eu

eu
eu

venres, 26 de maio de 2017

Unha ollada clara e reveladora sobre a lacra do machismo




A Biblioteca de Intervención Social / Didáctica da editorial Galaxia, de Vigo, que xa nos ten ofrecido nos últimos tempos achegas moi interesantes sobre prexuízos lingüísticos (Núñez Singala), lectura e creación poética nas aulas (Antonio García Teijeiro), dificultades de aprendizaxe (Silvia Caride López), trastornos da conduta alimentaria (José Luís Iglesias Diz) e educación emocional (Julia Fernández Rodríguez), tirou do prelo en datas recentes o seu sexto volume, Máis aló do azul e do rosa, que leva o subtítulo de “Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”.

A súa autora é Ana Torres Jack, licenciada en Psicoloxía, Orientadora e colaboradora habitual do suplemento La Voz de la Escuela do diario coruñés La Voz de Galicia e mais da web educativa da Fundación Barrié de la Maza.

Nas arredor de cen páxinas de que consta o volume, afróntase a non doada tarefa de explicar de maneira clara, con estilo divulgativo e sen renunciar ao rigor todas as vertentes que importan na cabal comprensión desa lacra social que padecemos denominada “violencia machista” e no recoñecemento das súas mil e unha manifestacións concretas, desde as máis evidentes ata as máis subtís ou agochadas. Para mellor abordar este fenómeno complexo, a autora organiza as súas exposicións en cinco grandes apartados, precedidos dunha breve presentación.

O primeiro está reservado para expoñer e debullar as nocións, conceptos e datos básicos sobre a desigualdade de xénero na nosa sociedade, dando ademais oportunas pinceladas estatísticas: os tipos e ciclos da violencia machista, os perfís dos maltratadores, as consecuencias nas vítimas e na proxenie das vítimas, os micromachismos na vida cotiá, etc. No segundo apartado ofrece sete claves básicas para, desde o ámbito das familias, contribuír a desterrar o machismo. Esas sete claves son coeducar, corresponsabilizar, ofrecer xoguetes non sexistas, favorecer a práctica de deportes sen estereotipos, aprender a exercitar o pensamento crítico, educar emocionalmente na procura do empoderamento e a asertividade e ofrecer unha boa (in)formación afectivo-sexual.

Un terceiro apartado deste libro céntrase na figura dos fillos e fillas dos maltratadores e nas consecuencias de todo tipo que padecen por tal motivo, mentres que no cuarto apartado reflexiónase sobre os modelos de amor e sobre os prexuízos que inciden de maneira moi especial sobre as persoas adolescentes. Lúcido e útil resulta neste caso o “contraargumentario” que a autora ofrece a toda unha serie de aseveracións prexuizosas ou malintencionadas en materia de xénero que teñen por desgraza grande circulación social aínda, como son, por exemplo, a culpabilización da muller vítima de maltrato (“algo faría”, “provocouno”...), a difusión da etiqueta de “feminazi“ para as mulleres que loitan coherentemente polos seus dereitos ou as posicións de presunta equidistancia (“nin machista nin feminista”). Ofrécese, asemade, unha batería de indicios e consellos para detectar e axudar, respectivamente, adolescentes que poidan estar sendo vítimas de maltrato.

No quinto e derradeiro apartado do libro, que retoma e sintetiza ideas expostas xa no segundo, a autora explica os dez puntos básicos que unha familia debería cumprir se de verdade quere educar en igualdade e contribuír así a desterrar a violencia machista da sociedade. Estamos certos de que a lectura e difusión desta obra pode servir de moita axuda e clarificación neste sentido.


[Publicado orixinalmente no oitavo número da revista do STEG Aulas Libres]

luns, 15 de maio de 2017

Un paseo pola narrativa de Carlos Casares

 Aínda que as súas dúas primeiras obras, Vento ferido (1967) e Cambio en tres (1969), poderían encadrarse no horizonte do movemento da Nova Narrativa Galega (canda o Méndez Ferrín de Arrabaldo do norte, a Mª Xosé Queizán de A orella no buraco ou o Mourullo de Memoria de Tains, entre outros), Carlos Casares (1941-2002) alcanzou a plena madurez como narrador a mediados dos anos setenta. Unha das súas novelas, Xoguetes pra un tempo prohibido (1975) sinala o momento inaugural da narrativa posfranquista. Pódense distinguir, pois, dous momentos ben diferenciados na súa traxectoria.

Unha primeira etapa, definida como de renovación formal, presenta obras que terían como denominadores comúns os seguintes trazos: estar ambientadas na Galiza do franquismo, incluír abundantes elementos autobiográficos e empregar temas e recursos narrativos de grande modernidade (monólogo interior, rupturas temporais...). Os títulos representativos desta primeira etapa serían Vento ferido (1967), Cambio en tres (1969) e, xa en menor medida, Xoguetes pra un tempo prohibido (1975).

Unha segunda etapa resulta caracterizarse polo abandono dos presupostos da Nova Narrativa e polo retorno a técnicas e enfoques narrativos máis tradicionais. Trátase de obras ambientadas no pasado histórico, sen a penas presenza de elementos autobiográficos e que utilizan recursos máis próximos ao realismo tradicional. Os títulos que representan esta nova etapa son Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), Deus sentado nun sillón azul (1996) e a súa última novela, O sol do verán (2002).

Vento ferido (1967) é un conxunto de doce relatos de protagonistas adolescentes, formalmente caracterizados polo uso do monólogo interior e pola mestura de planos temporais. A nivel temático, os relatos están presididos pola violencia, o fatalismo, as relacións humanas frustradas e outros motivos igualmente pesimistas.

Cambio en tres (1969) é o texto máis experimental de toda a narrativa de Casares. Nesta novela, o narrador, Lisardo, fai un repaso á vida do seu amigo morto, Cachorro, obreiro emigrante en Francia. A novela carece de acción propiamente dita, inclúe disposicións gráficas vangardistas e revela un evidente afán de experimentación técnica.

Xoguetes pra un tempo prohibido (1975) narra en forma de longa analepse (salto ao pasado) a peripecia vital e as experiencias do protagonista, Elías, desde a súa infancia e adolescencia ata a súa mocidade e madurez cando está punto de morrer vítima dun estúpido accidente. Trátase dun texto cheo de elementos autobiográficos e que recrea o ambiente da posguerra franquista: a claustrofobia represiva dos internados relixiosos,a atmosfera tabú sobre temas como a guerra e a sexualidade, as relacións entre unha mocidade universitaria que comeza a rebelarse, etc.

Os escuros soños de Clío (1979) é o título dun conxunto de doce relatos breves, baseados en textos apócrifos, que teñen como pano de fundo diversos momentos da historia galega. Polos relatos transitan historias de normandos, de alquimistas, de curandeiros, de xudeus, de xenerais liberais, etc. Trátase de relatos moi lúdicos, cunqueirianos, de acusada intertextualidade e escritos na súa maioría en clave irónica, desmitificadora e humorística.

Ilustrísima (1980) xira arredor da actitude dos sectores máis intransixentes da curia católica perante a chegada á cidade de Ourense dun proxector cinematográfico, na época da Restauración borbónica (finais do s. XIX - comezos do s. XX). O bispo Fanego sae en defensa do novo invento mediante artigos asinados na prensa liberal con pseudónimo (Aleceios=Verdadeiro), ao que contestan as forzas máis reaccionarias con campañas que chegan á violencia física (incendio do local de cinema, asalto á casa dun xornalista de “El Liberal”...). A partir da anécdota do cinematógrafo e abordando tanxencialmente problemáticas como a pugna entre fe e ciencia, as relacións entre Igrexa e Estado ou o papel dos medios de comunicación, o relato revela a pugna entre o fundamentalismo integrista católico e o talante progresista e racional do bispo, quen resultará obrigado, finalmente, a ceder ás presións.

Os mortos daquel verán (1987) conta as circunstancias que rodean a morte dun boticario, Modesto Vilariño, a comezos da guerra civil. Asistimos ao contraste entre a versión oficial (morte accidental) e a versión das testemuñas (foi “paseado”). Os dez capítulos do libro constitúen unha especie de informe dun funcionario xudicial.

Deus sentado nun sillón azul (1996) é vista por unha parte da crítica como unha especie de retrato novelado, non exento de trazos críticos, da traxectoria do intelectual Vicente Risco. A novela reproduce o ambiente do Ourense da inmediata posguerra e a través da evocación o ambiente social e intelectual que desembocou na guerra civil, constituíndo un alegato contra o fanatismo e a intolerancia en liña co humanismo escéptico e relativista que o autor asumiu como sinal ético de identidade.

O sol do verán, por último, analiza as estrañas relacións entre Carlos e Helena, dous personaxes que crecen xuntos desde nenos, que parecen feitos o un para o outro, pero que por circunstancias que se nos ocultan, non van máis alá da amizade. A narradora, Helena, reconstrúe os distintos episodios dese amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos, intentando descubrir as razóns da súa absurda morte.

A narrativa de Carlos Casares raia sempre a unha altura que a coloca, sen lugar a dúbidas, entre o mellor da literatura galega do século XX, convertendo o seu autor, a quen celebramos neste Día das Letras Galegas de 2017, nun auténtico clásico.

martes, 9 de maio de 2017

ENTREVISTA CON VALENTINA FORMOSO



Nada en Ribadomar-Outes e licenciada en varias Filoloxías, Valentina Formoso é unha das persoas de referencia no ámbito da normalización da nosa lingua, mercé á súa constante e variada actividade nese campo e ao seu clarificador estudo Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico (Eds. Xerais, 2013). Vinculada á xa infelizmente disolta Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), quixemos conversar con ela sobre as razóns que levaron a esa disolución, sobre o estado actual do idioma e sobre a vixencia dalgunhas das propostas que ela mesma colocou na obra antecitada despois de levarmos varios anos de ferreña aplicación do mal chamado decreto de plurilingüismo.


Antes de máis, aínda que talvez non che resulte agradábel andar a remover no tema, queremos preguntarche polo contexto e polas razóns desa disolución da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, aprobada na xuntanza que celebrou o 23 de setembro de 2016.

As razóns da disolución creo que están en relación co contexto. En realidade a CGENDL disolveuse pola inexistencia dunha candidatura ao Consello directivo que viñese substituír ao que eu encabezaba desde 2009. Durante o curso 2015-2016, desde o consello directivo xa avisamos que non iamos renovar máis e que esperabamos que se presentase alguén para continuar co proxecto, mentres nós quedabamos en funcións, xa sen unha programación deseñada coma os outros anos. Estivemos ese curso e aínda fomos facendo algunha cousa, como unha videoconferencia para o Día da Ciencia, que nos demandaban as escolas; a colaboración nos Encontros do Consello da Cultura; a difusión de actividades dos Equipos, a presenza nas redes... Mais xa non se podía máis. Das persoas que conformabamos ese consello directivo, catro levabamos desde 2009 mallando a diario, era moito tempo. Varios membros foron mudando pero mesmo nos que levaban menos tempo tamén había cansazo e problemas persoais que impedían que puidesen seguir. Ese era o contexto na contorna próxima. Daquela, resumindo: non se presentaron candidaturas, non houbo posibilidade de continuar, houbo que disolver.
A razón de que non xurdiran candidaturas? Iso habería que preguntarllo ás persoas que están en Equipos polo país adiante e non deron un paso adiante. Mais creo que ten que ver co contexto no que nos movemos que acaba sendo o do enorme cansazo e, se cadra tamén, da perda da ilusión.

Que número de equipas e que comarcas do país chegastes a coordinar en todo o período de funcionamento? Que aspectos, positivos ou negativos, salientarías da experiencia?

Isto é difícil de calcular para dar un número exacto precisamente polo propio funcionamento das comarcas e dos equipos. Houbo comarcas que estiveron funcionando desde o principio da Coordinadora, mesmo algunha - como a do Barbanza, a de Santiago ou a do Salnés - existían desde antes. A verdade é que o impulso realizado para activar as coordinadoras comarcais foi moi importante e deu moi bos froitos. Así naceron algunhas que perduraron no tempo, a do Morrazo, Terra de Melide, Coruña, Umia, A Estrada ou a do Carballiño. Outras tiveron efecto Guadiana, apareceron un ano ou dous, desapareceron ao curso seguinte, nalgúns casos volveron rexurdir, estou pensando na de Verín ou na do Deza. As causas do mantemento, ou non, adoitaban estar ligadas á existencia, ou non, de persoas que asumisen a coordinación. De igual xeito pasa co número de equipos que formaron parte das coordinadoras, que tamén varía de ano a ano, neste están sete centros e para o ano dez, pero non só se suman tres, senón que mudan dous... Tamén depende moito das persoas coordinadoras e das súas circunstancias: poderen ou non moverse ás reunións, teren ou non un verdadeiro Equipo que impulse o traballo normalizador e asuma o funcionamento dun necesario traballo coordinado entre ENDL de diferentes centros, que axude, impulse, aforre custos, esforzos... Estes son os aspectos positivos que todo o mundo percibe cando está nas coordinadoras comarcais, ao que lle hai que sumar aquel que ten que ver con sentirse apoiado e reforzado por un grupo, tanto para presentar actividades nos propios centros, como para intercambiar ideas e mesmo para facer terapia, aspecto tamén moi necesario. O illamento das persoas coordinadoras dos Equipos, cando estas teñen realmente ganas de traballar, provoca o que eu chamo efecto chamuscado. O labor que hai por diante é moito, os atrancos máis e os resultados poucas veces están á vista a curto prazo, hai que loitar con mil elementos entre os que está un discurso moi daniño que se escoita a diario. Por último, cómpre ter en conta que somos persoas que traballamos ás ordes e ao “desamparo” dunha Consellería e dunha SXPL. 

Na páxina web da Coordinadora queda un repositorio de materiais moi valiosos e interesantes, mais que teñen data de caducidade (en decembro de 2017 tedes previsto apagar esa web). Falemos algo sobre eles. Comecemos polas campañas. Cales foron máis efectivas e interesantes, ao teu ver?

Interesantes creo que foron todas, aínda que este sexa un adxectivo demasiado subxectivo. A efectividade sería medible, mais vai depender - falando en termos curriculares - de que items coloquemos na rúbrica que empreguemos para avaliar. Se pesa máis a visibilidade, a eficacia sobre o público albo ao que estaba dirixido pode ser unha, se falamos de implicación directa de persoas da comunidade educativa, pode ser outra e se pensamos en verdadeiros efectos normalizadores, se cadra outra diferente.

Unha vez dito isto, eu creo que en termos de visibilidade, sen dúbida, a campaña de Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego foi a máis destacada. Quería enviar unha mensaxe clara e creo que chegou a todas partes, ademais produciu moitos materiais que actuaron como símbolo dun movemento de protesta nun momento moi concreto no que foramos duramente atacados e no que se buscaban elementos para dar resposta de forma proactiva. Da mesma maneira funcionou a nosa primeira campaña As linguas suman, mais xa con outro pouso e máis centrada no ensino. A de orgullos@s trascendeu os centros escolares, algo que non pasou co resto porque en realidade todas estaban centradas na comunidade educativa (desde a de Nais e Pais ata a da LOMCE, pasando pola do Decreto). Houbo outra, a do Galego natural - realizada en colaboración coa Universidade de Vigo - que tamén repercutiu fóra do ámbito de actuación da CGENDL, que son os centros escolares de ensino non universitario.

Puxestes en marcha nalgún momento iniciativas como o premio Leixaprén, os Encontros de Equipos e o Día da Ciencia en Galego. Como as avalías? Quedou algunha iniciativa no tinteiro que che pareza relevante para realizar nun eventual futuro?
 
Non só eu, senón todas as persoas que estivemos no Consello directivo, facemos unha valoración moi positiva destas actividades, aínda que tiveron unha traxectoria moi diferente. O primeiro que hai que resaltar é que son actividades nas que participou unha grande cantidade de equipos e que repercutiron en moitísimo alumnado, nomeadamente o Día da Ciencia en Galego, e que nalgúns casos, coma o desta última, funcionaron grazas á axuda externa que tivemos. Para a celebración da actividade estrela do Día da Ciencia en Galego, a videoconferencia, tivemos a colaboración - ademais dos expertos que accederon a falar - das plataformas técnicas que nos ofreceron as universidades, sobre todo a de Santiago que nos deu servizo durante catro anos. Realizáronse seis edicións para secundaria que, cada ano, chegaron a arredor de seis mil alumnos/as de case cen centros (número límite que debiamos poñer para a emisión). Para primaria organizáronse tres edicións nas que participaron anualmente arredor de catro mil alumnos/as.

O Premio Leixaprén era unha iniciativa que viña desenvolvendo a Coordinadora do mesmo nome desde 1999 nun espazo moi concreto que ía desde Muros a Rianxo, pasando por Mazaricos, Outes, Noia, Lousame, Rois, Dodro e Porto do Son. Nacera coa idea de ser un premio a nivel galego e desde a Coordinadora démoslle esa dimensión. Organizouse durante tres anos e o problema que nos presentou era o que xa había cando o organizabamos desde a C. Leixaprén: a organización da entrega e o orzamento para o premio.

Os Encontros de Equipos foi unha actividade que nos produciu tamén moita satisfacción porque foi moi ben recibida. Coa súa frescura e orixinalidade conseguimos xuntarmos para autoformarnos ao tempo que compartimos experiencias, algo fundamental.

En canto ás iniciativas que quedaron no tinteiro: retomar a Semana das curtas que só tivo unha única pero moi exitosa edición e, sobre todo, algo que levabamos todos os anos no programa e que nunca conseguimos desenvolver. Trátase de dúas actividades ligadas ás novas tecnoloxías e aos usos da rapazada. Unha moi concreta que buscaba prover de politóns en galego para móbil e outra que impulsase o uso do galego en todo o que ten que ver coas redes sociais nas que se move a rapazada. En relación con esta última tamén nos quedou por facer unha campaña de dignificación da lingua, algo que cremos urxente e imprescindible e que sen ela vai ser difícil que triunfen outras accións. Pero non pensamos nunha campaña desas banais con mensaxes simples, nas que se gastan moitos cartos en mercadotecnia e teñen moi pouco efecto práctico; senón unha campaña deseñada en varias fases, na que se buscase implicación real de toda a comunidade educativa para acadar os obxectivos deseñados. 

Tamén cómpre referirse ás publicacións da Coordinadora. Explícanos que obxectivos e peculiaridades específicas tiñan A letra miúda (6 números), Ollos de aula (22 números) e Exprés (5 números).

Comezo por Ollos de aula como revista que encheu un espazo moi necesario, daquela e aínda hoxe, e que tiña como particularidade que se deseñaba para editarse en dous formatos, dixital e mais papel. Enviábase aos centros cada mes e desde os equipos fíxose unha distribución moi grande nos dous formatos para achegala a toda a comunidade educativa. Naceu como unha publicación dirixida ás familias que tratase temas que a estas lles interesan e lles preocupan. Tiña unhas seccións fixas, tres das cales dependían dun grupo de persoas colaboradoras: dúas eran colaboradoras estables (Lines Salgado e Gracia Santórum) e outras iámolas buscando para cada número, segundo o que quixésemos tratar entre os e as especialistas de cada tema. Así, durante tres cursos, foise dando resposta a preguntas que circulan sempre arredor da escola, desde a que anos cómpre que se aprenda a ler, ata o polémico tema das tarefas escolares, pasando por unha explicación de siglas e conceptos que se empregan no ámbito educativo. Tamén se facían recomendacións culturais e se anunciaban eventos de interese. A contraportada sempre a dedicabamos a enviar mensaxes de tintura normalizadora.

A letra miúda pensouse sempre como revista dixital e tiña como público destinatario o profesorado. Pretendía fornecelo de bagaxe sociolingüística que puidese axudalo a crear un argumentario necesario para saír do paso de tanto discurso oco, simplón e prexuizoso que lle chega por todas partes sen base ningunha. Encheuse con artigos de especialistas - galegos e foráneos - nos que se achegaban desde datos sociolingüísticos de Galicia ata reflexións sobre aspectos cruciais como a planificación, a dinamización, a normalización, o proceso de estandarización, a ecolingüística... Tamén ten un apartado de recensións de obras con contido sociolingüístico e outro de ligazóns a publicacións de interese que se atopan na rede. Deseñouse nun principio como revista trimestral, mais logo íase publicando segundo ían chegando as colaboracións.

Por último, Exprés concibiuse como unha publicación dixital de novas da Coordinadora. Facía as veces do típico boletín que teñen moitas organizacións ou institucións no que se achegan todos aqueles avisos que están vixentes no período no que se edita. Nel lembrabamos actividades que tiñamos en marcha, mandabamos o enlace ás publicacións das outras revistas, informabamos dos comunicados ou notas de prensa que emitiamos... Era moi xeitosa pero tivo poucos números porque comezamos coa idea xa algo tarde. 


A disolución da Coordinadora coincide no tempo cun panorama bastante preocupante, no que o mal chamado Decreto de Plurilingüismo parece estar xa a render os froitos desgaleguizadores para os que, sen dúbida, foi concibido. Datos recentes apuntan a que apenas o 18% dos meniños e meniñas de Galiza teñen o galego como lingua inicial e que máis do 75% das escolas infantís nunca ou apenas o empregan. Para alguén coma ti, que tanto levas currado no campo normalizador, que supón escoitar estes datos?

Dóenme, pero non me sorprenden. Os datos son terribles, mais non fai falta atender moito a estudos, case - nestes casos - chega con facer sociolingüística de orella por parques ou escolas. A Era lingüística Feijoo dá os seus froitos dun xeito moitísimo máis acelerado ca a sementeira tradicional que levaba décadas con colleitas que ían dirixidas cara a este resultado no que agora estamos. Mais ninguén pensaba que en tan poucos anos se ía notar tal desfeita. Desde o goberno manexaron o discurso, incidiron nunha sociedade que coñecen ben e puxeron os medios para asentar a súa política lingüística de xeito eficaz. Escoitar datos, ou escoitar discurso sobre a lingua na rúa, ou escoitar a nais e pais galegofalantes falarlles en castelán aos nenos e nenas, ou escoitar todas as aulas de materias científicas en castelán, ou escoitar falar o profesorado de infantil, entre outras moitas cousas, supón darse conta do seu triunfo. O imaxinario social existente arredor da lingua, no que priman as representacións negativas da mesma, non muda porque un goberno - que se caracteriza por defender unha ideoloxía lingüística que non quere que o galego sexa unha lingua de pleno dereito no seu territorio - non quere que mude. Isto acaba derivando nunhas actuacións por parte da cidadanía que teñen consecuencias terribles a curto prazo. O peor de todo é que conseguen facerlles crer aos galegos e galegas que a responsabilidade de non transmitir a lingua é de nais e pais que buscan o mellor para os seus descendentes. Desde o goberno axudan a facerlles entender que o mellor non é que aprendan nin que saiban galego, por iso non impulsa medidas realmente normalizadoras, como o fomento do galego desde idades temperás nas escolas ou a posibilidade de impartir calquera materia na lingua propia. Seguimos con materias vetadas ao galego, unha das mostras máis significativas da súa intención. 

Con Kabatek, Ana Iglesias e outros sociolingüistas, foches das investigadoras sobre a realidade do idioma que nos aprendeu a contemplar calquera tarefa normalizadora tendo moi presentes “os imaxinarios” (e daquela tamén os “prexuízos”) operantes nas condutas idiomáticas do alumnado. No teu ensaio Do estigma á estima ofreceches unha batería de reflexións e propostas que aínda non tiveron realización. En que medida coidas que estamos hoxe peor ou mellor que daquela e cantas desas propostas túas continúan tendo vixencia? Debemos facer menos cousas e mellor? 

Mellor non estamos e o paso do tempo sempre xoga en contra do enfermo se non se lle aplican remedios. Eu creo que - como nada se fixo - todas as propostas teñen vixencia. Xa o levo dicindo en toda a entrevista e volvo insistir aquí: hai que mudar o imaxinario con respecto á lingua, e, a partir de aí deseñar un plan de normalización que atenda a todos os sectores. Alén diso temos que afrontar o discurso do plurilingüismo inclusivo, tirar a lingua do debate partidario, etc, etc...

En canto ao se debemos facer menos e mellor... non sei dicirche. Eu creo que temos moito por facer e non vale dicir que non se consegue nada e quedar parado, pero tampouco non podemos dar paus de cego. Cómpre planificación xeral, saber a onde imos e que gran de area temos que achegar cadaquén e de que xeito. Non por facer menos se fai mellor, mais tampouco se pode facer por facer, xa que isto deriva no efecto chamuscado do que falei arriba. Hai que traballar de xeito planificado e coordinado e de cara a un obxectivo común, para poder así ver algún resultado que axude a tomar azos para seguir.

Penso que - de forma case xeral - todo o colectivo do profesorado implicado na normalización da lingua o tenta facer o mellor posible e se esforza a diario, algúns de forma titánica. Con todo, a min gustaríame sinalar que me parece que temos pendente unha reflexión colectiva - a nivel profesorado - sobre un par de asuntos moi relevantes neste momento. Un deles ten que ver coa valoración e tratamento que facemos da lingua que aínda fala o alumnado ou da que queremos que fale o que xa non a mamou. A outra ten que ver como entendemos o labor normalizador nos centros. Pasaron dez anos da etapa do bipartito e do impulso que naquel momento se lles daba aos Equipos para que actuasen nunha dirección. Nin os tempos nin as circunstancias son aquelas, nin parecidas. As necesidades medraron e variaron, e os recursos - non só económicos, senón tamén humanos e mesmo espirituais - minguaron. Hai que afrontar tamén isto.

Por último, en que proxectos cívicos ou investigadores andas embarcada, agora que xa pasaches páxina do labor na Coordinadora?

A LOMCE acaba co espírito investigador do máis pintado! Vivo mergullada en estándares, perfís competenciais, unidades didácticas integradas... Con todo, recoñezo que a cabra tira ao monte e andei embarullada este curso nunha pequena investigación sobre o imaxinario existente na mocidade arredor da onomástica galega. Pediume expresamente Anabel Boullón que traballase nese asunto para presentar algúns datos no último Congreso de onomástica. Como me era imposible de asumir a min soa por falta de tempo, busquei a axuda de Ana Iglesias, coa que xa estivera facendo unha investigación anterior, e aí estivemos as dúas navegando no discurso arredor da onomástica, no que descubrimos algún aspecto moi interesante de cara á normalización da lingua. Vimos de rematar agora un artigo cos resultados.

Tamén ando botando unha man - cando as circunstancias persoais e laborais mo permiten - nalgunhas actividades nas que me piden colaboración. Neste momento nada máis.

[Publicada orixinariamente na revista do STEG Aulas libres, nº 8]