casas, poucos días despois de producirse o óbito do xornalista viveirense, propuxo nun artigo intitulado "Primeros toques de llamada" e publicado en El Pueblo Gallego (18.3.1936) tres iniciativas de homenaxe urxente a Villar Ponte: a inmediata e efectiva constitución da Asociación de Escritores Galegos "por la cual Villar Ponte luchaba día tras día, incansable"; a inclusión nos repertorios de grupos teatrais afeccionados como "Keltya" (dirixido na Coruña polo actor Serafín Ferro) ou aqueles impulsados polas Mocidades Galeguistas, de fragmentos ou pezas da dramaturxia do escritor de Viveiro; e, en terceiro lugar, a erección dun monumento na súa honra nos xardíns coruñeses, previa subscrición popular encabezada polos dous diarios que acolleran as súas colaboracións nos derradeiros tempos, La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego.

Após o chamamento de Álvaro, os citados xornais abren unha subscrición popular para lle erixir un monumento a Antón Villar Ponte na cidade da Coruña, concretamente nos xardíns de Méndez Núñez. O poeta e xornalista Julio Sigüenza, en representación do amentado diario vigués, e máis o daquela redactor-xefe de La Voz de Galicia, Fernando Martínez Morás, presiden a comisión organizadora da homenaxe. Na xuntanza que esta celebra en Compostela o día 30 de marzo acórdase que ambos xornais asuman actuar, desde primeiros de abril de 1936, como oficinas recadadoras das provincias de Lugo e A Coruña, o herculino, e Ourense e Pontevedra, o olívico, respectivamente. Desde entón e día tras día, van publicando os dous cabezallos un recadro no que consignan as novas achegas pecuniarias, entanto outros xornais, como El País de Pontevedra, van informando puntualmente dos acréscimos recibidos polos seus dous colegas.

Aínda que a subscrición aberta para erguer ese monumento alcanzou á partida, segundo valorizaba A Nosa Terra, "un éisito grande, pol-as moitas aportacións que se están a recibir", a medida que foron pasando os días o ritmo e contía de contribucións foron minguando de xeito evidente. Paulatina e infelizmente, foise abesullando así que o recadado ía ser insuficiente para afrontar os gastos que conlevaría a realización do proxecto nas condicións en que inicialmente fora planificado. Evidentemente, esta non era senón unha consecuencia máis do retraemento provocado polas graves cuestións que flotaban no ambiente social, económico e político da coxuntura, así como o resultado da política de priorización absoluta concedida (tamén do punto de vista financeiro, loxicamente) á batalla pro-estatutaria por parte do P.G. e, en menor medida, das outras forzas da Fronte Popular. O pagamento das débedas xeradas pola propaganda nos comicios de febreiro contribuía tamén a que os partidos non se volcasen coa amentada colecta. Por outra banda, o estado de provisoriedade en que funcionaban a maioría das Corporacións locais contribuía, así mesmo, a estiñar fontes que noutras circunstancias máis favorábeis terían dado numerario con destino ao monumento á memoria do autor viveirense.

Sexa como for, o certo é que por estas circunstancias apuntadas foron frecuentes tanto en La Voz de Galicia como en El Pueblo Gallego os recordatorios e chamamentos á responsabilización dirixidos a aqueles sectores que máis afinidade tiñan coa figura, o pensamento e a obra do finado, así como a aquelas institucións públicas (Concellos, Deputacións, Universidade...) e privadas (Coros, Centros Galegos, Academia Galega, "Seminario de Estudos Galegos", "Reunión de Artesáns", etc.) das que se agardaba algunha contribución. O 9 de maio de 1936, por exemplo, La Voz de Galicia indicaba: "Sabemos que en varios pueblos están abiertas listas de suscripción y que está en el espíritu de muchas Corporaciones, sociedades y entidades de distinto orden contribuir con sus aportaciones a que la idea de erigir en los Jardines de Méndez Núñez de La Coruña el sencillo monumento que perpetúe la memoria del inolvidable escritor, se lleve a la práctica en la forma rápida deseada (...) Conviene, pues, que las listas de suscripción se ultimen cuanto antes. Las diputaciones provinciales, los ayuntamientos, las entidades de cualquier orden que han anunciado el deseo de aportar contribuciones más o menos importantes (no se necesitan grandes sumas), deben hacerlo en plazo breve, ya que la modesta obra que se proyecta y la notoria personalidad de Villar Ponte (tan bien recordada por todos) son motivo bastante para que esta suscripción pueda darse por definitivamente cerrada en un término perentorio".

O 21 de xuño, o mesmo diario advertía: "La suscripción abierta con destino a costear el sencillo monumento a la memoria del ilustre escritor gallego y notable periodista Antonio Villar Ponte, no ha alcanzado aún la cifra que se estima necesaria para llevar a cabo el proyecto. Apenas si en Vigo han reunido mil cuatrocientas pesetas y en nuestra Administración se han recibido poco más de 2.500. No han remitido aún cuota alguna ni las Diputaciones provinciales, ni la mayoría de los Ayuntamientos de las ciudades gallegas. Tampoco muchas de aquellas Corporaciones, entidades y sociedades que con la cultura y los intereses regionales tienen una relación más directa (...)".

A Comisión organizadora da recadación tiña acordado nun principio que esta se pechase o 25 de xuño de 1936. A día 19 dese mes ían recadadas 1.387'50 ptas. na redacción de El Pueblo Gallego, entanto a día 27 de xuño a redacción de La Voz de Galicia atesouraba polo mesmo concepto 2.588'25 ptas. Como a suma de ambas cantidades seguía a ser insuficiente a efectos de financiamento do proxecto, a Comisión decidiu prorrogar o período de recepción de óbolos e así chegaríase ao mesmísimo día en que se desataba o trebón da guerra civil co xornal La Voz de Galicia anunciando (18.7.1936) que "(...) en los primeros días del mes de septiembre próximo será inaugurado en los jardines de Méndez Núñez el sencillo y artístico monumento a la memoria del ilustra periodista y gran enaltecedor de la región gallega, Antonio Villar Ponte (...) El ilustre artista [Asorei] ha puesto de su parte cuanto pueda exigírsele. Los gastos materiales de la obra, por otra parte, no pueden excusarse. No se ha cerrado aún la suscripción abierta en nuestras columnas, en espera de que las Corporaciones y entidades que todavía no contribuyeron, lo hagan, y lo mismo aquellas personas que hasta ahora no han remitido sus cuotas, aun habiéndolo anunciado algunas de ellas. Para todas las aludidas entidades, locales o de otras partes de Galicia, y personas, es este memorándum, ya que la suscripción tendrá que ser clausurada en fecha próxima y resultaría lastimoso que al margen de ella quedasen quienes no tienen motivo alguno para dejar de asociarse a un homenaje, modesto sí, pero obligado a un buen gallego, a un escritor ilustre, ejemplo de patriotas, que vivió honorablemente y murió pobre".

Os que contribuíron

Unha ollada sobre o listado de contribuíntes da colecta pro-monumento a Villar Ponte na Coruña da que falamos permite tirar, con todas as precaucións que sexan do caso, algunhas conclusións.

A primeira: que se trata, do punto de vista xeográfico e sociolóxico, dunha recadádiva moi heteroxénea e plural, con contributos tanto individuais como colectivos, institucionais como privados, masculinos como femininos, algúns moi cuantiosos e outros moi humildes (desde as 500 pesetas que achega Manuel Portela Valladares, as 250 do daquela subsecretario do Ministerio de Trabajo, o pontevedrés Bibiano Fernández Osorio Tafall ou as 100 do reitor da Universidade compostelá, ata os 0'25 céntimos de peseta que entregaron moitos parroquianos da Ponte de Mera-Ortigueira), en parte perfectamente identificados, en parte tamén anónimos (moitos aparecen asinados con fórmulas como "Un irmán", "Un galleguista", "Uno de izquierda", "Tres nuevos secretarios de juzgado", "Un cubano amante de su obra", "Un simpatizante", "Un galeguista de Souto (Sada)", "Un donante", "Patrón y cuatro tripulantes", etc.), e que proceden, ademais, de moitas vilas diferentes do país, e aínda dalgunha do exterior.

Con todo, a segunda conclusión é que o pendor ideolóxico dos contribuíntes revélasenos moito menos variado, máis compacto en clave republicana, esquerdista e galeguista. Salvo en casos puntuais de contributos entregados na propia urbe herculina por parte de persoas que tiveran trato amical co noso autor (o músico Fernández Amor, o actor Fernando Osorio, a cantante Honoria Goicoa, o compositor e arquitecto Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, os xornalistas Rey Alvite, Carballo Tenorio e Alejandro Villamayor, o militar Félix Estrada Catoira, o político Joaquín Martín Martínez, a pianista Pilar Castillo, o académico Ángel del Castillo, o doutor Hervada...), ou de institucións e entidades ás que pertencera ou coas que colaborara, está practicamente ausente da colecta emprendida o que poderíamos chamar "dereita sociolóxica": nin partidos políticos desa significación (CEDA, radicais, agrarios monárquicos, calvosotelistas…), nin asociacións profesionais e empresariais, nin círculos de recreo, nin elementos eclesiásticos, nin altos mandos militares… Resulta chamativa a presenza no listado de individuos (todos eles coruñeses) que no pasado, remoto ou recente, mantiveran choques dialécticos e diverxencias máis ou menos fortes en materia política, cultural ou idiomática co noso xornalista. Tal é o caso de César Alvajar, destacado detractor do Estatuto; Alejandro Barreiro, director de La Voz de Galicia; Eladio Rodríguez, ex-presidente da Academia Galega nesa altura; Manuel Casás Fernández, destacado detractor das Irmandades; Félix Estrada Catoira, presidente da “Reunión de Artensáns"; etc.

Parece evidente, nese sentido, que o esforzo recadatorio básico movimentouno o galeguismo, e iso a xulgar tanto pola presenza de varios grupos locais do PG en calidade de contribuíntes de seu (Vilarmaior, Franza, Ferrol, Sada...), como pola militancia explícita nesa organización dunha alta porcentaxe das persoas que achegaron diñeiro desde moitas outras vilas (Viveiro, A Coruña, Santiago, Ourense, A Estrada, A Guarda...), como polos considerábeis contributos dos seus dirixentes (Otero Pedraio, 50 ptas.; Ánxel Casal, 50 ptas.; Castelao, 15 ptas., etc.) como, finalmente, polo significado e mérito de esforzos como o realizado polo agrupamento de Ponte Mera (Ortigueira), que conseguiu ducias e ducias de pequenísimas axudas ao proxecto... Menos destacado, aínda que imprescindíbel, é o papel que xoga na subscrición o republicanismo burgués de obediencia estatal (Izquierda Republicana, Unión Republicana,...): tanto na persoa dos seus deputados e ex-deputados polas circunscricións galegas (Alfredo Somoza, Martínez Risco, Cornide Quiroga, García Becerra...), como desde as alcaldías que ostentaban elementos máis ou menos afíns a el (a propia Coruña, Culleredo, Ortigueira, Noia, Ribeira, A Cañiza...), como desde o seu tecido social (Agrupación Republicana Femenina, Casino Republicano...).

O obreirismo, tanto socialista como anarquista, parece estar ausente da iniciativa, agás que tivesen esa significación as achegas realizadas por un grupo de funcionarios do Centro de Telégrafos da Coruña e/ou unha parte deses moitos óbolos de menor contía dos que apenas si sabemos máis que o nome e apelido do contribuínte. No entanto, a colecta benefíciase da largueza crematística de persoeiros como Portela Valladares (500 ptas.), Bibiano Fernández Osorio Tafall (250 ptas.), Fábrega Coello (50 ptas.), varios membros da familia ortegana dos Maciñeira (45 ptas.), etc., e máis de institucións como a Universidade (100 ptas.), a Asociación de Prensa da Coruña (100 ptas.), a Academia Galega (25 ptas.) ou a Sociedade Filharmónica herculina (25 ptas.). Tamén non faltaron exemplos de negocios que quixeron arrimar algo de diñeiro á iniciativa. Así o Hotel Mato, de Noia, e o Café Derby, de Santiago.

Bótanse en falta no listado, porén, entidades das que podía agardarse con certo fundamento unha sensibilidade maior cara á persoa do falecido e cara á idea de homenaxealo. Entre as que nos atrevemos a explicitar figurarían o Seminario de Estudos Galegos (ben é certo que estaba embarcado daquela na onerosa edición do Corpus Petrogliphorum...), a totalidade de Sociedades e Centros Galegos da diáspora, as catro Deputacións Provinciais e unha inmensa maioría das Corporacións Municipais do país. Hai que destacar, por último, a positiva resposta dada á colecta polos moradores da propia vila natal do autor, o noso Viveiro. Alén dalgúns contributos individualizados que aparecen na lista (o do ex-alcalde Santiago Seijo, o do industrial José Ladra, o de Xosé Plá Zubiri, o de Ángel Seco, etc.), a cidade do Landrove, por man do seu alcalde o galeguista Balbino Cerdeiras, ingresou ao fundo común pro-monumento ao autor de Nacionalismo gallego a nada desprezábel cantidade de 191'50 ptas.

Un encargo para o escultor Asorei

O escultor Francisco Asorei foi quen recibiu o encargo de deseñar o monumento a Villar Ponte.

Xornais como La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego publicarían a finais de abril de 1936 a fotografía do bosquexo da obra proxectada polo de Cambados, estando prevista a súa inauguración para a primeira quincena do mes de setembro dese mesmo ano. A peza artística concibida por Asorei mediría seis metros de alto e presentaría forma de dolmen, con tres corpos ou partes ben diferenciadas: a de abaixo, servindo de base, imitaría unha rocha; a do medio, con forma rectangular e cruzada por unha franxa diagonal a imitación da presente na bandeira galega, levaría na cara anterior o nome de Antón Villar Ponte insculpido e un retrato seu de perfil feito en bronce; a parte superior, finalmente, iría adornada a ambos lados da cara anterior con motivos vexetais de loureiro tamén insculpidos...

Paralelamente ao desenvolvemento da colecta popular e ao labor do artista cambadés, a maquinaria burocrática oficial coruñesa deu algúns pasos na tramitación do proxecto. Con data de 31 de marzo de 1936, o presidente da Asociación da Prensa coruñesa Fernando Martínez Morás e o seu secretario Antonio Carballo Tenorio rexistraban no Concello herculino, efectivamente, un escrito dirixido ao Alcalde pregando que se sinalase o emprazamento máis axeitado para o monumento en cuestión.

Ao día seguinte, o Alcalde daba orde de pasar o tema a estudo na denominada Comisión de Paseos y Jardines. Esta, formada entre outros por Julio Pardela Caamaño, Francisco Portela de Fano, Joaquín González e Ramón Lago Portela, emitía o 29 de abril de 1936 o seu informe nos seguintes termos: "La Comisión de Paseos se honra e proponer a V.E. que para emplazar el monumento que ostentará un busto del ilustre escritor Señor Villar Ponte sea elegida una pradera que existe frente al nuevo palacete que sustituye a la vieja casilla de jardineros, si así fuere el parecer técnico. Es un lugar de gran perspectiva en el que el monumento destacará, teniendo por fondo el verdor de la pradera y los matices de las flores de los macizos circundantes, y por frente la carretera del puerto con la lejanía del mar, el mar que atravesó un día, en su mocedad, el señor Villar Ponte para ir a la Habana en la que su talento y su pluma alcanzarón [sic] prestigio y lauros. La inauguración de ese monumento puede y debe coincidir con el descubrimiento de la placa que dará el nombre de Villar Ponte a una calle de la Ciudad Jardín. Este doble homenaje debe constituir una solemnidad gallega en la que la [sic, minúscula] Coruña que la organiza, ha de plasmar el fervor de la tierra al excelso escritor que la exaltó en sus producciones, tan bellas en pensamiento como brillantes en estilo" (Véxase o documento "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte").

Con data de 4 de maio, o alcalde enviou a documentación á sección facultativa de Obras Municipais para o oportuno informe dos técnicos (conservador e asesor artístico) mais aí ficou interrompido o trámite. A guerra civil sepultou a iniciativa, e ao funcionario de turno non lle ficou máis remedio que consignar con data de 5 de abril de 1937 no Expediente intitulado "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte", que o asesor artístico do Concello devolveu a documentación "sin informar"...

Unha homenaxe do grupo alpinista ferrolán Abrente

Os membros do grupo alpinista Abrente, fundado por Alfonso Piñón e presidido pola señorita Paquita Blanco, organizaron o 3 de maio de 1936 unha excursión por diversos lugares da Terra de Trasancos, partindo do peirao das Curuxeiras no vapor "El Globo" con destino ao monte Laurel, preto do cabo Prioriño e do castelo de San Filipe, na ría de Ferrol.

Alí, o artista departamental Luís Picos insculpiu nun penedo que facía as veces de miradoiro, en sinal de homenaxe que se quería explicitamente "desprovisto de todo matiz político", o nome de Antón Villar Ponte, acompañado do epíteto "Galego escrarecido", e unha breve frase debida á propia pluma do viveirés: O mar é o único espello do infinito, e forma có ceo o paréntesis grandioso onde a cativez do home se aprecia craramente". Tratábase dunha tradución para o galego dun fragmento do artigo de Villar Ponte intitulado "Mi máscara y yo", publicado en La Voz de Galicia o 8 de febreiro de 1914 e reproducido posteriormente no diario vigués Galicia o 18 de maio de 1924…

Ademais, os numerosos asistentes realizaron, baixo a presidencia de Manuel Insua Santos (natural de Xove, militar retirado, colaborador do Heraldo de Vivero e presidente na altura da sociedade herculina Amigos del Campo), unha ofrenda floral diante dun retrato de Villar Ponte pintado para a ocasión expresamente por Vicente Díaz González. No transcurso deste acto, os responsábeis do grupo Abrente explicaron así o significado da súa orixinal ofrenda á memoria do xornalista viveirense: "Iste home escrarecido, que nacéu en Viveiro, xunto ao río Landro, e morréu na Cruña, foi un namorado do mar e da libertade. E por iso ficará o seu nome n-ista outura, diante do mar infindo".

"Abrente" tíñase dirixido previamente aos membros da directiva da recentemente creada Asociación de Escritores Galegos, presidida polo escritor muxián Gonzalo López Abente, para que lle fixesen chegar unhas cuartillas escritas ex professo para este acto, que estaba previsto inicialmente tivese lugar o 5 de abril, foi logo posposto para o 19 dese mesmo mes e acabou celebrándose finalmente, como dixemos, o 3 de maio. Os traballos recibidos cedeullos logo "Abrente" ao voceiro galeguista A Nosa Terra, que procedeu á súa publicación. Apareceron así nas súas páxinas, concretamente no número 415 (22.5.1936), os textos intitulados "Gratitude", de Ramón Villar Ponte, no que expresa dor pola perda do irmán, agradecemento polas homenaxes que se lle tributan e consolo polas condolencias que está a recibir; e "Lembranza de Antón Vilar Ponte", de Otero Pedraio, no que o escritor de Trasalba alude á dimensión xa inmortal da figura do xornalista viveirés fundador das Irmandades.

No seguinte exemplar de A Nosa Terra, con data do 29.5.1936, viron lume "No homaxe a Antón Vilar Ponte", de Arturo Noguerol; o poema "A Antón Villar Ponte" de Cipriano Alonso e Francisco Yáñez; "Recordo ao Mestre", texto en prosa deste último; e, finalmente, "Vilar Ponte", do alcalde socialista ferrolán Xaime Quintanilla Martínez, quen logo de lembrar a profunda amizade que o uniu ao finado e de destacar o seu amor panteísta por Galiza, declárao poeta por riba de todo: "Poeta cando facía periodismo, pois no seu labor periodístico puña decote unha migalla de sentimento lírico. Poeta cando facía dramas, pois como dramaturgo a súa lira era unha estrela tremelucente d-emoción. Poeta cando facía política, pois n-él a política era unha arela de redención da terra. Poeta decote, mais sobre todo poeta no amor á Galicia".
Aínda aparecerían no semanario A Nosa Terra, após a publicación deste traballo de Quintanilla que citamos, outros textos de homenaxe e lembranza a Villar Ponte, como os intitulados "Antón Villar Ponte, bandeira e símbolo", de Xesús Noya Iglesias; "Lembranzas. No homenaxe a Villar Ponte", asinadas en Castela por un tal Manuel; ou, por último, o poema "Un xenio e un símbolo", de C. Porta Meizoso.
Na cimeira do monte Laurel, no acto a que nos referimos, dous mozos chamados Jesús Noya Iglesias e José Hermida López, ambos socios de Abrente, foron dando lectura aos textos que logo publicaría A Nosa Terra, a outros de Felipe Bello Piñeiro, Alfonso Rocha e José Pérez Pallaré e, finalmente, a algúns telegramas de adhesión. Tamén pronunciaron discursos Ricardo Torres Quiroga e, improvisadamente, Matías Usero Torrente, por ausencia dos oradores previstos, Álvaro de las Casas e Ricardo Carballo Calero. Puxo fin ao acto o canto do himno galego.
Unha sesión nas Cortes
Tamén se lle rendeu ao noso xornalista morto unha pequena homenaxe no hemiciclo das Cortes españolas, coincidindo coa sesión de apertura da nova lexislatura, o 15 de abril de 1936. Castelao foi o encargado de comunicar oficialmente ao Presidente da Cámara, Jiménez Asúa, con data de 18 de marzo de 1936, a nova do falecemento do deputado electo pola circunscrición coruñesa Antón Villar Ponte, lembrándolle ademais a súa condición de parlamentario na primeira lexislatura constituínte republicana. Segundo informa El País, de Pontevedra, "todos los sectores del Parlamento elogiaron la personalidad del ilustre periodista que tanto laboró por Galicia y por la República. El presidente de la Cámara señor Jiménez Asúa hizo notar que Villar Ponte había muerto pobre y esto era un motivo más de admiración hacia el líder galleguista".
A Nosa Terra reproducirá integralmente nas súas páxinas (nº 411, 24.4.1936) algúns dos discursos pronunciados nesa ocasión polos voceiros das diferentes minorías parlamentares. Pascual Leone, polo grupo parlamentario de esquerdas, destacará a rectitude de carácter do falecido. Tomás i Piera, en nome da Esquerra Republicana de Catalunya, lamentará a perda "de un hermano nuestro en virtudes democráticas y de un hermano nuestro en esencias nacionalistas". Edmundo Lorenzo, pola minoría socialista, lembrará a actitude de franca irmandade que mantivera Villar Ponte para con el e para con outros deputados do PSOE nas Cortes Constituíntes, "por encima de las fronteras políticas que parecían separarnos". Ramón Fernández Mato, pola minoría centrista, evocará a colaboración de Antón no xornal vigués que el propio tiña dirixido en 1924, El Pueblo Gallego, cualificando ao autor de Almas mortas como "un apóstol" e sinalando, ademais, que "ha vivido en perenne vocación de amor a su tierra" e que "como las antorchas se consumió alumbrando". O dereitista galego Rodríguez de Viguri, en nome da minoría agraria, alén de ofrecer axuda pecuniaria para os orfos de Villar Ponte, expresou a súa admiración polo aceso amor a Galiza do finado, calidade que quixo colocar "por encima de las luchas políticas en que nos separan discrepancias de ideología". En liña semellante pronunciouse o representante do Bloque Nacional calvosotelista, sr. Comín. Pola súa vez, o sr. Pinyol, da minoría rexionalista catalá, sumouse ás manifestacións de condolencia, o mesmo que Irujo, pola minoría vasca, e Romero Cachinero, pola comunista, quen engadiu ademais que "recorriendo Galicia he podido observar como los campesinos, cómo el pueblo laborioso en general apreciaba a este hombre que había sabido mantener firmemente los principios de liberación de ese pueblo que vive hoy bastante esclavizado". Expresaron tamén a súa dor, en nome da minoría popular progresista o deputado Figueroa Rojas, e en nome do propio Goberno do Estado o entón ministro de Agricultura e deputado de Izquierda Republicana, Mariano Ruíz Funes.
Falaron tamén nesa mesma sesión das Cortes españolas dous deputados máis, ambos de orixe galega. Antón Alonso Ríos (1887-1980), pola Federación Agraria de Pontevedra, definindo a Villar Ponte como "un espíritu avanzado entre la Galicia ultrajada y proscrita y la Galicia que ha de reconocerse, amarse y comprenderse" e Afonso Daniel R. Castelao, pola propia minoría galeguista á que tería pertencido Villar Ponte caso de ter tomado pose efectiva do escano alcanzado nas urnas. Castelao glosa na súa intervención parlamentar numerosos parágrafos do seu artigo "¡Deica logo!", publicado en A Nosa Terra, para engadir: "Antonio Villar Ponte era un gran periodista, un gran republicano, un gran gallego, un gran hombre. La República ha perdido en Galicia a uno de sus propagandistas más eficaces, y en la Prensa gallega desaparece con su muerte el artículo, siempre magistral, que mejor interpretaba las ansias de justicia y de libertad que siente nuestro pueblo".
Un proxecto de homenaxe en Arxentina
Para o día 22 de xullo de 1936, a Organización Nazonalista Repubricana Galega de Buenos Aires, afecta ao Partido Galeguista, tiña previsto render homenaxe a Villar Ponte desenvolvendo o seguinte programa de actos: Discurso de apertura polo secretario da ONRG, Rodolfo Prada; Lectura das intervencións na homenaxe rendida a Villar Ponte na Cámara de Deputados española; Lectura de adhesión á homenaxe do Goberno presidido por Manuel Azaña; Lectura de adhesións que se recibisen desde Galicia, Cuba, Uruguai, etc.; Palabras de adhesión do embaixador de España en Buenos Aires, sr. Díez Canedo; Conferencia de Lino Pérez sobre a personalidade e a obra de Antón Villar Ponte; Representación teatral de dúas escenas escritas por Villar Ponte; Execución de varias composicións musicais galegas.
O estourido da guerra civil, no entanto, desbarataría tamén esta iniciativa, orientando os esforzos da colectividade galega pro-republicana en Arxentina, loxicamente, cara a outras prioridades.
Outras iniciativas para honrar a súa memoria
O pasamento de Antón Villar Ponte suscitou, ademais das xa citadas nas anteriores entregas deste artigo, outras iniciativas e homenaxes de carácter máis puntual e simbólico que non quixéramos deixar de referir.
Na totalidade dos locais do PG e das forzas de esquerda burguesa e obreira ondearon o día do seu enterramento as bandeiras a media haste. Corporacións municipais como as da Coruña e Carnota expresaron o seu unánime pésame. A Academia Galega, o PG, o boletín A Nosa Terra e a propia familia do finado recibiron centos de telegramas e cartas de condolencia. Entre elas a da potente Federación de Sociedades Galegas" bonaerense, editora do xornal Galicia e mais a dun grupo de soldados galegos destinados en Ceuta, entre os que figuraba o daquela mozo galeguista Avelino Pouso Antelo, presidente que foi logo da Fundación Castelao e chorado defensor sempre da nosa lingua.
Numerosas entidades comezaron neses días as súas xuntanzas, actos e reunións gardando un ou máis minutos de silencio en memoria de Villar Ponte ou pronunciando, no seu caso, breves alocucións de memento. Así, os grupos locais do PG de Sada, Melide e Bergondo; a Mocidade Galeguista de Monforte; etc. Ao rematar unha conferencia do mozo galeguista Cesáreo Muñiz, os asistentes gardaron tres minutos de silencio. O Seminario de Estudos Galegos puxo a bandeira galega a media haste no edificio de Fonseca, acudiu representado polo seu presidente ao soterramento do escritor viveirés e fixo pública unha nota salientando a súa íntima dor pola morte deste "miembro activo del Centro, que tanto cariño había puesto siempre en él y a quien el Seminario debe las mejores iniciativas y las más cálidas palabras de aliento". Tamén barallou o Seminario, entidade cofundada no seu día polo viveirés Lois Tobío, outras iniciativas de homenaxe póstuma a Villar Ponte, finalmente non concretizadas, "entre ellas la de hacer una edición amplísima de Almas Mortas, para distribuirla gratuitamente a las bibliotecas y centros culturales de Galicia".
Por outra banda, na reunión que o Consello Nacional do Partido Galeguista celebrou en Santiago o 11 de marzo, o seu presidente, o arquitecto Gómez Román, segundo información do xornal pontevedrés El País, "inició la reunión con un emocionado recuerdo del ilustre escritor y destacado miembro del Partido Galleguista Antón Villar Ponte, fallecido recientemente. El Consejo en pie escucha con la mayor unción sus palabras y guarda después prolongado silencio. Se acuerda agradecer profundamente las constantes y sinceras manifestaciones de pésame que el Partido está recibiendo de significadas personalidades de Galicia, Cataluña, Vasconia y Madrid por la muerte del fundador de las Irmandades da Fala (...). A propuesta del consejero de Lugo, ciudad en la que tuvo lugar la primera Asamblea nacional gallega, se acuerda asimismo invitar a todos los afiliados al Partido llevar durante un mes, a partir del 15 del corriente, corbata negra en señal de duelo por la pérdida de tan significado Maestro y luchador de la causa de Galicia. Se adoptan también diferentes acuerdos encaminados a procurar la mayor difusión de la abundante y valiosa obra patriótica del llorado escritor y en relación con sus hijos".
Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) é quen propón nesa xuntanza que os afiliados leven durante quince días, a partir do 15 de marzo, gravata negra en sinal de loito por Villar Ponte. Esta medida, finalmente adoptada, foi causa de mofa e descualificación para algúns militantes galeguistas en determinados ambientes, segundo relata o boletín nacionalista A Nosa Terra: "Hai quen por vérnol-a corbata negra fai mofa de nós. Chegan a ponto de chamarnos loucos".
Por outra banda, o poeta Aquilino Iglesia Alvariño, instalado en Vilagarcía de Arousa como profesor do Colexio León XIII, que dirixía o tamén galeguista Xosé Núñez Búa, publica na imprenta Buceta da citada localidade, baixo o rótulo de "Impresos Sentimentais, nº 1" e co patrocinio expreso do Grupo Galeguista da vila arousá, un tríptico de "nenias" elexíacas dedicado a Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e Antón Villar Ponte, respectivamente. O soneto de Aquilino a Villar Ponte será reproducido en varios xornais por esas datas e di así:

Ribeira de outos bidos enramada
en arela de ríos e de pontes,
floríu auga de sono en ermas fontes
para os ledos muíños da alborada.

Aceña de saudades! Outra escada
levantaras de alaudas sobre os montes
para salvar a dôr dos horizontes
i-enchelos de vieiros de rosada.

Agora xa es herbiña e flor de liño
De verdade ribeira de espadanas.
Nós, illa enredomada que ela encerra.

Tecéi, tecéi agora paseniño
a súa tea de sonos, tecelanas,
que é o branco veo de noiva da súa Terra.

Outro membro do Consello Nacional do PG, o editorialista de El Pueblo Gallego Xerardo Álvarez Gallego, proporía así mesmo, na liña de procurar a máxima difusión da obra do viveirense, a publicación por parte do PG de dous libros: "un en que se recolla o máis granado da súa vasta obra patriótica e cultural en toda a variedade de aspectos que abrangue, folletos, artigos, conferencias, etc.; outro, especialmente adicado aos seus traballos en col das autonomías do que se faga unha tirada grande pra espallar profusamente n-istes intres en que o trunfo do Frente Popular pon de novo en marcha o Estatuto de Galicia".

Ningún deses dous volumes proxectados na xuntanza do máximo órgano entre congresos dos galeguistas chegaría a ver lume, se ben non custa traballo ver que dalgunha maneira o primeiro deles acadou concreción grazas á escolma que xa na posguerra editou na Arxentina Fernández del Riego baixo o título de Pensamento e Sementeira. Leiciós de patriotismo galego.

Homenaxes en Viveiro

A conmoción que produciu a morte de Antón Villar Ponte non deixou de ter lóxica presenza na súa vila natal. O propio Concello de Viveiro adoptou na primeira ocasión que tivo, nada máis coñecerse a infausta nova, o acordo unánime de expresión de pésame. Como relatou Santos Alfonso a este respecto desde as páxinas do Heraldo (20.12.1991), "en La Coruña fallece Villar Ponte, ilustre periodista, escritor, miembro de la Academia Gallega, colaborador de diversos periódicos y Diputado a Cortes electo por el Partido Galleguista. La Corporación, ante la pérdida de tan ilustre vivariense acuerda hacer constar en acta el sentimiento de la Corporación por tal fallecimiento y que una comisión lo testimonie personalmente a su hermano Ramón”. Non estará de máis lembrar que o PG tiña tres concelleiros na Corporación viveiresa nese instante: o propio alcalde, Balbino Cerdeiras Rey, e os edís Modesto Vilar Ínsua e César Parapar Sueiras.

Algo despois, sempre seguindo o relato de Santos Alfonso, o edil Modesto Vilar Ínsua daba as grazas á Corporación en nome do PG pola boa disposición amosada á hora de render homenaxe a Villar Ponte e propuña a seguir "que se designe una comisión presidida por el alcalde [Balbino Cerdeiras, do PG] para que organice los actos que deben celebrarse en memoria del mismo y que se le de el nombre de Antonio Villar Ponte a uno de los Grupos Escolares que van a construirse en este municipio. La Corporación acoge con entusiasmo la propuesta del señor Vilar". O Grupo Escolar que había de ser bautizado co nome do noso xornalista era o de Landrove, parroquia onde nacera o pai dos Villar Ponte, Ponciano, mais o estoupido da guerra civil impediu que así fose. Na actualidade, reparando dalgún xeito esta frustrada iniciativa da etapa republicana, leva o nome “Vilar Ponte" un dos centros de secundaria existentes na nosa vila.

Cando no propio Viveiro natal do noso autor teña lugar unha magna manifestación das forzas progresistas para conmemorar un novo aniversario da proclamación da 2ª República, o 14 de abril, os asistentes, segundo indica a crónica do xornal El Progreso (17.4.1936), deteranse "delante de la casa de don Ramón Villar Ponte, donde se hizo el minuto de silencio en homenaje al fallecido, Antonio Villar Ponte, entonando luego los afiliados al Partido Galleguista, el Himno Regional. La manifestación siguió al Ayuntamiento, desde donde dirigieron la palabra al pueblo Javier Soto Valenzuela y Agapito García Atadell. Después los componentes del Grupo Galleguista llevaron la bandera enlutada a casa de los señores Villar Ponte, en donde quedó depositada en señal de homenaje siendo recibida por Ramón Villar Ponte".

Loxicamente, houbo bastantes viveirenses que, a título individual, enviaron o seu pequeno contributo pecuniario para a idea do monumento a Villar Ponte deseñado por Asorei, ao que xa aludimos. Entre eles cabe citar ao pintor e fotógrafo Fermín González Prieto (Lander), a Ángel Seco e ao ex-alcalde Santiago Seijo. Ademais, segundo lemos en La Voz de Galicia do 5 de xullo de 1936, o entón alcalde de Viveiro Balbino Cerdeiras enviou, “como resultado de una colecta efectuada en dicha ciudad, donde nació Villar Ponte, 191'50 pesetas”.

Preocupación polos fillos orfos

A outras persoas, porén, preocupáronlle nesa hora de elexías e propostas de homenaxe outros problemas máis concretos e até delicados que se derivaban da definitiva ausencia de Antón Villar Ponte. García Nodar, por exemplo, nun artigo publicado no xornal estradense El Emigrado (31 de marzo), consideraría de moita maior importancia unha idea colocada o día 12 de marzo por Fernández Asís nas páxinas do rotativo de Portela Valladares, dirixida ao amparo dos dous fillos orfos do xornalista falecido e que denunciaba, ao mesmo tempo, a actitude un tanto hipócrita daquelas entidades que coidaban cumprido todo o deber para coa figura de Villar Ponte co simples envío dunha coroa fúnebre ou dun telegrama de pésame. Escribía García Nodar, concretamente: "Villar Ponte ha muerto pobre. No ha dejado fortuna, pensión ni rentas de ninguna clase. Murió así por haberse olvidado un poco de los suyos en beneficio de Galicia. Deja un hijo en trance de iniciar carrera y una hija enferma, a la que es urgente llevar a un sanatorio. Galicia no pude escamotear ese dolor entre las palabras pomposas de las notas necrológicas. Galicia debe acudir inmediatamente en auxilio de los hijos de Villar Ponte, porque por ella, por el servicio de Galicia, quedan ellos desamparados. ¿Nadie responderá a esa llamada? ¿Las entidades oficiales, las corporaciones públicas, se atrincherarán egoistamente en el silencio, creyéndose suficientemente cumplidas con la corona fúnebre o el telegrama de pésame?".

O xornal pontevedrés El País, de filiación republicana e esquerdista, sinalaría a este respecto, no editorial intitulado "Deuda de gratitud": "En la Prensa regional se han escrito artículos recordando lo que Galicia debe a Antonio Villar Ponte, el ilustre compañero fallecido, y proponiendo la celebración de un homenaje que esté a la altura de la obra que el gran periodista, con una perseverancia y una tenacidad insuperables, ha realizado en aras del amor a su país en veinticinco años de brega ininterrumpida. En el Pueblo Gallego, Olimpia Valencia (...) ha escrito una carta en que (...) se insiste justamente sobre este tema. A su lado nos tiene y huelga decir en qué medida secundaremos cuanto se haga, por justicia y por gratitud de Galicia, en memoria de Villar Ponte. Y aun añadiremos algo más, por si ello sirve para encauzar cualquier iniciativa. El insigne periodista ha muerto pobre, como todos los periodistas de vocación que infunden a su pluma un aliento apostólico, y ha dejado dos hijos pequeños en la más desolada de las orfandades, uno de ellos -una niña en la flor de la pubertad- enfermo de cuidado".

Reaxindo diante deste estado de cousas, o alcalde galeguista de Bueu, Johán Carballeira, proporíalle á Corporación por el presidida abrir con 100 ptas. unha subscrición popular en favor dos dous fillos orfos de Villar Ponte e dedicar ao xornalista unha rúa da localidade, iniciativas que serían aceptadas unanimemente polos munícipes, mais que a Guerra Civil, máis unha vez, levou por diante.

Segundo informa El Pueblo Gallego, en maio de 1936 varios deputados da Fronte Popular presentarían igualmente no Congreso unha proposición de lei "solicitando que se conceda una pensión de 250 pesetas mensuales a cada uno de los hijos que dejó huérfanos el diputado por La Coruña, Sr. Villar Ponte, que no llegó a posesionarse del cargo". A iniciativa, que saibamos, non chegou a votarse nin aprobarse antes do fatídico 18 de xullo…

Nos prolegómenos da traxedia

Na Asemblea do 17 de maio do 36 celebrada en Compostela a instancias do Comité Executivo da Autonomía para determinar a data do plebiscito estatutario, Ramón Suárez Picallo, despois de expor o posicionamento do PG a respecto da citada cuestión, solicitou que a Asemblea "puesta en pie, guarde un minuto de silencio en homenaje a la memoria de Villar Ponte, padre espiritual del Estatuto que se va a plebiscitar. La Asamblea, en pie, dedica al luchador caído el homenaje de su silencio y de su recuerdo".

O propio día do plebiscito autonómico, o 28 de xuño, El Pueblo Gallego publicaría nun recadro as fotografías de Lois Porteiro, Losada Diéguez, Xoán Vicente Viqueira e Antón Villar Ponte baixo o rótulo significativo de "Os catro apóstoles mortos". E cando se difundan uns resultados claramente favorábeis ao SI, García Barros e Álvarez Gallego terán no semanario A Nosa Terra sentidas lembranzas para un Antón Villar Ponte que non podía estar presente no gozo e celebración desa esperanzadora xornada...

Mais o certo é que a dinámica de tensión política e enfrontamento violento que se foi apoderando da sociedade española e galega nos meses seguintes á morte de Villar Ponte, así como o fragor da campaña pró-Estatuto que desembocou nese histórico plebiscito do 28 de xuño de 1936, foron colocando nun lugar cada vez máis secundario e relativizado, como era lóxico en certa maneira, o interese pola lembranza e a rendición de homenaxes á figura do intelectual viveirense. Desatada a confrontación bélica, o seu nome esluíuse como referencia dun tempo convertido en preludio dunha traxedia maiúscula. Despois, o bando vencedor da guerra botou sobre o xornalista de Viveiro, sobre a súa obra e sobre as súas ideas nacionalistas, progresistas, republicanas e democráticas un mesto manto de silencio, ocultación e esquecemento que, por acaso, aínda pesa demasiado sobre unha auténtica proxección da figura de Antón Villar Ponte á altura de todos os seus méritos e merecementos.