eu

eu
eu

venres, 30 de maio de 2014

SOBRE A PRIMEIRA TRADUCIÓN DE SHAKESPEARE AO GALEGO


Fernando Pérez-Barreiro Nolla
 Co gallo da morte do intelectual Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010), varios medios e axencias de comunicación teimaron en sinalalo, nas necrolóxicas elaboradas ad hoc, como a persoa que fixo a primeira tradución do teatro de William Shakespeare (1564-1616) á nosa lingua, mercé ao Macbeth publicado pola Editorial Galaxia en 1972. Tería sido así o autor ferrolán quen tería aberto o fecundo vieiro de traducións ao galego da obra shakespereana polo que transitaron en datas máis recentes Miguel Pérez Romero (Soño dunha noite de verán, O mercador de Venecia, Romeo e Xulieta...), Xohán Ledo (Xulio César) ou Eduardo Alonso e Cándido Pazó (Rei Lear).

Da valía e do talento de Fernando como tradutor falan por si propias as súas leccións sobre esa materia nas universidades británicas de Westminster e Thames Valley, o seu labor técnico-profesional na “Organización Internacional do Café”, varios artigos da súa autoría como “A transliteración do chinés” publicado na revista Viceversa da Universidade de Vigo, distincións como o Premio Plácido R. Castro (obtido en 2005, ex-aequo con Iolanda Galanes, polo “Breviario do pensamento clásico chinés”, hoxe accesíbel na biblioteca virtual BIVIR) e, sobre todo, as súas producións, tanto aquelas que atinxen ao idioma de Shakespeare e Lewis Carroll (con Teresa Barro agasallounos, como é sabido, con Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello, versións que viron lume en 1985 da man de Xerais) como aqueloutras, non por máis exóticas menos significativas, que teñen a ver co chinés, como é o caso da escolma de narrativa curta contemporánea Flores e leña (1982).

Mais Pérez-Barreiro Nolla, de traxectoria tan destacada, meritoria e honesta en tantos aspectos, non foi en realidade o primeiro tradutor do célebre dramaturgo inglés para o noso idioma. Ese mérito pioneiro correspóndelle, ata onde nós sabemos, ao xornalista e político viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936).

A.Villar Ponte, visto por Seoane
Con efecto, cando a Irmandade da Fala coruñesa constituíu en 1918 o chamado “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”, escola de actores e actrices e plataforma para a renovación do teatro galego do seu tempo, a necesidade de dispor de repertorio axeitado e o afán de dignificación da lingua levaron a Antón, que dirixía o elenco, a realizar a versión galega de diversas pezas da dramática universal (Aristófanes, Molière, Yeats, Synge, Maëterlinck, Ibsen, Strindberg...), entre as que figurou precisamente As alegres comadres de Windsor. O de Viveiro titulou a súa versión, hoxe infelizmente ilocalizábel, Xan entre elas. Ía ser esta tradución a peza coa que o Conservatorio herculino se ía presentar ao público, segundo informaba en maio de 1918 o decenario A Nosa Terra, mais cando finalmente o fixo, en abril de 1919, o texto escollido foi A man de Santiña, de Cabanillas: o Poeta da Raza, por enésima vez neste período histórico, emprestaba o seu talento e o seu reclamo para atraer público e prestixiar de seu os actos das Irmandades...

O esforzo villarpontino, así e todo, non caeu en saco roto, pois o citado cadro teatral levou a escena Xan entre elas en xaneiro de 1920. Logo da feliz estrea, a propia A Nosa Terra (10.2.1920) emitiu o seguinte comentario: “O público que enchía o local se non fartaba de reirse co'as bromas terribres que sofre o inmenso Falstaff. De tres actos e cinco cadros consta a comedia, e a tramoya faise rápidamente como non é adoitado nas representaciós de aficionados. O derradeiro coadro, unha broma no antroido, resulta pintoresco e vistosísimo. Xan entre elas, a petición de cantos asistiron ó estreno, vaise repetir o próisimo domingo”.

Estes datos e estes detalles da nosa historia teatral coñeceunos Fernando da nosa man cando, en novembro de 2005, tivemos a honra e a sorte de coincidir con el nunhas xornadas sobre a figura de Plácido Ramón Castro que tiveron lugar en Corcubión e na Coruña, baixo os auspicios da Consellería de Cultura e o bo facer coordinador de Xulio Ríos. 

Mais lonxe de atristurarse por iso, Pérez-Barreiro alegrouse. Precisamente da correspondencia vía e-mail que mantivemos desde ese día, queremos dar a coñecer un fragmento significativo, en que o exquisito tradutor acusa recibo do envío pola nosa parte das “probas documentais” sobre a existencia desa tradución pioneira de Villar Ponte. Escribíanos Fernando o 23 de novembro de 2005:

Prezado Emilio: Grazas polo fragmento da tese. Aclarou o meu misterio e ampliou a miña idea do labor teatral de Antón Vilar Ponte, que é verdadeiramente impresionante e dun alcance universal que proba cánta era a curiosidade e o coñecimento da cultura universal moito antes de que os galaxios viñeran "descobrir o Mediterráneo" e, de paso, agachar moito do que os precedera. Paseille a información a Pujante, a quen xa lle falara desta posibilidade e que anda envolvido nun proxecto, coido que alemán, sobre Shakespeare en Europa. Hai que facerlle xusticia a Villar Ponte, aínda que non fora a "cup of tea" do meu abó Pérez Vigo. Direi en adiante que o meu Macbeth é a primeira traducción pubricada do teatro de Shakespeare en galego, pero darei fe de que hai probas de que houbo outra representada... e de que a fixo un viveirense e a recuperou académicamente outro”.

Concluamos. Que non fose a do Macbeth realizada por Pérez-Barreiro Nolla, en termos cronolóxicos, a primeira das traducións shakespereanas feita na nosa lingua, como quixemos lembrar con estas liñas, non nega en absoluto o mérito certo de que fose a primeira publicada, e para nada invalida, ademais, o seu intrínseco valor, quer do punto de vista da historia cultural galega no tardofranquismo, quer en canto texto literario-teatral de seu. Cando o franquismo inda non era nin moito menos pesadelo pretérito, Fernando ousou demostrar, máis unha vez e de xeito brillante, que a nosa lingua (Rosalía xa o proclamara) é tan a propósito como calquera para expresar e traducir os matices da alma humana que tan ben reflicten as grandes producións da literatura universal.

luns, 26 de maio de 2014

A FIGURA DE NICOLÁS TABOADA LEAL

Como representante das ideas máis avanzadas da súa época dentro da pléiade de figuras do que poderíamos denominar “primeira xeración de xornalistas viveirenses” (Pastor Díaz, Gregorio Morales Pantoja, Vicente M. Cociña, etc.), atopamos ao médico e hidrólogo Nicolás Taboada Leal (Viveiro, 1798-Vigo, 1883), para quen aínda en 1963 tiña Leal Ínsua que reivindicar que se lle dedicase unha rúa na vila que o vira nacer (cf. Heraldo de Vivero, nº 1353, 17.8.1963) e que tan ben estudado foi no seu día, en diversos traballos, polo chorado Doutor Fausto Galdo.

Cando aínda era estudante, Nicolás Taboada publicou en 1822, na imprenta compostelá de Antonio Rey, o poema “Canto épico al exaltado patriotismo que han manifestado en febrero del presente año los milicianos voluntarios de Santiago”, en que loa o heroísmo dos que se enfrontaron ao destacamento absolutista que caera sobre a cidade para tentar reimplantar o Antigo Réxime, durante o chamado “trienio liberal”. Deste poema hai edición relativamente recente por parte da A.C. Estabañón de Viveiro, no volume Seis poetas olvidados (2011).

A vocación literaria do noso autor daría novos froitos ao longo da súa existencia, entre os que poden sinalarse a obra en prosa de ficción La tía Marizápalos. Cuentos maravillosos y de magia (Madrid, 1840).

Despois de exercer como médico na parroquia estradense de Oca entre 1823 e 1825, pasou ao Hospital Militar de Vigo. Instalado nesa cidade, en que había de residir xa de por vida e da que había de ser primeiro cronista oficial, mercé á pioneira monografía Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su Ría y alrededores (1840), atendeu as necesidades do Gremio do mar e as do Hospital da Caridade, co que a súa sona de benefactor bondadoso e querido entre o elemento popular e mariñeiro da Ría de Vigo foi do mesmo estilo que a que gozaron máis tarde outros médicos como Leiras Pulpeiro en Mondoñedo ou Ramón Díaz Freixo en Viveiro.

En 1833 diagnosticou un brote de cólera que se declarou en Vigo. Taboada Leal, como Florentino Rodríguez Vergara e outros médicos vigueses aos que el propio rendería homenaxe nas páxinas do Boletín de Medicina, Cirujía y Farmacia (nº 114, 12.2.1843, 2ª serie, páx. 46), fixo esforzos sobrehumanos para combatelo como médico, mais tamén procurou como publicista, por medio de artigos e informes, convencer ás autoridades da necesidade imperiosa de crear na illa de San Simón un centro de corentena ou lazareto que fixese servizo de prevención ou de illamento en casos como ese. Desa experiencia de duro batallar contra o andazo colérico naceu o seu Informe sobre la cólera-morbo asiática (1848).

Posteriormente, en 1877, publicará a súa Hidrología médica de Galicia o sea noticia de las aguas minero-medicinales de las cuatro provincias de ese antiguo Reino. Nesta obra alude a dous mananciais viveirenses: o de San Xoán de Covas e o de Ferreirola-Leguán, en Galdo. A descrición do primeiro deles sérvelle para mencionar a lenda da “Cova da doncela” e para confesar ter estado varias veces no interior dela, resultando para el indiscutíbeis os “claros indicios del antiguo templo” que alí debeu de existir (restos de pinturas, paredes con ocos a xeito de peañas …). Estas páxinas que Nicolás dedicou ás fontes medicinais do seu Viveiro natal serían tempo despois reproducidas tanto por El Vivariense (números 391, 392 e 393, decembro de 1897) como polo propio Heraldo de Vivero na súa primeira época (xullo e agosto de 1925).

Rúa de Vigo dedicada a Taboada Leal
Cando se desatou en 1853 unha nova epidemia de cólera ou morbo asiático, a raíz dun foco de contaxio localizado en Vigo precisamente, Taboada Leal avala o diagnóstico identificador que realizan algúns colegas da Ría, mais a puxante burguesía comercial olívica, temerosa de que a noticia connote negativamente o porto da cidade e espante buques e negocios, forza a destitución de Taboada Leal, que non será restituído ata despois de que pase o episodio.

Está presente, ademais, no cadro de colaboradores do diario Faro de Vigo desde a súa fundación, en 1853, e o seu nome tamén aparece ao pé de artigos publicados na prensa galega da diáspora, como o titulado “Política sanitaria e higiene pública”, recollido en tres entregas por El Gallego, de Montevideo (números 26, 27 e 29).

Para rematar, digamos que o noso protagonista tivo dous fillos, Nicolás Taboada Fernández (1856-1899), poeta e xornalista, cronista oficial da cidade como seu pai e biógrafo do almirante Casto Méndez Núñez, e Emilio, que dirixiu El Diario de Vigo e morreu en abril de 1888.

domingo, 25 de maio de 2014

UN POETA MEDIEVAL AROUSÁN? PROBLEMÁTICA DO XOGRAL PERO D’ARDIA

Ten a bisbarra do Salnés representación autoral no corpus da lírica galego-portuguesa medieval profana, composto por unhas mil setecentas cantigas? Pertence a voz e a arte compositiva dalgún trobador, segrel ou xogral con raíces nas ribeiras arousás ao elenco dos que protagonizaron esa aventura literaria que marcou a produción poética de media Península entre finais do século XII e a segunda metade do XIV?

O filólogo portugués José Joaquim Nunes (1859-1932), ao estudar e divulgar parte do noso cancioneiro medieval na súa magna obra en tres volumes Cantigas d'amigo dos trovadores galego-portugueses (Coímbra, 1926-1928), deu por boa unha lectura feita no seu día polo crítico italiano Ernesto Monaci (1844-1918), descubridor e editor en 1875 do chamado Cancioneiro da Vaticana (CV), que descifraba como "Pero D'Ardia" ou "Pero Dardia" a rúbrica correspondente a un pequeno monllo de cantigas presentes no citado cancioneiro e tamén no da Biblioteca Nacional de Lisboa (CBN). Ambos cancioneiros son, como é sabido, copias dun orixinal galego-portugués perdido feitas en Italia no século XVI por mandato do humanista Ángelo Colocci.

Acto seguido, o citado filólogo portugués propuxo identificar ese antropónimo composto, "Pero D'Ardia" (nome de bautismo máis nome da terra de procedencia, método abundantemente documentado nos nosos Cancioneiros: Pero D'Armea, Pero D'Ornelas, Pero García D'Ambroa, etc.), como correspondente a un xogral que tería nacido no lugar de Ardia, na freguesía de San Martiño de Ogrove, dado que en tres das súas cinco cantigas conservadas (numeradas no Cancioneiro da Vaticana do 709 ao 713 e no da Biblioteca Nacional do 1118 a 1121, respectivamente) se cita un santuario ou ermida de Santa Marta que ben podería corresponder a algunha das existentes nas proximidades do citado enclave "meco".

En paréntese digamos que ese conxunto de cinco cantigas, todas elas do xénero máis tradicional, o de "amigo", presenta algunhas peculiaridades dignas de mención. Catro das composicións teñen refrán, ningunha repete o mesmo esquema métrico, unha delas presenta unha combinación de heptasílabos graves e agudos con esquema de rimas ababcCCC que resulta única en todo o noso Cancioneiro medieval ("Assanhou-s'o meu amigo...) e, por último, todas abordan o tópico do amor contrariado pola actitude do "amigo": o namorado preséntase nestas cinco composicións "sanhudo" porque a moza non lle deu recado para poder vela, enfadado porque seica non quixo falar con el, disposto a non volver máis onda ela, etc, aínda que tamén culpábel de mentirlle á namorada e non acudir como xurara ao encontro con ela na ermida de Santa Marta, precisamente...

Filgueira Valverde no traballo "Poesía de santuarios", publicado en 1977, e máis o editor, bibliófilo e poeta galego Xosé Mª Álvarez Blázquez volveron especular, tempo despois de feitas as aseveracións de José Joaquim Nunes, con esa posibilidade de que o poeta "Pero D'Ardia", xogral do que apenas nada se sabe con certeza e que debeu de vivir e compoñer contra finais do século XIII, fose efectivamente fillo das terras arousás.

Concretamente, na súa Escolma de poesía medieval (1198-1354), Álvarez Blázquez sinalou a respecto do xogral que nos ocupa que "temos por moi probabel que o logar do seu nascimento teña sido a aldea de Ardia, no concello e freiguesía de San Martiño do Grove (Pontevedra). A ermida que o troveiro lembra cicáis fose a que nos seus tempos eisistira na veciña freiguesía de Noalla, onde persiste o culto a Santa Marta nunha anterga imaxe que se venera na parroquial". 

Vila Fariña e Vítor Viana, que se farían eco no seu Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés (2001) da posibilidade anotada polo autor de Canle segredo, acrescentarían, pola súa conta, que a ermida de Santa Marta citada nas cantigas do xogral en cuestión podería ser, non a de Noalla, senón "lo más probable, la de Ponte Arnelas".

Mais a teoría do Pero D'Ardia arousán distaba moito de ser definitiva... Xa en 1951 o erudito Couceiro Freijomil no seu Diccionario Bio-Bibliográfico de Escritores, aínda que non deixase de citar a Menéndez Pidal polo seu traballo Poesía juglaresca y juglares (páx. 467) como autoridade á hora de determinar que o poeta que nos ocupa era un "juglar de la provincia de Pontevedra", tamén advertía que no CBN "se le designa Pero de Berdía", polo que lanzaba o eumés o seguinte interrogante: "¿y se referirá dicho Berdía a la parroquia de este nombre, en el actual ayuntamiento de Enfesta, cerca de Santiago?".

Unha das máximas autoridades mundiais en materia de literatura galaico-portuguesa medieval, o investigador italiano Giuseppe Tavani, corroborou en datas recentes a intuición "compostelanista" formulada por Couceiro Freijomil e corrixiu filoloxicamente o erro que tiña facilitado a hipótese dun "Pero D'Ardia" arousán...

Con efecto, o amentado sabio italiano nega que "Pero D'Ardia", a lectura de Monaci, ou "Pero Bardia", outra lectura que tamén se ten proposto algunha vez, sexan correctas, e propón como alternativa que se descifre o texto manuscrito como "Pero Berdia", vinculando este nome á existencia desa parroquia ou freguesía así chamada nos arredores de Compostela onde existe un santuario dedicado á advocación de Santa Marta... Xosé Luís Couceiro faise eco desta proposta de Tavani no Dicionário da Literatura medieval galego e portuguesa da Editorial Caminho (1993, pp. 539-540), ofrecéndoa, pódese dicir, como derradeira palabra no debate sobre o verdadeiro antropónimo e a probábel orixe xeográfica do misterioso xogral galego.

Privados pois, ao que parece, da posibilidade de que a bisbarra salinense fose berce dun xogral medieval con presenza nos Cancioneiros, haberá que consolarse co feito (este si indiscutíbel, e mesmo valería dicir, tamén compensatorio) de ter sido a ría de Arousa a paisaxe amada e cantada por algúns dos mellores poetas neotrobadorescos da poesía galega do século XX: o Álvaro Cunqueiro de Cantiga nova que se chama ribeira, o Fermín Bouza Brei de Nao senlleira e o Aquilino Iglesia Alvariño de Cómaros verdes. Non se consola quen non quer..


martes, 20 de maio de 2014

FRANCISCO CAMBA "VERSUS" FRANCESC CAMBÓ


NOTICIA DUN DESENCONTRO ENTRE O XORNALISTA AROUSÁN E O POLÍTICO CATALANISTA

En setembro de 1917, o destacado dirixente da Lliga Regionalista catalá e futuro ministro Francesc Cambó i Batlle (1876-1947) veu á nosa Terra para establecer un pacto de colaboración coas nacentes Irmandades da Fala, de cara aos comicios lexislativos que terían lugar en febreiro do ano seguinte. No transcurso desa visita atendeu os requirimentos profesionais que lle formulou o xornalista e escritor Francisco Camba (1882-1948), colaborador habitual de El Imparcial de Madrid e de La Voz de Galicia herculina, mais aconteceu que o xeito en que o vilanovés desempeñou o seu cometido non foi, en absoluto, do agrado do político catalanista.
Francesc Cambó pronunciando un discurso
As relacións das Irmandades co catalanismo remóntanse ao propio ano en que aquelas foron fundadas, o de 1916. Villar Ponte saudou desde a prensa periódica as mobilizacións a prol da oficialización da lingua catalá e contactou por vía epistolar co daquela director de La Veu de Catalunya e secretario da Lliga Regionalista, Ferrán Agulló, quen lle urxiu, segundo puidemos testemuñar nas cartas entón cruzadas por ambos, o envío de folletos sobre o galeguismo e tamén de libros do poeta cambadés Ramón Cabanillas.

Estes contactos preliminares desembocarían na celebración, a finais de 1917, de senllas "Semanas", con intercambio de delegacións entre a Lliga e as Irmandades: deputados e dirixentes catalanistas visitan Galiza en novembro e dirixentes galeguistas devolven un mes despois visita a Cataluña. Como preparación e preludio do pacto de colaboración, o líder da organización catalanista, Francesc Cambó, acompañado polo tenente alcalde barcelonés Xavier Calderó, xirou unha visita semiprivada á nosa Terra no mes de setembro. O xornal A Nosa Terra tributoulle entón o seu "saúdo garimoso" e o xornalista Roberto Blanco Torres non deixou de expresar previamente no Galicia Nueva de Vilagarcía de Arousa (1.5.1917), o seu desexo de que con esa visita o catalanista fose quen de galvanizar "la personalidad que nosotros no hemos podido conseguir y que nos niegan los cazurros de la política y los mastuerzos de la pseudo-intelectualidad que, aún siendo gallegos, ni cultivan elevados ideales ni hacen aquí y en la Corte otra cosa que vegetar zanganeando".

Na Coruña, Cambó foi agasallado cun banquete na Ponte Pasaxe, cunha visita á "Exposición Regional del Arte Gallego" que estaba a se celebrar na cidade, cunha cea privada no Palace Hotel e cun acto no local da Irmandade, en que pronunciaron discursos de benvinda A. Villar Ponte e Rodrigo Sanz. No transcurso dese encontro, Cambó, presentado como "admirable escultor da forte e arelada Iberia do porvir", fixo o ofrecemento explícito de axuda ás Irmandades, negociou en secreto a adquisición do xornal El Noroeste para convertelo en voceiro do rexionalismo galego, acordou a futura celebración de tres grandes mítins en Santiago, Coruña e Vigo e combinou tamén datas para varias conferencias de temática económica orientadas significativamente, como indica A Nosa Terra, "ôs nosos capitalistas". Prometeu, por último, a entrega ás Irmandades dunha futura edición da poesía de Rosalía de Castro vertida para o catalán e dunha coroa de bronce para o seu monumento no Paseo da Ferradura, en Compostela.

Unha crónica controvertida

O xornalista vilanovés Francisco Camba, daquela redactor do xornal coruñés fundado por Fernández Latorre (voceiro oficioso do partido liberal), cubriu a información desta visita, asistiu convidado ao banquete da Ponte Pasaxe e escribiu unha crónica sobre a mesma baixo o título de "Un viaje de propaganda. Cambó en La Coruña. El leader del regionalismo catalán habla del regionalismo gallego" (11.9.1917). Con todo, a transcrición presuntamente sesgada de determinadas aseveracións cambonianas sobre a cuestión lingüística e a revelación de extremos que foran explicitados por Cambó durante o banquete "off the record", dito sexa usando a xiria xornalística actual, fixeron que tanto o dirixente da "Lliga" como os seus anfitrións galegos se sentisen moi molestos con Camba e que expresasen ese seu malestar por diversos medios.
Francisco Camba, retratado por Cortés

Así, o quincenario galeguista A Nosa Terra (20.9.1917) cualificaría como auténtica "baixeza" a actitude do autor de La revolución de Laíño, por non ter gardado a prometida discreción sobre certos aspectos da conversa informal mantida durante o banquete da Ponte Pasaxe e por poñer en boca de Cambó "cousas ausurdas que aquel non dixo" e "cousas aldraxantes pr'ôs dinos membros do consello da Irmandade da Fala, crebando as leises da hospitalidá e da fidalguía". Consideraba o órgano das Irmandades, a respecto de Camba, que "un home eisí queda descalificado. Un home eisí é merecente do noso desprezo. Abusou da confianza. Seu xeito foi rufianesco. Non ten disculpa. ¡Imbécil!".

Que ese presunto abuso de confianza do xornalista Camba enfastiou ao propio líder catalán demóstrao a inmediata autorización que este cursa vía telegrama ao xornal barcelonés La Veu de Catalunya, afecto á "Lliga", para que desmentise, unha por unha, as palabras consignadas polo reporteiro arousán.

A reacción deste, porén, non foi outra que ratificarse a través das páxinas do xornal gassetista El Imparcial de Madrid na fidelidade e veracidade dos extremos recollidos na súa crónica, o que provocou novos enfados e reaccións de desagrado tanto por parte das anfitrioas Irmandades, expresadas a través do boletín A Nosa Terra, como por parte do propio Cambó, que se explaiaría en críticas ao traballo de Camba nunha interviú que lle realizou un xornal de Xixón, El Noroeste e que se apurou a reproducir tamén La Veu de Catalunya (15.9.1917).

Xa de regreso en Cataluña, Cambó reflexionaría sobre este seu "affaire" con Francisco Camba en carta privada a Villar Ponte datada a 19 de setembro dese mesmo ano, para finalmente concluír: "Veig que aquell subgecte que ens acompanyà a la excursió repeteix a "El Imparcial" la seva facecia; no m'extranya: no era el séu article a "La Voz" obra d'un lleuger, sino d'un vulgar poca-vergonya" ["Vexo que aquel suxeito que nos acompañou á excursión repetiu no "Imparcial" a súa parvada; non me estraña: non era o seu artigo na "Voz" obra dun veleidoso, senón dun vulgar senvergoña"].

domingo, 18 de maio de 2014

ENTREVISTA CON XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR


Dramaturgo, ensaísta, narrador, poeta, activista cultural, columnista de prensa... A traxectoria pública de Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) esixe lentes de capacidade poliédrica para ser captada e avaliada en toda a súa riqueza e profundidade. Docente de profesión nas aulas de primaria e de secundaria, coa materia de lingua e literatura como grande agra en que sementar inquedanzas e procuras, charlamos con el para deixar negro sobre branco fe do seu saber peneirado de experiencia.


Na túa infancia na “Terra do Medio” (Melide, Agolada...), quen te achegou por primeira vez aos libros, en xeral, e aos libros galegos, en particular?
A miña nai tiña unha adoración especial por Rosalía; un exemplar de Cantares Gallegos sentaba prestixio e confianzas na casa petrucial da Ponte de Penas, en Santa María de Melide. Fora un agasallo do primoxénito da familia, Roque, que estudara en Poio. O libro nunca mudou de lugar; porén os versos de alomenos sete poemas viaxaban na memoria de Antonia, a miña nai, que chegaron autentes ata Agolada. Eu tiña catro anos e viña recén dende Melide, co castelán do cerne da vila que me dera aquela tanta e primeira luz nos ollos. Lembro o cariño e a emoción na súa voz de recitadora. O meu pai ollaba en min co seu sorriso. Cinco anos despois díxome onde estaba o libro: no móbel do comedor da Casa de Penas. Fomos un día de festa alá. Colleuno e púxomo no colo das maus. ¡Que non che caia, ten moito tino!. Abrino e pecheino con certo agarimo. “¿E podémolo levar pra Agolada?” -díxenlle-.” Hoxe non se pode, ha ser outro día”. “¿E hainos a vender na feira?”. Sorríu e díxome na orella, “hainos en Santiagho”. Na feira si que estaba “O Gaiteiro de Lugo”. O meu primeiro contacontos; cos meses e cos días; versos e domingos; festas; a primavera, o inverno; adiviñas, contos, romarías…, na miña lingua.

E cales foron os autores/obras que marcaron os teus primeiros espertares?
Rosalía e Pondal, nos seus territorios da ensoñación e das denuncias. Curros, o primeiro dos cabreados resistentes. Cabanillas, un facho cabo do mar en terra. E axiña, a descuberta das Cantigas, coma unha estrelecida: a marabilla; cada palabra un símbolo. Eu soñaba poeta, xograr, músico, océano; vivir así. Dende aqueles bacharelatos (elemental e superior) por libre, albisquei tamén a lumieira silenciada de García Lorca, Miguel Hernández, Machado, Juan R. Jiménez… Eran desaparecidos a mantenta o noso Medievo e os séculos varridos (esas fervenzas do silencio que seguían rompendo nos escuros, indo, vindo, na terramar, na espera do fulgor): e abrochaban en obra digna as agras dos séculos; na fervenza, no corgo, nos menceres do XIX, do XX…: Cunqueiro, Blanco Amor, Otero… E nas atmosferas abafantes aínda aquela nugalla da Terra a prol dos programados silencios, coma tal nas arestoras; esa maldición das comichuras que comandan os fidalgos das pandiñas, comisarios que aínda están aquí.

Seica no xurdir da túa vocación de escritor, e polo tanto, de comunicador, tivo moita importancia unha experiencia de traballo que tiveches sendo mozo nun medio radiofónico. Como foi ela?
Eran os meus dezaseis e dezasete anos. Preparaba por libre o bacharelato superior. Escoitaba RNE na xastrería do meu pai. Un lume manso medraba en min a prol do xornalismo. Afoute, coma os galegos/as de case sempre, soñaba unha columna, un micrófono, unha gravadora: papel, radio, tecnoloxías…”¡Mamá, eu quero ser xornalista!”. “¿E para ónde tes que ir?”. “¡Madrid ou…! “!Nós non podemos tanto, Pepiño”. E Alfredo de Vila de Quian deu o consello coma sentencia: “primeiro cocemos o pan e despois xa virá máis festa”. Eu pelexaba co grego e co latín dende a ribeira do Arnego. Alcanzado o título, o ceo semellaba máis perto. De axiña mestre e despois “a festa”: o xornalismo. Todo era un soño. E veu de axiña o sol: “La España que trabaja”, programa radiofónico nas mañás, de luns a venres, de RNE, dende Madrid. A porta aberta para a audiencia. E aí estou xa de voluntario correspondente dende “Agolada (Galicia), la crónica pintoresca de Xosé Vázquez Pintor”. Un as de autoestimas entraba cada xoves na media mañá no meu caletre e no meu cuarto (os meus pais escoitaban a crónica dende a xastrería, sen dar alento nen puntada); daquela eu xa tiña un agasallo de aparello novo e pequeniño, coas voces de Manoli Campo e Ronaldo Gómez de Helena: portavocías, que modulaban sempre ben e paseniño as palabras da Lingua Gallaecia: o léxico non traducíbel, o xeito da fonética labrega e sempre a despedida “os meus bicos dende Galicia”. Autoestima a esgalla. Perdurei anos e tiña amigos compañeiros correspondentes en Canarias, Salamanca, Béjar, Arriondas, Ferrol, Sagunto, Granollers, Bilbo…Na primavera do 1968, eu xa mestre na miña segunda escola rural, alcancei as ousadías de me facer cunha gravadora para que os alumnos (daquela aínda “las niñas con las niñas, los niños con los niños”) de Santalla de Moar (Frades, A Coruña) desen palabra e desabafo da súa aldea e da súa Lingua. A entrevista gravada saíu nun sol. Inesquencíbel. Fica na nosa memoria.

Resume, por favor, o teu cursus honorum académico: en que centros estudaches?; que carreiras emprendeches?; que che aportou toda esa bagaxe?
Dende os nove anos. Regreso a Melide para estudar na Academia Balmes. Bacharelato por libre, exames no Instituto Masculino d´A Coruña. Cos trece anos soñaba ser futbolista en Riazor e pedinlle a miña nai se podía estudar por oficial, que era máis doado ca por libre; ela dixo si e veu comigo. En poucas semanas xa estaba xogando en Riazor cos infantís do Deportivo; Rodrigo Vizoso era o noso adestrador no antigo campo de terra e de area. Non tardaron en vir os suspendidos nos exames. A miña nai informouse dos meus horarios e varreu comigo aquela ilusión deportivista de proseguir Amancio, Veloso, Loureda, Xaime Blanco…Esprintei na primavera para salvar as derrotas do curso con reválida e un cartonciño que repuntaba en letra que conservo: “Bachiller elemental”. Xa era algo. O “Superior” fíxeno por Letras, dende Agolada, debullando o grego e aqueloutro Debuxo que era unha encrucillada de centímetros. Xa estaba perto Madrid, a Facultade de Xornalismo, o meu soño. A noite do párkinson acendíase para o meu pai e houbo que virar a nao de volta á terra: Maxisterio por libre, en Lugo, era o destino. Na primavera de marzo marchei para aprehender Física e Química, Matemáticas…, eu que era de Letras. Aproveitei para probar polo C.D. Lugo e así ter unha axuda para que os meus pais librasen das tantas obrigas. Olmedo era o adestrador; tívome consigo todas aquelas mañás de frío e chuva no Ángel Carro... E así, entre as néboas e as distancias fíxenme mestre.

Os teus primeiros libros de poesía, Gándaras (1971), Terra e pan (1975) e O espertar tamén é noso (1977), quedaron unha miga sepultados baixo a etiqueta, pexorativa para algúns, de poesía “socialrealista”. Que nos dirías hoxe sobre eles?
Si, é certo. Porén son os meus benqueridos: frescos, autentes, son saudade e saúde, sen medos, sen Olimpia. Están todos na Seara, a casa común do neno de Melide, d'Agolada e de Quian; do mozo, do rebelde, do pai, do avó e do aprendiz do mar de Cangas, que é a ardora, ese universo. Sepultar a realidade: eso queriamos os/as do meu tempo. É así a furia do universo, nas rotativas. Eu era. Son aprendiz das senrenuncias (así, todo xunto). Non están nas ruínas das lareiras, no chan do cuarto, no bidón do lixo. Son meus: sorriso, pranto, conforto, ausencias, presencias… E bico Gándaras en cada vez que nos “miramos”: a Editorial Celta, en Lugo (in memoriam); a capa de Xan Balboa (in memoriam); as fotografías de Sarry; o limiar de Varela Buxán (in memoriam); a recensión de Álvarez Torneiro en LVG; a mau aberta de Alonso Montero; a música de Antonio do Troito (in memoriam) e a de Xico de Cariño; a escolma de Mª Victoria Moreno (in memorian). Un mundo que nunca varrerei. Porén, con Ofidios de diario hai unha virada, non sei dicir se ética ou estética; haina, de conformidade co paso do tempo cara o ad-verso ou o re-verso ou as vice-versas, que todo cadra en ben para desabafar (“Bota, bota a lingua fóra, a ver como é que estás”-así dicía a miña nai para a primeira ollada de valer pola saúde do seu neno-). E sempre estiven /estou en desabafo, que tamén pode ser o botifora (festa dos remates), feliz para os obradores do silencio, da artesanía da Terra e do Mar que nos con-leva e move.

Nun dos poemas que máis me gustan da túa obra toda, escribes sobre a experiencia de acompañar a teu pai á Coruña e descubrir o mar. Nalgúns versos dese poema resumes metaforicamente o que eran as aulas franquistas en que che tocou “educarte”. Fálanos deses teus anos de escola e dos métodos pedagóxicos que tiveches que afrontar entón.
Si. É un dos poemas que me saíu autente, definido e varredor contra os abismos daquel tempo. A pedagoxía e a didáctica máis duras. E a primeira vez do mar, coma un exilio. Eran os nomes líquidos e sólidos do mundo. Nós só tiñamos Miño e Avia; A Coruña e Vigo; Pena Trevinca, por un acaso. Colonización a tope. Abismos de sabeduría do alleo. A castración do noso. A memoria dos outros, sempre ao lonxe, lonxe. Os exames “por libre” para o alcance do cartón amarelo, onde o teu nome e apelidos agrandaban a ledicia da casa labrega e mariñeira, a voz da aldea que vai dentro, cando a deserción non era xa premonitoria. Curas e Mestres era o destino máis doado na postguerra dos humildes. As academias, na neuralxia da vila, eran refuxios, pequeñas lucernas, “comedores” de sílabas, palabras, números, citas, álxebras, labirintos…e sempre aquel terror das datas de xuño e de setembro cabo de lonxe: A Coruña (no meu caso), Lugo, Ourense, Santiago e Pontevedra. As cinco. Sempre “por libre”. Enchoupados polos exames da memoria, en medos; case abismos. Lembro con especial cariño ao profesor que me examinara de grego; por el soñei Atenas. E aínda sigo.

Mª Victoria Moreno inclúete na súa antoloxía de Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973). Como soubo da túa obra precedente e que repercusión tivo para ti esa inclusión?
Coido que por Xesús Alonso Montero. Todo foi axiña, coma en relampos. Cando me escribiu foi unha ledicia na casa dos meus pais. Xa ela fixera as escollas dos poemas de Gándaras e pediume algúns máis, inéditos. A edición do libro era axiña. Un chimpo. Unha luzada no meu mar das brétemas. E nós dez “novísimos”. A cifra. Axiña beberon nela os cantautores de noso. Tiven a sorte de saber e de escoitar a voz e a música de Antonio do Troito, de Antón Seoane e Rodrigo Romaní, de Bibiano e Benedito, de Xico de Cariño, de Pilocha, da Música emerxente e libertaria de Na Lúa, de Suso Vaamonde… Unha sorte que me fixo moito ben nos meus soños de arrieiro coas palabras que non cesan.

Na túa poesía está moi presente a memoria das estirpes labregas e vilegas das que procedes. Cóntanos como vas encaixando toda esa fervenza de referentes e presenzas familiares e como encaixas ti mesmo nesa constelación humana que che dá identidade.
A voz da estirpe. O cariño da Casa. O sabor da terra en quente, coma un pan. Os ollos da miña nai e do meu pai. Os bicos da familia labrega. A mau da aldea. O can, a égoa, as vacas e as ovellas de Quian. As galiñas en familia e o galo teso e cantador…A Rúa do Convento na vila de Melide, a tenda da señora Anuncia, onde eu era aprendiz de cabaleiro nas albardas. O Arnego; os pendellos d´Agolada; a cidade d´A Coruña; o “Ángel Carro” de Lugo, en néboa permanente dos meses do inverno cando eu soñaba en futbolista; a descuberta de Pontevedra e Vigo; Ourense, Ferrol. O val de Quilós, en Cacabelos, onde souben beber e vivir Galiza no profundo da Historia e do cariño que vén de lonxe lonxe, alén de Pedrafita do Cebreiro; eu señor condutor de seat 600 D (terceira mau), residente feliz no val do mellor tabaco do mundo, que fala e sabe coma nós. E as escoliñas unitarias de Santalla de Moar, de Présaras, de Laro…ata chegarmos, a moza e máis eu, ao mar de Cangas, coma un bico da sorte que non cesa. Velaí é. Palabra e obra. A Terra e Nós. Literatura…, tamén.

Cadrouche vivir en plena madurez vital xa os anos da chamada “Transición”. Cóntanos como foron eses anos para ti e que valoración fas desa época, tan próxima e ao mesmo tempo tan distinta á actual.
Acaroado ao cariño da memoria, que cadrara coas primeiras despedidas da familia: aqueles cinco balaustres que me regalaran a infancia feliz da aldea de Quian e o soño libertario de Melide e Agolada. Estabamos todos xa case todos, que eramos ben poucos, na terramar de Cangas. O sorriso dos meus pais e dos meus tíos, a chegada dos nosos fillos; aquela tanta luz dos vinte e poucos anos, que derrubaban na noite os trasnos e as cancelas. Un frenesí nas corredoiras do mar en terra. Non hai comparanza daqueles anos cos que agora temos por encauto e castración sistémica, caladiña e raposeira, coma quen che dá un bico “na inocencia”. Resistir andando, e non nas esperas. Labazadas, proxectos, sempre avante en cadaquén. Era o tempo grisallo, mais era o tempo. Hoxe medraron as víboras e as avésporas e os días son captivos. Cando releo as miñas crónicas nas “columnas de papel”, ollo ben ao lonxe e… recuamos. Un fío branco de traiduría póusame nos ollos, coma un lixo, despois da tanta espera e esperanza. Mais aínda non nen nunca o desespero en rendición.¡Habemos para sempre bicar terra, ceo, nai, océano!

Como era o clima que se respiraba nas aulas e nos claustros cando comezaches a túa andaina profesional? E como cres que foi evoluíndo despois, ata hoxe?
Eramos noviños. Viñamos da noite. Soñabamos luces. Os vinte e poucos anos sabían a pan de fresco. Eramos os sorrisos naqueles cuartos de normativas e condutas adubiadas. Mais axiña rompemos os valados, aínda nunca os muros, paseniño, na humildade. Falabamos galego en sempre. Xogabamos cos alumnos nas horas de lecer. Eramos dun tempo novo. Eu quixen ser Teatro e Lingua a un tempo. Foi posíbel. Sabiamos que detrás e diante eran as vixías. Abríanse así, de paseniño, fiestras da esperanza. Deixaban facer, coma unha mornura. Eramos tres catro cinco seis os dos poés no vento futuro. Aínda era a nordesía. Viñeron sumas, paseniño. E despois daqueles anos…abrochou de volta, por acaso e nunca sempre, a nordesía. De ida e volta, era o nome do libriño humilde da colección “O Moucho”, que me editara aquela persoa de ben e entrañábel que atendía por Xosé Mª Álvarez Blázquez. Os primeiros pasos dunha andaina resistente.

Unha das experiencias ou facetas túas que menos estudadas están é a de animador e director (e non sei se tamén guionista, produtor e algunha outra función máis) do grupo-escola dramática “Ancoradouro”, fundado por volta de 1982. Que nos evocarías dese grupo, das súas montaxes, ata a súa desaparición en 1994?
O mimo foi un chimpo de ledicia. Nas arroutadas da vida de cadaquén xorden así as luces máis diversas. Eu era un namorado de Marcel Marceau. Abondara saber del e do seu mundo polas imaxes da TV. Namorei así do silencio. E xa de vez as ousadías na proposta para un xogo colectivo co alumnado no Colexio Público de Coiro, en Cangas. Máis de cincuenta nenas e nenos a prol da ensoñación. Co paso do tempo, elas / eles en medras, e as estimas en alza: viaxes a Porto, Coimbra, Barcelona, Bilbo… A TVE2 nunha reportaxe de trinta minutos. A TVG, os convivios co Teatro amador en Ferrolterra. As resistencias. Mónica e Pili foran as penúltimas dentro dunha decadencia cultural que ía en medras sucesivas. Pili Rial emigrou a Holanda e Mónica Camaño velaí a está: actriz total na sempre vida. Mais e última xeira había de chegar, chegou, coa premura dunha nova anada dende os xubilados/as de Cangas: elas, eles contra o desespero e os aburrimentos. Demandaran axuda para facer teatro, seren intérpretes das tantas vidas. Nace así o Teatro da Casa da Bola. A marabilla de obra en pé: cariño, humildade, resistencia, vocación de intérpretes da vida. Lembro e gardo no profundo aquelas tantas voces e agarimo, os seus rostros e os seus nomes.

Que consellos lle darías a calquera docente que quixese poñer en marcha experiencias de teatro escolar neste preciso intre? Con que repertorio e orientacións coidas que podería traballar, para comezar?
Insistir nas posibilidades, que todas estarán abertas se hai amor polo noso: tradición, modernidade, avangarda. O corpo humano necesita, quere, demanda extroversión xa dende a infancia. E a Gallaecia, de antigo, necesita esta saída libertaria, intelixente, que vai e vén de lonxe cara ao paraíso das ledicias (que na mutación dunha letra tamén poden-deben ser delicias).

Na colección “A Pinguela” de teatro escolar, que promoveu Xosé Luna coas súas Edicións Fervenza, apareceron varios traballos teatrais teus dirixidos ao público infantil: A fraga encantada, Sala de espera, A sombra da memoria, Os pés do vento ... Que trazos caracterizarían, esencialmente, o teu teatro para ese público?
A este respecto herdei a palabra, o xeito e as mensaxes de Varela Buxán, o “filósofo do arado” (que así o nominara Castelao aló en Bos Aires): ilusión, cariño, compromiso, resistencia, lealdade. As súas comedias “facían rir á xente, con-mover-se”. O mundo en pé e en obra. Cada peza un xesto, un xeito, unha virtude necesaria a recompor o corpus galego de Aquí e dos Alós e Trasdalós que sempre temos no mapamundi. Velaí as esencias. E eu tentei, tamén tento na literatura, ser ese mensaxeiro que non arría os petates de por vida.

Que valoracións che merecen a situación actual do sistema educativo e os proxectos que, resumidos co nome de Lei Wert, se están barallando para aplicar nel?
O sistema educativo de noso confórmase coas migallas cando hai festa e cando non a hai devala cos designios foráneos dun Estado que conleva e conserva os propios estatutos nunha albarda dos cen anos de arrieiro vai, e basta xa. Na miña andaina como profesional fixen e desfixen ao meu aire, caladiño. E o alumnado soubo e quixo sempre atender e agradecer. E foi así nos tres estadios competentes de por vida profesional: escolas unitarias, de primaria, de educación permanente de adultos, de secundaria. Aí parou o carro en andaina feliz cos tres lugares: Vigo, Cambados, Pontevedra. Nunca esquencerei. Nas arestoras escoitar ou dicir Wert é unha provocación.

Volvemos á túa obra. A partir de 1984, coa edición de Ofidios de diario, pero, sobre todo, a raíz do premio que obtés en 1989 con Na vertical da noite, pega un xiro importante, tanto cara adentro (nos seus temas e xeitos de expresión ) como cara afora (na súa maior repercusión e acollida). Como ves ti hoxe ese momento talvez decisivo da túa traxectoria e como avalías o que pasou no panorama poético por volta desa década dos 80?
Se non foi unha “década prodixiosa”, si que foi unha década revolucionada, evidente, lúcida. Os ruralistas, nunca rendición, soubemos convivir cos urbanitas. Cadramos en que os espazos non eran exclusivos; unha liortina, un agocho ou unha eiva. O talento está e medra en cadaquén que escoite e recolla os legados, as superficies e o profundo das mensaxes que nos nacen dende antigo. A Poesía nace na terramar que alcende, sementa e abrocha dende os séculos. Somos. Existimos. En serio non hai Everest. Hai cordais, veigas e valiñas, terra, océano.¡Estamos vivos!

Con todo, a túa consagración como poeta chegaríache coa tríada No corazón mancado (premio Esquío, 1989), Rotación violeta (1996) e Banzados (premio Novoneira, 2001), axuntados co resto da túa produción no volume Seara: obra poética (1971-2011) que che editou Espiral Maior. Que lle dirías a un lector/a que non coñeza aínda eses libros?
Que son a triloxía da memoria e das esperas. Unha valiña. O mar da casa. O amor en bicos.

Tiveron moito éxito no seu momento os libros dunha serie que compuxeches sobre oficios artesanais tradicionais da sociedade galega, con títulos como Os vellos oficios (1996), A tribo sabe (1999) e Tal era vivir (2004)...
¡A marabilla en pé! Foi esa xeira que valeu uns mundos: literario, lingüístico, sociolóxico, afectivo, solidario, agradecido… en sempre. Cheguei a tempo de que os telleiros de nombradía que emigraran cada primavera e verau cabo de lonxe, significadamente a Castela, non esborrallaran nunca a súa memoria resistente e afectiva ata o remate das súas vidas, por mor dos tantos anos. Os Cabaqueiros do Rosal e do Salnés; os Afiadores de Auria, en Luintra e Loña do Monte; os Arxinas da Terra de Montes; os cesteiros de Mondariz; os Zoqueiros/as da Terra Chá e de Merza; as Panadeiras de Cea; os Ferreiros de Riotorto; os Ferradores de Penaporrín, os Encadernadores de Viveiro; os Aceiteiros de Quiroga; os Borreiros de Forcarei; as Carreiras do Cordel e as Atadeiras de Cangas e de Moaña; os Colmeiros do Cebreiro; o mundo das Feiras e Mercados nos Pendellos d´Agolada….Mundos. Nais. Pais. Irmaus. Amigas /os sempre. Resistencia. Amor. Orgullo. Herdanza. Velaí a marabilla destes encontros de por vida en obra. ¡Tanta familia!

Outro dos campos que cultivaches foi o do xornalismo. Con que premisas básicas afrontaches esa xeira e cal é a túa opinión sobre a calidade e o papel cívico da prensa editada no país actualmente?
É a miña vocación. Quixen ser xornalista. Naquel tempo dos meus poucos anos o destino era Madrid, Barcelona, Pamplona. O meu pai caía derrubado polo párkinson e houbo que gañar o pan no ensino: o máis nobre dos oficios. Mais eu sempre soñeiAs premisas para esta vocación van por dentro de cadaquén. Lembro que escoitaba na infancia a lectura, en voz de barítono, do señor Caleiro, un emigrante que regresara de Bos Aires e visitaba todos os días a xastrería do meu pai: lía os titulares do Faro de Vigo e facía axiña o comentario en son de alerta, coma en aviso de tertulia e/ou discusión. Eu quería ser coma el: demandante, cronista, pensador. Deixara así unha pousa e un mandado no silencio para min. Case corenta anos de xornalismo. Moita sorte cos medios. Moita forza e ilusión da miña banda estreita. Gardo con cariño aquelas datas. E xa de axiña, rematado o ciclo do programa radiofónico dende Madrid, tiven a ousadía de palabrear por escrito con Pedro de Llano (Bocelo), director do xornal coruñés El Ideal Gallego. A ceo aberto e compromiso sen coutos para a Lingua, andei dous anos de columnista. Unha marabilla de xornal, de director, de xornalistas. E axiña, xa en marcha a prol da miña vocación de sempre, as fortunas de proseguir nas páxinas que me honran: Faro de Vigo, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Diario de Ferrol, Diario de Pontevedra, Vieiros, Radio Galicia, A Nosa Terra, TV do Morrazo, Praza pública, Sermos … A TV foi o meu último bocadinho: esa larpeirada de nos ver no programa en directo, de fronte coa intemperie, ceibe no guión e na palabra. Eran os derradeiros tempos da Televisión do Morrazo, derradeiros meses do século XX; Ardentía era o seu nome. Convivio na noite. Fica na memoria. E saberei sempre agradecer as voces que me deran consello e porta aberta: Manoli Campo e Ronaldo Gómez (RNE), Pedro de Llano, Tareixa Navaza, Cunqueiro, Arturo Lezcano, ANT…Era a frescura a prol dunha vocación sentida. Vivía do ensino. Nutríame do xornalismo. Non souben dos medos da censura; e andei en medras nos da transición. A terapia máis fermosa para desabafar dende as columnas de papel. Unha sorte. Arestoras medran os pícaros do revés, os entreliñas, os entreteas; o mundo en falso, hipócrita e lambedor: as cen mil légoas cara atrás, ese ceacú.

Nun dos artigos que recolle o volume Columnas de papel (Morgante, 2012) aparece o seguinte parágrafo, escrito, todo hai que dicilo, en 1987: “Os que temos a sorte de estar liberados deses mamotretos de palabras mortas e esqueletes de sintagmas que son os libros-asignatura de galego (...)”. Tan mala opinión tiñas/tes dos manuais escolares? Por que?
Era no 1987. Velaí como ben cadran as ousadías do “articulista” co sentimento da forza demandante que non cesa. Aborrecín de sempre o aburrimento do ensino en mamotretos, que a nosa memoria larpaba en devoración do si ou si por mor dos exames que conlevaban os pasos sucesivos cara as titulacións en curso. Era a ditadura franquista. Era a infancia, adolescencia, mancada pola sombra das expectativas coa fame na casa e aínda as maletas para fuxir. Daqueles libros mamotretos, aburridos, sen afecto, ledicia e lealdade, aborrecín en descantá. Porque eu sufrira eses mesmos tochos na outra lingua que era a única, en réxime, en castigo, en desolación. Nunca puiden soportar os tochos. Páxinas e máis páxinas que sabían a barolo e a destempo. Nunca a frescura. E non era nin son un resentido. Nunca o fun. Nunca o serei. Dun tempo acó, eu aínda nos cabreos, as melloras seica van a máis. Mágoa da tardanza.

A pregunta anterior lévame a outra tamén relacionada con materiais e métodos pedagóxicos. Como afrontaches as tarefas docentes e que dinámicas e actividades que empregases na aula ao longo dos anos che deron mellores resultados?
Naquela desolación dos poucos eu tiraba da oralidade: a marabilla en pé. O alumnado escoita e aprende, de paso, a música da Lingua. Hai así a chispa da outra comunicación: máis autente, máis afectiva, máis dialogante, máis de máis. A min, que son palabreiro de nación, deume resultados positivos, aquí, alá e acolaló. Nas sen fronteiras de Galiza a Terra sempre fala, escoita, bebe e sabe de seu, ¡con música fonética!; que para moitas/os aínda está sen descubrir.

Aló polo 1999, coa novela “futboleira” Lume de biqueira, lánzaste a publicar prosa ¿Que te animou a afrontares ese novo xénero e que diferenzas atopaches á hora de producires a túa literatura entre o manexo do verso e o da prosa?
O formato prosa / verso podería ser un adubío. Non o é. Alomenos para min. O verso é máis difícil, conleva a doma, os equilibrios, a inminencia e un caudal de imaxes perigosas: ou esbardallas e ficas tísico, infeliz, ou temperas da emoción e labras o ritmo que conforma a marabilla de seu. Alguén semella que escribe por ti. A prosa deixa os adubíos no xardín dos arrecendos e vai na procura do río, do caudal. Pasa a luz e/ou a tempestade e aínda non te decatas cando é que chega, ou quer chegar, a fin da viaxe, coma un suplicatorio que non cesa; e sintes dentro o máis e máis e máis, incesante. O paritorio agradece as esperas e a criatura agranda, conforma, cadra e sae. Xa. Parir sempre é un ben. E agardar.

As novelas que viñeron despois teñen todas elas unha linguaxe moi enxebre e coidada, rica como poucas no panorama literario galego actual. Non merecerías ser xa académico da lingua por elas? E que me dis das recentes reviravoltas vividas no seo da Corporación?
Hai un tempo dixen nun xornal galego que eu non acredito nas Academias. Son posturas. Vontades. Luces no mencer do ceo. Eu amo os vagalumes. Labran e aman na noitiña. Arriscan co farol e fan o amor coas palabras de seu, da fala. Neles medra o silencio e o labor.

A memoria do boi (2001), para min o mellor dos teus libros de narrativa, constitúe un polifónico e poderoso retrato evocador da Pontevedra doutros tempos. Como foi o proceso de creación desta magnífica obra, premiada co Torrente Ballester?
A maxia do silencio na mañá da Pontevedra antiga. Tiven no ano 2000 dúas horas de andar na Historia da cidade pequeniña coma un queipo que deita en terramar. Era outono, inverno e primavera. Eramos ela e mais eu sobor da pedra das alturas e dos lousados. Era a chuvia. Era vento. Era escoitar. Na tarde chegaba a Cangas e labraba a memoria. O boi sempre foi o animal do meu respeto ou medos. Captivo. Aló na aldea máxica de Quian. Eu un neno feliz que sempre quixo ver, escoitar, sentir…Boi coutado, boi pai, boi amigo, boi leal. E axiña os paraísos de Boapedre. A atmosfera da vida. Voces, ecos, anacos de Historia, ferrados de invención. Arquitectura. Amor. Boapedre: aquel tanto meu xardín de escriturar.

O ambiente hospitalario envolve o transcurso da novela Quen faga voar (Laiovento, 2000) que obtivo o premio Carvalho Calero. Como e por que afrontaches a súa confección?
Era unha débeda, sempre a memoria, co devalar das vidas que se achegan aos Hospitais Públicos. Eu asistira neste trance das noites e dos días cos familiares de María e mais dos meus. Pontevedra e Lugo foran o destino onde saber das noites e dos días. A dor allea. Os convivios no cuarto que sempre desespera. As despedidas. Quixen agradecer dende a literatura o cariño, a vocación, as entregas das ateeses ao servizo impagábel das horas de atención e de vixía. Elas.

En Mar de bronce (2003) retratas o mundo laboral do mar e das fábricas da conserva do Morrazo na posguerra franquista. Como chegas a coñecer tan ben esa realidade que non foi a que viviches de primeira man?
Cando cheguei a Cangas namorei do mar da casa, o xardín líquido que mudaba as flores coa luz do día. E fronte a el, soberano coma un coloso, estaba o edificio da Fábrica de Massó. No paso dos días afíxenme aos asubíos da sirena. Mais dunha vez achegueime para ollar o espectáculo das obradoras, abellas brancas á entrada do cortizo. Lembraba Quian, nese paralelismo cos insectos que labran o mel. Souben axiña que os productos de Massó escaseaban en Cangas por mor de que non eran abasto para Catalunya e outros lugares de España e de Europa. Moitas nais dos meus alumnos eran traballadoras de Massó. Namorei da tanta vida en obra. Tiña que chegar un tempo para novelar a historia. E foi así, de súpeto, coma o trebón da primavera. Gostei moito dos días que ocupaba sendo eu dono e señor das idas e das recaladas. A Fábrica xa non era, e si que estaba. Está aínda aquí. Peito espido cara ao mar, esquelete, cheminé, ponte do barco que navega na memoria da vila que tanto quero e agradezo a súa resistencia de por vidas.

Para dicir adeus (2008) é unha novela complexa, poética e densa que está protagonizada por unha muller que repasa con estremecedora autenticidade a súa vida e reivindica a súa sexualidade fronte a todos os corsés e preconceptos estabelecidos. ¿Que razóns te animaron a afrontares unha temática tan inusual e tan arriscada na nosa novelística, na que perseveraches co posterior Máis vidas (2010)?
Outra das ousadías que viñan dende lonxe, nas distancias do tempo e nos espazos. A ousadía pode estar en como é que sinto, soño, escribo dende o outro sexo humano as venturas e ousadías reclamadas por esta mociña que é lesbiana, marabillosa estampa, voz, palabra e obra contra os designios das arestoras. Foi unha viaxe feliz dende o compromiso e a afouteza. Fiquei namorado das esencias.

A ensaísta cubana e estudosa da túa obra Yanelis Velazco Fajardo considera que a maior parte da túa produción literaria constitúe “un espacio de lucha contra el olvido”. Cadras conforme con esta definición?

Yanelis é unha ventura para a nosa Lingua. Un exemplo a seguirmos no devanar dos días e das horas. Alguén está sempre en atención das Linguas e das Literaturas. A emoción humana reside nos tantos universos do planeta. De cando en vez recibimos a nova de que a nosa flor do soño medra no xardín de lonxe. Ábrese a fiestra da esperanza e varremos de vez todas as derrotas. Non medra a soberbia: resucita o teu mundo, que xa era perdido. Velaí o exempro de resistir sen couto, ceibe, autente, agradecido aos universos que aínda hai cabo da terra, dos mares, dos océanos da vida. ¡Grazas, mociña!

Xa para rematar, que cousas tes no forno a cocer para deleitarnos no inmediato futuro?
O segundo volume das Columnas de papel (1993-2013), en Edicións Morgante, e a novela Antípodas, en Edicións Xerais de Galicia, nos vindeiros meses.


[A entrevista foi publicada orixinariamente no primeiro número da revista AULAS LIBRES, do sindicato STEG, en Novembro de 2013]