eu

eu
eu

xoves, 29 de xaneiro de 2015

PASTOR DÍAZ E OS "CANTARES GALLEGOS" DE ROSALÍA DE CASTRO

No volume Los Precursores, editado pola “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar en 1886, glosou Manuel Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923), canda outras figuras intelectuais, a personalidade e a traxectoria literaria da súa esposa Rosalía de Castro (Compostela, 1837-Padrón, 1885).

Como é ben sabido, ao referirse nese volume aos Cantares Gallegos (Imprenta Compañel, Vigo, 1863), Murguía revelou que ía ser precisamente o escritor e político Nicomedes Pastor Díaz Corbelle (Viveiro, 1811- Madrid, 1863) o prologuista de tan emblemática e decisiva obra da nosa literatura, de non llo ter impedido a morte, e acrecentou testemuño do moi positivo xuízo estético, da empatía idiomática e da emotiva impresión que lle merecían os versos rosalianos ao autor do pioneiro poema “A alborada”. En palabras do noso historiador:

Pastor Díaz, a quien la muerte no permitió escribir las páginas que debían precederles, aseguraba no haber leído nada más corriente, más puro, que aquellos versos. Añadía que se complacía en decirlo así. Que le agradaba aquella nueva aurora y aquel fresco aire de la patria, que venía a hablarle de los floridos campos de Galicia. Que así como al frente de las poesías de Zorrilla había hecho la defensa del romanticismo - por él inaugurado antes, en su celda de colegial - haría el elogio del movimiento provincial, que tantas cosas nuevas traía a la superficie, que tantos y tan nobles revelaciones hacía y del cual había tenido así como una visión y un presentimiento. Porque aquel gran hombre de Estado, a quien no agradaba la unidad de Italia, casualmente porque rompía tradiciones y deshacía pueblos, aseguraba que las provincias españolas estaban destinadas - por la gran diversidad de su sangre - a reconstituirse y recobrar su fisonomía en un período no muy lejano. Contra lo que algunos espíritus superficiales aseguran, sostenía que la tendencia a crear la pequeña patria es lo que ha de salvar de un completo aniquilamiento a cuanto hay de vital y original que posee la sociedad moderna, atacada como ninguna otra del mal nivelador de la unidad y de la centralización.
Pero lo que más le agradaba era ver escrito el libro en aquel dulcísimo dialecto que había hablado en su niñez. Ponderaba sobremanera hallarle despojado de las voces bárbaras y giros prosaicos con que tantos mancharon la lengua y la poesía gallega.

Poucas veces se sinala e se pondera como é debido este feeling espiritual e esta vinculación amistosa do cantor do Landro (quen penetra xa por aquel entón, vítima de cruel doenza, no devalar da súa existencia) co tándem formado polo xoven casal Murguía-Rosalía, que desprega nesa época en Madrid unha intensa e optimista actividade intelectual e política de xorne francamente liberal, progresista e protogaleguista.

Non pode ignorarse, neste sentido, que textos de Murguía (os poemiñas “En el álbum de Elisa Avendaño”, “Gloria” e “Madrigal”), de Rosalía (“¡Mi madre!”, “Adiós que eu voume”, “Castilla”, “O caravel negro”, “A romaría da Barca” e “¡Terra, a miña!”) e de Nicomedes ("Una voz", "Mi inspiración", "La Mariposa Negra" e "La Sirena del Norte", concretamente) comparten significativamente en 1862 (un ano antes do óbito do viveirés e da propia saída do prelo dos Cantares Gallegos, pois) as páxinas do chamado Álbum de la Caridad, o volume que recolle, por man de Vicetto e Antonio de la Iglesia, as composicións presentadas aos Xogos Florais da Coruña do ano anterior e mais unha nutrida escolma de textos (“Mosaico Poético”), tanto en galego como en castelán, de escritores galicianos da primeira metade do século XIX.

Na mesma liña cómpre anotar que foi precisamente a voz de Murguía a que propuxo no Almanaque do impresor lucense Soto Freire, en 1865, ao pouco tempo da morte do poeta, que Viveiro honrase a memoria do seu fillo ilustre erixíndolle un monumento, proposta finalmente culminada en 1891, abondos anos despois, coa inauguración da estatua na Praza Maior.
 
A aperta de dúas xeracións

En realidade, ese relacionamento entre Nicomedes e o casal Murguía-Castro ao que aludimos ten, ao noso humilde entender, unha importancia simbólica extraordinaria, na medida en que permite constatar o anoamento cordial que, un pouco in extremis e grazas aos protagonistas sinalados, se verifica a comezos dos anos 60 da centuria decimonónica entre dúas xeracións sucesivas de intelectuais galegos, a “provincialista” e a “rexionalista”, que a piques estiveron de non se fecundaren mutuamente. 

Na primeira figuraron algúns antigos alumnos do Colexio Insigne viveirés e escolares da Universidade compostelá, como Vicente Manuel Cociña (publicista e político de ideas liberais avanzadas, nado en Celeiro e morto en Córdoba, onde se agochara para fuxir da persecución gobernamental); os betanceiros Antolín e Tiburcio Faraldo; o compostelán Neira de Mosquera (un dos primeiros biógrafos de Pastor Díaz en vida deste); Francisco Añón; Rúa Figueroa; etc.

O propio Pastor Díaz pertenceu a esta xeración, da que, non obstante, se sentiu a partir de certo momento totalmente desvinculado no ideolóxico e no político, pois mentres aquela se embarcaba na chamada “revolución galega de 1846”, de significado profundamente liberal e anticentralista, punto de arranque do que hoxe denominamos xenericamente “Galeguismo”, o de Viveiro destacouse como actor fundamental, desde os altos postos de Estado que desempeñou (ministro, embaixador, reitor universitario...) no proceso de configuración dun Estado español de corte unitario e centralista, desde parámetros dun liberalismo moderado, confesional e monárquico. 

Daquela, os xuízos e consideracións do Pastor Díaz final sobre a obra rosaliana, sempre segundo a transmisión que deles fixo Murguía en Los Precursores, situaríannos historicamente no instante en que o menos “provincialista” dos nosos “provincialistas” abenzoa, dalgunha maneira, as novas orientacións ideolóxicas e reivindicativas que, andando algún tempo e non sen esforzo e sacrificio, provocarán esa eclosión de galeguidade cultural e ese renacer do idioma propio que chamamos “Rexurdimento”...

Pastor Díaz e a muller escritora

E aínda cómpre poñermos en destaque un aspecto máis á hora de repasarmos o vínculo que une Pastor Díaz coa Rosalía dos Cantares. Referímonos á posición de aberta simpatía ou apoio explícito que o poeta de Viveiro demostrou cara a aquelas mulleres que, como a cantora do Sar, non se conformaron na súa época con abordar temas consabidos (paisaxismo, relixiosidade, amor...) e non se cinxiron ao prototipo de poesía meliflua (“daquelas que cantan as pombas i a flores...”) que se consideraba inherente ou único “adecuado” para as almas femininas...

Non resultaba pouco atrevemento ou valentía, segundo se mire, estar disposto, como o estivo Don Nicomedes e o tería feito de non interpoñerse a Parca, a prologar o libro dunha escritora nova e aínda pouco coñecida (só publicara nesa altura os opúsculos poéticos La Flor e A mi madre e a novela La hija del mar), que non se escondía baixo pseudónimo, que empregaba dignificado o sermo vulgar das masas labregas e mariñeiras do país e que abordaba unha vibrante e apaixonada defensa de todo aquilo que era obxecto de burla e desprezo (como ela propia denunciaba nas liñas introdutorias do seu poemario) en certos ambientes da Corte madrileña só polo feito de ser galego...

De certo, xa en 1842, nas páxinas de El Conservador, Pastor Díaz aplaudía con fervor a publicación dun tomo de poesías por parte de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873), defendía o dereito da muller escritora a tratar todo tipo de temas (“a nosotros no nos parece que cuando una mujer toma la lira, necesaria y fatalmente ha de suspirar amores, ni exhalar blandas melodías”) e louvaba a valentía desta no medio da “fútil y prosaica sociedad, en medio del siglo positivo y financiero, en medio de la literatura convertida en industria”, pero tamén non deixaba de advertir, en todo caso, que unicamente hostilidades, incomprensións e indiferenzas agardaban á atrevida poeta:

¡Sed poeta!... cantad las maravillas de la naturaleza, las borrascas del corazón, las tristezas del alma, las esperanzas del cielo, o la desesperación del mundo; y en respuesta a vuestros cantos, y en eco a la expresión de vuestros afectos, os negarán la posibilidad de sentirlo. Sed poeta, describir las pasiones; que no creerán en las vuestras. Sed poeta, y hablad de virtud; que os llamarán hipócrita. Sed poeta, cantad el nombre de Dios; que os llamarán ateo. Sed poeta, dad al viento los ardientes suspiros de amor; y ninguna hermosura creerá que podéis consagrarle vuestro corazón (...) Sed poeta, y dad a luz vuestros cantos; los sabios de los grandes volúmenes os llamarán compasivamente superficial, y deplorarán un talento perdido. Sed poeta, y publicad un libro, si los aterrados libreros se han decidido al arrojo de imprimirle; y os habréis incapacitado ante el mundo para todo lo que exige y supone ciencia, gravedad, perseverancia, estudio, conciencia, acaso virtud.
Pero, sobre todo, sed poeta mujer; y a todas las desgracias y miserias de vuestro sexo, y a todas las agitaciones y tristezas de vuestro corazón, añadid una más grande todavía. Cuando la preocupación de los hombres no os dispute la originalidad de vuestro genio, la de vuestro propio sexo os condenará a la pena, que en el pueblo de Atenas alcanzaba a todos los que por alguna calidad eminente se elevaban sobre los demás (... ): el ostracismo”.

Saberá ben Rosalía, en propia carne, o atinadas e no seu caso proféticas que eran, infelizmente, as palabras do escritor viveirés e, de feito, na súa primeira novela, La hija del mar (Vigo, 1859), denunciará que "todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, protestando, asemade, contra "la vulgar idea de que la mujer sólo sirve para las labores domésticas, y que aquella que, obedeciendo tal vez a una fuerza irresistible, se aparta de esa vida pacífica y se lanza a las revueltas olas de los torbellinos del mundo, es una mujer digna de la execración general".

No ronsel da denuncia que estampara no seu día Pastor Díaz ocupándose da obra da Avellaneda, Rosalía plasma no texto “Las literatas. Carta a Eduarda", traballo publicado no Almanaque de Galicia de Soto Freire en 1865, o verdadeiro calvario que agardaba a toda muller que, coma ela, quixese calcar os camiños da arte, do pensamento, da literatura e da vida con enteira liberdade:

No, mil veces, no, Eduarda; aleja de ti tan fatal tentación, no publiques nada y guarda para ti sola tus versos y tu prosa, tus novelas y tus dramas (...) tú no sabes lo que es ser “escritora”. Serlo como Jorge Sand vale algo; pero de otro modo, ¡qué continuo tormento!; por la calle te señalan constantemente, y no para bien, y en todas partes murmuran de ti. Si vas a la tertulia y hablas de algo de lo que sabes, si te expresas siquiera en un lenguaje algo correcto, te llaman bachillera, dicen que te escuchas a ti misma, que lo quieres saber todo. Si guardas una prudente reserva, ¡qué fatua!, ¡qué orgullosa!; te desdeñas de hablar como no sea con literatos. Si te haces modesta y por no entrar en vanas disputas dejas pasar desapercibidas las cuestiones con que te provocan, ¿en dónde está tu talento?; ni siquiera sabes entretener a la gente con una amena conversación. Si te agrada la sociedad, pretendes lucirte, quieres que se hable de ti (...) Si vives apartada del trato de gentes es que te haces la interesante, estás loca, tu carácter es atrabiliario e insoportable (...) Las mujeres ponen en relieve hasta el más escondido de tus defectos y los hombres no cesan de decirte siempre que pueden que una mujer con talento es una verdadera calamidad, que vale más casarse con la burra de Balaán, y que sólo una tonta puede hacer la felicidad de un mortal varón.
Sobre todo los que escriben y se tienen por graciosos, no dejan pasar nunca la ocasión de decirte que las mujeres deben dejar la pluma y repasar los calcetines de sus maridos, si los tienen, y si no, aunque sea los del criado. Cosa fácil era para algunas abrir el armario y plantarles delante de las narices los zurcidos pacientemente trabajados, para probarles que el escribir páginas no les hace a todas olvidarse de sus quehaceres domésticos, pudiendo añadir que los que tal murmuran saben olvidarse, en cambio, de que non han nacido más que para tragar el pan de cada día y vivir como los parásitos.
Pero es el caso, Eduarda, que los hombres miran a las literatas peor que mirarían al diablo y éste es un nuevo escollo que deberás temer tú, que no tienes dote. Únicamente alguno de verdadero talento, pudiera, estimándote en lo que vales, despreciar necias y aun erradas preocupaciones; pero... ¡ay de ti, entonces!, ya nada de cuanto escribes es tuyo, se acabó tu numen, tu marido es el que escribe y tú la que firmas(...)
Yo, a quien sin duda un mal genio ha querido llevar por el perverso camino de las musas, sé harto bien la senda que en tal peregrinación recorremos. Por lo que a mí respecta, se dice muy corrientemente que mi marido trabaja sin cesar para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o malo, todo es suyo (...) ¡De tal modo le cargan pecados que no ha cometido! Enfadosa preocupación, penosa tarea, por cierto, la de mi marido, que costándole aun trabajo escribir para sí (porque la mayor parte de los poetas son perezosos), tiene que hacer además los libros de su mujer, sin duda con el objeto de que digan que tiene una esposa “poetisa” (esta palabra ya llegó a hacerme daño) o novelista, es decir, lo peor que puede ser hoy una mujer”.

Chamativos relampos estes da comuñón ideolóxica e da simpatía espiritual profunda que existiu entre o Pastor Díaz que ao raiar a década dos 60 do século dezanove rendía os seus últimos días e a Rosalía que, muller audaz e xenial, colocaba ben alta e poderosa a bandeira dos seus Cantares Gallegos nos anais da nosa literatura e da nosa historia colectiva.

domingo, 25 de xaneiro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE E LA VOZ DE GALICIA

Pódese dicir que foron catro os cabezallos de imprensa que acolleron o máis e o mellor da copiosa produción xornalística de Antón Villar Ponte: o voceiro das Irmandades, A Nosa Terra, o diario vigués Galicia, de Paz Andrade; o rotativo El Pueblo Gallego, de Portela Valladares; e, finalmente, La Voz de Galicia.

A relación do xornalista co rotativo herculino atravesou diferentes etapas ao longo dun cuarto de século, traduciuse no desempeño de variados status e experimentou sucesivas sintonías e discrepancias, nun movemento pendular. En 1930, o de Viveiro valorizaría unha parte desta relación do seguinte xeito: “No olvido, no, las noches de seis años que pasé en La Voz, en fraternal camaradería con buenos compañeros, a cuyo frente estaba y está el insustituible Alejandro Barreiro. Las noches de seis años sujeto al ritmo de una redacción grata dejan en el alma para siempre una huella que nada puede borrar. Los triunfos de este periódico los considero, pues, como triunfos en los que me parece tener algo mío”.

Estabelecido como boticario en Foz (1901), o mozo Antón entregou os seus primeiros textos ao diario fundado por Fernández Latorre. Entre eles citaremos un relato breve en castelán, intitulado “Cuento de Reyes”; un artigo necrolóxico sobre o dramaturgo noruegués Henrik Ibsen; un traballo en que cuestionaba a filosofía estética da “arte pola arte” e, por último, unha crónica dunha excursión dos tertulianos da súa botica focega (Noriega Varela, Camilo Cela...) á mítica Frouseira, lugar emblemático da peripecia de Pardo de Cela que había de lle inspirar máis tarde a confección da peza O Mariscal, en colaboración co poeta Ramón Cabanillas.

Un segundo instante de colaboración verifícase cando Villar Ponte regresa de Cuba, en xullo de 1910, traendo entre mans as correspondencias de dous xornais cubanos: o Diario de la Marina, de La Habana, e La Correspondencia, de Cienfuegos. Para ambos rotativos e para La Voz de Galicia viaxa en decembro de 1910 ao Portugal da revolución republicana, deitando unha ollada moi céptica e distante sobre o que alí acontecía nas súas “Crónicas de Lisboa”.

De regreso á súa vila natal, Antón actúa como correspondente de La Voz de Galicia nos actos de celebración do Centenario de Nicomedes Pastor Díaz e informa aos lectores dos graves incidentes electorais que se verifican en 1911 na cidade do Landrove, con vítimas mortais incluídas. Anoxado co ambiente, decide marchar á Coruña. Nesa cidade, da man de Federico Maciñeira (tío da súa noiva Micaela Chao, con quen casará en abril de 1913), entra no círculo de relacións de Fernández Latorre, quen pouco antes de morrer ordena que o de Viveiro pase a facer parte da redacción do seu xornal. Corre o mes de marzo de 1912.

Villar Ponte comeza como “redactor de noite” (encarregado de atender a “última hora”, pois). Despois pasa a cubrir unha sección, de periodicidade case diaria e publicada en primeira plana, denominada “Con letra del siete” (23 de agosto de 1912-10 de xaneiro de 1918), nutrida con artigos de comentario de actualidade, feitos moitas veces nun ton lixeiro e humorístico. Tratábase, segundo as súas propias palabras, de “llenar una ó dos cuartillas con glosas de temas minúsculos, pero interesantes”. Aborda así cuestións sociais (educación, sanidade, dereitos da infancia e da muller, anti-flamenquismo, pena de morte, emigración...), temas económicos (aranceis, atraso infraestrutural...), temas artístico-literarios (comentarios de exposicións, recensións de libros, críticas teatrais, campaña pró-admisión da Pardo Bazán na Academia Española...) ou relacionados co propio xornalismo (deficiencias do servizo telegráfico, escasa contía das remuneracións aos forzados da pluma, críticas ao labor dos correspondentes na Grande Guerra, rexeitamento da maniquea división entre buena e mala prensa...).

Sobre todo a partir de 1914, a sección “Con letra del siete” testemuña a decantación nacionalista de Villar Ponte. O desenvolvemento tráxico da guerra europea reforza a súa simpatía cara ao pacifismo, cara ao anti-imperialismo e cara aos pobos sen estado ou especialmente martirizados no conflito (Irlanda, Bélxica, Polonia...). O panorama político español cáusalle malestar, decepción ou fastío, agás cando considera as actitudes e campañas do catalanismo de Cambó, que defende e aplaude. O agrarismo basilista tamén resulta criticado con dureza na sección, sob acusación de retoricismo vacuo. O tema idiomático cobra relevancia en traballos como “Por nuestro renacimiento literario”, “El gallego no debe morir”, “Lo real inverosímil” e “Por Cataluña y por Galicia”, que conforman a substancia do seu folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional” (1916), base da fundación das Irmandades da Fala. A impresión do folleto corre a conta de La Voz de Galicia precisamente, como agasallo, e varios dos redactores do xornal (Faginas, Barreiro, Fernández Merino...) son “irmáns da fala” na primeira hora.

En paralelo ao desempeño da dirección do voceiro das nacentes Irmandades, A Nosa Terra, Villar Ponte continúa cubrindo na redacción de La Voz de Galicia a sección “Con letra del siete”, mais nun clima de cada vez maior incomodidade, dadas as crecentes discrepancias coa orientación editorial do diario, afín ao líder liberal García Prieto e nada condescendente co agromar nacionalista galego. O tratamento dado polo xornal á “Semana Galega” que as Irmandades celebran en Cataluña en decembro de 1917, logo de pactaren coa “Lliga” de Cambó, e diversos artigos de Manuel Casás contra elas publicados nas súas páxinas convértense no detonante para a marcha do noso autor, que desde o 1 de febreiro de 1918 asume a dirección factual (a nominal recae en Rodrigo Sanz) do xornal coruñés El Noroeste, adquirido polos catalanistas nesa altura para reforzar as súas propagandas descentralizadoras na Galiza.

Alejandro Barreiro
Comeza así unha longa etapa de desencontro ideolóxico e mesmo persoal de Antón con La Voz de Galicia e co seu director, Alejandro Barreiro. A relación entre ambos chegara a ser tan estreita que o de Viveiro prologara o volume Del arte gallego (1917). Desde febreiro de 1918 até 1933, a presenza de Antón nas páxinas do diario herculino é absolutamente anecdótica e aparece sempre vinculada á celebración dalgún acontecemento interno na vida do propio xornal, como a adquisición da rotativa “Koenig&Bauer”, en 1923.

Disoltas as Cortes Constituíntes da 2ª República, en 1933, Antón fica sen escano no novo Parlamento e pouco despois abandona a ORGA de Casares Quiroga. Nesta conxuntura La Voz de Galicia decide contratar os seus servizos como columnista. Os seus artigos aparecerán baixo diversos marbetes. Comezarán saíndo asinados mediante o pseudónimo SIL e co título de "Rutas gallegas". Logo, e até a propia morte do xornalista en marzo de 1936, cobrarán presenza baixo un amplo rótulo xenérico, "Temas", que se irá adaptando pertinentemente á esencia de cada un dos textos redixidos. Outros títulos que acobillarán as súas colaboracións son os de "Charlas", "Breviario" e "Letras regionales".

O galeguismo, duramente represaliado a partir de novembro de 1933 polas autoridades radical-cedistas (suspensión de A Nosa Terra, desterro de Castelao e Bóveda, etc.) e con notorias dificuldades para que a imprensa do país se fixese eco dos seus posicionamentos, disporá da pluma de Antón Villar Ponte para os seus afáns proselitistas e propagandísticos. Non por acaso, unha manchea de artigos escritos e publicados polo xornalista en La Voz de Galicia durante o período 1934-1935 baterán arreo en dous temas fundamentais nese momento histórico: a autonomía galega e o combate anti-caciquil.

domingo, 18 de xaneiro de 2015

A FACETA XORNALÍSTICA DE PASTOR DÍAZ

O xornalismo foi para Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 15.9.1811- Madrid, 22.3.1863), como en certa maneira tamén a propia poesía, cáseque “un pecado de xuventude”, isto é, unha actividade á que se entregou en corpo e alma só durante unha concreta e temperá parte da súa existencia, abandonándoa despois case por completo.

Por máis que breves no tempo [lémbrese que o tomo da súas Poesías edítao aos 29 anos e que as derradeiras campañas publicísticas non sobardan a metade da década dos 40], Pastor Díaz logrou raiar nesas facetas poética e xornalística a unha altura considerábel, o mesmo que na análise sociolóxica coas súas conferencias no Ateneo Los problemas del socialismo (1848-1849), na novelística con De Villahermosa a la China (1858) e no ensaio biográfico coas vidas de Javier de Burgos, o duque de Rivas, Diego de León e Ramón Cabrera. Poi iso podemos dicir que de todas esas facetas cultivadas tirou o prestixio público sobre o que asentou o seu verdadeiro campo de interese, que non foi outro que a política.

Nesta última actividade desenvolveu, como é ben sabido, unha carreira fulgurante, na que se sucederon os postos relevantes e as graves responsabilidades (xefe político de Segovia – 1837 - e de Cáceres – 1839 -; deputado a Cortes en varias ocasións e por diversos distritos, desde 1843; reitor da Universidade Central – 1848 -; ministro de Comercio, Instrucción e Obras Públicas no gabinete puritano que presidiu Pacheco en 1847; embaixador en Torino nos anos 50; ministro de Estado con O’Donnell en 1856; senador desde 1858; embaixador en Lisboa – 1860 -; ministro de Gracia y Justicia, novamente con O’Donnell, en 1863…), mais sen que faltasen tampouco, xaora, os dolorosos fracasos e os momentos amargos (lémbrense os dous meses que tivo que permanecer en prisión en 1840, por tentar axudar á rexente María Cristina en Valencia ou a súa derrota en 1846 no distrito de Viveiro fronte ao candidato Coira Ares).

No campo propiamente xornalístico, o debut de Pastor Díaz tivo lugar por volta de xaneiro de 1834 na redacción do xornal progresista madrileño El Siglo, de curta vida (tres meses) por mor da censura, pero que constitúe un fito por ser o primeiro xornal liberal que se publicou na nova era constitucional, logo da morte de Fernando VII.

En 1835, o de Viveiro asina traballos en La Abeja, como o poema “La mariposa negra”, e durante 1835-1836 colabora coa revista El Artista, fundada por Eugenio Ochoa, onde publica poemas como “A la luna”. Pola súa vez, en El Museo Artístico Literario achega “Del movimiento literario en España en 1837”.

Estas iniciais aparicións na prensa como poeta e como crítico literario axiña dan paso a colaboracións de índole distinta, centradas nos asuntos da res publica. Destacada é a súa participación nunha campaña contra o xeneral Espartero en 1841 nas planas de El Correo Nacional, tras dous meses de estadía no cárcere do cuartel de Salvaguardias. Neste cabezallo de prensa escribe artigos como o titulado “Sobre la revista que en 25 de enero de 1841 pasó a la Milicia Nacional en Madrid el Duque de la Victoria, Regente”, en que acusa implicitamente a Espartero de ser o “suscitador de la revolución y anarquía que se han desencadenado sobre esta nación sin ventura” e o cualifica de “personificación de la demagogia”.

En 1841, Pastor Díaz funda El Conservador, con Pacheco, Ríos Rosas e Cárdenas. Nel publica artigos que transparentan o seu ideal político moderantista, liberal-conservador e antiesparterista, entre os que cabe citar os seguintes:

    • “Situación política de 1841”, en que fai un aceso eloxio de María Cristina de Borbón, raíña Rexente, defende o centralismo político-administrativo e expresa unha “grave y vigorosa protesta contra las ya rancias preocupaciones revolucionarias, contra las teorías trastornadoras, contra las exageraciones democráticas, contra la ojeriza antimonárquica y el fanatismo antirreligioso de nuestros decrépitos jacobinos”;
    • “Medidas excepcionales (nº 4), en que denuncia a inxerencia do estamento militar nos asuntos da gobernación pública, en claro ataque a Espartero;
    • “Progresos de la anarquía” (nº 5), no que sinala que con Espartero rexente trunfa a anarquía en todas as esferas da vida social e política española;
    • “De la república de las sociedades modernas” (nº 13), en que declara que “a los hechos revolucionarios dirijimos nuestros ataques” e se sitúa nas antípodas do republicanismo, ao que identifica coa anarquía e cos trastornos sociais;
    • Ça ira” (nº 17), en que denuncia que as masas xa están a organizarse e a se levantar coa palabra “repartimiento” nos beizos;
    • “De las Asambleas deliberantes como poder legislativo” (nº 21), en que defende o rol político e lexislativo do Parlamento;
    • “De la aristocracia” (nº 22), traballo no que afirma, fronte ás tendencias igualitaristas, a influenza beneficiosa dese estamento social na dirección dos negocios públicos;
    • “Libertad” (nº 24), en que declara que a Liberdade é unha ilusión, un valor máis moral do que político, que só pode garantir a Relixión;
    • “Necesidad de un principio incontrovertible de gobierno” (nº 23), en que indica que a relixión é ese principio, porque mantén institucións como a monarquía, o matrimonio, a familia …; e defende o respecto á Lei por riba de toda continxencia.

Tamén aplaude nas páxinas de El Conservador a segunda parte da peza teatral de Zorrilla El zapatero y el rey (nº do 16.1.1842), a novela Sab (nº do 19.12.1841) de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873) e a publicación dun tomo de Poesías por parte desta mesma escritora (nº do 23.1.1842). Neste último artigo, Pastor Díaz defende o dereito da muller escritora a tratar todo tipo de temas (“a nosotros no nos parece que cuando una mujer toma la lira, necesaria y fatalmente ha de suspirar amores, ni exhalar blandas melodías”) e loa a valentía desta no medio da “fútil y prosaica sociedad, en medio del siglo positivo y financiero, en medio de la literatura convertida en industria”. O de Viveiro, porén, non deixaría de advertir profeticamente (cf. Rosalía de Castro) que unicamente hostilidades, incomprensións e indiferenzas agardaban á atrevida poeta:

“¡Sed poeta!... cantad las maravillas de la naturaleza, las borrascas del corazón, las tristezas del alma, las esperanzas del cielo, o la desesperación del mundo; y en respuesta a vuestros cantos, y en eco a la expresión de vuestros afectos, os negarán la posibilidad de sentirlo. Sed poeta, describir las pasiones; que no creerán en las vuestras. Sed poeta, y hablad de virtud; que os llamarán hipócrita. Sed poeta, cantad el nombre de Dios; que os llamarán ateo. Sed poeta, dad al viento los ardientes suspiros de amor; y ninguna hermosura creerá que podéis consagrarle vuestro corazón (...) Sed poeta, y dad a luz vuestros cantos; los sabios de los grandes volúmenes os llamarán compasivamente superficial, y deplorarán un talento perdido. Sed poeta, y publicad un libro, si los aterrados libreros se han decidido al arrojo de imprimirle; y os habréis incapacitado ante el mundo para todo lo que exige y supone ciencia, gravedad, perseverancia, estudio, conciencia, acaso virtud.
Pero, sobre todo, sed poeta mujer; y a todas las desgracias y miserias de vuestro sexo, y a todas las agitaciones y tristezas de vuestro corazón, añadid una más grande todavía. Cuando la preocupación de los hombres no os dispute la originalidad de vuestro genio, la de vuestro propio sexo os condenará a la pena, que en el pueblo de Atenas alcanzaba a todos los que por alguna calidad eminente se elevaban sobre los demás (... ): el ostracismo”.

Outros xornais cos que colaborou o autor de “La mariposa negra” foron El Heraldo (1842) de Madrid, ao que achega traballos de tema histórico-artístico como o titulado “La Alhambra. Gonzalo de Córdoba. El Cid”, en que protesta polo maltrato ao patrimonio monumental e se doe do seu estado de abandono; El Sol, que el propio fundou con Ríos Rosas e Tassara e no que deitou o carismático artigo “Sobre la mayoría de la Reina” (30.3.1843); La Patria, dirixido por Joaquín Francisco Pacheco, no que Pastor Díaz adiantou aos lectores en 1848 a primeira parte das catro que compoñerán finalmente a súa novela De Villahermosa a la China; e, por último, o xornal La Concordia, dirixido polo seu futuro biógrafo Fermín de la Puente, no que deu á publicidade fragmentos do seu ensaio en defensa do Papado Italia y Roma. Roma sin el Papa

O Tomo V das súas Obras Completas patrocinadas pola RAE (1866-68), prologado por Antonio Ríos Rosas e editado baixo o título Las campañas periodísticas, recollerá moitos dos traballos que aquí deixamos amentados, como tamén o fará o tomo III, con prólogo de Antonio Ferrer del Río, baixo o rótulo de Álbum literario. A crítica literaria e o debate político representan o quiñón temático principal deste Pastor Díaz xornalista que aquí fica evocado.