
No
primeiro centenario das Irmandades da Fala, moitas figuras vinculadas
a esa entidade merecen atención e recoñecemento, mais talvez
ningunha máis necesitada de ambas cousas como a esposa de Antón
Villar Ponte, Micaela Chao Maciñeira, única muller que participou
no acto fundacional da nova organización, única que fixo parte da delegación irmandiña
que viaxou a Cataluña en 1917, colaboradora do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e principal animadora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade coruñesa.
Coñécense
en Cuba
Micaela
coñeceu o seu futuro esposo no segundo semestre de 1908 en Cuba,
onde vivía cos seus pais, Juan Chao Fernández (propietario da
fábrica de tabacos "La Capitana") e Carmen Maciñeira
Bouzamayor e cos seus irmáns Juan, Antón, Tereixa (futura esposa de
Ramón Villar Ponte) e Carme. A concorrencia a múltiplas festas,
bailes e banquetes da colonia galega na Illa, a asistencia a
representacións teatrais no Payret e no Nacional e a participación
de ambos na "Sociedad
Gallega de Declamación Rosalía Castro" foron
algúns dos ámbitos de relacionamento onde xurdiu o seu namoramento.
A
“Rosalía Castro” fora fundada en xaneiro de 1908 por Julio
Monasterio, Abdón Vide e Antonio Froján, entre outros, e tiña a
súa sede no Parque da India, concretamente no número 15 da Rúa
Monte de La Habana. Alén do cadro de declamación, que presidía
honorificamente a xornalista Mercedes Vieito Bouza, contaba cunha
sección de "Recreo y Adorno", presidida por Julio
Monasterio, e cunha sección de "Solfeo, Filarmonía, Canto e
Instrucción", que dirixía o músico Felipe Pereira. Na
etapa en que Antón e Micaela fan parte do cadro, este representou
algunhas pezas de Lugrís Freire, como Minia.
Ademais,
Mercedes Vieito escribiu un apropósito
en xaneiro de 1909 que interpretaron as irmás Micaela e Tereixa Chao
Maciñeira, Marina Cabrera, América Campos, Severiano Jesús, Abdón
Vide, Eduardo G. Burets e Leonardo Monzo.
A
marcha de Antón a Camagüey en outubro de 1909, para dirixir o
xornal El
Comercio,
puxo un punto de forzosa distancia na relación, mais non a apagou,
como demostra o feito de que o de Viveiro decidise regresar a Galiza
no verán de 1910, xusto no instante en que o facía a familia
enteira de Micaela...
Cando
volveu de Cuba, o clan Chao Maciñeira asentou na aldea de Susavila,
en Ortigueira, de onde eran naturais os seus devanceiros e onde
residía o máis importante dos seus parentes vivos, o erudito e
arqueólogo Federico Maciñeira, que terá unha influencia decisiva
na admisión en 1911 de Antón Villar Ponte como redactor no plantel
de La Voz de Galicia, xornal propiedade do deputado polo
distrito ortegano Fernández Latorre.
Contraen
matrimonio
Micaela
e Antón contraerán matrimonio na Coruña o 26 de abril de 1913,
como testemuña o Folio 92 do Tomo 39 da Sección de Matrimonios
Canónicos do Rexistro Civil do Distrito da Audiencia da Coruña, ano
1913, inscrición número 83. El ten 32 anos e ela 21. A
cerimonia canónica, oficiada polo presbítero Leandro del Río, tivo
lugar na Igrexa parroquial de Santa Lucía e actuaron como testemuñas
o militar Xesús Galdo Parapar, Federico Maciñeira Parga e Alejandro
Barreiro Noya, futuro director de La Voz de Galicia.
Deste
matrimonio nacerán dous fillos, Antonio e Carme. O primeiro, que
faleceu en EE.UU. no ano 2000 despois de vivir moitos anos en
Venezuela, chegou a ser célebre como futbolista do Deportivo, co
sobrenome de Tonecho. Carme Villar Chao, pola súa banda, é a
Meliña a quen Ramón Cabanillas dedicou un poema na revista
As roladas (xullo de 1922). Morrería con vinte e poucos anos,
vítima da tise.
Tras casaren, Antón e Micaela emprenderon unha existencia
en común marcada polas relativas estreiteces económicas (provocadas
polos limitados ingresos do xornalista, as moitas causas cívicas e
culturais en que ambos participan e as lóxicas cargas familiares
xeradas pola atención dos seus dous fillos) e, sobre todo, pola
militancia común nas Irmandades da Fala.
Micaela,
ao igual que as súas irmás Tereixa e Carme e que seus irmáns Antón
e Juan, abrazou con plena consciencia o ideario galeguista exposto
polo seu marido en moitos artigos da súa sección "Con letras
del siete" en La Voz de Galicia ao longo de 1914, 1915 e
1916 e mais no folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación
regional, converténdose
nunha das primeiras mulleres, se non a primeira, en profesalo e en
axudar a espallalo.
Constitúese
a primeira das Irmandades
Como
é sabido, o acto fundacional da primeira das Irmandades da Fala, a
da Coruña, celebrouse o 18 de maio de 1916, no local que a Academia
Galega tiña entón na cidade. Nesa xuntanza, logo dunhas palabras de
saúdo de Antón Villar Ponte e dun discurso de Lugrís Freire,
discutíronse e aprobáronse "con gran entusiasmo", a dicir
do cronista de La Voz de Galicia, os primeiros Estatutos da
nova entidade, que recibía inicialmente a denominación de "Os
Amigos da Fala Gallega" [sic] e que declaraba como obxectivo
fundamental espertar, mediante o seu uso oral e escrito, a "afición
e amor dos fillos de Galicia" cara a ela. Presidiría a nova
entidade un Consello Directivo, do que faría parte Antón Villar
Ponte en calidade de Conselleiro Primeiro.
A
esta xuntanza fundacional das Irmandades asistiu a plana maior do
rexionalismo coruñés que, desde finais de século, tiña dado pulos
á Cova Céltica, á Revista Gallega, á "Liga Gallega",
á "Escola Rexional de Declamación" e ao movemento da
"Solidaridad Gallega". Alí estiveron, con efecto, o
dramaturgo e poeta Manuel Lugrís Freire, os irmáns Florencio e
César Vaamonde Lores, o historiador Francisco Tettamancy, Eugenio
Carré Aldao e o seu fillo Leandro e o músico Baldomir. Non acudiu,
porén, Manuel Murguía, molesto con certos reproches que Antón
Villar Ponte tiña expresado na prensa por mor da falta de apoio
explícito do “Patriarca”, en tanto que presidente da Academia
Galega, á mobilización catalanista en favor da lingua celebrada en
Barcelona en xaneiro de 1916.
Outro
sector da concorrencia á reunión fundacional das Irmandades
relaciónase co xornal en que Villar Ponte enunciara as súas
principais propagandas galeguistas, La Voz de Galicia. Están
presentes, efectivamente, redactores do rotativo herculino como
Robustiano Faginas, o debuxante Fernando Cortés Bugía, Fernández
Mouriño, Fernando Martínez Morás (fillo de Andrés Martínez
Salazar) e os irmáns Augusto e Alejandro Barreiro (este último,
director do xornal).
Un
terceiro grupo de asistentes estivo composto por persoas vinculadas a
outros cabezallos de prensa herculina, como Ricardo Carballal
Lafourcade (futuro administrador e redactor de A Nosa Terra)
ou Juan Fernández Merino (redactor noutrora en Cuba do xornal La
Tierra Gallega, fundado por Curros).
E
completan o elenco de asistentes varios membros da propia familia
Villar Ponte: Ramón, Antón, a súa esposa Micaela Chao Maciñeira e
o irmán máis novo desta, Antonio Chao. Micaela foi, xa que logo, a
única muller presente na xuntanza que deu orixe ás Irmandades da
Fala e a primeira que fixo efectiva a súa afiliación á nacente
entidade. Seu irmán Antón Chao, nado en 1899, redactor de El
Ideal Gallego e colaborador de A Nosa Terra
sería, porén, a primeira baixa que chorasen os irmandiños,
pois morreu en agraz con tan só 18 anos de idade en maio de 1917.
Na “Semana Galega” en Cataluña
Ao
pouco de iniciada a súa xeira, as Irmandades da Fala mostraron un
claro interese por contactar e abrir canles de colaboración co
daquela puxante nacionalismo catalán conservador organizado na
"Lliga Regionalista", presidida por Francesc Cambó.
Concertaron para iso un intercambio de delegacións entre a Lliga e
as Irmandades. Son as denominadas "Semana Galega en Cataluña"
e "Semana Catalana en Galiza", respectivamente, que tiveron
lugar nos meses de novembro e decembro de 1917.
A
delegación galega que viaxou a Cataluña ficou composta por Antón
Villar Ponte, seu irmán Ramón, Rodrigo Sanz, Banet Fontenla, Antón
Valcárcel, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada
Diéguez e o advogado e concelleiro santiagués, director do xornal
Gaceta de Galicia, Francisco Vázquez Enríquez. A estes nomes
hai que sumar o de Aurelio Ribalta, que se desloca á capital
catalana directamente desde Madrid, o do estudante de orixe ortegana
Leandro Pita Romero e mais o da única muller integrante da
expedición, Micaela Chao Maciñeira.
A delegación galeguista
chega a Barcelona o 26 de novembro de 1917, sendo recibida na propia
estación ferroviaria por unha representación da "Lliga"
encabezada polo senador Abadal i Calderó. Tras instalarse no hotel,
os delegados das Irmandades visitarán o local da "Lliga" e
alí pronunciará Antón Villar Ponte, precisamente, a primeira das
charlas de divulgación do nacionalismo galego na cidade condal,
sobre "A evolución do noso rexionalismo".
As diferentes conferencias
dos membros da delegación sucederanse nos días seguintes en
diversos locais da cidade condal, así como as visitas a monumentos,
locais sociais, etc. No emblemático "Palau de la Música
Catalana", o "Orfeó Catalá" ofreceu á delegación
galega na noite do día 1 de decembro, baixo a batuta de Lluís
Millet, un concerto de gala. A crónica de La Veu de Catalunya
(2.12.1917) asinala que finalizada a interpretación da primeira
parte do programa
"(...)
arribà el president de les Irmandades da Fala, senyor Villar Ponte,
acompanyat d'altres senyors, i la seva presència fou rebuda amb
sorollosos aplaudiments i visques a Galícia, als quals ell
correspongué amb visques a Catalunya".
O
citado xornal barcelonés valorizaba no día da partida dos
representantes das Irmandades da Fala: "Els
nostres companys en Nacionalisme s'en van de Barcelona plens de
satisfacció per les moltes i afectuoses atencións de que han estat
objecte arreu on han anat". Referíndose aos actos de
despedida da delegación galega, indicaba ademais que "a
la senyora de Villar Ponte li han estat entregats un artístic feixet
d'eura lligat amb una cinta de bandera catalana i um pom de violes
boscanes".
A
Sección Feminina da Irmandade da Fala coruñesa
Do
20 de abril de 1917 ata mediados de 1918, rexistrouse en A Nosa
Terra unha colecta entre mulleres, co fin de reunir os diñeiros
que permitisen financiar a dotación dunha bandeira galega bordada
para a Irmandade herculina.
![]() |
María Miramontes |
No
listado de contributos, significativamente encabezado por Micaela
Chao Maciñeira, figuran entre outras súas irmás Tereixa e Carme,
Clementina Ponte (tía materna de Antón e Ramón Villar Ponte),
Eudosia Álvarez e María Luísa Cabanillas (esposa e filla,
respectivamente, do poeta cambadés Ramón Cabanillas), María
Rodríguez Yordi (filla do poeta e académico Eladio Rodríguez
González), Amalia e Ramona Tettamancy (fillas do historiador
Francisco Tettamancy), Pura González (esposa do dramaturgo Manuel
Lugrís Freire), Pilar e Pura Lugrís (fillas de ambos), Carme Díaz
Varela (esposa do notario monfortino Manuel Banet Fontenla), Pilar e
María Banet (fillas de ambos), María Miramontes (futura esposa do
editor Ánxel Casal Gosenxe), Sofía Domínguez (esposa de Antón
Valcárcel), Luísa Souto (esposa do catedrático de Veterinaria
Xesús Culebras), etc.
As
cigarreiras da Fábrica de Tabacos coruñesa que compuñan o montepío
“La Laboriosa” achegaron por man da súa presidenta, María
Villares, unha nada desdeñábel cantidade de diñeiro para a
bandeira da Irmandade, o mesmo que un grupo de mozas de Sada
encabezado por Laura Prado.
Esta
iniciativa da bandeira foi preludio da constitución, en agosto de
1918, dunha “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa.
Con máis de 200 asociadas, segundo indica o xornal A Nosa Terra,
a súa Conselleira Primeira foi inicialmente Micaela Chao Maciñeira.
Na directiva que se elixiu no Nadal de 1918, Xosefa Vázquez
substituíu a Micaela, que pasou a ser Vocal, mentres Tereixa Chao
ocupou o posto de Vicesecretaria. A futura esposa
de Peña Novo, Ermitas López Verdes, tamén facía parte deste cadro
dirixente como tesoureira, canda Elvira Bao (secretaria), María
Balboa (contadora) e as vocais Rosa Martínez, Avelina Fernández,
Teresa Fernández, María Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina
Sardina.
Editar
folletos de propaganda propios, recoller información sobre a
situación laboral da muller galega (para logo de estudala e
analisala propor alternativas), participar en determinados actos
públicos e interesar aos Centros Galegos de América pola protección
á muller emigrada, foron algúns dos obxectivos concretos desta
“Sección”. No
boletín A
Nosa Terra colaboraron
por esta época, igualmente, escritoras como Francisca Herrera
Garrido, Mercedes
Vieito Bouzas e Coroa González. Durante o período da Ditadura
reforzaron a presenza feminina na Irmandade coruñesa mulleres como
Pilar Castro (esposa de Federico Zamora), Hermitas Pavón (que
casaría con Fernando Blanco), Elisa Sueiras (casada con Xulio Pita),
Josefa Gómez e Eulalia Labora.
Hai
que recoñecer que o rol público e organizativo das mulleres
asociadas á “Sección feminina” da Irmandade coruñesa foi, en
todo caso, moi limitado se o compararmos co desempeñado polos varóns
da asociación, que acapararon a articulística, a propagandística,
a proxección pública, a participación nas Asembleas e os postos de
dirixencia da entidade. A praxe ficou, pois moi atrás do discurso,
aínda que este se situou desde logo en posicións progresistas desde
un principio.
Con
efecto, desde
a Asemblea de Lugo (1918) as Irmandades recollen explicitamente no
seu programa a loita pola igualdade de dereitos para a muller,
reivindicación que reiteran ademais (“igualdade absoluta, política
e civil, da muller co home”) na 2ª Asemblea Nacionalista (1919),
cando a concesión do dereito ao voto demorou, como é sabido, ata a
Constitución republicana de 1931.
![]() |
Elvira Bao |
Ben
revelador é que pola mesma época en que surxen as “Seccións
femininas” das Irmandades, nas planas de A
Nosa Terra (nº
85-86) José Sarmiento Tabares felicítase porque a muller “estase
preparando, capacitándose pra tomar parte activa en todol-os
problemas sociaes e políticos”, entanto o betanceiro José Vía
Golpe (nº 111) cualifica esa loita das mulleres polos seus dereitos,
nomeadamente o do sufraxio, como “unha esperanza”. E o mesmísimo
Antón Villar Ponte, nunha das últimas entregas da súa sección
“Con letra del siete” en La
Voz de Galicia
(10.1.1918) aplaudía a intención do goberno británico de conceder
o dereito ao voto ás mulleres e argumentaba:
“¿Cuándo
nuestras mujeres estarán en condiciones de poder disfrutar del
sagrado derecho al voto? (...). Por lo que respecta a Galicia es
indudable que la mujer - sobre todo la del campo - está tan
capacitada como el hombre para acudir a las urnas electorales. Efecto
de la emigración y de la especial manera de ser de nuestra economía,
son la mayor parte de las mujeres gallegas quienes llevan el peso de
la casa - aún nos atreveríamos a decir el del trabajo también -
apareciendo, si no de derecho, de hecho, como los verdaderos cabezas
de familia. Por eso no va descaminado el regionalismo gallego actual,
cuando en sus prédicas por ciudades, villas y aldeas le ofrece a la
mujer llena de deberes trabajar para que consiga el disfrute de los
derechos políticos que le corresponden en justicia”.
Algunhas
das militantes da Sección Feminina da Irmandade coruñesa, entre
elas Micaela e Carme Chao Maciñeira, participaron ademais nos
traballos do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”.
Actividade
no “Conservatorio” da Irmandade coruñesa
O
amentado “Conservatorio” foi creado pola "Sección de
Cultura e Fala" da Irmandade herculina en 1918. Lois Peña Novo,
no seu discurso da velada inaugural presentou a nova entidade con
estas palabras:
"O
'Conservatorio Nazonal de Arte Galego' quere ser base, preparación
para o advenimento de bos autores e competentes actores que lle abran
ó noso teatro amplio campo para un éisito trunfal; comenzo d'unha
escola de múseca da que os alumnos saquen conocimento e proteición;
d'unha escola de paisaxistas que poidera ter prestixioso asento na
Cruña; pretende ser solar do arte galego, que recolla tamén da irmá
Lusitania aquelas manifestacións artísticas que se axeiten ás
nosas".
O
“Conservatorio” fixo o seu début no “Pabillón Lino” coruñés
o 22 de abril de 1919, representando A man de Santiña de
Ramón Cabanillas e Umha anécdota, do portugués Marcelino de
Mezquita.
Estivo
dirixido inicialmente por Fernado Osorio Docampo, mais impulsouno,
sobre todo, Antón Villar Ponte, quen ademais de fornecer textos
orixinais (A patria do labrego, Entre dous abismos) e
traducións (Shakespeare, August Strindberg, Moliére,
Aristófanes...), chegou a interpretar algúns papeis en varias
representacións.
Este
“Conservatorio” contou coa participación de actores afeccionados
como Vítor Casas (futuro responsábel de A Nosa Terra),
Manuel Lemus, Baltasar Edreira, Elvira Bao, Luís Lafuente, Carme
Meléndrez, Luísa Castelo, etc. As irmás Micaela e Carme Chao
Maciñeira tamén subiron ao escenario. Carme, por exemplo, foi
actriz de reparto na estrea de A man de santiña e na
representación da peza do seu cuñado Entre dous abismos. Non
o debía facer nada mal, pois segundo nos ten contado algunha vez
Teresiña Villar Chao, q.e.p.d., chegou a ser bautizada como a “Sara
Berhnart” da escena galega... Jenaro Marinhas del Valle
relatou tamén nalgunha ocasión que cando os entreactos das
representacións eran longos, Micaela Chao Maciñeira tentaba
amenizalos tocando o piano, acompañada ás veces pola voz de
Bernardino Varela, o marido da tamén irmandiña Elvira Bao
Maceiras.
Os
prometedores comezos do "Conservatorio" torcéronse moi
axiña. O enfrentamento interno dos 'renovadores' Fernando Osorio e
Antón Villar Ponte con Leandro Carré Alvarellos (e probabelmente
coa maioría do alumnado do CNAG) por mor dos criterios de selección
de obras para a configuración do repertorio deu ao traste, en
primeiro lugar, co intento de representación da peza Donosiña,
de Xaime Quintanilla e, na continuación, acabou por significar a
desaparición da propia entidad
e, en 1920.
Falecemento
de Micaela
O
27 de novembro de 1928, Antón Villar Ponte padece unha dolorosa e
obrigada paréntese na súa traxectoria cívica por mor do óbito da
súa compañeira Micaela Chao Maciñeira, a consecuencia dunha
nefrite contra a que nada puideron os coidados dos médicos Urbano
Losada e Búa. O boletín A
Nosa Terra expresaba
o seu pésame por medio destas palabras ("Liñas de loito",
nº 255,
1.12.1928, p. 11):
"Antón
Villar Ponte, o querido compañeiro e irmán, pasa arestora pol-a
grande desgracia de ver morrer â sua distinta dona Micaela Chao
Maciñeira. Unha señora que compartía por enteiro os sentimentos
galeguistas de Villar Ponte e da sua familia, caso exemprar de
sinceiro e acendrado patriotismo. Foi conselleira primeira da
Irmandade femenina cruñesa e estaba compretamente identificada cos
nosos ideás galegos manifestándoo a cotío con forte intensidade e
constancia".
Pola
súa banda, a revista Céltiga de Buenos Aires, codirixida por
Blanco Amor e Suárez Picallo, lamentaba así a infausta nova
("Necrológicas. Doña Micaela Chao de Villar Ponte",
Céltiga, Buenos Aires, nº 95, 10.12.1928):
"Días
pasados, el telégrafo nos dió la triste noticia del fallecimiento,
en la capital de Galicia, de la esposa de nuestro dilecto
colaborador, maestro y amigo, Antón Villar Ponte.
Hállase,
pues, enlutado y entristecido el hogar galleguísimo del gran
publicista gallego, cuyo dolor por la pérdida irreparable de la
buena y comprensiva compañera, compartimos fervorosa y cordialmente.
La
señora de Villar Ponte, joven, bella y culta, era en aquella casa
del Riego de Agua [sic], el espíritu animador de nuestro primer gran
periodista. En las horas tristes del gran luchador; cuando por
defender sus nobles ideales se iba a la cárcel, la buena señora lo
despedía con un naturalísimo hasta luego, infundiéndole, con su
heroísmo silencioso, insospechables bríos. Su mano de hada buena,
acariciaba la cabeza inquieta del maestro para ahuyentar los malos
pensamientos e infundirle más fe en la causa que defendía.
Como
todos los gallegos que vuelven a la tierra, quien escribe estas
líneas, llamó en nombre de CÉLTIGA a las puertas de aquella casa
petrucial. Y fué la dama, noble y gentil, la que le abrió sus
puertas, obsequiándolo con un cubierto en aquella mesa. Por eso los
traza con el corazón en las ... de la pluma, extendiendo, en nombre
de la hermandad de los céltigos, las manos fraternas al maestro y
derramando sobre la tumba de su compañera muerta las flores del
recuerdo cariñoso saturadas con esta palabras: Paz en la tumba de la
muerta y resignación al compañero para afrontar el rudo golpe".
![]() |
Antón Villar Ponte, en 1929, xa viúvo |
Micaela resulta unha
personaxe absolutamente decisiva na traxectoria do seu marido. Desde
que se coñeceron en Cuba, compartindo os labores do cadro de
declamación "Rosalía Castro", ambos partillaron un
proxecto de vida en común que houbo de afrontar numerosas renuncias,
penalidades e contratempos.
Procedendo dunha familia das
terras do Ortegal con certo acomodo económico, Micaela non só
renunciou a certo tipo de vantaxes e comodidades que a profesión de
xornalista e o compromiso civilista do seu marido non lle podían
garantir baixo ningún concepto, senón que mesmo acompañou o
evoluír ideolóxico do seu esposo e chegou a asumir activamente a
ideoloxía nacionalista que aquel formulou a partir de 1916.
Fernández Oxea
(Ben-Cho-Shey),
nun traballo intitulado "O fogar de Vilar Ponte", que foi
publicado no boletín A
Nosa Terra
(nº 405, 13.3.1936), chamaría a atención sobre a exemplaridade do
casal Villar-Chao no tocante á conduta idiomática, pois educaron os
fillos, Tonecho e Meliña, falándolles en galego: "Si todol-os
fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón
Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa
terra".
O
propio Villar Ponte, ao redixir un artigo necrolóxico sobre o poeta
Manuel Antonio e evocar as visitas que o poeta rianxeiro cursaba de
cando en cando ao seu fogar na Coruña, non poderá menos que
recoñecer o papel de anfitriona perfecta que a súa esposa xogou
nesas ocasións ("Exemplos. O noso poeta do mar", El
Pueblo Gallego, Vigo, nº 1.827, 5.2.1930):
"¡O
meu fogar, hoxe de loito, de loito para sempre, pol-a perda da boa
muller, dina compañeira d'un home de combate, que o alegraba, onde
c'os brazos abertos tiveron acollida garimosa cantos pelingrinos do
Ideal, alcesos no amor â terra a él chegaron!".
Finalmente,
nunha carta a Álvaro Cebreiro datada en Viveiro, a 26 de Decembro de
1928 e que está recollida por Mariano Tudela no volume Álvaro
Cebreiro. Vida y afanes de un creador (Eds. do Castro, Col. "O
Movemento renovador da arte galega", nº 2, Sada, 1983, pp.
129-131), Antón Villar Ponte reflexionaba deste xeito conmovido e
conmovedor sobre o papel desempeñado na súa vida pola esposa morta
e sobre a difícil situación en que ficaba como viúvo ao cargo de
dúas criaturas:
"Truncóuseme
a vida. Fiquéi na máis fonda das melanconías. Desposeime co'a door
para sempre (...) Era feliz d'abondo. Tiña un tesouro dos que poucos
homes logran seren donos. Unha muller forte, doce, de craro senso, de
rexo carácter que adoraba en min, que o daría todo por min, dina
compañeira d'un loitador ou d'un sementador d'ideás. Non me cega a
paixón, pero coido que si cada galego e cada español con
temperamento de home de loita tivese unha muller com'a miña, o país
sería outra cousa. Porque son cáseque sempre as mulleres na
intimidade do fogar quenes tallan as aas dos loitadores. A maoría
das claudicacións veñen dos consellos teimados e doces das mulleres
no seo da familia. Pro a miña, tí ben o sabes, nunca foi plomo
de cordura burguesa,
sempre foi áa para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me
apoucar (inda sintindo andarlle a procesión por dentro) dábame
azos. Véume no carce, e esperimentaba fondo orgulo por elo. Véume á
morte e non saiu da beira do meu leito até que non puido mais (...)
E no cimeterio está. I-eu na vida, sô, con dous pequeniños. Eu que
non sei nada do trafego do fogar; eu inútil para todo o material! Eu
que descansaba n'ela! Decátate da miña situación! Somentes dous
consolos: un, que nin a Raíña podería morrer millor asistida do
que ela. Outro, que da Coruña e de toda Galicia recibín probas
d'amistade... (...) Agora serei com'o seu noivo eterno (...) Moito
perdín, moito. Pro teño o deber de vivir pra os cativiños”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario