eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Xistra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xistra. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de novembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VI)

Banda de música La Lira de Viveiro, formada nos anos 30 por membros da familia Amor, coñecida popularmente polo alcume de "Os Tolinos"
Algúns grandes músicos e algúns escritores viveirenses musicados

Ao falarmos nunha entrega anterior das Bandas de Música, aludimos ás rivalidades musicais existentes entre viveirenses e foráneos, vilanchos e fúfaros, mais en honra á verdade debemos dicir que igual de intensas ou máis foron algunhas que se deron entre as colectividades musicais da propia Vila.

A que leva a palma neste sentido, sen dúbida, é o “pique” que existiu nos anos finais da Ditadura de Primo de Rivera e primeiros compases da 2ª República entre a recomposta Banda de Exploradores, dirixida por Juan Latorre Capón e da que facían parte, entre outros, os irmáns Lole e Xuxo de Manaí [Manuel e Jesús Cora Quiroga], O Curto [Francisco López Díaz], Nito do Chucho, Emilio Timiraos, Quiberio e Paco do Chirivico, e a banda de “La Lira”, fundada e sostida pola familia Amor, os Tolinos, de aí que moitos a chamasen ironicamente “A Sagrada Familia”...

Esa rivalidade tivo a súa máxima expresión na celada que a banda dos Tolinos lle tendeu aos pupilos de Latorre durante un pasarrúas nas festas do Carme de 1930. 

Agochados nun calexón dos que desembocan na rúa de Abaixo, agardaron a que pasase a Banda dos Exploradores tocando, situáronse detrás dela en silenciosa formación e, cando foi dado o sinal, comezaron a tocar os seus instrumentos ad libitum en barafunda tremenda, que causou o susto primeiro e a indignación despois dos de Latorre, que responderon arremetendo contra os provocadores e brandindo os instrumentos como quen leva unha moca... A batalla campal que alí se armou non figura en ningún libro épico porque non houbo poeta en Viveiro capaz de retratar en toda a súa intensidade semellante “bélica” ocasión...

Pacífica, aínda que a “cara de can”, resultou posteriormente a coincidencia de ambas bandas nas festas de Naseiro de 1932 e, como explica Nistal no seu Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (2001: 112):

había que ver como se dividían las opiniones y como sonaban los aplausos de los partidarios de unos y otros, y con que calor se discutía sobre la superioridad de este sobre aquel”.

A esa saga de músicos extraordinarios que foron os Tolinos pertenceu Ramón Amor García, animador de numerosos grupos musicais en Viveiro (bandas, rondallas, orquestras...) e autor de algunhas melodías sobre versos do poeta Francisco Leal Ínsua, que habería que facer por resgatar; Raúl Amor García, que chegou a dirixir a rondalla da “Hermandad Gallega” de Caracas; Herminio Amor García, que exerceu como músico trompetista na Banda de Infantería de Marina de Ferrol; Antón Amor García, que foi bombardinista; Manuel Amor García, que tocaba o baixo; e, por último, Chudo Amor García, frautista. Varios dos vástagos Tolinos fixeron parte do grupo “Salsa Mandinga”, que acompañou a artista Rocío Dúrcal na época en que se puxeron moi de moda as “rancheras” mexicanas.

Por outra banda, canda aludimos a algúns conflitos que se deron no seo da banda dirixida por don Alfonso Mariño, amentamos puntualmente a figura de quen cabe considerar, pensamos, un dos grandes músicos da historia de Viveiro, aínda que non fose precisamente “profeta na súa terra” nalgúns aspectos, por razóns que non é o caso comentar aquí.

Hernán Naval
Falamos de Hernán Naval (1962-2001), que se formou en diversos conservatorios, foi músico trompetista da Banda dirixida por Alfonso Mariño, profesor do Conservatorio de Música de Viveiro nos seus primeiros pasos, director da coral polifónica do C.I.T. de San Cibrao entre 1987-1989 e director da banda e da escola de música municipal de Ribadeo entre 1992 e o ano da súa morte. Foi, ademais, autor de pezas musicais como “Saraxevo” e “Port-Bou”, presidente da A. C. Sementeira e da A. C. Francisco Lanza, autor teatral e colaborador asiduo de cabeceiras como os semanarios A Nosa Terra, Badal, O Trasno de Burela ou Beiramar de Ribadeo, onde coincidiron os seus escritos cos nosos moitas veces. 

Á súa teimosa e lúcida defensa da idea en 1988 debemos hoxe todos os viveirenses que o Teatro Pastor Díaz non fose pasto da piqueta e fose debidamente restaurado e acondicionado para cumprir o papel que lle corresponde como espazo cultural. Tamén cabe atribuírlle a Hernán boa parte do esforzo propagandístico, a comezos dos anos 80, para crear un estado de opinión favorábel á feliz creación en Viveiro dun Conservatorio de Música, institución que hoxe resulta consubstancial xa coa localidade.

Outra rica perspectiva sobre a tradición musical de Viveiro dánola considerar a existencia de numerosos escritores viveirenses que forneceron ao longo da historia versos do seu enxeño para acompañar as melodías que interpretaban as comparsas e agrupacións musicais da localidade, fose en Antroido, fose durante as festas de verao, fose en determinadas solemnidades, como os Xogos Florais ou o primeiro centenario de Pastor Díaz, en 1911. 

Entre eses “letristas” ocasionais pero de luxo cabe citar nomes como Vicente Sergio López Carril, Xoán Pla Zubiri, Alfredo García Dóriga, Antón Villar Ponte, Antón Noriega Varela, etc.

Algúns deses escritores viveirenses beneficiáronse da amizade e o talento de determinados compositores e viron versioneados musicalmente traballos literarios seus. Tal é o caso de Xoán Pla Zubiri, cuxa composición “Morriña” é convertida en “melodía gallega” en Trives, en 1906, por Ricardo Courtier, director do famoso cuarteto “Os Trintas”.

Do mesmo xeito, Antón Villar Ponte colabora con varios coros populares na creación dun repertorio de estampas galegas musicadas, con pezas como A probiña está xorda, inspirada nun texto de Rosalía de Castro e musicada por Mauricio Farto para o coro coruñés “Saudade”, que a estrea en maio de 1926, e A festa da malla, con música de Fernández Amor, feita por encargo do coro ferrolán “Toxos e Froles”...

Lugar de honra merece, dentro da historia da música operística galega, a versión que Eduardo Rodríguez Losada Rebellón fixo da peza teatral O Mariscal, escrita por Antón Villar Ponte en colaboración con Ramón Cabanillas. Esa versión musicada estrenouse no Teatro Tamberlick de Vigo en maio de 1929. Un dos compañeiros dos irmáns Villar Ponte nas Irmandades da Fala, o violinista pontevedrés Manuel Quiroga, actuou no Teatro Nemesio de Viveiro en xuño de 1924, cando a súa proxección internacional xa era enorme.

Cabe falar tamén da relativa boa “sorte” do poeta da Montaña, Noriega Varela, cuxos textos foron obxecto de versións musicadas, tanto a nivel popular, caso do grupo viveirense “Xistra” (Andrés, Atadell, Dani Fernández Caxete), como a nivel culto, con pezas como “O demo”, con música de Xoán L. Fuertes Saavedra, “Saudade” con música de J. F. Vide, “Laverquiña”, con música de Miguel Lustres ou “As froliñas dos toxos”, con partitura de Eduardo Toldrá.

Xa falamos do “himno eucarístico” escrito por Luz Pozo Garza e musicado por Antonio Amigo en 1961, para o 2º Congreso Eucarístico, mais cómpre engadir que no Programa de Festas de Viveiro de 1945 inseriuse unha composición poética de Plácido Holguín Moas, titulada “¡Viveiro!”, que coñecerá posteriormente moita fortuna como peza de repertorio coral entre nós: “Nacín entre un paraíso / das froles máis feiticeiras, / nacín n'aquel Viveiriño / do rexio mar âs súas beiras (...)”.

Por último, a banda infantil do colexio Lois Tobío, dirixida polo profesor Manuel Rodríguez, atesoura entre outros moitos méritos o de terlle posto música ao primeiro poemario infantil do noso amigo Xoán Neira, Recreos, publicado en 1997 pola editora coruñesa Baía.

martes, 23 de agosto de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (I)

O acervo folclórico popular e a música de raíz

O pasado mércores día 3 de agosto de 2016 inaugurouse nos locais do Conservatorio de Viveiro a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, froito do traballo de recompilación de Antonio Navarrete. Tivemos a honra de participar no acto inaugural desa exposición cunha necesariamente breve disertación sobre as múltiplas vertentes da tradición musical de Viveiro. Queremos compartir  aquí un texto, que publicamos orixinariamente no Heraldo de Vivero, en que nos debruzamos con algún pormenor sobre ese mesmo tema.

Unha das moitas cualidades que adornan Viveiro como colectividade ao longo da súa historia é, sen lugar a dúbidas, o seu acendrado amor pola música. A presenza constante desta faceta cultural alimentou a existencia na nosa vila de numerosas agrupacións musicais de todo tipo: gaiteiros solistas e grupos de gaitas, rondallas, comparsas e murgas de antroido, coros, corais e orfeóns, orquestras de pulso e puga, bandas de música, charangas, orquestras e conxuntos músico-vocálicos, cantautores...

No discorrer cotián da vila do Landrove ao longo dos séculos, a música cumpriu, efectivamente, numerosas e variadas funcións, que a fixeron parte esencial e insubstituíbel da súa vida social.

En primeirísimo lugar, a música acompañou desde tempo inmemorial os ingratos traballos e o vivir esforzado das humildes xentes do agro e da ribeira para facelos algo máis levadeiros, creando así o tesouro do noso folclore popular, recollido en parte en Cancioneiros como os de José Pérez Ballesteros, a finais do século XIX, Bal y Gay e Eduardo Torner, nos anos 20 do pasado século e Dorothé Schubart e Antón Santamarina, nos finais do século XX, respectivamente.

No segundo destes cancioneiros citados, por exemplo, hai dúas ducias de pezas recollidas na Terra de Viveiro, entre as que figuran estas dúas:

“Eu ben vin, virirín,
estar un corvororó
na pola dun castiñeiro,
cunha subela na mao, marramiau,
deprendendo a zapateiro”

*
“Pasei a ponte da vila,
paseina de madrugada.
Topei un anillo d'ouro:
é pra ti, miña namorada”

En 1992, a filóloga Salomé Díaz Muñiz fixo para o Arquivo Sonoro de Galicia unha nutrida recolleita folclórica no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, valéndose de nada menos que corenta persoas informantes. Con refráns, adiviñas, coplas, romances, vilancicos, cancións infantís, cantares de cego, nanas, ensalmos curativos, fórmulas oracionais, contos, etc. resulta o repertorio máis completo de folclore viveirés vivo do que temos constancia e contén pezas simpáticas, picarescas e mesmo un algo irreverentes, como estas que nos resistimos a non citar:

“Padre Nuestro capuchín
fun ó ceo e volvín,
encontrei a meu padriño
cargadiño de touciño
e pedinlle un cachiño,
deume con el no fuciño.
Pasei por un carreiro torto
e encontrei un carneiro morto
e víronme os ladrós
e arrancáronme os collós”.
*
“Cando o Ruso toca a gaita
con tamboril e roncón,
as rapaciñas de Bravos
acarreiran pa o balcón”.
*
“- Viveiriño, Viveiriño
con tódolos seus arredores.
- Non me chames Viveiriño,
chámame xardín de flores”.

Entre as moitas manifestacións dese tesouro de música folclórica cómpre sinalar especialmente dúas: as chamadas “parrandas mariñeiras”, de especial celebración no porto de San Cibrao polo San Andrés (patrón das xentes do mar en moitos portos galegos antes de que se instaurase o padroado oficial da Virxe do Carme, en 1903) e os “Maios”.

Conta Lois Tobío nas súas Décadas (p. 29) que nos tempos do Seminario de Estudos Galegos, o seu amigo Filgueira Valverde quedou moi impresionado coa melodía do “maio” de Viveiro (“Maio, maio, / entra de crego /, non revolvas o tempo / xurando. Maio, maio, / na cruz da Mariña. / Bótennolo maio, / señores caballeros, / se non teñen maio / bótennos diñeiro. / Aí vén o Maio / pola calle do Sol, / aí vén o maio / de roubar a Valledor....”), que lle recordaba o derradeiro movemento da novena sinfonía de Beethoven, e que certo día, durante unha misa maior en Compostela, Tobío e Filgueira escoitárono interpretado polo órgano da catedral, “ennobrecido pola arte, solemne e grandioso”.
Chumín de Céltigos
Nesta mesma perspectiva cómpre situar a figura do gaiteiro Chumín de Céltigos (Juan Gómez de Andrade, natural das Negradas-O Vicedo, 1823-1911), retratada por Antón Villar Ponte en varios artigos e poemas e por Xoán Pla Zubiri, Ramón Canosa e Chao Espina en prosa; a de Rosario, a cega do violín, evocada por Tobío nas súas Décadas (p. 49) e a de Emilio Caxete Lamelas (O Rabeno), cantor popular irrepetíbel, cheo de enxeño e graza non exenta de crítica, do Viveiro das primeiras décadas do século XX. Con aire de habaneira compuxo en 1926, como recolleu José Nistal Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (p. 159) as famosas estrofas:

“-Plaza de Abastos:
que vas facer?
- Vou poñer puestos
para vender.
O primeiro puesto ha de ser
para Antonia d'a Paraña,
que ten un barco na Coruña
cargado de tela... de araña”.

Ben coñecida é a rivalidade que enfrontou no seu tempo Chumín de Céltigos co famoso gaiteiro de Ventosela (Xoán Míguez González, 1847-1912), a quen o das Negradas descualificaría en mordaces versos de copla (“Ventosela… Ventosela… / moita chavería na canaveira…”) por empregar chaves de clarinete na gaita para conseguir interpretar así os bemoles e sostenidos

“Os Trintas” de Trives, dirixidos por Ricardo Courtier, visitan Viveiro no verao de 1907. Ao seu exemplo nacerá o cuarteto local “Os Montes” (inicialmente barallaron chamarse “Os Corentas en bastos”, por darlle irónica réplica ao nome dos triveses...). Estaba formado por Antón da Costa (Antonio Soto), Salaverri, Juan Latorre e Eugenio González (o Madono). En 1908 viaxaron a Cuba e animaron na colonia viveiresa emigrada na Illa o espírito que levaría pouco despois á fundación da sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”.

Máximo representante da música tradicional galega en Viveiro nos mouros anos do franquismo foi o quinteto “Brisas do Landro” (de Ramón Bermúdez Fernández, “Pepe Randa”, e os seus fillos Pepe, Rasputín, Moncho, Gilberto e César), número musical imprescindíbel da romaría do Naseiro e das festas patronais durante varios lustros.

Falando de Naseiro, é ben coñecido que grupos de gaitas como “Os Montes” de Lugo, “Os Rosales” de Rianxo e “Os Campaneiros” de Vilagarcía de Arousa encheron de música tradicional a romaría nos anos 50, 60 e 70, na compaña do grupo local xa citado dos Pepe Randa.

José Travieso Quelle, "Jotraque"
Do xornalista e compositor viveirense José Travieso Quelle é a autoría dunha peza, “Catro vellos mariñeiros”, que xa fai parte por dereito propio do acervo das cancións populares galegas máis cantadas e coñecidas de todos os tempos. 

A agrupación “Bágoas da Terra” promoveu durante anos unha Mostra Folklórica Internacional que trouxo a Viveiro bailes e músicas de todas as latitudes. 

Na actualidade, o noutrora fundador do grupo de gaiteiros “Nova Semente” Javier Pena Louzao (Bossa) e o director da escola de música “O son do Sor” do Barqueiro, David Bellas, fan virtuosismo coa gaita, o noso instrumento tradicional máis emblemático.

Inscrito no movemento da “nova canción galega” que espertou á calor da loita antifranquista a finais dos 60 e durante os anos 70 está o viveirense Jei Noguerol (Xosé Antonio González Noguerol), con discos como “Denantes dos vinte anos” (1976), “Cantigas de Fradería” (1978) e “Lúa nova” (1997) e temas como o celebérrimo “Señor Ministro, por favor”, “Cabaleiros” e “Polo Atlántico Norte”.

 
No seu ronsel cabe citar o grupo “Xistra”, formado por Caxete, Atadell e Andrés, que musicou poemas de Noriega Varela, Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía, entre outros, e gañou en 1982 o Festival da Música Galega en Vigo e en 1984 e 1986 o certame musical de Bergantiños. Editou nos anos 90 a cassete Xurdindo do mar, en que aparecen dous dos seus temas máis fermosos, ao noso humilde parecer: “Temporal” e “Os velliños de Celeiro”. O seu segundo e derradeiro disco titulouse Mistura na ialba (1993).