eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Cataluña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cataluña. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de decembro de 2017

Un editorial de STEG sobre o conflito catalán

Nas vésperas das atípicas eleccións catalás do 21 de decembro, quero compartir o editorial que publica no seu noveno número a revista Aulas Libres, editada polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino (STEG), ao que pertenzo.
 
Imaxe do 1 de Outubro en Cataluña. Fonte: RTVE


O partido que impulsou e aprobou no seu día en solitario a LOMCE, abusando prepotentemente da maioría no Congreso e pasando por riba das múltiplas e razoábeis voces que desde toda a comunidade educativa advertiron das nefastas derivacións desa lei, aplica nestes días tamén en Cataluña, co controvertido artigo 155 da Constitución como arma arreboladiza, a súa receita de cinismo, prepotencia, represión, negación ao diálogo e menosprezo dos dereitos fundamentais.

Faino, para sorpresa de moitas de nós, coa estraña connivencia doutra forza política que parecía ter recuperado, a impulso das súas bases, algunhas das súas señas de identidade máis positivas, apostando por un federalismo estatal aberto á plurinacionalidade e ao diálogo. Parece que, dando chocante mentís a esa esperanzadora reorientación, tal forza entrega nestes días boa parte do seu creto nunha alfándega na que recollen dividendos tanto o reaccionarismo “popular” como a extrema dereita rediviva.

Faino, como non podía ser menos, envolto na tramposa retórica da defensa, disque, do “estado de dereito” (dereito a que o Estado pisotee os dereitos, debe de ser o tal, como saben ben os “Jordis” da ANC e de Ómnium Cultural e os centos de alcaldes cataláns chamados a declarar por permitiren que a xente puidese votar) e na reveladora invocación á “sacrosanta unidad de la patria”, indisolúbel o mesmo mesmiño que o tiña que ser en tempos de Francisco Franco, esa repetida roda de muíño con que se atragoa no Reino borbónico hispano o concepto mesmo da democracia alí onde as maiorías sociais e parlamentares, como é agora o caso de Cataluña, desexan superar con toda a lexitimidade do mundo un corsé colectivo imposto en 1978 baixo ruído de sabres e reforzado con frufrús de togas en 2010.

Na ofensiva do Estado contra as ansias pacíficas e profundamente democráticas dun pobo exemplar como é o catalán, cívico coma poucos, non podían ficar a salvo, é obvio, nin as portas e demais instalacións físicas dos colexios onde se celebrou o reférendum do 1-O, destrozadas alegremente entre porrazo e porrazo contra a xente por quen fora animado desde o principio co tan “educativo” e “proporcionado” berro de “A por ellos!”, nin, claro que non, o conxunto dos mestres e mestras do sistema educativo catalán, axiña postos no punto de mira, canda os Mossos e canda os medios públicos de comunicación (TV3 e Catalunya Ràdio), como apetitosas vítimas propiciatorias a sacrificar no altar do supremacismo centralista, intolerante e de tintes cada vez máis fascistoides, modelo Erdogán en Turquía, que se defende con impunidade desde as instancias gobernamentais españolas e dos seus altofalantes mediáticos.

As mesmas mentiras podridas sobre o tratamento das linguas na escola catalá que empregou o ínclito Ignacio Wert para xustificar o seu obxectivo confeso na LOMCE de “españolizar a los niños catalanes” resucitaron estes días en todo tipo de medios de comunicación impresos e audiovisuais, convertidos xa sen freo, como “Brunete mediática” que dixo o outro, en medios de propaganda política goebbelsiana, ad maiorem gloriam patriae hispaniae.

Aqueles que reinstauraron a presenza da Relixión nas nosas aulas con valor académico, os que asinaron substanciosos concertos económicos con centros que segregan alumnado por xénero para perpetuar o modelo patriarcal na sociedade, os que se cargaron a materia de Educación para a Cidadanía, os que reduciron a límites vergoñentos a presenza da Filosofía e da Ética nos currículos oficiais (algunhas veces coa connivencia da antiga Convergencia i Unió, todo hai que dicilo) e aqueles que andan a presentar nestes días unidades didácticas feitas en convenio co ministerio de Defensa para enxalzar “el himno, la bandera y la defensa de España [sic]”, verten mentiras xofrentas sen fin sobre o presunto “adoutrinamento” que se viría practicando nas aulas de Cataluña. Tanto que ven a palla no ollo alleo e non ven a viga no propio!!!

Sabemos como funcionan estas campañas de desprestixio das e dos docentes, tan visguentas. Vivímolas nas nosas escolas cando certa entidade galegófoba axitou o espantallo indigno da “imposición del gallego” ou cando tiveron lugar as multitudinarias mobilizacións do “Nunca máis”. Daquela, Conselleiro houbo que pretendeu en balde coartar a nosa liberdade de expresión e de cátedra, ansioso por interferir cos seus diktats partidistas a nosa obriga de educar o alumnado nos valores medioambientais e cívicos sobre os que descansan algúns dos máis importantes consensos básicos da nosa sociedade.

Fracasarán tamén nesta hora histórica, perante a ética intachábel, o bo facer e a entrega profesional da escola catalá no seu conxunto, os políticos que, coas mesmas siglas ou con outras engadidas, pretenden converter o ámbito docente en escenario para a súa tiránica ambición de derrotar a determinación do pobo catalán de que se lle recoñeza o seu dereito a decidir.

Desde STEG enviamos, de maneira moi especial e emotiva, unha mensaxe de solidariedade fraterna para as nosas colegas de USTEC e aplaudimos a súa valentía e compromiso á hora de opoñérense a toda medida que supoña detraerlle ás lexítimas autoridades educativas da Generalitat calquera competencia nesa materia.

¿Que dicir da reclamación de “información obxectiva e veraz”, arrebolada contra os medios públicos cataláns no decreto que autoriza a aplicación do artigo 155, cando está posta en boca dun presidente que deu roldas de prensa con plasma de por medio, que se negou reiteradamente a contestar preguntas en roldas de prensa públicas e que decapitou o xornalismo independente na TVE, como veñen denunciando unha e outra vez os seus traballadores e traballadoras? ¿El será o modelo desexado para Cataluña o da nosa TVG, que retransmite series enlatadas e fútbol a mancheas namentras morre xente queimada nos montes e o país todo arde polos catro costados vítima dunha política forestal que desde hai décadas argallan nos despachos con portas xiratorias as elites de ENCE e as do PP?

A posición por parte das institucións desa Europa de mercachifles, burócratas e neocons cargados de cinismo e ambición que nos toca padecer, pechando fileiras cabo do aparello estatal español represor en vez de arroupar as ansias democráticas, pacificamente demostradas, da cidadanía catalá indefensa, dános a medida da profunda involución e da perversión de valores presentes na Carta fundacional europea que se ten operado no noso espazo político, por se quedasen aínda dúbidas despois de constatarmos a resposta deses dirixentes institucionais continentais perante o drama dos refuxiados da guerra en Oriente Próximo ou a súa actitude tocante aos tratados de comercio que non fan máis que incrementar o nesgo neoliberalizador, ergo inxusto, da economía mundial.

O conflito de Cataluña, con toda a súa complexidade, deixa espidos os profundos deterioros e perversións do sistema democrático español (onde el vai, Montesquieu!) e advírtenos, en toda a súa crueza, do arraigo que máis de corenta anos despois de morto o ditador Franco teñen aínda en boa parte da sociedade e da clase política españolas as concepcións imperialistas que negan a pluralidade de suxeitos políticos dentro das propias fronteiras estatais e antepoñen sen rubor e mesmo con violencia, sexa física (as cargas policiais do 1-O) sexa simbólico-institucional (destitución do Govern da Generalitat, esvaciamento do Parlament, intervención das Consellarías, Mossos, etc.) o discutíbel principio de “la unidad de la patria española” aos inalienábeis dereitos democráticos e colectivos da cidadanía catalá.

xoves, 7 de setembro de 2017

Cataluña e dez frases de Castelao


Quero manifestar a miña solidariedade coa Cataluña democrática e autodeterminista con dez frases de Castelao tomadas do seu libro Sempre en Galiza (1944)


  1. Os patriotas cataláns, vascos e galegos, somos aldraxados a decotío no café, no casino, na prensa, na cátedra, no púlpito, no coartel e até no Parlamento.

  2. Antramentras subsista o centralismo asoballador das nacionalidades e somentes se concedan autonomías como derradeiro recurso de conciliación, a democracia hespañola [...] seguirá sendo a tapadeira d-un absolutismo político, cultural i económico, que goberna coas axudas da burocracia e do caciquismo, os dous nemigos do povo.

  3. A “custión catalana” – igoal que a vasca e a galega – non é un delito que deba reprimirse, nin é unha enfermidade que poida curarse.

  4. Non será posible, baixo ningún réxime, o trunfo definitivo da política centralizadora, porque calquera violencia de tipo asimilista causará resentimentos separadores.

  5. O que cómpre variar non son as Constitucións, senón a forma do Estado [...]. Non hai outro modo de asegurar a democracia en Hespaña que dividindo a soberanía do Estado, baixo do sistema federalista. [...] endexamais se poderá asentar en Hespaña un réxime democrático sen unha prévia estructuración federal do Estado.

  6. Estou ben convencido da falsía de todos aqueles que, chamándose demócratas, non renuncian a mandaren en Hespaña dende Madrid [...] hespañoes asimilados por Madrid (incluímos, claro está, aos galegos, vascos e cataláns desenraizados do seu país).

  7. A cegueira dos hespañoes é mal que non ten cura, porque é cegueira vontaria. Cerran os ollos para non veren.

  8. Chegan a decir que o problema galego, igoal que o vasco e catalán, depende da solución que acorde a maioría dos hespañoes... ¡Estábamos aviados! Non; a vontade dos hespañoes debe consultarse para resolver os problemas xeraes de Hespaña; pero, en xusticia, sóio Galiza debe resolver os seus asuntos privados, como é dona de tomar a posición que se lle antoxe fronte â dos demais hespañoes.

  9. Decir que Isabel e Fernando lograron realizar a unidade nacional hespañola é tan ridículo como negar que en Hespaña se falan catro idiomas e que hai catro nacionalidades.

  10. O probrema das nacionalidades hespañolas - denantes “rexionalismo” - eisiste e debe resolverse. Descoñecelo, aplazalo, desprezalo ou afogalo, é xogar aos perigos.