eu

eu
eu

mércores, 27 de xullo de 2016

CATRO LUGARES EMBLEMÁTICOS DO RÍO ULLA NA LITERATURA GALEGA



Cando en 1851 Marcial Valladares acolleu na súa casa de Vilancosta-Berres o xornalista e dirixente do movemento provincialista galego Neira de Mosquera, realizou con el unha serie de excursións e paseatas por diversos lugares da bisbarra da Ulla onde hoxe se ergue xa, en prodixioso desafío arquitectónico, a nova ponte da liña do AVE Santiago-Ourense: o Pico Sacro, San Xoán da Cova, as ruínas da torre de Cira e varios pazos (Ximonde, Ortigueira, Guimaráns, Vista Alegre e Oca). Neste traballo deterémonos nós tamén nalgún deses enclaves emblemáticos, ao fío do que sobre eles foi escrito polas plumas dos escritores galegos.

O primeiro deses lugares é Gundián, no actual concello de Vedra. Nel está encravada, na parroquia de Santa María Madanela da Ponte Ulla, a igrexa santuario da Virxe de Gundián, cuxa traza presente corresponde ao século XVIII. Este templo é escenario desde tempo inmemorial dunha concorrida romaxe, na que non faltan misas, procesión, ofrendas, xente que sobe a empinada costa descalza e de xeonllos ou viste de defunta, ou acompaña os “enmeigados”, nais que lavan os seus picariños na fonte milagreira, gaiteiros, foguetes, zanfonistas, música de banda, bailes, aturuxos, repenique de campás, cánticos, solta dun globo de papel, rosquilleiras, panadeiras, mulleres que venden froitas, pelexas entre mozos borrachos e xogos eróticos na escuridade da atardecida: “Abotona esa camisa; / Tápat’o seo Xacoba; / Non coiden os que te vexan / Que ves de San Xuan da Coba”, sinala neste sentido unha das cántigas da Ulla recompiladas por Marcial Valladares…

Varios autores pintaron retratos deste ambiente caótico e confuso, pero ao mesmo tempo embriagador e inesquecíbel, que rodeaba esta e outras romarías máis ou menos próximas xeograficamente (as Dolores de Ortigueira, o Sacramento, a Santa Eufemia, o San Breixo, a romaxe do Corpiño, etc.). Avelina Valladares, por exemplo, escribiu:

Aquí ónse denoite en todos sitios
resonantes atrujos, cantinelas:
son os mozos que van pr'as espadelas
co-as mozas ô serán paliquear,
n'a man levan de palla bós fachucos
que con mistos acenden n'o camiño
e subrazo, ademais, longo sachiño
pra ô deño tentador arrenegar.

(…) ¡N'as festas...! É de ver globos pintados,
refulgentes estrelas arrojando,
fortes bombas n'as nubes estoupando
e foguetes con luces de color,
gaiteiriños âs gentes atraëndo,
qu'en moreas acóden ás ruadas,
c'o fondiño a hucha ataviadas
sin que o ataque polilla nin valor.

O Marqués de Figueroa, nos seus “Relembros d’a terra ullán”, dedicoulle versos como estes:

“Terra Ullán quirida
de xogos e festas,
acórdasm'os días
d'antroidos e lérias;
de feira en foliada
de romax'en feira (…)
De Gundián n-o alto
a ermida branquexa,
e sal ô camiño,
d'os que van pra ela,
a Santa d'a Ponte,
santa feiticeira,
qu'é sostén e guía
n-a senda que levan,
tantas que n-o val,
- chamen como queiran-
merecen chamarse
tamen Manadelas! (...)
 C'os ollos de neno,
n-o lonxe, moi lonxe
Gundián, eu te vexo!...
¡Cántas veces fun
de Gundián ô tempro!
De neno n-o colo,
por meu pé, pequeno,
e cánto qué dera
por ire de vello!”.

Pola súa vez, Benito Losada, en Soaces d’un vello, insire un longo poema descritivo intitulado precisamente “A festa de Gundián”, que di así nun dos seus fragmentos:

“(…) Mírase end’alí chegando,
qu’é moi pequeniñ’a igresia,
mais, ¿qué lle fai, si gardada
ten á maor d’as grandezas?
O parax’é tan garrido
que ningún se ll’asemella;
pois, anque moi afundido
s’atopa entr’as altas penas,
vens’alí leiras, cortiñas,
parras e unha carballeira.

E, por último, Neira Vilas, no seu libro Pan, rememorará a visita que fixo a Gundián de neno, na entrañábel compaña da súa nai, pouco antes de que se desatase a guerra do 36:

“Disque era por mor do asombramento ou pra escorrentar algún inzo de piollos. Disque por todo eso aboga a Virxe de Gundián, tratánndose de nenos. Disque a terapéutica do seu milagre está baseada - chisco máis ou menos- en oito partes de auga e dúas de rezo. Non sei se no meu caso houbo ofrenda. Non chegaches a decirmo. Pero ese día alá fomos caneando. E na banda de atrás da ermida vin rapaciños encoiro que eran lavados baixo do picho dunha fonte de pedra.
Houbo procesión e monifates e bailas. Houbo algo de pulpo, campá, guardias en parella. Houbo mulleres darrastro, homes con cirios e sermón de arrouto, axeitado pra unhas vísporas de guerra....
Entre tanto barullar e ir e vir, batemos co vello dos enredos, cuia tenda era un mantelo branco estendido na erba. E sin volta ni relea mercaches pra min aquel remuíño do trinque. Quedéi pampo co feito pois non se tiña dado que tivese un xoguete da feira (...) E inda lembro con lonxano engado aquel día de Gundián”.

Elemento atávico asociado a estes encontros festivo-relixiosos na Ulla foron sempre as pelexas de mozos de distintas parroquias. Relata Castroviejo en Memorias dunha terra: “Unha tarde de calores, xa medio mozo, fun á Romaría de Santa Eufemia que cae polo setembre. Santa Eufemia era moi sonada en toda a Ulla, e sempre remataba en liortas, con paos e tiros por parte da mocidade dunhas e doutras parroquias. ¡Enzarzábase Sarandón con Ponte de Vea, e Teo con Vaamonde, que era unha gloria! Se por casualidade fose tranquila, dicíase que aquel ano a festa non tivera color”. E noutro dos capítulos do mesmo libro, engade a propósito de certo personaxe popular chamado Agustín de Reies:

“(…) ía tamén a cabalo ás romarías, para oír as bandas de música, que escoitaba atentamente; a súa favorita era a de Merza. Unha noite, despois de tocar esta, ao tocarlle o turno á de Arca armouse unha liorta entre os melómanos dunha e da outra. Foi na festa do patio de Santa Cruz de Rivadulla, que ten lugar os dezanoves de setembro no patio do Pazo Grande do marqués, que está nese día aberto a todos, incluíndo a avenida das oliveiras e o bosque de Palacio. Agustín de Reies, que se vía apurado por írenlle enriba os mozos de San Miguel de Sarandón e os de Silleda, saltou sobre o seu cabalo, un castaño brioso con estrela branca na testa que entendía por Luceiro, e dende aló arremeteu a uns e a outros cunha moca, descalabrando a máis de catro. A xente correu e os músicos refuxiáronse debaixo do palco. Foi detido pola garda civil, e mirouse logo en apuros para saír do paso”.


O segundo dos lugares emblemáticos que queremos traer a colación é San Xoán da Cova, que non debe confundirse co lugar homónimo do concello lugués do Saviñao, famoso pola calidade excelsa dos seus viños tintos e pola fermosura das súas paisaxes, que cantou en verso e glosou en prosa o inmenso escritor Manuel María. Sobre o enclave do Ulla, fronteiro a Gundián no propio concello de Vedra, escribiu Benito Losada:

Quen dend’a Ponte d’a Ulla
volva os ollos cara ó norte,
verá dous altos penedos
que forman cuase outra ponte.
Parece que d-a montaña
den’os homes aquel corte
pra lle deixar pas’o río,
qu’alí estreito e fondo corre.
Vese n-unha veira un pozo,
que d’inverno as augas cobren,
chamado San Xuan d’a Cova,
que á os penedos dalle nome.
Gundián érguese á direita
branquexando dende lonxe;
á izquerda a serra d’o Pico
que ó sol, moitos vidros loce (…)

E noutro poema do mesmo libro Soaces d’un vello, aínda engadiu:

Preto está San Xuan d’a Cova,
que así un pozo se nomea
moi fondo, que as xentes todas
contan qu’é tobo de meigas.
O río á súa veira pasa,
roxindo por antr’as pedras;
e, pardiolas, que pon medo
a quen dende enriva o vexa (…)

Alfredo Vicenti, en “A las orillas del Ulla”, describe o lugar de referencia da seguinte maneira: “El estrecho de San Juan da Coba es una puerta natural que separa a dos hermosas rivales. A través de la pintoresca hendidura, la Ulla baja, señora de los valles, islas y colinas de Occidente, y la Ulla alta que extiende por el Este sus fértiles y acaso melancólicas llanuras se miran con recelo, recordando vagamente sus antiguos odios feudales”. Pola súa vez, Otero Pedraio, na Guía de Galicia, acrecenta:

“Los derrames del Pico estrechan con el monte Castro el cauce del Ulla entra altas y rocosas paredes, aguas arriba e inmediatas a Ponte Ulla, donde pasa el río la carretera de Orense, paisaje estropeado por el gran viaducto del ferrocarril, muy repetido en el grabado. Cerca del monte Castro y de Dornelas aún se alza la ruina del castillo de Cira, levantado en los días de Gelmírez, feudo de la iglesia de Santiago, y después de las casas de Altamira y Sessa. En el estrecho de San Xoán da Coba, que así se llama, vivió anidado entre los formidables peñascos de la margen derecha sobre el río, un cenobio de aquel nombre, habitado desde el siglo IX por ermitaños de la regla de San Agustín. En febrero de 1571, una excepcional avenida del río derrumbó el cenobio, que no volvió a edificarse. Cerca del Pico, en Vilanova pasaba temporadas de descanso y falleció santamente, el ilustre historiador D. Antonio López Ferreiro, el domingo de Ramos de 1910, en su breve y campesino pazo”.

En terceira instancia temos o Pico Sagro (530 metros de altitude), tan vinculado ás orixes do culto xacobeo e ás da propia cidade compostelá. Antonio Balboa tense debruzado no volume A raíña Lupa (2005) sobre as orixes pagás de Santiago de Compostela a través da análise dos relatos fundacionais ou da translación que chegaron aos nosos días, sobre todo os recollidos no libro III do Códice Calixtino, que xa foran obxecto de glosa ortodoxa por autores como Manuel Vidal (cf. La Tumba del Apóstol Santiago). Neses relatos aparecen unha serie de elementos, máis míticos do que históricos certamente, que se relacionan de xeito máis ou menos directo con enclaves situados nas marxes ou proximidades do noso río Ulla: a barca de pedra que conduciu o corpo do Apóstolo desde Palestina ata o lugar de Bisria, na confluencia dos ríos Ulla e Sar (“in locum Irie inter duos riuos Ulia et Sare”); o enfrontamento de varios discípulos do Apóstolo (Torcuato, Anastasio, Tisefón…) cun dragón que habitaba no monte chamado Illicinus (das Aciñeiras, pois), probábel centro de cultos druídicos axiña rebautizado como Mons Sacer (o actual Pico Sagro); os requirimientos que eses mesmos discípulos do Zebedeo formulan para obter lugar de soterramento para os restos apostólicos á raíña pagá Lupa, Luporia ou Luparia, quen acaba abrazando a nova relixión tras reiterados intentos de engano, o derradeiro dos cales consistiu en ofrecerlles para o transporte da arca marmórica uns bois bravos (indomiti) que, no entanto, tornaron mansos perante o sinal da cruz; etc.


De novo a visión do xeógrafo Otero Pedraio sérvenos para presentar sinteticamente o imprescindíbel enclave:

“Domina los paisajes del Ulla la silueta del Pico Sagro, la cumbre más bella y simbólica de Galicia, visible en la composición de extensos horizontes desde Castro Dozón, el Faro, Friol, Melide y el Bocelo, el Mesón do Vento, la subida de Rois y el valle Quinta hacia Noia, pero más familiar en el Ulla, en que parece imponer al paisaje una elegancia especial. Este pico, de entraña de cuarzo blanco, envuelto en tenue capa de tierra, con un denso manto de pinares en sus flancos, se alza y ahusa, azul con la distancia, y en su cumbre, sólo adornada con algunos sobreiros o alcornoques, se encuentra la ermita de hermosos arcos y capiteles románicos de San Sebastián. El Pico conocido en la antigüedad latina, fue escenario de la evangelización por el Apóstol, quien, con sólo la señal de la Cruz, hizo caer inútil al tremendo dragón que lo habitaba, símbolo de la paganía (…) En el Pico hubo castillos dominadores; amenazó y defendió a Santiago, pero la historia guerrera cede ante la belleza de la leyenda y del horizonte. En los días claros se pueden vislumbrar las ventanas del convento de Santa Clara y el conjunto de los grandes edificios de Compostela, agrupados en torno a las torres basilicales.
Se ven los contornos lejanos, dibujados por las vagas planicies del Norte con Castromór, la dorsal del Faro hasta la Martiñá, la tierra de Montes con sus clásicos perfiles, el grave Pindo que anuncia los horizontes marinos. Se sospecha la articulación de los valles hondos y es grato corresponderse con el castro Marcelín y las numerosas ermitas que coronan las alturas sobre el valle, como Nosa Señora do Amparo, cerca de Oca; San Sebastián de Loxo, el Corpiño, el San Sebastián de tierra de Montes. El peregrino de Santiago debe realizar, como hacían los antiguos, la subida, que es cómoda desde el mesón del Sol, cerca de Ponte Ulla, pasando por cuestas de viñedos, por la hermosa fuente de encantador barroquismo popular, cantado por Marcial Valladares. Valentín Lamas Carvajal dedicó estrofas al bello monte, y Vicetto prosas admirativas. La misa del pueblo la envuelve en flores de cancionero y en refranes. Cando o Pico Sagro pon o capelo- mociñas da Ulla vestide o mantelo”.

Ducias de lendas rodean, efectivamente, este monte: sobre o ouro que encerra e que só pode collerse se o deixa ao descuberto un raio; sobre os castigos que agardan a quen ouse profanar co ferro a súa entraña mineral; sobre esas súas furadas e covas como agocho dos raios, lóstregos e tronos das treboadas que se desatan de cando en vez na contorna; sobre os mouros que se ocultan nas cavidades das súas rochas, agochando inmensos tesouros; sobre cerimonias druídicas arredor das aciñeiras que lle daban nome antes da cristianización (Mons Illicinus); sobre as propiedades curativas dos seus aires, disque sanadores do tangaraño; etc. Ademais de fornecer materia para unha rica literatura popular lendaria e fantasiosa, o Pico foi desde sempre para as xentes da bisbarra indicador meteorolóxico moi fiábel, como poñen de manifesto refráns e coplas recollidas por Valladares no século XIX: “Cando o Pico Sagro pon touca, auga temos, pouca ou moita”; “Cando o Pico Sagro pon capelo, meniñas da Ulla, cubride o mantelo”; “A chover vai de seguro, / qu’o Pico-Sagro ten touca. / Leva, meniña, a facenda, / qu’a chuvia non será pouca”; “Malla sen medo, se o capelo do Pico vai pra Lestedo; pero con ánsea, se vai prá Granxa”...

Manuel Vidal Rodríguez, no seu estudo La Tumba del Apóstol Santiago (1924), dedica varias liñas á grandiosidade desta caracterizada montaña galega, desde o cumio da cal

“(…) hacia el Oriente primero, y hacia el Norte después, gózase el curso del Ulla, que como cinturón de plata, va ciñiendo los viñedos, pinares, praderas y campos de mieses de aquella comarca, una de las más ubérrimas, hermosas y características de Galicia.
Jamás he sentido la emoción de los grandes cuadros de la Naturaleza, como el Océano visto desde el Cabo de Finisterre, una apacible mañana estival, y un día entero de primavera, la cuenca del Ulla, las espléndidas perspectivas y las fantásticas lontananzas que desde el Pico Sacro se admiran”.

Como xa indicamos, no volume memorialístico de edición póstuma Dos meus recordos, de García Barros, aparecen varias páxinas dedicadas ao Pico Sacro, datadas en 1955, que merecen traerse a colación por revelaren perfectamente a fonda devoción panteísta e a forte influenza espiritual que a montaña exercía ou espertaba, probabelmente máis antes do que agora, nos habitantes todos do val:

“Era, ou debía ser ben pequeno cando meu pai me levou ó Pico Sagro. Dende a miña casa non se vía, pro un pouco máis arriba, dende as veigas onde andabamos co gando pola corda, ou dende as toxeiras onde, se cadraba o botabamos ceibo, víase todo enteiro dende os pés á cabeza. Nos días de sol facíanos de coadrante pois, cando a sombra dun guiaba dreita ó máis salente da punta non eran as doce de todo, pro estaban a caír. E tamén de “pronóstico” pois ó pousárense alí as brétemas era, e segue sendo, sinal de mal tempo.
A impresión que nos daba, a min ó menos, a vista do Pico Sagro non era a dun monte coma os demais que viamos senón a dun altar facéndolle de camarín ás aldeas que figuraban pequeniñas, pousadas por il arriba ou, máis ben, a dunha Nosa Señora sentada, coma as que viamos nos cruceiros, cuio manto, cubríndolle cabeza e ombreiros, se ía ancheando e alongando hastra pousarse no río Ulla que pasaba bicándolle os pés (…)”.

Prudencio Canitrot, no seu Rías de ensueño, ofrece tamén en 1910 a súa particular visión desta mítica elevación da paisaxe galega:

“Nuestra charla no nos impide contemplar cada vez más cerca, cuando pasamos por Morrozos, el Pico-Sagro, el monte que en otros tiempos infundía á los habitantes de la región, más que gentílicas supersticiones, un fervor cristiano. La carretera le va arrodeando. Su mole, noble y ungida, se eleva al cielo con gravedad, como las plegarias de nuestros antepasados, que desde su más alto pico lo saludaban diciendo: Pico-Sagro, Pico-Sagro / sáname este mal que eu trago.
Allí, junto á los que hoy son restos de una capilla de la que únicamente subsiste el fastial, se amansaron los toros bravíos que á instancias de Lupa soltaron los gentiles contra el cuerpo del Apóstol Santiago, que venía desde Jerusalén. Allí se obró más de una vez el prodigio, y hoy como antes, desde su altura, se obra el de contemplar la maravilla del valle del Ulla, cruzado por un río y circundado á lo lejos por el Barbanza (...)”.

E outro tanto fai, en Del solar galaico, Xoán Armada e Losada:

“Esbelta traza la del Pico, guía para los que vienen de muy lueñe buscando la ciudad famosa, también sacra, oculta en su proximidad. Entre otros montes y sobre ellos, se alza el enhiesto picacho, verdadero centro, que si aparece serlo de los lugares, no menos lo es de las historias [Allí estaba el castillo de doña Lupa, origen que se supone de la casa de Lobeyra] (...) donde muchas veces hallamos con el recreo de la vista, incomparable solaz del espíritu; visión espléndida la que, dominando tierras de mariña y de montaña, divisa tantas, entre las que destaca el Sagro Pico, próximo al confín del horizonte, y se abren, por otro lado, valles y encañadas que van a perderse en el mar”.

Marcial Valladares
No alto do Pico erixiuse unha ermida que chega aos nosos días e houbo, en tempos, unha torre ou fortaleza, a de Cira, á que alude Valladares como de 30 metros de alto, esboroada a comezos do século XIX. Cabo da citada ermida, sitúanse dúas fontes, unha preto do propio templo, cabo de dúas sobreiras (“A fonte d’o Pico-Sagro / gardan düas sobreiriñas. / Bénia a quen alí as puxo / ó pé d’aquelas auguiñas”, recolle Valladares), e outra, a chamada “fontiña de Santiago”, que dispuxo en tempos dunha fachada de cantería mandada facer polo cóengo compostelán Pedro Valdés Feijóo, que recollía gravados diversos motivos icónicos relacionados coa lenda xacobea dos discípulos Atanasio e Teodoro, os bois, o dragón e a raíña Lupa... O poema “Á fonte do Pico Sagro”, composto por Marcial Valladares en 1851 e recollido no “Mosaico poético” do Álbum de la Caridad (1862), di así:


Fontiña d'homilde traza
en que o pastoriño ullán,
saltando pola carpaza,
a beber chega no vran
e ó lado teu se solaza;

Baixo esas dúas sobreiras,
decote xuntas amigas,
adorno destas ladeiras,
coma ti non tan antigas
pro coma ti hospitaleiras;

Aquí onde novato añiño
descansa tal ves, e soa
flauta daquel pastoriño,
mentras a abella alá zoa
de frol en frol, ó soliño;

A abella, no lindo manto
pousando de carmisín
que o Pico se viste ó tanto
e colga cal faldrellín
pregado en cada recanto.

Filla desa altura agora
Pico Sagro nomeada,
Mons sacer cando en mal hora
mina era súa esplotada
do mundo pola Señora;

Viciña da erguida Serra
que en tempos disque abrigou
mouro de condición perra,
rico co grau que roubou
ós propietarios da terra;

Ti que xa aí ruxirías
día en que plugeu o ceo,
achasen nas cercanías
discíplos de Zebedeo
as alimañas bravías,

Os touros e gran dragón
que medo estonces causaban
e de Lupa de Padrón
suntuosas casas gardaban,
nárranos a tradición,

Touros que, ante a Crus coutados,
en Compostela puxeron,
de varóns santos guiados,
restos que estes nos trouxeron
de seu Maestro embarcados;

Fontiña do Pico ás beiras,
testigo continuo acaso
de canto destas ladeiras
o vulgo, facendo caso,
refire de mil maneiras.

Dime que man benfeitora
ese pilón e pichiño
che regalou que namora
e onde, cal nun espelliño,
ves túas sobreiras agora.

¿Foi man romana, mouruna,
d'ermitaño caridoso,
ou man quezais por fertuna
de profeso relixioso
en siglos que a fe s'impuna,

Cando nesa altiva cresta,
que doura o sol ó nacer,
erguíase entre a frolesta
torre de bon parecer,
templo, de que nada resta;

Irexa de monasterio
en que a Xesús adoraba
monxe de semblante serio
que barba longa lle daba,
á par de certo misterio?

Filla da escarpada roca,
dimo, s'é que hoxe t'acordas,
que a remollar miña boca
e do peito as secas cordas
o teu raudal me provoca,

Ese afundido pilón
e tosco picho... Pro di,
di que ó agareno non,
a algún bautizado si,
debes a túa ereución.

Dimo xa, Fontiña, dimo,
sin que a vergonza t'arrede,
e quitareiche eu o limo
mentras oíndote, a sede
apertadora reprimo,

E o labio ó picho porei
que xente nosa labrou,
xente de cristiana lei
seguro non o luxou
bico de mouruna grei.


Na ermida do Pico Sagro, baixo a advocación de San Sebastián, celébrase o derradeiro domingo de maio unha concorrida romaría, que o escritor de Vilancosta glosou en diversos textos da súa autoría, como as “Cántigas da Ulla” (“¡Canta xent’alá n’o Pico, / d’o Pico-Sagro n’a cima! / Parece un pucho de rosas / caído sobr’unha piña”) e a novela Majina, en que lemos:

“Era o día vintesete, día de romería no Pico Sagro e, subindo a aquela altura de dous mil cento trinta e oito pés sobre o nivel da mar, altura onde según lendas e tradicións do país habitaron antiguos mouros e disque algún habita aínda; onde en novecentos catorce fundou o obispo Don Sisnando menesterio de benitos; onde en mil oitocentos trinta e un o arzobispo compostelano Fr. Rafael Veles mandou poñer, e en primeiro de Novembre daquel ano púxose no curuto mismo, unha gran crus de pau para que os pasaxeirol-a adoraran, feita astelas por un raio o sábado de Ramos de mil oitocentos trinta e seis; rubindo por aquel monte cuberto de carrouchiñas frolidas, queiroas e recendentes tomelos, acudían de moitos lados, por diferentes carreiros, devotos que iban a visitar ó santo San Sebastián, algúns hasta con ofrendas, todos a rezarlle, a oirlle misas na súa solitaria ermita, único que hoxe se ve alí, pousado coma unha pombiña branca ó pé da cresta”

Explica o mesmo autor que baixo as sobreiras da fonte, cabo da ermida, ou no pasadizo que corta a crista do monte, coñecido co nome de “rúa da raíña Lupa”, adoitaban os romeiros buscar sombra ao mediodía. García Barros evocou igualmente esta romaría no volume Dos meus recordos:

“Era o día da festa do Santo do Pico, San Sebastián, que ten alí a súa capeliña, soitaria, anque aquel día non o estaba. Había bastante xente, algunha escoitando a misa, a mais dela dende fóra, pois na casuca do Santo ben pouca podería caber; outra sentada por alí formando roda ó redor dun mantel ou servelleta con pantrigo, tomando a parva e escoitando os violíns dos cegos e as copras cheas de inxenio que descurrían pra que lles botasen unha codia na pandeireta, que non decote era do pantrigo que estaba á vista senón que moitos, ou mellor dito moitas, levábano da casa, do de millo, pra istes mesteres. E outros, prencipalmente homes, adicados a sobir ó cumio do monte, ou a baixar do mesmo. Eu tamén fun, non faltaba máis. Sei que por algún treito subín a gatas agarrándome ás carpazas, indo meu pai detrás, que non me deixaba de ollo. Ó pórme de pé na cima e ver dun golpe todo canto dende alí se vía, quedeime abraiado (…) Tamén fomos a ver a cova e tiven o valor suficiente pra chegar por ela a onde dá a volta cara abaixo e tirar a miña pedra escoitando como zoaban os golpes que iba dando contra os penedos da fondura”.

E fundindo o seu propio devir biográfico coa constante referencia ao monte que nos ocupa, o Marqués de Figueroa regalounos un sentido poema ao que pertencen estas estrofas: 


Pico Sagro a qu'eu subín
sendo moi pequeno aínda.
Entre néboas, moi ó lexos,
¡cánta terra descobría!
nobres ilusiós d'a y-alma
despertadas pol-a vista
d'as líneas, côres e trazas
que non eran as que tiñan
as cousas, qu'eu por meu mal,
ben logo coñecería;
as qu'habría de mirar
moitas veces, ben axiña,
corrend'a terra d'abaixo
dendesde Vedra hastr'as rías,
indo por montes moi lexos,
a parare n-a Mariña;
¡todo corrín e mirei
sin achar o que quería!...

Volvín ô Pico máis tarde,
e xa topei nova vida,
ben coidara d'escoller
a mañán d'un craro día;
ardente brilaba o sol,
e ind'a terra parecía
mais probe, que cand'as néboas,
n'aquela mañán cativa,
encobrindo a realidá,
despertando a fantesía,
eran ilusiós tamén
que o qu'encobren enfeitizan!

Así n-o andar d'a hestórea
tras ilusiós d'a infanza,
os desengaños veñen,
xentes e cousas cámbean;
e así os guerreiros bravos,
que dend'o Pico alzaran
c'o castel'o poder,
n-as terras Galicianas,
deixaron n-o castelo,
arnés, espada e lanza;
¡Fuxir triste d'as cousas!,
¿n-a vida, qué non pasa?...

Se no Pico morreron
ensonos, esperanzas,
n-a cova as rescataron
volvendo pol'as almas,
ô darlles nobr'empreo
moi santas insinanzas;
exempros de virtudes,
penitenzas, pregarias,
de San Xoan n-o mosteiro,
entr'as penedas bravas,
onde d'o rio Ullán
pasan fondas as augas,
refrexo d'unha vida
recollida, calada,
ô pé d'o Sagro Pîco,
n'a cova tamén sagra!...
Nin castelo hay xa n-a cima,
nin mosteiro hay xa n-a cova;
son só reliqueas que gardan
os espíritus, mamorias;
veñen d'os abós a os pais,
e por testigos envocan,
mais que as pedras, os penedos
que non hay poder que mova;
forza que resist'en pé
d'o tempo cualquera forza;
soment'e poder maior
que o d'a natura e d'a hestórea,
o nobr'espritu d'a lenda
que vencer aquelas logra!

O derradeiro lugar emblemático das marxes do Ulla na bisbarra homónima que queremos citar é a aldea de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, cabo da Ponte Ledesma ergueita no século XVI onde tragaron orgullo nos comezos do XIX as tropas napoleónicas e preto do Castromouzo, montaña envolta en mil lendas que Neira Vilas evoca con estas palabras:

“Dende a cima da croa ollabamos o Pico Sagro, as reviravoltas do Ulla e do Deza, as aldeas e os agros. Recordamos as lendas que contaban os avós tras do lume sobre encantamentos, trabes de ouro e de alquitrán, tesouros, meigas, ananos e aquel fondo retumbar cando de rapaces un poñía a orella a rentes do chan e outros batían os zocos no coiro do monte. Moitos anos antes - contábase - fixéranse escavacións e disque apareceran algunhas pezas de ouro, algunhas xoias de centos ou milleiros de anos. Pero iso mesmo dicíase do coto do San Martiño, e da Madanela, e da Pena Andoriña, e ninguén vira nada”.

No poema “Contan de Gres”, o mesmo citado autor sintetiza as variadas reminiscencias históricas que se concentran neste punto do noso río:

Que Xelmírez andou estes lugares;
que o señor de Leis foi mendicante;
que nas insuas moraban sete meigas;
que unha enchenta arramplou a vella ponte;
que a alma do marqués sigue no pazo;
que os salmóns competían río arriba;
que na croa acháronse tesouros;
que os veciños loitaron cos franceses
e que aquí houbo un Camiño de Santiago”.

Xa cando regresara a Gres por vez primeira en 1972, logo do longo periplo en terras americanas iniciado en 1949, escribira no seu dietario, publicado en 2006 co título de Vinte anos retornando:

“Gres. Chego por fin a este recanto fluvial onde me naceron. A dos ríos Ulla e Deza. A da ponte medieval. A do Castromouzo. A dos nosos antepasados que se enfrontaron valentemente ás tropas de Napoleón Bonaparte. A das casonas da Torre e de Vista de Leis e do pazo de Calderón Collantes. Gres, ese estraño topónimo que xa se mencionaba en documentos de 1.116. Encrucillada de camiños que gobernaba a familia dos Sánchez de Gres hai novecentos anos (…)
Camiñamos por Gres adiante. E por Ledesma, na outra banda do Ulla. Disque as montañas arredan e os ríos unen. É certo. Ledesma pertence a Boqueixón, na provincia da Coruña, mais a división administrativa non conta nisto. É a mesma comarca. Somos todos uns, unidos por este val profundo (…) Observo que trocaron os seixos rosados da ponte medieval por feas lastras nalgúns tramos e noutros por cemento. Dóeme esa chafallada porque esta ponte resulta emblemática para min (que ata lle dediquei os meus primeiros versos de adolescente) (…). Baixamos ás insuas-carballeiras, atravesamos pontes e pasais e escoitamos o eterno murmurio do río multiplicado”.

No lugar, efectivamente, deita as súas augas no noso río o poderoso afluente Deza, que vén desde a Madanela de Montes (Forcarei) e localízanse, ademais, as famosas insuas que serven de escenario para diversas efemérides comunitarias, como son a celebración do San Ramón, a convivencia anual da Banda de Música da Ponte Ledesma, a Romaxe dos Crentes Galegos do 15 de setembro de 1984, e, desde 1997, a comida anual á sombra dos carballos en honra de Anisia Miranda e o propio Neira Vilas. No mesmo marco tivo lugar, o 18 de setembro de 1999, a homenaxe que a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle rendeu ao autor de Memorias dun neno labrego, fillo desas terras e desas augas, dentro do ciclo “O escritor na súa terra”: instalouse un monolito con versos seus nas propias insuas, bautizouse unha rúa de Vila de Cruces co seu nome, houbo acto solemne no Concello de Vila de Cruces e celebrouse un xantar multitudinario co rumor do río como música de fondo…

A “Casa do romano” en que Neira Vilas naceu, que fora albergue de peregrinos xacobeos no Camiño da Prata durante os séculos XVIII e XIX, foi doada por aquel en 1990 coa condición de que se restaurase e se crease nela unha biblioteca pública. A restauración foi asumida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e levada a cabo polo prestixioso arquitecto César Portela. Colocouse simbolicamente a primeira pedra o 30 de xullo de 1991 e o 11 de novembro de 1993 inaugurouse o novo local. En xaneiro do ano seguinte, a Fundación Neira Vilas celebrou a primeira das súas actividades públicas, a presentación da tradución para galego da obra de Alejo Carpentier O Camiño de Santiago, e desde aquela ata hoxe mesmo converteuse nun máxico emporio cultural en pleno corazón da Ulla, con biblioteca, museo etnográfico, constantes visitas escolares, presentacións de libros (amiúde títulos que teñen que ver directamente coa bisbarra, como o Santiago de Gres e arredores, de Henrique Neira Pereira), recitais de poesía, representacións de teatro, convocatoria de diversos premios de poesía e teatro infantís (“Arume”, “Estornela”), etc. Só é de lamentar que a recente morte de Xosé Neira Vilas teña privado ese espazo do seu máis entregado e entusiasta animador.