eu

eu
eu

xoves, 29 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (III)

A música como elemento esencial do lecer vilego e un crítico musical viveirense inxustamente esquecido



O grupo de gaiteiros BRISAS DO LANDRO, de Viveiro, a finais dos anos 50 do pasado século

As vertentes relixiosa, oficial e militar da música en Viveiro non recollen de seu toda a intensidade da tradición melómana local, que se complementa cunha vizosa listaxe de agrupamentos (rondallas, orquestrinas, cuartetos, tunas...) creados sobre todo e ante todo para contribuír a facer máis ameno o tempo de lecer dos nosos devanceiros.


A música foi elemento esencial da diversión e do lecer para amplas capas da sociedade. Na rioleira de festas patronais de todas e cada unha das parroquias da Terra de Viveiro non faltou desde que hai memoria un gaiteiro con acompañamento de tamboril, ou un cuarteto, ou un acordeonista, ou unha orquestrina, ou unha sección de banda de música ou, en tempos máis recentes xa, unha orquestra ou conxunto músico-vocal.

Do tecido societario e recreativo que vai xurdindo na Vila desde o século XIX en adiante, como imos ver a seguir, non cesan de aparecer agrupamento e iniciativas musicais. En realidade, ata os enterros levaban antigamente na Vila do Landrove acompañamento musical de fagot, competindo co toque de defunto das campás...

O espallamento a partir da segunda metade do século XVIII da moda italianizante na música (Rossini, Bellini, Donizzeti, máis tarde Verdi e Puccini...) trouxo consigo a difusión de certos xéneros operísticos, como a “aria”, o “recitativo” e a “cantata”, que dos salóns da aristocracia cortesá e capitalina se contaxiaron axiña a estratos sociais máis baixos pero ansiosos de cultura e refinamento, como a fidalguía e a burguesía vilegas. Este gusto musical consegue romper o ata entón case monopolio relixioso da música culta e pon en marcha unha “desacralización” imparábel. Agora nacen novos ámbitos de sociabilidade, alleos ao estamento eclesiástico, que queren gozar activa ou pasivamente da música: son os Liceos, os Casinos, as Sociedades Filharmónicas, os Cafés-Concerto...

En Viveiro, ao igual que acontece noutras vilas como A Coruña (Círculo de Artesáns), Lugo (Círculo das Artes) ou Ferrol (Recreo Artístico), os mediados do século XIX marcan a aparición da primeira das entidades deste xénero.

Segundo datos ofrecidos polo actual cronista oficial nunha entrevista en 2008 para La Voz de Galicia, en 1848 naceu en Viveiro unha Academia Filharmónica, da que era encargado Tomás Rebellón e director Julián González Llobes. Máis tarde, pequenos agrupamentos musicais, encabezados respectivamente por José Botino, Francisco Martín e Antonio Travieso, ocupábanse de actuar nos actos festivos e relixiosos de maior relevancia que tiñan lugar na Vila.

Hai noticia de que en 1852 existiu na vila un Circo-Recreo, que ocupaba un local que lle alugou Benito Galcerán e que dispuña dun piano que adquiriu o avó materno dos irmáns Villar Ponte, José Mª Ponte. Nese Circo-Recreo constituíuse unha sección lírico-dramática, animada por Florencio Pla Sampedro e Vicente Sergio López Núñez e composta por señoritas de boa familia (Clementina Ponte, Rita Pardo de Cela, Concha Osorio, unha filla do Rebellón...), que debutou en xaneiro de 1873 con números musicais diversos, como o dúo de tiples da zarzuela El relámpago, fragmentos das óperas Semiramis e Campanone para piano e frauta, a melodía “El despertar” e o bolero da zarzuela Los amantes de la Corona. A mesma sociedade Circo-Recreo contratou os servizos profesionais do músico Lorenzo de Castro, por un soldo de 1.000 reás ao ano e obriga de ofrecer concertos todos os xoves e domingos, con horario distinto segundo fose inverno ou verao.

En 1869 constituíuse o Círculo Artístico, Instructivo y Recreativo de Vivero, auspiciado polos republicanos locais que lideraba Salustio Vítor Alvarado e con local no futuro “Chipe”. En novembro de 1882, este Círculo e o Circo-Recreo fundíronse nunha soa entidade, o “Círculo de Recreo de Vivero”, con local no que hoxe é o bar “A Fragata”, na rúa de Abaixo. Tras sufrir diversas escisións (a da conservadora “Tertulia de Confianza” en 1889, á que pertencei Don Ponciando Villar Bermúdez, pai dos irmáns Villar Ponte; a de “La Peña” de Ramón Díaz Freixo en 1908, con local na rúa María Sarmiento), o “Círculo de Recreo” acabaría refundándose en 1915 como “Centro Vivariense”, baixo a presidencia de Balbino Franco Fernández e a vicepresidencia de Eusebio Bujados (irmao do xenial debuxante Manuel). O Centro desembocaría finalmente na sociedade “Casino de Vivero”, en maio de 1935, que herdou o fermoso local nos xardís do Malecón que lle viñera servindo de sede ao “Centro” desde 1924. Como é ben sabido, o Casino trasladaríase á súa sede actual en decembro de 1982.

Precisamente no período de existencia do citado “Centro Vivariense” intentouse crear no seu seo unha Academia de Música e funcionou un cadro lírico-dramático liderado por José Vilar Sixto, con orquestra de pulso incluída que formaban, ademais do propio Vilar Sixto, Eusebio Bujados, Antonio Cora e Jesús Antas, coa posterior incorporación de Ramón Canosa ao violonchelo.

No seo desas entidades recreativas que acabamos de citar, os bailes de gala ou de asalto de Antroido, Nadal, Aninovo, a Candelaria, a Pascua, o Carme e o San Roque, as veladas músico-literarias e os festivais benéficos (pro vítimas do cólera, pro viúvas e fillos de mariñeiros náufragos, pro feridos na guerra de Cuba, pro Asilo de anciáns, etc.) abren a posibilidade dun goce frecuente e reiterado de números musicais de toda índole interpretados por variadas formacións: solistas, dúos, cuartetos, orquestrinas....

Son, por iso mesmo, o humus ambiental preciso para que poidan xurdir figuras como a de José Muñiz Carro (1855-?), un nome apenas coñecido e divulgado hoxe entre nós mais que ten un valor enorme desde a perspectiva da tradición musical que pode exhibir Viveiro, como tentaremos explicar brevemente a seguir.

Fillo de Balbina Carro e do militante republicano e vicecónsul británico no porto de Viveiro Joaquín Muñiz Riobóo, o aludido José Muñiz Carro foi tradutor (en solitario ou en colaboración con Giner de los Ríos) de varias obras literarias e xornalísticas de Edmundo D'Amicis ao castelán, enviou o texto “Las verdaderas glorias” para a velada en honor a Pastor Díaz que se celebrou en Viveiro en 1882 e, sobre todo, exerceu como crítico musical de grande relevancia no Madrid do seu tempo.

Efectivamente, foi redactor desde decembro de 1880 ata o mesmo mes de 1882 dunha prestixiosa publicación denominada Crónica de la Música, fundada en Madrid polo musicógrafo Andrés Vidal y Llimona e que se editou desde setembro de 1878 co subtítulo de “revista semanal y biblioteca musical”. Por certo que á publicación non lle faltaron asinantes no propio Viveiro, que aparecen aludidos na sección administrativa coas iniciais F. L., F. R. L. e S. L. T.

Muñiz Carro exerceu de crítico habitual dos espectáculos de música clásica, ópera e zarzuela que se celebraban nos teatros líricos madrileños de maior renome: o da Ópera, o Real, o da Zarzuela… Da súa pluma foron saíndo comentarios das interpretacións de pezas como Guillermo Tell, Rigoletto, Hamlet, Hernani, Fra Diavolo, Os Hugonotes, Aida, Un ballo in maschera e un longo etcétera. Ocasionalmente, cubriu tamén información de concertos fóra de temporada na localidade alacantina de Alcoi ou comentou as obras pictóricas que puideran verse na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Madrid en 1881.

Teñen grande interese os seus artigos de divulgación sobre o compositor Richard Wagner e, en particular, sobre a súa ópera Lohengrin, así como a súa cálida acollida da soprano Sofía Menter e do pianista Antonio Rubinstein, aínda que tamén cómpre amentar as súas agres polémicas con Manuel de Palacio, redactor de La Europa.

En Crónica de la música publicou así mesmo algún traballo sobre historia da música antiga en Grecia e outros que tenden ao ensaio propiamente dito, como a serie de cinco “Cartas musicales a una mujer” (núms. 150 a 154, agosto de 1881), das que extraemos este significativo fragmento:

La música, arte verdaderamente moderno, es fruto de un sucesivo desarrollo de la razón, de la inteligencia y del corazón. La razón formula sus reglas, la inteligencia las coordina y el corazón se aprovecha de ellas para infundirle sentimiento.
Si es cierto, como yo creo, que en el alma humana hay algo de impersonal, de infinito, de divino; á ese algo, á esa región del alma debe dirigirse y se dirige la música (…). El músico no podrá presentar un paisaje, como el pintor; te hará sentir otro género de belleza más indeterminada, más vaga, pero también más conmovedora (…)”.

Volvendo ao rego principal, diremos que a crecente “popularización” da música que se verifica ao longo do século XIX en Viveiro, como en todas partes, trae consigo a aparición de novos agrupamentos, onde a participación de elementos do artesanado, do incipiente proletariado e aínda da pequena burguesía é fundamental. Falamos dos primeiros orfeóns, das primeiras bandas de música (Juan Latorre chega a Viveiro en 1886 contratado para tal fin), das primeiras rondallas e “murgas” de antroido, das primeiras “tunas”.

O fenómeno coincide, non por acaso, coa eclosión do Rexionalismo musical galego, con compositores como Marcial del Adalid, Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, Xosé Baldomir que compoñen melodías preciosas (“Negra sombra”, “Unha noite na eira do trigo”, “Os pinos. Himno galego”, “Dous amores”, “Lonxe da terriña”, etc.) sobre textos dos autores do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pondal, Salvador Golpe, Aureliano Pereira...) e nutren de rapsodias e alboradas inspiradas na música folclórica galega o repertorio desas agrupacións citadas. Paralelamente, a difusión popular da zarzuela e do “xénero chico” (Barbieri, Chapí...) dota moitas desas agrupacións de numerosas pezas de repertorio, que se completa cun abano de ares musicais vidos de fóra, ao socaire de diversos movementos culturais da atribulada Europa: valses, polonesas, mazurcas, lieds...

Dous instrumentos gañarán nesta época o fervor musical nos ámbitos cultos: o piano e a guitarra. En breve, un terceiro instrumento, o acordeón, farase dono de todos os salóns de baile populares da contorna, como o Salón de Camilo, de Vieiro; o de Mangas Rubas, en Celeiro; o do Gaiteiro, en Grallal, etc., substituíndo a típica formación de “tres e a caixa” (cornetín, bombardino e clarinete).

venres, 9 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (II)

Músicos da Banda de Exploradores de Viveiro, que fundou e dirixiu desde 1916 Juan Latorre Capón

O contributo da música relixiosa, heráldica e militar

Falamos na primeira entrega deste traballo da vertente folclórica e popular da música en Viveiro, salientando algunhas figuras e grupos referenciais e aludindo a algúns dos cancioneiros e recollidas que a conservan. Falaremos nesta segunda entrega do contributo esencial que a música relixiosa e a heráldica supuxeron para a nosa tradición.

A música solemnizou desde moi antigo os cultos e oficios relixiosos nas catro igrexas da Vila (a de Santa María, a de San Francisco e as desaparecidas de Santiago e Santo Domingos) e marcou, así mesmo, as horas do vivir comunitario (desde os maitines ata as completas) dos seus catro conventos, dous deles masculinos, San Francisco e Santo Domingos, ambos desaparecidos, e dous femininos, Concepcionistas e Valdeflores, que chegan aos nosos días.

Estivo presente, xaora, nas celebracións da Semana Santa, con motetes cantados por José Pla Zubiri ou José Nistal desde algúns balcóns no propio pecorrido das procesións nos comezos do século XX; con cornetín e tambor na madrugada do Venres Santo para anunciar o Encontro; con bandas de música interpretando marchas procesionais; e, desde hai uns anos, con concertos de música sacra dentro do programa “Adral” desenvolvido pola Xunta de Confrarías. A Banda de Cornetas e Tambores da TAU, fundada a finais dos anos 70 por Manolo do Paraño e dirixida actualmente por Pacucho, antigo batería dos “Dominantes” e da “Paradise”, e a Banda Naval de Tambores, Cornetas e Gaitas do Casino de Viveiro, creada en 2002, resultan elementos imprescindíbeis nos desfiles procesionais da Semana Santa.

Cantos litúrxicos de toda índole (Kiries, Glorias, Aleluias...), misas cantadas e responsos fúnebres foron interpretados durante séculos nos claustros e nos templos viveirenses por freires e freiras e por sacerdotes educados en Mondoñedo na prestixiosa capela musical da súa catedral, descrita na revista Estudios Mindonienses polo profesor Enrique Cal Pardo, a quen acabamos de perder infelizmente en datas recentes. O pobo participaba musicalmente nesas cerimonias relixiosas sobre todo nas misas do Nadal, como a do Galo, con vilancicos tradicionais que non renegaban da lingua galega e mais nos fatos de cativos que saían polas rúas a cantaren os “Reises” e pediren o aguinaldo.

A presenza do órgano como instrumento para acompañar o ceremonial relixioso do Viveiro antigo está ben documentada, pois sábese que os dragóns franceses fixeron leña do órgano de San Francisco durante a ocupación da Vila en 1809 e que os dominicos, despois dunha primeira exclaustración forzosa durante o Trienio Liberal, solemnizaron o seu regreso ao convento a carón da Porta da Vila o 24 de setembro de 1823 cunha procesión acompañada do son solemne dese instrumento. Esa presenza do órgano ten o seu reflexo, ademais, no primeiro libro que tratou da historia da nosa vila, o Bosquejo histórico, político y religioso del Antiguo Reino de Galicia, publicado por Jacobo Araújo en Pontevedra en 1854. Nesa obra lemos (páx. 107) que a igrexa de San Francisco

posee también el cuarto completo de un órgano con varios tonos, servido con bastante gusto por un organista que reúne además la circunstancia de una voz esbelta y agraciada, que le acompaña en sus solemnidades”.

Patricia Rejas Suárez catalogou e editou recentemente o repertorio musical existente no arquivo do mosteiro de Valdeflores e Clara Rodríguez Núñez (El monasterio de Valdeflores de Viveiro, Ferrol, p. 472.) informounos do nome dalgunha das monxas organistas que exerceron nel, como Micaela de Lemos (1710), e do estatus diferenciado de que gozaba dentro da comunidade conventual, pois

era la única religiosa de coro que podía ingresar sin dote en la comunidad, dado que su trabajo era retribuido por el Estado. Debía dar una hora diaria de clase de canto a todas las novicias y monjas con menos de cuatro años de profesión, debiendo instruirlas musicalmente para su participación en el culto divino".

Órgano da igrexa de San Francisco de Viveiro
Durante o século XVIII foron recompensados economicamente por tocaren o órgano en San Francisco de Viveiro Domingo Pernas (1724) e Frei Luís Fernández de la Peña (1753-75) e en 1788 renovouse o instrumento no convento de Valdeflores. 

A música fixo parte imprescindíbel, xunto coas danzas gremiais e os correspondentes lábaros ou estandartes, da procesión do Corpus, noutrora o evento colectivo máis relevante da Vila. Na súa comitiva participaban os distintos gremios existentes (mareantes, zapateiros, ferreiros, carpinteiros, xastres...), moitas veces pouco ben levados en cuestións de protocolo e a música púñana, segundo informaba Noya González en El Eco de Vivero, referíndose ao Corpus de 1827, gaiteiros e tamborileiros como Francisco Rodríguez e Benito López, ambos da Vila; Francisco Rocha, de Landrove; Rafael Pérez, de Covas; Antonio Leal, de Vieiro e algúns outros máis.

Nesta mesma perspectiva cabe sinalar o relevante papel xogado na tradición musical viveiresa polos coros parroquiais. En 1913, o de Santa María estaba formado por Teodomira Peña, Consuelo Lorenzo, Águeda Vizoso, Pilar Cotilla, Dolores Otero e Rosario Fernández Sampedro, acompañadas ao harmonium por Luísa Lage. En épocas recentes destacaron coros parroquiais como os de Dona Herminia Salas e Vicente Casas, en San Francisco, e o de Lolita Girón, en Santa María. Salientaremos entre os solistas destas agrupacións a Saleta Couceiro Ínsua e a Nina Gómez Meitín, entre as sopranos, e a José Luís Rivera, entre os tenores, sen menoscabo doutras boas voces que fican hoxe no tinteiro.

A capela coral das irmás Concepcionistas cantou na inauguración en 1925 da réplica da cova de Lourdes, baixo a dirección do sacerdote José Pérez Barreiro, e as irmás Dominicas de Valdeflores gravaron en 1981 unha cassete con himnos litúrxicos arranxados por María del Carmen Villar, co título de Nacidos de la luz.

E aínda debemos amentar, nesta orde de cousas, a achega da grande escritora Luz Pozo Garza co seu himno eucarístico “Gloria al divino cordero”, musicado por Antonio Amigo, para o 2º Congreso Eucarístico Comarcal de maio de 1961, que tivo lugar na cidade do Landro: “Gloria al divino cordero / cantemos llenos de amor. / Que en la ciudad de Vivero / reine por siempre el Señor”. Cómpre referir que o feito de que o entón alcalde, Francisco Vázquez Ramudo, non tivese en conta máis opcións poéticas que a da súa entón esposa para dotar de himno ese Congreso Eucarístico causou o desagrado do sacerdote Tomás Moar y Garazo, que desexaba candidatar un poema da súa autoría a tal fin. Ese poema recolleríao posteriormente no volume Desahogos del alma.

Por outra banda, a música deulle pompa e ornato, asemade, aos desfiles cívicos das autoridades en todo tempo, por medio das chamadas “fanfarrias” heráldicas no pasado ou coa banda de música en tempos máis recentes.

Cando se fixo en novembro de 1843 a proclamación da maioría de idade de Isabel II, defendida ardentemente por Nicomedes Pastor Díaz fronte ao xeneral Espartero, houbo en Viveiro pasarrúas de gaiteiros e un pequeno grupo de instrumentistas interpretou na Praza a Marcha Real e outras pezas. Segundo a crónica que ofreceu o xornal coruñés El Centinela de Galicia (27-I-1843),

en la plaza, los estallidos de innumerables y vistosos cohetes alternaba con la música, que colocada en un tablado o tribuna, recreaba el oido y brindaba al pueblo a bailar y solazarse".

Do mesmo xeito, en setembro de 1923, solemnizando os actos do traslado dos restos mortais de Pastor Díaz desde Madrid a Viveiro, actuou unha banda militar que interpretou na Praza diante da estatua do noso poeta o “himno galego” no mesmo día en que o xeneral Miguel Primo de Rivera estaba a implantar a súa ditadura...

Tamén a música acompañou determinadas actividades educativo-ecoloxistas impulsadas nos anos 10 do século XX polo mestre Luís Tobío Campos, como a Festa da Árbore, que ademais de incluír unha plantación na Furada dos Asnos, implicaba o canto do himno composto ad hoc polo poeta Sinesio Delgado con música de Chapí, que comezaba: “Cantemos al árbol / que voy a plantar. / Si Dios lo protege / del rayo y del viento / salud y riqueza dará”.

A presenza de bandas militares ou paramilitares na nosa Vila tivo motivacións diversas. Ás veces respondeu ao feito de Viveiro carecer en determinados períodos de banda de música municipal de seu. Nese contexto explícase a visita de bandas militares vidas de Ferrol, Coruña ou Compostela e o propio nacemento da Banda de Exploradores de Latorre Capón en 1916. Mais outras tivo algo que ver, non debe negarse, co clima militarista que dominaba o ambiente da inmediata posguerra franquista. Esa atmosfera ideolóxica e social explica a aparición da banda dos Flechas Navales, en 1944, sobre a que ten escrito interesantes artigos J. L. Moar. Impulsada polo comandante de Marina Luís Cebreiro, participou en todo tipo de desfiles e procesións, sendo axiña bautizada co nome do Almirante Chicarro.

Rexistramos, no mesmo sentido, a presenza de bandas militares de Lugo (rexemento de San Fernando) ou Ferrol (Infantería de Marina) para amenizaren as xornadas festivas ou solemnizaren determinados eventos oficiais e relixiosos no período de preguerra. Na posguerra trouxéronse tamén a banda do rexemento de infantería Isabel a Católica da Coruña (1950) e a do rexemento de Zaragoza nº 30, de Compostela (1955).