eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Emilio Antonio Ínsua García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emilio Antonio Ínsua García. Amosar todas as publicacións

mércores, 30 de outubro de 2024

 


NOVO VOLUME DA BIBLIOTECA “EMILIO ANTONIO ÍNSUA GARCÍA” DE ESTUDOS VIVEIRENSES

A Biblioteca “Emilio Antonio Ínsua García” de Estudos Viveirenses acaba de publicar o seu terceiro volume, despois dos anteriores dedicados aos literatos Xoán Pla Zubiri e Luís Sipos Magniac.

Nesta ocasión a figura abordada é Vicente Sergio López, un dos compoñentes no seu día da célebre comparsa dos “Armantes”. Rescátanse no libro máis dunha vintena de textos da súa autoría e reconstrúese a súa particular peripecia vital, truncada en flor cando apenas contaba trinta e tres anos de idade.

Esta edición de Vicente Sergio López (1848-1881). Unha promesa truncada das letras viveirenses, preparada por Emilio Xosé Ínsua, ten carácter non venal. As persoas interesadas en dispoñer dun exemplar poden recollelo de maneira totalmente gratuíta no local das Gráficas Neira Brochs, na rúa da Zapatería, núm. 27, de Viveiro, no horario habitual de atención ao público do establecemento.

En vindeiras datas está previsto que se realice unha presentación pública do libro en Viveiro, que será anunciada oportunamente.

martes, 1 de novembro de 2016

Na morte do meu amado pai

O pasado venres 28 de outubro faleceu en Viveiro meu pai, Emilio Antonio Ínsua García.

Para el, que xa descansa para sempre, estes versos de amor, escritos na madrugada do día da súa definitiva partida.




 O corazón está en vixilia
mentres te nos vas indo, pai.

Foches un agasallo da vida,
un orballo de agarimo entregado
constantemente.

Non houbo sede
para a que non tiveses
auga que nos dar.

Non houbo soño
ao que non lle insuflases
amor, alento e riso.

Non houbo un só intre
en que nos fallase 
o teu aceno de amor
inundándonos o corazón
por sempre e para sempre.