MONTE LOURO,
DE LUÍS REI NÚÑEZ
Unha peripecia vital
transoceánica
Editouse en 2009 da man
da colección de Narrativa das Edicións Xerais de Galicia, a novela
gañadora da vixésimo sétima edición do Premio de Novela Longa
Eduardo Blanco Amor, organizada polo Concello de Burela. Trátase de
Monte Louro, da autoría de Luís Rei Núñez (A Coruña,
1958), presentada ao certame baixo o lema "Arcadia bis" e
merecedora do citado galardón por decisión unánime do xurado.
O autor, ben coñecido xa
pola súa brillante biografía do rianxeiro Rafael Dieste (A
travesía dun século), por poemarios como A rolda invisible
e Alma mareira e por obras narrativas como Expediente
Artieda, A estrela dos polisóns, Toda a vida ou O
señor Lugrís e a negra sombra e pola súa recente participación
como cabeza da candidatura municipal da Marea de Pontevedra ofrece
neste seu Monte Louro unha novela de enorme alento e calidade,
moi ambiciosa do punto de vista estrutural e argumental, escrita nun
galego rico e pulcro e, por iso mesmo, chamada a se converter nunha
referencia imprescindíbel no panorama da narrativa galega da nova
centuria.
Monte Louro
reconstrúe en catro grandes capítulos a complicada peripecia dun
individuo desde a súa infancia no Muros da inmediata posguerra a
carón da súa pobre nai, "viúva de vivo", e do seu avó
Domingos, que lle ensina a pescar, ata o seu internamento nun
psiquiátrico bonaerense nos anos setenta, onde o acabará atopando
en 1983 unha filla cuxa existencia el propio ignoraba.
Ao longo da novela, o
protagonista verase impelido a fuxir en varias ocasións (de Muros a
Barcelona, primeiro; de Barcelona a Bos Aires, despois) e terá que
mudar mesmo de nome e apelidos varias veces (Delio, Artemio,
Yago...). Irá así medrando, coñecendo os resortes máis profundos
da conduta humana, gozando dalgúns grandes amores e enfrontándose a
todo tipo de reptos e desafíos, sempre coa paisaxe de Monte Louro
como ancoraxe espiritual necesaria para non derramar a propia
identidade.
Os amantes da cultura
marítima, coidamos, toparán especialmente celmosas e significativas
moitas das páxinas desta grande novela, nomeadamente da súa
primeira parte, "O fillo da robinsona", en que se recrea
con trazo maxistral o ambiente mariñeiro do Muros de antes e despois
da guerra do 36. Retrátanse aquí, efectivamente, as marcantes
diferenzas sociais entre proletarias da conserva, reghateiras e
fillas de patróns e armadores (os Artaza, os Romaní, etc.) e as
evolucións e loitas da rillotería masculina criada na ribeira.
Tamén se evocan o espertar, auxe e desfeita posterior do
societarismo mariñeiro no porto muradán (representado na obra polo
personaxe Xacobe), algunhas traxedias no mar e mesmo os baños nas
praias da contorna das humildes "poubanas".
Páxinas brillantes,
emotivas e ben escritas, que tornan máis máxico, se couber, o
perfil xa de seu inesquecíbel do Monte Louro real.
IRIA,
DE ANXO ANGUEIRA
Navegacións,
afogamentos e rebeldías
O escritor Anxo Angueira
(Manselle-Dodro, 1961), que fai parte destacada da intelectualidade
galega dos nosos días por múltiplas razóns (profesor na
Universidade de Vigo, investigador e ensaísta, membro das Redes
Escarlata, presidente da Fundación Rosalía de Castro, activista da
cultura marítima...), deu ao prelo no pasado 2012 a súa novela
Iria.
Lembramos
aínda unha conversa co autor hai algúns anos en Cerdedo, durante un
acto de homenaxe ao Dionisio Pereira, sobre a relativamente escasa
presenza do mar na nosa narrativa e sobre a valía, como friso
histórico, dalgunha das obras que fan de excepción a esa regra,
como é o caso de Antón e os inocentes,
de Méndez Ferrín. Lonxe estábamos entón de imaxinar sequera que
lle buligase no cerebro ao autor de Fóra do sagrado
e O valo de Manselle a
idea desta magnífica narración editada por Xerais e que vai
dedicada aos colegas da A.C. Dorna da Illa de Arousa e mais á propia
Federación Galega pola Cultura Martítima e Fluvial.
Ambientada na década dos
60 do pasado século, desenvólvese en terras e augas do Ulla final,
na ría de Arousa e nos vales fértiles da veiga padronesa (escenario
que xa visitara o autor na súa novela anterior Pensa nao,
1999), para ofrecer mediante a súa trama unha visión
crítica do desarrollismo franquista, disfraz da corrupción
empresarial e política reinante naquel rexime (el non virán de aí
os lodos actuais?) e, ao mesmo tempo, un retrato de tonalidades
épicas do traballoso labor de articulación na clandestinidade da
resistencia popular galega antifraquista, personificada na
tripulación do galeón que dá nome á novela e nos legoeiros das
obras de construción dunha absurda, por inútil, canle de regadío.
En contrapunto a estes
dous ámbitos, mariñeiro e proletario, a novela vai ofrecendo unhas
manuelantonianas “historias de afogados”, que se intercalan
pautadamente no relato e permiten captar a bivalencia simbólica
(vida e morte) que adquire o propio río para as xentes que moran nas
súas ribeiras.
Mais a novela de Angueira
engade a estes elementos argumentais algúns outros valores, que fan
da súa lectura un intensificado gozo, subliñado polo ritmo pausado
da dicción, que evoca automaticamente o propio fluír da navegación
a vela do galeón protagonista. Salientemos un saboroso dicir léxico
e fraseolóxico tirado da fala popular arousá e ullá, un
pormenorizado percurso de grande potencia evocadora polo mapa
microtoponímico da ría de Arousa e do Ulla, un constante diálogo
coa tradición literaria galega (Rosalía, Castelao, Manuel Antonio,
Rafael Dieste coa súa fiestra valdeira, as cantigas
medievais....) e unha constante homenaxe, en fin, ao saber e ao
indómito resistir do pobo, “soia e verdadeira xente do traballo no
noso país”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario