eu

eu
eu

mércores, 17 de xuño de 2015

OS DERRADEIROS DÍAS DE ANTÓN VILLAR PONTE (e II)


Iniciativas de homenaxe post-mortem

A nova da morte de Antón Villar Ponte, ademais de conmocionar profundamente a opinión pública e ocupar significativos espazos na práctica totalidade dos xornais do país, espertou inmediatamente unha serie de iniciativas de homenaxe. Delas cómpre dar conta sequera brevemente, mesmo tendo presente que algunhas delas ficaron irrealizadas ou interrompidas por mor dos acontecementos bélicos e políticos desatados no tráxico xullo de 1936.

As homenaxes das Mocidades Galeguistas

A Federación de Mocidades Galeguistas foi unha das entidades máis activas e madrugadoras á hora de levar a cabo iniciativas de homenaxe post-mortem a Villar Ponte. O grupo de Celanova, por exemplo, liderado polo mozo Celso Emilio Ferreiro, imprentou unhas cartolinas de esquela. No seu anverso dicían: "Irmán Antón Vilar Ponte. Fundador das Irmandades da Fala. Escritor e Diputado nacionalista galego. Finou na Cruña o 4 de Marzal do MCMXXXVI", entanto no reverso líase: "Lembrámoste pol-a Patria. Confía en nós irmán, tua obra non morrerá endexamais. Cando o camiño era negro tua verba foi fírgoa acesa de fé i-espranza. Confía en nós irmán. No teu sartego todal-as primadeiras sentirás ledo recendo de froles nacionalistas".

Outro grupo da F.M.G., o santiagués, acordaba en reunión celebrada o 5 de marzo de 1936 baixo a presidencia de Enrique González García Paz, por iniciativa do seu secretario de propaganda Xaime Vidal Rei, organizar unha velada necrolóxica en memoria de Antón Villar Ponte e editar "uns cantos artigos seus de caráiter nacionalista". A idea inicial era reeditar o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, mais finalmente non foi así, quer por problemas financeiros para custear a edición, quer polas urxencias impostas pola dinámica política do momento (campaña do plebiscito estatutista). Así saíu do prelo da Editora Nós a Escolma d-artigos nazonalistas, volume de apenas 22 páxinas que, precedido por unhas palabras do alcalde de Cork (heroe e mártir nacionalista irlandés) e por unha introdución intitulada "In Memoriam", recollía un total de sete traballos villarpontinos.

Esa escolma amosa un carácter marcadamente doutrinario, pois seis dos sete traballos inciden sobre cuestións de relevancia ideolóxica para o nacionalismo: reivindicación do idioma como epítome da nacionalidade e como bandeira de loita política; defensa da conveniencia do achegamento do galego ao portugués; reivindicación de referentes históricos e simbólicos propios perante o discurso centralista e unitario hexemónico; defensa do carácter progresista e aconfesional do movemento galeguista; etc. Chama a atención, igualmente, o feito de que os textos escolmados procedan sen excepción da colección do boletín A Nosa Terra (el sería facilitada ao efecto polo impresor Ánxel Casal?) e, ademais, correspondan todos eles ao período anterior á escisión do nacionalismo consagrada na Asemblea de Monforte (1922). Parece haber unha clara intención dos responsábeis da Escolma, nese sentido, de recuperar textos representativos do ideario primixenio ou fundacional do movemento e de colocar a figura do noso autor, en tanto que ideólogo, nun lugar preeminente na historia do mesmo.

Proxecto dun monumento na Coruña

O escritor ourensán Álvaro das Casas, poucos días despois de producirse o óbito do xornalista viveirense, propuxo nun artigo intitulado "Primeros toques de llamada" e publicado en El Pueblo Gallego (18.3.1936) tres iniciativas de homenaxe urxente a Villar Ponte: a inmediata e efectiva constitución da Asociación de Escritores Galegos "por la cual Villar Ponte luchaba día tras día, incansable"; a inclusión nos repertorios de grupos teatrais afeccionados como "Keltya" (dirixido na Coruña polo actor Serafín Ferro) ou aqueles impulsados polas Mocidades Galeguistas, de fragmentos ou pezas da dramaturxia do escritor de Viveiro; e, en terceiro lugar, a erección dun monumento na súa honra nos xardíns coruñeses, previa subscrición popular encabezada polos dous diarios que acolleran as súas colaboracións nos derradeiros tempos, La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego.

Após o chamamento de Álvaro, os citados xornais abren unha subscrición popular para lle erixir un monumento a Antón Villar Ponte na cidade da Coruña, concretamente nos xardíns de Méndez Núñez. O poeta e xornalista Julio Sigüenza, en representación do amentado diario vigués, e máis o daquela redactor-xefe de La Voz de Galicia, Fernando Martínez Morás, presiden a comisión organizadora da homenaxe. Na xuntanza que esta celebra en Compostela o día 30 de marzo acórdase que ambos xornais asuman actuar, desde primeiros de abril de 1936, como oficinas recadadoras das provincias de Lugo e A Coruña, o herculino, e Ourense e Pontevedra, o olívico, respectivamente. Desde entón e día tras día, van publicando os dous cabezallos un recadro no que consignan as novas achegas pecuniarias, entanto outros xornais, como El País de Pontevedra, van informando puntualmente dos acréscimos recibidos polos seus dous colegas.

Aínda que a subscrición aberta para erguer ese monumento alcanzou á partida, segundo valorizaba A Nosa Terra, "un éisito grande, pol-as moitas aportacións que se están a recibir", a medida que foron pasando os días o ritmo e contía de contribucións foron minguando de xeito evidente. Paulatina e infelizmente, foise abesullando así que o recadado ía ser insuficiente para afrontar os gastos que conlevaría a realización do proxecto nas condicións en que inicialmente fora planificado. Evidentemente, esta non era senón unha consecuencia máis do retraemento provocado polas graves cuestións que flotaban no ambiente social, económico e político da coxuntura, así como o resultado da política de priorización absoluta concedida (tamén do punto de vista financeiro, loxicamente) á batalla pro-estatutaria por parte do P.G. e, en menor medida, das outras forzas da Fronte Popular. O pagamento das débedas xeradas pola propaganda nos comicios de febreiro contribuía tamén a que os partidos non se volcasen coa amentada colecta. Por outra banda, o estado de provisoriedade en que funcionaban a maioría das Corporacións locais contribuía, así mesmo, a estiñar fontes que noutras circunstancias máis favorábeis terían dado numerario con destino ao monumento á memoria do autor viveirense.

Sexa como for, o certo é que por estas circunstancias apuntadas foron frecuentes tanto en La Voz de Galicia como en El Pueblo Gallego os recordatorios e chamamentos á responsabilización dirixidos a aqueles sectores que máis afinidade tiñan coa figura, o pensamento e a obra do finado, así como a aquelas institucións públicas (Concellos, Deputacións, Universidade...) e privadas (Coros, Centros Galegos, Academia Galega, "Seminario de Estudos Galegos", "Reunión de Artesáns", etc.) das que se agardaba algunha contribución. O 9 de maio de 1936, por exemplo, La Voz de Galicia indicaba: "Sabemos que en varios pueblos están abiertas listas de suscripción y que está en el espíritu de muchas Corporaciones, sociedades y entidades de distinto orden contribuir con sus aportaciones a que la idea de erigir en los Jardines de Méndez Núñez de La Coruña el sencillo monumento que perpetúe la memoria del inolvidable escritor, se lleve a la práctica en la forma rápida deseada (...) Conviene, pues, que las listas de suscripción se ultimen cuanto antes. Las diputaciones provinciales, los ayuntamientos, las entidades de cualquier orden que han anunciado el deseo de aportar contribuciones más o menos importantes (no se necesitan grandes sumas), deben hacerlo en plazo breve, ya que la modesta obra que se proyecta y la notoria personalidad de Villar Ponte (tan bien recordada por todos) son motivo bastante para que esta suscripción pueda darse por definitivamente cerrada en un término perentorio".

O 21 de xuño, o mesmo diario advertía: "La suscripción abierta con destino a costear el sencillo monumento a la memoria del ilustre escritor gallego y notable periodista Antonio Villar Ponte, no ha alcanzado aún la cifra que se estima necesaria para llevar a cabo el proyecto. Apenas si en Vigo han reunido mil cuatrocientas pesetas y en nuestra Administración se han recibido poco más de 2.500. No han remitido aún cuota alguna ni las Diputaciones provinciales, ni la mayoría de los Ayuntamientos de las ciudades gallegas. Tampoco muchas de aquellas Corporaciones, entidades y sociedades que con la cultura y los intereses regionales tienen una relación más directa (...)".

A Comisión organizadora da recadación tiña acordado nun principio que esta se pechase o 25 de xuño de 1936. A día 19 dese mes ían recadadas 1.387'50 ptas. na redacción de El Pueblo Gallego, entanto a día 27 de xuño a redacción de La Voz de Galicia atesouraba polo mesmo concepto 2.588'25 ptas. Como a suma de ambas cantidades seguía a ser insuficiente a efectos de financiamento do proxecto, a Comisión decidiu prorrogar o período de recepción de óbolos e así chegaríase ao mesmísimo día en que se desataba o trebón da guerra civil co xornal La Voz de Galicia anunciando (18.7.1936) que "(...) en los primeros días del mes de septiembre próximo será inaugurado en los jardines de Méndez Núñez el sencillo y artístico monumento a la memoria del ilustra periodista y gran enaltecedor de la región gallega, Antonio Villar Ponte (...) El ilustre artista [Asorei] ha puesto de su parte cuanto pueda exigírsele. Los gastos materiales de la obra, por otra parte, no pueden excusarse. No se ha cerrado aún la suscripción abierta en nuestras columnas, en espera de que las Corporaciones y entidades que todavía no contribuyeron, lo hagan, y lo mismo aquellas personas que hasta ahora no han remitido sus cuotas, aun habiéndolo anunciado algunas de ellas. Para todas las aludidas entidades, locales o de otras partes de Galicia, y personas, es este memorándum, ya que la suscripción tendrá que ser clausurada en fecha próxima y resultaría lastimoso que al margen de ella quedasen quienes no tienen motivo alguno para dejar de asociarse a un homenaje, modesto sí, pero obligado a un buen gallego, a un escritor ilustre, ejemplo de patriotas, que vivió honorablemente y murió pobre".

Os que contribuíron

Unha ollada sobre o listado de contribuíntes da colecta pro-monumento a Villar Ponte na Coruña da que falamos permite tirar, con todas as precaucións que sexan do caso, algunhas conclusións.

A primeira: que se trata, do punto de vista xeográfico e sociolóxico, dunha recadádiva moi heteroxénea e plural, con contributos tanto individuais como colectivos, institucionais como privados, masculinos como femininos, algúns moi cuantiosos e outros moi humildes (desde as 500 pesetas que achega Manuel Portela Valladares, as 250 do daquela subsecretario do Ministerio de Trabajo, o pontevedrés Bibiano Fernández Osorio Tafall ou as 100 do reitor da Universidade compostelá, ata os 0'25 céntimos de peseta que entregaron moitos parroquianos da Ponte de Mera-Ortigueira), en parte perfectamente identificados, en parte tamén anónimos (moitos aparecen asinados con fórmulas como "Un irmán", "Un galleguista", "Uno de izquierda", "Tres nuevos secretarios de juzgado", "Un cubano amante de su obra", "Un simpatizante", "Un galeguista de Souto (Sada)", "Un donante", "Patrón y cuatro tripulantes", etc.), e que proceden, ademais, de moitas vilas diferentes do país, e aínda dalgunha do exterior.

Con todo, a segunda conclusión é que o pendor ideolóxico dos contribuíntes revélasenos moito menos variado, máis compacto en clave republicana, esquerdista e galeguista. Salvo en casos puntuais de contributos entregados na propia urbe herculina por parte de persoas que tiveran trato amical co noso autor (o músico Fernández Amor, o actor Fernando Osorio, a cantante Honoria Goicoa, o compositor e arquitecto Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, os xornalistas Rey Alvite, Carballo Tenorio e Alejandro Villamayor, o militar Félix Estrada Catoira, o político Joaquín Martín Martínez, a pianista Pilar Castillo, o académico Ángel del Castillo, o doutor Hervada...), ou de institucións e entidades ás que pertencera ou coas que colaborara, está practicamente ausente da colecta emprendida o que poderíamos chamar "dereita sociolóxica": nin partidos políticos desa significación (CEDA, radicais, agrarios monárquicos, calvosotelistas…), nin asociacións profesionais e empresariais, nin círculos de recreo, nin elementos eclesiásticos, nin altos mandos militares… Resulta chamativa a presenza no listado de individuos (todos eles coruñeses) que no pasado, remoto ou recente, mantiveran choques dialécticos e diverxencias máis ou menos fortes en materia política, cultural ou idiomática co noso xornalista. Tal é o caso de César Alvajar, destacado detractor do Estatuto; Alejandro Barreiro, director de La Voz de Galicia; Eladio Rodríguez, ex-presidente da Academia Galega nesa altura; Manuel Casás Fernández, destacado detractor das Irmandades; Félix Estrada Catoira, presidente da “Reunión de Artensáns"; etc.

Parece evidente, nese sentido, que o esforzo recadatorio básico movimentouno o galeguismo, e iso a xulgar tanto pola presenza de varios grupos locais do PG en calidade de contribuíntes de seu (Vilarmaior, Franza, Ferrol, Sada...), como pola militancia explícita nesa organización dunha alta porcentaxe das persoas que achegaron diñeiro desde moitas outras vilas (Viveiro, A Coruña, Santiago, Ourense, A Estrada, A Guarda...), como polos considerábeis contributos dos seus dirixentes (Otero Pedraio, 50 ptas.; Ánxel Casal, 50 ptas.; Castelao, 15 ptas., etc.) como, finalmente, polo significado e mérito de esforzos como o realizado polo agrupamento de Ponte Mera (Ortigueira), que conseguiu ducias e ducias de pequenísimas axudas ao proxecto... Menos destacado, aínda que imprescindíbel, é o papel que xoga na subscrición o republicanismo burgués de obediencia estatal (Izquierda Republicana, Unión Republicana,...): tanto na persoa dos seus deputados e ex-deputados polas circunscricións galegas (Alfredo Somoza, Martínez Risco, Cornide Quiroga, García Becerra...), como desde as alcaldías que ostentaban elementos máis ou menos afíns a el (a propia Coruña, Culleredo, Ortigueira, Noia, Ribeira, A Cañiza...), como desde o seu tecido social (Agrupación Republicana Femenina, Casino Republicano...).

O obreirismo, tanto socialista como anarquista, parece estar ausente da iniciativa, agás que tivesen esa significación as achegas realizadas por un grupo de funcionarios do Centro de Telégrafos da Coruña e/ou unha parte deses moitos óbolos de menor contía dos que apenas si sabemos máis que o nome e apelido do contribuínte. No entanto, a colecta benefíciase da largueza crematística de persoeiros como Portela Valladares (500 ptas.), Bibiano Fernández Osorio Tafall (250 ptas.), Fábrega Coello (50 ptas.), varios membros da familia ortegana dos Maciñeira (45 ptas.), etc., e máis de institucións como a Universidade (100 ptas.), a Asociación de Prensa da Coruña (100 ptas.), a Academia Galega (25 ptas.) ou a Sociedade Filharmónica herculina (25 ptas.). Tamén non faltaron exemplos de negocios que quixeron arrimar algo de diñeiro á iniciativa. Así o Hotel Mato, de Noia, e o Café Derby, de Santiago.

Bótanse en falta no listado, porén, entidades das que podía agardarse con certo fundamento unha sensibilidade maior cara á persoa do falecido e cara á idea de homenaxealo. Entre as que nos atrevemos a explicitar figurarían o Seminario de Estudos Galegos (ben é certo que estaba embarcado daquela na onerosa edición do Corpus Petrogliphorum...), a totalidade de Sociedades e Centros Galegos da diáspora, as catro Deputacións Provinciais e unha inmensa maioría das Corporacións Municipais do país. Hai que destacar, por último, a positiva resposta dada á colecta polos moradores da propia vila natal do autor, o noso Viveiro. Alén dalgúns contributos individualizados que aparecen na lista (o do ex-alcalde Santiago Seijo, o do industrial José Ladra, o de Xosé Plá Zubiri, o de Ángel Seco, etc.), a cidade do Landrove, por man do seu alcalde o galeguista Balbino Cerdeiras, ingresou ao fundo común pro-monumento ao autor de Nacionalismo gallego a nada desprezábel cantidade de 191'50 ptas.

Un encargo para o escultor Asorei

O escultor Francisco Asorei foi quen recibiu o encargo de deseñar o monumento a Villar Ponte.

Xornais como La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego publicarían a finais de abril de 1936 a fotografía do bosquexo da obra proxectada polo de Cambados, estando prevista a súa inauguración para a primeira quincena do mes de setembro dese mesmo ano. A peza artística concibida por Asorei mediría seis metros de alto e presentaría forma de dolmen, con tres corpos ou partes ben diferenciadas: a de abaixo, servindo de base, imitaría unha rocha; a do medio, con forma rectangular e cruzada por unha franxa diagonal a imitación da presente na bandeira galega, levaría na cara anterior o nome de Antón Villar Ponte insculpido e un retrato seu de perfil feito en bronce; a parte superior, finalmente, iría adornada a ambos lados da cara anterior con motivos vexetais de loureiro tamén insculpidos...

Paralelamente ao desenvolvemento da colecta popular e ao labor do artista cambadés, a maquinaria burocrática oficial coruñesa deu algúns pasos na tramitación do proxecto. Con data de 31 de marzo de 1936, o presidente da Asociación da Prensa coruñesa Fernando Martínez Morás e o seu secretario Antonio Carballo Tenorio rexistraban no Concello herculino, efectivamente, un escrito dirixido ao Alcalde pregando que se sinalase o emprazamento máis axeitado para o monumento en cuestión.

Ao día seguinte, o Alcalde daba orde de pasar o tema a estudo na denominada Comisión de Paseos y Jardines. Esta, formada entre outros por Julio Pardela Caamaño, Francisco Portela de Fano, Joaquín González e Ramón Lago Portela, emitía o 29 de abril de 1936 o seu informe nos seguintes termos: "La Comisión de Paseos se honra e proponer a V.E. que para emplazar el monumento que ostentará un busto del ilustre escritor Señor Villar Ponte sea elegida una pradera que existe frente al nuevo palacete que sustituye a la vieja casilla de jardineros, si así fuere el parecer técnico. Es un lugar de gran perspectiva en el que el monumento destacará, teniendo por fondo el verdor de la pradera y los matices de las flores de los macizos circundantes, y por frente la carretera del puerto con la lejanía del mar, el mar que atravesó un día, en su mocedad, el señor Villar Ponte para ir a la Habana en la que su talento y su pluma alcanzarón [sic] prestigio y lauros. La inauguración de ese monumento puede y debe coincidir con el descubrimiento de la placa que dará el nombre de Villar Ponte a una calle de la Ciudad Jardín. Este doble homenaje debe constituir una solemnidad gallega en la que la [sic, minúscula] Coruña que la organiza, ha de plasmar el fervor de la tierra al excelso escritor que la exaltó en sus producciones, tan bellas en pensamiento como brillantes en estilo" (Véxase o documento "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte").

Con data de 4 de maio, o alcalde enviou a documentación á sección facultativa de Obras Municipais para o oportuno informe dos técnicos (conservador e asesor artístico) mais aí ficou interrompido o trámite. A guerra civil sepultou a iniciativa, e ao funcionario de turno non lle ficou máis remedio que consignar con data de 5 de abril de 1937 no Expediente intitulado "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte", que o asesor artístico do Concello devolveu a documentación "sin informar"...

Unha homenaxe do grupo alpinista ferrolán Abrente

Os membros do grupo alpinista Abrente, fundado por Alfonso Piñón e presidido pola señorita Paquita Blanco, organizaron o 3 de maio de 1936 unha excursión por diversos lugares da Terra de Trasancos, partindo do peirao das Curuxeiras no vapor "El Globo" con destino ao monte Laurel, preto do cabo Prioriño e do castelo de San Filipe, na ría de Ferrol.

Alí, o artista departamental Luís Picos insculpiu nun penedo que facía as veces de miradoiro, en sinal de homenaxe que se quería explicitamente "desprovisto de todo matiz político", o nome de Antón Villar Ponte, acompañado do epíteto "Galego escrarecido", e unha breve frase debida á propia pluma do viveirés: O mar é o único espello do infinito, e forma có ceo o paréntesis grandioso onde a cativez do home se aprecia craramente". Tratábase dunha tradución para o galego dun fragmento do artigo de Villar Ponte intitulado "Mi máscara y yo", publicado en La Voz de Galicia o 8 de febreiro de 1914 e reproducido posteriormente no diario vigués Galicia o 18 de maio de 1924…

Ademais, os numerosos asistentes realizaron, baixo a presidencia de Manuel Insua Santos (natural de Xove, militar retirado, colaborador do Heraldo de Vivero e presidente na altura da sociedade herculina Amigos del Campo), unha ofrenda floral diante dun retrato de Villar Ponte pintado para a ocasión expresamente por Vicente Díaz González. No transcurso deste acto, os responsábeis do grupo Abrente explicaron así o significado da súa orixinal ofrenda á memoria do xornalista viveirense: "Iste home escrarecido, que nacéu en Viveiro, xunto ao río Landro, e morréu na Cruña, foi un namorado do mar e da libertade. E por iso ficará o seu nome n-ista outura, diante do mar infindo".

"Abrente" tíñase dirixido previamente aos membros da directiva da recentemente creada Asociación de Escritores Galegos, presidida polo escritor muxián Gonzalo López Abente, para que lle fixesen chegar unhas cuartillas escritas ex professo para este acto, que estaba previsto inicialmente tivese lugar o 5 de abril, foi logo posposto para o 19 dese mesmo mes e acabou celebrándose finalmente, como dixemos, o 3 de maio. Os traballos recibidos cedeullos logo "Abrente" ao voceiro galeguista A Nosa Terra, que procedeu á súa publicación. Apareceron así nas súas páxinas, concretamente no número 415 (22.5.1936), os textos intitulados "Gratitude", de Ramón Villar Ponte, no que expresa dor pola perda do irmán, agradecemento polas homenaxes que se lle tributan e consolo polas condolencias que está a recibir; e "Lembranza de Antón Vilar Ponte", de Otero Pedraio, no que o escritor de Trasalba alude á dimensión xa inmortal da figura do xornalista viveirés fundador das Irmandades.

No seguinte exemplar de A Nosa Terra, con data do 29.5.1936, viron lume "No homaxe a Antón Vilar Ponte", de Arturo Noguerol; o poema "A Antón Villar Ponte" de Cipriano Alonso e Francisco Yáñez; "Recordo ao Mestre", texto en prosa deste último; e, finalmente, "Vilar Ponte", do alcalde socialista ferrolán Xaime Quintanilla Martínez, quen logo de lembrar a profunda amizade que o uniu ao finado e de destacar o seu amor panteísta por Galiza, declárao poeta por riba de todo: "Poeta cando facía periodismo, pois no seu labor periodístico puña decote unha migalla de sentimento lírico. Poeta cando facía dramas, pois como dramaturgo a súa lira era unha estrela tremelucente d-emoción. Poeta cando facía política, pois n-él a política era unha arela de redención da terra. Poeta decote, mais sobre todo poeta no amor á Galicia".
Aínda aparecerían no semanario A Nosa Terra, após a publicación deste traballo de Quintanilla que citamos, outros textos de homenaxe e lembranza a Villar Ponte, como os intitulados "Antón Villar Ponte, bandeira e símbolo", de Xesús Noya Iglesias; "Lembranzas. No homenaxe a Villar Ponte", asinadas en Castela por un tal Manuel; ou, por último, o poema "Un xenio e un símbolo", de C. Porta Meizoso.
Na cimeira do monte Laurel, no acto a que nos referimos, dous mozos chamados Jesús Noya Iglesias e José Hermida López, ambos socios de Abrente, foron dando lectura aos textos que logo publicaría A Nosa Terra, a outros de Felipe Bello Piñeiro, Alfonso Rocha e José Pérez Pallaré e, finalmente, a algúns telegramas de adhesión. Tamén pronunciaron discursos Ricardo Torres Quiroga e, improvisadamente, Matías Usero Torrente, por ausencia dos oradores previstos, Álvaro de las Casas e Ricardo Carballo Calero. Puxo fin ao acto o canto do himno galego.
Unha sesión nas Cortes
Tamén se lle rendeu ao noso xornalista morto unha pequena homenaxe no hemiciclo das Cortes españolas, coincidindo coa sesión de apertura da nova lexislatura, o 15 de abril de 1936. Castelao foi o encargado de comunicar oficialmente ao Presidente da Cámara, Jiménez Asúa, con data de 18 de marzo de 1936, a nova do falecemento do deputado electo pola circunscrición coruñesa Antón Villar Ponte, lembrándolle ademais a súa condición de parlamentario na primeira lexislatura constituínte republicana. Segundo informa El País, de Pontevedra, "todos los sectores del Parlamento elogiaron la personalidad del ilustre periodista que tanto laboró por Galicia y por la República. El presidente de la Cámara señor Jiménez Asúa hizo notar que Villar Ponte había muerto pobre y esto era un motivo más de admiración hacia el líder galleguista".
A Nosa Terra reproducirá integralmente nas súas páxinas (nº 411, 24.4.1936) algúns dos discursos pronunciados nesa ocasión polos voceiros das diferentes minorías parlamentares. Pascual Leone, polo grupo parlamentario de esquerdas, destacará a rectitude de carácter do falecido. Tomás i Piera, en nome da Esquerra Republicana de Catalunya, lamentará a perda "de un hermano nuestro en virtudes democráticas y de un hermano nuestro en esencias nacionalistas". Edmundo Lorenzo, pola minoría socialista, lembrará a actitude de franca irmandade que mantivera Villar Ponte para con el e para con outros deputados do PSOE nas Cortes Constituíntes, "por encima de las fronteras políticas que parecían separarnos". Ramón Fernández Mato, pola minoría centrista, evocará a colaboración de Antón no xornal vigués que el propio tiña dirixido en 1924, El Pueblo Gallego, cualificando ao autor de Almas mortas como "un apóstol" e sinalando, ademais, que "ha vivido en perenne vocación de amor a su tierra" e que "como las antorchas se consumió alumbrando". O dereitista galego Rodríguez de Viguri, en nome da minoría agraria, alén de ofrecer axuda pecuniaria para os orfos de Villar Ponte, expresou a súa admiración polo aceso amor a Galiza do finado, calidade que quixo colocar "por encima de las luchas políticas en que nos separan discrepancias de ideología". En liña semellante pronunciouse o representante do Bloque Nacional calvosotelista, sr. Comín. Pola súa vez, o sr. Pinyol, da minoría rexionalista catalá, sumouse ás manifestacións de condolencia, o mesmo que Irujo, pola minoría vasca, e Romero Cachinero, pola comunista, quen engadiu ademais que "recorriendo Galicia he podido observar como los campesinos, cómo el pueblo laborioso en general apreciaba a este hombre que había sabido mantener firmemente los principios de liberación de ese pueblo que vive hoy bastante esclavizado". Expresaron tamén a súa dor, en nome da minoría popular progresista o deputado Figueroa Rojas, e en nome do propio Goberno do Estado o entón ministro de Agricultura e deputado de Izquierda Republicana, Mariano Ruíz Funes.
Falaron tamén nesa mesma sesión das Cortes españolas dous deputados máis, ambos de orixe galega. Antón Alonso Ríos (1887-1980), pola Federación Agraria de Pontevedra, definindo a Villar Ponte como "un espíritu avanzado entre la Galicia ultrajada y proscrita y la Galicia que ha de reconocerse, amarse y comprenderse" e Afonso Daniel R. Castelao, pola propia minoría galeguista á que tería pertencido Villar Ponte caso de ter tomado pose efectiva do escano alcanzado nas urnas. Castelao glosa na súa intervención parlamentar numerosos parágrafos do seu artigo "¡Deica logo!", publicado en A Nosa Terra, para engadir: "Antonio Villar Ponte era un gran periodista, un gran republicano, un gran gallego, un gran hombre. La República ha perdido en Galicia a uno de sus propagandistas más eficaces, y en la Prensa gallega desaparece con su muerte el artículo, siempre magistral, que mejor interpretaba las ansias de justicia y de libertad que siente nuestro pueblo".
Un proxecto de homenaxe en Arxentina
Para o día 22 de xullo de 1936, a Organización Nazonalista Repubricana Galega de Buenos Aires, afecta ao Partido Galeguista, tiña previsto render homenaxe a Villar Ponte desenvolvendo o seguinte programa de actos: Discurso de apertura polo secretario da ONRG, Rodolfo Prada; Lectura das intervencións na homenaxe rendida a Villar Ponte na Cámara de Deputados española; Lectura de adhesión á homenaxe do Goberno presidido por Manuel Azaña; Lectura de adhesións que se recibisen desde Galicia, Cuba, Uruguai, etc.; Palabras de adhesión do embaixador de España en Buenos Aires, sr. Díez Canedo; Conferencia de Lino Pérez sobre a personalidade e a obra de Antón Villar Ponte; Representación teatral de dúas escenas escritas por Villar Ponte; Execución de varias composicións musicais galegas.
O estourido da guerra civil, no entanto, desbarataría tamén esta iniciativa, orientando os esforzos da colectividade galega pro-republicana en Arxentina, loxicamente, cara a outras prioridades.
Outras iniciativas para honrar a súa memoria
O pasamento de Antón Villar Ponte suscitou, ademais das xa citadas nas anteriores entregas deste artigo, outras iniciativas e homenaxes de carácter máis puntual e simbólico que non quixéramos deixar de referir.
Na totalidade dos locais do PG e das forzas de esquerda burguesa e obreira ondearon o día do seu enterramento as bandeiras a media haste. Corporacións municipais como as da Coruña e Carnota expresaron o seu unánime pésame. A Academia Galega, o PG, o boletín A Nosa Terra e a propia familia do finado recibiron centos de telegramas e cartas de condolencia. Entre elas a da potente Federación de Sociedades Galegas" bonaerense, editora do xornal Galicia e mais a dun grupo de soldados galegos destinados en Ceuta, entre os que figuraba o daquela mozo galeguista Avelino Pouso Antelo, presidente que foi logo da Fundación Castelao e chorado defensor sempre da nosa lingua.
Numerosas entidades comezaron neses días as súas xuntanzas, actos e reunións gardando un ou máis minutos de silencio en memoria de Villar Ponte ou pronunciando, no seu caso, breves alocucións de memento. Así, os grupos locais do PG de Sada, Melide e Bergondo; a Mocidade Galeguista de Monforte; etc. Ao rematar unha conferencia do mozo galeguista Cesáreo Muñiz, os asistentes gardaron tres minutos de silencio. O Seminario de Estudos Galegos puxo a bandeira galega a media haste no edificio de Fonseca, acudiu representado polo seu presidente ao soterramento do escritor viveirés e fixo pública unha nota salientando a súa íntima dor pola morte deste "miembro activo del Centro, que tanto cariño había puesto siempre en él y a quien el Seminario debe las mejores iniciativas y las más cálidas palabras de aliento". Tamén barallou o Seminario, entidade cofundada no seu día polo viveirés Lois Tobío, outras iniciativas de homenaxe póstuma a Villar Ponte, finalmente non concretizadas, "entre ellas la de hacer una edición amplísima de Almas Mortas, para distribuirla gratuitamente a las bibliotecas y centros culturales de Galicia".
Por outra banda, na reunión que o Consello Nacional do Partido Galeguista celebrou en Santiago o 11 de marzo, o seu presidente, o arquitecto Gómez Román, segundo información do xornal pontevedrés El País, "inició la reunión con un emocionado recuerdo del ilustre escritor y destacado miembro del Partido Galleguista Antón Villar Ponte, fallecido recientemente. El Consejo en pie escucha con la mayor unción sus palabras y guarda después prolongado silencio. Se acuerda agradecer profundamente las constantes y sinceras manifestaciones de pésame que el Partido está recibiendo de significadas personalidades de Galicia, Cataluña, Vasconia y Madrid por la muerte del fundador de las Irmandades da Fala (...). A propuesta del consejero de Lugo, ciudad en la que tuvo lugar la primera Asamblea nacional gallega, se acuerda asimismo invitar a todos los afiliados al Partido llevar durante un mes, a partir del 15 del corriente, corbata negra en señal de duelo por la pérdida de tan significado Maestro y luchador de la causa de Galicia. Se adoptan también diferentes acuerdos encaminados a procurar la mayor difusión de la abundante y valiosa obra patriótica del llorado escritor y en relación con sus hijos".
Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) é quen propón nesa xuntanza que os afiliados leven durante quince días, a partir do 15 de marzo, gravata negra en sinal de loito por Villar Ponte. Esta medida, finalmente adoptada, foi causa de mofa e descualificación para algúns militantes galeguistas en determinados ambientes, segundo relata o boletín nacionalista A Nosa Terra: "Hai quen por vérnol-a corbata negra fai mofa de nós. Chegan a ponto de chamarnos loucos".
Por outra banda, o poeta Aquilino Iglesia Alvariño, instalado en Vilagarcía de Arousa como profesor do Colexio León XIII, que dirixía o tamén galeguista Xosé Núñez Búa, publica na imprenta Buceta da citada localidade, baixo o rótulo de "Impresos Sentimentais, nº 1" e co patrocinio expreso do Grupo Galeguista da vila arousá, un tríptico de "nenias" elexíacas dedicado a Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e Antón Villar Ponte, respectivamente. O soneto de Aquilino a Villar Ponte será reproducido en varios xornais por esas datas e di así:

Ribeira de outos bidos enramada
en arela de ríos e de pontes,
floríu auga de sono en ermas fontes
para os ledos muíños da alborada.

Aceña de saudades! Outra escada
levantaras de alaudas sobre os montes
para salvar a dôr dos horizontes
i-enchelos de vieiros de rosada.

Agora xa es herbiña e flor de liño
De verdade ribeira de espadanas.
Nós, illa enredomada que ela encerra.

Tecéi, tecéi agora paseniño
a súa tea de sonos, tecelanas,
que é o branco veo de noiva da súa Terra.

Outro membro do Consello Nacional do PG, o editorialista de El Pueblo Gallego Xerardo Álvarez Gallego, proporía así mesmo, na liña de procurar a máxima difusión da obra do viveirense, a publicación por parte do PG de dous libros: "un en que se recolla o máis granado da súa vasta obra patriótica e cultural en toda a variedade de aspectos que abrangue, folletos, artigos, conferencias, etc.; outro, especialmente adicado aos seus traballos en col das autonomías do que se faga unha tirada grande pra espallar profusamente n-istes intres en que o trunfo do Frente Popular pon de novo en marcha o Estatuto de Galicia".

Ningún deses dous volumes proxectados na xuntanza do máximo órgano entre congresos dos galeguistas chegaría a ver lume, se ben non custa traballo ver que dalgunha maneira o primeiro deles acadou concreción grazas á escolma que xa na posguerra editou na Arxentina Fernández del Riego baixo o título de Pensamento e Sementeira. Leiciós de patriotismo galego.

Homenaxes en Viveiro

A conmoción que produciu a morte de Antón Villar Ponte non deixou de ter lóxica presenza na súa vila natal. O propio Concello de Viveiro adoptou na primeira ocasión que tivo, nada máis coñecerse a infausta nova, o acordo unánime de expresión de pésame. Como relatou Santos Alfonso a este respecto desde as páxinas do Heraldo (20.12.1991), "en La Coruña fallece Villar Ponte, ilustre periodista, escritor, miembro de la Academia Gallega, colaborador de diversos periódicos y Diputado a Cortes electo por el Partido Galleguista. La Corporación, ante la pérdida de tan ilustre vivariense acuerda hacer constar en acta el sentimiento de la Corporación por tal fallecimiento y que una comisión lo testimonie personalmente a su hermano Ramón”. Non estará de máis lembrar que o PG tiña tres concelleiros na Corporación viveiresa nese instante: o propio alcalde, Balbino Cerdeiras Rey, e os edís Modesto Vilar Ínsua e César Parapar Sueiras.

Algo despois, sempre seguindo o relato de Santos Alfonso, o edil Modesto Vilar Ínsua daba as grazas á Corporación en nome do PG pola boa disposición amosada á hora de render homenaxe a Villar Ponte e propuña a seguir "que se designe una comisión presidida por el alcalde [Balbino Cerdeiras, do PG] para que organice los actos que deben celebrarse en memoria del mismo y que se le de el nombre de Antonio Villar Ponte a uno de los Grupos Escolares que van a construirse en este municipio. La Corporación acoge con entusiasmo la propuesta del señor Vilar". O Grupo Escolar que había de ser bautizado co nome do noso xornalista era o de Landrove, parroquia onde nacera o pai dos Villar Ponte, Ponciano, mais o estoupido da guerra civil impediu que así fose. Na actualidade, reparando dalgún xeito esta frustrada iniciativa da etapa republicana, leva o nome “Vilar Ponte" un dos centros de secundaria existentes na nosa vila.

Cando no propio Viveiro natal do noso autor teña lugar unha magna manifestación das forzas progresistas para conmemorar un novo aniversario da proclamación da 2ª República, o 14 de abril, os asistentes, segundo indica a crónica do xornal El Progreso (17.4.1936), deteranse "delante de la casa de don Ramón Villar Ponte, donde se hizo el minuto de silencio en homenaje al fallecido, Antonio Villar Ponte, entonando luego los afiliados al Partido Galleguista, el Himno Regional. La manifestación siguió al Ayuntamiento, desde donde dirigieron la palabra al pueblo Javier Soto Valenzuela y Agapito García Atadell. Después los componentes del Grupo Galleguista llevaron la bandera enlutada a casa de los señores Villar Ponte, en donde quedó depositada en señal de homenaje siendo recibida por Ramón Villar Ponte".

Loxicamente, houbo bastantes viveirenses que, a título individual, enviaron o seu pequeno contributo pecuniario para a idea do monumento a Villar Ponte deseñado por Asorei, ao que xa aludimos. Entre eles cabe citar ao pintor e fotógrafo Fermín González Prieto (Lander), a Ángel Seco e ao ex-alcalde Santiago Seijo. Ademais, segundo lemos en La Voz de Galicia do 5 de xullo de 1936, o entón alcalde de Viveiro Balbino Cerdeiras enviou, “como resultado de una colecta efectuada en dicha ciudad, donde nació Villar Ponte, 191'50 pesetas”.

Preocupación polos fillos orfos

A outras persoas, porén, preocupáronlle nesa hora de elexías e propostas de homenaxe outros problemas máis concretos e até delicados que se derivaban da definitiva ausencia de Antón Villar Ponte. García Nodar, por exemplo, nun artigo publicado no xornal estradense El Emigrado (31 de marzo), consideraría de moita maior importancia unha idea colocada o día 12 de marzo por Fernández Asís nas páxinas do rotativo de Portela Valladares, dirixida ao amparo dos dous fillos orfos do xornalista falecido e que denunciaba, ao mesmo tempo, a actitude un tanto hipócrita daquelas entidades que coidaban cumprido todo o deber para coa figura de Villar Ponte co simples envío dunha coroa fúnebre ou dun telegrama de pésame. Escribía García Nodar, concretamente: "Villar Ponte ha muerto pobre. No ha dejado fortuna, pensión ni rentas de ninguna clase. Murió así por haberse olvidado un poco de los suyos en beneficio de Galicia. Deja un hijo en trance de iniciar carrera y una hija enferma, a la que es urgente llevar a un sanatorio. Galicia no pude escamotear ese dolor entre las palabras pomposas de las notas necrológicas. Galicia debe acudir inmediatamente en auxilio de los hijos de Villar Ponte, porque por ella, por el servicio de Galicia, quedan ellos desamparados. ¿Nadie responderá a esa llamada? ¿Las entidades oficiales, las corporaciones públicas, se atrincherarán egoistamente en el silencio, creyéndose suficientemente cumplidas con la corona fúnebre o el telegrama de pésame?".

O xornal pontevedrés El País, de filiación republicana e esquerdista, sinalaría a este respecto, no editorial intitulado "Deuda de gratitud": "En la Prensa regional se han escrito artículos recordando lo que Galicia debe a Antonio Villar Ponte, el ilustre compañero fallecido, y proponiendo la celebración de un homenaje que esté a la altura de la obra que el gran periodista, con una perseverancia y una tenacidad insuperables, ha realizado en aras del amor a su país en veinticinco años de brega ininterrumpida. En el Pueblo Gallego, Olimpia Valencia (...) ha escrito una carta en que (...) se insiste justamente sobre este tema. A su lado nos tiene y huelga decir en qué medida secundaremos cuanto se haga, por justicia y por gratitud de Galicia, en memoria de Villar Ponte. Y aun añadiremos algo más, por si ello sirve para encauzar cualquier iniciativa. El insigne periodista ha muerto pobre, como todos los periodistas de vocación que infunden a su pluma un aliento apostólico, y ha dejado dos hijos pequeños en la más desolada de las orfandades, uno de ellos -una niña en la flor de la pubertad- enfermo de cuidado".

Reaxindo diante deste estado de cousas, o alcalde galeguista de Bueu, Johán Carballeira, proporíalle á Corporación por el presidida abrir con 100 ptas. unha subscrición popular en favor dos dous fillos orfos de Villar Ponte e dedicar ao xornalista unha rúa da localidade, iniciativas que serían aceptadas unanimemente polos munícipes, mais que a Guerra Civil, máis unha vez, levou por diante.

Segundo informa El Pueblo Gallego, en maio de 1936 varios deputados da Fronte Popular presentarían igualmente no Congreso unha proposición de lei "solicitando que se conceda una pensión de 250 pesetas mensuales a cada uno de los hijos que dejó huérfanos el diputado por La Coruña, Sr. Villar Ponte, que no llegó a posesionarse del cargo". A iniciativa, que saibamos, non chegou a votarse nin aprobarse antes do fatídico 18 de xullo…

Nos prolegómenos da traxedia

Na Asemblea do 17 de maio do 36 celebrada en Compostela a instancias do Comité Executivo da Autonomía para determinar a data do plebiscito estatutario, Ramón Suárez Picallo, despois de expor o posicionamento do PG a respecto da citada cuestión, solicitou que a Asemblea "puesta en pie, guarde un minuto de silencio en homenaje a la memoria de Villar Ponte, padre espiritual del Estatuto que se va a plebiscitar. La Asamblea, en pie, dedica al luchador caído el homenaje de su silencio y de su recuerdo".

O propio día do plebiscito autonómico, o 28 de xuño, El Pueblo Gallego publicaría nun recadro as fotografías de Lois Porteiro, Losada Diéguez, Xoán Vicente Viqueira e Antón Villar Ponte baixo o rótulo significativo de "Os catro apóstoles mortos". E cando se difundan uns resultados claramente favorábeis ao SI, García Barros e Álvarez Gallego terán no semanario A Nosa Terra sentidas lembranzas para un Antón Villar Ponte que non podía estar presente no gozo e celebración desa esperanzadora xornada...

Mais o certo é que a dinámica de tensión política e enfrontamento violento que se foi apoderando da sociedade española e galega nos meses seguintes á morte de Villar Ponte, así como o fragor da campaña pró-Estatuto que desembocou nese histórico plebiscito do 28 de xuño de 1936, foron colocando nun lugar cada vez máis secundario e relativizado, como era lóxico en certa maneira, o interese pola lembranza e a rendición de homenaxes á figura do intelectual viveirense. Desatada a confrontación bélica, o seu nome esluíuse como referencia dun tempo convertido en preludio dunha traxedia maiúscula. Despois, o bando vencedor da guerra botou sobre o xornalista de Viveiro, sobre a súa obra e sobre as súas ideas nacionalistas, progresistas, republicanas e democráticas un mesto manto de silencio, ocultación e esquecemento que, por acaso, aínda pesa demasiado sobre unha auténtica proxección da figura de Antón Villar Ponte á altura de todos os seus méritos e merecementos.

luns, 8 de xuño de 2015

OS DERRADEIROS DÍAS DE ANTÓN VILLAR PONTE (I)


Na primavera de 1936 morría na Coruña o escritor, xornalista e político republicano e galeguista Antón Villar Ponte. Atrás quedaba unha vida rica en experiencias, xenerosa e por momentos apaixonante, chea de loitas, traballos, producións literarias, debates políticos e un diario bregar coa pluma xornalística que, globalmente consideradas, converteron o viveirense nunha das figuras máis relevantes da historia galega do primeiro terzo do século XX.

O republicanismo no Viveiro da súa mocidade e no Foz en que exerceu de boticario, a axitación agrario-rexionalista durante a súa curta estadía como emigrante en Cuba, a fundación en 1916 das Irmandades da Fala, o seu rol na ING de Risco, os sucesivos pasos pola prisión por exercer a oposición á ditadura do xeneral Primo de Rivera, a súa presenza nas Cortes no período Constituínte da 2ª República como deputado da ORGA de Casares Quiroga, a súa destacada contribución á causa do primeiro Estatuto de Autonomía (que, no entanto, non chegou a ver plebiscitado) e, por último, o seu período crepuscular como destacado persoeiro e dirixente do Partido Galeguista son as referencias que resumen o seu percorrido como home comprometido coa sociedade do seu tempo.

Destacábel foi a súa contribución ao desenvolvemento da literatura e do teatro galegos, tanto desde a faceta autoral (A patria do labrego, Almas mortas, Entre dous abismos, O Mariscal en colaboración con Cabanillas, Os Evanxeos da risa absoluta, Nouturnio de medo e morte, A festa da malla…) como desde o papel de crítico e comentarista na prensa diaria de toda canta obra, novidade, revista, iniciativa ou logro ía colleitando o noso sistema literario, daquela aínda en fase de consolidación.

Non menos relevantes resultan a súa participación entusiasta en numerosas entidades cívicas e culturais do seu tempo (Academia Galega, Reunión de Artesáns, Coro Cántigas da Terra, Universidade Popular, Seminario de Estudos Galegos, etc.) e o seu inmensurábel labor como columnista de prensa nos mellores e máis influentes cabezallos, tanto da prensa galega (La Voz de Galicia, La Idea Moderna, El Progreso, El Noroeste, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego, El País, A Nosa Terra…), como da peninsular (El Sol), como da cubana (La Correspondencia de Cienfuegos, Diario de la Marina..), como, finalmente, da prensa galega emigrada (Follas Novas, Céltiga, El Despertar Gallego, El Eco de Galicia…). En cabeceiras como El Eco de Vivero, El Vivariense, Nueva Brisa, Germinal ou La Voz de Vivero fixera, nos primeiros compases do pasado século, as súas primeiras singraduras como forzado vocacional da pluma...

Queremos evocar aquí o infausto momento da súa morte, a posterior cerimonia de velorio e soterramento e máis as múltiplas e conmovidas reaccións e propostas que suscitou naqueles días, en amplos segmentos da sociedade galega e española, tan triste acontecemento.

O falecemento

Celebradas as eleccións lexislativas de febreiro de 1936, o candidato do Partido Galeguista electo nas listas da Fronte Popular pola circunscrición coruñesa Antón Villar Ponte tiña pensado proseguir a súa actividade civilista (mitins, artigos…), mais a úlcera gástrica que arrastraba desde había anos experimentou entón un forte agravamento e acabou por lle provocar finalmente a morte.

Antón caera gravemente enfermo en 1927 por esa causa e tivera que seguir desde entón unha estrita dieta. En certa ocasión, aludindo ao seu desexo de que se lle tributase un banquete de homenaxe a Castelao, declaraba cum mica salis a súa intención de participar nel fose como fose, "yo que vivo sujeto a estrecho régimen dietético, aun yendo contra los intereses de mi salud”.

Nos finais de 1931, un empeoramento da doenza impedíralle asistir en persoa á asemblea constituínte do Partido Galeguista. Ao longo de 1935, o seu estado de saúde era xa absolutamente precario. Otero Pedraio ten aludido, nese sentido, á "estoica elegancia requintada" con que Villar Ponte aturaba neses días o seu mal e as súas dores físicas, en tanto Castelao, a posteriori, choraba no hemiciclo das Cortes españolas, nunha sesión de homenaxe póstuma ao deputado electo viveirense, "la pérdida de un ciudadano ejemplar, de un ciudadano modelo, que por obedecer los dictados de su conciencia y por ser fiel a sus ideales no ha tenido inconveniente en sacrificar su vida. Porque habréis de saber, señores Diputados, que la menguada salud de Villar Ponte no podía resistir los trabajos de la propaganda a que él se entregó generosamente, ni siquiera las emociones de la victoria".

Foi o militante da Izquierda Republicana azañista na Coruña José Búa Carou quen no transcurso dun multitudinario acto de "Homenaje a la mujer" promovido polo semanario sindicalista coruñés La Calle que se estaba a celebrar o domingo día 1 de marzo no Teatro Rosalía comunicou ao numeroso público asistente a súa consternación "al conocer la gravedad del amigo querido Villar Ponte, que había de hablar en este Homenaje". A nova correu como a pólvora por toda a cidade e saltou axiña ás redaccións de moita da prensa galega de entón.

O diario herculino La Voz de Galicia fechaba a súa edición o propio día en que se produciu o óbito cunha alarmante nota intitulada "Antonio Villar Ponte gravemente enfermo", mentres que o vigués El Pueblo Gallego, baixo idéntico título, advertía tamén aos seus lectores de que, infelizmente, e a pesar dos esforzos desesperados dos médicos da clínica onde fora ingresado o enfermo, existían moi poucas esperanzas de poder salvarlle a vida, "temiéndose que de un momento a otro ocurra el fatal desenlace". En realidade, xa desde as oito da noite Antón perdera o coñecemento, "llegando al momento del tránsito sin haberlo recobrado", en palabras do cronista do diario de Portela Valladares.

Antón Villar Ponte morrerá, pois, a causa dunha perforación gástrica ás cinco da madrugada do día 4 de marzo, mércores. Tiña 55 anos de idade e deixaba dous fillos orfos, Tonecho e Meliña (a súa esposa, Micaela Chao Maciñeira, morrera en 1928), que pasaron a depender entón da tutela de Ramón Villar Ponte e da súa muller, Teresa Chao, irmá da propia Micaela.

Ao día seguinte do óbito, La Voz de Galicia intitulaba: "Falleció Antonio Villar Ponte. Una gran pérdida para el periodismo y el regionalismo gallego. Ayer se efectuó el entierro en La Coruña". O diario salientaba que se fixeran todos os esforzos médicos posíbeis para "ponerle en condiciones de ser operado; pero la operación no fué posible". Pola súa banda, El Pueblo Gallego daba a infausta nova nestes con estes titulares: "Ha muerto Antonio Villar Ponte. Su fallecimiento ha producido hondo dolor en Galicia y América. Su entierro ha sido fiel expresión de este sentimiento".

O xornal madrileño Política, voceiro oficioso de Izquierda Republicana azañista, daba conta tamén da infausta nova nas súas páxinas. Non en balde tanto o seu primeiro director, Luís Bello (falecido en novembro de 1935), como algúns dos seus redactores, caso de José Díaz Fernández ou de Osorio Tafall, tiñan sido compañeiros do intelectual viveirense nas páxinas do diario El Sol durante a Ditadura primorriverista ou nas bancadas do Parlamento durante as Constituíntes. Valéndose dos servizos da axencia Febus, Política noticiaba o traslado do cadáver de Villar Ponte, envolto na bandeira galega, desde o seu domicilio até o pazo municipal herculino en María Pita, da instalación nese lugar da capela ardente e dos diversos preparativos para o soterramento.

Crónica do velorio e do soterramento

O xornal El País, de Pontevedra, salientou na súa crónica do enterro de Villar Ponte que "No se recuerda en La Coruña una manifestación de duelo semejante a la que ayer conmovió a la ciudad herculina y llenó de emocional consternación sus calles al paso del cortejo fúnebre".

O cadáver de Antón, envolto nunha bandeira galega e exposto en féretro con tampa de cristal nun salón do Palacio Municipal coruñés desde primeiras horas da mañá, por iniciativa da Academia Galega e coa debida autorización do entón alcalde, o republicano radical-socialista Suárez Ferrín, foi velado por numerosas persoas: "miles y miles", segundo El Pueblo Gallego; "muchos millares", segundo La Voz de Galicia.

Fixéronlle garda de honra os militantes das Mocedades Galeguistas, os socios da Irmandade da Fala herculina e as afiliadas da Agrupación Republicana Femenina. A capela ardente, sinala o rotativo pontevedrés El País, "se llenó materialmente de coronas y ramos de flores" (enviados, entre outras entidades, pola Federazón Nacional de Estudantes Galegos, a Academia Galega, a Filharmónica coruñesa, a Agrupación Femenina Republicana, a Asociación de Artistas, a Juventud Republicana, a Unión Republicana, o semanario La Calle, o Comité da Frente Popular, Izquierda Republicana, os Concellos de Santiago e A Coruña, varias agrupacións locais do P.G. e das Mocidades Galeguistas, o diario El Pueblo Gallego e o Casino Republicano) e o féretro foi rodeado coas bandeiras galega e republicana e cos estandartes da Irmandade da Fala coruñesa e máis do coro Cántigas da Terra. Axiña comezaron a se recibir telegramas de pésame: Casares Quiroga, Osorio Tafall, Portela Valladares, Blasco Garzón, Martínez Barrio, Basilio Álvarez, Manuel Cabanillas, Bernardino Machado, Cunha Leal, Concello de Viveiro, "Generalitat" catalá, Nicolau D'Olwer, Seminario de Estudos Galegos, Coro Toxos e Froles...

O soterramento de Villar Ponte organizárono ao unísono tres entidades: o Partido Galeguista, a Academia Galega e a Asociación de Prensa herculina. O féretro foi sacado a ombreiros, ás seis da tarde, polos deputados Castelao e Miñones, polo arquitecto e dirixente do PG Gómez Román, polo tamén galeguista Plácido Ramón Castro, polo académico Ángel del Castillo e polo directivo da Asociación de Prensa e correspondente de El Pueblo Gallego Villamayor. Mulleres da Agrupación Republicana Femenina e membros das Mocidades Galeguistas e das Irmandades da Fala portaban as coroas, dezasete en total. Presidían o duelo da comitiva autoridades como o gobernador civil (Sánchez Gacio), os alcaldes de Coruña (Suárez Ferrín) e Santiago (Ánxel Casal), o presidente accidental da Academia Galega (Ángel del Castillo) e o presidente da Asociación de Prensa coruñesa (Fernando Martínez Morás). Estiveron representadas tamén outras entidades coas que Villar Ponte mantivera nalgún momento vínculo, como a Filharmónica coruñesa, a Reunión de Artesáns, o coro Cántigas da Terra, o xornal La Voz de Galicia, etc., así como numerosas personalidades e agrupacións (coas súas bandeiras e estandartes) do espectro político republicano, galeguista e de esquerdas.

Indican as crónicas que o cadáver foi acompañado até o cemiterio por "una muchedumbre inmensa". La Voz de Galicia apostila que "fué tan enorme la afluencia de público que no hubo posibilidad de pensar en que la comitiva se formase utilizando los automóviles, decidiéndose hacer el recorrido a pie". O percorrido da comitiva foi o seguinte: Praza de María Pita, Rego de Auga, Rúa Galán (Real), Rúa Nova, Rúa García Hernández (San Andrés), Orzán, Panadeiras, Campo da Leña e Rúa da Torre. Todas estas prazas e rúas estaban, segundo A Nosa Terra, "ateigadas de púbrico", a pesar de que o tempo era moi desapacíbel. Indica a revista galaico-cubana Cultura Gallega, fundada e dirixida por Adolfo V. Calveiro, que nesa xornada "la bandera nacional ondeó a media asta y enlutada en los Edificios Públicos y en los centros políticos de izquierda".

Xa no cemiterio, Otero Pedraio e Ramón Suárez Picallo pronunciaron emocionados discursos, que puxeron "bágoas en moitos ollos", a dicir de A Nosa Terra, e deron paso ao canto do himno galego, "cuyas estrofas tenían en aquel instante un hondo trémolo luctuoso", como apostilou o cronista de El País. O discurso que Otero Pedraio pronunciou nesa ocasión pasará, convenientemente refundido, ao seu emocionado Libro dos amigos, mentres o de Picallo salientou especialmente o papel de formador e guieiro da mocidade desempeñado por Antón Villar Ponte: "á súa pruma e ao seu pensamento debemos moitos mozos as nosas directrices na vida". Un militante das Mocidades Galeguistas, no momento de choerse a tumba do xornalista morto, proferiu un berro emocionado que condensaba os sentimentos que embargaban os alí presentes: "¡Villar Ponte, non morriche!".

Nos días e semanas seguintes ao falecemento de Antón, numerosos órganos de prensa das máis variadas tendencias e latitudes fixéronse eco da triste nova, arroupando ademais diversas iniciativas de homenaxe póstuma e publicando textos, tanto en prosa como en verso, dedicados a glosar e repasar en ton encomiástico a figura, a traxectoria cívica, o compromiso ético-ideolóxico e a obra literaria e xornalística do viveirense. Loxicamente, foi na prensa editada na Galiza onde esta atención sobre a figura desaparecida se fixo máis patente e intensa. Como indicou Fernández del Riego nas súas memorias, "toda a prensa galega fíxose eco do dooroso acontecemento. Publicáronse artigos e notas necrolóxicas exaltatorios da personalidade desaparecida, honrando unanimemente a súa memoria".

Os cabezallos de prensa que maior transcendencia deron e maior atención emprestaron á nova da morte de Villar Ponte foron, como é de agardar, aqueles cos que o xornalista mantivera unha relación máis estreita, quer como director, quer como membro da súa redacción nalgunha etapa, quer como colaborador habitual, e continuaban editándose.

Repercusión en A Nosa Terra

O antigo boletín das Irmandades e daquela portavoz do P.G., A Nosa Terra, dedicará practicamente a metade do espazo do seu exemplar nº 404, do día sete de marzo de 1936, á infausta nova. Un artigo de Xesús Nieto Pena, publicado inicialmente en El Pueblo Gallego, remarcará o feito cruel de se ter producido a morte do loitador nacionalista sen poder ver plasmada a arela pola que tanto tiña traballado, "coa dúbida da resurreición de Galiza". Outro texto, sen asinar, redundando nesa mesma idea, engadirá: "Toda unha vida adicada de cote a Galicia, á liberdade, á xusticia, á defensa da causa popular, apágase de contado e para sempre. Unha pruma que día a día iba deitando pensamentos xenerosos, elevados, sempre ourentados cara os ideaes que quixotescamente defendeu, deixa de ser guía e proel d-esta empresa grandiosa que é recrear unha Patria. ¡Como poderemos, dende agora, acostumarnos á falla do artigo cotián do gran xornalista nos que sin acougo e con brillantez extraordinaria tocaba certeiramente todos e cada un dos probremas, espirituaes e materiaes, que Galicia ten sin resolver! Os seus discursos, os seus libros, as súas verbas sempre optimistas i-espranzadas non poderán acompañarnos e alentarnos. Abréuse un oco imposibel de cubrir. Galicia perde con Antón Vilar Ponte unha das súas figuras contemporáneas máis inxentes; a Patria o máis ergueito defensor; o Galeguismo, un dos homes de maor prestixio e capacidade; o Partido o máis esforzado paladín".

Tamén se repasa apertadamente neste número que citamos o contributo intelectual e político de Antón, aludindo á súa etapa de director do propio boletín (1916-1921), aos centos de artigos publicados en numerosos cabezallos, ás ducias de conferencias e discursos pronunciados, á importancia fundacional do seu folleto Nacionalismo gallego, á súa traxectoria desde a ORGA até o PG, ás súas achegas á literatura dramática galega, etc.: "Vinte anos de traballar cotián. Toda unha vida consagrada a unha mesma idea, con espritu de sagrificio ademirabel, con unha pureza de actuación envexabel, con xenerosidade inmensa. Esto foi a obra inmorrente do irmán e Mestre que nos levou a morte. Exempro i-espello para ofrendar as xeneracións vindeiras".

O seguinte número do boletín nacionalista abundará en traballos que versan sobre a figura de Antón Villar Ponte. Sobrancea entre eles o intitulado "¡Deica logo!", de Castelao, ao que pertence este fragmento: "No serán do 4 de marzo de 1936 vin desaparecer para sempre a Antón Vilar Ponte, e naquel intre revivín os anos da miña mocidade. Cando eu me consideraba o derradeiro supervivente dun pobo suicida, chegou a min a voz alentadora dun escritor. Era Antón Vilar Ponte. A súa chamada tivo a virtude de xuntar a uns poucos galegos que non-os coñeciamos, pero que dende entón ficamos unidos por vencellos que somentes a morte vai rompendo... Vinte anos arreo durou a nosa amistade fraternal. Non houbo segredos nin ilusións que non-os comunicáramos, e as súas desventuras magoáronme tanto como as miñas dores o feriron a él. Eramos verdadeiros irmáns".

Escribe tamén sobre Antón neste número de A Nosa Terra Plácido Ramón Castro, e faino destacando, por unha banda, a proverbial xenerosidade desinteresada dun Villar Ponte que foi quen lle deu as primeiras palabras de alento tras publicar o corcubionés os seus primeiros traballos xornalísticos ("nunca esquecín o que siñificou iste eloxio para un modesto principiante") e, por outra, propondo a confección dun volume colectivo que dese conta "do que siñificou Antón Vilar Ponte para os seus contemporáneos". Revela ademais Castro que no leito de morte Villar Ponte sentía certa anguria "pola sorte dos fillos a quenes non poidera legar unha herencia material porque todo o tiña dado en vida a esta familia de irmáns que para él era Galicia...".

Ramón Otero Pedraio reza na súa "Lembranza d-un irmán" a oración "que latexando en todos os curazóns non foi rezada pol-os absurdos trabucamentos do tempo", en alusión ao rito estritamente civil que acompañou a inhumación do cadáver de Villar Ponte, como era desexo do finado. "Oremus" intitúlase a necrolóxica asinada por Álvaro de las Casas, na que alude ao viveirense como "bo, xeneroso; traballador sen acougo, patriota sen medos, galego sen misturas". O sadense Xohán Antón Suárez Picallo lembra nunha breve colaboración que o libro que máis o impresionou na súa vida, O Mariscal, "regaloumo él e Casal aló pol-o ano 1926 sendo un neno". Risco, pola súa banda, escribe "En lembranza de Antón Vilar Ponte. Saudades de tempos idos". O escritor ourensán, afastado nese instante xa da disciplina do P.G. para impulsar a chamada Dereita Galeguista, puña en destaque a coherencia e unidade de toda a polimórfica obra de Antón Villar Ponte, atribuíndo este trazo ao feito de que o autor de A patria do labrego deitaba sempre en cada escrito saído da súa pluma, fose artigo, obra literaria, crítica estética, discurso doutrinario ou peza de propaganda, "a alma enteira, sen gardar nada pra si, de sorte que, de calquera geito que sexa, falar da sua vida ha ser facer historia da renacencia galega". O grande contributo de Antón, engadía Risco, foi a creación das Irmandades da Fala, das que o autor de O porco de pé evoca saudosamente aqueles "verdadeiros anos heroicos en que se desafiaron tódalas enemigas (...) anos tan cheos, tan matizados de episodios, de proiectos, de realizaciós, de decepciós, de vitorias e vencimentos, dunha tensión tan forte e ao mesmo tempo tan gustosa, como já non se volverán presentar na vida".

Pola súa vez, Vítor Casas apelaría na súa necrolóxica de Villar Ponte á evocación dos longos anos de militancia e convivencia co finado na Irmandade da Fala coruñesa, obviando, iso si, toda referencia ás etapas de forte disenso que ambos protagonizaron. Casas atribuía á figura de Villar Ponte o papel histórico fundamental de ter conseguido dar continuidade ao labor dos Precursores.

Outro autor, o ourensán Ben-Cho-Shey, nun traballo intitulado "O fogar de Vilar Ponte" e publicado nas mesmas páxinas do boletín A Nosa Terra, chamaría a atención sobre a absoluta coherencia na conduta idiomática mostrada no seu fogar polo xornalista agora morto e pola súa muller Micaela, tanto entre eles os dous como cos seus dous fillos: "Si todol-os fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa terra".

Un autor que asina en A Nosa Terra co pseudónimo de Soutolongo equipara a peripecia de Villar Ponte coa do Moisés bíblico. Despois de ter traballado arreo pola redención galega, con artigos xornalísticos que, a xuízo do columnista, "eran do máis enxebre i acertado, chegaban a todol-os recunchos, e pol-a súa craridá eran verdadeiras parábolas", Antón morría sen poder máis que abesullar a "terra prometida"... Tamén sería este número de A Nosa Terra receptor, finalmente, dun traballo enviado desde a Arxentina, en nome da ONRG, por Rodolfo Prada. Intitulábase "Frores, bágoas e espranza!" e nel cualificábase ao falecido como faro orientador no medio da noite de témeras galernas que atravesara Galiza: "Con fé d-ilumiñado, con vontade e coraxe d-herói e con afervoada paixón de fidel amador, fixo da galeguidade o ponto coincidente de todol-os seus anceos e de todal-as suas aicións".

Repercusión nos principais xornais diarios galegos de entón

Outro dos xornais cos que Antón Villar Ponte mantivera unhas relacións máis intensas (aínda que tormentosas e tensas durante determinados períodos, non pequenos) era La Voz de Galicia. O diario herculino fundado por Fernández Latorre, alén de realizar un breve repaso da traxectoria biográfica do escritor agora morto, valorizaba no mesmo instante da súa desaparición a súa figura deste xeito: "Fué Antonio Villar Ponte un gran periodista y un gran escritor. Con un bagaje de cultura vastísima, al servicio de un espíritu nobilísimo, orientado a todas las rutas de la modernidad, pero afincado en el amor profundo a la tierra gallega, la característica más acusada de su personalidad reside en su actuación de avanzado regionalismo, que se acentuó con matices nacionalistas en determinados momentos de lucha. Su pluma correctísima y brillante abarcó, sin embargo, todos los campos y los más varios temas, artísticos, económicos y los puramente literarios. Aparte de su labor periodística, abundantísima y notable, escribió diversos folletos sobre asuntos regionales, una obrita acerca de la emigración gallega; en colaboración con Ramón Cabanillas, poetizó la tragedia O Mariscal, a la que puso música Rodríguez Losada; y recientemente dió a luz Os evanxeos da risa absoluta y tradujo y adaptó, con Plácido R. Castro, unas bellas tragedia irlandesas. En conferencias, discursos y otras actuaciones públicas de carácter académico, social, político y benéfico, aplicó también sus energías Villar Ponte, robusteciendo la personalidad que en aquellos y otros aspectos había alcanzado relieve considerable, y en el campo galleguista se había elevado al primer rango".

O Doutor Devesa, no mesmo xornal coruñés, destacaba nun artigo que "lo que da unidad a la labor de Villar Ponte son su amor y devoción de la tierra".

De igual maneira, o diario olívico El Pueblo Gallego, que foi desde 1926 e até ese instante a verdadeira casa-fogar profesional do noso xornalista, non puido senón dedicar unha xenerosa atención nas súas páxinas a Antón Villar Ponte desde o momento en que se produciu o seu falecemento.

Tributoulle, por exemplo, a derradeira páxina completa do exemplar do día 8 de marzo, con textos como o poema "Tua constelazón", de Ángel Sevillano; o artigo "Na morte do amigo", de Plácido R. Castro, quen sinala que “por enriba e ao marxe da sua vida púbrica, da que figurará nas páxinas da nosa historia, Villar Ponte foi o home bó, o amigo cheio de xenerosidade e tolerancia, disposto sempre a servir a todos, incapaz de odiar nin aos que merescían o odio, sin unha deslealtade para ninguén"; unha prosa poética de Julio Sigüenza, que imaxina o espírito de Antón dialogando coa procesión dos estigmatizados coa estrela na frente; o artigo "Proyecciones. Una conducta", de Laureano Santiso Girón, que salienta que "Villar Ponte fué siempre y ante todo eso: un batallador, dispuesto a vérselas siempre contra los enemigos de nuestra tierra"; o artigo "Morreu un loitador", de Bernardino Varela; a prosa preñada de lirismo "Xa pra sempre na Terra", de Aquilino Iglesia Alvariño; unha "Lembranza d-un mozo galego", de Rey Parga; "Oremus" de Álvaro de las Casas, etc.

En El Pueblo Gallego numerosos columnistas aludiron á figura de Villar Ponte nos días posteriores á súa morte. Leandro Carré considerou entón que o de Viveiro deixaba un "hueco insustituible". Prudencio Taboada Tabanera, secundando o chamamento de Álvaro de las Casas para erixir un monumento a Villar Ponte (asunto ao que logo nos referiremos con vagar), lamentaba a desaparición de quen "ha sido maestro de periodistas, defensor enérgico y arriesgado de nuestra economía, alentador y propulsor eminente de la cultura gallega, luchador incansable de la política honrada y leal; galleguista destacadísimo, etc.". Taboada proclamábase, ademais, disposto a continuar cos seus artigos a sección de "Pretextos cotidianos", tanto tempo cuberta nese mesmo xornal polo viveirés, "gran ciudadano gallego". Desa maneira, coidaba, a obra e o espírito do xornalista morto seguirían presentes.

Olimpia Valencia dirixiu unha carta ao entón redactor-xefe de El Pueblo Gallego, Xulio Sigüenza, que este publicou no rotativo, en que se demandaba que as homenaxes ao xornalista falecido non caísen no elitismo, senón que a elas puidesen contribuír "todos los que, sin pertenecer a esa gran familia de escritores y periodistas, hemos erigido un templo en nuestro pecho a todos los defensores y amantes de nuestra tierra".

Pola súa banda, o poeta Augusto Mª Casas sinalaba en Villar Ponte "un símbolo y una ruta", un referente que coa súa constante reivindicación de autonomía para Galiza e coa súa vida exemplar, actuaría de cote "como un faro radiante para que las generaciones venideras hagan realidad aquel sueño". Outro colaborador do diario de Portela, V. García Martí, lembraría que a súa amizade con Villar Ponte xurdira había moitos anos, tras publicar este en La Voz de Galicia uns comentarios favorábeis ao seu libro Del mundo interior. García Martí, que só achaba comparábel en calidade e fondura o xornalismo practicado por Villar Ponte co de Gómez de Baquero, salientará que tiñan sido dúas as causas polas que combatera de xeito permanente o viveirense, galeguismo e liberdade: "Fué la pluma de Villar Ponte un mazazo diario en la dura sensibilidad de las gentes. Sin desmayo alguno contribuyó a forjar en el yunque de la prensa la nueva conciencia de la personalidad gallega. Día por día, subrayó todos los valores que contribuyeron a exaltar el nombre de Galicia. Encerrado en el marco de su provincia, y aun de su ciudad, su voz resonaba siempre levantando el ánimo de sus paisanos para una obra de gran aliento. Pero hay además de esta virtud de fondo en la labor de Villar Ponte, un gran decoro literario, una gran dignidad de forma; no fué, pues, sólo un espíritu entusiasta de una causa noble, sino un temperamento estético".

Tamén Xoán Xesús González confesará nas páxinas de El Pueblo Gallego o seu pesar pola desaparición física de Villar Ponte, lamentando non poder ter asistido en persoa ao seu soterramento no cemiterio coruñés, para "bicar seu corpo xa frío". O xornalista cuntiense afirmaba igualmente o seu desexo de "formar nas roldas de cantos hoxe se congregan o redor da idea loubante de eixaltar a memoria do home que espallou máis señorío espritual e soupo honrar a Galiza como ninguén".

Johán Carballeira, en fin, definiría daquela o noso compatriano como "el primer periodista de Galicia", considerándoo fundador dunha escola de xornalismo galego que se caracterizaba tanto pola constante preocupación polos problemas do país como pola austeridade, a entrega altruísta, a integridade moral e a defensa dos intereses dos agraviados pola inxustiza.

Repercursión noutros xornais galegos

Ademais da tríada A Nosa Terra/La Voz de Galicia/El Pueblo Gallego, que acollera nas súas planas boa parte da produción xornalística máis significativa do defunto, moitos outros cabezallos da prensa galega publicaron traballos e artigos dedicados a evocar e valorizar a figura humana, política e literaria de Antón Villar Ponte.

O portavoz da "Federación de Mocedades Galeguistas", Guieiro, destinaba boa parte da superficie do seu número 9 (15.3.1936) a evocar a figura villarpontina. O seu editorial, anónimo, salientaba o compromiso constante do viveirense con estas palabras: "Foi seu vivir laboura úneca de sementeira cotián. Esprito sensitivo e vixiante, pruma sintética, suxestiva, emozoada e irónica non houbo n'un coarto de século da Galiza enxebre arelanza non agarimada nin estupideza non chicoteada pol'o xornalista cuio senso liberal e xusticiero, cuia verba plástica semellaba descer do estilo de Curros Henriques (...) Levou con fidalguía a probeza honrada, patrimoño do artista na Galiza aínda serva. Na política non britou endexamais o compromiso de concenza co ideal da Galiza. Foi xeneroso e franco no trato cotián, animador de mozos, respeitoso con toda adicazón ao esprito, conversador de engaioladora simpatía, sen desaproveitar ises intres de silenzo nos que grañan as obras de longo pular (...)".

No mesmo cabezallo incluíronse, alén duns "Radiogramas do Olimpo" do propio Antón (nos que o de Viveiro "facía falar" ao Padre Sarmiento para facer unha condenación das touradas, das supersticións, da pena de morte e da actitude eclesiástica cara á lingua galega), outros textos: un breve traballo de Vicente Risco (incluíndo un chamamento a recuperar "o esprito das Irmandades da Fala"); o poema "Tua constelazón" de Ángel Sevillano, que xa fora publicado como vimos en El Pueblo Gallego; unha prosa de Vázquez Martín, na que se afirmaba que Villar Ponte deixaba tras de si "un camiño de libros e artigos, que serán sempre os que responderán"; outra prosa de Cesáreo Muñiz So[u]sa, que consideraba que a biografía de Antón ficaba enxalzada pola súa obra e constituía "vida de eixemplo e de sagrifizo, vida inmorredoira de patriotismo, que soupeches ofrendar desinteresadamente n-un grado sumo a Galiza"; e, finalmente, debida á pluma de Florentino L. Cuevillas, a seguinte valorización: "Soio os que levamos longos anos de loita sabemos ben o que Galiza debe ao ilustre morto. Día tras día na prensa, na tribuna, na conversa particular fixo un constante e teimoso apostolado. E cantas veces foi a sua voz a que mantivo ergueita a nosa fe vacilante. Cantas veces un artigo seu foi como un vento levián que esparexeu as nubens mouras do noso pesimismo. E canta honradeza na sua aituación púbrica e privada. Que vida a sua sen un paso atrás, sen unha claudicación, sen un desmaio".

Pola súa banda, o voceiro oficioso do Partido Sindicalista na Coruña, La Calle, semanario dirixido por Manuel Fernández Fernández, recollía un artigo necrolóxico intitulado "Galicia perdió un hombre". Aínda que sen asinar foi escrito polo Doutor Pérez Hervada e ilustrado cunha caricatura de Villar Ponte debida ao lápis de Álvaro Cebreiro: "La calle de Fermín Galán se abre en dos filas para ver pasar el cortejo fúnebre que acompaña a sus restos. Esta calle de Galán tan coruñesa, por la que Villar paseaba su modestia y su sencillez; esta calle de Galán, en la que Villar lucía su endeble figura de hombre venido a menos, con su media estatura, su cuerpo combado hacia adelante, su cara escuálida de enfermo crónico, su eterno pitillo en la mano (...) Porque Villar Ponte lo merecía todo. Fué un hombre bueno, sin odios ni enemistades; un escritor de fibra y un periodista sagaz; un defensor del pobre emigrante que marcha sin cultura y sin dinero a conquistar el mundo en lejanas tierras; un exaltador de los valores regionales y un reivindicador de los derechos de Galicia; un político destacado por su amor a los humildes y a las causas justas; un hombre, en fin, polifacético que lo único que no hacía era ejercer su carrera de farmacéutico".

O mesmo día do pasamento de Villar Ponte, Blanco Torres escribía no xornal republicano El País, de Pontevedra, un fermoso artigo necrolóxico sobre o seu "fraternal camarada de tantos años de combate y de comunidad ideal". O de Cuntis comezaba aseverando que "es preciso sobreponerse a la consternación (...) Antonio Villar Ponte ha muerto, y al decir esto sabemos lo que significa una vida como la de él, que se apaga, y lo que pierde Galicia y de qué manera tan trágica la muerte tiene preferencias por los hombres que en lo mejor de sus años dejan interrumpida una tarea fecunda y habían contraído consigo mismo la deuda de honor de darle a un pueblo lo mejor de sus energías (...) Muere el ilustre periodista en plena madurez, cuando su obra de escritor gramaba en la conciencia de su pueblo, cuando su pueblo le había conferido nuevamente la investidura parlamentaria, en prenda de adhesión y como recompensa a una ejecutoria ciudadana en que resplandecían de consuno el desinterés, la austeridad, la perseverancia en la lucha, la abnegación y el sacrificio".

Lembraba ademais Blanco Torres os longos anos en que Villar Ponte exercera como xornalista, tanto na Galiza como en América, "con la fatiga de todas las noches al pié de la platina, con el afán de todos los días renovado después de cada batalla. El amor de Galicia en las entrañas, la preocupación incesante por su regeneración moral y material, la inquietud constante en el espíritu por labrar en su pueblo el surco de un ideal fecundo, ganando palmo a palmo en cada combate contra el enemigo, la servidumbre, la ignorancia y la miseria, una posición en el territorio ideal al que había consagrado toda su vida ¡Que poco sabe Galicia lo que le debe! Para que cobrase conciencia de sí misma, de sus derechos, de sus valores sociales, de su categoría ontológica, no conoció la tregua el pensamiento ni reposó un instante la pluma del periodista muerto".

O autor de Orballo da media noite, logo de salientar o contributo esencial de Villar Ponte ao ideario nacionalista galego e de pór en destaque as circunstancias de honradez e pobreza que rodearan o propio pasamento, concluía a súa necrolóxica sinalando: "Vidas paralelas a la del camarada que se nos va, en el amor a Galicia, en la faena tenaz por su bien, en la pugnacidad de ya largos años por las ideas republicanas al fin triunfantes, sabemos lo que pierde el periodismo y en qué grado sufre hoy Galicia una baja en la fila de sus defensores".

No mesmo xornal pontevedrés, Vázquez Castro, desde Bermés-Lalín, publicaría tamén unha sentida nota sobre o falecemento, en que, entre outros aspectos, salientaría que o viveirense fora "a esta tierra, acompañado de otros luchadores, a esparcir los ideales redentores de su amada Galicia mucho antes del advenimiento de la República, cuando el caciquismo era dueño completo de todas estas moradas". Pola súa banda, o escritor pontevedrés Modesto Bará Álvarez, que tivera destacada participación na revista-colección Alborada, deu conta nas páxinas do xornal arousán Galicia Nueva do impacto causado na cidade do Lérez pola nova da morte de Villar Ponte: "La noticia produjo general y hondo pesar, ya que el finado contaba aquí con grandes simpatías y amistades, derivadas de su brillante y antigua actuación periodística y de su profundo cariño a la tierra gallega, a la que en todo momento dedicó su más acendrado cariño y las más brillantes y entusiastas frases salidas de su pluma. Este sentimiento se agranda por la circunstancia de ser el señor Villar Ponte uno de los tres diputados galleguistas triunfantes en las últimas elecciones y esperarse de él, dado su amor a Galicia y el perfecto conocimiento de sus problemas, una campaña intensa y fructífera para ella. Con este triste motivo, se han cursado a Coruña múltiples telegramas de pésame, entre ellos uno muy expresivo de la Asociación de la Prensa. El Centro Galleguista izó la bandera a media asta y enlutada con crespones. Muchas y significadas personas y autoridades se trasladarán a Coruña para asistir al entierro del malogrado y llorado líder de la causa galleguista".

De igual xeito, o correspondente do diario lugués El Progreso na vila de Foz, coa que tan intenso vínculo tivera o noso autor nalgún período da súa vida, salientaba: "Produjo sentimiento en esta villa la noticia del fallecimiento del gran periodista gallego Villar Ponte. Había vivido años de juventud en Foz, donde en colaboración con el poeta de la montaña Noriega Varela y el oficial de aduanas don Camilo Cela, lanzó á la calle un periódico satírico titulado ¡Guau...Guau! que con su gracia restallante y mordaz era el temor de ciertos tipos pintorescos que nunca faltan en todo medio pueblerino dando a éste su fisonomía chabacana de farándula tabernaria. Para la Hoja Literaria que la Juventud de Foz publicó el año 1930, con motivo de las fiestas patronales de San Lorenzo, había tenido la gentileza de enviar en lengua vernácula un bello trabajo, rebosante de cariñosas nostalgias de estas tierras marineras que el llevaba en sus pupilas y en su corazón. Descanse en paz el buen gallego y que su vida de luchador contra toda casta de malandrines en pro del progreso y redención de Galicia, sirva de ejemplo vivo a la juventud de hoy".

No xornal estradense El Emigrado, García Nodar publicaba unhas "Verbas de loito. Vilar Ponte morreu". Nelas, logo de confesarse lector afervoado dos seus artigos xornalísticos, afirmaba que a Galiza debería chorar polo morto como "por un pai", por ser Villar Ponte o escritor galego que, na súa opinión, mellor tiña coñecido os problemas do país e máis tiña feito por arranxarlles solución. No mesmo xornal, as famosas "Rexoubas" de Ken Keirades (Manuel García Barros) víanse obrigadas a adoptar un ton ben diferente do habitual para faceren unha emocionada nota necrolóxica: "A miña pruma que n'ista sección soie moverse festeira e humorística, ten que correr oxe pol-as coartillas ateigada de tristura. Morreuse o Villar Ponte. Ante iste suceso deloroso todo se me empequenece, todo me repuna a non ser o delor ferinte que no meu corazón e na miña alma sinto. Na hora do trunfo, cando un abrente fúlxido estende os seus craros destelos sobre a nosa Terra que íl tanto amou, vaise o Villar Ponte, o apóstole mais xurdio das nosas libertades, o loitador incansabre que pasou a vida enteira facendo da sua alma eslabón que a decotío daba golpes sobre os croios da Terra pra alcender isa lús da nosa alborada. Cando a morte de Antón Losada dixo Villar Ponte que os vermes que roeran o seu cerebro volveríanse vermes de lús. Os que roian o de Villar Ponte volveranse de lús tamén e nas noites serenas sairán a encher de estrelas o campo de Galicia. Querido Villar Ponte, gran galego, gran escritor e amigo sempre leal: ahí che van istas probes liñas de recordo. No xardín da miña alma non hai semprevivas bastantes pra poñerche sobre a foxa donde descansas".

O semanario ourensán Heraldo de Galicia, nun texto sen asinar mais debido probabelmente ao seu co-director Vicente Risco, dicía sobre Villar Ponte días despois de se ter producido a súa morte: "(...) Esprito generoso e dunha gran bondade, namorado deica o apaixonamento da nosa Galiza, consagroulle todo o seu entendemento ergueito e cultivado, todo o seu corazón de patriota, todo o seu esforzo de periodista, de literato, de crítico de arte e de pensador político. De entre os modernos, foi o máis espirtualmente avencellado cos Precursores, e un dos que millor comprendían o aspecto de totalidade do galeguismo, e a importancia capital da espirtualidade e da cultura engebre. Se foi político sempre, non hai que esquecer que a sua personalidade de dirigente, de orgaizador e de diputado, non escurecerá endejamais â do literato, â do autor de Almas Mortas, de O Mariscal e de Os Evangeos da risa absoluta; â do tradutor de Synge e de Yeats; â do crítico que procramou aos catro ventos todo novo libro galego e que tirou da escuridade a tantos artistas novos; â do ensaista cuio magisterio cotián deu normas â nosa renacencia. Escrita en jornais, esmigallada en artigos que se esquencen pra o outro día, a obra principal de Antón Villar Ponte semella que non se percibe; mais ollada en conjunto é verdadeiramente formidábele, é un esforzo criador de vinte anos arreo sen perder un día de loubar, protestar, chamar a atención, aleccionar, guiar, erguer o esprito ao púbrico galego. E sempre justo (...) Onde os homes se juntasen pra traballar por Galiza, alí estaba il coiles, na política ou na cultura na Irmandade ou na Academia, nas asociaciós ou juntanzas de toda caste onde se tratase de erguer o tono da vida galega, de millorala ou perfeizoala".

No mesmo semanario ourensán, mais desta volta asinando expresamente, Risco consideraría que "con Antón Villar Ponte arrédase de nós pra convertirse cecais nunha página esquecida, polo menos seguramente desfigurada da historia, toda unha etapa, a verdadeira etapa heroica do galeguismo". Pola súa banda, Otero Pedraio escribía a propósito do finado que "ninguén coma íl percibía entre nos o infindo e calado latexar da Galiza no tempo de cada día. Por iso foi o meirande xornalista de craro enxergar e concreta e vibrante prosa. A millor porción dos seus artigos eran curtos e logrados ensaios, e recorréndoos cando se pubriquen poderáse recorrer un longo e senlleiro intre da intensa e verdadeira historia da Galiza".

Finalmente, o "periódico independiente" vivariense El Landro publicou tamén nestas datas (nº 22, 1.4.1936, páx. 3) unha necrolóxica intitulada "Antón Villar Ponte", asinada por "Un galego". Destacábase nela que o autor de A patria do labrego fora toda "unha instituzón", que en Viveiro a nova da súa morte causara grande conmoción ("non se falaba d'outra cousa, pois parecía que morría con il algo que era xa de todos") e exprésase finalmente grande mágoa polo feito de que o xornalista marchase de entre os vivos "sin lograr seus mais grandes desexos", en probábel alusión á non satisfacción das demandas autonomistas galegas, das que fora destacadísimo adalide.

A morte de Antón Villar Ponte na prensa estatal

A nova do falecemento do histórico republicano e deputado galeguista da Fronte Popular electo pola circunscrición coruñesa non podía pasar desapercibida, obviamente, na prensa de ámbito estatal, nomeadamente naqueles cabezallos máis próximos á tendencia ideolóxica global que Antón Villar Ponte representaba.

Así, a infausta nova recibía o seguinte comentario, baixo o título de "Ha muerto Antonio Villar Ponte, líder del galleguismo", por parte do xornal madrileño Política, voceiro da Izquierda Republicana azañista:

"Recibimos, secamente, una mala noticia para la República, una noticia desoladora para Galicia: ha muerto Villar Ponte (...) Con Villar Ponte pierde la República un escudero indomable, y Galicia un insubstituible intérprete de su mejor fibra política (...) Batalló por los ideales de libertad entre sus paisanos emigrados a América, trabajó por la República y la sirvió franciscanamente en sus mejores horas y a cara descubierta, cuando se exponía mucho al hacerlo así. Con Castelao, Suárez Picallo y otros valiosos elementos figuraba en la plana mayor del galleguismo militante de izquierdas, limpio de desviaciones retóricas. El tiempo que le dejaban libre los mítines y conferencias lo invertía en escribir vibrantes artículos periodísticos, y aún sabía hurtar al tiempo breves instantes para verterlos en hermosas páginas de literatura como las de sus agridulces Evangelios de la risa absoluta [sic] y otras varias obras de inestimable valor. Había trabajado sin tregua por el bien del país y por un mejor entendimiento y orientación de Galicia. Muere pobre. Su figura enjuta de Quijote frío y contumaz se esfuma cuando más necesario era a sus paisanos de Galicia y a sus paisanos de la República española. Ha muerto pobre, pero a los gallegos les deja un tesoro: la lección de su vida sencilla, la prosa certera de sus artículos y sus libros. Y un derrotero bien marcado a las nuevas generaciones...".

Outro dos xornais que editorializou sobre a amentada nova foi o diario Heraldo de Madrid, preguntándose: "¿Qué mala fada se empeña en torcer el destino de Galicia? ¿Qué maldito meigallo ha hecho presa en el cuerpo social de esta bendita tierra, en la que se obstina en cebarse el infortunio?. Apenas apagado el eco triunfal de la victoria de la democracia, por el que Galicia ha recuperado su dignidad de pueblo libre, he aquí que cae víctima de la fatalidad uno de los personajes más legítimos de aquella región, Antonio Villar Ponte, electo recientemente diputado con el carácter de galleguista. Antonio Villar Ponte, generoso, culto, inteligente, fué, sobre todo esto, ciudadano ejemplar, que consagró su vida al triunfo de los ideales del pueblo".

Mesmo publicacións de carácter corporativo como o "órgano de la clase farmacéutica española" La Voz de la Farmacia, editado en Madrid, publicarán sentidas notas necrolóxicas de Villar Ponte, destacando neste caso concreto que o noso autor "se honraba con el título de farmacéutico" e tiña actuado "intensa y acertadamente" na Secretaría do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, sobre todo con motivo da celebración na urbe herculina, en setembro de 1926, da XIVª Asemblea da "Unión Farmacéutica Nacional": "(…) con su actividad y con sus prestigios y con sus relaciones, fué el principal factor del éxito de la Asamblea, especialmente en cuanto se relacionó con los brillantes y típicos festejos organizados en obsequio de los Asambleistas. De éstos principalmente, la deliciosa fiesta gallega, iniciada como presentación, con una ingeniosa poesía humorística del hoy difunto Villar Ponte, y en la que se cantaron canciones gallegas de ingenuo humorísimo [sic], fruto cuyas intencionadas coplas fueron también de la lira del mismo gran periodista. Honremos la memoria de quien honró a la Farmacia destacando su personalidad con acusado relieve, aunque fuera en actividades ajenas a la profesión: que siempre los prestigios personales adquiridos por los miembros de una colectividad refluyen a ésta, aunque se conquisten en esferas distintas a las que afectan a la vida colectiva. Villar Ponte conquistó un lugar preeminente en la historia de las vindicaciones regionales gallegas, y es esta historia la que registrará su nombre con honda gratitud; pero siempre podremos los farmacéuticos honrarnos proclamando: quien así triunfó en sus actividades periodísticas y políticas era un farmacéutico".

Repercusión na colonia galega emigrada

Tamén no seo da colectividade galega emigrada e nos seus órganos de prensa a nova do óbito de Villar Ponte suscitou reaccións de dor e condolencia. Sirva como exemplo a nota publicada pola revista do "Centro Galego" de Buenos Aires, Galicia: "Sencillo y afable en su trato, su temperamento cambiaba por completo cuando era necesario actuar públicamente. Entonces se encrespaba, vibraba con toda la magnitud de las santas rebeldías, era, en fin, un Villar Ponte distinto. Fecundo publicista, las columnas de la prensa están colmadas de sus bellísimos trabajos, porque el ilustre hombre gallego era por encima de todo, periodista, a cuya profesión entregó lo mejor de su espíritu. Allí donde fuera necesario defender cualquier causa gallega, la pluma de Villar Ponte estaba siempre en la vanguardia abriendo certero surco. Siempre el primero y el más atinado en sus ob[s]ervaciones de maestro. Desaparece cuando más falta hacía para los intereses de Galicia. Queda el tesoro de su obra ejemplar de apóstol máximo. Paz en su tumba, una paz que bien se merece por noble, por bueno y por gallego".

A revista galaico-cubana Cultura Gallega, que cualificaba o falecido como "batallador periodista y escritor nacionalista", destacaba varios aspectos da súa traxectoria vital: que escribira "indistintamente en el idioma nacional y en el gallego, con bastante fortuna"; que, como literato, deixara "algunas obras de ambiente gallego neto"; que fora deputado nas Cortes Constituíntes da 2ª República, "distinguiéndose en la defensa de los intereses gallegos"; e, finalmente, que fora, desde o 24 de xullo de 1934, académico da Galega, ocupando o escano vacante do arcebispo Lago González. Esta publicación da Habana, da que era director Adolfo V. Caeiro, deitaba ademais na súa necrolóxica dous comentarios de certo interese, un sobre o medio de difusión do labor xornalístico de Antón en América e outro sobre o carácter persoal do falecido: "Como periodista, colaboró directamente en periódicos de España y América, y por el procedimiento tan frecuente en esta última parte del mundo, de cortar y pegar, se multiplicó la circulación de dichos artículos (...) De cáracter agrio, en parte agravado por la afección intestinal que padecía, la muerte fué para él la solución última a todas las cuestiones que plantea la lucha por la vida".

Por outra banda, o mozo galeguista e futuro autor de libros poéticos como Jacobusland, Emilio Pita (1909-1981), que tratara con certa familiaridade ao Villar Ponte durante a súa estadía provisoria na Coruña en 1934, escribiu un longo artigo necrolóxico no xornal bonaerense Galicia, cabezallo que tiña reproducido con frecuencia artigos publicados polo viveirés. Nese artigo, Pita facía un persoal repaso polas tres vertentes fundamentais da figura desaparecida: "O home", "O esquirtor" e "O patriota":

"Era outo, un pouco botado de lombos cos ollos tristeiros de neno sin lediza, e unha surrisa sempre apegada á faciana (...) Modesto, talentoso, de fonda cultura a disimulaba coa parquedade das suas parolas. Falaba pouco dos demais e ren de si mesmo. Entroques, pasouse a vida dando a coñecer, co abuso de hipérboles, a laboura allea esquecendo de cote a propia. Foi un soñador, un neo-romántico; na sua alma, que sufreu penas e desenganos, non morreu xamais a espranza na Terra e a arela de ollala ceibe e feliz (...) A obra periodística d'Antón Vilar Ponte ficará na historia do rexurdimento galego coma a contribución mais outa e desintresada a prol d'unha causa patriótica. Nin Benito Vicetto nin Manuel Murguía, que tanto traballaron nos tempos heroicos do galeguismo, deixaron unha laboura tan fonda de proselitismo nacionalista. Foi o iniciador nato, o incansabel animador, o home múltipre, traballador, inagotabel. Fixo, endemais, pol-o ben da Terra, ó meirande sagrefizo que pode faguer un esquirtor brilante, culto, erudito como il o foi. O deixar abandoada a laboura intelectualmente pura pra adicarse a prédica diaria dende todol-os xornaes que pregábanlle a sua firma ben cotizada (...) Pero todal-a laboura intelectual de Vilar Ponte, con sere tan grande, con sere de tanto valimento para as letras galegas, fica obscurecida adiante da sua actividade patriótica, senlleira e única".

Mesmo o voceiro dos arredistas galegos de Bos Aires, A Fouce, que tantas veces tiña criticado ao noso autor nas súas planas, expresaba agora sincera condolencia pola súa desaparición:

"Bandeira da nosa loita, dend-os comenzos do movimento redenzonista galego, sempre foi o primeiro en siñalar roteiros ao qu-il coidaba millor, pra-o conquerimento d-os nosos fins. E si algunha vegada se trabucou no camiño, nunca se lle poido decir ren, xa que n-ise mesmo trabucamento, había unha xenerosa decisión de servir a Galiza, por enriba de tudo, sagreficando os seus máis íntimos sentimentos e as suas mais apremiantes necesidades. Nestas mesmas colunas, mais dunha vegada, xuzgamos un pouco agriamente ises trabucamentos de forma. Xuzgámolos, e dixémolo con tuda sinceiridade, como é de obriga faguelo co irmán que se quere e se respeita, cando se sinte o medo que un mal vieiro poida levárnolo pra sempre do noso lado. Porque non queríamos perdelo, porque nos faguía falla ao noso lado, porque sabíamos da sua grandeza e dos seus valimentos, non-os podíamos resiñar a que nós, e con nós Galiza, perdésemos ao mais esgrevio e ao mais baril d-os que oxe formamos nas filas nazonalistas. E non vamos ser nós quens devanemos bágoas pol-a sua marcha prematura. Sentimento fondo y-egoista pol-o que poidera e non tivo tempo de faguer, sí. Pero temos a ledicia de velo ir, deixándonos tras de sí, unha obra múltiple e rica, na que o seu esprito latexa e sigue vivindo a carón de nós".

(continuará)