eu

eu
eu

venres, 12 de febreiro de 2016

ANTÓN VILLAR PONTE E O SANTUARIO DE SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO



Cadro de Pedro Luzón Sánchez
En 1921, o escritor viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936) comentaba no xornal cubano La Correspondencia, de Cienfuegos, a aparición do volume San Andrés de Teixido, do erudito ortegano Federico Maciñeira Pardo (1870-1943). Entre outras cousas, o de Viveiro apuntaba entón o seguinte: 

“En este momento de resurgimiento de los valores de la región gallega, el libro de referencia presta un extraordinario servicio. Porque en él se ofrece de modo cristalino una visión de paganía trasuntada en espiritualidad religiosa al correr de los tiempos, que permite determinar perfectamente las características ancestrales de una raza como la de Galicia, capaz de producir heresiarcas del fuste de Prisciliano. Que en todos los cultos religiosos de la tierra del Noroeste peninsular late un fermento panteísta que dá a aquéllos apariencias heterodoxas. El alma gallega, en lo que tiene de pagana y lírica, surge relevante en el notable libro de Maciñeira”.

Federico Maciñeira
Un lustro despois de escritas as liñas precedentes, o xornalista tivo ocasión de visitar en persoa, acompañado pola súa familia, o célebre santuario que recibe os romeiros cada 8 de Setembro e ao que, segundo a tradición, “vai de morto quen non foi de vivo”. Para realizar esa excursión, feita a lombos dun cabalo, Antón partiu desde a aldea de Susavila (Ortigueira), onde tiñan casa os seus sogros Juan Chao e Carme Maciñeira, pais de Micaela.

Unha vez chegados ao santuario os excursionistas, os sentimentos foron contraditorios, como testemuña a crónica que publicou no diario vigués El Pueblo Gallego (nº 780, 4.8.1926), logo reproducida en revistas da emigración galega en América como a Céltiga bonaerense (outubro de 1926) e a Galicia de Montevideo (maio de 1930), co título de “Una visita a San Andrés de Teixido. El santuario más popular de Galicia”.  

Efectivamente, por unha banda non puido disimular a negativa impresión que recibiu na contemplación do templo (“una de tantas vulgares iglesias”), ergueito no s. XVI, e mais na consideración dos principais elementos deste: “detestables altares churriguerescos con profusión de imágenes del peor gusto”, “un techo de uralita”, etc., coas únicas excepcións dos exvotos e das pinturas murais que ornaban as paredes do edificio e da propia imaxe relicario de San Andrés, “que es lo único de verdadero mérito”. 

Lanchas de Cariño, debuxadas por Vicente Risco
Mais, por outra banda, facendo referencias ao Padre Sarmiento, a Murguía, a Maciñeira, a Alfredo Vicenti e a Benito Vicetto, Antón Villar Ponte tampouco foi quen de deixar de ter presente a importancia histórica ancestral do santuario e a beleza e delicadeza dalgún dos ritos e crenzas a el asociados: beber da Fonte do Santo, tirar nela un cachiño de pan para saber se a peregrinación sería finalmente propicia, apañar herba de namorar, contemplar as “loitas” entre mozos labregos, non matar animal ningún porque transporta a alma de quen non foi a San Andrés de vivo...  

O xornalista, tomando pé no traballo que sobre Teixido tiña publicado Maciñeira, arriba amentado, estabelecía na súa crónica un interesante contraste entre os dous cultos haxiográficos máis populares na Galiza de entón, o do Apóstolo Santiago e o de Santo André, así como entre os seus respectivos santuarios: urbano, terreño, señorial e de importancia histórica, un; popular, marítimo e de importancia etnográfica, outro. 

Ademais, citando concretamente Murguía, Villar Ponte recreaba a popular e antiquísima lenda que explica a orixe do santuario, lenda que amosaría, no seu dicir, a inconfundíbel pegada das supersticións celtas (metempsicose, culto á auga, panteísmo...) na cultura galega popular e tradicional. Como é sabido, segundo ese relato o santo tería chegado por mar a Teixido e, unha vez desembarcado, a súa nave teríase petrificado, converténdose  no penedo coñecido co nome de “Barca de San Andrés”.  

A crónica villarpontina non está exenta de alusións críticas á responsabilidade da Mitra mindoniense no feísmo arquitectónico do templo e mais de irónicas mencións aos suculentos ingresos que a devoción popular deixaba nel... 

Aproximadamente tres anos despois de escrita esta crónica, aínda aludiría novamente o noso autor ao santuario, concretamente comentando no diario El Pueblo Gallego de Vigo (27 de outubro de 1929) e mais na revista galaico-arxentina Céltiga (15 de decembro de 1929), o volume Pelerinaxes I, que saíu do prelo da editora Nós de Ánxel Casal, aínda na Coruña, o 25 de setembro de 1929.

Este, como é ben sabido, describía a romaxe a pé efectuada durante dez días por Ramón Otero Pedraio, Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) desde Ourense a Santo André de Teixido, facendo escalas en Viana, Monterroso, Palas de Rei, Lugo, Vilalba, As Pontes e Ortigueira. Cómpre dicir que os citados romeiros ourensáns fixeron o derradeiro tramo do seu camiño acompañados por tres ilustres veciños de Cariño: Antón Piñeiro Lago, Francisco M. Pita e o médico Alexandre Carreño. No santuario foron recibidos polo crego Andrés Miragaia, como testemuña a fotografía que ilustra esta entrada, que tomamos da revista Céltiga de Bos Aires (nº 66, 25 de setembro de 1927), onde aparece ilustrando unha colaboración de Ben-Cho-Shey, precisamente.

En opinión de Villar Ponte, cabía cualificar Pelerinaxes I como “libro modelo de enxebreza”, “verdadeiro poema cosmogónico en prosa” e modelo para futuras producións literarias que quixesen recoller fielmente o “ambiente regional”. Pola súa vez, no limiar, Risco definía a obra como "o roteiro d'unha viage a pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr'o Norte caxque toda a terra de Galiza" e sinalaba, ademais, que "endejamais nos encheu a ningún de nós mais pura, mais san nin mais fonda ledicia que n-ises ceibes días de alegre camiñar".