![]() |
O rei absolutista Fernando VII |
A
loita contra a tiranía absolutista marcou os primeiros decenios do
século XIX en toda Europa e deu lugar a numerosos actos de
sacrificio e heroísmo por parte dos defensores das ideas liberais.
Entre nós, o enfrontamento cobrou moitas veces tintes tráxicos,
pola férrea represión ordenada polo monarca Fernando VII, mais
xerou tamén iniciativas de amplo calado como as "Sociedades
Patrióticas", a milicia dos "Voluntarios Nacionales"
e as primeiras andainas da prensa periódica. Movéndose neste
preciso contexto e fomentando ese tipo de entidades, sempre desde
posicionamentos antiabsolutistas e progresistas, aparece unha figura
natural de Tremoedo (Vilanova de Arousa): Tomás
Canaval e Mariño.
Segundo
informa Couceiro Freijomil no seu Diccionario
(Tomo 1, páx. 215), Canaval (ou Canabal) Mariño naceu na citada
actual parroquia vilanovesa en 1779 e morreu en Vilagarcía (outras
fontes din Vilanova) o 6 de xuño de 1829. Foi alumno de Teoloxía na
Universidade compostelá, mais non rematou eses estudos. Vista a súa
traxectoria posterior, máis ben semella que lle serviron para
abominar da institución eclesiástica, daquela absolutamente
maridada co poder rexio, cos privilexios aristocráticos e coa
ideoloxía máis reaccionaria, salvadas ben poucas excepcións.
Canaval
procedía dunha familia fidalga. Un irmán seu, Joaquín, casou cunha
devanceira de Valle Inclán, Dª Francisca del Valle Inclán e
Malvido (que morreu en 1882 aos 92 anos de idade), coa que tivo un
único fillo, Jesús Eugenio Canaval del Valle, que naceu en setembro
de 1816, estudou Dereito en Compostela e exerceu como secretario no
Concello de Vilanova de Arousa.
Destinado
en Compostela e logo na Pobra do Deán como funcionario de Facenda, o
tremoedense Tomás Canaval e Mariño significouse moi axiña como
eficaz e entusiasta propagandista das ideas liberais, fose desde a
tribuna pública, fose, sobre todo, desde os cada vez máis
influentes papeis periódicos. En palabras do citado Couceiro,
Canaval foi dos que "más sobresalieron en los primeros tiempos
de la prensa gallega".
Os
informes redixidos polos absolutistas (en xerga da época,
"bartolos", "blancos", "facciosos" ou
"serviles") do Concello de Santiago sobre el, en outubro de
1823, logo de abortada "manu
militari" a
experiencia do chamado "Trienio Liberal", son concluíntes
sobre a súa activa implicación na loita por implantar as novas
ideas: "Fué nacional voluntario, secretario de un club que
nocturnamente se reunía en el edificio que había servido de
Tribunal de la Inquisición; exaltadísimo y osado en extremo: el
primeiro que pidió y consiguió se pusiera la lápida de Porlier en
el referido edificio. En el año de 20 y mes de marzo era oficial de
esta Administración con sueldo de 5.000 reales, y por sus méritos
llegó a ser, por la Constitución, director y subdelegado de Rentas
en esta misma ciudad".
Ese
activismo e ese compromiso do "negro" ou "colorado"
Tomás Canaval, dito en termos da época, provoca que os informantes
represivos apostilen: "Parece no puede darse un hombre más
malo". Ben é verdade que para os reaccionarios composteláns, a
listaxe de inimigos non era pequena nin irrelevante. Encadrábanse
nas publicacións e sociedades liberais desa época en Compostela
figuras como Sinforiano López, o impresor Manuel Antonio Rey e o seu
cuñado Antonio de la Rúa, o libreiro Antonio Sáenz de Tejada, o
reloxeiro Francisco Fernández Lago, o físico e catedrático
universitario Juan Bautista Camiña, o presbítero Regueiro Vázquez,
os arquitectos Melchor de Prado e seu fillo Casiano, o futuro alcalde
de Madrid e deputado a Cortes Antonio Ferro Montaos, o comandante
Juan de Dios Alguer, etc.
Noutro
informe posterior, dado en maio de 1825 e reproducido, como o
anterior, por Couceiro no seu Diccionario...,
os reaccionarios composteláns engaden novos parágrafos
condenatorios contra Tomás Canaval: "mereció y merece el
concepto de ser de los hombres más malvados en el tiempo de la
revolución; periodista el más inmoral, gritador acérrimo de la
'Sociedad Patriótica', de esta ciudad (constituyérase el 12 de mayo
de 1820, y de ella fueron secretarios Canaval y Antonio Benito
Fandiño); no sólo debiera estar separado de la dependencia, sino
arrestado y aun algo más. Véanse los diarios de que ha sido editor,
con D. Antonio Ferro; y, en fin, fué uno de los primeros agentes de
la revolución".
Un
pioneiro do xornalismo galego
As
loitas políticas e ideolóxicas de comezos do século XIX trouxeron
consigo un enorme desenvolvemento da prensa escrita, en forma de
folletos e "papeis periódicos". O especialista Alberto Gil
Novales ten localizado máis de 700 xornais en todo o Estado español
só para os anos 1820-1823, correspondentes ao chamado "Trienio
Liberal". A Coruña, bastión liberal, ve proliferar nesa mesma
época cabezallos de prensa política como Diario
Constitucional, El
Conservador Constitucional,
El Gorrión,
El Despertador Gallego,
Diario
Político-Mercantil...
Dous
son os xornais ("papeis", segundo se lles chamaba na época)
que aparecen directamente vencellados ao noso protagonista, ambos de
Santiago de Compostela. En primeiro lugar, El
Amigo de la Nación,
cabezallo liberal e constitucionalista que saíu en tamaño folio
desde o 18 de abril ata o 23 de maio de 1820 dúas veces por semana,
os martes e os venres, dos talleres de Juan Bautista Moldes, baixo a
dirección de Antonio Ferro Montaos. Segundo indica Soto Freire,
"publicaba editoriales, comunicados y otras variedades" e,
a teor das informacións que ofrece Fandiño no seu Heráclito
Español y Demócrito Gallego
(nº 16, de 13 de xuño de 1820), cesou bruscamente, "con
sorpresa del público". Segundo o autor de A
casamenteira,
enfrontado nesa altura aos ex-redactores do Amigo...
Canaval e Antonio Caaveiro, a desaparición do citado xornal debeuse
ás "muchas necedades en que incurrieron: la fisga y la mofa que
hubo por las aldeas viendo tal folleto de venta por las ferias; y
finalmente la ignorancia y la estupidez en su punto".
O
outro xornal santiagués do que Tomás Canaval foi redactor é o
liberal e de noticias El
Observador Constitucional,
impreso diariamente en cuarto desde de marzo de 1820 (para uns, desde
o día 8; para outros, desde o día 17) na santiaguesa casa de Manuel
Antonio Rey. Levaba por subtítulo ou lema "Viva el Rey por la
Constitución" e foi denunciado á censura por un comandante
militar no mes de xuño do propio 1820.
A
figura de Tomás Canaval Mariño como activista político
antiabsolutista está asociada á súa destacada participación,
durante o chamado "Trienio Liberal", na "Sociedad
Patriótica" compostelá. No seo desta entidade actuou como
secretario, participou en debates e polémicas con outros
correlixionarios e impulsou unha iniciativa de homenaxe a Porlier que
constituíu a actuación pública e simbólica máis relevante do
liberalismo santiagués no período de apenas tres anos (marzo de
1820-outubro de 1823) en que o rei Fernando VII finxiu marchar o
primeiro de todos pola senda constitucional...
As
"Sociedades Patrióticas"
Logo
da insurrección de Riego na localidade sevillana de Cabezas de San
Juan (1 de xaneiro de 1820) e do acatamento da Constitución de Cádiz
polo monarca Fernando VII (9 de marzo), proliferaron por España
adiante as auto-denominadas "Sociedades Patrióticas".
Tratábase
de entidades de orientación decididamente liberal, abertas á
discusión política e creadas a imitación dos clubes
revolucionarios franceses. O seu obxectivo básico era contribuíar a
crear unha opinión pública favorábel ao novo réxime liberal e
para iso celebraron actos de conmemoración e homenaxe aos mártires
da causa, apoiaron a formación e sostemento da "Milicia
Nacional Voluntaria", elevaron peticións e informes ás Cortes
e ao Goberno, exerceron control sobre toda clase de funcionarios para
descubrir e denunciar pro-absolutistas, etc. Nos Estatutos da
"Sociedad" coruñesa, pioneira no Estado, sinálanse como
fins fundamentais "tratar todo lo que conduzca al bien de la
Patria", "extender las ideas liberales en todas las clases
del pueblo", "afirmar el imperio de la libertad y la
verdad" e "alejar de entre nosotros el despotismo".
Para
servir aos seus fins proselitistas, as "Sociedades" fundan
periódicos, subscríbense aos doutras entidades liberais e serven de
espazo para a lectura pública ou privada da prensa... No transcurso
das súas sesións lese, estúdase e coméntase a Constitución de
Cádiz, pronúncianse dicursos de tema social e político, debátense
os propios Estatutos da entidade, elíxense ou remóvense
directivas... De pasaxe, contribúen para a difusión de himnos e
cancións de xorne liberal, sexa "A Marsellesa", sexa o
"Himno de Riego" (que habería de se oficializar século e
pico despois, durante a 2ª República), sexa a "Trágala",
canción que constaba do seguinte estribillo "Al que le pese,
que roa el hueso, / que el liberal le dirá eso: / trágala, trágala,
trágala, / trágala, trágala, perro" e de estrofas ben
significativas da ideoloxía que a sustentaba, como estas: "Antes
que esclavos / volver a vernos / perecer todos / jurar debemos"
ou "Ya no hay vasallos, / ya no hay esclavos / sino Españoles /
libres y bravos".
Aglutinadoras,
en moitos casos, dos elementos máis exaltados do bando liberal, as
"Sociedades" axiña se revelaron unha ameaza para os
intereses e orientacións dos liberais "moderados", que
manobraron nas Cortes para regulamentar pro
domo sua este tipo de
entidades. En realidade, pola súa propia dinámica de funcionamento
e pola súa orientación xeral xa se tiña producido un certo
"reparto" entre as "Sociedades patrióticas",
poboadas de exaltados partidarios da loita pola conquista de
dereitos, e as "Sociedades Económicas de Amigos del País",
punto de encontro dos elementos moderados ou "doceañistas",
máis propensos a debates só técnico-reformistas.
O
Regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, desde
presupostos moderantistas, obrigou á disolución das "Sociedades"
ou, no seu defecto, á súa conversión en "Tertulias
Patrióticas", desprovistas de toda prerrogativa oficial e
legal... Aínda así, cando se produza o retorno ao absolutismo da
man dos exércitos da Santa Alianza ("Cen Mil Fillos de San
Luís"), o 1 de outubro de 1823, os membros das "Tertulias"
sufrirán, por regra, unha feroz persecución, o que dá a medida da
súa enorme importancia no entramado civil e político partidario do
liberalismo.
A
"Sociedad Patriótica" de Compostela
Galiza
xogou un papel moi destacado no fenómeno das "Sociedades
Patrióticas". A primeira en constituírse en todo o Estado
Español foi a da Coruña (febreiro de 1820) e logo apareceron outras
en cidades como Ferrol, Lugo, Vigo, Mondoñedo e, como non, Santiago.
A compostelá constituíuse en maio de 1820 e celebrou as súas
reunións, non por casualidade, precisamente no edificio que ocupara
a Inquisición, no solar en que hoxe asenta, nun recanto da
compostelá Praza de Galiza, un coñecido hotel con bodegón...
Da
"Sociedad Patriótica" santiaguesa fixeron parte, ademais
do noso Tomás Canaval, figuras como o capitán Cosme Viamur, o
catedrático madrileño de Historia Natural Gumersindo Moratín, o
comandante Juan de Dios de Alguer, o catedrático Sebastián Antonio
Pérez, o estudante Antonio Caaveiro, o impresor Manuel Antonio Rey,
o burgués Manuel Flores, o escritor e xornalista Antonio Benito
Fandiño... Como veremos, non deixou de vivir serios debates e
desencontros entre algúns destes integrantes, Tomás Canaval
incluído.
Cando
a "Sociedad" se vexa impelida a disolverse en virtude do
regulamento aprobado polas Cortes o 21 de outubro de 1820, enviará
representación, asinada polo presidente Juan de Dios e polo
secretario interino Sebastián Antonio Pérez, opoñéndose a esta
medida, pois ao seu entender tal tipo de entidades non necesitaban de
ningunha lei que as autorizase, dado que na propia Constitución de
1812 se consagraba o dereito á súa existencia en virtude de
principios como o de liberdade de reunión e opinión, e dado que
podían cumprir, ademais, unha misión útil como fiscalizadoras do
cumprimento das leis, da lealtade dos funcionarios, etc.
![]() |
Porlier |
De
todos os actos públicos que a entidade celebrou en Compostela, tal
vez o máis relevante sexa un que, polo informe de depuración que os
absolutistas redixen contra Tomás Canaval en outubro de 1823,
sabemos que foi precisamente o xornalista tremoedense "el
primeiro que pidió y consiguió" que se levase a cabo: a
colocación no antigo edificio inquisitorial, o 24 de xuño de 1820,
dunha lápida en homenaxe ao mártir liberal Porlier, que morrera
axustizado na Coruña en 1815, con tan só 26 anos de idade.
O
acto consistiu en inaugurar unha lápida cuadrangular que levaba no
centro en letras douradas o texto "Calle de Porlier: Año de
1820" e nos contornos, en letras negras e relevos verdes,
"Dedica la Sociedad Patriótica Compostelana". Presidida
polo entón presidente da entidade Juan de Dios Alguer, a efeméride
incluíu fogos de artificio, balcóns engalanados, reparto de
composicións poéticas relativas ao asunto, desfile militar do
batallón de Castela con bandeiras despregadas, presenza de
delegacións dos concellos limítrofes e participación de diversos
representantes eclesiásticos, civís e militares, entre os que
ocupou un posto destacado o xornalista de Tremoedo.
A
común pertenza ás fileiras antiabsolutistas, a súa afiliación
común á "Sociedad Patriótica" santiaguesa e a
coincidencia no traballo de redacción dalgún periódico non evitou
que dous dos máis destacados elementos liberais da Compostela dos
anos 20 do século XIX, Tomás Canaval Mariño e Antonio Benito
Fandiño, acabasen enfrontándose pública e agremente. Discrepancias
ideolóxicas e diferenzas de criterio sobre o funcionamento da citada
"Sociedad" están na base dese conflito, non exento de
certo personalismo por ambas partes.
O
polemista Fandiño
O
compostelán Antonio Benito Fandiño (1779-¿?), outro
dos grandes xornalistas liberais do XIX galego e autor da peza
teatral A casamenteira
(escrita en 1812 e publicada postumamente en Ourense en 1849),
acabaría os seus días nun presidio, tal vez en Valladolid, como
dixo Murguía, tal vez na Coruña, como documentou recentemente o
profesor Barreiro Fernández.
Durante
os períodos en que llo permitiu a censura, escribiu moitas
composicións satíricas, compuxo vilancicos e publicou numerosos
opúsculos polémicos: Prospecto,
Preliminar, Prólogo, Proemio....,
de 1812, contra o seu denunciador Manuel Acuña e Malvar, arcedián
do Salnés; Memoria
o ensayo sobre la historia de la Real Cárcel de la Coruña
(1812); Inaudita
aventura y descomunal campaña....
(Santiago, 1813), en que relata a súa estadía en prisión e
denuncia a inxustiza do seu encadeamento;
A
Dios rogando y con el mazo dando...
(Santiago, 1814), sobre a situación política da época; Oración
fúnebre...
(1821), dedicada ao heroe e mártir do liberalismo Sinforiano
López...
Ademais,
durante o "trienio liberal" editou en Compostela o xornal
El Heráclito
Español y Demócrito Gallego,
que saíu dúas veces por semana desde o 21 de abril ata outubro de
1820, completando un total de 53 números. Unha denuncia á censura
por un artigo resultou letal para esta publicación en que Fandiño
daba renda solta á súas opinións políticas liberais e reflectía
os seus enfrontamentos no seo da "Sociedad Patriótica"
compostelá.
![]() |
Capa da peza teatral "A Casamenteira" |
No
número 13 do seu xornal, de 2 de xuño de 1820, Fandiño alude á
sesión desa "Sociedad" celebrada durante os días 25, 26 e
27 de maio e aínda que nesa xuntanza non se trataron, na súa
opinión, temas de verdadeiro interese, sinala que "no dejaron
de estenderse actas, porque en este punto es exacto y diligente mi
ex-compañero el Sr. Canabal". En realidade, tal xuntanza
resultou polémica porque o propio Fandiño propuxo modificar os
Estatutos da entidade en dous artigos e topou coa férrea oposición
doutros socios como Gumersindo Moratín e Sebastián Antonio Pérez...
Logo do debate, a votación deu como resultado 15 votos en contra e 8
a favor da substitución proposta. Alegouse non obstante nulidade da
votación e retomouse o tema na seguinte sesión.
Só
dous votos a favor da súa proposta recibiu entón Fandiño: o do
impresor Manuel Antonio Rey e o do capitán Cosme Viamur. Prodúcese
daquela certo pique co catedrático Sebastián A. Pérez, que acusou
a Fandiño de inxuriar á "Sociedade" ao non aceptar de boa
gaña o contundente resultado da votación. Como consecuencia,
Fandiño abandonará desairado a entidade: "Y mediante ya no
puedo ser útil á la sociedad por el espíritu de partido con que se
obstina en oponerse á cuanto diga, y en que sin querer me honra pues
denota la emulación; por el tenor de la presente me separo y aparto
de ella, y suplico se sirva borrarme de la lista" (Heráclito...,
nº 13, 2.6.1820).
Fandiño
contra Mariño
Trala
súa separación da entidade, Fandiño será atacado, entre outros,
por Tomás Canaval Mariño. No
Heráclito...
de 9 de xuño de 1820 lemos: "Sociedad
Patriótica de Santiago.-
Con motivo de lo dicho en el número 13 de este periódico, se armó
un gran caramillo en esta distinguida corporación, con dolor de los
prudentes que la honran, y manifiesta necedad y crasísima ignorancia
de los Peleles
que más gritaron. El publicano Canabal, estúpido secretario de la
sociedad, disparató de lo bueno de la orden, y el títere Moratín,
badajó hasta cansarse. Todo el empeño de este par de gozques, era
comprometer la sociedad a que se diese por injuriada [...], pero con
todo nada puideron lograr, porque los sugetos de forma y más
instrucción que ellos, olieron el poste y se opusieron de modo que
en la sesión de sábado nada se ha concluido, y quedó pendiente el
caso para la de lunes, estendiendo Canabal un apodada acta (según se
me dijo) que le ha de dar por la cara al bueno del mochuelo, y servir
de desengaño á la sociedad para que inmediatamente le remueva de lo
que es incapaz de ejercer por sus pasiones é ignorancia".
Na
sesión seguinte aludida no artigo precedente, Fandiño volveu ser
atacado polo catedrático Gumersindo Moratín, mais "apesar de
los gritos de este quechuvache, y los aspavientos del farándulo
Canabal, la sociedad miró la cosa como debía mirarse, y no hubo
lugar á nada". Fandiño acusa entón ao "leguísimo
Canabal" de ter "depravada intención" e de ser
"inepto para el destino, pues el Secretario debe ser un hombre
de luces, y tú desconoces lo mismo que debes saber como cristiano",
advertindo da súa intención de solicitar ao Presidente da entidade
o expurgo da acta redixida polo de Tremoedo.
Nunha
nova sesión da "Sociedad" non se reuniu quórum
suficiente, mais o estudante Antonio Caaveiro, ex-redactor do Amigo
de la Nación,
tomou a palabra e, segundo relata o propio Fandiño no Heráclito...
(nº 16, 13.6.1820) "habló más alto que concertado en orden á
mí; pero en la mañana del sábado me dió completa satisfacción en
el despacho del diario, negando varias cosas que había dicho, y por
lo mismo y atenta su minoridad perdonado. ¿Que es esto Tomás
[Canaval] y Gumersindo [Moratín]? Quedais solos por lo que veo".
O
enfrontamento continuou e no Heráclito...
de 20 de xuño (nº 18) lemos: "Como tanto se mintió de mi en
este pueblo, y el célebre Canabal y campuzano Gumersindo, jactasen
de valientes siendo unos pobres trompetas; justo es que el público
sepa que tanto el señor catedrático Moratín, como el gozque
publicano Tomás, faltaron á la verdad ó por mejor decir
rotundamente mintieron. ¡Ha botarates, que par de privaderos se
pierden en vosotros, respecto vuestros talentos no os hacen
acreedores á más! ¡Qué sueldos tan perdidos los que gozais por la
nación!".
Un
intento falido de reconciliación
Mariño
intenta unha sorte de armisticio con Canaval a través dunha nota de
aviso que insire no número 20 do seu xornal: "En el núm. 16 de
este periódico prometí la censura crítica del periódico titulado
El
amigo de la nación,
de que fué principal redactor don Tomás Canabal y Mariño; y como
un amigo que puede mandarme y á quien estoy sumamente obligado se
interesase en que deje estas cosas, obedeciendo como debo sus
insinuaciones, queda solvente el Sr. Canabal, que puede agradecer la
bondad de quien le ha favorecido, y espero que desengañado no dé
motivos á nueva campaña".
Mais
a esperanza de Fandiño, sincera ou non, resultou defraudada. No
número 28 do seu xornal, de 25 de xullo de 1820, vese obrigado a
publicar unha carta co título de "Respuesta
a T. C. M. B. articulista en el "Observador Constitucional"
de esta ciudad del viernes 26 del corriente".
O seu destinatario non é outro que Tomás Canaval, que publicou o
día 21 no Observador...
un texto en que acusaba a Fandiño de mentiroso. O promotor do
Heráclito...,
empregando o idioma galego (cousa extraordinaria nesa época,
tratándose dun texto escrito), diríxese a Mariño, simulando non
saber de quen se trata, nestes termos: "¡Ou ti quen queira que
seas Vargas de xudas que tan estreyto es de moelles e que tantisimo
urgas! ¡Intención de concodrilo, ollos de bacilisco, lengua de
vívora, e pruma de serpe! ¿Porque á tomas conmigo, malino, é te
atreves á chamarme embusteiro, solo por oir campanas?".
A
desaparición do Heráclito...
impídenos coñecer en que rematou a exaltada disputa entre estes
dous xornalista liberais galegos sobre os que non tardaría en se
desatar, con toda crueza e sen distinción, a represión absolutista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario