eu

eu
eu

venres, 22 de abril de 2016

Manuel María: unha cronobiobibliografía

 
Achégase o Día das Letras Galegas, este ano adicado á figura do noso querido e admirado Manuel María, e queremos contribuír desde este noso blog á difusión do seu legado humano, político e literario, especialmente relevante para a cultura galega da segunda metade do século XX, con esta cronobiobibliografía que acabamos de publicar no sexto número da revista Aulas Libres, do STEG.


1929
Nace o 6 de outubro, en Outeiro de Rei (Lugo) Manuel María Fernández Teixeiro, primeiro fillo dos catro que terá o casal formado desde 1928 polos labregos de cómoda posición económica Antonio Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova.

1938
O neno Manuel María asiste en Rábade á escola de Bautista Núñez Varela, que, aínda que abusaba do caxato e falaba sempre en castelán, lía e comentaba textos en galego nas súas clases e espertou así a sensibilidade e a vocación literaria do raparigo.

1941
O preadolescente Manuel María escribe os seus primeiros versos.

1942
Inicia os estudos de Bacharelato no Instituto de Lugo

1943
A morte de seu pai por mor dunha peritonite, o 2 de maio, fai que se encargue do seu coidado e educación seu tío paterno José Fernández Núñez, sacerdote en Lugo.

1943-1946
Prepara os sucesivos cursos de bacharelato como alumno da Academia Galicia, rexentada polos maristas en Lugo. Pasa os veráns, parte en Outeiro de Rei coa nai e os irmáns, parte en Cespón (Boiro), cunha curmá do seu defunto pai.

1947-1948
En sexto curso, xa no Instituto de Lugo, recibe aulas de literatura do profesor salmantino Lázaro Montero, que le descobre a poesía da xeración do 27 española.
Comeza a asistir á tertulia intelectual do Café Méndez Núñez, á que acoden Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Xohán, Aquilino Iglesia Alvariño e Ánxel Fole, entre outros.
Pronuncia a súa primeira conferencia no Círculo das Artes en Lugo.

1949
Funda en Lugo con Manuel Antonio Sopena a revista Xistral, que acolle nas súas páxinas os seus primeiros poemas éditos, como “A cantiga derradeira” e “Su sencillez”.
Escribe un pequeno poemario (11 textos) en español titulado Marinero en la noche.
Comeza a enviar colaboracións ao diario lugués El Progreso e ao compostelán La Noche.
Remata os estudos de bacharelato e aproba a “reválida”.

1950
Matrículase como alumno libre na Facultade de Filosofía e Letras en Compostela, mais reside habitualmente en Lugo e abandona os estudos no remate do curso, tras colleitar varios suspensos.
Publica o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas, na colección “Benito Soto” de Pontevedra.

1951
Abandona os seus fanados estudos universitarios.
Escribe Morrendo a cada intre.
Aparecen catro contos seus no terceiro número dos Cadernos Grial.
A morte por atropelo automobilístico o 25 de marzo de seu irmán Jesús Mª, de tan só 13 anos, inspíralle unha fonda crise persoal e relixiosa, reflectida no Libro de pregos.
Asiste á primeira “Misa de Rosalía” en Compostela, o 25 de xullo.

1952
Realiza desde xaneiro a “mili”, primeiro no campamento de Parga, na propia Terra Cha, onde coincide con Uxío Novoneira, e logo en Compostela, onde dá clase aos seus compañeiros de cuartel analfabetos e frecuenta o trato de Carlos Maside, Otero Pedrayo, Fermín Bouza Brey, Borobó, Manuel Beiras García, Xosé M. Beiras, Ramón Piñeiro, Pilar Vázquez Cuesta, etc.
Pon en marcha co escritor e artista lugués Ánxel Johán, republicano represaliado, a colección de poesía “Xistral”, que edita libros de Cabanillas, Carballo Calero, Pura Vázquez, Luz Pozo, Casado Nieto e Manuel Carlos Vidal.
Conquista o primeiro premio dun certame poético do Centro Galego de Bos Aires co libro Advento.
Publica en Lugo Morrendo a cada intre e os Contos do cuarto crecente.

1953
Estuda para procurador dos Tribunais e dá algunhas conferencias sobre poesía galega.

1954
Publica en Arxentina, da man das Edicións Galicia do Centro Galego bonaerense, o poemario Advento e nas Edicións Celta de Lugo a primeira edición do seu emblemático Terra Cha, con limiar de Ánxel Fole.
Asiste ao III Congreso Internacional de Poesía, en Compostela, e traba amizade co poeta catalán Carles Riba.
Gaña os Xogos Florais de Ourense.
Envía colaboracións a Opinión Gallega de Bos Aires.
Pasa unha tempada con Novoneira no Courel.
Dá unha conferencia en setembro, en Lugo, sobre a poesía de Noriega Varela.
Inicia as prácticas para procurador dos Tribunais no despacho de Luís Fernández Villar, en Lugo.

1955
Novo premio poético en Bos Aires, polo Libro de pregos.
Recitais en Coruña, Betanzos, Lugo...
Envía colaboracións á revista Galicia de Bos Aires.
Envía colaboracións á revista Vida Gallega.
O “Galicia Programme” da BBC ocúpase do seu libro Advento.
É denunciado e xulgado por uns cantares de cego presuntamente calumniosos que circulan por Outeiro de Rei, mais resulta finalmente absolto.

1956
Escribe o poemario Documentos personaes.
Coñece á súa futura compañeira e esposa, Saleta Goi García, de familia republicana represaliada.

1957
Aproba o exame para exercer oficialmente como procurador dos Tribunais.
Edita na revista Quatro Ventos, de Braga, o seu Auto do taberneiro.
Comeza a colaborar asiduamente co xornal coruñés El Ideal Gallego.

1958
Publica na Celta de Lugo o poemario Documentos personaes.
Colabora co xornal Lugo de Bos Aires e coa revista Papeles de Son Armadans, de Mallorca.
Instálase en Monforte.
Perde aos seus amados mestres Pimentel e Maside.
Publica no Boletín da Academia Galega un estudo sobre a poesía de Fermín Bouza Brey.

1959
Recita e dá conferencias na Universidade de Uvieu.
Casa o 9 de maio con Saleta.
Dá aulas de Literatura na Academia Balmes de Monforte e colabora coa emisora de radio local.

1960
Gaña os Xogos Florais da Coruña e os de Betanzos.
Gaña o premio de teatro Villar Ponte en Bos Aires, co seu Edipo.
Publica na revista Céltiga, de Porto, o seu Auto do labrego.

1961
Publica na revista Vida Gallega o seu Auto do mariñeiro.
Edítase o seu único poemario en español, Sermón para decir en cualquier tiempo, escrito no verán de 1954.

1962
Edítase en Lugo, da man da imprenta Celta, o Libro de pregos.
Aparece a segunda edición, corrixida e aumentada, de Contos en cuarto crecente.

1963
Publica o poemario Mar maior na colección de poesía Salnés, promovida por Galaxia e dirixida por Celso Emilio Ferreiro.
Morre o 2 de febreiro o seu tío José Fernández Núñez.

1964
Viaxa a Portugal.
O 6 de agosto intégrase con Saleta e da man de Méndez Ferrín e Mª Xosé Queizán na UPG, acabada de crear na clandestinidade.
Edita na revista Grial un estudo sobre a poesía de Celso Emilio Ferreiro.

1965
Publica na revista Grial a novela curta “As augas van caudales”.
A Asociación Cultural “O Galo” premia a súa peza, aínda inédita, A luz non volve atrás.

1966
Publica na revista Grial a novela curta “Os alugados”.
Gaña os Xogos Florais de Foz.
Participa no banquete de despedida a Celso Emilio Ferreiro, que marcha para Venezuela.

1967
Reedita en Lugo o libro Terra Cha, ampliándoo ata os 91 poemas.
Presenta o cantautor valenciá Raimon nun recital en Compostela e dedícalle un artigo en Grial.
Funda a editora Xistral e, dentro dela, a colección de poesía “Val de Lemos”, coa colaboración de Basilio Losada e Lois Diéguez.

1968
Publica en Lugo o poemario infantil Os soños na gaiola.
Prologa a novela de Lois Diéguez A Torre de Babel.
Publica na colección Val do Lemos da súa editora Xistral o poemario Proba documental.
Grava en Barcelona o disco Manuel María: poemas ditos coa súa voz.
Presenta na Sala Capitol de Compostela o concerto da Nova Canción Galega.
Edita a peza teatral Barriga Verde, que se estrea ao ano seguinte.
Escribe para a revista Biblos de Coímbra o breve ensaio Noticia da vida e poesía de Xosé Crecente Vega.

1969
Edita en Montevideo Versos pra cantar en feiras e romaxes.
Edita en Bos Aires Versos pra un país de minifundios.
As autoridades franquistas múltano por participar xunto a Miro Casabella nun acto na Universidade Central en Madrid, no que se fixo exhibición de “una bandera separatista” e se corearon “gritos subversivos”.
Basilio Losada prepara para a colección Adonais, das Ediciones Rialp, unha Antología Poética/ Escolma Poética de Manuel María, en edición bilingüe.

1970
Edita en Bos Aires Remol.
Publica tamén, na colección “Val do Lemos” da súa editora Xistral, as Canciós do lusco ó fusco.
É nomeado en abril membro correspondente da Real Academia Galega.
Edita en Arxentina o volume narrativo O xornaleiro e sete testemuñas máis.
Edita por segunda vez, en Xistral, o seu Auto do mariñeiro.
Abre en Monforte con Saleta a Libraría Xistral, na que se vende tamén cerámica de Sargadelos.
Aparece a segunda edición de Documentos personaes.
Traduce ao español para a revista Primer acto a peza de Castelao Os vellos non deben de namorarse e achega asemade o artigo “Noticia del Teatro Gallego”.

1971
Gaña certames poéticos en Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Monforte e Guimarães.
Prohíbenlle unha conferencia na Coruña sobre “O Renacemento galego do século XIX e a súa proxección política na Galicia de hoxe”.

1972
Publica en Porto, da man da editora Razão Actual, as Odes num tempo de paz e de alegria, con limiar de Margarita Ledo Andión.
Publícase tamén en Portugal, da man da mesma editora portuense, o volume antolóxico 99 poemas de Manuel Maria (1950-1970), preparado polo propio autor.
Tira do prelo na Celta de Lugo a 3ª edición, novamente ampliada (100 poemas), de Terra Cha.
Aparece a versión en francés do libro Canciós do lusco ó fusco.
Viaxa á Bretaña, á Suíza e a Euskalherría. Recita no Centro Galego de Barakaldo.
Reedita Os soños na gaiola.
Camilo Gómez Torres defende o 23 de xuño na Universidade de Barcelona unha tese de licenciatura sobre Manuel María.

1973
Aparecen os seus poemarios Aldraxe contra a xistra (Ediciós Roi Xordo, Xenebra, Suíza), Informe pra axudar a alcender unha cerilla (Edicións Patronato da Cultura Galega, Montevideo) e Laio e cramor pola Bretaña (Lisboa).
Obtén ex aequo co Zardigot de Euloxio R. Ruibal, grazas á peza O meu reino non é deste mundo, o premio Abrente de Teatro en Ribadavia.
Publica na colección “O Moucho” das Edicións Castrelos de Vigo o volume Kricoi, Fanoi e Don Lobonís.
Edita en Bos Aires a peza teatral Auto da costureira.
Preside a Asociación Cultural Castelao, de Monforte.

1974
Viaxa, dá recitais e dita conferencias por Cataluña, Euskalherría e Portugal.
Aparece a segunda edición de Laio e cramor pola Bretaña, nas Ediciós Roi Xordo de Xenebra.
Tradúcense ao bretón as Canciós do lusco ó fusco.
Fai parte do xurado do II Concurso de Obras Teatrais Abrente, de Ribadavia.

1975
Presenta a súa renuncia como correspondente da Real Academia Galega.
Participa na creación da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), en abril.
Dita numerosas conferencias sobre a figura de Castelao, no XXV cabodano da súa morte no exilio.

1976
Edita na colección Alexandre Bóveda, de Xistral, os Cantos rodados pra alleados e colonizados.
Viaxa a Barcelona para participar en varios actos culturais.
Resulta multado por participar en Quiroga o 18 de abril nunha mobilización contra o proxecto de instalación dunha celulosa.
Volve ser xurado no premio Abrente de Ribadavia.
Gaña un certame de guións cinematográficos con Abril de lume e ferro e ofrece numerosas charlas e recitais por todo o país.

1977
Detidos el e Saleta o 29 de xaneiro pola policía, nunha vaga represiva poucos días despois de que se perpetrase a matanza de avogados laboralistas de Atocha. Son postos en liberdade aos dous días.
Publica en Madrid, da man da Asociación Cultural Galega Lóstrego, os Poemas ó Outono.
As edicións Ceibe da Frente Cultural da AN-PG publican Poemas pra construír unha patria.
Cabeza de lista ao Senado polo BN-PG na provincia de Lugo nas eleccións do 15 de xuño.
Comeza a enviar a A Nosa Terra entregas da súa sección “Andando a Terra”, asinadas baixo o pseudónimo de Manuel Hortas Vilanova.
Dita conferencias sobre as Irmandades da Fala en diversas localidades.
“Fuxan os ventos” edita en discos seus versións de poemas como “O carro”, “Labregos” e “Cantiga das Encrobas”.

1978
Publica da man de Follas Novas, en Compostela, o Libro das baladas.
A AS-PG patrocina a edición en Xistral do seu poemario infantil As rúas do vento ceibe.
O cantautor Suso Vaamonde edita cancións inspiradas no libro Os soños na gaiola.
A cantante María Manuela e o seu compañeiro Miguel versionan musicalmente poemas como “Idioma meu”, “Manual de señorito” e “O alleado”.

1979
Publica na Editorial Alvarellos, de Lugo, Catavento de neutrós domesticados.
Estrea en Lugo o seu Auto do maio esmaiolado, editado máis tarde pola Escola Dramática Galega coruñesa nos seus Cadernos en 1982.
Estréase tamén a súa Farsa de Bululú (O meu reino non é deste mundo).
Edita a peza teatral infantil Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.
Concelleiro polo BN-PG na corporación municipal de Monforte (“unha das experiencias máis desagradables da miña vida”).
Campaña de desprestixio contra el e contra Saleta en Monforte, acusándoos inxustamente de seren instigadores dos incidentes que remataron traxicamente na noite do 13 de agosto cun rapaz morto, cando a policía reprimiu unha “festa alternativa” que protestaba contra a festa de pago organizada polo Concello nas Pistas do Xardín Municipal.

1980
Publícase a antoloxía Versos de 30 outonos, preparada por Camilo Gómez Torres.
4ª edición do seu Terra Cha, agora con 105 poemas.
3ª edición, e definitiva, de Documentos personaes.
Estrea en Lugo o seu Auto da Autonomía.
Espállanse as súas Coplas contra o decreto de Bilingüismo, asinadas como O Gaiteiro de Ventosela.

1981
Viaxa a Venezuela e a Suíza.
Participa no 1º Congreso de Escritores Galegos, en Poio.
Publica na colección Ramón Cabanillas da editora Xistral os Poemas da labarada estremecida.
Escribe o seu “Soneto a Xosefa Baamonde García, mestra de Dices-Rois-Padrón”.

1982
Viaxa por Euskalherría, dando recitais e conferencias en Donosti, Trintxerpe, Santurzi, Barakaldo...
Participa na homenaxe a Fermín Bouza Brey.
Edita da man de Xerais, na colección Montes e Fontes, a súa “broma literaria” Escolma de poetas de Outeiro de Rei.
Galiza Editora publica en Ourense os seus Versos do lume e do vagalume.
Participa na Asemblea constituínte do BNG en Riazor.

1983
Cesa como concelleiro nacionalista en Monforte, ao non saír reelixido nas municipais de maio.
Viaxa por Italia.
Participa en Figueira da Foz no I Encontro Luso-Espanhol de Poesía.
Participa en Vigo nun recital con Novoneira, Luz Pozo Garza e Bernardino Graña.

1984
Edita no Carballiño, da man da Asociación Cultural Avantar, o Cantigueiro do Orcellón.
A AGAL publica o seu A luz ressuscitada, con carta-prefacio de António Gil Hernández.
Nova viaxe a Italia e tamén a Grecia, na compaña de Felipe Senén.
Participa nun congreso de escritores galegos, vascos e cataláns en Poblet.

1985
Abandona a militancia na UPG e no BNG.
Colabora coa revista Dorna.
Tradúcense ao euskera, da man de Koldo Izagirre, varias pezas do seu teatro.
Publica na Coruña O camiño é unha nostalxia.

1986
Participa nunha homenaxe a Castelao en Rianxo, en xaneiro.
Edita en Ourense Oráculos para cavalinhos-do-demo.
Edita da man da revista Follas Secas de Ourense, na colección Castromao de Poesía, Ritual pra unha tribo capital de concello, con limiar de Xosé Estévez.
Poemas seus fan parte, musicados, do primeiro disco do grupo “A Quenlla”, Os tempos aínda non, non son chegados: “Canto de esperanza”, “A historia de Galicia”...
Viaxa a Córsega, Sardeña, Sicilia e Calabria.
Confecciona e publica en Follas Secas a peza teatral Entremés da OTAN.
Morre en decembro súa nai, Pastora.

1987
Reedita, grazas á Federación de Asociacións Culturais Galegas, o que fora o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas.
Apróbase o expediente para o seu nomeamento como fillo adoptivo de Monforte.
Monográfico da revista ourensán Follas Secas sobre a súa figura.
Viaxa á Bretaña e a Normadía.
Participa nun encerro de escritores da AELG no local da Academia Galega esixindo a demisión do seu entón presidente e, asemade, delegado do Goberno, García-Sabell.

1988
Publica As lúcidas lúas do outono, na editora coruñesa Vía Láctea.
Edita os seus Sonetos ó val de Quiroga.
Viaxa, de novo, a Italia para visitar a Toscana.
Tradúcense ao holandés as súas Canciós do lusco ó fusco.
“A Quenlla” inclúe no seu disco Európolis 88 temas inspirados en textos do poeta, como “Bando”.

1989
5ª edición do seu Terra Cha, agora con 110 poemas.
3ª edición de As rúas do vento ceibe.
Edítase en Barakaldo, en edición bilingüe galego-esukera, o poema “Saturno”.
Comeza a súa colaboración xornalística en El Correo Gallego compostelán.
Publica como peza teatral Abril de lume e ferro.

1990
Publícase o volume antolóxico Andando a Terra, preparado por Pilar García Negro e Miguel Mato Fondo, que recolle parte da súa articulística no semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1987.
Publícase, da man de Xerais, o libro Conversas con Manuel María, de Xosé Manuel del Caño.
A editora herculina Nova Galicia tira do prelo o volume recompilatorio Os ontes do silencio, que inclúe os Contos en cuarto crecente, O xornaleiro e Kricoi, Fanoi e Don Lobonís.
Edita o Cancioneiro de Monforte de Lemos.
Pronuncia en Llodio, o 27 de maio, o pregón do Día de Galiza en Euzkadi, en presenza do lehendakari José Antonio Ardanza. Participa na descuberta dunha placa en Barakaldo en honra a Ramón Cabanillas.
Concédenlle o premio “Celanova Casa dos Poetas”.

1991
O xornal compostelán El Correo Gallego edita o seu Compendio de orballos e incertezas.
Edítanse conxuntamente as pezas teatrais Farsa de Bululú e Unha vez foi o trebón na denominada “Biblioteca 114” de El Correo Gallego.
Noméano presidente da Irmandade dos Viños Galegos, en marzo.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, o volume prosístico A tribo ten catro ríos.

1992
Publica na colección “Os contos do Castromil” o texto Auto do Castromil ou a revolución dos baúles.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, Cando o mar foi polo río.
Edita a súa peza A lúa vai encoberta, escrita nos anos 70, na Biblioteca de Autores Galegos do Diario 16 de Galicia.

1993
Miguel Anxo Fernán-Vello e Miguel A. Mato Fondo editan en Espiral Maior unha Antoloxía poética do noso autor.
Publica, tamén en Espiral Maior, A primavera de Venus, con limiar de Claudio Rodríguez Fer e ilustracións de Felipe Criado.
A mesma editora de Fernán-Vello tira do prelo nun só volume a colección “Val de Lemos”.
Viaxa a Exipto e a Israel.
El Correo Gallego edita o seu libro Poemas a Compostela, escrito corenta anos antes.
A Asociación Monte Branco de Ponteceso réndelle homenaxe.

1994
Concédeselle o Pedrón de Ouro.
Edita Cantigas e cantos de Pantón.
Edita en Espiral Maior Poemas para dicirlle a dúas lagoas, con limiar de Fernán-Vello.
Publica en SM, na colección “O Barco de Vapor”, o volume prosístico Viaxes e vagancias de M.P.
A Deputación de Lugo publica o estudo de Xosé Lois García Lectura e itinerario posíbel polo Terra Cha de Manuel María.
Participa con Bernardino Graña, Neira Vilas, Novoneira e Ferrín no recital de clausura da XI Semana de Filosofía, en Pontevedra.
O 6 de outubro xubílase como procurador dos Tribunais.

1995
Tribútaselle unha grande homenaxe no Teatro Rosalía de Castro na Coruña, organizada pola AS-PG.
Citania de Publicacións edita un volume colectivo coordinado por Xulio Xiz co título de Manuel María da Terra Cha.
Participa en Gasteiz nun novo Congreso Galeuzca de escritores.

1996
Edita O Miño canle de luz e néboa, en Espiral Maior.
Aparece a cuarta edición de Barriga verde.
Escribe o limiar de Memoria e soño, do poeta lugués aficando en Viveiro Xoán Neira.
A Quenlla” ofrece a súa versión de “Verbas a un irmao” no disco A casa que nunca tivemos...

1997
A AELG distíngueo como socio de honra coa letra E.
Recibe o premio Otero Pedrayo.
Elabora con Anxo Gómez Sánchez para a Historia da Literatura Galega auspiciada pola AS-PG e editada por A Nosa Terra o fascículo 28 e a súa correspondente escolma, co título Poetas entre a tradición e a modernidade. Antoloxía. Tamén colabora no fascículo (35) e escolma dedicados a Fole.
Edita en Espiral Maior, na colección “Illa Verde”, os Sonetos á casa de Hortas.
Publica na Editorial Everest, dentro da colección “Punto de Encontro” o volume As ribeiras son escuras, en que recolle as prosas “As augas van caudais”, “Os alugados” e “O xornaleiro”.
Participa no Congreso da Poesía Galega que se celebra en Vilagarcía polo 50 aniversario da publicación de Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño.
Participa en decembro nun acto poético reivindicativo contra o traslado da estatua de Pastor Díaz en Viveiro.
Camilo Gómez Torres prepara unha Antoloxía poética do noso autor para acompañar o fascículo 39 da Historia da Literatura Galega preparada pola AS-PG e editada por A Nosa Terra.

1998
Traspasa en abril a Libraría Xistral en Monforte e instálase con Saleta na Coruña.
Prologa os Poemas para unha loia, de Lois Pereiro.
A Casa de Cultura de Foz é bautizada co seu nome.

2000
A Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, baixo a coordinación de Alfonso Blanco Torrado publica co título de Manuel María un volume-colectáneo de artigos, estudos e poemas sobre a súa figura.
Dedícaselle a primeira edición do Día das Letras Chairegas, o 21 de marzo.
Camilo Gómez Torres defende na Universidade coruñesa a primeira tese de doutoramento sobre a figura do poeta, co título Manuel María: traballo lingüístico e traballo cultural.
Publica da man da editora Hipocampo, de Sabino Torres, o poemario Brétemas do muiñeiro.
Edita en Monforte Os carreiros do soño.

2001
6ª e definitiva edición de Terra Cha: 114 poemas.
A editora Espiral Maior reúne e publica en dous tomos a Obra Poética Completa do noso autor.
Camilo Gómez Torres publica en Laiovento o estudo Manuel María: os traballos e os días.
Edítase Camiños de luz e sombra, libro escrito en 1959.

2002

Edítase Entre a arxila e a luz, poemario que fora escrito en 1957.

2003
Ingresa o 15 de febreiro como numerario na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe, que foi respostado por Méndez Ferrín. A cerimonia celébrase en Vilalba.
Participa nas mobilizacións de “Nunca Máis”.
Edítase o seu Cancioneiriño de Valdeorras.
Edítase na biblioteca teatral Francisco Pillado da Universidade coruñesa a súa peza teatral Edipo.
Publica en Laiovento as prosas de Historias do empardecer, con iustracións de Ana Pillado Vega.

2004
Morre o 8 de setembro, na Coruña.
Velorio público no Panteón de Santo Domingos de Bonaval, en Compostela.
Traslado dos restos e soterramento en Outeiro de Rei.
O Instituto de Estudios Chairegos de Vilalba edita postumamente, con prólogo de Antón Xosé Meilán García, as súas Elexías á miña vida pequena, escritas en 1950.

2005
Celébrase en novembro, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, o Congreso “Manuel María. Literatura e Nación”.
O Festival de Pardiñas (Guitiriz) réndelle homenaxe.
Camilo Gómez Torres publica na colección Campus da editorial A Nosa Terra a monografía O tempo vital de Manuel María.
O selo Ouvirmos, de Sarria, edita o traballo colectivo Manuel María. Fotobiografía sonora.

2006
Xosé Ramón Freixeiro Mato obtén o XX Premio Literario Ánxel Fole, convocado pola Fundación Caixa Galicia e El Progreso de Lugo, polo traballo Lingua e estilo na obra de Manuel María.

2009
Edítanse as Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación.

2010
A Fundación Manuel María publica o poemario inédito Cecais hai unha luz, escrito en 1979, e mais un ensaio titulado Galiza, probabelmente confeccionado a mediados dos anos 80 do pasado século.

2011
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña edita a monografía de Miguel A. Mato Fondo Señardade da luz (a obra poética de Manuel María).

2012
Publícase o poemario Os lonxes do solpor, escrito en 1989. A edición consta dun limiar de Fernán-Vello, o disco Andando a Terra de Uxía e o vídeo De amor e cantería, con guión de Anxa G. Refoxo.

2013
Inaugúrase o 7 de setembro en Outeiro de Rei a Casa Museo Manuel María.

2014
Edítase a súa correspondencia entre 1951 e 1974 con Otero Pedrayo, da man de Xosé M. Sánchez Rei e Estefanía Mosquera Castro.

2015
A Fundación Manuel María edita unha escolma da súa articulística, co título Memoria da Terra. Prosa xornalística escollida.

2016
A editorial Galaxia publica unha Antoloxía poética preparada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, abrindo así unha necesaria fervenza de publicacións sobre o noso autor. A súa figura protagonizará o Día Das Letras Galegas con innúmeros actos e iniciativas por todo o país.