eu

eu
eu

luns, 16 de marzo de 2015

LOIS TOBÍO, TRADUTOR


O intelectual viveirense Lois Tobío Fernández (1906-2003) encarnou un galeguismo europeísta e universal, verdadeiramente antitético ao que a miúdo se nos presenta nesa visión tópica dos nacionalismos que hoxe tanto se estila, como doutrinas do exclusivismo e do desprezo por todo o alleo. Ben polo contrario, Tobío e moitos outros membros da súa xeración, a do Seminario de Estudos Galegos, demostraron por activa e por pasiva que só desde o amor e a identificación cordial co propio (lingua, historia, costumes...) se pode acceder á percepción, á comprensión e ao verdadeiro gozo do distinto, do foráneo, do alleo. Ser universal e universalista non é, non pode ser, renegar do particular e do propio, nin tampouco menosprezalo, senón proxectar ese particular e ese propio ao mundo e sobre o mundo, para o enriquecer. Desde esa perspectiva, amar, valorizar e coñecer a propia lingua, a propia terra, a propia cultura non é senón a chave mestra para amar, valorizar e coñecer tódalas demais.

O amor do galeguista Tobío polas linguas e o seu poliglotismo activo son síntomas clarísimos desta actitude aberta e autenticamente universalista de que fixo sempre gala, pois para el “o coñecimento dunha nova lingua é coma entrar nun mundo novo, coma ter outra vida” (Décadas de T.L., p. 343). Ao castelán en que foi educado polos seus pais e pola escola e ao galego dos seus amores, zugado desde o berce no Viveiro popular de comezos do século XX e na Compostela e arredores da Amaía dos anos 20, foi agregando durante a súa dilatada existencia o coñecemento e o cariño por outras moitas linguas: o francés, o alemán, o portugués, o búlgaro, o catalán, o inglés, algo de checo, algo de ruso... Nas súas Décadas deixou reflectida a decepción que o embargou por non ter disposto no transcurso da súa vida académica de bos profesores na lingua de Roma, “pois non sei o que hoxe daría por poder ler en latín de corrido a Tácito u Ovidio” (Décadas, p. 81).

A súa intensa experiencia viaxeira, quer como estudante, quer por razóns do traballo como diplomático, quer polos avatares penosos da súa traxectoria cívica de republicano e galeguista exiliado após a guerra incivil, quer, en fin, por puro pracer, espertou nel unha especial sensibilidade cara á diversidade cultural e cara ás linguas en que aquela, efectivamente, asenta e se manifesta.

En 1926, contando tan só vinte anos de idade, o mozo Tobío atreveuse a impartir no Seminario de Estudos Galegos un curso de Fonética Galega, “en comparanza coa dos demais idiomas peninsuares”, segundo reza a nota que a tal respecto inseriu o boletín ourensán Nós (nº 35, 15.11.1926). No verán de 1928, para celebrar a súa licenciatura, Tobío pasou na Guarda uns días na casa do seu amigo e compañeiro de estudos Xoaquín Sobrino e aproveitou a ocasión para visitar por vez primeira Portugal. Alí, segundo confesará máis tarde, sentiuse como na súa casa, “pero nunha casa enriquentada, en que as cousas dadoito estaban como enlevadas, dignificadas, a comezar pola fala. Vía como a miña pobre fala, desdeñada, esquecida pola nosa burguesía e señorío, botada do mundo oficial e do ensino, tiña alí status senlleiro e total con todos os beneficios e vantaxes que lle cumpren. E, xa que logo, sentía vergonza, envexa e mágoa polo que na miña terra pasara. Pero dábame certo consolo saber que, gracias a Portugal, nel e noutras nacións espalladas polo mundo se tiña salvado a antiga e nobre lingua dos meus” (Décadas, páx. 194).

O seu coñecemento do alemán foi moi profundo. Comezou a adquirilo cando adolescente en Compostela, da man dos profesores José Arbaiza Basoa, Marcial Rodríguez Cebral e Emil Blechmann. Nas Décadas explica a este respecto (páx. 117): “Ademais matriculeime no curso de alemán pois, anque só era obrigatorio para os que seguían medicina, coidei interesante coñecer unha lingua coma esa xa que tiña ocasión. E esta decisión que tomei un pouco á lixeira e sen moito pensar, por sport, coma se dicía entón, ha ter grande importancia na miña vida”. Tobío perfeccionou definitivamente o seu alemán durante a súa estadía en Berlín no curso 1929-1930. Nesa cidade, que fervía daquela política e socialmente, nos prolegómenos do ascenso ao poder das hostes hitlerianas, coincidiu e conviviu con Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía), Francisco Ayala, José Canedo, Corpus Barga e Vicente Risco. Do seu saber sobre a lingua teutónica valeuse, xa nos anos 30, Emile Skézely, futura esposa de Salvador de Madariaga, para dar cumprido cabo a unha tradución da obra de Hans Fallada (pseudónimo de Rudolf Ditzen, 1893-1947) intitulada Kleinner Mann, was nun?, traducida para o español como ¿Y ahora qué?.

Canto ao francés, aprendido na escola desde neno, foi idioma empregado acotío por Lois Tobío no seu labor diplomático, tanto en Bulgaria como, xa durante a guerra incivil, noutros países da área mediterránea. Como veremos, Tobío foi un namorado da literatura francesa, desde François Villon (en homenaxe a esta figura medieval bautizou unha sección súa no xornal de Montevideo El Día co rótulo de “Nieves de antaño”, inspirado nun verso seu), ata os decadentistas decimonónicos finiseculares todos (Baudelaire, Rimbaud, Verlaine...).

Na capital búlgara, Sofia, tratou moitos xudeus sefardís (descendentes daqueles expulsados no século XV da Coroa de Castela pola raíña Isabel a Católica) e mercou libros escritos nese arcaico castelán, aínda que acabaron perdéndose nas reviravoltas da guerra do 36. Tamén durante a súa estadía en Bulgaria, Tobío, segundo as súas propias palabras, “no desexo de coñecer máis a fondo aquel pobo e tamén por curiosidade intelectual”, púxose a aprender o búlgaro e tratou a varias escritoras nesa lingua, como Dora Gabé e maila autora de O eterno e o sagrado (Vechnata i svyatata), Elisaveta Bagriana (1893-1991).

Á nómina de linguas que aprendeu aínda hai que engadir aínda o catalán que falaba a súa muller, María del Carmen (Melu) Soler, e o inglés aprendido durante a súa breve estadía como exiliado en New York e en Cuba, antes de recalar en Montevideo.

Loxicamente, Tobío aproveitou este seu dominio de diversas linguas de moi diversas maneiras. Fundamental foi, por exemplo, o seu saber do alemán e o francés para aprobar a oposición de ingreso na Carreira diplomática, en 1933. Valeulle tamén, profesionalmente falando, para entrar a traballar, en 1947, no departamento de publicacións e propaganda da casa farmacéutica “Roche” (para facer traducións desde e/ou para francés, inglés e alemán), e algún tempo despois, acceder a un posto de tradutor na ONU, ao que non obstante renunciaría axiña. Cando foi xubilado pola “Roche”, en 1973, dedicouse durante medio ano a facer traducións de índole comercial, ata que puido reingresar na carreira diplomática.

As traducións foron actividade e complemento económico fundamental para Tobío poder afrontar as cruezas e intemperies do duro exilio americano, após o tráxico 36.

En 1939 emprendeu en Cuba a tradución da Teoría del Estado (Staastslehre) de Hermann Heller (1891-1933), profesor seu en Berlín durante a súa estadía como bolseiro da “Junta de Ampliación de Estudios” na Universidade alemá. Este labor, que en palabras do propio Tobío “constituía para min un grande gozo intelectual”, concluíu en 1942 e foi editado en 1943 no Fondo de Cultura Económica mexicano, sendo obxecto aínda hoxe de constantes reimpresións (en 1987 ía pola duodécima, hoxe debe superar a vixésima...).

Tamén traduciu desde o alemán para a editorial bonaerense NOVA, moi vencellada á figura de Luís Seoane, varios discursos de contido anti-hitleriano e anti-nazi (“Escoita, Alemaña”, outras veces traducidos como “Alemáns, oíde”) do escritor e premio Nobel de Literatura (1929), Thomas Mann (1875-1955), autor de ben coñecidas obras como A montaña máxica (Der Zauberger) e Morte en Venecia (Tod in Venedig).

Pro pane lucrando realizou o noso Lois en Uruguai, durante os seus longos vinte anos de exilio nese país do Plata, algunhas traducións do inglés e do alemán para o español, con destino á Editorial Sudamericana bonaerense. Asinou, deste xeito, a tradución do Narziss und Goldmund, de Hermann Hesse (1877-1962), premio Nobel de Literatura (1946). Como é sabido, trátase dunha novela de forte pegada autobiográfica e introspectiva, editada orixinariamente en 1930, que desenvolve as vidas paralelas de dous seminaristas medievais, Narciso e Goldmundo, de personalidades en moitos aspectos antitéticas. Desde 1976, esta tradución de Tobío figura no catálogo da casa editora Edhasa, de Barcelona. A novena reimpresión, na colección Pocket, nº 18, data de novembro de 2002.

Tamén saíu da pluma do noso autor a tradución de The Nephew, obra editada en 1961 polo novelista norteamericano James Purdy (n. 1927), famoso no seu tempo por introducir a temática da homosexualidade masculina nos seus textos e por ofrecer unha visión moi crítica da sociedade.

Tobío verteu para o español, igualmente, cos títulos de La juventud del Rey Enrique IV e La madurez de Enrique IV, as dúas partes da biografía novelada do monarca Henrique IV (o instaurador da dinastía dos Borbóns no solio francés) feita por Heinrich Mann (1871-1950), irmán do autor de Morte en Venecia. Ambas novelas foran publicadas orixinariamente en 1935 e 1938, respectivamente, e están accesíbeis para o lector hispano desde 1998 na xa citada colección Pocket de Edhasa, números 123 e 124, respectivamente.

Así mesmo, como tivo ocasión de demostrar na súa tese de doutoramento sobre Tobío o investigador Francisco Maseda, que puntualizou e corrixiu nela erros dun artigo da nosa autoría, foi Tobío responsábel da tradución publicada pola editora Hermes arxentina en 1963 dunha das obras do profesor da Universidade de Georgetown, Carrol Quigley (1910-1977), La evolución de las civilizaciones.

Alén destas traducións de índole estritamente literaria, Tobío afrontou a de senllos volumes de divulgación histórica, The Life of Greece (=Vida dos gregos) e Caesar and Christ (César e Xesuscristo), ambos do estadounidense Will Durant (1885-1981) e mais a do libro The Man of the Renaisaance (=O home do Renacemento), de Ralph Roeder (n. 1890).

Todos estes traballos valéronlle a Tobío constantes eloxios dos principais críticos literarios porteños da época, como J. L. Borges, Bioy Casares, Victoria Ocampo ou Rodríguez Monegal, mais tamén suscitaron algúns avatares desagradábeis. Así, a tradución das citadas novelas de H. Mann foi alterada e retocada posteriormente por ditado do editor sen a pertinente autorización de Tobío, e, como el propio relatou nas Décadas (p. 518), a súa tradución do Narciso e Goldmundo hessiano resultou descaradamente plaxiada en México por certo autor, que procedeu “mudando tamén algunhas frases e palabras e dándoa como sua”.

A motivación basicamente económica das traducións hispanófonas que Tobío realizou para diversas editoras durante o seu exilio uruguaio, ás que vimos de nos referir, está totalmente ausente nos seus traballos de vertido para o galego (“mi lengua natural, cultural y fundamental”, segundo lle contesta ao xornalista Carlos García Bayón nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia en xullo de 1991) dunha serie de textos emblemáticos de diversas literaturas europeas (alemá, inglesa, francesa...).

Efectivamente, foi este un labor arduo, paciente, constante, xeneroso e altruísta, co que o intelectual viveirense quixo emprestar un servizo fundamental, outro máis, á causa da dignificación do noso idioma e á tarefa de modernización das nosas letras, posibilitando o seu diálogo coa matriz literaria europea. Constanza Tobío Soler, a súa filla, ten escrito nalgunha ocasión que esa actividade de poñer en galego textos dos máis importantes escritores europeos foi “fonte para el de enorme pracer, á vez que cargada de intencionalidade en canto achega á cultura galega” (Galicia Hoxe, Santiago, 11.3.2004).

Que o noso autor coidaba que moito do prestixio do galego se xogaba na súa capacidade para asimilar o melloriño da literatura feita no Vello Continente ponse ben de manifesto no arroubo e admiración con que fala nas súas Décadas (páx. 164) da pioneira tradución dalgúns fragmentos do Ulysses (1922) de James Joyce (1882-1941) - para moitos, a novela que inicia tecnicamente a narrativa contemporánea- feita por Otero Pedraio en 1926 e publicada no boletín ourensán Nós.

En 1946 e desde Montevideo, Tobío envía unha colección de poemas ingleses e franceses traducidos para galego ao certame convocado pola Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, co gallo de se cumprir o vintecinco aniversario da fundación desta entidade referencial da nosa colectividade emigrada en Bos Aires. Coma el fan o propio con senllas coleccións de poemas tamén traducidos outros dous galeguistas exiliados, o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, desde México, e o corcubionés Plácido Ramón Castro del Río, desde Inglaterra. A citada Federación reuniría finalmente estes traballos (57 en total, dos cales 24 corresponden a Plácido, 13 a Gurriarán e os restantes a Tobío) no volume Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, Buenos Aires, 1949), que foi reeditado pola Editorial Galaxia de Vigo en 2005, co patrocinio da Fundación CaixaGalicia.

No limiar que o propio Tobío redixiu (e non Arturo Cuadrado, como se ten dito algunha vez) para o volume que nos ocupa, fican expresadas con claridade meridiana as coordenadas desde as que cumpría entender e acoller unha obra desas características. A lingua e a literatura galegas benefícianse do contacto con outras, pois, son palabras tobianas, “os aires de fora limpan, refrescan, renovan. A voz de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia”. O labor tradutor, duro e difícil, resulta non obstante sumamente frutífero, tanto para o escritor que o emprende como para a lingua á que verte as producións foráneas. Mercé a traducións como as que no volume se recollen, conclúe Tobío, “o alleo é agora noso”.

Na nómina de autores que Tobío traduce para galego figuran os románticos “lakistas” ingleses Shelley (1792-1822), Keats (1795-1821), Tennyson (1809-1892) e Longfellow (1807-1882) e os “decadentistas” e pre-vangardistas franceses Charles Baudelaire (1821-1867), Paul Verlaine (1844-1896), Paul Bourget (1852-1935), Arthur Rimbaud (1854-1891), René Laporte (1905-1954) e Louise de Vilmorin (1902-1969).

Non pode sorprender este profundo e variado coñecemento da poesía inglesa e francesa do século XIX en Tobío, pois el mesmo se ten referido á intensidade con que as lía durante diferentes momentos da súa traxectoria vital. Así, na súa adolescencia e mocidade, en tempos do Seminario de Estudos Galegos, acontecía que “eu lía tamén daquela moita poesía galega, castelá, francesa e mesmo catalana: Maragall, o “Himne ibèric”, “La vaca cega”. Despois de varios anos cos románticos, na adolescencia, Zorrilla, Espronceda, o meu Pastor Díaz, Lamartine e Musset, eran agora meus compañeiros cotiáns os modernistas, Rubén, os poetas malditos, máis ca nada Verlaine (Ai, Verlaine!). Adoitaba ler a poesía en voz alta para gustar da sua música, mesmo diante de amigos, en pequenos recitais caseiros. Deste xeito cheguei a saber de memoria moitos poemas” (Décadas, p. 161). Así tamén durante a súa estadía como diplomático en Sofia (Bulgaria): “Podo dicir que endexamais estiven tan mergullado coma entón na literatura francesa do momento: Claudel, Morand, Giradoux, Montherland, Maurois, Mauriac... e o patriarca Proust eran a miña compaña diaria, xunto cos poetas malditos, nunca esquecidos, e, dos recentes, a condesa de Noailles e o gran Valery” (Décadas, p. 339).

Tobío verte para o idioma galego, igualmente, algunhas das xoias das letras alemás, das que adquirira os primeiros exemplares xa en 1930, cando vivira en Berlín. Así os Sonetos a Orfeu (Die Sonette an Orpheus) do escritor checo en lingua alemá Rainer Mª Rilke (1875-1926), publicados polas Ediciós do Castro en 1980 e reeditados en edición da benquerida amiga Marga Romero pola “Biblioteca Galega de Clásicos Universais” que promoveu o xornal coruñés La Voz de Galicia, facendo o seu volume 31.

Tamén fai Tobío a versión para galego (nun galego, conste, repleto de modismos típicos da fala popular da Terra de Viveiro, como alpuxarra, abitar, etc.) da peza Nai coraxe e máis os seus fillos, de Bertold Brecht (1898-1956), publicada polas Ediciós do Castro en 1987. Editada orixinariamente en 1941 e ambientada nas guerras de relixión centroeuropeas de mediados do século XVII, constitúe esta obra, como é ben sabido, un dos cumios do teatro político e antibelicista universal, pola contundencia con que denuncia os males da guerra e amosa a inversión de valores que esta leva sempre aparellada.

Despois de que Otero Pedraio fixese os primeiros intentos, é Lois Tobío quen culmina final e felizmente a ciclópea tarefa de traer para a nosa lingua o monumental Fausto de Goethe (1749-1832), tirado do prelo pola casa Laiovento, de Francisco Pillado, en 1997, merecedor do Primeiro “Premio de Tradución Plácido R. Castro” (2002) e reeditado tamén na xa citada “Biblioteca Galega de Clásicos Universais” (volume 10).

Cónstanos, por último, que tamén traballou Tobío na tradución para o galego das Elexías de Duíno, de Rilke, mais ao coñecer por indicación nosa, durante unha conversa polas rúas de Viveiro dun xa afastado agosto de 1996, a edición da obra que Jaime Santoro de Membiela preparou e editou en 1995 na “Espiral Maior” de Fernán-Vello, decidiu gardar o seu traballo no caixón, nun enésimo acto de humildade e de “diplomacia” pola súa parte...

sábado, 7 de marzo de 2015

UN CAMBADÉS AFRANCESADO QUE ABOLIU A INQUISICIÓN E TRADUCIU OBRAS DE VOLTAIRE: PEDRO PABLO BAZÁN DE MENDOZA (1758-1835)

Antigo Pazo dos Bazán en Cambados

A invasión napoleónica da Península en 1808 foi vista por unha minoría culta, enciclopedista e de ideas reformistas, ansiosa de mudanzas no statu quo despótico (aínda que tamén, en boa medida, temerosa dos "excesos" da Revolución francesa), como a grande oportunidade que o reino de España agardaba para emprender a súa definitiva modernización. Por tal motivo, a despeito de ser acusada de ‘antipatriota’, decidiu a colaboración cos novos mandatarios, encabezados polo monarca Xosé Bonaparte (1768-1844), irmán de Napoleón, axiña alcumado polos seus opositores como "El Intruso" ou como "Pepe Botella".

Entre eses poucos, mais significativos, ‘afrancesados’ (Javier de Burgos, Lista, Leandro Fernández de Moratín, Meléndez Valdés e, máis de noso, o marqués de Sargadelos, Lucas Labrada, etc.) destaca un clérigo e xurista cambadés de nación, Pedro Pablo Bazán de Mendoza (1758-1835).

A historiografía, nomeadamente a producida inmediatamente despois da "francesada" e, logo máis tarde, a editada durante o franquismo, fixo que a súa figura, rea de colaboracionismo cos “gabachos”, de hostilidade manifesta contra a Inquisición e contra o Arcebispado compostelán e de volterianismo en materia clerical, fose vítima quer de "décadas e décadas de silencio", como denunciou no seu día Alonso Montero, quer de ataques sen compaixón, de xeito que calquera aproximación que se faga hoxe tomando pé neses estudos máis ben sectarios conduce, por regra xeral, á obtención dun retrato que resulta execrador e deformante do persoeiro.

Xa o liberal Murguía no seu Diccionario de Escritores Gallegos (Imprenta de Compañel, Vigo, 1862, páxs. 112-113) chamou a atención sobre o carácter abertamente calumnioso de moitas das mencións ou referencias historiográficas que caían sobre a memoria de Pedro Pablo Bazán. En concreto, molestaba o ánimo do historiador galego un parágrafo que o Conde de Toreno dedicara ao Bazán na súa Historia de la guerra de la Independencia, en que se afirmaba que Pedro Pablo "y otros cuantos de la misma lechigada cometieron muchas tropelías y defraudaron plata y caudales". Nesta perspectiva, non está de máis reproducir os argumentos con que Murguía matizaba a mala imaxe do cambadés e relativizaba as acusacións que contra el se tiñan vertido:

"No necesitaba reunir en sí tantos cargos [durante a ocupación napoleónica], para ganarse el enojo y rencor del pueblo, que le odiaba como á todos aquellos españoles que siguieron el partido francés: antiguos y poderosos enemigos, tan poderosos como encarnizados, hicieron más grave su falta á los ojos de todos, y la agrandaron, cuando puede decirse que ellos mismos le arrastraron á tan lamentable estremo! No vamos á defenderle, porque para nosotros el más triste de los estravíos es aquel que nos lleva al lado de los enemigos de la patria, pero seríamos injustos sinó señalásemos algunhas de las causas que tan decididamente contribuyeron á apartarle de la senda que en tales caso debe seguir todo varón de noble y generoso aliento. Achaque que aun hoy dura, fué a principios del siglo, el apellidar ateos y volterianos á todos aquellos que ya por carácter, ya por demasiada instrucción, ya también porque deseaban vivamente el que se planteasen en España las reformas políticas que se habían llevado á cabo en el vecino imperio, osaban apartarse de la común corriente, y defender con tanta acritud como peligro, sus opiniones. Tales pequeñeces, más pequeñas todavía por el estrecho círculo en que se agitaban, eran sin embargo, el principio de un general trastorno, y los que lo temían lo mismo que los que le deseaban, estaban empeñados en una guerra sorda, cruel, implacable, que empezaba por la difamación y concluía por un odio eterno y creciente. Nuestro Bazán fué uno de los que más tuvo que luchar, y por unas décimas que hemos visto manuscritas en que este escritor se defiende de la nota de ateo y de irreligioso, con que le tildaban sus enemigos, se viene en conocimiento de lo que debió padecer en semejante lucha, tanto más dolorosa, cuanto menor era el mérito de sus adversarios".

E concluía Murguía: "Harto caro pagó este estravío, teniendo que llorarlo en las apacibles aunque estrañas riveras de un río estrangero!".

Para mostra desa teimuda campaña que contra Bazán se levantou e perviviu durante décadas, varios botóns. Manuel Castro López, no seu Almanaque Gallego bonaerense, emitía en 1922 o seguinte xuízo sobre a conduta bazaniana:

"Por su ascendencia y por sus propios méritos estaba el Dr. Bazán de Mendoza, como lo estaban los demás afrancesados de 1808, llamado a dirigir al pueblo en contra de la descarada acometida de Napoleón I; pero en vano (...) ¡Duro castigo recibió de haber ayudado a la iniquidad el Dr. D. Pedro Bazán de Mendoza! Bazán de Mendoza amaba a la Patria; y ¿habrá algo más triste para un patriota que verse en la precisión de abandonarla, por ella maldecido, que es serlo por la madre, y precisamente porque caía, y con razón, el Ejército extraño que la había oprimido?".

Pola súa vez, Fernández-Villamil, na súa Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, elaborada a partir de materiais xuntados polo presidente do “Seminario de Estudos Galegos”, Salvador Cabeza de León, e editada en tres tomos polo Centro Superior de Investigaciones Científicas en 1946, en pleno fervor do nacional-catolicismo franquista, refírese ao heterodoxo intelectual cambadés como “el renegado Bazán” e dedícalle expresións como a de “famoso y turbulento personaje”, “promovedor de los más ominosos enredos en la época de la invasión napoleónica”. Acúsao, así mesmo, de ter “carácter borrascoso”, “corazón vanidoso y roído sordamente por el despecho”, de ser home de “descarada e incontenible ambición” que “se distinguía siempre por sus iniciativas y carácter ganoso de notoriedad y esplendor personal”, de comportarse en todo con “pedantería y altanería excesiva”, con “enorme vanidad e indisciplina” e de ser “amigo de la notoriedad, tendente al dominio” e “monomaníaco de grandezas”.

Idéntico xorne, ou só lixeiramente matizado, teñen certas alusións a Pedro Bazán que plasman tanto o ex-policía e cronista da vila do Albariño, Caamaño Bournacell (que foi quen atopou e publicou o 12 de outubro de 1950 a partida de nacemento que daba fé da condición de cambadés do noso persoeiro), como o erudito eumés Couceiro Freijomil no seu Diccionario de Escritores (Bibliófilos Gallegos, Santiago, 1951, Tomo 1). Couceiro xustificaba a feroz animosidade que contra Pedro Pablo se desatou na Compostela da súa época con estas palabras: "Todo ello era fuerza que le acarrease no pocas odiosidades - fomentadas por su proceder nada correcto -, que, si acalladas en un principio, habían luego de manifestarse ostensiblemente" (páx. 136).

Máis próximo aos nosos días, Varela Jácome, moito máis ponderado nas súas apreciacións que os autores antecitados, considerou a Pedro Pablo Bazán na súa Historia de la Literatura Gallega (Porto & Cía, Santiago, 1951) "el personaje más singular de la literatura gallega de principios de siglo [XIX]" e sinalará, ademais, que "es importante, sobre todo, su labor de traductor".

Unha lectura actual e sen prexuízos da súa traxectoria, da súa obra e do seu pensamento, como a que teñen realizado os profesores Barreiro Fernández e Barreiro Somoza desde unha perspectiva netamente historiográfica en múltiples traballos, Xesús Alonso Montero desde a reivindicación da súa actitude crítica e volteriana (cf. "Pedro Bazán de Mendoza: outro silenciado", Faro de Vigo, 21.8.1981), ou, en datas máis recentes, nas páxinas da edición arousá do Faro de Vigo, Luís Rei, reclamando con xustiza que Cambados lembre no rueiro este seu heterodoxo fillo ilustre, debería servir para diluír e equilibrar esas tinturas, tan escuras, con que foi trazado acotío o retrato de Pedro Pablo Bazán. Pola nosa banda, achegamos agora algunhas liñas coa finalidade de espertar novo interese e renovadas curiosidades sobre esta controvertida figura.

Do berce ao foro

Naceu o noso intelectual no seo dunha estirpe nobiliaria asentada cando menos desde o século XVI en terras arousás, con posesións e xurisdiccións diversas en Cambados, San Miguel de Deiro, Cores, András, Tremoedo, Vilanova de Arousa e Rianxo, mais con raíces remotas no val navarro de Baztán, de onde procede o propio apelido.

Pazo dos Bazán en Cambados, en 1947
O noso autor veu ao mundo o 22 de xaneiro de 1758, concretamente no seu pazo cambadés, erixido no século XVII polo seu devanceiro Pedro Bazán de Torres e que ocupaba o solar onde hoxe se ergue o Parador de Turismo, en pleno Paseo da Calzada cambadés. Despois dunha vida atribulada, como veremos, rendeu os seus días no duro exilio parisino, en 1835. Unha súa irmá, Luísa, casada con Juan José Pardo, será bisavoa da Condesa de Pardo Bazán, a coñecida autora de Los pazos de Ulloa.

Pedro Pablo fixo estudos primarios en Cambados e no colexio beneditino de San Xoán de Poio, conseguindo o título de bacharel en Leis en 1776 (daquela imprescindíbel para ser avogado), a licenciatura en 1781 e o doutoramento en 1782, o mesmo ano en que accede á presidencia da “Academia de Cánones y Leyes” da Universidade compostelá.

Instalado logo na Corte madrileña, como tanta outras ponlas da mocidade fidalga galega da época á procura de cargos e prebendas, ingresou da man do monarca ilustrado Carlos III no posto de censor e fiscal da "Academia de Derecho Público” cun discurso sobre asuntos diplomáticos (concretamente sobre as relacións comerciais e políticas coa Porta Otomana, isto é, Turquía) e, en 1788, ascendeu á categoría de asesor do “Consejo Real”. O cambadés móvese, pois, nos círculos que asesoran e executan a política despótica, aínda que ilustrada, do citado Borbón.

Con todo, a non obtención dunha cátedra nunha institución educativa madrileña (os "Reales Estudios de San Isidro") e a subida ao trono de Carlos IV, polo que disque sentía nula simpatía, semellan estar detrás da decisión do noso autor de poñer punto e final á súa estadía na capital do devalante Imperio hispánico, regresar a Galiza e tentar facer parte do Claustro universitario en que se formara algúns anos antes.

Un activo claustral, inconformista e contestatario

Desde 1789 hai novas da actuación de Pedro Pablo Bazán, rodeada acotío de controversia, no seo da institución compostelá. Os seus enfrontamentos co reitor Andrés Acuña y Malvar (Salcedo, Pontevedra, 1757-Artes, Ribeira, 1845), arcediano do Salnés, son constantes e págaos vendo como se prohibe que se difundan e discutan na institución universitaria as propostas e conclusións dun informe crítico da súa autoría, en que tomando pé nas doutrinas de Rousseau (Contrato social, Emilio, Discurso sobre a desigualdade, etc.), postulaba a idea de que o plano de estudos, tal e como estaba concibido, resultaba perfectamente inútil...

En outubro de 1799, Pedro Pablo interrompe intempestivamente a clase maxistral do doutor Vales Bahamonde, co que xa tivera anteriormente un incidente sobre o dereito a presidir unha xuntanza. Iso cústalle a suspensión temporal do dereito a voto no Claustro. En resposta á medida, Bazán organiza un paseo en burro desde Santiago ata Padrón, colocando no animal, a xeito de entroidada irreverente, diversas insignias doutorais e universitarias. O escándalo subseguinte deixa abesullar, como ningunha outra anécdota, as tensións que abalaban a clasista, escolástica e resesa Universidade compostelá perante os novos ventos de cambio que percorrían a sociedade, a ciencia e o pensamento en toda Europa.

Ao lado destas manifestacións de rebeldía diante do statu quo reinante na Universidade galega, achamos outras que demostran, a pouco que se deixen de lado visións preconceptuosas, o carácter activo e, no fondo, honestamente preocupado e comprometido de Pedro Pablo Bazán coa institución. Así, en 1798 fai parte da “Mesa Censoria de Actas” en representación da Facultade de Leis e integra a delegación de doutores que recibe e agasalla o novo arcebispo compostelán, Felipe Fernández Vallejo. Pola mesma época encárgaselle precisamente a el que elabore un proxecto de reforma dos trámites para a obtención do grao e do doutoramento, ata entón farragosos e cheos de inútil pompa. O obxectivo do Plan que Bazán elabora é facer que eses actos e trámites sexan “más dignos de la Universidad y de la expectación pública”. Como bo ilustrado, quería que todo resultase claro, ordenado e serio, de maneira que propón, por exemplo, eliminar certos rituais como que o graduando tivese que saudar ao Decano da Facultade correspondente cunha xenuflexión, cousa que, ao seu ver, resultaba “impropia de un acto que nada tiene de sagrado”.

Conspirando pola reforma

É ben sabido que as universidades, hexemonizadas historicamente polo estamento clerical (ser cóengo era requisito imprescindíbel para poder ostentar o cargo de Reitor, por exemplo), constituíronse a partir de 1780 en auténticos baluartes antirreformistas. No seu seo librouse un férreo combate contra as ideas da Franza revolucionaria e o propio ministro hispano Floridablanca chegou a prohibir a saída de estudantes a Universidades estranxeiras, ademais de estabelecer unha ríxida censura de libros e folletos con pé de imprenta transpirenaico.

A medida que a situación política hispana se ía deteriorando nos primeiros compases da centuria decimonónica (derrota de Trafalgar, tratado de Fontainebleau, motín de Aranjuez...), medraba na Universidade o esforzo dos sectores pro-absolutistas por impedir o crecente “contaxio” liberal e a imparábel difusión de doutrinas empiristas e antiescolásticas. Como estes sectores inmobilistas cortocircuitaban a posibilidade do debate de ideas dentro das facultades, florecerán extramuros outro tipo de entes que, dentro dos límites que impuñan as circunstancias, non se pechaban en banda ás novidades e á heterodoxia: tertulias, academias, algunhas “Sociedades de Amigos del País”, os primeiros "papeis periódicos"...

Pazo de San Xerome, en Compostela
Neste contexto, o cambadés Pedro Pablo Bazán intenta articular e espallar os seus ideais de reforma universitaria e política. Durante o reinado de Carlos IV, constitúe en Compostela un grupo xunto cos profesores José de la Vega e González Varela, o bibliotecario de orixes viveiresas José Pedrosa e o tesoureiro Vicente José de Neira. 

O cenáculo reúnese no colexio de San Xerome (na praza do Obradoiro, actual Reitorado) para ler e discutir as obras e as anovadoras ideas (soberanía nacional, división de poderes, separación Igrexa-Estado...) de autores e filósofos que estaban sinalados como prohibidos: Locke, Adam Smith, Rousseau, Condillac, Montesquieu, Voltaire... O seu obxectivo fundamental e inmediato non é outro que reformar a Universidade, comezando pola loita contra un dos elementos básicos do inmobilismo da institución: o sistema de dotación de cátedras.

En 1801, cando conta corenta e tres anos de idade, o propio Pedro Pablo logra acceder a unha delas, a de Institucións Civís, e participa activamente na “Sociedad de Amigos del País” compostelá. O seu prestixio dentro e fóra da Universidade medra sen cesar e as súas conviccións resultan insubornábeis, o que exaspera aos seus inimigos, a cada máis numerosos, dentro do Claustro.

En 1806, en calidade de inspector, non dubida en elaborar un informe desfavorábel á continuidade como mestre de cerimonias na Universidade santiaguesa de Fernando Rey Andrade, por estimalo “muy inepto y descuidado”. No mesmo ano emite tamén un informe sobre a pertinencia dunhas reclamacións salariais presentadas polo catedrático de Cirurxía, Marcos Marín. En 1807 adquire a condición de catedrático de Historia do Dereito e preside a comisión encargada da aplicación do plano de reformas elaborado polo Marqués de Caballero. Ademais, con data de 5 de setembro dese ano encabeza un documento en que se solicitan melloras salariais para os catedráticos e se defende como medida para un mellor financiamento da Universidade a detracción á Igrexa de determinados fondos pecuniarios.

Culminando dalgunha maneira esta espiral en que a súa persoa se significa dentro do Claustro compostelán como referente das ansias de reforma e azoute dos corruptos e dos inmobilistas e clericalistas, entre decembro de 1807 e abril de 1808 o cambadés integra a comisión creada ad hoc para investigar un roubo de caudais por valor de 80.000 reais de vellón acontecido na Universidade. Cando Bazán semella ter identificados os autores do latrocinio, recibe un escrito do reitorado que lle comunica que o seu posto na devandita comisión pasará a ser desempeñado polo Marqués de Santa Cruz de Ribadulla... Corren rumores xa pola Península relativos ao avanzo de tropas francesas de Napoleón sobre a capital hispana.

Napoleón Bonaparte
Un bonapartista na Compostela de 1808

Apenas coñecida en Compostela, en maio de 1808, a designación do xeneral Murat, duque de Berg, como lugartenente xeral do Reino, en calidade de xefe supremo das tropas napoleónicas invasoras, a cidade dividiuse entre a minoría que saudou con ledicia a nova e a maioría que se lanzou a axitar as bandeiras do Trono, do Altar e da Independencia patria para se opor aos novos mandatarios.

Entre ese minoritario sector “afrancesado” ou “xosefino” figura, en lugar moi sinalado, Pedro Pablo Bazán, quen na compaña dos catedráticos José de la Vega e González Varela dirixe unha carta de felicitación ao citado duque de Berg. Algúns alumnos declararían posteriormente que o catedrático cambadés ameazara neses días con que negaría a certificación de curso (=aprobado) a quen dixese que os exércitos franceses “tenían otras intenciones que las de amistad y nuestra propia felicidad”.

O envío da tal misiva desencadea de inmediato un proceso fulminante contra el e os demais asinantes, que desemboca na súa expulsión da Universidade, na privación das respectivas cátedras e na incautación dos seus bens. Bazán foxe e agóchase, creando un curioso problema "burocrático": o secretario da Universidade formula por escrito o 29 de decembro de 1808 a pregunta de se debía admitir ou non as matrículas dos alumnos da cátedra de Dereito Español que rexentara Bazán, pois este, no rebumbio daquela hora, deixara sen cubrir as correspondentes certificacións. A Xunta de Goberno universitaria acordou remitir o listado deses alumnos a Bazán, “donde quiera que estuviere”, para que certificase se efectivamente “gañaran” ou non (así se dicía no argot escolar daquel tempo) o pasado curso...

Mudan as tornas: Bazán nas cúspides do poder

O 9 de xaneiro de 1809, as tropas de Napoléon farán a súa entrada triunfal en Compostela, ao mando do xeneral Marchand, e permanecerán na cidade ata o 23 de xuño do mesmo ano. Os militares ocupantes botan man dos “afrancesados” locais (comezando polo catedrático Sánchez Boado Fraguío, que será designado alcalde e xefe da Milicia Honrada) para as tarefas de xestión e goberno, resultando así que o cambadés Pedro Bazán pasa a exercer diversos cargos de moita relevancia: director xeral da Policía de Santiago e Provincia, inspector e censor rexio da Universidade, intendente honorario da Provincia, intendente dos Exércitos, xuíz de imprenta, superintendente de Postas e Correos...

Na Universidade, moitos edificios son postos ao dispor das tropas ocupantes, para o seu uso como hospitais e cuarteis, e estabelécese a obriga de xurar fidelidade ao rei Xosé Bonaparte para continuar exercendo a docencia. O 21 de xaneiro son repostos nas súas cátedras González Varela, J. de la Vega e o noso Bazán, ao que se lle concede ademais dispensa para atender o desempeño dos cargos públicos que ostenta.

Entre as moitas e variadas medidas de goberno que adopta o cambadés durante o período de ocupación de Compostela polas tropas napoleónicas merece destacarse, pola relevancia que ten para entender a mala prensa e hostilidade que o acompañarán xa de por vida e o tratamento feroz que lle dispensará a historiografía oficial hispana posterior, como xa explicamos, a súa orde de supresión do Tribunal do Santo Oficio da Inquisición compostelán, que se acompañou co apreixamento de todos os inquisidores, coa incautación e libramento dos libros prohibidos que aqueles retiñan e coa reconversión do propio edificio do Tribunal (sito no solar que hoxe ocupa un coñecido hotel, na Praza de Galiza compostelá) para servizo e avituallamento das tropas napoleónicas.

Ademais, Bazán ordena confiscar os bens daqueles individuos que se manifesten rebeldes á autoridade do novo monarca, como é o caso do entón arcebispo de Compostela, o navarro Rafael de Múzquiz y Aldunate (1747-1821), que foxe disfrazado da cidade, permanece agochado durante semanas en Vilaxoán de Arousa e embarca finalmente desde Ogrove, en febreiro de 1809, rumbo a Lisboa.

Bazán intenta, así mesmo, embora sen éxito, que se celebre con normalidade a Semana Santa de 1809. Condena mediante bando emitido o 23 de abril ao clero alzado en armas, e, con senllos bandos emitidos o 12 de febreiro e o 6 de abril, respectivamente, fai todo o posíbel para que que se reanude a actividade académica na Universidade. O boicot do profesorado “fernandino” e “patriota”, por unha banda, e a ausencia do groso do estudantado, mobilizado militarmente no chamado “Batallón Literario” para loitar contra os invasores, por outra, frustran, así e todo, os seus desexos.

Tamén non lle axudan os excesos de todo tipo que comete a tropa francesa acantonada: o propio bibliotecario da Universidade, o tamén "afrancesado" José Pedrosa, tenlle que parar os pés aos soldados que pretendían incautar libros para alimentar as fogueiras coas que combater o frío daquel inverno compostelán...

Cómpre sinalar a circunstancia de que o posicionamento político de Pedro Pablo Bazán non deixou de ter amargas consecuencias no plano familiar e no círculo dos afectos amicais. O sobriño do noso autor, Miguel Pardo Bazán (Cambados, 1785-1842), na altura colexial de Fonseca, é un dos estudantes que se enrola no citado "Batallón Literario", cuxa historia novelou Cotarelo Valledor en senllas obras intituladas Palladis Tirones (1919) e La enseña radía (1921), respectivamente. Co tempo, Miguel ha de se significar como ardente liberal e ha de padecer, por ese motivo, como o seu afrancesado tío, as iras da represión ordenada polo monarca absolutista Fernando VII. Da mesma maneira, un bo amigo desde a mocidade do noso protagonista, o sacerdote e escritor Antonio Francisco de Castro (1746-1825), coñecido como segundo Cura de Fruíme, rompeu con el en 1808 e saudou a derrota dos "afrancesados" con diversas composicións literarias, como a silva "Galicia libre del yugo francés" ou o relato Glorias de Galicia en la guerra de la Independencia.

Xosé Bonaparte
Un folleto propagandístico ben revelador

Algúns historiadores sinalan que, no inicio do seu breve e tormentoso reinado, Xosé Bonaparte impulsou unha política intencionalmente conciliadora, buscando apoio entre figuras prestixiosas (velaí o seu ofrecemento ministerial a Jovellanos, que o rexeita) e mandando levar adiante unha intensa campaña publicística en que folletos, cartas e opúsculos debían servir para afirmar a súa lexitimidade como ocupante do trono e sinalar as presuntas avantaxes e méritos do seu labor gobernativo. Expoñente máximo desa campaña é o texto do Conde de Cabarrús intitulado Consideraciones de un español a sus conciudadanos.

Seguindo ese ditado bonapartino escribe e edita tamén o cambadés Pedro Bazán en abril de 1809, coa oportuna autorización do censor Felipe Sobrino Taboada (quen, por certo, había alegar máis tarde que foran as ameazas de Bazán as que explicaban a súa colaboración cos ocupantes franceses...), un folleto que se cita habitualmente como Carta a un patriota español, cando o seu verdadeiro título, algo longo pero moi significativo, é o de Carta circular, que escribe un Patriota español á sus Paisanos, procurando ponerles de acuerdo para que cese de correr la sangre, que inutilmente se está derramando en el día en toda la Península.

De sermos mal pensados, que neste caso debemos selo, non semella casualidade a manipulación evidente na mención do título do folleto por parte de certa historiografía de pendor “antibazanista”. Repárese en que, por unha banda, fica ocultado o desexo fondamente humanista (todo o demagóxico que se queira) que se manifesta no título orixinal, que indica unha actitude “conciliadora” que non casaría coa imaxe “maléfica” do cambadés. Por outra, nótese que se coloca o termo “patriota" como referido ao presunto destinatario da carta, cando en realidade é adxectivo que se autoaplica Bazán a si propio...

O folleto en cuestión está presidido pola máxima latina “Salus populi suprema lex” (=“a felicidade do pobo é lei suprema”) e nel o daquela intendente xeral da Policía compostelá, ademais de advertir sobre o caos e as tribulacións que sobrevirían de se retiraren os ocupantes franceses, aplaude determinadas medidas lexislativas do Bonaparte e ataca diversos sectores da opinión que eran contrarios ao novo rei.

Especialmente relevantes son as críticas que verte contra o papel histórico e a pervivencia do Tribunal do Santo Oficio da Inquisición, en liña coas que outro elemento liberal da Galiza decimonónica, o xornalista Manuel Pardo de Andrade, plasmará pouco despois nos versos do seu Os rogos dun gallego:

“Católico sin hipocresía ni fanatismo resuelto firmisimamente á morir en la Religión de mis Padres, quisiera que mi mano se valdase, y que mi lengua se enmudeciese antes de escribir ni de pronunciar palabra que la ofendiese, ni á los ministros sabios y virtuosos que la sirven y adornan entre nosotros [...pero] jamás podré persuadirme á que el posterior establecimiento del Tribunal de la Inquisición hubiese servido para dar ningún realce á la Religión, y si estoy bien seguro de que ha embrutecido sobre manera á la Nación; y obligando al Gobierno á dar imprudentísimas providencias, há contribuido no poco á su progresiva ruina [...] ¿Y en estos supuestos habrá alguno despreocupado que no bendiga la mano del Emperador que ha mandado abolir este Tribunal por decreto de 4 de Diciembre último?".

Bazán defende, na mesma liña, a xurisdicción exclusiva do Rei para perseguir e castigar delincuentes “sin valerse de medios tenebrosos” e “sin estar casi siempre persiguiendo á los literatos de primer orden”, así como o principio da separación de Igrexa e Estado, de xeito que “al Eclesiástico, como tal, solo le corresponde el servicio del culto, la explicación del Evangelio á los fieles, y su única Jurisdicción es la del confesionario. Demos á Dios los que es de Dios, y a César lo que es del César”. Aplaude a seguir a medida do emperador Bonaparte (decretada en decembro de 1808) de reducir á terceira parte o número de conventos existentes en España, pois, en opinión de Bazán, eran demasiados e actuaban como refuxio de moitos aproveitados: “Nada más digno de veneración que el Eclesiástico sabio y virtuoso; nada más perjudicial que el franquear indiscretamente la entrada á esta dignidad á sujetos ignorantes, que solo la buscan para poder vivir con comodidades y holgando, y valerse tal vez de la inmunidad de la Iglesia para que les sirva de impunidad para toda clase de excesos”.

Outro decreto napoleónico que recibe o plácet no opúsculo editado por Bazán é o de abolición do dereito feudal e da xurisdicción señorial. O cambadés denuncia precisamente o interese dalgúns sectores eclesiásticos e señoriais en promover desordes e levantamentos contra o francés a calquera prezo e por calquera pretexto, para revirar a situación e poder recuperar os privilexios e prebendas perdidas, ás que alude como “constituciones viciosas, por cuyo medio lograban de una autoridad indebida y opuesta al bien general del Estado”.

Por último, reflexiona Bazán sobre as dificultades de que España conservase íntegras as súas posesións americanas, de non mediar un bo tratado diplomático cos ingleses, que confía poida conseguirse. Como colofón, reclama a pacificación e o cesamento da oposición a Xosé Bonaparte, a quen considera monarca “pacífico, dulce, compasivo y bueno”, porque “ha sabido hechar abaxo de un solo golpe estos monstruosos baluartes que cerraban fuertemente la entrada á todo lo que fuese felicidad pública”.

Unha resposta clerical ao folleto de Pedro Bazán

A "carta circular" do patriota español Bazán non ficou sen réplica. No propio 1809, a oficina impresora de Juan Francisco Montero, en Compostela, tiraba do prelo unha Carta en contestación a la que se imprimió en abril de este año con nombre de Un patriota español á sus paisanos [...], asinada coas iniciais J.J.E.C.E.

O seu autor, ignoto para nós, comeza o seu opúsculo mencionando esa carta bazaniana "que tanto oí alabar en este desierto á sugetos, que tenía por eruditos" e confesando o desagrado que "me ha causado cada una de sus clausulas, conforme la iba leyendo, porque todas y qualquiera de ellas son un parto de un Anticatolico, de un enemigo de la Patria y el Rey, y de un verdadero hijo de enciclopedistas". Coida, ademais, que nela Bazán "no perdona sofisma para engañar incautos, y aparentando zelo de religion y patriotismo, todo lo ataca a un tiempo con la mayor estupidez y barbarie".

A respecto da predicción do cambadés de que unha retirada dos franceses do Reino non había traer máis que caos e desgraza, replica o anónimo autor que iso xustamente é o que estaba a traer consigo o invasor napoleónico: "tantas Villas y Lugares quemados, las Iglesias profanadas, las sagradas Imagenes inculcadas, las mugeres y doncellas estrupadas, y... ¿para que he de repetir lo que estamos viendo y palpando?". A propia edición da Carta de un patriota español... era, segundo o detractor de Bazán, unha manobra máis do cambadés para "justificar las impiedades de Napoleon por conseguir dones y honores".

O vello pazo da Inquisición en Compostela, a comezos do s. XX.
Os ataques ao Santo Oficio que no texto de Bazán se proferían tiñan por fin último, sinálase aquí, abater a eficaz barreira que tiña librado a España da impiedade campante noutras latitudes europeas: "No es, nó, por la felicidad de la Nacion, ú porque florezcan las ciencias y artes, sino por introducir la perversa doctrina de Rouseau, Alambert [sic], Montesquieu, y otros, á quienes la Santa Inquisición cerró siempre la entrada. El que alaba la abolicion de este Santo Tribunal, es un enemigo declarado de la Iglesia, de los Príncipes cristianos, y de su misma Patria". Postos a comparar horrores, argumenta o libelista, tantos ou máis que a Inquisición cometía a policía bonapartista, mandada precisamente por Bazán, nas rúas de Compostela: "Diganlo tantos inocentes perseguidos, y tantos Eclesiasticos virtuosos arrestados".

Logo de negar que o número de conventos fose excesivamente alto como para xustificar a súa reducción e de cualificar de "temeraria" a proposta de deslindar por completo as potestades dos eclesiásticos das que exercería o Estado, o anónimo discrepante sinalaba que a abolición dos señoríos e privilexios feudais non era máis que unha manobra do inepto Xosé Bonaparte para poder asentar mellor a súa tiranía... En definitiva, os que inspiraban liñas como as escritas por Bazán eran

"los malditos Heresiarcas, que nunca tubieron lugar en estos Dominios. Son los enemigos de la Religion y del Estado: los que desean el tolerantismo para vivir licenciosamente; y los que adulan a Josef Napoleon; no tanto porque sea su Rey, quanto porque sirva de cubierta á sus desembolturas y obscenidades. ¿Y ha de correr por erudito entre nosotros un Papel sedicioso y engañador, como este? ¿Hemos de consentir, que baxo el falso nombre de un Patriota, quiera pervertirse á nuestros Paisanos, que desistan de la mas justa defensa, y que no reclamemos nuestro Rey, nuestra Religion, y nuestros Derechos?".

Para o autor do folleto replicante, en fin, contra os ocupantes franceses, "exercito de foragidos", e contra os seus colaboradores, como o cambadés Pedro Bazán, só cabía berrar: "Guerra, Guerra, Arma, Arma".

De castigo en castigo. Bazán en retirada.

Nos finais de maio de 1809, as tropas contrarias a Bonaparte achéganse a Compostela ao mando do xeneral Martín de la Carrera. Pouco despois, os franceses, comandados polos marechais Soult e Ney, emprenden a retirada de territorio galego. Con eles vai o intelectual cambadés Pedro Pablo Bazán, que aínda demora na Península algún tempo para desempeñar cargos importantes (intendente da provincia de Soria, por exemplo) do tambaleante goberno bonapartista e para proseguir cos seus alegatos a prol das reformas alentadas polo ocupante francés, como é o caso do seu Discurso sobre la toma de Tarragona por las tropas francesas, pronunciado na catedral de Soria o 28 de xuño de 1811.

En ausencia, Bazán recibe todo xénero de castigos, degradacións e represalias. O 30 de xullo de 1809 a Xunta de Goberno da Universidade compostelá, en base aos informes emitidos por unha comisión depuradora especial impulsada polo catedrático de Leis e furibundo absolutista Francisco Cabrera, ademais de anular o xuramento de fidelidade a Xosé Bonaparte e de emprestar un novo de obediencia a Fernando VII, acorda anular as reposicións ou concesións de cátedras aos “afrancesados” González Varela, José de la Vega, Boado Fraguío e o propio Bazán, deixar sen efecto os seus títulos de doutoramento, privalos a todos eles perpetuamente de voto activo e pasivo no Claustro e declarar particularmente “abominables y despreciables los empleos que obtuvo el Sr. Bazán”. Ademais, “por sus notorios antipatrióticos procedimientos y conducta”, ordena o citado órgano de goberno que “sus nombres sean proscritos y borrados de los libros todos de claustros, grados y juntas”.

Menos dun ano despois, concretamente o 28 de abril de 1810, o “Tribunal de Seguridad Pública” emite sentenza declarando traidores á patria a Bazán e aos seus colegas xa citados.

O infortunio do desterro

A retirada francesa definitiva da Península ten lugar en xuño de 1813. Máis de doce mil hispanos “afrancesados”, entre os que se conta Pedro Pablo Bazán, emprenden daquela o camiño do exilio, instalándose en localidades próximas á fronteira pirenaica, como Burdeos, Perpignán ou Bayonne.

As súas esperanzas de poder regresar semellan cobrar forza cando se conxuntan a renuncia de Napoleón Bonaparte (abril de 1814), a actitude benevolente de Luís XVIII e o regreso ao trono hispano de Fernando VII, recibido nas rúas ao revelador berro de "¡Vivan las caenas!". Mais nada máis arribar á Corte, "El Deseado" emite un decreto (maio de 1814) que condenaba á incautación de bens e á expatriación perpetua a todos os individuos que, como era o caso do noso cambadés e o doutros cinco mil exiliados, aproximadamente, tivesen ostentado durante o período bonapartino cargos públicos de maior ou menor relevancia.

Bazán non se resignaría inicialmente ao exilio. En 1820, aproveitando a coxuntura (inicio do Trienio liberal) solicitaría a intercesión do Claustro santiagués diante do monarca agora sometido á Constitución para que lle fose autorizado o regreso, mais o citado organismo universitario denegaría tallantemente o seu concurso e axuda no intento. Así as cousas, o cambadés acabaría os seus días en territorio francés, abandonado por case todos e execrado por moitos, vendo en todo o caso como se incrementaba ano tras ano a nómina de españois liberais que fuxían da desatada ira absolutista de Fernando VII.

Retrato de Voltaire
Unha tradución de Voltaire

Para subsistir e para paliar a mágoa do desterro, Pedro Pablo Bazán púxose a traducir literatura francesa para español. En realidade, non era tarefa nova para el, pois xa editara en Madrid, antes mesmo da "francesada" (en 1786, segundo Murguía; en 1806, segundo Couceiro Freijomil), a tradución en verso da peza teatral Hirza, de Voltaire.

O certo é que en 1816 publica nunha imprenta de Alais (cidade occitana do departamento de Gard, na rexión do Languedoc-Roselló) a tradución en verso para español da epopea volteriana A Henriada e un ano despois fai o propio coa Arte poética de Boileau. Deixou manuscritas, ademais, versións en español das pezas en verso volterianas Esther e O Británico.

A admiración de Bazán polo escritor e filósofo ilustrado francés François-Marie Arouet (1694-1778), autor de obras como as Cartas inglesas (1729), Cándido ou o optimismo (1759) e o Tratado sobre a tolerancia (1763), é absoluta e coincide coa que lle profesaron outros destacados liberais hispanos, como Eugenio Palafox Portocarrero, Conde de Montijo, quen traduciu en 1805 a súa peza Bruto.

Bazán considera Voltaire o quinto dos grandes épicos da literatura universal, por diante de Camões e xunto a Homero, Virxilio, Ariosto e Taso, “con cuyas bellezas de detalle rivaliza, y aun quizá vence en alguna parte”. Non coincide con el só no pensamento, senón tamén na sorte de perseguido. Así, no prólogo á súa tradución da Henríada volteriana, alude Bazán ás “desaforadas censuras, que desde su publicación hasta el día, han vomitado la envidia y el resentimiento contra ella, ó mas bien contra su autor, sobradamente ilustre y mordáz, para dexar de ser, á su véz, igualmente perseguido y calumniado con furor”.

De feito, moitas liñas dese longo prólogo con que encabeza o seu traballo dedícaas Bazán a rebater as críticas que contra Voltaire e a súa obra tiña vertido o crítico Laharpe, relativas a presuntos defectos na concepción da epopea e no desenvolvemento da súa fábula. Para o cambadés, en derradeira instancia, "qualquiera que fuese la falta de una entera perfección en el plan de su fábula, ¿no la compensaría con harto exceso la multitud de bellezas de estilo y de detalle, de que el autor adorna y enriquece la más importante acción de la vida de un rey, cuyo glorioso nombre, dulce memoria, y benéfica conducta adora la Francia, admira la Europa, y puede servir de modelo á todos los Príncipes de la tierra?".

Bazán xustifica tamén no seu prólogo variados aspectos da súa tradución. Fronte aos que consideraban a oitava real a estrofa máis apropiada para a epopea, opta polos versos hendecasílabos asonantados e fronte aos defensores da literalidade absoluta no labor de verter dunha lingua para outra, aclara que "yo no soy un traductor esclavo, sino libre y fiel", de maneira que "en obsequio de la índole de nuestra lengua, y de la claridad y la armonía, multiplico el número de versos, amplío, modifico, y contraigo períodos, suprimo, añado, ó cambio epítetos, y aun perifraseo en fin ideas y sentimientos".

Así mesmo, facendo pé na auctoritas de escritores como Menéndez Valdés, Cadalso ou Leandro Moratín ("afrancesado" coma el, a quen proclama ademais "nuestro moderno Molière"), explica a pertinencia do emprego de "voces exóticas" e neoloxismos (palabras como intrigar, emoción, asaltante, apremiante...), de arcaísmos (lidia, avezado...) e de palabras consideradas vulgares (renquear, enclenque, ralea, demonio...), pois para el, perfecto neoclásico desde esta perspectiva, "el estilo y lenguaje deben corresponder y observar siempre cierta sabia y oportuna proporcion con la naturaleza sublime, mediana, ó ínfima de los objetos que se narran, describen, ó pintan".

Sen querer presumir de poeta, deixa ben asente que "amé siempre un arte tan agradable y útil; saludé y aun frequenté muchos de sus mas insignes maestros, y no me son desconocidos sus preceptos, sus primores, y sus faltas". E da mesma maneira que amosa un perfecto coñecemento do francés e mais do idioma do Lacio, confesa que “carezco de aquellos profundos concimientos del griego, que son necesarios para poder sentir perfectamente por mi propio la grave y dulce armonía de la sabia y rica lengua en que escribió Homero”.

Motivos da tradución volteriana.

No prólogo da súa tradución da Henríada volteriana, publicada como dixemos na cidade occitana de Alais en 1816, o cambadés 'afrancesado' Pedro Pablo Bazán revela que "la aplicación á este ensayo poetico dulcificó ya mis amargas penas, y en las apacibles aunque extrañas riberas del Garona, me distraxo, como allá á Ovidio en el Ponto, de mil profundas y tristes meditaciones sobre la dura suerte de mi violento destierro".

Desexando que coa lectura da súa tradución "quedes utilmente ilustrado, ó quando menos, dulcemente divertido", Bazán diríxese ao lector compatriota, sexa amigo ou inimigo ideolóxico seu. No primeiro caso, aspira grazas a ela a "corresponder" esa amizade "desde este mi triste refugio, del mejor modo que hoy puedo". Para o lector inimigo, en troques, sinala Bazán non sen certa ironía, a obra ten unha intencionalidade algo distinta: "[...] quiero también enseñarte generosidad y Religion, y aun retribuirte por la parte que has tenido en esta produccion literaria, cuyos defectos, deberás mirar siempre, por graves y feos que sean, con cariñosa indulgencia, como de una hija infeliz, peregrinamente abortada de mi negro destierro, y por consiguiente, de una desgraciada nieta de tu feroz persecucion".

Son varios, segundo expón Bazán no limiar, os motivos que o empurraron a emprender esta tradución. En primeiro lugar, dar a coñecer á mocidade hispana unha obra que debía figurar entre as máis excelentes escritas no xénero da epopea, un xénero para o que coidaba especialmente apta a propia lingua castelá "por la copiosa riqueza, rotunda plenitud, grandiosa estructura y grave armonía de sus voces, frases y períodos". En segundo lugar, amosar agradecemento ao país que o acollía como exiliado, a Franza, "esta Nacion sensible y civilizada, donde asi yo como todos mis respetables compañeros de desgracia, hemos experimentado, á pesar de las críticas y peligrosas situaciones de nuestra peregrinación y refugio, las mas sinceras y favorables demostraciones de asilo y hospitalidad".

Cadro sobre a matanza de San Bertomeu, en París
Un terceiro motivo tiña a ver coa intención de fornecerlle ao monarca español Fernando VII, daquela xa restituído no trono, un modelo de conduta na figura do seu sexto avó, Henrique IV (1553-1610), rei de Franza e de Navarra, o protagonista da obra volteriana. Le bon roi Henri, hugonote e testemuña da matanza de San Bertomeu, foi autor da célebre frase "París ben vale unha misa", coa que aceptou converterse ao catolicismo para poñer fin así ás guerras de relixión que azoutaban o seu reino e publicou, ademais, o chamado "Edito de Nantes", que estabelecía a tolerancia en materia relixiosa nos territorios baixo o seu goberno. A clemencia, o amor polos súbditos, a magnanimidade e o desexo de reconciliación, terían sido outras tantas virtudes do monarca franco-navarro que deberían aproveitarlle ao español, de quen dependía en derradeiro extremo, poñer fin ao exilio dos 'afrancesados'.

Na mesma liña, consideraba o intelectual cambadés que os lectores hispanos "podrán al mismo tiempo ver de bulto en este poema traducido, para perpetuo aunque harto tardío escarmiento suyo, los horrores, desastres y calamidades á que conduce ciega y bárbaramente, por un lado, el espíritu de faccion y partido, por otro el de anarquía, despotismo y goticismo, y por todos, el de fanatismo y supersticion. Vendrán á sentir, que jamas el Príncipe y su Pueblo pueden llamarse sólida y reciprocamente felices, sino quando aquel sea respetado de este, como el padre comun de todos sus individuos, y estos mirados de aquel, por su comun familia, reconciliada y abrigada toda á la sombra de su solio como en el reynado del Gran Henrique IV".

Por último, confesa Bazán que tamén emprendeu a tradución por interese, quere dicir, por unha mestura de amor propio, confianza no mérito do seu traballo, afán de recoñecemento e mesmo necesidade pecuniaria: "He creido que mi traduccion era buena, y por consiguiente, esperé que su publicación me reportaría algun honor literario, y aun quizá algun corto provecho, tan oportuno y precioso en mi actual situacion".

O certo é que o éxito non coroou, máis unha vez, os esforzos do escritor cambadés. A súa tradución, obra dun home marcado polo seu inmediato pasado político e pola súa condición de exiliado, tivo escasa difusión. A Inquisición compostelá, reinstaurada por Fernando VII, non tardou en incluíla, ademais, no seu Índice de libros prohibidos (15 de xaneiro de 1817). De nada valeron, xa que logo, parágrafos que o cambadés colocou no limiar da súa obra como o seguinte:

"[...] si he conservado substancialmente intactos en mi traduccion algunos pasages del original, dignos acaso de grave expurgacion eclesiastica, ha sido, por no atraverme á suprimir ó desfigurar la fuerza y belleza poetica del estilo, que brilla en ellos [...] Someto sin embargo, en todo caso, este mi modo de pensar y toda la obra, por lo que me toca, al superior juicio de la Santa Madre Iglesia Católica Apostólica Romana, á quien no puede jamas dexar de protestar la mas filial y ciega obediencia un buen Español, y con especial distincion, el natural de un Pays [=Galiza], que desde los mas remontados y bárbaros siglos, se distingue entre todos los de aquel vasto Reyno con el ilustre nombre de Fidelisimo, llevando por blason en su Estandarte un Santisimo Sacramento rodeado de siete veneras ó cruces, correspondientes á las siete Provincias de que se compone".

Unha comparecencia póstuma

Curiosamente, este heterodoxo cambadés morto no exilio cobrará presenza póstuma e pública nos albores do Rexurdimento galego do século XIX. Con efecto, no Álbum de la Caridad, o volume confeccionado trala celebración na Coruña duns Xogos Florais en 1861 onde se consagrou como gañador o poeta Francisco Añón, figura non sabemos levado por que man un dos poucos textos literarios orixinais de Pedro Pablo Bazán que chegaron a nós, o soneto “A la excelente oda del Sr. Abad de Fruime” (D. Antonio Francisco de Castro) al Duque de Aliaga, sobre el mismo argumento”.
Nese poema, de evidente estilo neoclásico, o cambadés aborda un tema que casa como anel ao dedo coa súa propia peripecia vital, que aquí glosamos: o da falta de correspondencia entre talento e mérito persoal e fortuna na vida, ficando así como único consolo a idea da inmortalidade como recompensa reservada aos sabios:

            "Dices bien: rara vez, Furmio, en alguna
Persona el alto Jove ha permitido
(Triste ejemplo eres tú) que reunido
el mérito se viese á la Fortuna:
Si Alcázares, destina al alta cuna,
De la inmortalidad el Templo ha sido
La morada que al sabio ha repartido
De cuyas puertas francas tienes una;
Sagrada y alta puerta á que han pulsado,
De tu canto á Aliaga las bellezas,
Y que Clío te abrió, quien te pregona
Si el contrario de un Dios, de otro el privado,
cuando Plutón te niega sus riquezas
            Y Apolo de laureles te corona".