1.
Perfil controvertido dunha figura interesante.
A escolla por parte da Academia Galega (tras a
correspondente proposta formulada polos numerarios Francisco
Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón
Barreiro Fernández) da figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde
(Pontevedra,
28.10.1906-13.9.1996) para conmemorar o
vindeiro 17 de Maio de 2015, Días das Letras Galegas, suscitou unha
fervenza de reaccións encontradas entre os que proclamaron a xustiza
do recoñecemento a este intelectual galego que constitúe unha
referencia indispensábel do noso século XX e os que, por contra,
subliñaron a falta de pertinencia ou a non idoneidade dun polígrafo
que en diversas ocasións durante a súa traxectoria tomou decisións,
abrazou reximes e representou actitudes que semellan estar nas
antípodas do alento que dá sentido á citada festa exaltadora do
idioma e da personalidade individualizada de Galiza como pobo.
Ten toda a razón X. M. Sarille cando, nun recente
artigo publicado no dixital "Galicia Confidencial",
reclamou "falar de todo isto en serio e con cabeza, prescindido
de vísceras", lembrando oportunamente que foi nada menos que
Isaac Díaz Pardo, fillo do pintor cruelmente asasinado no 36 Camilo
Díaz Baliño, quen editou nos anos 80 e comezos dos 90 do pasado
século ata nove volumes sucesivos da serie Adral de Filgueira
Valverde. E foi outra vítima do 36, Xosé Mª Álvarez Blázquez,
engadimos nós, quen abriu cando aínda a ditadura de Franco non
rematara a colección Pombal das Edicións Castrelos de Vigo para o
Cancioneiriño novo de Compostela, do erudito pontevedrés...
Non aprenderiamos nada de semellantes actitudes xenerosas e
inclusivas? Xulgámonos hoxe con máis dereito ca un Díaz Pardo ou
un Álvarez Blázquez para "pasar facturas pendentes" e
practicar "ninguneos"? Nen sequera no campo ancho e aberto
da cultura de noso, tan necesitada de alento, non poderá haber un
espazo que propicie os (re)encontros, as revisións serenas, o
suprapartidismo?
Resulta difícil, claro que si, ser ponderado e ecuánime
neste tipo de debates para non deixarse arrastrar polo “partidismo”,
ás veces mesmo sectario, dos uns ou dos outros, mais a designación
de Filgueira Valverde, se non quere tomarse como motivo de
“celebración” (e é moi lexítima esta actitude, que
compartimos), debera servir, cando menos, como pretexto idóneo para
unha revisión a fondo e un mellor coñecemento xa non só da súa
obra e traxectoria persoal, de interese indiscutíbel, senón de todo
o contexto que a rodeou e que pode explicala, aínda que non
necesariamente a xustifique. Repasar con tal motivo a figura de
Filgueira non é lanzarse a unha sorte de pseudoxuízo diante da
Historia no que detractores e haxiografistas se crucen
descualificacións mutuas á súa conta, senón que debe ser un
exercicio de profundización rigorosa e plural na historia colectiva
e unha oportunidade de autorrecoñecemento en que os galegos e
galegas de hoxe, desde calquera posición de partida que adoptemos,
teñamos elementos de interpretación e estímulo para proxectarmos a
cultura galega do futuro superando desencontros que tiveron lugar no
pasado.
Con este espírito ofrecemos a
seguir un repaso pola traxectoria biográfica, intelectual,
ideolóxica e pública de Filgueira Valverde, destacando a súa
amizade co viveirense Lois Tobío, salientando (aínda que se sitúe
nas nosas antípodas ideolóxicas) a súa peculiar achega para un
galeguismo conservador harmonizado coa fe católica e repasando,
finalmente, a súa monumental contribución (sequera sexa polo número
de páxinas escritas e pola diversidade de campos abordados) ao
estudo e coñecemento da nosa cultura.
2. Os tempos da Universidade
compostelá e do Seminario de Estudos Galegos.
Como era lóxico nun vástago dunha familia de acomodada posición social e económica como era a que encabezaba seu pai, José María Filgueira Martínez, reputado médico pontevedrés, o mozo Filgueira Valverde fixo estudos de Bacharelato na súa cidade natal e logo pasou, en 1922, á Universidade compostelá, onde se licenciou en Dereito en 1928, con premio extraordinario. Máis adiante doutoraríase en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza (1936) e aínda acadaría a diplomatura na carreira de Psicoloxía en Compostela, en 1959.
Como era lóxico nun vástago dunha familia de acomodada posición social e económica como era a que encabezaba seu pai, José María Filgueira Martínez, reputado médico pontevedrés, o mozo Filgueira Valverde fixo estudos de Bacharelato na súa cidade natal e logo pasou, en 1922, á Universidade compostelá, onde se licenciou en Dereito en 1928, con premio extraordinario. Máis adiante doutoraríase en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza (1936) e aínda acadaría a diplomatura na carreira de Psicoloxía en Compostela, en 1959.
Filgueira
Valverde foi un dos mozos que acudiron á rosaliana casa do Castro de
Ortoño, en terras de Amaía, o 12 de outubro de 1923, para fundaren,
co asesoramento do seu profesor Armando Cotarelo Valledor, o
Seminario de Estudos Galegos (SEG). Canda o mozo pontevedrés, que
contaba entón 17 anos, concorreron entre outros o pontareano Fermín
Bouza Brey, o nicrariense Xulián Magariños e o viveirense Lois
Tobío Fernández, primeiro secretario desa nova entidade
científico-cultural. Un personaxe da peza de Rafael Dieste A
fiestra valdeira, o estudante Nogueira, e dous (Martiño Dumbría
e Pauliños Fontenla) da novela Devalar, de Otero Pedraio,
representan o vivo retrato literario desta promoción extraordinaria,
que tanto e bo fixo polo coñecemento e a divulgación dos valores
culturais propios nun tempo en que as instancias académicas
oficiais, presas de concepcións políticas hipercentralistas e
uniformizadoras, ignoraban e marxinaban ese valores case por
completo. O SEG, explica nesta perspectiva o propio Filgueira
Valverde,
“(...) era sempre un xeito de vivir o esprito da Terra, conocendo de perto as súas realidades, esculcando o seu pasado, fixando a tempo, cando estaba en risco de se perder pra sempre, tradicións e cantigas, obras e moimentos, restos arqueolóxicos e costumes, e, máis que nada, convivir co pobo aldeán e mariñeiro. A carón do traballo cotián sobre o documento, o códice e o libro, das sesións académicas, das xuntanzas, das mostras, das edicións... o Seminario comarcóu polos vellos camiños, en inesquecibres viaxatas, encetadas nas veciñanzas de Compostela, nos seus castros, nas freguesías dos arciprestádegos campesiños, nas terras de Padrón.... Logo viñeran as xeiras das bisbarras, como obra conxunta de tódalas seccións (...). A pé, polos duros camiños da montana, nas tabernas da veiramar, nos mesóns dos feirantes, fumos descobrindo o noso pobo, cursando galeguidade. E, tamén, foron caíndo as muradelas da fachenda, do protagonismo, do afán polo descubrimento persoal e pola posesión escrusiva do dato, negras chatas da erudición miúda. As xeiras fixeron do Seminario unha hirmandade”.
Filgueira
formalizou o seu ingreso no SEG durante o propio curso de 1923/24,
concretamente en novembro, coa lectura dun traballo titulado “Festas
compostelás na canonización de San Pío V”, que se recolleu no
tomo III dos Arquivos
do SEG, en 1929. Traballou en
colaboración con Tobío, Xulián Magariños e Cordal Carús nun
Vocabulario popular
galego-castelán, que se
iría publicando por entregas no xornal vigués El
Pueblo Gallego entre
1926 e 1928. Tamén achegou varias comunicacións sobre o fenómeno
das peregrinacións xacobeas e o patronato do Apóstolo Santiago,
sobre asuntos etnográficos como a “festa dos maios” e a
tradición da fonte da Ferrería pontevedresa, sobre temas de arte
(estudo da igrexa prerrománica de Francelos) e sobre literatura
medieval (as cantigas do rei Afonso X, a lenda de San Ero de
Armenteira, a presenza da paisaxe no Cancioneiro da Vaticana...), que
se foron publicando no Boletín
da Real Academia Galega, na revista
Nós ou
nos varios tomos de Arquivos
que
editou o mesmo SEG.

Ademais, o de Pontevedra desempeñou diversas tarefas
directivas e organizativas no labor da entidade. Foi, a partir de
1930, conselleiro permanente e membro da comisión organizadora do
Museo Etnográfico do SEG. En outubro de 1932, integrou unha comisión
para acometer a unificación ortográfica da lingua, xunto con
Carballo Calero, Sebastián González García-Paz e Fermín Bouza
Brei e representou ao SEG na comisión organizadora do Patronato
Escolar de Formación Campesiña. Desde o curso 1932-33 dirixiu a
subsección de Historia da Literatura, que pasou a ser sección ao
curso seguinte. No verán de 1933, impartiu un curso organizado polos
“Ultreya” no Colexio Labor de Vigo e pasou a se encargar do
servizo de prensa do propio SEG.
Significativamente,
sería Filgueira Valverde o encargado de prologar en 1987 a reedición
facsimilar que as Ediciós do Castro de Díaz Pardo fixeron do volume
Terra de Melide,
que se editara por vez primeira en 1933 no prelo de Ánxel Casal.
Como é ben sabido, esta obra constitúe un dos froitos máis
acabados e extraordinarios do labor do SEG e recompila os diversos
traballos escritos por destacados socios despois de realizaren unha
“xeira” no curso 1928-29 por esa bisbarra do país, tentando
abranxela en todos e cada un dos seus aspectos: xeografía,
prehistoria e historia, arte, etnografía, folclore, música,
lendas...
Cómpre
deterse aquí unha miga, como anunciamos, para ponderar a relación
que uniu Filgueira Valverde co viveirense Lois Tobío Fernández
nestes anos universitarios e “seminaristas”. No propio pregón
pronunciado na Semana Santa de 1976 no Teatro Pastor Díaz, o de
Pontevedra tivo que comezar confesando que o seu namoramento pola
nosa vila se producira na casa compostelá do mestre Tobío Campos,
na rúa Patio de Madres, escoitándolles a el e aos seus fillos,
especialmente a Lois, falar con entusiasmo e cariño desbordantes de
tantos temas e xentes da Terra de Viveiro. En palabras súas:
“O meu aprendizaxe de Viveiro, é decir o inicio do meu namoro, escomenzou en Compostela, no fogar de un dos poetas que aquí naceron ou se formaron: Luís Tobío [Campos]. Alí soupen, por primeira vez, do voso mar e dos frondentes eidos, do castelo da Ponte, das igrexas de Santiago e Santa María, estudiados polo seu fillo Luís no “Seminario de Estudos”, dos lugares de Santo Elvites e de Naín, das veigas do Vieiro, do ríos e da ría xurdia, Magazos, Valdeflores... dos moimentos de Celeiro, das areas de Cobas [sic], da figura da Doncela, do doce Landro que cantou Pastor Díaz... Escoitei falar das trinta e tres badaladas do campanín das Concepcionistas, na media noite mediada”.
No
boletín Logos,
de Pontevedra (nº 27, marzo de
1933), Filgueira recensionou con estas verbas favorábeis un dos
traballos emblemáticos do Tobío mozo investigador, o que leva por
título A eirexa de Santa
María de Viveiro:
“Lois Tobío, hoxe arredado de Galicia por imperativos de ourentación profesional [diplomático en Bulgaria], é unha das máis compretas persoalidades formadas no Seminario de Estudos Galegos. Especializado en Cencias Xurídicas e mais concretamentes na Política e na Administración, ten traballado asisadamente en moitas ordes das actividades que o Seminario desenrola: na Arqueoloxía, na Filoloxía, na Hestoria. Hoxe pubrícase esta monografía sua encol da “Eirexa de Santa María de Viveiro” que é como a realización de unha papeleta tipo de Catalogación Gráfica sobre un interesantísimo tempro románico, pouco coñecido, con adicións do XV (capela de San Gregorio), do XVI (Sancristía), e posteriores (capela do Rosario). Traballo sinxelo ilustrado discretamente, verdadeiro modelo en todos sensos”.
Tobío, loxicamente, non puido deixar de testemuñar nas súas memorias (As Décadas de T.L.) esta intensa e especial relación fraterna que o uniu nun tempo ao mozo Filgueira Valverde, con quen, por exemplo, alentou a revistiña ciclostilada Adral, na que criticaban con humor figuras da Universidade desa época como o reitor Blanco Rivero (de apelidos propicios para a burla etílica, xaora) e realizou durante a carreira un traballo en colaboración titulado “Nacionalismo e nacionalismo galego”, que ambos presentaron ao ditame do catedrático de Dereito Político, Carlos Ruíz del Castillo. Conta Tobío, a propósito desta amizade, que
“Un verán Filgueira convidoume a pasar un días coel na sua casa de Pontevedra, Muelle, 10. Coñecín entón aos seus pais que foron conmigo moi acolledores e gasalleiros. A nai, andaluza de Almería, era unha doniña delicada e doce, dun grande engado e gracia, e o pai, médico, corpacento e aberto, de voz podente, tiña unha conversa entretida polas moitas historias que sabía. A casa lembraba, coa sua xanela gótica, os gloriosos tempos mariñeiros da vila cando o gremio de mareantes ergueu a marabilla de Santa María (...).
Filgueira levoume un día a visitar, con don Casto Sampedro, ás sobriñas de Méndez Núñez (...). Tamén visitamos nesa ocasión a Portela Valladares que andaba empeñado en facer de “El Pueblo Gallego” o primeiro xornal de Galicia (...) Aínda dimos naqueles días ledos que pasei en Pontevedra un paseo en barca polos “salóns” do Lérez (...)”.
E noutro momento, a propósito das súas frecuentes
conversas con Filgueira sobre posíbeis novos temas de estudo para o
SEG, escribía tamén o noso admirado mestre viveirense:
“Pasados anos, cando andábamos en Santiago a fundar o Seminario de Estudos Galegos, falando con Filgueira desto dos Maios – que tanta importancia teñen na sua Pontevedra e en Ourense e noutros sitios – conteille como era o de Viveiro e canteillo e quedou impresionado do comezo, tan solemne. Atopaba certa semellanza entre a sua melodía central e o tema do comezo do último movemento da novena de Beethoven que seica ven asemade dun cantar de maio alemán. Tomou nota delo e deullo a coñecer ao organista da catedral que era amigo seu. E un domingo, cando a procisión do cabildo na misa maior daba a volta pola Soledade, escoitei, non sen emoción, no órgano, ennoblecido pola arte, solemne e grandioso, aquel “Maio, maio, entra de crego...” do meu Viveiro”.
3. Un católico galeguista fronte á 2ª República.
Formado no seo dunha
familia de arraigadas conviccións relixiosas (súa nai, de orixes
andaluzas, pertencera ás Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl),
desde moi novo Filgueira Valverde participou en entidades e
actividades de signo católico. Na Compostela universitaria, por
exemplo, formou parte do Círculo de la Juventud Antoniana e
colaborou co semanario confesional La Renovación,
que se editou entre 1921 e 1924 e do que chegou a ser redactor-xefe.
O de Pontevedra foi un dos universitarios (canda Tobío,
Bouza Brei e outros) que lle fixeron entrega como agasallo ao novo
arcebispo compostelán Manuel Lago González (1866-1925), no día do
seu ingreso como socio no SEG, dun volume recompilatorio das poesías
en idioma galego que aquel tiña escrito e publicado con
anterioridade a ese solemne instante. A querencia admirativa de
Filgueira Valverde polo prelado de orixes tudenses mantívose no
tempo, pois foi o responsábel da confección de opúsculos como
Lembranza de Lago González. Arcebispo Galego (revista Logos,
Pontevedra, 1934) ou Manuel Lago González. Escolma de poesías
(Real Academia Galega, 1973). Sobre el escribiu parágrafos ben
reveladores como estes:
“En Lago, máis aínda que en outros escritores e artistas, a obra e o vivir han sere ollados á par. Inda diríamos que nél o home está por riba das suas obras, tendo tanta valía. As mudanzas dos tempos poden ir esmacelando esta ou aquela folla dos seus escritos; o esprito ha perdurar antre nos, mentras Galicia sexa. Á veira de tanto desleigado como medra polos camiños do mundo, él foi espello de afincamento. Dende os días en que “pequeno xunto ao lar corría” polas encostas verdecentes do Cruceiro do Monte deica o intre mesmo de dar a i-alma ao Señor, pois as suas derradeiras verbas foron pra pedir que os galegos se axuntasen, en ben do seu pobo.
Sempre vivíu a carón da natureza, se achegou sempre aos abaixados, falóu a lingua das nais, esculcou no noso pasado, traballóu polo porvir. Dende mozo, nas aulas, no xornal, na cátedra, no púlpito, nos sindicatos agrarios, na cadeira de Tuy, no Arcebispado de Santiago. Nada da Terra era alleo para él (...) Sentíase a rentes do chan nativo. Tiven a ledicia de acompañalo cando confirmara aos rapaciños de Mourente, cando adoutriñaba aos mariñeiros da Moureira, cando falaba os escolares, cando abría exposicións de arte (...). Os anos non fan esquecer as nosas débedas nin aminguan as ofrendas que compre adicarlle, mantendo vivo o seu exempro e a nosa gratitude”.
Filgueira, que partillaba trato na súa Pontevedra natal
desde moi novo con ilustres dirixentes do galeguismo como Losada
Diéguez e Castelao (mestres seus no instituto), participou moi
activamente no proceso de organización do Partido Galeguista, que se
constituíu como tal en decembro de 1931 na cidade do Lérez, mais é
certo que moi axiña a súa militancia nesa organización veuse
sometida a fortes tensións e contradicións, que acabaron
desembocando no seu abandono para fundar, en maio de 1935, unha nova
forza de traxectoria efémera e cáseque irrelevante, a Dereita
Galeguista, na que militarían, entre outros, Vicente Risco, Xerardo
Álvarez Limeses, Manuel Banet Fontenla e Manuel Beiras García (pai
de Xosé Manuel Beiras Torrado).
Son varias as razóns que explican esa deriva diverxente
do intelectual Filgueira a respecto da forza liderada por Castelao e
Bóveda, mais entre elas ten unha boa parte de responsabilidade a moi
crítica valoración que o erudito pontevedrés facía entón sobre a
deriva laicista da República, que fería os seus arraigados
sentimentos relixiosos, e a súa renuencia absoluta a todo pacto do
galeguismo coas forzas esquerdistas de obediencia estatal, as cales,
desde presupostos filosóficos materialistas, propugnaban un radical
cuestionamento da orde social capitalista e unha aberta transgresión
dos valores considerados tradicionais, que Filgueira defendía como
intocábeis.
En realidade, a propia xerarquía católica galega, á
que Filgueira se amosou en todo intre fiel e obediente, viña dando
mostras, cando non consignas, de crecente animadversión ao rexime
republicano. O arcebispo compostelán Zacarías Martínez (burgalés,
da orde agostiña) imprimiulle á súa diocese unha clara orientación
integrista e nacional-católica, avant
la lettre:
celebrou con toda pompa un funeral o 26 de marzo de 1930 polo
exditador Primo de Rivera, morto no seu exilio parisino; participou
meses máis tarde nun mitin da Unión Monárquica Nacional na compaña
de José Antonio Primo de Rivera, Goicoechea e outras figuras de
ideoloxía reaccionaria e, na ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo de
1931, coa queima de igrexas por parte de elementos incontrolados en
varias cidades españolas como pano de fondo, advertiu que “estos
días en que la impiedad, como una ola gigantesca, inunda la tierra y
quiere arrancar esa fe del corazón de los creyentes es preciso, es
necesario, es urgente que los que se llaman católicos lo sean de
verdad, y la defiendan con su sangre y con su vida, en el santuario
del hogar, en el templo y fuera del templo, en las calles y plazas
públicas” (Boletín
Oficial del Arzobipado,
31.7.1931). En termos semellantes fixeron discurso público os seus
homólogos o bispo de Tui (Antonio García), o bispo de Ourense
(Florencio Cerviño) ou o bispo de Lugo e administrador apostólico
de Mondoñedo (Rafael Balanzá Navarro).
Mais cómpre puntualizar ben que esa crecente antipatía
de Filgueira Valverde cara á República e esa militancia cada vez
máis firme nun catolicismo de pendor conservador ou dereitizante non
minguaron un ápice o seu compromiso e a súa perspectiva galeguista,
cando menos antes de xullo de 1936. O de Pontevedra concibía que
“Galicia, na sua unidade, na sua lingua e no seu arte é unha
criación do Cristianismo”, de maneira que “abóndanos con
defender os valores éticos, estéticos e centíficos que o
catolicismo cría e representa pra profesar esta imprescindibre
laboría de reconstrucción na galeguidade”.
Así, mentres combatía publicamente a tendencia
laicista e mesmo anticlerical que se consagraba en varios dos artigos
da nova Constitución republicana e nos decretos subseguintes
derivados dela, asinando o 25 de outubro de 1931 na revista Logos
con Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas, Iglesias Vilarelle, etc. unha
“Afirmación católica d'un Grupo de Nacionalistas”, Filgueira
traballaba intensamente asemade na galeguización de textos para a
liturxia (a Santa Misa, o Oficio de Defuntos, o Evanxeo segundo San
Mateu, a Vida de San Bieito, os Diálogos de San Gregorio, un Vía
Crucis ilustrado por Castelao e as oracións máis comúns do
Pater Noster, o Ave María, a Salve e o
Credo...), no horizonte da futura aplicación efectiva dunha
cooficialidade lingüística que se contemplaba no Estatuto
autonómico plebiscitado o 28 de xuño de 1936, mais que non chegaría
infelizmente a entrar en vigor por mor da guerra e do resultado da
mesma.
Ao mesmo tempo, o de
Pontevedra compartillaba cóbado con cóbado con numerosos
intelectuais eclesiásticos (Xesús Carro, Paulino Pedret Casado, o
seminarista Cabada Vázquez, Avelino Gómez Ledo...) as “xeiras”
investigadoras do SEG e pronunciaba conferencias de tema sacro en
idioma galego durante a Semana Santa de Pontevedra de 1935, dentro do
programa de actividades da asociación “Labor Galega”, que el
propio impulsaba coa axuda do inspector de ensino Xerardo Álvarez
Limeses e do sacerdote Pedret Casado. Tamén concorría en Compostela
no 25 de xullo de 1933 á primeira “Misa de Rosalía”, e, así
mesmo, facía esforzos canda Iglesias Vilarelle, Illa Couto,
Sexto López, Fontenla Méndez e outros por poñer en
marcha en febreiro de 1935 a asociación de laicos cristiáns Deus
Fratesque Gallaeciae (“Deus
e os irmáns de Galiza”), que o 15 de marzo de 1936 rezaban na
igrexa de Santo Domingos de Bonaval, en Compostela, presididos polo
sacerdote Pedret Casado, para “que a Relixión anime sempre o noso
pensamento e a nosa vontade. Que o amor a Galiza endexamais se arrede
en nós do amor a Deus e ao Catolicismo”.

“Tivemos os galegos dez mil mestres en Christo, pero soio o Señor Sant-Iago foi o noso Pai na Fé. Sin él, nin a testa loira de Santa Mariña tivera aberto no chán as tres fontelas de augas santas, nin Paulos Orosio marcharía cara África en percura da lus agostiñán, nin o Papa Dámaso cobriría de quentes letras os sartegos dos mártires, nin Teodosio apreixaría a Christiandade n'un só nó de sabencia e de ley, nin Etheria percorrería as terras de Palestina nun pulo de fervor. As viaxatas fundacionais de San Froitoso, as cartas de San Valerio, o testamento de San Rosendo, e canto leva no mundo a impronta da Fé galega – Priscilián, o Mestre Mateo, Xelmírez, os irmandiños, os mestres barrocos, e Sarmento, e Rosalía, e os mozos que agora refán as nosas verbas e cantan e traballan -, converxe no día en que a barca xacobea atracou nos nosos peiraos. Xacobe Zebedeu é alicerce e crave da nosa cultura. Cantos nomes chegan hoxe ós nosos beizos veñen amasados co lévede christián das suas verbas. Mirar ó lonxe a nosa hestoria é ollar como estes nomes degáxanse da figura apostólica en poeira aluarada, en vieiro de leite e de estrelas que nos asinala o berce da catolicidade, e que enroitou un día ó vello esprito católico de Carlomaño - que era o esprito de Europa - cara a nosa terra”.
O certo é, en último caso, que o conservadorismo
ideolóxico, o catolicismo militante e unha crecente hostilidade á
República afastárono do núcleo central do galeguismo organizado,
que se integrou na Frente Popular en febreiro de 1936, e empurrárono,
na hora crítica que se desatou en xullo dese mesmo ano, a abrazar a
causa do xeneral golpista Francisco Franco. Semellante grave
decisión, que tomaron asemade outros como Risco, Cunqueiro, Aquilino
Iglesia, Álvaro de las Casas e un máis longo etcétera do que
adoita recoñecerse, constitúe, a ollos de moitos, a falta
imperdoábel que descualifica Filgueira para recibir ningunha
homenaxe no Día das Letras Galegas de 2015, pois o regueiro de morte
e represión que se seguiu a ese intre histórico decisivo feriu de
cheo e con moita saña o corazón e a vida de moitos galeguistas.
4.
En Lugo durante a Guerra do 36.
Desde
1928 Filgueira viñera exercendo como profesor axudante interino de
Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de
Pontevedra, onde el propio fora estudante, pasando en 1933 á
categoría de profesor encargado desa materia. En 1934 foi pensionado
polo Ministerio de Instrución Pública para visitar varios países
europeos (Bélxica, Holanda, Franza, Alemaña), mais non chegou a
realizar esa viaxe, pois estaba moi enfrascado na preparación das
oposicións a cátedras, que gañará finalmente, co número dous, en
1935. Será destinado inicialmente ao Instituto Jaime Balmes, de
Barcelona, que permutará con Guillermo Díaz Plaja polo de Melilla
e, moi axiña, polo de Lugo, aonde chegará en novembro de 1935 e no
que terá como alumno destacado ao mozo vilalbés Manuel Fraga
Iribarne.
Coa
Guerra civil xa comezada e previa destitución do republicano
azañista Glicerio Albarrán como director do instituto de Lugo,
Filgueira Valverde é designado o 17 de setembro de 1936 para ocupar
ese cargo. Coincide no departamento co antigo galeguista e agora
tamén falanxista, coma el, Evaristo Correa-Calderón, con quen
preparará e publicará na imprenta do diario El Progreso
varios libros de texto da súa materia. Ambos colaboran, co
viveirense Leal Ínsua, o monfortino Moure Mariño e a vilalbesa
Carmiña Prieto Rouco, entre outros autores, no semanario Azul,
que comezou a editarse en
xaneiro de 1937 como voceiro da Falange luguesa. O erudito
pontevedrés, ademais, fíxose cargo da edición do célebre
calendario O Gaiteiro de Lugo,
no que publicou durante a guerra en galego algunha panxoliña e
substituíu Noriega Varela na confección dos tan reaccionarios como
entón celebrados “xuicios do Ano”.
Na
cidade das murallas, Filgueira coñecerá á súa futura esposa,
María Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995), filla dun médico
coma el, coa que casará o 15 de agosto de 1938 e con quen terá
posteriormente cinco fillos: Araceli, José Fernando, María Teresa,
Pilar e Ángeles.
Pola
correspondencia cruzada entón con Otero Pedraio, grande amigo seu,
sabemos que Filgueira chegou a estar mobilizado por breve tempo na
fronte de Asturies, facendo parte do VIII Corpo de Exército
franquista. De novo aquí cómpre aludir a algunhas das “acusacións”
que, con fundamento ou sen el, manchan o seu “expediente”: a de
non ter impedido a incautación e o expolio infame da casa de
Castelao na rúa da Oliva pontevedresa e a de non terlle acudido ao
seu amigo, colega de coral polifónica e antigo correlixionario,
tanto no galeguismo como na fé católica, Alexandre Bóveda, nesa
altura secretario xeral do Partido Galeguista, que morrería
finalmente fusilado no piñeiral da Caeira o 17 de agosto de 1936.
5.
Intelectual orgánico do franquismo.
En
outubro de 1939, coa guerra xa finalizada, Filgueira Valverde
regresou á súa cidade natal, incorporándose ao plantel do
instituto de ensino medio. En 1946 sería designado director do
centro e nese posto permanecería ata o momento de se xubilar, trinta
anos máis tarde. Con todas as limitacións inherentes a un sistema
educativo que funcionaba dentro dun rexime ditatorial, Filgueira
Valverde alentou un certo espírito anovador e, desde logo, eficaz na
formación do alumnado (García Alén, Pío Cabanillas, Xosé Fortes
Bouzán, Víctor F. Freixanes...), o que lle valeu en 1958 ao centro
que dirixía a nominación de “instituto modelo”. Con estes
méritos por diante, Filgueira xestionou nos despachos ministeriais a
rehabilitación dalgúns docentes represaliados, como o lalinés
Xesús Golmar ou o propio Ramón Otero Pedraio.
Non foi esta faceta directiva e docente, con todo, o perfil máis decisivo do Filgueira de posguerra, senón a súa condición de verdadeiro “intelectual orgánico” do novo rexime. Tres foron as entidades en que se plasmou, esencialmente, ese rol, que loxicamente constitúe, por entregado “colaboracionismo” coa Ditadura, outro dos sólidos reproches que se verten hogano desde algúns sectores cidadáns contra a súa figura: o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento e a editorial Bibliófilos Gallegos.
Non foi esta faceta directiva e docente, con todo, o perfil máis decisivo do Filgueira de posguerra, senón a súa condición de verdadeiro “intelectual orgánico” do novo rexime. Tres foron as entidades en que se plasmou, esencialmente, ese rol, que loxicamente constitúe, por entregado “colaboracionismo” coa Ditadura, outro dos sólidos reproches que se verten hogano desde algúns sectores cidadáns contra a súa figura: o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento e a editorial Bibliófilos Gallegos.
Filgueira foi, non cabe dúbida, o
grande impulsor do Museo de Pontevedra,
institución que naceu a finais de 1927, por iniciativa do entón
presidente da Deputación provincial pontevedresa Daniel de la Sota,
coa participación de Casto Sampedro, Castelao, Sánchez Cantón e
Losada Diéguez, entre outros, e da que o noso erudito foi
consecutivamente patrón fundador, secretario (1929-1942) e director
(1942-1996). Varios edificios no casco histórico de Pontevedra
albergan hoxe as diversas coleccións deste emblemático Museo, sen
dúbida un dos legados máis valiosos que Filgueira deixou para a
posteridade e un dos méritos evidentísimos, sen discusión posíbel,
da súa traxectoria.
Tamén xogou Filgueira un papel fundamental na posta en
marcha e posterior evolución do Instituto Padre Sarmiento, que
chegou a dirixir entre 1972 e 1981. Fundado sobre os despoxos do
saqueado Seminario de Estudos Galegos, este Instituto, creado
formalmente en 1944 e dependente do C.S.I.C., será para figuras de
relevancia como Otero Pedraio reo imperdoábel por modificar algúns
dos sinais de identidade máis definitorios da institución nacida en
Ortoño en 1923: o compromiso galeguista, o traballo
interdisciplinar, a autonomía organizativa e financeira...
Outra vertente fundamental do labor cultural de
Filgueira durante o período da ditadura franquista foi, como
dixemos, o de promotor da editorial dos Bibliófilos Gallegos, unha
das primeiras que, dentro dun esquema xeral bastante restrinxido e
elitista, propiciou unha tímida “resurrección” da literatura
galega a partir da década dos 50, tras case tres lustros de longo
silencio forzoso. Este selo, posto en marcha en 1949 co poemario
Camiños no tempo, de Ramón Cabanillas, propiciou o renacer
da novela galega mediante un certame que gañou Carvalho Calero con A
xente da Barreira; recuperou
obras e autores relevantes do pasado (a Descripción del
Reyno de Galicia do Licenciado
Molina, a Relación de las Exequias... de la Reina
Margarita de Austria, as Armas
e triunfos de Galicia de F. de
la Gándara, as novelas históricas do cóengo compostelán López
Ferreiro, os artigos de Neira de Mosquera, etc.); facilitou a edición
de traducións, como a do Cancioneiro da poesía céltiga
de J. Pokorny, realizada por Ramón
Piñeiro e Celestino F. de la Vega ou as paráfrases de Ramón
Cabanillas Versos de alleas terras e de tempos idos;
publicou o Diccionario biobibliográfico de escritores,
de Couceiro Freijomil e o Inventario Monumental y Artístico
de Galicia, de Ánxel del
Castillo e, finalmente, abriu unha colección específica de
arte, denominada “Obradoiro”, na que autores como Sánchez
Cantón, Chamoso Lamas, Otero Pedraio, Antón Fraguas, Vázquez Saco
ou o propio Filgueira, entre outros, estudaron os principais
elementos patrimonais histórico-artísticos do noso país. O erudito
de Pontevedra, por exemplo, inseriu aquí traballos sobre o tesouro
da catedral compostelá e a fábrica de Sargadelos. Tamén acolleu a
editora bibliófila o volume Gondomar y Raleigh (1974), do
noso Lois Tobío.
Por outra banda, aínda que non se reincorporará en
1953 á reorganizada asociación “Deus Fratesque Gallaeciae”,
agora baixo a presidencia de Florentino L. Cuevillas, Filgueira
Valverde entregará na Semana Santa de 1968 unha versión galega para
o Vía crucis que se celebraba na igrexa de Santa Clara de
Pontevedra. Sumábase así, de facto, aos cada vez máis numerosos
sectores da Igrexa galega que reivindicaban o uso do vernáculo
galego na institución, ao fío das disposicións do Concilio
Vaticano II. En xaneiro de 1969 o Consilium autorizará oficialmente
ese uso e en abril de 1974, Bibliófilos Gallegos editará unha
versión do Novo Testamento feita polo sacerdote e poeta
Avelino Gómez Ledo.
Polo demais, Filgueira foi tamén membro da Real
Academia Galega, correspondente desde 1925 e numerario desde 1941, en
que ingresou para suplir a vacante do seu admirado mestre pontevedrés
Casto Sampedro Folgar. No transcurso da sesión de recepción,
celebrada en Compostela, leu o discurso Da épica na Galicia
medieval, que foi respondido por Otero Pedraio. Para a Academia,
ademais dunha recompilación da obra poética do arcebispo Lago
González (1973), preparou os volumes Afonso X e Galicia e unha
escolma de cántigas (1980), Armando Cotarelo Valledor
(1984) e Álvaro Cunqueiro (1991).
Na
listaxe de institucións culturais e académicas ás que pertenceu
cabe aínda citar o Patronato reitor da Casa Museo de Rosalía, o
Consejo Provincial de Bellas Artes de Pontevedra (1969), a Real
Academia de Bellas Artes de San Fernando (1971), a Real Academia de
la Historia (na que ingresou en 1980 cun discurso sobre a figura do
Padre Sarmiento) e a Real Academia Galega de Belas Artes (1990).
6.
Unha obra de estudo e erudición inmensa
En recoñecemento ao seu labor intelectual, inxente, o
de Pontevedra foi investido doutor “honoris causa” polas
Universidades de Santiago e Vigo (1996) e recibiu así mesmo
distincións honoríficas como a Cruz de Afonso X, a Cruz de Honra de
San Raimundo de Peñafort (1961), a Medalla de Ouro da Cidade de
Pontevedra (1969), o Pedrón de Ouro (1973), a Medalla de Ouro da
Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla Castelao (1984) e os
Premios Otero Pedrayo (1986), Fernández-Latorre (1989) e Trasalba
(1990), entre outros.
A
súa produción intelectual escrita, tanto en galego como en
castelán, é enorme e abranxe todo tipo de xéneros: a narrativa (Os
nenos, 1925; O
vigairo, 1927; Quintana
Viva, 1971); o teatro
(Agromar
-farsa pra rapaces-, 1936,
asinada co pseudónimo “J. Acuña”); a poesía (6
canciones de mar "in modo antico”,
publicadas en 1941 na
revista navarra Albor);
a edición de textos (Afonso X, Cotarelo Valledor, Lago González,
Cunqueiro...); a biografía, con entregas como Camoens,
conmemoración del centenario de "Os Lusíadas"
(1958), Diego
Sarmiento de Acuña, primer conde de Gondomar (1966),
Manuel Ventura
Figueroa, Arzobispo de Laodicea (1978)
e mais El almirante
pontevedrés Sarmiento de Gamboa (1980);
o artigo xornalístico (desde os primeiros que redixiu, que
apareceron na revista santiaguesa Renovación
e no diario Galicia,
de Vigo, en 1923); o artigo
erudito; o ensaio especializado; o traballo de divulgación cultural;
o prólogo; etc. Algún recontos falan de máis de trescentos títulos
saídos do seu enxeño, entre libros, opúsculos e folletos de toda
índole e de arredor de mil artigos publicados en xornais e revistas
(recollidos moitos nos nove volumes da serie “Adral”, que foron
publicando entre 1979 e 1996 as Ediciós do Castro do lembrado Díaz
Pardo), así como de máis de 1.600 conferencias, entre as que cabe
contar o pregón da Semana Santa que pronunciou no Teatro Pastor Díaz
de Viveiro o 12 de abril de 1976.

Tamén
foi Filgueira un competente especialista no mundo da Arte, cunha máis
que brillante xestión á fronte do Museo de Pontevedra e con
monografías como La escultura
gallega, el centenario de Francisco Asorey (1991),
sobre pintura romántica galega ou sobre o pintor Álvarez de
Sotomayor. Grande e constante foi, igualmente, o seu interese
pola arqueoloxía, en rexa competencia, non exenta de derivacións
persoais conflitivas, con Fermín Bouza Brei. Neste campo destacan as
súas “Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de
Pontevedra. Inventario de localidades con hallazgos paleolíticos”,
elaborada con Alfredo García Alén e publicada na revista El
Museo de Pontevedra (nº
XXIX, 1975). Etnógrafo e antropólogo por engadido, dedicou tamén
non poucas liñas a aspectos do vivir tradicional galego, con volumes
como La artesanía en
Galicia (1953) e mais
Los canteros gallegos
(1976).
Filgueira
revelouse, ao mesmo tempo, como un continuo indagador e un amante
apaixonado de dúas historias locais en concreto: a pontevedresa e a
compostelá. Sobre a cidade do Lérez escribiu volumes como Guía
de Pontevedra (1931), as
series tituladas Pontevedreses
universales e Archivo
de mareantes ou un
magnífico estudo sobre a basílica de Santa María a Maior (1992).
Mais el mesmo ten confesado algunha vez que o seu primeiro
recordo situábao en Compostela nas solemnidades do Ano Santo de
1909, ás que acudira con tan só tres anos de idade na compaña da
súa familia. Á cidade do Apóstolo dedicou o volume Historias
de Compostela (1970),
debruzándose sobre figuras e feitos como as empresas construtoras do
arcebispo Xelmírez, a reconstrución da biografía do Mestre Mateo,
as peregrinacións xacobeas medievais, a iconografía do Apóstolo e
a escola de gravado compostelá, os rituais da Universidade barroca e
as festas durante os séculos XVII e XVIII. Tamén inspirou o amor
pola cidade da estrela a confección de dous preciosos traballos
antolóxicos de literatura sobre ela, titulados Cancioneiriño
de Compostela (revista
Nós, núms.
103 e 104, 1932) e Cancioneiriño
novo de Compostela (1969,
Edicións Castrelos), respectivamente. En 1948 a Editora Nacional
tirou do prelo El libro
de Santiago, con debuxos
de José Sesto; en 1950 apareceu Santiago
de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios e,
en 1993, Compostela,
camino y estela. E aínda
en 1989 preparou Filgueira un guía trilingüe da cidade para as
Edicións Ir Indo, Santiago
de Compostela, con
fotografías de Manuel G. Vicente.

Finalmente,
aínda cabería citar Filgueira como un grande melómano e
afeccionado á música, tanto culta como popular, como poñen de
manifesto a súa pertenza á Coral Polifónica de Pontevedra, os seus
estudos sobre os cantares dos peregrinos a Compostela no Medioevo ou
a súa relevante intervención na edición dos dous volumes do
Cancioneiro Musical de Galicia
(1942), de Casto Sampedro, unha das
fontes preciosas de consulta do noso pasado nesa materia para
musicólogos e fokloristas actuais.
7.
Alcalde pontevedrés: unha de cal conservacionista; outra de area
contaminante.
Filgueira,
que viña exercendo desde o final da guerra a presidencia do Tribunal
Tutelar de Menores pontevedrés e que se vería recompensado polo
rexime franquista ao que servía tan eficazmente no plano educativo e
cultural cun posto de Procurador en Cortes polo terzo familiar, foi
nomeado o 10 de novembro de 1959 Alcalde da cidade do Lérez.
Desempeñou ese cargo ata 1968.
O seu paso pola alcaldía ten, evidentemente, un grande
“debe”: a autorización que concedeu para a instalación en
Lourizán da contaminante factoría de Ence-Elnosa, que tanto ten
danado e hipotecado desde entón ata hoxe mesmo a saúde da
poboación, a riqueza marisqueira e o desenvolvemento urbanístico e
turístico da ría de Pontevedra no seu conxunto. Mais tamén
presenta un grande “haber”: a súa decidida política de
conservación do conxunto monumental e histórico-artístico da
cidade, salvándoo da piqueta “desarrollista” que tantos estragos
perpetrou por aquel entón, para desgraza colectiva do noso
patrimonio, en tantas outras vilas e cidades do país.
8.
Conselleiro de Cultura da nacente Autonomía Galega.
Despois de celebradas as primeiras eleccións ao
Parlamento galego, en 1981, Filgueira Valverde fixo parte, en
calidade de Conselleiro de Cultura, do primeiro goberno autonómico,
presidido por Gerardo Fernández Albor, do partido Alianza Popular.
Permaneceu nese posto entre 1982 e 1983 e foron, esencialmente, dúas as decisións máis transcendentes ou relevantes da súa xestión, ambas non exentas de derivacións polémicas: a creación do Consello da Cultura Galega, organismo que presidiría máis tarde, desde outubro de 1990 ata o seu propio pasamento, e a promulgación do chamado “decreto Filgueira” (1982), que estabelecía, en base ao pacto acadado entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade compostelá, as regras ortográficas e morfolóxicas, isto é, a normativa do idioma galego. O pendor “isolacionalista” destas normas (fronte ás tendencias “reintegracionistas” que encabezaba o profesor Carvalho Calero e que viñan practicando xa amplos sectores) e determinadas imposicións convencionais contempladas nelas abriron un conflito sobre a norma do galego que, con voltas e reviravoltas que non é o caso expoñer aquí, chegou aberto (e por veces ben “sangrante”) até os nosos días, afectando de maneira decisiva á fortuna social da lingua propia de Galiza.
Permaneceu nese posto entre 1982 e 1983 e foron, esencialmente, dúas as decisións máis transcendentes ou relevantes da súa xestión, ambas non exentas de derivacións polémicas: a creación do Consello da Cultura Galega, organismo que presidiría máis tarde, desde outubro de 1990 ata o seu propio pasamento, e a promulgación do chamado “decreto Filgueira” (1982), que estabelecía, en base ao pacto acadado entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade compostelá, as regras ortográficas e morfolóxicas, isto é, a normativa do idioma galego. O pendor “isolacionalista” destas normas (fronte ás tendencias “reintegracionistas” que encabezaba o profesor Carvalho Calero e que viñan practicando xa amplos sectores) e determinadas imposicións convencionais contempladas nelas abriron un conflito sobre a norma do galego que, con voltas e reviravoltas que non é o caso expoñer aquí, chegou aberto (e por veces ben “sangrante”) até os nosos días, afectando de maneira decisiva á fortuna social da lingua propia de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario