eu

eu
eu

luns, 13 de outubro de 2014

UN XORNALISTA LIBERAL DE TREMOEDO: TOMÁS CANAVAL E MARIÑO

O rei absolutista Fernando VII
 A loita contra a tiranía absolutista marcou os primeiros decenios do século XIX en toda Europa e deu lugar a numerosos actos de sacrificio e heroísmo por parte dos defensores das ideas liberais. Entre nós, o enfrontamento cobrou moitas veces tintes tráxicos, pola férrea represión ordenada polo monarca Fernando VII, mais xerou tamén iniciativas de amplo calado como as "Sociedades Patrióticas", a milicia dos "Voluntarios Nacionales" e as primeiras andainas da prensa periódica. Movéndose neste preciso contexto e fomentando ese tipo de entidades, sempre desde posicionamentos antiabsolutistas e progresistas, aparece unha figura natural de Tremoedo (Vilanova de Arousa): Tomás Canaval e Mariño.

Segundo informa Couceiro Freijomil no seu Diccionario (Tomo 1, páx. 215), Canaval (ou Canabal) Mariño naceu na citada actual parroquia vilanovesa en 1779 e morreu en Vilagarcía (outras fontes din Vilanova) o 6 de xuño de 1829. Foi alumno de Teoloxía na Universidade compostelá, mais non rematou eses estudos. Vista a súa traxectoria posterior, máis ben semella que lle serviron para abominar da institución eclesiástica, daquela absolutamente maridada co poder rexio, cos privilexios aristocráticos e coa ideoloxía máis reaccionaria, salvadas ben poucas excepcións.

Canaval procedía dunha familia fidalga. Un irmán seu, Joaquín, casou cunha devanceira de Valle Inclán, Dª Francisca del Valle Inclán e Malvido (que morreu en 1882 aos 92 anos de idade), coa que tivo un único fillo, Jesús Eugenio Canaval del Valle, que naceu en setembro de 1816, estudou Dereito en Compostela e exerceu como secretario no Concello de Vilanova de Arousa.

Destinado en Compostela e logo na Pobra do Deán como funcionario de Facenda, o tremoedense Tomás Canaval e Mariño significouse moi axiña como eficaz e entusiasta propagandista das ideas liberais, fose desde a tribuna pública, fose, sobre todo, desde os cada vez máis influentes papeis periódicos. En palabras do citado Couceiro, Canaval foi dos que "más sobresalieron en los primeros tiempos de la prensa gallega".

Os informes redixidos polos absolutistas (en xerga da época, "bartolos", "blancos", "facciosos" ou "serviles") do Concello de Santiago sobre el, en outubro de 1823, logo de abortada "manu militari" a experiencia do chamado "Trienio Liberal", son concluíntes sobre a súa activa implicación na loita por implantar as novas ideas: "Fué nacional voluntario, secretario de un club que nocturnamente se reunía en el edificio que había servido de Tribunal de la Inquisición; exaltadísimo y osado en extremo: el primeiro que pidió y consiguió se pusiera la lápida de Porlier en el referido edificio. En el año de 20 y mes de marzo era oficial de esta Administración con sueldo de 5.000 reales, y por sus méritos llegó a ser, por la Constitución, director y subdelegado de Rentas en esta misma ciudad".

Ese activismo e ese compromiso do "negro" ou "colorado" Tomás Canaval, dito en termos da época, provoca que os informantes represivos apostilen: "Parece no puede darse un hombre más malo". Ben é verdade que para os reaccionarios composteláns, a listaxe de inimigos non era pequena nin irrelevante. Encadrábanse nas publicacións e sociedades liberais desa época en Compostela figuras como Sinforiano López, o impresor Manuel Antonio Rey e o seu cuñado Antonio de la Rúa, o libreiro Antonio Sáenz de Tejada, o reloxeiro Francisco Fernández Lago, o físico e catedrático universitario Juan Bautista Camiña, o presbítero Regueiro Vázquez, os arquitectos Melchor de Prado e seu fillo Casiano, o futuro alcalde de Madrid e deputado a Cortes Antonio Ferro Montaos, o comandante Juan de Dios Alguer, etc.

Noutro informe posterior, dado en maio de 1825 e reproducido, como o anterior, por Couceiro no seu Diccionario..., os reaccionarios composteláns engaden novos parágrafos condenatorios contra Tomás Canaval: "mereció y merece el concepto de ser de los hombres más malvados en el tiempo de la revolución; periodista el más inmoral, gritador acérrimo de la 'Sociedad Patriótica', de esta ciudad (constituyérase el 12 de mayo de 1820, y de ella fueron secretarios Canaval y Antonio Benito Fandiño); no sólo debiera estar separado de la dependencia, sino arrestado y aun algo más. Véanse los diarios de que ha sido editor, con D. Antonio Ferro; y, en fin, fué uno de los primeros agentes de la revolución".

Un pioneiro do xornalismo galego

As loitas políticas e ideolóxicas de comezos do século XIX trouxeron consigo un enorme desenvolvemento da prensa escrita, en forma de folletos e "papeis periódicos". O especialista Alberto Gil Novales ten localizado máis de 700 xornais en todo o Estado español só para os anos 1820-1823, correspondentes ao chamado "Trienio Liberal". A Coruña, bastión liberal, ve proliferar nesa mesma época cabezallos de prensa política como Diario Constitucional, El Conservador Constitucional, El Gorrión, El Despertador Gallego, Diario Político-Mercantil...

Dous son os xornais ("papeis", segundo se lles chamaba na época) que aparecen directamente vencellados ao noso protagonista, ambos de Santiago de Compostela. En primeiro lugar, El Amigo de la Nación, cabezallo liberal e constitucionalista que saíu en tamaño folio desde o 18 de abril ata o 23 de maio de 1820 dúas veces por semana, os martes e os venres, dos talleres de Juan Bautista Moldes, baixo a dirección de Antonio Ferro Montaos. Segundo indica Soto Freire, "publicaba editoriales, comunicados y otras variedades" e, a teor das informacións que ofrece Fandiño no seu Heráclito Español y Demócrito Gallego (nº 16, de 13 de xuño de 1820), cesou bruscamente, "con sorpresa del público". Segundo o autor de A casamenteira, enfrontado nesa altura aos ex-redactores do Amigo... Canaval e Antonio Caaveiro, a desaparición do citado xornal debeuse ás "muchas necedades en que incurrieron: la fisga y la mofa que hubo por las aldeas viendo tal folleto de venta por las ferias; y finalmente la ignorancia y la estupidez en su punto".

O outro xornal santiagués do que Tomás Canaval foi redactor é o liberal e de noticias El Observador Constitucional, impreso diariamente en cuarto desde de marzo de 1820 (para uns, desde o día 8; para outros, desde o día 17) na santiaguesa casa de Manuel Antonio Rey. Levaba por subtítulo ou lema "Viva el Rey por la Constitución" e foi denunciado á censura por un comandante militar no mes de xuño do propio 1820.

A figura de Tomás Canaval Mariño como activista político antiabsolutista está asociada á súa destacada participación, durante o chamado "Trienio Liberal", na "Sociedad Patriótica" compostelá. No seo desta entidade actuou como secretario, participou en debates e polémicas con outros correlixionarios e impulsou unha iniciativa de homenaxe a Porlier que constituíu a actuación pública e simbólica máis relevante do liberalismo santiagués no período de apenas tres anos (marzo de 1820-outubro de 1823) en que o rei Fernando VII finxiu marchar o primeiro de todos pola senda constitucional...

As "Sociedades Patrióticas"

Logo da insurrección de Riego na localidade sevillana de Cabezas de San Juan (1 de xaneiro de 1820) e do acatamento da Constitución de Cádiz polo monarca Fernando VII (9 de marzo), proliferaron por España adiante as auto-denominadas "Sociedades Patrióticas".

Tratábase de entidades de orientación decididamente liberal, abertas á discusión política e creadas a imitación dos clubes revolucionarios franceses. O seu obxectivo básico era contribuíar a crear unha opinión pública favorábel ao novo réxime liberal e para iso celebraron actos de conmemoración e homenaxe aos mártires da causa, apoiaron a formación e sostemento da "Milicia Nacional Voluntaria", elevaron peticións e informes ás Cortes e ao Goberno, exerceron control sobre toda clase de funcionarios para descubrir e denunciar pro-absolutistas, etc. Nos Estatutos da "Sociedad" coruñesa, pioneira no Estado, sinálanse como fins fundamentais "tratar todo lo que conduzca al bien de la Patria", "extender las ideas liberales en todas las clases del pueblo", "afirmar el imperio de la libertad y la verdad" e "alejar de entre nosotros el despotismo".

Para servir aos seus fins proselitistas, as "Sociedades" fundan periódicos, subscríbense aos doutras entidades liberais e serven de espazo para a lectura pública ou privada da prensa... No transcurso das súas sesións lese, estúdase e coméntase a Constitución de Cádiz, pronúncianse dicursos de tema social e político, debátense os propios Estatutos da entidade, elíxense ou remóvense directivas... De pasaxe, contribúen para a difusión de himnos e cancións de xorne liberal, sexa "A Marsellesa", sexa o "Himno de Riego" (que habería de se oficializar século e pico despois, durante a 2ª República), sexa a "Trágala", canción que constaba do seguinte estribillo "Al que le pese, que roa el hueso, / que el liberal le dirá eso: / trágala, trágala, trágala, / trágala, trágala, perro" e de estrofas ben significativas da ideoloxía que a sustentaba, como estas: "Antes que esclavos / volver a vernos / perecer todos / jurar debemos" ou "Ya no hay vasallos, / ya no hay esclavos / sino Españoles / libres y bravos".

Aglutinadoras, en moitos casos, dos elementos máis exaltados do bando liberal, as "Sociedades" axiña se revelaron unha ameaza para os intereses e orientacións dos liberais "moderados", que manobraron nas Cortes para regulamentar pro domo sua este tipo de entidades. En realidade, pola súa propia dinámica de funcionamento e pola súa orientación xeral xa se tiña producido un certo "reparto" entre as "Sociedades patrióticas", poboadas de exaltados partidarios da loita pola conquista de dereitos, e as "Sociedades Económicas de Amigos del País", punto de encontro dos elementos moderados ou "doceañistas", máis propensos a debates só técnico-reformistas.

O Regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, desde presupostos moderantistas, obrigou á disolución das "Sociedades" ou, no seu defecto, á súa conversión en "Tertulias Patrióticas", desprovistas de toda prerrogativa oficial e legal... Aínda así, cando se produza o retorno ao absolutismo da man dos exércitos da Santa Alianza ("Cen Mil Fillos de San Luís"), o 1 de outubro de 1823, os membros das "Tertulias" sufrirán, por regra, unha feroz persecución, o que dá a medida da súa enorme importancia no entramado civil e político partidario do liberalismo.

A "Sociedad Patriótica" de Compostela

Galiza xogou un papel moi destacado no fenómeno das "Sociedades Patrióticas". A primeira en constituírse en todo o Estado Español foi a da Coruña (febreiro de 1820) e logo apareceron outras en cidades como Ferrol, Lugo, Vigo, Mondoñedo e, como non, Santiago. A compostelá constituíuse en maio de 1820 e celebrou as súas reunións, non por casualidade, precisamente no edificio que ocupara a Inquisición, no solar en que hoxe asenta, nun recanto da compostelá Praza de Galiza, un coñecido hotel con bodegón...

Da "Sociedad Patriótica" santiaguesa fixeron parte, ademais do noso Tomás Canaval, figuras como o capitán Cosme Viamur, o catedrático madrileño de Historia Natural Gumersindo Moratín, o comandante Juan de Dios de Alguer, o catedrático Sebastián Antonio Pérez, o estudante Antonio Caaveiro, o impresor Manuel Antonio Rey, o burgués Manuel Flores, o escritor e xornalista Antonio Benito Fandiño... Como veremos, non deixou de vivir serios debates e desencontros entre algúns destes integrantes, Tomás Canaval incluído.

Cando a "Sociedad" se vexa impelida a disolverse en virtude do regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, enviará representación, asinada polo presidente Juan de Dios e polo secretario interino Sebastián Antonio Pérez, opoñéndose a esta medida, pois ao seu entender tal tipo de entidades non necesitaban de ningunha lei que as autorizase, dado que na propia Constitución de 1812 se consagraba o dereito á súa existencia en virtude de principios como o de liberdade de reunión e opinión, e dado que podían cumprir, ademais, unha misión útil como fiscalizadoras do cumprimento das leis, da lealtade dos funcionarios, etc.

Porlier
De todos os actos públicos que a entidade celebrou en Compostela, tal vez o máis relevante sexa un que, polo informe de depuración que os absolutistas redixen contra Tomás Canaval en outubro de 1823, sabemos que foi precisamente o xornalista tremoedense "el primeiro que pidió y consiguió" que se levase a cabo: a colocación no antigo edificio inquisitorial, o 24 de xuño de 1820, dunha lápida en homenaxe ao mártir liberal Porlier, que morrera axustizado na Coruña en 1815, con tan só 26 anos de idade.

O acto consistiu en inaugurar unha lápida cuadrangular que levaba no centro en letras douradas o texto "Calle de Porlier: Año de 1820" e nos contornos, en letras negras e relevos verdes, "Dedica la Sociedad Patriótica Compostelana". Presidida polo entón presidente da entidade Juan de Dios Alguer, a efeméride incluíu fogos de artificio, balcóns engalanados, reparto de composicións poéticas relativas ao asunto, desfile militar do batallón de Castela con bandeiras despregadas, presenza de delegacións dos concellos limítrofes e participación de diversos representantes eclesiásticos, civís e militares, entre os que ocupou un posto destacado o xornalista de Tremoedo.

A común pertenza ás fileiras antiabsolutistas, a súa afiliación común á "Sociedad Patriótica" santiaguesa e a coincidencia no traballo de redacción dalgún periódico non evitou que dous dos máis destacados elementos liberais da Compostela dos anos 20 do século XIX, Tomás Canaval Mariño e Antonio Benito Fandiño, acabasen enfrontándose pública e agremente. Discrepancias ideolóxicas e diferenzas de criterio sobre o funcionamento da citada "Sociedad" están na base dese conflito, non exento de certo personalismo por ambas partes.

O polemista Fandiño

O compostelán Antonio Benito Fandiño (1779-¿?), outro dos grandes xornalistas liberais do XIX galego e autor da peza teatral A casamenteira (escrita en 1812 e publicada postumamente en Ourense en 1849), acabaría os seus días nun presidio, tal vez en Valladolid, como dixo Murguía, tal vez na Coruña, como documentou recentemente o profesor Barreiro Fernández.

Durante os períodos en que llo permitiu a censura, escribiu moitas composicións satíricas, compuxo vilancicos e publicou numerosos opúsculos polémicos: Prospecto, Preliminar, Prólogo, Proemio...., de 1812, contra o seu denunciador Manuel Acuña e Malvar, arcedián do Salnés; Memoria o ensayo sobre la historia de la Real Cárcel de la Coruña (1812); Inaudita aventura y descomunal campaña.... (Santiago, 1813), en que relata a súa estadía en prisión e denuncia a inxustiza do seu encadeamento; A Dios rogando y con el mazo dando... (Santiago, 1814), sobre a situación política da época; Oración fúnebre... (1821), dedicada ao heroe e mártir do liberalismo Sinforiano López...

Ademais, durante o "trienio liberal" editou en Compostela o xornal El Heráclito Español y Demócrito Gallego, que saíu dúas veces por semana desde o 21 de abril ata outubro de 1820, completando un total de 53 números. Unha denuncia á censura por un artigo resultou letal para esta publicación en que Fandiño daba renda solta á súas opinións políticas liberais e reflectía os seus enfrontamentos no seo da "Sociedad Patriótica" compostelá.
Capa da peza teatral "A Casamenteira"

No número 13 do seu xornal, de 2 de xuño de 1820, Fandiño alude á sesión desa "Sociedad" celebrada durante os días 25, 26 e 27 de maio e aínda que nesa xuntanza non se trataron, na súa opinión, temas de verdadeiro interese, sinala que "no dejaron de estenderse actas, porque en este punto es exacto y diligente mi ex-compañero el Sr. Canabal". En realidade, tal xuntanza resultou polémica porque o propio Fandiño propuxo modificar os Estatutos da entidade en dous artigos e topou coa férrea oposición doutros socios como Gumersindo Moratín e Sebastián Antonio Pérez... Logo do debate, a votación deu como resultado 15 votos en contra e 8 a favor da substitución proposta. Alegouse non obstante nulidade da votación e retomouse o tema na seguinte sesión.

Só dous votos a favor da súa proposta recibiu entón Fandiño: o do impresor Manuel Antonio Rey e o do capitán Cosme Viamur. Prodúcese daquela certo pique co catedrático Sebastián A. Pérez, que acusou a Fandiño de inxuriar á "Sociedade" ao non aceptar de boa gaña o contundente resultado da votación. Como consecuencia, Fandiño abandonará desairado a entidade: "Y mediante ya no puedo ser útil á la sociedad por el espíritu de partido con que se obstina en oponerse á cuanto diga, y en que sin querer me honra pues denota la emulación; por el tenor de la presente me separo y aparto de ella, y suplico se sirva borrarme de la lista" (Heráclito..., nº 13, 2.6.1820).

Fandiño contra Mariño

Trala súa separación da entidade, Fandiño será atacado, entre outros, por Tomás Canaval Mariño. No Heráclito... de 9 de xuño de 1820 lemos: "Sociedad Patriótica de Santiago.- Con motivo de lo dicho en el número 13 de este periódico, se armó un gran caramillo en esta distinguida corporación, con dolor de los prudentes que la honran, y manifiesta necedad y crasísima ignorancia de los Peleles que más gritaron. El publicano Canabal, estúpido secretario de la sociedad, disparató de lo bueno de la orden, y el títere Moratín, badajó hasta cansarse. Todo el empeño de este par de gozques, era comprometer la sociedad a que se diese por injuriada [...], pero con todo nada puideron lograr, porque los sugetos de forma y más instrucción que ellos, olieron el poste y se opusieron de modo que en la sesión de sábado nada se ha concluido, y quedó pendiente el caso para la de lunes, estendiendo Canabal un apodada acta (según se me dijo) que le ha de dar por la cara al bueno del mochuelo, y servir de desengaño á la sociedad para que inmediatamente le remueva de lo que es incapaz de ejercer por sus pasiones é ignorancia".

Na sesión seguinte aludida no artigo precedente, Fandiño volveu ser atacado polo catedrático Gumersindo Moratín, mais "apesar de los gritos de este quechuvache, y los aspavientos del farándulo Canabal, la sociedad miró la cosa como debía mirarse, y no hubo lugar á nada". Fandiño acusa entón ao "leguísimo Canabal" de ter "depravada intención" e de ser "inepto para el destino, pues el Secretario debe ser un hombre de luces, y tú desconoces lo mismo que debes saber como cristiano", advertindo da súa intención de solicitar ao Presidente da entidade o expurgo da acta redixida polo de Tremoedo.

Nunha nova sesión da "Sociedad" non se reuniu quórum suficiente, mais o estudante Antonio Caaveiro, ex-redactor do Amigo de la Nación, tomou a palabra e, segundo relata o propio Fandiño no Heráclito... (nº 16, 13.6.1820) "habló más alto que concertado en orden á mí; pero en la mañana del sábado me dió completa satisfacción en el despacho del diario, negando varias cosas que había dicho, y por lo mismo y atenta su minoridad perdonado. ¿Que es esto Tomás [Canaval] y Gumersindo [Moratín]? Quedais solos por lo que veo".

O enfrontamento continuou e no Heráclito... de 20 de xuño (nº 18) lemos: "Como tanto se mintió de mi en este pueblo, y el célebre Canabal y campuzano Gumersindo, jactasen de valientes siendo unos pobres trompetas; justo es que el público sepa que tanto el señor catedrático Moratín, como el gozque publicano Tomás, faltaron á la verdad ó por mejor decir rotundamente mintieron. ¡Ha botarates, que par de privaderos se pierden en vosotros, respecto vuestros talentos no os hacen acreedores á más! ¡Qué sueldos tan perdidos los que gozais por la nación!".

Un intento falido de reconciliación

Mariño intenta unha sorte de armisticio con Canaval a través dunha nota de aviso que insire no número 20 do seu xornal: "En el núm. 16 de este periódico prometí la censura crítica del periódico titulado El amigo de la nación, de que fué principal redactor don Tomás Canabal y Mariño; y como un amigo que puede mandarme y á quien estoy sumamente obligado se interesase en que deje estas cosas, obedeciendo como debo sus insinuaciones, queda solvente el Sr. Canabal, que puede agradecer la bondad de quien le ha favorecido, y espero que desengañado no dé motivos á nueva campaña".

Mais a esperanza de Fandiño, sincera ou non, resultou defraudada. No número 28 do seu xornal, de 25 de xullo de 1820, vese obrigado a publicar unha carta co título de "Respuesta a T. C. M. B. articulista en el "Observador Constitucional" de esta ciudad del viernes 26 del corriente". O seu destinatario non é outro que Tomás Canaval, que publicou o día 21 no Observador... un texto en que acusaba a Fandiño de mentiroso. O promotor do Heráclito..., empregando o idioma galego (cousa extraordinaria nesa época, tratándose dun texto escrito), diríxese a Mariño, simulando non saber de quen se trata, nestes termos: "¡Ou ti quen queira que seas Vargas de xudas que tan estreyto es de moelles e que tantisimo urgas! ¡Intención de concodrilo, ollos de bacilisco, lengua de vívora, e pruma de serpe! ¿Porque á tomas conmigo, malino, é te atreves á chamarme embusteiro, solo por oir campanas?".

A desaparición do Heráclito... impídenos coñecer en que rematou a exaltada disputa entre estes dous xornalista liberais galegos sobre os que non tardaría en se desatar, con toda crueza e sen distinción, a represión absolutista.

venres, 26 de setembro de 2014

LUCAS LABRADA E A RIQUEZA DO SALNÉS AO RAIAR O SÉCULO XIX


O movemento da Ilustración significou un constante esforzo por entender e atallar os males económicos e sociais que azoutaban o país nesa altura. Entre as súas figuras hai unha que deixou na súa Descripción Económica del Reyno de Galicia (Ferrol, 1804) abondosas e interesantes referencias ás terras e mares do Salnés: Xosé Lucas Labrada.

Nado en Ferrol en 1762 e morto na Coruña en 1842, era fillo dun modesto profesor de gramática da Universidade compostelá, con raíces nas terras de Abadín (Lugo). Contábel do exército, humilde porteiro do “Real Consulado del Mar” e secretario, finalmente, desa mesma institución, Labrada arrastrou decote unha situación de penuria económica. Durante a invasión napoleónica atopámolo entre os "afrancesados" e posteriormente abrazaría a causa liberal.

Na súa Descripción..., concibida como inventario das fontes de riqueza e das potencialidades da economía galega dese momento, Labrada expón, a grandes trazos, o perfil e as faenas máis destacadas do tecido produtivo nas sete provincias de que constaba entón o reino galego. A fonda influencia do pensamento fisiocrático, que concedía a primacía á agricultura, e unha crítica profunda ás estruturas sociais herdadas do feudalismo son as ideas-forza deste libro. 

No inicio dos parágrafos que lle dedica á nosa bisbarra, daquela parte integrante da antiga provincia de Santiago, Labrada salienta que, sobre todo, “produce trigo, maíz, vino, frutas y poco lino”. Ao mesmo tempo, non se esquece de que na ría arousá, "que es la mayor del Reino", teñen asento "muchos puertos", de maneira que a actividade mariñeira e marisqueira posuía, daquela coma hoxe, un peso realmente decisivo no entramado económico.

A despensa do mar.- Referíndose aos oficios do mar, menciona a importancia das "patifas", mulleres que se dedicaban a “comprar a los marinos el pescado, para dirigirlo en caballerías a la ciudad de Santiago". Traballaban en Rianxo, por exemplo, "más de cien mujeres de matriculados y terrestres", que se repartían o labor do seguinte xeito: "unas al destino de lavar, preparar y componer en cestas el pescado que ha de extraerse para fuera de la villa; otras, en conducir por sí mismas y en cestas pequeñas el pescado menudo, como sardinas, panchoces, etcétera, a las parroquias o pueblos inmediatos, vendiéndolo por las aldeas, y aún llegando con él hasta la villa de Padrón que dista de aquí tres leguas”. Tamén en Carril localiza reghateiras que “se ejercitan en el acopio y venta de mariscos, que pescan sus maridos, hermanos, hijos y familia, y suelen ir a vender alguna parte de ellos a la villa del Padrón y ciudad de Santiago especialmente en tiempos de cuaresma”. 
  
Noutro parágrafo cuantifica en menos de 3.000 quintais anuais [un quintal=100 libras=uns 46 quilogramos] a pesca de congro que se facía en Vilanova de Arousa, mentres que en Fefiñáns "ascenderá a 4.000 millares de sardina, ejercitándose las mujeres del país en la venta de estos y otros pescados". Cifra parecida dá para a pesca de sardiña en San Tomé "en cuya venta por las aldeas inmediatas se ejercitan las mujeres del pueblo, y asimismo en las hilazas para aparejos de pesca, lienzos y estopas del país”. En Vilagarcía, explica, "se cogen anualmente ocho mil millares de sardina, en cuya salazón se ocupan la mayor parte de las mujeres del pueblo".

Referíndose a Cambados anota, xunto á importante actividade piscatoria, que "los terrenos baldíos que hay en sus fértiles inmediaciones se van reduciendo a cultura, según se aumenta la población, y en los incultos se apacienta el ganado". A illa de Sálvora, advirte, "está enteramente despoblada”, mentres que na Arousa "se ejercitan en la pesca del congrio y de pulpo, la cual asciende anualmente a 800 quintales”. Pola súa vez en Vilaxoán "hay catorce catalanes que costean las pesca y salazón de sardina, en cuya maniobra se ocupan al tiempo de la cosecha 123 mujeres y 28 hombres".

Luca Labrada non deixa de sinalar o contraste entre riqueza piscatoria e atraso agrario en lugares como Ogrobe, "cuya pesca de sardina asciende a dos mil millares al año". Na vila de San Martiño víanse, segundo o seu relato, "un crecido número de terrenos baldíos e incultos, que no sólo son capaces de producir vinos, sino también toda clase de frutos. La mucha pobreza de los naturales, y el hallarse casi todos matriculados [...] es causa de que de año en año se observe allí mayor decadencia en la agricultura”.

Comercio e cabotaxe nos portos da ría.- Labrada foi un firme defensor do principio do libre comercio e, nesa perspectiva, nun tempo en que o transporte de mercadorías se realizaba basicamente por vía marítima, insistiu na súa obra en sinalar as vantaxes que para a cabotaxe tiñan determinados portos. Así, referíndose á ría arousá indicaba que “aunque se hallan varios bajos y arrecifes en la expresada ría, que hacen su fondeadero peligroso, pueden no obstante con precaución subir navíos hasta el Carril".

Falando do porto carrilexo indica que “se extraen por él a otros de la costa considerables partidas de vino, y a Cádiz jamones, uno y otro fruto del país”, para engadir que “concurren muchas partidas de lino de Rusia que se introduce en el reino para las manufacturas de esta clase, y para lo cual se halla habilitado aquel puerto por Real Orden de diecisiete de abril de 1793". Desde Vilaxoán exportábanse a Ferrol, segundo os seus datos, "90 pipas de vino, y otros tantos ferrados de habichuelas del país", mentres que desde Vilagarcía "suelen extraerse a varios puertos del reino como unos dos mil millares de cebollas al año, en calidad de productos sobrantes de la agricultura del país”. Para Cambados sinala os viños como principal artigo de exportación, "pues en 1786 se condujeron al Ferrol 245 pipas y a La Coruña 84”.

Tamén non esquece a actividade comercial a través das feiras e mercados: “En Villagarcía se celebra mercado semanal, a donde concurren granos, gallinas y pescado [...] En Cambados y Santo Tomé del Mar hay un solo mercado semanal, y en Fefiñáns una feria cada mes, a donde concurre ganado vacuno, además de un mercado semanal de gallinas, pescados y huevos”.

Protoindustrias no Salnés.- Cada vez que menciona o traballo feminino nos portos da ría arousá, Labrada alude á circunstancia de que en determinadas épocas do ano, cando o labor na ribeira esixía menos tempo e dedicación, a maioría das mulleres fiaban e tecían nas súas propias casas. Hoxe sabemos da dimensión extraordinaria que chegou a ter na Galiza antiga esa protoindustria doméstica artesanal dos teares, que acabaría esmorecendo ao longo do século XIX pola competencia dos tecidos industriais, británicos e cataláns, maiormente.

Labrada documenta, finalmente, outros gromos industriais que rexistraba a ría arousá nese momento histórico. Por informacións que lle fornece o xuíz carrilexo Marcos Gándara, coñece a existencia "a la salida de esta villa y en términos de la jurisdicción" dunha "fábrica o tenería de curtidos establecido en el año de 1794 con Real aprobación, en el paraje que se nombra Brañas de la area [sic], de que es dueño don Ramón Pérez Santa María, vecino y del comercio por mayor de la ciudad de Santiago. En ella se ocupan treinta personas, además de otras que tienen a su cuidado y por su cuenta el acopio y venta de la corteza de roble". Na vila de Cambados sinala, por último, a existencia de "una fábrica de sombreros ordinarios, que habrá tres años se estableció, ocupándose en ella dos oficiales y un maestro" e aínda doutras fábricas domésticas que procesaban a lá para fabricar "buriel", un pano de cor parda moi empregado no vestiario común por aquel entón da nosa sufrida paisanaxe.

martes, 9 de setembro de 2014

Dous poemas cataláns traducidos para galego (Homenaxe a Catalunya na Diada de 2014)

Para expresar a miña solidariedade fraterna coa Catalunya que celebra a súa Diada e revindica o seu irrenunciábel dereito democrático a decidir e, asemade, como homenaxe á súa cultura, velaquí deixo dous poemas traducidos por min para galego de dous autores ben emblemáticos da súa literatura, Salvador Espriu e Joan Salvat-Pappaseit.

 
ASSAIG DE CÀNTIC EN EL TEMPLE, 
de Salvador Espriu


Oh, que cansat estic de la meva
covarda, vella, tan salvatge terra,
i com m'agradaria d'allunyar-me'n,
nord enllà,
on diuen que la gent és neta
i noble, culta, rica, lliure,
desvetllada i feliç!
Aleshores, a la congregació, els germans dirien
desaprovant: "Com l'ocell que deixa el niu,
així l'home que s'en va del seu indret";
mentre jo, ja ben lluny, em riuria
de la llei i de l'antiga saviesa
d'aquest meu àrid poble.
Però no he de seguir mai el meu somni
i em quedaré aquí fins a la mort.
Car sóc també molt covard i salvatge
i estimo a més amb un
desesperat dolor
aquesta meva pobra,
bruta, trista, dissortada pàtria.


ENSAIO DE CÁNTICO NO TEMPLO

Ouh, que canso estou da miña
covarde, vella, tan selvaxe terra,
e como gostaría de me afastar dela,
rumo ao norde,
onde disque a xente é limpa
e nobre, culta, rica, libre,
desprexuizada e feliz!
Daquela, na asemblea, os irmáns dirían
con desaprobación: "Como o paxaro que deixa o niño,
así o home que abandona o seu lar";
mentres eu, xa ben lonxe, mofaríame
da lei e da antiga sapiencia
deste meu enxoito pobo.
Mais nunca hei realizar o meu soño
e ficarei aquí até a morte.
Porque son tamén moi covarde e selvaxe
e amo ademais
cunha desesperada dor
esta miña pobre,
bruta, triste, malpocada patria.





SOTA EL MEU LLAVI EL SEU,
de Joan Salvat-Papasseit
 

Sota el meu llavi el seu, com el foc i la brasa,
la seda dels seus rulls com el pecat més dolç
                - i l'espatlla ben nua
                                                  ben blanca
  l'ombra corba
                                          incitant
                                                  de l'esguard:
encara un altre bes
                                 un altre
                                                       un altre
- quin perfum de magnòlia el seu pit odorant!








BAIXO O MEU LABIO O SEU

Baixo o meu labio o seu, como o lume e a brasa,
a seda dos seus rizos como o pecado máis doce
                - e a espalda ben núa
                                                  ben branca
  a sombra curva
                                      incitante
                                                    da ollada:
aínda outro bico
                         e outro
                                                      e outro
- que perfume de magnolia no seu peito recendente!

luns, 1 de setembro de 2014

CEMENTO CONTRA XARDÍN HISTÓRICO

Resulta inevitable pensar na fábula da galiña dos ovos de ouro cando se analizan certas decisións e derivas dos xestores municipais dos concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, ambos do mesmo ppartido. Calquera persoa presupoñería en ambos mandatarios, por estaren á frente de vilas que teñen no turismo balneario e no aproveitamento do río Tea as súas principais fontes de riqueza, unha certa sensibilidade especial co patrimonio natural e histórico que xestionan e, sobre todo, unha clara conciencia sobre a necesidade da súa preservación e conservación, como parte dunha estratexia a longo prazo de desenvolvemento sostible. Infelizmente, pódese constatar como o cemento construtivo falto de toda estética inza e coloniza cada vez máis e máis espazos nas dúas vilas, destruíndo parte da súa singularidade e rebaixando ata límites preocupantes o seu secular encanto, ao mesmo tempo que se deixan arruinar certos edificios emblemáticos, como o centenario Hotel Avelino, ou se colmatan as marxes do regato de Valdecide.

As ducias e ducias de pisos baleiros que albergan hoxe os dous municipios son un dedo acusatorio sobre o impacto feroz da “burbulla inmobiliaria e especulativa” tamén nas terras do Condado e fan máis absurdo aínda, se cabe, ese proxecto que quere permitir que a empresa Sodesmon constrúa varios chalés no espazo do histórico xardín do Gran Hotel, unha das áreas onde o encanto do Balneario pervive e que debera ser obxecto, ben pola contra, de todo tipo de coidados e restauracións. Non falemos xa do que acontece co río Tea, obxecto de melloras en certos aspectos, si, (derrubo da presa no Balneario, recuperación da flora de ribeira, apertura de rotas de sendeirismo...), mais agredido por un forte derrame de sosa cáustica durante este verán e, sobre todo, falto dunha boa e eficaz rede de depuración, o que causa unha intolerable e cada vez maior presenza de vertidos fecais no seu fondo.

Mondariz e Mondariz Balneario deberían aspirar a unha excelencia turística onde todo novo museo sexa benvido, como instalación que redundará no seu atractivo turístico, mais onde toda nova ocupación de terreo e toda nova construción respondan, así mesmo, a unha concepción harmoniosa e sustentable do conxunto. Non é o caso dese proxecto de Sodesmon, previsto nun espazo cargado de beleza natural, cheo de historia e que, igual que no pasado, debera seguir emprestando no porvir o seu servizo como marco de esparcimento, descanso e lecer para toda a comunidade. Dio alguén que, vinculado familiarmente a Mondariz, ten gozado cos seus fillos moitas veces do fresco verdor e da misteriosa aura dese xardín agora ameazado.

luns, 25 de agosto de 2014

Un libro de poesía de Jaime Oroza


Resultoume intensa e moi interesante a lectura do poemario do escritor viveirense e amigo Jaime Oroza, Dende mañá, editado recentemente con ilustracións de Otero Regal.

Desde a primeira páxina, o libro transmite unha poderosa sensación de produto quintaesenciado, feito a desmán das presas e a contrafío de todo postureo intelectual. O eu reflexivo e contemplativo que fala nos poemas, inmerso nun labirinto de voces e vivencias marcadas pola autenticidade, prescinde adrede de artificios e de ouropeis, atrapa coa súa dicción confesional e intimista, converte en significativos os propios brancos de páxina (silencios) e obriga a penetrar nunha dimensión existencial, ontolóxica, onde cada palabra e cada imaxe se revelan resultado dun arduo esforzo meditativo ou constitúen o eco empapado en beleza de intensas luzadas sensitivas, coa natureza como leitmotiv.

Tempo, Paisaxe, Vida e Morte son presenzas que vertebran o contido do libro, sen que falten alusións a entes máxicos que interfiren na existencia (a fada do vento que organiza a natureza desatada; o trasgo que entretén; o falcón de ouro que trae promesas de liberdade pero non pousa xamais...) ou xogos fabulísticos en que os diversos tipos de animais (caracois, vagalumes, bolboretas, melros, paporrubos, gaivotas...) representan o variado catálogo de deformes ou conformes maneiras de vivir que presentamos os “civilizados” humanos (“A túa herdade”).

Duro de dixerir, por estremecedor e auténtico, é o desdobramento especular do eu poético nese impresionante poema “O segundo camiñante”, que cabe relacionar con outros do libro como “A tola”, “O poema de auga” e “Falando de nada”, onde se fai coincidir o desarraigo ou a inadaptación do individuo con certo tipo de lucidez anticonvencional (“perdido fóra do tempo / navegando de bolina / na inconsciencia”). A palabra poética revélase, máis unha vez, como medio eficaz para plasmar as descubertas máis esenciais das viaxes ao fondo do propio eu e para afirmar as bandeiras irrenunciábeis tecidas no corazón de cada quen.

Impactantes son as metáforas con que se retrata a derrota, o desánimo e a desesperanza nalgúns outros versos: “O barco vello, / conserva aínda, / unha amarra podre / que o cingue á terra”; “os cipreses feridos de morte fronte ao mar / ven pasa-la vida”; “Cabos torados. / Mastros podres”; “nas mans baleiras traio / un fondo recendo acre / a humidade”...

O conxunto está formado por un total de sesenta e oito poemas, dos cales trinta e oito, os “Poemas ensolapados”, son concibidos e presentados nun formato que evoca de inmediato os haikus orientais, eses poemas breves e delicados que encerran un pensamento onde a natureza ocupa un lugar central.

Coidamos percibir nas creacións de Jaime ecos do telurismo de Novoneira (“Fías de néboa no monte”), pegadas da soidade ontolóxica de Manuel Antonio (“...para os afogados”; “Frío húmido”) e algúns recursos neotrobadoristas (“Auga da fonte fora”), o que, por moi subxectivo que resulte pola nosa parte, non deixa de ser indicativo dos variados “aromas” da nosa tradición literaria que decantan con equilibrio e bo gusto nestes poemas. Magnífica a construción paranomástica (xogando coas palabras noite, norte e morte) de “O mar axoenllado nos ollos” e magnífica, tamén, a explosión de vitalismo e sensualidade expresada en “Cereixas feras”.

Dende mañá é, ao noso humilde entender, unha obra de madurez, un poemario ben feito que contén un saber dicir indiscutíbel e un saber pensar que lle han de conferir para o futuro, diso estamos certos, marchamo de perennidade.

martes, 12 de agosto de 2014

A NATUREZA NA LITERATURA GALEGA MEDIEVAL

 
 A nosa intención, ao afrontarmos a confección deste relatorio, non é outra que a de ofrecer un peculiar paseo pola historia da literatura galega medieval (paseo necesariamente parcial e incompleto) á procura de referencias á natureza, para así reflexionarmos en voz alta sobre aspectos como cal é tratamento ou relevancia que se lle dá nese contexto histórico; que misión simbólica ou discursiva se lle confire; que elementos, paisaxes e/ou lugares se destacan nela e que autores e autoras xogan un rol destacado na abordaxe desta temática concreta.

Partamos, no entanto, dunha tese ou idea forza xeral que o propio “percorrido” histórico e textual que propoñemos debería demostrar de seu: a literatura galega é, sen lugar a dúbidas, un sistema especialmente sensíbel, propenso e permeábel á presenza da natureza. 

Moitas e diversas son as causas deste fenómeno, mais atrevémonos a resumilas, inda pecando probabelmente de reducionismo, en tres:

- a físico-xeográfica, que responde, en derradeira instancia, á enorme riqueza, singularidade e variedade de hábitats, elementos orográficos e especies naturais dun país como o noso, relativamente pequeno en extensión, pero riquísimo en diversidade e contrastes paisaxísticas: ríos, canóns, rías, cantís, praias, montes, cuíñas, lagoas, chairas, bosques …

- a antropolóxica, relacionada con factores como a esencial continuidade no poboamento desde etapas históricas moi remotas; o alto grao de dispersión da poboación no territorio e a histórica fraqueza dos ámbitos urbanos ata épocas relativamente recentes; a variedade de estratexias económico-sociais no aproveitamento dos recursos naturais; o enorme peso do modelo agrario/mariñeiro tradicional ata épocas moi recentes, etc.

- a simbólico-cultural, que, pondo de lado o período que nos vai ocupar, está relacionada posteriormente co propio proceso de toma de consciencia do país, a partir da Ilustración (s. XVIII) e, nomeadamente, desde o Rexurdimento (século XIX). No discurso que desde o galeguismo se vertebra sobre a propia identidade aparecerá como referencia basilar, como fundamento ideolóxico e como vínculo sentimental primario a idea de Galiza como “a Nosa Terra”.

Antes de comezarmos o noso percorrido pola historia e polos textos literarios, cómpre tamén que fagamos unha consideración previa sobre outro tópico moi estendido, o que atribúe un peso esmagador do rural na construción literaria da imago do país, en detrimento do mundo mareiro/mariñeiro. Segundo esta visión, a Galiza labrega, agraria, gandeira e do interior tería sido claramente hexemónica no canon literario galego. Por dicilo con exemplos: teriamos unhas conmovedoras Memorias dun neno labrego de Neira Vilas e uns extraordinarios poemarios como Terra Chá de Manuel María e Os eidos de Novoneira entre os libros máis emblemáticos das nosas letras, sen que se poidan sinalar equivalentes co mundo do mar como protagonista… Todo é relativo, porén … Mergullándose polos océanos da bibliografía, un atopa, en realidade, moitísimo máis mar presente no corpus literario galego do que o tópico proclama. Agardamos poñelo de manifesto nas liñas que seguen. 

***********

É nas chamadas cantigas de amigo, o xénero maior de orixe autóctona da nosa lírica medieval, e máis nas pastorelas, xénero menor de importación transpirenaica, onde se fai máis presente a natureza e os seus diversos elementos, en contraste co que acontece na cantiga de amor, desprovista case por completo de referencias desa índole entre nós, a pesar de que o seu modelo provenzal, a cançó, si constaba a miúdo de “exordio primaveral” e de notas paisaxísticas.

O xénero da pastorela, do que conservamos unicamente oito textos galego-portugueses, amósanos o encontro casual entre un trobador de clase privilexiada e unha mociña pastora, de aí o nome. Ese encontro prodúcese sempre en plena natureza (nun bosque, á beira dun río, nun camiño …) e dá pé case sempre a un diálogo de amores entre ambos protagonistas, con finais diversos.

O clérigo Airas Nunez (V 454) comeza a súa pastorela contándonos que “Oí og’eu ũa pastor cantar / du cavalgava per ũa ribeira (…) / E eu oí-a suspirar entón / e queixava-sse estando con amores / e fazia guirlanda de flores”. Don Dinís (B 547) sitúa tamén a visión da mociña nun marco natural delicioso: “Vi oj’eu cantar d’amor / em um fremoso virgeu, / unha fremosa pastor…”. 

Pola súa vez, o trobador portugués Johan Pérez de Aboim (B 676) indica que “Cabalgava noutro dia / per o caminho francês / e ũa pastor siia / cantando con outras tres / pastores (…)”. O xograr Pedr’Amigo de Sevilha (B 1098) ten un encontro nas ribeiras do Sar compostelán cunha pastora “que, poys fui nado, nunca vi tan bela”. Requírea para ser o seu “entendedor” (amante) ofrecéndolle a cambio toucas de Estela, panos, doas e boas cintas de Rocamador e ela, tras algún reparo inicial, finalmente acepta … 

De Johán Airas (B 967) é o seguinte fragmento da súa coñecida pastorela “Pelo souto de Crecente”, que presenta o motivo das aves cantoras no amencer como expresión natural ou “melodía de fondo” do sentimento amoroso e, por extensión, da alegría de vivir:

Pelo souto de Crecente
ũa pastor vi andar
muit’alongada de gente,
alçando voz a cantar,
apertando-se na saia,
quando saía la raia
do sol, nas ribas do Sar.

E as aves que voavan,
quando saía l’alvor,
todas d’amores cantavan
pelos ramos d’arredor;
mais non sei tal qu’i’stevesse,
que en al cuidar podesse
senon todo en amor (…).

Na mesma liña de empregar referentes naturais para a expresión das inquedanzas e das pulsións amorosas, Don Dinís, na cantiga “Unha pastor bem talhada” (B 534), coloca á protagonista en diálogo cun papagaio:


“Unha pastor bem talhada
cuidava em seu amigo,
e estava, bem vos digo,
per quant’eu vi, mui coitada;
e diss’: oi mais nom é nada
de fiar per namorado
nunca molher namorada,
pois que mh o meu a errado.

Ela tragia na mão
um papagai mui fremoso,
cantando mui saboroso,
ca entraba o verão;
e diss’: “Amigo loução,
que faria per amores,
pois m’errastes tam em vão?”
E caeu antr’unhas flores.

Unha gran peça do dia
jouv’ali, que nom falava,
e a vezes acordava
e a vezes esmorecia;
e diss’: “Ai Santa Maria!
que será de mim agora?”
E o papagai dizia:
“Bem, por quant’eu sei, senhora”.

“Se me queres dar guarida”,
diss’a pastor, “di verdade,
papagai, por caridade,
ca morte m’é esta vida”.
Diss’el: “Senhora comprida
de bem, e nom vos queixedes,
ca o que vos a servida,
erged’olho e vee-lo-edes”.

Polo que di á cantiga de amigo, tense sinalado repetidamente o seu estreito vínculo cunha tradición peninsular (e mesmo europea) de lirismo de temática amorosa triste e protagonista feminina de evidentes raíces folclóricas e populares, o que as emparentaría, por exemplo, coas chamadas jarchas mozárabes, se ben non faltan voces que remarquen a procedencia literaria culta clásica greco-latina (Horacio, Virxilio, tópicos do beatus ille e do locus amoenus…) de certos elementos xeórxicos e naturistas presentes neste tipo de composicións.

Nunha visión global do corpus lírico “de amigo” galaico portugués medieval conservado, coa natureza como referencia orientadora, poderiamos estabelecer as seguintes características xerais:
  1. É nese corpus onde aparecen referenciados e individualizados algúns dos lugares e espazos naturais galegos que, andando o tempo e ata a actualidade, resultan máis singulares e tamén emblemáticos. 

    Vallan como mostra a illa de San Simón da ría de Vigo, citada na famosa cantiga de Mendinho (B 852), ou o monte Faro, presente nas cantigas de Xoán de Requeixo (por exemplo, “A Far’un día irei”, B 1290).

  2. Nun pequeno grupo de cantigas de amigo, a natureza personifícase, faise personaxe, cobra humanidade para se converter en confidente das coitas amorosas da amiga namorada, como acontece na célebre cantiga de Don Denís (B 568):

“Ai flores, ai flores do verde pino,
se sabedes novas do meu amigo!
Ai Deus, e u é?

Ai flores, ai flores do verde ramo,
se sabedes novas do meu amado!
Ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amigo,
aquel que mentiu do que pos commigo.
Ai Deus, e u é?

Se sabedes novas do meu amado,
aquel que mentiu do que mh a jurado.
Ai Deus, e u é?

Vós preguntades polo voss’amigo?
E eu bem vos digo que é san’e vivo.
Ai Deus, e u é?

Vós preguntades polo voss’amado?
E eu bem vos digo que é viv’e sano.
Ai Deus, e u é?

E eu bem vos digo que é san’e vivo,
e será vosc’ant’o prazo saído.
Ai Deus, e u é?

E eu bem vos digo que é viv’e sano
e será vosc’ant’o prazo passado.
Ai Deus, e u é?

ou nesta non menos célebre de Pero Meogo (B 1187):

“Ai cervos do monte, vínvos preguntar:
fois’o meu amigu’e, se alá tardar,
que farei, velidas!

Ai cervos do monte, vínvolo dizer
fois’o meu amigu’e querría saber
que farei, velidas!”
 
  1. Por último, determinados elementos da natureza presentes nas cantigas de amigo cobran valor de símbolos eróticos e sexuais, recurso este aínda presente, por certo, no noso cantigueiro popular vivo (a laranxa foi á fonte…):
* A fonte, as ribeiras do río ou “as ribas do lago” como lugares do encontro dos amantes, como pon de manifesto, por exemplo, a cantiga de Fernando Esquío (B 1298):


“Vayamos, irmana, vayamos dormir
nas rrybas do lago, hu eu andar vy
a las aves, meu amigo.

Vayamos, irmana, vayamos folgar
nas rribas do lago, hu eu vi andar
a las aves, meu amigo.

Enas rribas do lago, hu eu andar vi,
seu arco na maão as aves ferir
a las aves, meu amigo.

Enas rribas do lago, hu eu vi andar,
seu arco na mano a las aves tirar,
a las aves, meu amigo.

Seu arco na mano as aves ferir,
e las que cantavan leixa-las guarir,
a las aves, meu amigo.

Seu arco na mano a las aves tyrar,
e las que cantavam non-as quer matar,
a las aves, meu amigo”.

ou a cantiga de Johan Zorro (B 1158), moito máis explícita no sentido sexual:

“Pela ribeyra do rio salido
trebelhey, madre, con meu amigo:
amor ey migo
que non ouvesse!
Fiz por amigo
que non fezesse!
Pela ribeyra do rio levado
trebelhey, madre, con meu amado:
amor ey migo
que non ouvesse!
Fiz por amigo
que non fezesse!”

* O cervo que bebe e remove na auga como metáfora da relación sexual, como se ve nas cantiga de Pero Meogo B 1192 (“Digades, filha, mia filha velida”) e, sobre todo, nesta (B 1188):

“Levous’a louçana, levóus’a velida,
vai lavar cabelos na fontana fria,
leda dos amores, dos amores leda.

Levous’a velida, levóus’a louçana,
vai lavar cabelos na fria fontana,
leda dos amores, dos amores leda.

Vai lavar cabelos na fontana fria,
passou seu amigo que lhi ben queria,
leda dos amores, dos amores leda.

Vai lavar cabelos na fria fontana,
passou seu amigo que muit’a amava,
leda dos amores, dos amores leda.

Passa seu amigo que lhi ben queria,
o cervo do monte a augua volvia,
leda dos amores, dos amores leda.

Passa seu amigo que a muito amava,
o cervo do monte volvia a augua,
leda dos amores, dos amores leda”.

* O baño na fonte, no río ou no mar como metáfora da relación erótica, como se percibe na cantiga de Estevan Coelho (B 721): “se oj’o meu amigo / soubess’, iria migo: / eu al rio me vou banhar”; na cantiga de Johan Soarez Coelho (B 689): “Fui eu, madre, lavar meus cabelos / a la fonte e paguei-m’eu d’elos”; ou na cantiga de Martin Códax (B 1282): “Quantas sabedes amar amigo / treydes comig’a lo mar de Vigo: / E banhar-nos-emos nas ondas”… Tamén aquí cabe estabelecer fundada conexión co acervo de ritos e crenzas populares relacionadas coa fertilidade (baño das ondas na praia da Lanzada…)

* O vento que molesta e enfada a moza (“meteu-s’alva em sanha”) pode interpretarse como metáfora da relación sexual forzada, da agresión (cantiga B 569 de Don Dinís, “Levantou-s’a velida”);