eu

eu
eu

sábado, 21 de febreiro de 2015

UNHA FELIZ REEDICIÓN: "FALA DAS MUSAS", DE DANIEL PERNAS NIETO

Da man do investigador Armando Requeixo e no seo da colección Láncara de poesía, que apadriña o Centro de Investigacións Ramón Piñeiro, acaba de aparecer unha reedición dun poemario realmente singular da historia poética galega: Fala das musas, de Daniel Pernas Nieto (1884-1946).

Como é sabido, foi este un dos escasísimos volumes editados en lingua galega durante a guerra civil en pleno territorio franquista, como xa teñen salientado estudosos como Carvalho Calero, Alonso Montero ou Claudio Rodríguez Fer.

Apareceu, efectivamente, o 23 de decembro de 1936 e imprentouse na Fojo de Ortigueira, cun prólogo do daquela falanxista de novo cuño Álvaro Cunqueiro e cunha cuberta do artista, tamén mindoniense, Bernardino Vidarte. Foi o bispo Benjamín de Arriba quen concedeu o correspondente nihil obstat a este libro que, como se sinalaba na instancia presentada para obter esa autorización, “nada contiene contra la Fe y las buenas costumbres”.

O seu autor, o sacerdote Daniel Pernas Nieto, natural da parroquia de Santiago de Quende (Abadín), contaba daquela 52 anos de idade e, en paralelo á súa traxectoria ad curam animarum en parroquias como San Pedro de Xuances (Xove), San Xoán de Ínsua (Ortigueira), Santa María de Vilavella (As Pontes) ou Santiago de Baroncelle (Abadín), xa se prodigara como colaborador literario nos anos previos en numerosas publicacións periódicas, tanto da área da vella provincia mindoniense (De todo un poco, Pensamiento Católico, El Eco de Villalba, Heraldo de Villalba, La Voz de Mondoñedo, Vallibria, Hoy...), como doutras cidades galegas (Vida Gallega de Vigo, El Compostelano...), como, en fin, das impulsadas pola comunidade galega emigrada en Cuba (Galicia, Follas Novas e Eco de Galicia).

Cuberta do libro, por B. Vidarte
De feito, a súa estrea en letras de molde veu da man do xornal satírico ¡Guau...Guau!, impulsado en Foz en 1906 polo daquela boticario e xornalista Antón Villar Ponte, polo funcionario Camilo Cela e polo poeta e mestre de escola Antón Noriega Varela. Este último exerceu un evidente maxisterio poético sobre a musa do presbítero de Quende, como se encarga de salientar Requeixo na súa excelente introdución ao volume agora reeditado.

O libro de Pernas Nieto, que reúne 26 poemas escritos entre 1906 e 1934 e que se enriquece na edición de Requeixo cun monllo de dúas ducias máis de poemas dispersos, ten un carácter claramente colectáneo. Desde 1913, cando menos, este sacerdote, formado nas aulas do seminario mindoniense, albergou a intención de editar un volume poético, dando ao pé dalgúns poemas soltos que publicaba na prensa a mesma referencia titular coa que finalmente aparecería en decembro de 1936.

Tres liñas básicas, indica o editor literario, inspiran as composicións que se recollen no libro, que se abre cunha citación dos Tristia do poeta clásico Ovidio: a relixiosa e devocional, que preside boa parte das pezas do conxunto e que fai especial fincapé na advocación mariana; a paisaxística e descritiva, con claros influxos virxilianos, horacianos e do noso Noriega Varela máis franciscanista; e, por último, a social, onde son perceptíbeis as alusións críticas á emigración e ao caciquismo como males da sociedade rural galega dese tempo, mais tamén resulta ben palpábel o feroz antirrepublicanismo e a visión de corte integrista ou nacional-católica profesada polo noso autor, que rematou os seus días, como residente do Asilo de Mondoñedo, vítima dunha afección diabética.

Daniel Pernas Nieto
Non está de máis ponderar o feito de que un número non pequeno de poemas que compoñen o libro pasaron de inmediato ás planas de dous semanarios de Viveiro, o Heraldo de Vivero e mais La Voz de Vivero, de onde os rescatamos nós propios para llos facilitar, séxanos permitida a inmodestia de dicilo, ao autor da edición que comentamos. Esta presenza non foi só cuestión de proximidade xeográfica entre a vila ortegana e a do Landrove, nin do feito que o autor dos poemas tivese durante unha época da súa vida estreita relación coa Terra de Viveiro ao exercer (xa o sinalamos) como coadxutor de Xuances (Xove) entre 1910 e 1912. A imprenta Fojo, fío de estreitos vínculos entre Ortigueira e Viveiro, pasaba as galeradas do libro aos semanarios citados, que se tiraban do prelo no estabelecemento que a casa impresora ortegana tiña aberto entón en Viveiro na Feira (actual Avenida de García Dóriga).

Non sabemos se o lembrado Luís Neira Río, tipógrafo dese estabelecemento e pear fundamental da historia do Heraldo de Vivero, chegou a poñer a súa experta man na confección tipográfica do volume que nos ocupa: habería que cadrar as datas da súa mobilización bélica co proceso de confección do orixinal da edición para cerciorarse deste extremo. En todo caso foi outro viveirense, o poeta e falanxista Antonio Aparicio Ferreiro, un dos primeiros en saudar na prensa a aparición do volume, comentándoo nas planas do Heraldo de Vivero (2 de febreiro de 1937).

Tristeza causa ler, na introdución ao volume, un parágrafo de Armando Requeixo que sinala que lle foi negada en reiteradas ocasións pola actual propietaria desa cabeceira histórica da prensa ortegana a autorización para consultar exemplares de La Voz de Ortigueira, onde moi probabelmente se poderían localizar outros poemas do sacerdote-poeta. Nada bo se deriva de semellante actitude e, polo aprezo que a esa propietaria lle profesamos, por razóns de longa relación profesional coa nosa familia e como colaboradores que fomos da entrañábel “Verza”, atreveríamonos a pedirlle humildemente que revise esa actitude obstaculizadora para que os investigadores poidan acceder no futuro a esa colección de La Voz de Ortigueira que tanto ten aínda por revelar para enriquecemento da nosa cultura e da nosa historia.

Finalmente, hai que lle dar os máis sinceros e cordiais parabéns por esta edición ao investigador Armando Requeixo, que pon así ramo a un ano de actividade ciclópea e extraordinaria pola súa parte, como responsábel que é de boa parte dos estudos, resgates e edicións que se fixeron arredor doutro autor saído das aulas do Seminario mindoniense a quen dedicamos en maio de 2014 a Festa Maior da nosa Lingua, Xosé Mª Díaz Castro, o poeta dos Vilares de Parga.

martes, 10 de febreiro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE, LITERATO

A imaxe habitual que se ten sobre Antón Villar Ponte é a do ideólogo e dirixente político, a do animador cívico e cultural e a do xornalista, mais non pode esquecerse nen minusvalorizarse que foi tamén un escritor que cultivou diversos xéneros literarios. Poesía, relato, novela breve, prólogo e texto ensaístico máis ou menos extenso foron os moldes en que verteu unha parte non desdeñábel do seu talento, por máis que haxa que recoñecer que foi no artigo xornalístico, sobre todo, onde brillou con luz propia.

A súa vocación literaria foi moi temperá e viuse favorecida pola conxunción de diversos factores. Entre eles cabe citar, en primeiro termo, a existencia dunha imprensa local no seu Viveiro natalicio (El Vivariense, El Eco de Vivero...). Esta non só facilitou un contacto asiduo coa lectura senón que propiciou as primeiras aparicións de textos villarpontinos en letras de molde. Ademais, non debe perderse de vista a cómoda posición económica do lar paterno, que facilitaba a adquisición de libros, revistas e xornais de todo o tipo e garantía ademais o acceso privilexiado de Antón á educación desde a máis tenra infancia. De idéntico xeito, hai que ter en conta a presenza na vila do Landrove de figuras literarias históricas paradigmáticas, como o romántico Pastor Díaz, ou doutras que cultivaban entón a lira: o mestre Lois Tobío Campos, o poeta e xornalista Alfredo García Dóriga, etc.

Aurelio Aguirre
Antón publica os seus primeiros poemas, escritos invariabelmente en español, na imprensa local viveiresa: “Burbujas”, “Amorosa”, “Lírica”, “Brindis”, “Primavera”, “Rubia”, “Voz del mar”, “El eterno femenino”... Trátase de textos claramente influenciados polas correntes neorrománticas e modernistas que comezaban a ocupar o centro do sistema literario español na transición intersecular, ao influxo de figuras como Salvador Rueda, o primeiro Valle Inclán ou Rubén Darío. Non debe olvidarse, ademais, o influxo de Aurelio Aguirre, que foi, segundo declaración do propio Antón, “uno de los poetas por quien sentí más grande devoción en mi adolescencia”. O mozo fai nestes primeirizos poemas seus unha constante visitación, de raíz probabelmente autobiográfica, do motivo do amor infortunado. Só “La Voz del mar” responde a un estímulo cívico-patriótico, pois foi escrito con motivo do “Desastre do 98”.

Durante a súa estadía en Foz como boticario, Antón prosegue co cultivo desa poesía neorromántica, mais amplía os seus horizontes cultivando profusamente xa o artigo xornalístico, redixindo para La Voz de Galicia un “Cuento de Reyes” e compoñendo a rogos das sociedades obreiras da cidade das murallas unha peza teatral “de tese” en español, El peso de una ley, en que combatía por inxusta socialmente a chamada “redención a metálico” do servizo de armas.

Para a Revista Gallega de Galo Salinas redixe, alén de diversos artigos, varios poemas: os neorrománticos “Carta de amor”, “La promesa”, “Amorosa”, “Cosas de Momo”, “Primavera”, “Tristeza”, “Burbuja”, “Inocente” e “A un clavel rojo”, o costumista “Tipos de mi tierra: Chumín”, do que xa falamos neste mesmo blog, e o fabulístico “La Pereza”. Tamén ven lume nesa revista coruñesa algúns contos en español (“El loco de un cantar”, “La risa de los niños.Esbozo”, “Otoño”, “Brochazos”, “La carcajada”, “Otoñal”) e un texto parateatral intitulado “Dos cartas (monólogo)”. Pola súa vez, para El Combate herculino perxeña Villar Ponte, xunto con moitos textos de teor político republicanista, dous textos parateatrais (“Fragmentos de un diálogo” e “Conflicto internacional”, respectivamente), o poema civil “¿Quosque tandem?” e unha proposta de fundación dunha revista da mocidade literaria galega que había de se chamar La Joven Galicia, mais que nunca apareceu. No semanario El Vivariense publica tamén nesta época os poemas “El gran idilio” e “Carmen”.

O contacto con Leiras Pulpeiro e, através del, coa Escola Rexional de Declamación de Lugrís Freire, esperta nel o interese polo cultivo literario do idioma galego. Confecciona a peza anticaciquil e pró-migratoria A patria do labrego [tamén neste blog analizada], que inicia a súa traxectoria como dramaturgo galego, e ponse a traducir á nosa lingua algunhas obras de autores cataláns como Rusiñol, Ignaci Iglésias e Guimerá.

Comezada a xeira das Irmandades, Villar Ponte publica en A Nosa Terra, en 1918, o poema “Serán e noite”. Nos seguintes anos non é infrecuente a aparición de determinados textos de índole literaria coa súa sinatura no idearium irmandiño. Son poemas orixinais como “Lembranza d’amore” (1921) ou versións galegas da súa autoría de textos doutras literaturas próximas: dous poemas do cónsul uruguaio na Coruña e promotor da revista Alfar Julio J. Casal (1921); senllos poemas dos noucentistas cataláns J.M.López Picó e Josep Carner adicados á loita soberanista irlandesa (1921), etc. No xornal Galicia de Vigo, que dirixiu Paz Andrade, aparecerán tamén varios poemas villarpontinos (“Romance do serán”, “Nouturnio”, “Flor de maio”, “A risa absoluta”, “Lembranza d’amore”), algúns dos cales xa foran publicados previamente noutros cabezallos.

Máis tarde, no xornal A Nosa Terra novamente, Antón daría a coñecer dúas composicións líricas súas máis, intituladas respectivamente “Madrigal” e “Nouturnio” (1929). Foron feitas, segundo a súa declaración, “d’encarga para unhas composicións musicaes do mestre [José] Doncel”. Non temos constancia de que escrebese máis versos dende entón.

Xunto coa poesía, o relato e a novela curta tamén foron obxecto de cultivo pola súa parte. No diario La Idea Moderna de Lugo publicou en 1911, como folletón, a novela curta Villahermosa, retrato ambiental, en clave modernista e pragado de elementos autobiográficos, do Viveiro da súa adolescencia. Sería reproducida novamente en 1924 no diario Galicia. Tamén debeu de dar a lume nalgún cabezallo peninsular nesta época a novela curta Rapsodia bohemia, hoxe perdida. En A Nosa Terra aparecerá en 1917 o conto “A frol da y-auga”, mentres que en 1918 editará en La Voz de Galicia “El asilo azul”. Once anos despois recuperaríao, en versión galega, para o boletín Nós.

Do mesmo xeito, no xornal ferrolán El Correo Gallego, no breve período en que dirixe o rotativo seu irmán Ramón (1921), publica Antón o conto “El primer amor”, protagonizado por dous mozos de distinta clase social que se ven obrigados a romper a súa relación por presións familiares. Tamén inclúe aquí as estampas “Mis vecinos”, “La ciudad y el campo” e “Los periódicos”, reunidas baixo o rótulo de “Breviario de la aldea”. Tempo despois pasarían ás páxinas literarias dominicais do diario Galicia (1924), que tamén acolleu o relato "Bellas mentiras. La hora de la bohemia”. 

Non cabe dúbida que desde a entrada na redacción de La Voz de Galicia, en marzo de 1912, o xornalismo foi a actividade que absorbeu a maior parte das enerxías literarias de Antón. O folleto ensaístico Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, editado en 1916, non fai nese senso máis que recoller unha parte substancial dos argumentos e parágrafos sobre a lingua publicados nos dous anos previos na sección “Con letra del siete”.

En novembro de 1916 principia a xeira do xornal A Nosa Terra, que Antón dirixe de facto desde o primeiro número até xaneiro de 1922. No voceiro das Irmandades, ao lado dunha importante produción articulística, decisiva na configuración da nova ideoloxía nacionalista, rexistramos esporádicos textos ensaísticos da súa autoría. Referímonos, por exemplo, ao breve ensaio Ramón Cabanillas, poeta da Raza (1917), fundamental á postre na consagración do cambadés como voz poética por excelencia do movemento galeguizador. Ou, na mesma liña, á serie de artigos reunidos baixo o rótulo, de claras resonancias fichteanas, de Discursos á nazón galega

No folletón do Galicia de Vigo publicou Villar Ponte o seu breve ensaio A Libertade e a Beleza (1925). De tipo ensaístico son, por norma, as colaboracións que envía a revistas literarias como Alfar, Nós, Ronsel, etc. Para a madrileña Hispania (1925) preparou dous ensaios reivindicadores da modernidade da nosa cultura: “La poesía gallega en la actualidad” e “Apuntes para la historia de la pintura gallega”. Idéntica intención tivo o seu artigo “La tradition du pays de Galice et sa culture”, publicado en 1924 na revista parisina L’Europe Nouvelle e do que ten copia, segundo ela mesma me comunicou, a estimada profesora Pilar García Negro.

Por outra banda, ao longo da súa traxectoria Antón Villar Ponte deu abondas mostras de ser unha figura o suficientemente relevante, coñecida e respectada como para que a súa sinatura tivese o don de engadir certo valor a calquera volume editado. Foi así como se converteu nun reputado prologuista. Para Del Arte Gallego (1917) de Alejandro Barreiro, escribiu un texto en que combatía o preconcepto da imposibilidade dunha escola pictórica galega de calidade e atacaba o afán mimético e o desleigo idiomático das clases altas do país. Tamén prologou a novela curta O deputado por Veiramar (1919) do muxián López Abente, que inauguraba unha efémera “Bibrioteca Galeguista”, selo editorial impulsado pola Irmandade coruñesa.

Son súas, así mesmo, as palabras limiares á edición de dúas pezas teatrais dos autores ferroláns Charlón e Hermida: Mal de moitos e Trato a cegas (1921). En idioma galego prologou o volume A través de Galicia (1922), do escritor valenciano Daniel Martínez Ferrando, editado pola barcelonesa Casa Cervantes. Para esta editora preparaba o prólogo a unha escolma de poesías de Rosalía vertidas ao español cando a morte do tradutor, Fernando Marestany, que estaba asesorado para tal mester por Álvaro Cebreiro, truncou o proxecto.

Xa durante os anos da Ditadura primorriverista, Antón había de introducir coas súas palabras volumes diversos como o Idearium regionalista, do betanceiro José García Acuña; A tola de Sobrán, peza dramática de Francisco Porto Rei coa que a editora “Nós” de Ánxel Casal principaba a súa colección teatral; e o libro de relatos Abellas de ouro, de Lesta Meis. Tamén colaborou cun texto literario no volume Gravados en linóleum, do artista valdeorrés Xaime Prada e traballou, sen concluílos, en senllos ensaios sobre a figura de Porteiro Garea e a traxectoria do nacionalismo galego, respectivamente.

En tempos da 2ª República está presente cun texto evocativo no Álbum de Vivero, volume preparado polo pintor e fotógrafo Fermín González Prieto, Lander, como peza clave na promoción turística da localidade. Son dous os prólogos que escrebe nesta etapa: un á peza teatral Pepa Andrea, de Pérez Pallaré (Pedro Guimarey) e outro ao volume Ribadeo antigo, de Francisco Lanza.

Polo demais, foron varios os proxectos ensaísticos que deixou inconclusos á súa morte: a colectána de ensaios e artigos que se ía titular Teas de araña, a “Introducción a un ensayo sobre la importancia de las lenguas vernáculas”, a “Introducción a un ensayo sobre la niñez y el niño” e unha biografía dos herois liberais decimonónicos Sinforiano López e Juan Díaz Porlier.

mércores, 4 de febreiro de 2015

DESPEDIDA A UN CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN NEFASTO

O Secretariado Nacional do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza), ao que pertenzo, acaba de facer público un texto de despedida ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, que serve de perfecto balanzo e detallado repaso á súa nefasta xestión. Convídovos á súa lectura:

VAISE EMBORA UN CONSELLEIRO NEFASTO. 
Good bye, adiós, adeus, Jesús

O anuncio feito público estes días polo Partido Popular da cidade de Ourense de que designou por unanimidade candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de Maio ao ata hoxe Conselleiro de Cultura, Educación e O.U. Jesús Vázquez fai máis que previsíbel que se produza en breve (se cadra xa no Consello do goberno autónomo previsto para o vindeiro xoves 5 de febreiro), o seu cesamento á fronte do citado departamento da Xunta.

Deixamos para os politólogos a disquisición sobre se tal movemento significa un ascenso ou unha degradación na carreira política do interfecto, pois o que nos interesa, como sindicato defensor do ensino público, é deixar constancia nesta particular hora do terríbel balanzo que deixa tras de si o ata hoxe conselleiro, que ten a dubidosa honra de ser, en opinión do STEG, un dos xestores do ensino galego máis nocivos e negativos que lle tocou aturar desde o final do franquismo. A escola pública galega, efectivamente, padeceu a nefasta xestión deste conselleiro en todas as vertentes e de múltiplas maneiras.

O seu paso por San Caetano significou, en primeiro lugar, un deterioro sen precedentes nas condicións laborais, profesionais e salariais do profesorado no seu conxunto. Non é só que aumentase a carga lectiva, envolvendo a medida nun discurso de cuestionamento falaz do noso quefacer profesional. Nin que obrigase ao desempeño de tarefas que corresponderían a outro tipo de persoal non docente (garda de transporte) ou que non cubrise baixas laborais por menos de quince días. Tampouco que se enfrontase ás demandas atinadas do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas; que conxelase durante cinco anos consecutivos os nosos salarios; que nos privase do cobro íntegro das correspondentes pagas extras desde 2012; que suspendese durante varios cursos o pagamento das vacacións de verán a unha parte do persoal interino e aos substitutos ou que penalizase salarialmente as baixas médicas, por moi xustificadas que estivesen.

É que tamén reduciu ata extremos rídículos a oferta de prazas nas oposicións, amortizou selvaxemente vacantes por xubilación (taxa de reposición de só o 10%), incrementou exponencialmente as itinerancias e as interinidades (en dous cursos, aumentaron nun 121% no corpo de mestres e nun 74% no de secundaria) e reduciu drasticamente curso tras curso os planteis de profesorado estábel, mesmo infrinxindo cupos e catálogos de postos previamente acordados e asinados cos sindicatos. Este nefasto conselleiro obrigou aos centros a asumir ratios na aula e imparticións de afíns que constitúen, en calquera país europeo, atentados manifestos contra o mínimo concepto da calidade no ensino. Só por sentenza xudiciaria acatou o dereito do profesorado á revisión médica, mais, en compensación, fixo que a tivese que pasar nunha mutua privada, pois seica a sanidade pública non debía asumir semellante carga...

Tamén, coa LOMCE e coa “austeridade” neoliberal como bandeiras, este conselleiro ultraconservador, que fixo seguidismo acrítico cando non directamente entusiástico das directrices emanadas do Ministerio do inefábel Wert, quixo poñer a escola ao servizo de intereses espúreos, privatizadores, partidistas e confesionais.

Modificou o sistema de elección das direccións dos centros escolares, para que a Administración poida aplicar cando queira a arbitrariedade e o “dedazo”. Deixou os Consellos Escolares sen capacidade decisoria, como meros órganos consultivos. Sempre que puido, este conselleiro reforzou e aumentou as subvencións e os concertos coa privada, incluída a segregacionista por razón de sexo, detraendo os necesarios recursos ás escolas públicas, que viron reducidos os seus orzamentos en porcentaxes moitas veces próximas ao 20% dun ano para outro. Cando un centro público e outro concertado solicitaron ao mesmo tempo a implantación de ciclos de formación profesional atractivos e novidosos, non houbo nunca dúbida con este conselleiro sobre a que centro finalmente se lle concedería. Algúns IES foron transformados por decreto en CIFPs sen o consenso nin o acordo previo negociado coa comunidade educativa implicada, mentres que o exitoso programa Preescolar na Casa, despois dunha traxectoria impecábel de sete lustros, foi finiquitado con alevosía por este conselleiro. Minguaron os fondos de programas para a atención á diversidade (o PROA, por exemplo), así como os diñeiros para axudas e bolsas de estudo, axudando a abrir na propia escola esa fenda social que se exacerba con inxustiza. Este conselleiro reduciu sensibelmente os programas de mellora de instalacións e dotación de bibliotecas e privou a todas as familias do acceso gratuíto aos libros de texto. Tamén eliminou outros materiais de uso escolar das axudas, obrigou a boa parte dos fogares ao repago dos servizos de comedor e transporte e foi desmantelando e precarizando pouco a pouco, en cada comezo de novo curso, a imprescindíbel rede de orientación que debería atender o alumnado con dificultades de aprendizaxe e necesidades especiais.

O conselleiro saínte trouxo tamén consigo unha actitude despótica, autoritarista, prepotente e pechada ao diálogo, como poden testemuñar elocuentemente, poñamos exemplos, o expedientado director do IES Illa de Arousa ou o alumnado e profesorado das Escolas Artísticas Superiores, que se mobilizou con razón pola problemática sangrante da homologación europea dos seus estudos. Jesús Vázquez converteu en pouco menos que decorativa a Mesa Sectorial de Educación e desouviu unha e outra vez as fundadas resolucións do Consello Escolar de Galicia en temas fulcrais, como a LOMCE, o Decreto de Plurilingüismo (probabelmente o baldón máis grande que deixará este conselleiro para a Historia) ou a nova FP. Empregou partidistamente, ademais, a páxina web institucional, contestando con medias verdades e insidias, ás veces mesmo en sede parlamentaria, as máis que xustificadas críticas á súa xestión feitas desde todos e cada un dos sectores da comunidade educativa. A chapuza que montou co baremo do Concurso Xeral de Traslados naceu asemade desa total incapacidade súa para a negociación e o diálogo co profesorado e dese afán de unilateralismo de “ordeno y mando” que deu en despregar acotío.

Cando as sentenzas dos Tribunais lle quitaron a razón en varios dos seus “decretos-estrela” ou cuestionaron a legalidade da súa política de contratación laboral (caso do profesorado dos cursos CELGA), actuou e manobrou para seguir conculcando dereitos e burlando a lei en vez de cumprila, como se esperaría de calquera gobernante verdadeiramente democrático. E cando os temporais de inverno bateron nos centros educativos e puxeron en risco a integridade dos escolares, o conselleiro inventou unha maneira curiosa de escamotear a súa propia responsabilidade apelando a unha “autonomía dos centros” que despois, para calquera outra demanda xustificada que veña deles (máis dotación de profesorado, un reforzo extra de PT ou AL, máis recursos materiais, adaptacións de horarios, mellora das liñas de transporte escolar, etc.), deixa en auga de castañas ou mesmo reprime con autoritaria saña. A precipitación e a improvisación demostradas pola Consellería de Jesús Vázquez ao comezo deste curso 2014-15, por mor da implantación dos novos currículos da Primaria e da nova rede da FPBásica (que significou, a respecto dos antigos PCPIs, un drástico baixón no número de alumnado acollido á modalidade), bateron todos os récords, mais, para compensalas, unha parte do corpo de Inspectores, seguindo consignas súas, dedicouse a facer insoportábel a presión sobre os docentes para que elaborasen as novas programacións ou a improvisar respostas distintas para a probelmática das coordinacións de ciclo, nun exercicio de desvío de responsabilidades e de malabarismo legal realmente tan audaz como patético.

Queremos pensar que a marcha deste conselleiro abrirá unha nova fase menos negativa e danina para o ensino público galego e que a persoa que veña ocupar esa mesma responsabilidade terá a suficiente honestidade, sensibilidade e, chegado o caso, valentía política como para modificar, en beneficio de todos, moitos aspectos esenciais da anterior xestión, a comezar por unha necesaria actitude de maior respecto e escoita atenta ás demandas e reivindicacións que lle cheguen dos diversos sectores da comunidade educativa. De non ser así, teranos novamente en fronte, pois nada concibimos máis contrario ao desenvolvemento integral da escola galega que manter as directrices implantadas polo conselleiro agora saínte.

En último caso, confiamos en que a lucidez e a madurez cívicas da sociedade ourensá no seu conxunto poñerán fin cunha merecida derrota democrática nas urnas á carreira política de Jesús Vázquez, quen tanto dano imperdoábel leva feito nos últimos anos ao noso sistema educativo público.