
Luís foi, desde adolescente e ata hoxe, un político honesto,
comprometido e entregado á causa dos menos poderosos e á
reivindicación da nación negada pero sempre viva.
A cultura galega en xeral e a do Salnés en particular tivo na súa
persoa un paladín xeneroso, entusiasta e incansábel. Dedicou anos e
anos de esforzo a estudar a figura de Ramón Cabanillas, escribindo
unha biografía brillante e definitiva sobre o autor de Vento
mareiro e divulgando
constantemente as marabillas da súa obra.
Loitou igualmente
pola recuperación e dignificación da cultura marítima, organizando
encontros, montando exposicións e pilotando a revista Ardentía,
que garda para sempre nas súas páxinas as súas lúcidas reflexións
sobre o mundo do mar, que tanto amou porque nese mundo ten raíces
ben fondas a súa propia estirpe.
Divulgou en artigos e traballos
espallados en toda caste de revistas numerosos aspectos, anécdotas,
feitos históricos e personaxes do seu Salnés, moi particularmente
das dúas vilas que constituíron os esteos da súa identidade,
Cambados e Ogrove.
E, por se todo isto non abondase, despregou
durante varias décadas, en constante diálogo cunha lexión de
persoas da cultura e do ensino que acabamos absolutamente prendados
del, do seu talento e da súa capacidade, todo o seu bo facer como
técnico cultural na vila do albariño, enchéndoa de bo teatro, boa
música e boas exposicións de arte.
Desde hoxe, un baleiro inmenso ábrese en todas e cada unha das
moitas almas que tivemos a sorte e o privilexio de compartir de perto
con Luís o seu paso pola vida, mais tamén resultará desde hoxe o
seu nome evocado, para todos nós, unha bandeira limpa e fresca para
seguirmos loitando por todas as causas nobres que el propio defendeu.
Descansa en paz, camarada, inmenso amigo, irmán!
Emocionante, sen máis. Marcha deixando cariño e admiración por onde pasou.
ResponderEliminarhttps://flic.kr/p/wUmxoh
Unha aperta para os/as que estivestes tan perto del e compartistes a súa sabedoría.
ResponderEliminarhttp://youtu.be/N85zR__0XBg
ResponderEliminarMoitísimas grazas, Lino, por estas imaxes que tanto nos conmoven e que deixan constancia do enorme xentío que se congregou e da profunda emoción que vivimos onte todas e todos no enterro do noso benquerido Luís.
EliminarUnha aperta grande e amiga!
As persoas coas que cadrei hoxe polo Grove e asistiron á despedida de Luís cadraron comentarme a beleza do acto e o respeto e cariño que se respiraba. Gracias a Todogrove.es por recoller estas imaxes.
ResponderEliminarPasa que arreo non atopo máis reacción diante da morte das persoas queridas có silenzo. Ese é o meu abandono. lois de rois
ResponderEliminar