eu

eu
eu

xoves, 24 de marzo de 2016

VISIÓNS SOBRE PASTOR DÍAZ

                                
Na revista galaico-arxentina Céltiga, concretamente no seu número 65, de 10 de setembro de 1927, e con expresiva dedicatoria ao viveirense Ramón Villar Ponte, seu amigo e correlixionario, publicou o escritor galeguista Ramón Otero Pedraio (1888-1975) o artigo que a seguir reproducimos. Nel, tomando como motivo o estado de relativo abandono do xardín dos claustros de San Francisco e a presenza dunha carta autógrafa de Pastor Díaz nunha parede do despacho do máis novo dos Villar Ponte, o autor de Arredor de si fía un precioso retrato ambiental do Viveiro de entón, cheo de forza evocadora.



UN XARDÍN I-UNHA CARTA

Viveiro, na serán tépeda e bretemosa do vráu, olla morrer saudosamente o Landrove i-acenderse car'a mar a costelación viaxeira das luzes da prata pescantina. Xa non loce no outo, igoal que un seixo, a ermida do S. Roque e soilo s'adiviñan, dend'o malecón urbano, as masas dos piñeirales amigos do monte i-o loiro vagantío da praia. Sentados frente á noite e o río, soñando na fermosura da cidade e nos mil motivos da sua hestoria e do seu esprito, ¿por qué xurde, sin teimalo, sinxelamente, un paralelo entre o xardín i-a carta?
O xardín frorece, pechado no acougo d'un craustro do deixado convento dos Menores. A casa grande, resoante, simpre, acolledora, está destiñada a difrentes servizos adeministrativos, mais pol'as escaleiras, pasillos e salas inda corre aquil aer de homilde legría, de craridade d'esprito e de vida propio dos fillos de S. Francisco ben difrente da solenidade teolóxica e ascética dos mosteiros de S. Bento ou do Císter. As fiestras dos ousos lanzales da eirexe gardan o dibuxo vexetal das fentas que medran nos puzos deixados e nas probes roinas das casas labregas. Ó igoal que seus hirmáns d'Ourense, de Pontevedra, de Lugo, da Cruña, istes ousos franciscanos de Viveiro parescen cantar no seu isolamento unha sinxela cantiga abrileira, com'as que espallaba o Probiño d'Asís pol'os camiños primaverales da Ombría.
Entrando na casa chama por nos o xardín prisioneiro e calado. Non tén fonte nin paxáros, as herbas bravas cobriron o dibuxo dos cadros e das carreiras e criaron c'as follas murchas, os musgos e os auricelos, unha terra grasa, mol, sempre orballada, de cemiterio. Pechado nos muros da pedra monacal o xardín paresce vivir lonxe das primaveiras e dos outonos do mundo. Non sabe ren da gracia do sol no pazo verdeante das algas, nin do agromar das carballeiras, nin do gostoso morrer do río no seio infindo da mar. No xardín a chuvia sempre ten soar de gárgola, o sol pasa aixiña sin enxugarlle o chan, soilo as rayolas do luar procuran garimosamente a sua soedade de largo isolado pol'a pedra, o tempo i-a lembranza. Os xasmís abrazan a pedra aurelada misturados c'as silveiras, as roseiras campan cada sazón mais pequenas e sinxelas sin se ver coidadas por mans de muller, us grosos froitos roxos teiman amostrar na escuridade de follas i-espiñas a sensoal ledicia da carne vexetal, mais apenas s'astreven pois alí está o vello alcipreste com'o derradeiro frade, griseiro i-afiado, comesto pol'o tempo i-as formigas, predicando a ouservancia d'unha regra d'esquecemento e de calado desespero..
A carta está firmada por Pastor Díaz. Ten'a nun cadro, no seu coarto de traballo un dos millores galegos de Galiza. Os libros non collen nos estantes e acugúlan-se, misturados con boletís, cartas, revistas, pol'as mesas e sillas. Sonoros e vellos, conselleiros e loitadores; chegan de todol-os aires do mundo traguendo inquedanzas, abrindo camiños, consoando soedades. As fiestras franquéanme car'a ponte, o río e a campía. Reina no despacho un esprito novo, curioso e criador. E aquila carta de Pastor Díaz pechada pol'o marco, a data e o tempo decorrido, esperta a lembranza do craustro de San Francisco. O día no que un Rusiñol galego pinte os nosos xardís figurará cicais como o mais románteco o do convento de Viveiro. Tamén Pastor Díaz foi o primeiro románteco do dezanove español. Hay contendo [sic, contodo] a difrencia de que namentras o xardín morre guiado pol'o consello do alcipreste monásteco, o esprito do grande poeta chanta [sic, chouta] por riba da ledicia do esquecimento e terá sempre na yalma galega un aberto ronsel.

domingo, 6 de marzo de 2016

UNHA TESE SOBRE O ESCULTOR CAMBADÉS FRANCISCO ASOREI

O vindeiro venres día 11 de marzo de 2016, a partir das 11 horas, vai ter lugar na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia en Santiago de Compostela a defensa pública dunha tese de doutoramento sobre a figura e a obra de Francisco Asorei (1889-1961), escrita pola nosa amiga Maribel Iglesias Baldonedo, profesora de Historia nun instituto de ensino medio de Cambados que leva o nome do escultor, precisamente.

Esa tese, que dirixiu o profesor do Departamento de Historia da Arte da antecitada Facultade, José M. López Vázquez, está dedicada ao marido da autora (o noso compañeiro no instituto de A Basella vilanovesa e profesor de debuxo Manuel Busto) e aos seus fillos (Manuel e Mariña), así como á memoria do noso chorado amigo común Luís Rei. 

Leva por título Francisco Asorey, escultor galego e consta de setes grandes apartados.

O primeiro está dedicado a explicar os primeiros anos do escultor, co ambiente que o rodeou no seu Cambados natal; a súa estadía formativa, desde os 14 anos, nos salesianos de Sarriá (Barcelona), onde se enchoupou do ambiente artístico modernista e simbolista que dominaba entón esa cidade e o seu período como docente de debuxo nos salesianos de Barakaldo, onde ten oportunidade de entrar en contacto co rexionalismo pictórico vasco, representado polos irmáns Valentín e Ramón Zubiaurre. Precisamente este último pintaría en 1917 o célebre cadro “Gaiteiro de Cambados”.

Neste primeiro capítulo tamén se ocupa Maribel da posterior etapa madrileña de Asorei, tinxida de bohemia canda o crítico de arte José Francés, o artista compostelán Juan Luís (que se refería a Asorei como “El Rodin gallego”), o viveirense Manuel Bujados e o pintor cordobés Julio Romero de Torres, con que compartiu pensión. A vida madrileña de Asorei prolóngase dende 1909 até o 8 xaneiro de 1919, data esta última en que o artista, que consegue traballo como escultor anatómico na Facultade de Medicina, contrae matrimonio con Jesusa Ferreiro Casal e instálase xa para sempre en Compostela.

Un segundo apartado céntrase nos anos 20, cando Asorei abre estudo na compostelá rúa da Caramoniña e se vincula decididamente ás Irmandades da Fala, cumprindo no mundo das artes plásticas, mercé ás súas tallas en madeira policromadas (“Picariña”, “Naiciña”, “O tesouro”, “Ofrenda ao San Ramón”, “A Santa”, “San Francisco”...) e aos diversos recoñecementos que obtén en varias Exposicións de Belas Artes, un papel simbólico e referencial idéntico ao do seu paisano Ramón Cabanillas no eido das letras: Escultor da Raza e Poeta da Raza, respectivamente. É esta a etapa das homenaxes en Cambados organizadas por Cabanillas, da intensa relación amistosa con Castelao, da pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, mais tamén a dos agravios á hora de non recibir premios que seguramente merecía e a das críticas feroces, como as que lle endereza Ramón Mª del Valle Inclán.

Asorei pintado polo artista compostelán Juan Luís
A terceira parte da tese de Maribel ocúpase dos anos 30, cando Asorei abre un estudo máis amplo na rúa de Santa Clara, en Compostela, e emprende a confección dos seus grandes monumentos en pedra, como o do aviador Loriga, en Lalín (1933), o do San Francisco de Compostela, que se inaugura en 1930, ou o de Curros Enríquez na Coruña, en 1934. De sumo interese é a epígrafe que a autora dedica a comentar o relacionamento, nada cordial nin produtivo á prostre, dos autores da nova xeración galega (Luís Seoane, Eiroa, Maside, etc.) con Asorei, no enésimo exemplo de mala avinza entre sucesivas xeracións artísticas.

Unha cuarta parte da tese de Maribel Iglesias céntrase no Asorei de posguerra. Superados, grazas ás súas boas relacións co estamento eclesiástico compostelán, os medos a crueis represalias como as que lle custaron a vida ao seu grande amigo Camilo Díaz Baliño, o escultor cambadés renuncia neste etapa a calquera veleidade artística orixinal e reduce practicamente o seu traballo a abundantes pezas de carácter relixioso, bustos oficiais que se lle encargan en 1938 (o de Calvo Sotelo para Vilagarcía; o do ditador Franco para Ourense...), monumentos militares na Escola Naval de Marín ou aos Caídos, como o de Ourense (1951), lápidas conmemorativas e pouco máis. Algúns dos seus últimos traballos de mérito son a estatua do Padre Feixó para o mosteiro de Samos, o altar para o Panteón do Centro Galego de Buenos Aires e o monumento ao astrónomo lalinés Ramón Mª Aller.

O traballo de Maribel compleméntase cun quinto apartado de Conclusións, un sexto que está conformado por un rigoroso Catálogo da obra de Asorei e un sétimo e derradeiro que ofrece a Bibliografía empregada para a confección desta alfaia investigadora.


Moi relevante e pulcro resulta o diálogo crítico que esta tese estabelece coa única monografía sobre Asorei preexistente, o traballo El escultor Francisco Asorey, editado en 1959 por Ramón Otero Túñez. Son varios os aspectos que se discuten desa obra pioneira, con argumentos moi atinados ao noso humilde entender. Maribel corrixe, por exemplo, a total ausencia de referencias ao compromiso de Asorei co nacionalismo galego irmandiño, delimita con rigor a escasa relación do escultor cambadés coas vangardas artísticas, resume á perfección as bases estéticas da súa proposta (modernismo e simbolismo) e contribúe a reconstruír con poderación e serenidade a posición de Asorei no escuro período da posguerra franquista.

Desde aquí, parabenizamos e desexámoslle moito éxito á doutoranda e agardamos ver editada sen demora esta valiosísima contribución á historia da nosa cultura e da nosa arte.