eu

eu
eu

domingo, 19 de novembro de 2017

Os vínculos con Baión de Xosé Mª Álvarez Blázquez




 Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915- Vigo, 1985) comezou a despuntar como intelectual e escritor xa na etapa previa ao infausto 36, impulsando en Pontevedra con outros mozos a revista Cristal e, logo da guerra, a despeito dos moitos padecementos que esta trouxo para si e para boa parte dos seus, resultou un puntal destacadísimo no panorama cultural galego da segunda metade do século XX. Erudito, arqueólogo, etnógrafo, bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e ensaísta, foi un humanista incansábel, comprometido ata a cerna cos ideais galeguistas. Para a bisbarra do Salnés, e moi concretamente para Baión (Vilanova de Arousa), a súa figura ten unha relevancia especial, da que tentaremos dar conta nas liñas que seguen.

Con efecto, os vínculos de Álvarez Blázquez co Salnés son múltiples e salferen varias das vertentes da súa polifacética figura. Primeiramente, porque o noso autor pasou moitas felices horas de infancia e mocidade no lugar de Fonsín na compaña da súa familia directa e dalgúns irmáns e sobriños de seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, como o tío Xosé, o inspector de ensino Xerardo e a súa muller Lola (pais de Amalia, futura esposa do dirixente galeguista Alexandre Bóveda) e a tía Carme, casada co historiador e erudito pontevedrés Celso García de la Riega, un dos máximos divulgadores das teses sobre a presunta galeguidade de Colón e propietario, no propio Baión, do pazo do Valado. A parroquia pagou simbolicamente a súa débeda co seu ilustre veciño estacional dando o seu nome, hai algúns anos xa, a unha praciña de Fonsín.

Un fillo do propio Xosé Mª Álvarez Blázquez, Afonso, biografando a seu pai para a colección "Galegos na Historia" das Edicións Ir Indo, anotou neste sentido:

Alí, entre aquelas fragas, por aqueles rueiros, trouleando cos irmáns e coa rapazada da aldea por entre os milleirais, de aventura e pesca no río, de caza, gozando da fermosísima paisaxe, gabeando polas árbores á procura de niños, pasaría os momentos máis ledos da súa vida; días, semanas e meses que xamais esquecería e que marcarían para sempre o seu amor pola natureza, e, na súa memoria sentimental, un código poético no que Baión estivo presente en grande medida, porque Baión era a maxia da infancia que goza ata a extenuación.

Esa intensa vivencia da paisaxe, das terras e das xentes de Baión converteuse tempo andado motivo e fonte de inspiración para algúns textos literarios saídos da súa pluma. Valla como exemplo o relato “A pega rabilonga”, protagonizado pola fidalga viúva e vinda a menos Misia Catalina, que pasa os derradeiros días de vida na compaña dunha pega moi hábil e simpática no seu pazo do Valado, onde xogara de neno “aquil señorito Celso, andando a cabalo, cazando na Bouza, correndo en bicicleta por eses camiños [...] hastra levaba o carro de Pepa de Cascallar e termaba das vacas coma un labrego”. Noutro relato, intitulado “A gavilla2, o protagonista resulta pertencer á estirpe “dos Lareo de Baión, que tiñan algún capital pro o perderan en preitos co señor do Valado e máis por se ter dado ao viño”.

Os pais do escritor, nunha foto tomada en Fonsín
Ao mesmo pulo amantiño cara ás terras do Salnés responden algúns poemas do noso autor inseridos no volume Canle segredo (Premio Pondal do Centro Galego bonaerense en 1953, editado non obstante en 1976), como o que leva por título, precisamente, “Baión”, que vai no final destas liñas, ou outros moitos en que evoca os campos abertos, os camiños brancos e silandeiros, os ameneiros, os milleirais, as penedas e as fragas dese espazo, “terra da ialma”, que resultou absolutamente máxico para “aquil neno que eu fun”. Un neno, engadimos, que mesmo se dedicou a bautizar tantos misteriosos lugares que atopaba Baión adiante con nomes como “A Pena do Coello” e “O Castelo dos Corvos”; que admirou o porte da labrega Pepa de Cascallar, “a fala cariñenta do misterio / que enchía os nosos corazóns inxeles”; que se asustou nos socalcos de Lobomorto, na corredoira de Sovilas ou perdido nunha carballeira baixo o luar; un neno que gozou guiando o carro ou montando no cabalo chamado “Cuco”; que colleu a furto acios nas parras fidalgas do lugar e que fixo partillas da paisaxe cos seus compañeiros infantís de xogo, de xeito que

Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono
cando o meu corazón petaba nela...

Mais o vínculo de Xosé María co Baión de infancia e adolescencia tamén se converteu en pretexto para o deseño de curiosos pseudónimos, como o que empregou para dar conta nun dos volumes (o 47) da mítica colección “O Moucho” da súa editorial, a Castrelos de Vigo, das etimoloxías populares e fantasiosas con que as xentes do común explicaban algúns topónimos galegos.

O noso escritor asinará ese precioso ensaio de onomástica, lingüística e cultura popular, que bautizou co título de Os nomes da terra (1976), co pseudónimo de “Celso de Baión” e recollerá as paveras teorías que manexaba o señor Manuel Fresco sobre a orixe de certos nomes do Salnés. O citado paisano, avó de dous dos compañeiros de xogos infantís de Xosé Mª en Baión (Manolo o 'Patacocida’ e Ramón o 'Chafarís'), interpretaba que o lugar de “Sobilas” recibía ese nome “polas moitas costas que ten, e do mesmo modo poderían chamarse 'Baixalas”...; presumía de lembrar a seu propio pai matando o animal que dera orixe ao topónimo de “Lobomorto” e coidaba, igualmente, que “Baión” non era máis que o marido de “Baiona”, que rifara con ela e por iso estaban tan separados na xeografía...

Aínda outros elementos, persoas e circunstancias vitais tecen un nobelo invisíbel de relacións e afinidades entre o noso escritor e a bisbarra arousá. Indiquemos, por exemplo, a súa estreita amizade, baseada en numerosas afinidades literarias (neotrobadorismo, intimismo...), ideolóxicas (galeguismo non marxista) e mesmo eruditas (arqueoloxía, etnografía, historia local...), cos irmáns Bouza Brei, Fermín e Lucho (a quen dedicou o relato intitulado “A esmeralda”), relación que máis adiante perpetuarán varios dos seus respectivos fillos e sobriños.

Non por causalidade acudiu Álvarez Blázquez tamén nalgunha ocasión ao cemiterio vello de Fefiñáns para honrar coa súa presenza e palabra a memoria do poeta Ramón Cabanillas, antes de que os restos mortais do autor de No desterro fosen trasladados ao Panteón de Bonaval, en Compostela.

E importante dato na relación cultural entre o noso escritor e a bisbarra do Salnés é, finalmente, a presenza na primeira edición do seu poemario Canle segredo, correspondente á colección “Pico Sacro” das Edicións Castrelos, de varias gravuras da autoría de Rivas Briones, artista e xilógrafo de orixes madrileñas pero nacionalizado en corpo e alma galego e arousán xa para sempre, como testemuñan a sala de exposicións que en Vilagarcía leva o seu nome.

Fecharemos esta achega reproducindo o poema “Baión”, que di así:


Torno a ti, meu Baión, terra loubada,
terra do corazón, amante miña,
onde os meus pais me diron ista anguria
de estar morrendo arreo pola terra.
Cando xa non coidéi que máis te vise,
torno pra adormentarme no teu colo,
pra me quencer na morna terra túa
por onde van as veas do meu soño.
Aquil andar decote pola vida
sin ter os pés no mundo, coma os ventos
que nascían nas fragas de Sovilas
e iñan bater no lombo de Lantaño.
Aquil tremulecer de follateiras,
por onde asubiaban os paxaros
as cantigas que tiñan deprendido
de nós, os seis irmáns de ollos acesos.
¡E logo aquil miragre, sempre novo,
de atopar nos camiños donicelas
e lagartos arnáus, postos na terra
pra ledicia dos nenos, acotío!....
Todo torna de sócato arestora,
cando xa non coidéi que máis volvese
o pálpito segredo dunha anguria
que é estar morrendo arreo pola terra.
Terra dunha nenés que tiña cores
e adovíos de festa polo vranhe,
cando á mañán andaban antre os millos
as pegas rabilongas e os coellos,
e os mouros estorniños no tellado,
coa súa frauta de panidos meles,
escorrentaban a perguiza nosa:
- ¡Espertade, rapaces, espertade!
Agora ben me lebro distas cousas,
terra do meu Baión, terra amantiña,
onde durme a nenés dun home canso 
que non pode chorar porque xa é tarde...