eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Editorial Galaxia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Editorial Galaxia. Amosar todas as publicacións

venres, 26 de maio de 2017

Unha ollada clara e reveladora sobre a lacra do machismo




A Biblioteca de Intervención Social / Didáctica da editorial Galaxia, de Vigo, que xa nos ten ofrecido nos últimos tempos achegas moi interesantes sobre prexuízos lingüísticos (Núñez Singala), lectura e creación poética nas aulas (Antonio García Teijeiro), dificultades de aprendizaxe (Silvia Caride López), trastornos da conduta alimentaria (José Luís Iglesias Diz) e educación emocional (Julia Fernández Rodríguez), tirou do prelo en datas recentes o seu sexto volume, Máis aló do azul e do rosa, que leva o subtítulo de “Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”.

A súa autora é Ana Torres Jack, licenciada en Psicoloxía, Orientadora e colaboradora habitual do suplemento La Voz de la Escuela do diario coruñés La Voz de Galicia e mais da web educativa da Fundación Barrié de la Maza.

Nas arredor de cen páxinas de que consta o volume, afróntase a non doada tarefa de explicar de maneira clara, con estilo divulgativo e sen renunciar ao rigor todas as vertentes que importan na cabal comprensión desa lacra social que padecemos denominada “violencia machista” e no recoñecemento das súas mil e unha manifestacións concretas, desde as máis evidentes ata as máis subtís ou agochadas. Para mellor abordar este fenómeno complexo, a autora organiza as súas exposicións en cinco grandes apartados, precedidos dunha breve presentación.

O primeiro está reservado para expoñer e debullar as nocións, conceptos e datos básicos sobre a desigualdade de xénero na nosa sociedade, dando ademais oportunas pinceladas estatísticas: os tipos e ciclos da violencia machista, os perfís dos maltratadores, as consecuencias nas vítimas e na proxenie das vítimas, os micromachismos na vida cotiá, etc. No segundo apartado ofrece sete claves básicas para, desde o ámbito das familias, contribuír a desterrar o machismo. Esas sete claves son coeducar, corresponsabilizar, ofrecer xoguetes non sexistas, favorecer a práctica de deportes sen estereotipos, aprender a exercitar o pensamento crítico, educar emocionalmente na procura do empoderamento e a asertividade e ofrecer unha boa (in)formación afectivo-sexual.

Un terceiro apartado deste libro céntrase na figura dos fillos e fillas dos maltratadores e nas consecuencias de todo tipo que padecen por tal motivo, mentres que no cuarto apartado reflexiónase sobre os modelos de amor e sobre os prexuízos que inciden de maneira moi especial sobre as persoas adolescentes. Lúcido e útil resulta neste caso o “contraargumentario” que a autora ofrece a toda unha serie de aseveracións prexuizosas ou malintencionadas en materia de xénero que teñen por desgraza grande circulación social aínda, como son, por exemplo, a culpabilización da muller vítima de maltrato (“algo faría”, “provocouno”...), a difusión da etiqueta de “feminazi“ para as mulleres que loitan coherentemente polos seus dereitos ou as posicións de presunta equidistancia (“nin machista nin feminista”). Ofrécese, asemade, unha batería de indicios e consellos para detectar e axudar, respectivamente, adolescentes que poidan estar sendo vítimas de maltrato.

No quinto e derradeiro apartado do libro, que retoma e sintetiza ideas expostas xa no segundo, a autora explica os dez puntos básicos que unha familia debería cumprir se de verdade quere educar en igualdade e contribuír así a desterrar a violencia machista da sociedade. Estamos certos de que a lectura e difusión desta obra pode servir de moita axuda e clarificación neste sentido.


[Publicado orixinalmente no oitavo número da revista do STEG Aulas Libres]

martes, 4 de abril de 2017

A PROPÓSITO DUN ENSAIO DE X. R. BARREIRO E LÓPEZ MORÁN SOBRE MARUJA MALLO


Ampliando o coñecemento dese inmenso continente artístico, a medio explorar aínda, chamado Maruja Mallo.

A veterana editorial galega Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en datas recentes un novo selo denominado “Mar Maior”, coa loable intención de dar a coñecer entre o público de fala hispana algunhas das manifestacións, producións, figuras e obras literarias máis senlleiras da cultura galega de todos os tempos.

Unha das primeiras publicacións editadas baixo ese novo selo corresponde ao ensaio Maruja Mallo. Una memoria en construcción. Series y obras desconocidas de la etapa americana, debido ao coñecido historiador, catedrático emérito e ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e mais á súa esposa, doutora e especialista en historia social Beatriz López Morán.

O volume, de 117 páxinas, presenta unha edición moi coidada e pulcra e nace cun obxectivo fundamental, que acada brillantemente: dar a coñecer series e obras da etapa americana de Maruja Mallo ata o presente non catalogadas, na procura dunha necesaria listaxe razoada e totalizadora da súa produción. 
 
A descuberta de todo este novo material artístico, detrás de cuxa pista andou no seu día o chorado amigo Fausto Galdo, permítelle aos autores do ensaio matizar algunhas avaliacións críticas deitadas anteriormente sobre a traxectoria da pintora e completar o elenco dos seus motivos temáticos. Atinada de vez é a súa reivindicación do carácter de incansábel traballadora da nosa artista, fronte a certas visións que alentan sobre ela unha deformadora imaxe de frivolidade.

A pesar da súa brevidade, é ben substancioso o epígrafe en que os autores do ensaio repasan o proceso de recuperación experimentado pola obra da artista de Viveiro desde a súa instalación definitiva en Madrid en 1965, ao regreso do exilio, ata a propia actualidade.

Non menos interesantes resultan as súas reflexións arredor das condicións en que Maruja Mallo tivo que desenvolver a súa existencia no exilio bonaerense, non sempre cómodas nin favorábeis. Entre elas cabe salientar, como xa explicou en parte Mª Antonia Pérez na revista Madrygal ao se ocupar da correspondencia entre Maruja e o escritor mexicano Alfonso Reyes, a súa relación comercial privilexiada coas elites sociais da Arxentina durante o peronismo, o seu traballo como decoradora para a Casa Comte, as súas rupturas con determinados núcleos intelectuais, como o dos galegos na Arxentina (Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela…) ou o de Victoria Ocampo e a revista Sur, e, por último, o poderoso apoio recibido, cando menos ata 1946, de empresarios culturais como Natalio Botana e Constancio Vigil.

Barreiro Fernández e López Morán advirten sobre a posibilidade de que en Chile, en Perú e na zona andina da República Arxentina se encontre dispersa e sen catalogar aínda, en coleccións particulares sobre todo, moita outra obra de Maruja, a maiores da que eles propios rescatan no volume en cuestión, que organizan en dous grandes apartados: “Series desconocidas” e “Obras desconocidas de las series ya establecidas”. Con razón afirman que “del período americano solo tenemos un conocimiento muy epidérmico y vago”.

Saen aquí á luz por vez primeira, efectivamente, nada menos que dúas series inéditas: “Gatos”, con sete obras feitas en Bos Aires entre 1943 e 1944, como témperas sobre cartolina negra de 63’5x48 cm., e “Gallos”, 5 témperas elaboradas entre 1943 e 1944, co mesmo tamaño e técnica que a serie antes citada.

Achéganse logo, ademais, novas pezas pictóricas doutras series coñecidas: varios óleos de temas mariñeiros (redes, estrelamares, peixes, rostros de muller…) concomitantes coa coñecida serie “La religión del trabajo”, 8 cadros de “Naturalezas vivas” (que se suman así aos 16 xa coñecidos), algunha nova “Cabeza de muller negra”, tres novas entregas máis da serie “Máscaras” e un par de novas composicións encadrábeis na serie “Atletas y bailarinas”.

Tamén recollen Barreiro Fernández e López Morán dous figurinos deseñados por Maruja Mallo en tinta e lapis de cor para algunha obra teatral, varios deseños decorativos con elementos vexetais e animais feitos á témpera sobre cartolina e mesmo algunha peza cerámica, como a titulada “Mujer con rulos”.

En definitiva, fica aínda moito por explorar dese continente artístico inmenso chamado Maruja Mallo e resulta imposíbel discrepar de Barreiro Fernández e López Morán cando afirman, ao poñeren ramo ao seu magnífico e impagábel traballo: “nuestra gran pintora aún nos reserva hallazgos imprevistos”.

venres, 25 de abril de 2014

REFERENCIAS VIVEIRESAS NUN LIBRO MEMORIALÍSTICO DE MARINO DÓNEGA


De xeito póstumo e para inaugurar unha colección denominada significativamente “Memoria”, a editorial Galaxia publicou en 2003 un volume do intelectual galeguista Marino Dónega Rozas (Huelva, 1916 - A Coruña, 2001) titulado De min pra vós. Lembranza epistolar.
Precedido dun atinado e non por iso menos fermoso limiar do teólogo Andrés Torres Queiruga e plantexado ao lector con fórmulas epistolares, como avanza o seu subtítulo, o libro déixase ler ben e contribúe desde logo a botar algunha luz, desde a persoal e intransferíbel visión e posicionamento do seu autor, é claro, sobre algúns períodos e episodios interesantes da historia do galeguismo do século XX.

Non en van, Marino Dónega foi, após militar nas Mocidades Galeguistas da Coruña durante o período republicano, un dos máis cualificados representantes diso que algúns chaman “xeración Galaxia” e outros “piñeirismo”, quere dicir, o grupo de galeguistas (Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero, Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell...) que resistiu como puido o trebón bélico do 36 e que se lanzou nos difíciles anos 50 a unha potente xeira de corte cultural e galeguizador que tivo na editorial Galaxia o seu buque insignia.

Como é ben sabido, esa xeira, se ben rendiu froitos ben valiosos e indiscutíbeis, tamén non deixou de provocar a insatisfacción do exilio republicano galego, con Castelao á frente (que botou en falta un activismo político clandestino e antifranquista máis decidido) e, ben axiña tamén e por parecidas razóns, das novas xeracións galeguistas (Xosé Manuel Beiras, Méndez Ferrín, etc.), que acabarían rompendo co “culturalismo galaxiano” e retomarían a loita política através do PSG (Partido Socialista Galego, que convén non confundir co posterior PsdeG-PSOE) e da UPG (Unón do Pobo Galego) a comezos dos anos 60.

O volume de Dónega contén algunhas referencias a figuras viveiresas de maior ou menor relevo que tiveron trato con el ou que, nun momento dado e como explicaremos a seguir, chegaron a exercer unha influencia innegábel e afortunada sobre o discorrer da súa vida.



De familia luguesa, Marino Dónega pasou a súa infancia e adolescencia a cabalo entre Valladolid, a aldea de Pías e a cidade de Lugo. En 1928 instalouse na Coruña e nesta cidade, durante os días do fervor republicanista con que se inaugurou a década dos 30, afiliouse ás Mocidades Galeguistas e tratou aos irmáns Villar Ponte. Canda eles acudiu frecuentemente á tertulia do café “Galicia”, na que brillaban figuras como Suárez Picallo ou Luís Seoane, e con eles tamén traballou nas campañas pró-estatutistas. Así o evoca nun dos trechos do seu De min pra vós. Lembranza epistolar:

Chegamos xá á campaña plebiscitaria do Estatuto de autonomía galega do fatídico 36. Ó se iniciar a propaganda política, Luís Seoane, que batera comigo no Cantón –sempre no Cantón- fíxome gabear por un poste da luz para atar no alto do mesmo unha cordiña que, suxeita no outro extremo a un balcón, termaba dunha pancarta de lenzo na que se lía ‘Autonomía, si’. Esta foi a máis arriscada, perigosa e comprometida intervención que tiven durante a campaña. Polo demais, participei nalgúns mítins celebrados en pequenas vilas da provincia. Recordo especialmente un deles no concello de Arteixo, no que participaba en calidade de ‘telonero’. Presentounos o alcalde – en castelán, naturalmente - afirmando que non nos coñecía de nada. Aínda así parecíalle – e dixéranllo - que eramos boas persoas; e xeneroso, pregáballe aos seus conveciños que educada e civicamente nos prestasen a debida atención. Deixándome fóra, as boas persoas eran Xenaro Mariñas, Víctor Casas, Plácido Castro e Ramón Villar Ponte. Xa en vésperas do referendo tamén recordo unha intervención miña nos estudios da entón Radio Coruña EAJ41 (...) Interviña na emisión radiofónica unha manchea de oradores, empregando quince minutos cada un deles. A min cadroume falar ás dez da noite. Precedeume don Manuel Insua, pola Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), e seguiume Ramón Villar Ponte, polo Partido Galeguista. Eu, claro, polas Mocedades”.

Comentando, así mesmo, o falecemento de Antón Villar Ponte en marzo de 1936, escrebe Dónega:

A emoción e mais o sentimento da cidade fixéronse visibles ó longo das rúas e prazas ó paso dos restos mortais do ilustre patricio, levados camiño do camposanto a ombros de militantes dos diversos partidos políticos integrados na Fronte Popular. E tamén dos rapaces das Mocedades, que fixeramos garda, alternándonos, ó cadaleito depositado en capela ardente nun salón baixo da Casa Consistorial. Xuntáronse no sepelio galeguistas que viñeran de todo o país. Teño presente a don Ramón Otero Pedrayo subido no cemiterio a unha estada dirixindo á multitude presente unha emocionadísima oración fúnebre no medio dun impresionante silencio que só deixaba escoitar ó lonxe un levísimo murmurio deixado polo ir e vir das ondas lonxanas do mar do Orzán naquel serán quedo, trasnparente e azul”.


Antón Villar Ponte, en caricatura de Castelao

A editorial Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en 1976 unha colección denominada “Conciencia de Galicia” destinada a acoller as biografías de sobranceiros intelectuais, políticos e escritores galegos. Na contracapa do primeiro volume desta colección, unha biografía de Murguía escrita por Vicente Risco, aparecían un total de vinte e catro nomes, entre eles o de Antón Villar Ponte, como figuras que ían ser obxecto de atención, e na lapela interior desa mesma contracapa anunciábase entre os volumes “de próxima aparición” un adicado ao xornalista viveirés e da autoría, precisamente, de Marino Dónega. Mais, por razóns que ignoramos, esa colección “Conciencia de Galicia” morreu cando ía polo seu sexto volume, despois de pór nos andeis as biografías de Murguía, Curros Enríquez, Florentino López Cuevillas, Eduardo Pondal, Vicente Risco e Alfredo Brañas. O volume sobre Antón Villar Ponte ficou no tinteiro e aquel a quen lle fora encarregada a súa elaboración inseriu no libro De min pra vós. Lembranza epistolar a seguinte explicación, a xeito de desculpa:

Esta lembranza do fundador das Irmandades da Fala e o coñecemento da súa peripecia humana e política, e mesmo da súa obra xornalística e literaria, leváronme a aceptar un encargo que aínda hoxe non cumprín. Refírome á redacción dunha biografía de tan insigne galeguista. Encetei o labor logo de tomar notas e de argallar nos xornais da época, tanto galegos coma cubanos, españois coma portugueses, pero ata o de agora non fun quen de levar adiante o meu compromiso. E, contricto, confésome pecador. Si, pero ¿e o propósito de emenda? Fareino”.

A morte truncou infelizmente esta promesa, pero permítasenos a inmodestia de dicir que, dalgún xeito, fomos nós quen coa nosa tese de doutoramento Antón Villar Ponte. Vida, obra, traxectoria política e pensamento, defendida na Universidade de Compostela no verán de 2002, viñémos pagar, con moitas insuficiencias abofé, esa débeda que non só Dónega, senón todos os galegos adicados á cultura, tiñan, tíñamos, co autor de A patria do labrego.

Volvéndomos ao volume De min pra vós. Lembranza epistolar, cómpre dicir que outros dous viveireses, Alfredo Bermúdez de Castro Rebellón e Néstor Michelena Rebellón, xogaron un papel fundamental cando Marino Dónega se viu envolto na treboada bélica do 36 e quixo salvar a súa vida das ansias sanguiñentas que contra el dirixiron algúns pistoleiros da ‘Falange’.

Na Coruña, a diferenza doutros mozos galeguistas como Xenaro Ruano ou Pedro Galán Calvete, vilmente asasinados, Dónega safou relativamente ben porque as “escuadras del amanecer” procurábano por nome e apelidos trabucados (“Mariano Dorrego Rojas”, en vez de Marino Dónega Rozas). Mais en Lugo, aonde fuxiu cando tivo ocasión, non lle quedou outra que procurar o acobillo dos dous viveireses citados e alistarse axiña na tropa ‘nacional’ para evitar ser ‘paseado”... Así refire o propio Dónega a súa amizade con Bermúdez de Castro e o papel que este e mais Michelena xogaron na súa provisoria ‘salvación’:

Outro compañeiro tamén moi achegado, Alfredo Bermúdez de Castro e Rebellón, era así mesmo un forofo da literatura. E da mesma maneira que [Teodoro] Morgade nos veráns, desde Baio, Bermúdez de Castro, desde Viveiro, correspondíase epistolarmente comigo, en Lugo. Pero do Alfredo non conservo carta ningunha. E ben que o sinto. Porque, creo recordar, viñan escritas nun disparatado galego diferencialista e patriótico. A súa relectura sería hoxe para min unha verdadeira festa. E poida que tamén o fose para o filólogo amigo, profesor doutor García (don Constantino). Pero ó Alfredo débolle un favor impagable: polo simple feito de sermos amigos e ser el fillo do gobernador civil da provincia de Lugo no mes de agosto do 1936 fun quen de me salvar da queima (...)
Na cidade facíame ver, principalmente, en compañía do meu entrañable amigo, compañeiro de bacharelato e fillo do novo gobernador civil da provincia de Lugo, Alfredo Bermúdez de Castro, e dun curmán seu, médico asimilado á brigada de Sanidade Militar, Néstor Michelena Rebellón”.

Unha derradeira referencia viveiresa no libro memorialístico de Marino Dónega atopámola nos parágrafos que dedica a relatar sucintamente o proceso de escolla en 1960 dun novo numerario da Academia Galega, en substitución do falecido Florentino L. Cuevillas.

Nesa ocasión, a candidatura do escritor e xornalista viveirés Francisco Leal Ínsua, apoiada por elementos do sector máis pró-franquista e ideoloxicamente conservador da institución, resultou claramente derrotada pola do intelectual Francisco Fernández del Riego, sostida por un cada vez máis nutrido sector galeguista dentro da entidade. O traballo de captación de votos realizado nesa altura por Sebastián Martínez Risco e polo propio Marino Dónega resultou decisivo e, se ben puidese doernos hoxe como viveireses esta preterición, non cabe senón recoñecer que a índole e os fins da entidade académica acaían moitísimo máis ao escritor lourenzao, auténtica figura clave, desde a editorial Galaxia, a revista Grial ou a Fundación Penzol, por citarmos algúns ámbitos da súa actividade, na cultura galega dos últimos cincuenta anos.