
Tomando como base os
informes redixidos para o Goberno Civil da Coruña entre 1937 e 1938
polo tenente da Garda Civil José Armesto Anta, destinado ex
professo á vila de Malpica para
investigar as razóns da actitude de rexeitamento masivo que a súa
poboación amosaba cara ás autoridades do novo réxime implantado
tralo 18 de xullo de 1936, Redondo Abal procede a facer unha
pormenorizada reconstrución histórica das condicións de vida,
relacións e conflitos políticos e sociais que se desenvolveron no
citado porto bergantiñán durante o primeiro terzo do século XX.
O
proceso de autoorganización da clase mariñeira e a consolidación
do sindicato anarquista “El Despertar Marítimo”; a loita contra
as redes do cacicato local encarnado polo industrial Mariano Grela e
polo deputado conservador José del Moral; o entusiasmo esperanzado
de amplos sectores populares durante a xeira republicana; o papel
destacado do deputado da ORGA Emilio González López na consecución
do ansiado porto refuxio; o trebón represivo que se abate sobre
Malpica a partir do verán de 1936 e a, non por soterrada, menos
potente resistencia ao novo réxime, que coroan tres impresionantes
fugas masivas por mar, son os eixos que vertebran as demoradas e
rigorosas exposicións que compoñen os capítulos deste libro, verdadeiramente recomendábel.
Precisamente ás tres
citadas fugas está dedicada toda a terceira parte do ensaio,
intitulada “Cara á liberdade”, e unha boa parte dos materiais
que figuran no Apéndice. Redondo Abal relata as evasións
protagonizadas polas motoras Ciudad de Montevideo (27
ao 28 de xuño de 1937, con 11 tripulantes, que arriban ao porto
bretón de Douarnenez), San Adrián
(27 de xuño de 1938, con vinteseis evadidos, que chegan tras 52
horas de travesía a Audierne) e Rocío
(31 de agosto de 1938, con vintenove evadidos e o porto de Brest como
destino), mais tamén concede importancia ao proceso de represión
subseguinte que as autoridades franquistas levaron a cabo na vila por
mor desas fugas.
Da man do investigadoir pontevedrés, nomes
como os de Bernardino Garrido Carrillo O Xudío,
Eulogia Villar Pérez, Cándido Carrillo Cousillas, Dolores Pombo
Villar, Cándido Rodríguez Villar, José Carril, Manuel Castro
Bilacha e un longo
etcétera saen por fin do inxusto silencio a que estiveron sometidos
e pasan a facer parte, por dereito propio, dese monumento intanxíbel
que cómpre continuar erixindo día tras día á memoria da resistencia
antifascista no noso país.
Hai un erro nun dos nomes dos malpicáns citados no artigo: onde aparece "Cándido Carmelo Cousillas", o nome e apelidos correctos son "Cándido Carrillo Cousillas". No libro de Redondo Abal cítase correctamente o nome.
ResponderEliminarPois moitas grazas pola túa corrección, Adriana. Debín de ter un lapso ao copiar o nome.
ResponderEliminar