eu

eu
eu

luns, 1 de setembro de 2014

CEMENTO CONTRA XARDÍN HISTÓRICO

Resulta inevitable pensar na fábula da galiña dos ovos de ouro cando se analizan certas decisións e derivas dos xestores municipais dos concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, ambos do mesmo ppartido. Calquera persoa presupoñería en ambos mandatarios, por estaren á frente de vilas que teñen no turismo balneario e no aproveitamento do río Tea as súas principais fontes de riqueza, unha certa sensibilidade especial co patrimonio natural e histórico que xestionan e, sobre todo, unha clara conciencia sobre a necesidade da súa preservación e conservación, como parte dunha estratexia a longo prazo de desenvolvemento sostible. Infelizmente, pódese constatar como o cemento construtivo falto de toda estética inza e coloniza cada vez máis e máis espazos nas dúas vilas, destruíndo parte da súa singularidade e rebaixando ata límites preocupantes o seu secular encanto, ao mesmo tempo que se deixan arruinar certos edificios emblemáticos, como o centenario Hotel Avelino, ou se colmatan as marxes do regato de Valdecide.

As ducias e ducias de pisos baleiros que albergan hoxe os dous municipios son un dedo acusatorio sobre o impacto feroz da “burbulla inmobiliaria e especulativa” tamén nas terras do Condado e fan máis absurdo aínda, se cabe, ese proxecto que quere permitir que a empresa Sodesmon constrúa varios chalés no espazo do histórico xardín do Gran Hotel, unha das áreas onde o encanto do Balneario pervive e que debera ser obxecto, ben pola contra, de todo tipo de coidados e restauracións. Non falemos xa do que acontece co río Tea, obxecto de melloras en certos aspectos, si, (derrubo da presa no Balneario, recuperación da flora de ribeira, apertura de rotas de sendeirismo...), mais agredido por un forte derrame de sosa cáustica durante este verán e, sobre todo, falto dunha boa e eficaz rede de depuración, o que causa unha intolerable e cada vez maior presenza de vertidos fecais no seu fondo.

Mondariz e Mondariz Balneario deberían aspirar a unha excelencia turística onde todo novo museo sexa benvido, como instalación que redundará no seu atractivo turístico, mais onde toda nova ocupación de terreo e toda nova construción respondan, así mesmo, a unha concepción harmoniosa e sustentable do conxunto. Non é o caso dese proxecto de Sodesmon, previsto nun espazo cargado de beleza natural, cheo de historia e que, igual que no pasado, debera seguir emprestando no porvir o seu servizo como marco de esparcimento, descanso e lecer para toda a comunidade. Dio alguén que, vinculado familiarmente a Mondariz, ten gozado cos seus fillos moitas veces do fresco verdor e da misteriosa aura dese xardín agora ameazado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario