eu

eu
eu

luns, 7 de agosto de 2017

Chafarís: o novo poemario infantil de Xoán Neira



As Edicións Embora, de Ferrol, veñen de tirar do seu prelo dentro da colección “Fardel dos soños” (na que teñen xa editado traballos nomes ben coñecidos na literatura e na ilustración infantil galega como Xosé Neira Vilas, Antonio García Teijeiro, Xaquín Marín, Xosé Tomás, Leandro Lamas, Dani Padrón, Antón Cortizas, Xoán Babarro, Concha Blanco ou María Canosa) un novo poemario infantil do poeta de Meilán, Xoán Neira López.

Mestre do colexio “Lois Tobío” xa xubilado, veciño de Viveiro desde 1982, columnista ocasional da edición mariñá do diario El Progreso e socio fundador do Seminario de Estudos da vila do Landrove, Xoán Neira López é un escritor en lingua galega de obra relativamente prolífica, na que destacan títulos como Memoria e soño (1996), Nas varandas do abrente (2000), Ás catro augas (2004, editado pola Fundación Manuel María) e Linguaxes (2005), libro artístico feito en colaboración co debuxante e ceramista afincado en Xunqueira Otero Regal.

Versos da autoría de Xoán Neira están presentes tamén en numerosos volumes colectivos, como a Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte, promovida nas Ediciós do Castro polo profesor Xesús Alonso Montero; Alma de beiramar (2003), editado con motivo da catástrofe do petroleiro “Prestige” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), á que o propio Xoán pertence; o volume Negra sombra. Intervención contra a marea negra (2003), saído do prelo da Espiral Maior do hoxe deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello; a Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo, editado en 2003 a iniciativa do poeta Xosé Lois García para honrar a figura do poeta medieval chantadino; os respectivos volumes de homenaxe que a xa amentada AELG preparou sobre as figuras de Uxío Novoneira e Ánxel Casal; e, por último, A Coruña á luz das letras (2008), da editorial Trifolium. Tamén ven sendo constante a súa presenza na revista poética luguesa Xistral.

Os traballos poéticos de Xoán Neira resultaron recoñecidos e premiados en varios certames de poesía, como o Meigas e Trasgos de Vilalba e o Rosalía de Castro de Barcelona, mentres que os seus artigos xornalísticos recibiron igualmente mencións de honra en concursos como o Manuel Reimóndez Portela, de A Estrada, e o Begonte e o Nadal, da citada localidade chairega.

A súa traxectoria como escritor de versos dirixidos ao público infantil comezou co poemario musicado Recreos (1997), da man de Baía Edicións, que tamén lle editou posteriormente os libros Xiz de cor (2004), Farrapos de nube (2007) e No cubil da lúa (2009). Tras Un niño no xardín (2012), editado por Xerais, chega agora desde Ferrol Chafarís (2017).

Semellante percorrido, relevante de seu mesmo que sexa considerado só do punto de vista cuantitativo (aínda que sobre niveis de calidade os versos de Xoán saen, desde logo, máis que airosos de calquera proba), infelizmente non mereceu a atención de volumes de recente publicación como a Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (Eds. Xerais, 2016), preparado baixo a coordinación de Ana Blanco Reig-Rechou por un nutrido grupo de investigadoras que, coidamos, deberían revisar o seu tratamento cara á obra do autor de Meilán na perspectiva dunha eventual “segunda edición corrixida e aumentada” do seu traballo, tan meritorio noutros moitos aspectos.

O volume que agora acaba de publicar Xoán Neira, Chafarís, conta con ilustracións da artista valdeorresa Ánxeles Rodríguez Ferrer (pode verse parte do seu traballo no blog persoal http://vagalumesentreaherba.blogspot.com), que xa colaborara con Xoán Neira en 2012 na publicación de Un niño no xardín.

Chafarís está formado por un molliño de doce poemas, baixo os títulos de “O paraugas”, “O reloxo”, “A lámpada”, “O pan”, “Os fantasmas”, “O chafarís”, “A estrela amiga”, “O espertador”, “O morcego”, “Aves migratorias”, “O peto” e “O rato de biblioteca”.

Como en anteriores libros, Xoán comprácese en mirar con ollos anovados as cousas, os animais e os espazos que habitualmente nos rodean, en pesquisar a súa beleza e o seu misterio agochados, en tornalos fonte inesperada para a fantasía e a ilusión.

Nesta perspectiva, Chafarís é un libro continuísta a respecto dos anteriores do seu autor, mais o concepto está lonxe aquí da connotación negativa con que frecuentemente se asocia; ben pola contra, subliña a coherencia estética e ética de toda a traxectoria do noso poeta. Xoán Neira é quen de combinar na súa poesía infantil unha perspectiva plástica, visual e descritiva con outra reflexiva e profunda, de maneira que o que ofrece en Chafarís, como en libros anteriores, veñen sendo algo así como “retratos meditados” sobre elementos do medio que nos rodea.

Como xa temos escrito algunha vez, é esa sabia combinación entre o verso descritivo “para nenos” e os sentimentos profundamente humanos e vivenciais que atopamos nos poemas a fórmula feliz, quintaesenciada e intransferíbel que produce en último termo este intenso pracer estético que provoca a lectura dos versos do Xoán.

A brevidade, o atinado manexo das rimas asonantes e dos versos heterométricos, os xogos de aliteración e de rima interna (moi evidentes en poemas como “O peto” e “Aves migratorias”) e unha coidada selección léxica son algúns dos trazos que caracterizan esta poesía infantil deste amigo que, máis unha vez, sae ao encontro das persoas lectoras para convidalas a renovar a poesía como o grande milagre do mundo, que dixo Luís Pimentel.