eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Malpica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Malpica. Amosar todas as publicacións

venres, 7 de agosto de 2015

DOUS VOLUMES INTERESANTES SOBRE A NOSA CULTURA MARÍTIMA


Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), de Felipe Valdés Hansen
Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2010, Col. Galicia Histórica.

Doutor en Historia pola Universidade compostelá, o madrileño Felipe Valdés Hansen ofrécenos no volume que nos ocupa unha versión revisada e modificada da súa tese de doutoramento, defendida en abril de 2006. A obra, de case 600 páxinas, parte dos estudos previamente realizados sobre o tema por investigadores como Meijide Pardo, Elisa Priegue e Canoura Quintana, achegando numerosos datos inéditos e varias conclusións anovadoras.

O volume que nos ocupa divídese, pondo de parte as diferentes táboas, catálogos e abondosos apéndices (tanto gráficos como documentais) que enriquecen o conxunto, en dous grandes apartados, feitos con base cronolóxica. No primeiro deles (capítulos 1 a 8), debrúzase o autor sobre as noticias que logrou recompilar en arquivos e fontes diversas sobre a actividade baleeira galega entre os séculos XIII e XVIII, cabe dicir, a etapa “artesanal” ou “tradicional”. No segundo apartado (capítulos 9 a 12), céntrase na actividade, xa plenamente” moderna” ou “industrial”, verificada arredor da pescaría da balea nas nosas costas ao longo do século XX, coas experiencias senlleiras da Compañía Ballenera Española, da factoría flotante da Sociedad Española Corona, da IBSA e de Massó.

Entre ambas etapas hai toda unha serie de marcadas diferenzas técnicas e económicas, que Valdés Hansen explica con pormenor, e que mesmo afectaron ao tipo de especies obxecto de captura: a balea franca (Eubalaena glacialis), o xibarte (Megaptera novaengliae) e os cachalotes ou trompas (Phiseter macrocephalus), na etapa artesanal; os grandes rorcuais (Balaenoptera physalus, Balaenoptera borealis, Balaenoptera musculus, Balaenoptera acutorostrata, etc.), na industrial.

Entre as conclusións que o autor sinala para a primeira das etapas amentadas destacaremos aquela que deixa asente que a actividade baleeira na costa galega (documentada desde o século XIII para San Cibrao, Bares e Prioiro-Ferrol como enclaves cantábricos pioneiros e desde o século XVI para os portos atlánticos de Camelle, Malpica e Caión) debeu de comezar da man de compañías vascas, mais pasou logo a mans de compañías mixtas ou, no século XVI, xa enteiramente galegas. Tamén moi anovadora e ilustrativa resulta a análise que Valdés Hansen realiza do impacto e contía dos diferentes impostos que gravaron o produto desta actividade, fose polos bispados de Mondoñedo e Compostela, fose pola Facenda Real.

Rotunda en moitos aspectos e exhaustiva, en fin, resulta a segunda parte do libro, dedicada a reconstruír con rigor toda a actividade baleeira na Galiza do século XX a través da análise das antes citadas experiencias industriais, que darían pé ao traballo de factorías como Caneliñas, Balea-Cangas e Morás-Xove e ás travesías e angueiras de buques como o Caneliñas, o Temerario, o Lobeiro, o Carrumeiro, o Cabo Morás e os tres barcos da IBSA. Nestes navíos traballaron harponeiros galegos de Ares, Corme, Coruxo, Cangas e Porto do Son, xunto con outros de orixe vasca. A actividade baleeira, que tivo o seu canto de ciño entres os anos 1978/1982 coa apertura dos mercados xaponeses como importadores de carne de cetáceo, cesou entre nós definitivamente a mediados da década de 90 do século pasado.

Pódese dicir con seguranza que este libro de Valdés Hansen marcará un referente fiábel e imprescindíbel para toda futura revisión deste importante flanco da nosa historia como pobo de cote virado ao mar.

 *******************************************************************************

Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII), de Ernesto Iglesias Almeida
Editorial Toxosoutos, Noia, 2006, Col. Anais, nº 2
Tradución para galego de Ramón Blanco Fernández

A documentación que se garda no Arquivo da Catedral de Tui é a base sólida deste breve pero valioso traballo de divulgación (132 páxinas) asinado polo arquiveiro xubilado e Cronista Oficial da vila tudense Ernesto Iglesias Almeida, que xa tiña dado ao prelo, directamente en castelán, opúsculos sobre a cultura marítima na diocese como Los antiguos ‘portos’ de Tui y las barcas de pasaje a Portugal (18984) e mais Notas históricas del Bajo Miño: puertos barcos y pesqueros (1988).

O volume, prologado por Clodio González, inclúe oito capítulos e un apéndice documental final. Aqueles repasan , de xeito un tanto fragmentario, aspectos diversos do tráfico e da actividade marítima na área da vella diocese tudense (portos de A Guarda, Tui, Baiona, Bouzas, Vigo e Redondela), como os testemuños das navegacións en tempos da Antigüidade, os tipos de embarcacións que se empregaron para os distintos mesteres (barcos de sacada, bolantes, carochos, carabelas, palmeiros, pinazas, pataches, rasqueiros, etc.), o desenvolvemento dos gremios e confrarías de mareantes e as peculiaridades da actividades piscatorias no río Miño. 

Tamén se debruzan sobre outros aspectos, como a presenza de corsarios na área, a peripecia histórica das barcas de pasaxe entre Galiza e Portugal (Tui-Valença, Salvaterra-Monção, Porto-Lapela, Goián-Vilanova da Cerveira e Camposancos-Caminha) ata o intre en que se inaugura en 1886 a Ponte Internacional, ou, finalmente, o desenvolvemento da pesca e da cabotaxe nos distintos portos da contorna, nomeadamente os de Baiona e Tui.

O apéndice, pola súa vez, recolle numerosos textos de índole notarial e xurídica (foros, cartas executorias, contabilidades, protocolos comerciais, contratos navieiros, contratos de arrendamento de pesqueiras ou embarcacións, concordias, sentenzas…), todos eles datados nos séculos amentados no título da obra e que constitúen, en conxunto, a privilexiada fonte de onde extrae o autor as interesantes informacións que achega, tal vez unha miga dispersas por momentos, neste volume.

martes, 14 de xullo de 2015

RETRATO ÉPICO DUNHA MALPICA MARIÑEIRA INSUBMISA AO FASCISMO

O bibliotecario e investigador pontevedrés Francisco Xavier Redondo Abal, que xa nos tiña ilustrado con ensaios sobre a peripecia das bibliotecas públicas e privadas de Galiza durante o trebón do 36, tanto de xeito xeral (O fulgor e as tebras, 2009) como fixándose en casos concretos emblemáticos (a biblioteca pontevedresa de Castelao, a coruñesa de Casares Quiroga...), concorreu á palestra pública en 2012 da man das Edicións Laiovento para ofrecernos o traballo O mar e a memoria. O expediente Armesto, que se presentou cun conciso pero ao mesmo tempo substancioso e revelador prólogo de Dionisio Pereira. 

Tomando como base os informes redixidos para o Goberno Civil da Coruña entre 1937 e 1938 polo tenente da Garda Civil José Armesto Anta, destinado ex professo á vila de Malpica para investigar as razóns da actitude de rexeitamento masivo que a súa poboación amosaba cara ás autoridades do novo réxime implantado tralo 18 de xullo de 1936, Redondo Abal procede a facer unha pormenorizada reconstrución histórica das condicións de vida, relacións e conflitos políticos e sociais que se desenvolveron no citado porto bergantiñán durante o primeiro terzo do século XX.

O proceso de autoorganización da clase mariñeira e a consolidación do sindicato anarquista “El Despertar Marítimo”; a loita contra as redes do cacicato local encarnado polo industrial Mariano Grela e polo deputado conservador José del Moral; o entusiasmo esperanzado de amplos sectores populares durante a xeira republicana; o papel destacado do deputado da ORGA Emilio González López na consecución do ansiado porto refuxio; o trebón represivo que se abate sobre Malpica a partir do verán de 1936 e a, non por soterrada, menos potente resistencia ao novo réxime, que coroan tres impresionantes fugas masivas por mar, son os eixos que vertebran as demoradas e rigorosas exposicións que compoñen os capítulos deste libro, verdadeiramente recomendábel.

Precisamente ás tres citadas fugas está dedicada toda a terceira parte do ensaio, intitulada “Cara á liberdade”, e unha boa parte dos materiais que figuran no Apéndice. Redondo Abal relata as evasións protagonizadas polas motoras Ciudad de Montevideo (27 ao 28 de xuño de 1937, con 11 tripulantes, que arriban ao porto bretón de Douarnenez), San Adrián (27 de xuño de 1938, con vinteseis evadidos, que chegan tras 52 horas de travesía a Audierne) e Rocío (31 de agosto de 1938, con vintenove evadidos e o porto de Brest como destino), mais tamén concede importancia ao proceso de represión subseguinte que as autoridades franquistas levaron a cabo na vila por mor desas fugas.

Da man do investigadoir pontevedrés, nomes como os de Bernardino Garrido Carrillo O Xudío, Eulogia Villar Pérez, Cándido Carrillo Cousillas, Dolores Pombo Villar, Cándido Rodríguez Villar, José Carril, Manuel Castro Bilacha e un longo etcétera saen por fin do inxusto silencio a que estiveron sometidos e pasan a facer parte, por dereito propio, dese monumento intanxíbel que cómpre continuar erixindo día tras día á memoria da resistencia antifascista no noso país.