eu

eu
eu

mércores, 23 de xullo de 2014

SOBRE AS RAÍCES PRIMIXENIAS DO XORNALISMO VIVEIRENSE

Primeira plana dun exemplar do Heraldo
Antes de que o xa centenario El Heraldo de Vivero saíse á rúa por vez primeira en 1912, moitas voltas tiña dado xa o rodicio do xornalismo en relación á vila do Landrove. 

Se ben non foi das localidades galegas máis precoces en dispoñer de imprentas e xornais, nin moito menos, non cabe dúbida de que Viveiro mantivo a partir e ao longo do convulso século XIX unha relación moi viva e constante co novo medio de expresión e iso deu pé, moi axiña, á aparición dunha pléiade de figuras nativas que, con diversidade de credos e ideoloxías, destacaron no seu tempo como cultivadoras da escrita nos papeis periódicos. Cando a citada centuria inauguraba os seus últimos quinquenios, a imprenta e os cabezallos periodísticos instaláronse na vila cunha vocación de permanencia que, felizmente, chega aos nosos días.

Talvez non sexa ousado concedermos o título de “primeiro xornalista viveirés” da historia, avant la lettre, ou cando menos o de primeiro “correspondente” interesado en transmitir aos seus connaturais os feitos e fenómenos que acontecían polo ancho mundo adiante, ao xesuíta XOÁN GARCÍA DE XUNCEDA, quen, segundo conta Donapetry recollendo o dito polo Eco de Vivero (5.2.1899 e 12.2.1899), enviou a finais do século XVI canda numerosas reliquias cristiás extraídas das catacumbas romanas un libro manuscrito do seu puño e letra, intitulado Las maravillas de Roma, que se depositou no Arquivo municipal e que logo, infelizmente, acabou perdéndose.

O ilustrado e afrancesado ferrolán XOSÉ LUCAS LABRADA (1762-1842), humilde porteiro e logo secretario do Real Consulado coruñés, que foi fillo dun modesto profesor de Gramática da Universidade compostelá con procedencia das terras luguesas de Abadín, no bispado mindoniense, ofreceunos un retrato da realidade económica e dos principais sectores produtivos da Terra de Viveiro daquel tempo na súa obra Descripción económica del Reyno de Galicia (Ferrol, 1804). A súa fonte principal foi un informe que lle enviou ao Consulado o entón Correxedor de Viveiro, D. BENITO LOSADA Y QUIRÓS. Grazas á colaboracións destes dous persoeiros sabemos hoxe que os sectores que caracterizaron o tecido económico daquel tempo, ademais da agricultura e a pesca, eran o téxtil (lenzos), o comercio (maragatos que traían lá e bebidas e levaban lenzos Viveiro para Castela; cataláns que facilitaban fío e outros artigos de navegación …), os curtidos (fábrica en Xunqueira) e os artigos de luxo con destino a Ultramar (rocas de fiar, cestiños para a calceta, mobles de palla pintada de adorno …).

Tamén encerra informacións sobre o Viveiro de finais do XVIII que ben poderían facer parte do que hoxe denominaríamos unha reportaxe xornalística o manuscrito de 1799 do cura JUAN MASEDA ZARAGOZA (1746-1837), dado a coñecer por Chao Espina en diversos traballos.
 
Claustro do convento de San Francisco, en Viveiro
E outro persoeiro que temos que traer a colación neste repaso dos “precursores” do xornalismo viveirés é FREI JOSÉ LÓPEZ (¿?-1835), gardián do convento de San Francisco de Viveiro entre 1806-1812, primeiro, e desde 1821, despois. Como membro que foi da xunta gobernativa que, baixo a presidencia de José Ibarlucea y Arratiguibel, se constituíu entón, foi testemuña directa de moitos dos feitos que tiveron lugar na nosa vila durante a invasión das tropas napoleónicas. Antes de falecer en 1835, Frei José deixou escrito un relato deses feitos, ben é certo que con grandes doses de parcialidade (varrendo para o bando que buscaba, segundo di el, “la salvación de su patria, la defensa de su Rey y el amor a su santa y adorable religión”….), na Reseña histórica de la invasión francesa en el pueblo de Vivero durante el año 1.809, opúsculo manuscrito que gardou o sacerdote Manuel Froilán López Vilar, publicou Jesús Noya como folletín en El Eco de Vivero en 1889 e reeditou moi oportunamente a A.C. Estabañón da man de Xosé Ramón Fernández Pacios en 2009, ao se cumprir o segundo centenario daqueles históricos sucesos.

Presenzas pioneiras

Aínda que Viveiro tivo que agardar, como dixemos, ao derradeiro cuartel do século XIX para ver nacer as súas primeiras cabeceiras impresas, estivo non obstante moi presente desde os inicios da centuria nos papeis periódicos, tanto nos editados nas principais cidades de Galiza como nos da Corte madrileña. O nome da nosa vila, como ten posto de manifesto recentemente Julio Fernández Sanguino no volume Viveiro en la prensa histórica (1741-1850), apareceu efectivamente citado con relativa frecuencia. Tres son, dito resumidamente, as razóns ou contidos predominantes nesas abondosas citacións:

  1. Novas relacionadas cos acontecementos e avatares políticos que se van producindo na vila, coa loita entre absolutistas e liberais e o nacemento do moderno estado constitucional e centralista español como pano de fondo: a chegada en 1823 da partida liberal de Lastache a Viveiro; as continuas queixas das monxas de Valdeflores como consecuencia do impacto das medidas que conduciron á exclaustración de moitas comunidades relixiosas; o triunfo dos isabelinos sobre os carlistas; etc.
  1. Novas que, dun xeito ou doutro, se relacionan co desenvolvemento económico da vila, sexa aludindo ao seu florecente comercio marítimo (nun rosario de referencias concretas a temporais, arribadas de barcos, naufraxios, denuncias de contrabando…), sexa informando das subhastas de fincas e bens eclesiásticos que se producen tras a Desamortización de Mendizábal, sexa deixando constancia do nacemento de determinadas factorías e industrias.
  1. Novas relacionadas con sucesos que rompían puntualmente o pousado acontecer cotián, como roubos, homicidios, etc. ou informacións que daban conta da regular provisión para o distrito de funcionarios de todos os ramos (vacantes de mestres, nomeamentos da maxistratura, concursos para a provisión do servizo de correos, etc.). Nesta mesma orde de cousas, foron frecuentes as informacións relativas aos proxectos de construción de novas infraestruturas viarias e portuarias (estradas, faros).
A partir da década de 40 do século XIX, comeza a ser frecuente a aparición en xornais da Corte de novas enviadas por correspondentes oficiais ou oficiosos desde Viveiro [téñase presente que a veciña Mondoñedo dispón ao longo de 1841 de correspondente permanente para o madrileño Eco del Comercio]. Citemos algún exemplo:

El Espectador, Madrid, 15.2.1843: “Escriben de Vivero, en Galicia: Por aquí reina una especie de peste: principia con dolor fuerte de cabeza, concluye por vómitos; y como no acomete sino á los fumadores, todos á una lo atribuyen al pésimo tabaco filipino, que place al señor intendente regalarnos abundantemente, sin permitirnos el gusto de fumar de otro hace ya días, con notable perjuicio de los intereses nacionales, según se echa de ver por tal indolencia”.

El Heraldo, Madrid, nº 266, venres, 26 de maio de 1843: “De Vivero (Galicia) nos dicen haberse verificado en aquellas playas un escandaloso alijo de tabaco y sal. Sobre semejante suceso se estaba formando causa”.

Os “remitidos” que eses case sempre anónimos correspondentes ou simples subscritores dos xornais envían á publicidade visan ás veces tamén temas festivos e agradábeis:

El Guardia Nacional, Madrid, 3.9.1841: “Vivero, 18 de agosto. Anteayer se celebró en una colina inmediata á este pueblo la concurridísima romería de San Roque tan perfectamente descrita por el señor Pastor Díaz en su novelita ó cuento titulado La cita. En este año la concurrencia del pueblo, de las inmediaciones y de otros puntos hermoseaba más aquel bello panorama que parecía á lo lejos como un bello paisage variado y perfecto ó cómo una decoración de teatro bien acabada. Ese día fué perdido para la pena y las angustias y ganado todo para el placer”.

No mes de abril de 1842 rexistramos un cruce de informacións e opinións encontradas sobre o primeiro caso de xudiciarización en Viveiro derivada do exercicio da liberdade de expresión xornalística. Efectivamente, o daquela xuíz Vicente Portal abriu causa contra o escribán de Galdo, Diego José Barrera, “á pretesto de desafección por haber denunciado varias arbitrariedades suyas, valiéndose de la imprenta” (La Posdata, Madrid, 3.4.1842). Os resortes do “cuarto poder”, como pode verse, comezaban a ser empregados no seo da sociedade viveirense, aínda que non sen dificultades…

En paralelo a esta crecente influencia da prensa escrita no vivir colectivo que deixan translucir novas como a que acabamos de citar, cómpre referirse tamén ao paulatino incremento do número de subscritores de publicacións que se verifica na vila do Landrove nas décadas centrais do século XIX. Téñase en conta que desde 1850 está máis ou menos asegurado o correo diario desde Mondoñedo, vía Lugo [8 horas de camiño!!],; que avanzan as obras de construción da estrada ata Roupar, vía de comunicación que contribuirá decisivamente a romper o secular illamento viveirense por vía terrestre; e que desde o 1 de agosto de 1862 a nosa vila dispón de estación telegráfica (liña Santander-Ferrol), con servizo de día completo.

Persoeiros como Fidel Salgueiro y Noguerol aparecen citados desde 1852 como axentes de subscrición en Viveiro de importantes periódicos da Corte, como o conservador La Esperanza e o liberal La Iberia. O xornal barcelonés El Lloyd Español ten como punto de venda e subscrición en setembro de 1861 a libraría de Francisco R. López. 

Pero o realmente decisivo é que nos anos 30/40 do século XIX sairán á palestra da prensa escrita, tanto galega como madrileña, as primeiras plumas de fillos da vila do Landrove que acadan certo renome (nalgúns casos, extraordinario). Son, se val a expresión, a primeira “quinta” de xornalistas viveirenses, que encadra os nomes de Nicomedes Pastor Díaz, Vicente Manuel Cociña, Luís Trelles Noguerol, Gregorio Morales Pantoja, Nicolás Taboada Leal e Cipriano García Méndez Salgueiro, aos que cabería engadir en capítulo á parte, por non ser estritamente naturais da vila, aínda que si persoas estreitamente vinculadas a ela, ao vilalbés José Mª Castro Bolaño e ao ribadense Justo Pico de Coaña.

luns, 14 de xullo de 2014

OS EVANXEOS DA RISA ABSOLUTA: UNHA PEZA TEATRAL DE VILLAR PONTE CON CLAROS ECOS VALLEINCLANIANOS

A peza teatral Os Evanxeos da risa absoluta (Anunciación do Antiquixote), do escritor viveirés Antón Villar Ponte (1881-1936), foi publicada pola editorial Nós o 25 de xullo de 1934, coincidindo cos solemnes actos de ingreso na Academia Galega de Castelao e do propio xornalista fundador das Irmandades. Levaba como subtítulo o de “folk-drama da sinxeleza campesina”.


A citada peza organízase en tres actos ou tempos, intitulados respectivamente “Serán de Sábado”, “Mañán de Domingo” e “Noite de Luns a amancer de Martes”. Cada unha destas tres partes é caracterizada polo seu autor na introdución con estes sintagmas: “Abrente de sábado lavandeiro no río”, “Intermezo dominical de roupa branca” e “Epílogo báquico na compaña de Caín”, respectivamente.



A acción transcorre nunha aldea, segundo aclara a didascalia, “de entre val e montana, nesta época, como as que canta o xenio barroco do xeógrafo poeta Ramón Otero Pedrayo”. Os seus protagonistas principais son Electus (“tolo de lecturas, copreiro e poeta, que deprendeu pra crego ata se lle enfariñaren os miolos con foula de lúa e que é parente espiritual de Zarathustra”), Sabela (moza cega e fermosa que vive na pousada de Ciprianilla), Pedro (mozo de Sabela antes que esta ficase cega, afiador no inverno e gaiteiro polo verán) e Xan (irmán xemelgo de Pedro, gardabosques de oficio, actual mozo de Sabela). Outras personaxes menores da obra son a menciñeira e pousadeira Ciprianilla, a Señora Maripepa, Rosiña e Xurxo, fillos da anterior, as mozas lavandeiras e varios eivados que moran tamén na pousada de Ciprianilla: o Vello Cego, o Abráquico, o Sen Pernas e o Xordomudo.



O Primeiro Tempo comeza cunha escena de rapazas lavandeiras que murmuran no río. Os mordaces diálogos que manteñen, zarrapicados con coplas populares e ditos retranqueiros, xiran arredor das condicións e novidades da vida da aldea: as enfermidades e os gastos médicos; a situación do campesiñado como clase (“todo o noso suor lévano os amos, as rendas e os trabucos”, di a Lavandeira 4ª), os amoríos, a presenza e as repercusións do novo invento radiofónico... A cega Sabela fai aparición en escena e dialoga un instante coas lavandeiras. Cando marcha, a conversa destas permítenos coñecer a súa historia: Sabela foi abandonada polo seu mozo Pedro cando ficou cega e agora, sen familia, convive con Xan, irmán de Pedro, na pousada da Ciprianilla (esta “cóbralle o favor meténdolle polos ollos a Xan o gardabosques para que este lle deixe apañar leña e molimes de balde”, di a Lavandeira 6ª). A continuación chegan ao río Pedro, que levaba seis meses fóra da aldea traballando de afiador polas vilas, e Electus, quen nas súas primeiras intervencións declárase namorado da lúa e ataca os poetas “que humanizan as cousas para deshumanizaren os sentimentos da arte, nun circo vicioso”. Marchan as lavandeiras e fican sós Pedro e Electus, que dialogan sobre as mulleres, aquel defendéndoas e este atacándoas (“non hai mal - di- que pola muller non veña”). Electus marcha e chega Sabela co seu lazarillo. Ten lugar entón a escena en que Pedro e Sabela rememoran o seu primeiro contacto sexual e debaten sobre os seus sentimentos recíprocos.



O Segundo Tempo, que se desenvolve nun campón preto do mesón de Ciprianilla, ten a Electus como figura central. En diversos diálogos con Rosa e a tía Maripepa loa o folclore popular e defende o riso e a alegría: “o deus dos gregos, sempre ledos porque sabían riren coma nenos, tivo, según Homero, un copreiro antergo, a risa absoluta polo don supremo da divinidade”. Chegan despois Pedro, Ciprianilla e varios eivados que falan ben da súa protectora, censurada duramente por Electus, que a alcuma de “meiga alcaiota”. Ciprianilla marcha entón desgustada. Chega Sabela e póñense todos a xogar á pita-cega. Sabela confunde durante o xogo a Xan con Pedro, detalle este que terá valor premonitorio. Ao se pór a chover marchan todos e Electus vaticina que os irmáns “afían a queixada de Caín”.



Por último, o Terceiro Tempo decorre na cociña da pousada de Ciprianilla. Os hóspedes agardan pola cea e falan sobre o velorio do finado Tío Andrés, para o que marcha Ciprianilla pouco despois de chegaren ao mesón Pedro e Electus. O cego conta unha historia de mendigos. Electus lanza logo un sermón contra o catolicismo oficial de “cristos de prata, ouro e brilantes” e proclama o humilde fento como novo signo do cristianismo galaico. Tamén dirixe o seu discurso contra as trabas relixiosas, contra o sentido calderoniano da honra, contra o donjuanismo e contra as concepcións románticas no amor, defendendo, pola contra, a liberdade e espontaneidade nas relacións humanas e os ideais de beleza e amor propios da cultura grega clásica. Cando case todos marcharan a durmir, aparece Xurxo con viño para o velorio. Electus confíscallo e organízase unha festa báquica, preludio da traxedia. Electus segue a discursar sobre o espírito castelán e contra o Quixote, proclámase “profeta da segunda volta de Cristo”, defende o “humilde cristianismo do felgo e a fariña aldeán”, maldice as cidades, anuncia o triunfo do panteísmo, ensínalles a todos as ladaíñas do viño, etc. Cando por fin marchan todos a durmir, Electus e Pedro saen para o velorio…



Nese preciso instante, Villar Ponte suspende o desenvolvemento do drama cunha longa anotación, en que explica a necesidade de que os lectores/espectadores ollen o desenlace con ollos libres de prexuízos. Trátase, en definitiva, de advertir a quen tiver reparos morais que non debe verse como algo cru ou sucio o que, segundo Villar Ponte, é completamente natural: que a mocidade rural galega sexa fiel ao imperativo da sexualidade “sin previo sometimiento ós convencionalismos legalizados”. Retómase así o drama con Pedro volvendo á pousada e penetrando bébedo e coa indumentaria de seu irmán no cuarto de Sabela. Alí logra enganala e xacer con ela (este episodio “óese”, pero non se “ve”). 

Cando Sabela descobre o engano a súa reacción é de completa indignación. Pedro intenta convencela de que o fixo por amor, levado pola audacia que lle deu o viño. Nese instante irrompe Xan, sorprendéndoos. Tras unha discusión que eleva a tensión ao máximo, Xan encerra a Sabela no cuarto, apaga a única luz existente e, armado con navalla, o mesmo que Pedro, pelexa ás escuras contra seu irmán. No rifirrafe morre o Xordomudo, que pasaba nese instante pola sala. Sabela, crendo que o morto é Pedro, confésalle amargamente o seu amor... Electus, que asoma pola fiestra, descobre entón que o morto non é ningún dos dous irmáns. Chega Ciprianilla, que solicita explicacións, pero Electus mándaa calar. O Xordomudo xa está no ceo da risa absoluta e Electus proclama, pondo fin ao Terceiro Tempo: “á alegría pola dor, á libertade pola alegría (...) toda a terra en min e eu en toda a nosa terra en todo!”.



A peza propiamente dita termina aquí, mais complétase cun "Tolo soliloquio do ser ou non ser" pronunciado por Electus, onde se resumen ou desenvolven algunhas das ideas filosóficas e as mensaxes que foi deixando caer ao longo das súas intervencións na obra.



Villar Ponte, na nótula final que pon ramo ao seu folk-drama, fai explícitos dous dos obxectivos que perseguía ao confeccionalo: o primeiro, demostrar a necesidade de pervivencia do teatro (capaz de reflectir a paisaxe psíquica e física dun país só “falando”) perante o puxante cinematógrafo; o segundo, lograr expresar con palabras as esencias do “genius” ou “wolkgeist” da Galiza. De feito, xa en maio de 1934, no transcurso dunha lectura privada da súa peza, Villar Ponte explicáralles aos seus amigos coruñeses que “mi deseo fue no hacer una obra gallega más, sino una de las obras gallegas por antonomasia. Algo nuevo y netamente enxebre a guisa de pócima de nuestros motivos geórgicos más bellos que todavía en gran parte se hallan inéditos para la literatura (…) Cuanto nuestro paisaje tiene de vivo y humanizado procuré consubstanciarlo en un fluir de palabras que mojan las raíces de lo etnográfico y liban las esencias de los cantares silvestres (...). Paisaje y personas quise que fueran una misma cosa”. E o 2 de decembro do mesmo ano amentado, nun diario herculino do que era colaborador, o de Viveiro salientaba: “Tentei unha obra que demostrase varias cousas: a beleza expresiva da nosa lingua na sua forma popular que construín coidadosamente; o que ten d-orixinal e propio a-ialma galega, como inda para o teatro e a novela andan inéditos na busca d'autores os mais auténticos motivos raciaes, pesi-a tantas obras que xa se levan feito. (…) A diversidade galega co'a sua i-alma panteista, cheia de ledicia pagana, antípoda do espírito irto da Meseta, inda non tiña espello literario, agás no verso. O honor calderoniano andivo sempre lonxe da nosa Natureza”.



Puidemos demostrar no seu día, no correspondente fascículo da Historia da literatura galega editada pola AS-PG e A Nosa Terra (nº 20, 1996), como Villar Ponte reutilizou nesta obra ideas, parágrafos e fragmentos literais de conferencias, poemas, discursos e artigos de prensa que foran previamente elaborados e mesmo publicados por el en diversos xornais e revistas. Todo ese material refundiuno cun modelo básico de referencia, que non foi outro que o teatro nacionalista irlandés contemporáneo. Este, desenvolvido arredor do “Abbey Theatre” dublinés a comezos de século, tiña ao Premio Nóbel William B. Yeats e a John Millington Synge como máximos expoñentes e caracterizábase por trazos como o uso dunha linguaxe moi poética; a fuxida do realismo; a abundante presenza de símbolos; o uso de lendas e elementos folclóricos nos argumentos; o ritmo lento e a falta de acción; a utilización de música, máscaras e danza na representación; etc. Tratábase, en principio, dun teatro concibido para un público culto, de fina percepción, nada proclive aos efectismos e moi pendente, en troca, da beleza, tanto plástica como verbal. Talvez por este motivo, tomouse en moitas ocasións como un tipo de teatro “só para ler” ou descualificouse como “elitista”, propositadamente “obscuro” ou “difícil” de máis. De moitos deses trazos da dramática irlandesa que sinalamos participan, efectivamente, Os Evanxeos...



Ora ben, resulta así mesmo innegábel, na nosa opinión, o influxo directísimo que no deseño e no contido desta obra villar-pontina exerceron algunhas creacións literarias de Ramón Mª del Valle-Inclán, concretamente Flor de Santidad (1904), El Marqués de Bradomín. Coloquios románticos (1907) e El embrujado. Tragedia de tierras de Salnés (1913).



Xa Manuel María falou con acerto en 1970 de influenzas evidentes de Valle-Inclán na obra teatral do escritor viveirés. Francisco Pillado e Manuel Lourenzo definiron a peza que nos ocupa no seu manual O teatro galego (1979), con razón, como “unha sorte de rapsodia valleinclanesca, ebria de literatura”. E, por último, non deixa de ser significativo que xa aos críticos coetáneos que comentaron a peza na prensa galega lles parecese, por citarmos un exemplo, “un sugestivo drama rural (folk-drama campesino, le llama el autor) en el cual el mismo Antón Villar Ponte desarrolla en forma dialogada y escenificada un tanto al modo valleinclanesco, un intenso episodio rústico”.



En Flor de santidad, efectivamente, concorren como personaxes o cego Electus e unha moza cega chamada Sabela la Galana, como Sabela é a invidente que protagoniza Os Evanxeos...



Na segunda das obras valleinclanianas citadas, El Marqués de Bradomín, non só aparece un personaxe chamado, como o protagonista de Os Evanxeos..., Electus, cego de Gondar, presentado polo propio Valle-Inclán como “famoso prosero” (o villarpontino é “copreiro e poeta”), senón que rexistramos tamén unha hoste de mendicantes formada por “patriarcas haraposos, mujeres escuálidas, mozos lisiados” (o Manco de Gondar, o Tullido de Céltigos, Paula la Reina, La Inocente de Brandeso, Sr. Cidrán el Morcego, La Quemada, Minguiña, etc.) na que parecen inspirarse directamente algunhas das personaxes secundarias de Os Evanxeos... como O Vello Cego, O Abráquico, O Eivado das pernas ou O Xordomudo, se ben é verdade que tamén poden considerarse criaturas que beben a súa esencia nos debuxos e caricaturas de Castelao sobre o particular. De igual maneira, achamos certos paralelismos entre a Ciprianilla villarpontina, “naipeira, manciñeira e patrona de mesón para feireantes e méndigos de romaxe” e a Madre Cruces de El Marqués de Bradomín, vella de aldea alcoviteira ou conqueridora. Nalgunha escena da peza do vilanovés interpretan os merlos unha riveirana, como merlo é o paxaro que co seu canto fai que Pedro e Sabela rememoren, na peza do viveirés, o seu antigo noivado...



Por último, en El embrujado constatamos novos puntos de conexión coa obra villarpontina que nos ocupa: aparece, outra volta, o personaxe Electus, o cego de Gondar, que bota coplas coa zanfona e ten moita labia; e intervén un coro de mulleres fiandeiras, transmutadas na obra de Villar Ponte en lavandeiras, que dialogan e discuten sobre diversos temas da vida comunal aldeá.



Resulta esclarecedor, neste sentido, que pola mesma época en que compuña a súa peza, Villar Ponte tivese dedicado parágrafos de loa a Valle Inclán, reivindicando o seu estilo sensualista, simbiose de fantasía e realismo, e excluíndoo explicitamente do listado de autores (Pérez Lugín, Linares Rivas, López de Haro...) que, a xuízo do viveirés, ofenderan, denigraran ou presentaran nalgunha das súas obras unha visión aldraxante e degradante de Galiza, do galego e dos galegos: “Tal vez alguien diga: ¿Y la Galicia de Valle-Inclán? Y yo responderé: la Galicia de nuestro manco genial es una Galicia legendaria, ajena al tiempo y al espacio, que con la pátina del ayer arraiga lo que [sic, de] hoy y con la sensibilidad de hoy vitaliza lo de ayer poniendo la naturaleza acorde con la fábula en simbiosis exquisitas de fantasía y realismo que sublima un estilo de gran poeta, donde, como en el de D'Anunzio, hay eterna fiesta de luz, colores, aromas y sonidos (Cf. "Pretextos cotidianos. La eterna cantinela de los aturuxos ofensivos", El Pueblo Gallego, Vigo, 14.3.1934).



E aínda noutra ocasión, ao fío duns ataques de membros da Real Academia Española á figura do autor das Sonatas, reflexionaría en voz alta o xornalista viveirés: “Hay tragedias del gran don Ramón (para nosotros de lo más genial de teatro español) de escenario gallego y de alma toda gallega, que están pidiendo a gritos una interpretación idónea en la tierra que las inspiró, y más que nunca ahora, cuando el secretario perpetuo de la Academia Española acaba de opinar sobre el casticismo de Muñoz Seca y sobre el anticastizo arte literario valleinclanesco que, a los que no somos inmortales, se nos antoja lo mejor de la literatura castellana contemporánea” (Cf. "Pretextos cotidianos. El teatro gallego y Valle Inclán", El Pueblo Gallego, Vigo, nº 3.324, 30.11.1934).


mércores, 2 de xullo de 2014

UNHA HOMENAXE A CASTELAO PROMOVIDA POR ANTÓN VILLAR PONTE

Como aconteceu, en realidade, ao longo de toda a súa traxectoria, durante o período da 2ª República Antón Villar Ponte exerceu desde a tribuna xornalística e desde a súa condición de socio de determinadas entidades e asociacións un papel relevantísimo de animador no panorama cultural galego, incentivando ou participando directamente na realización de múltiplas iniciativas nese ámbito. Que tiña plena consciencia de desempeñar semellante rol demóstrao o seguinte comentario saído da súa pluma (cf. La Voz de Galicia, 25.3.1934):

“Evaristo Correa Calderón en su libro Índice de utopías gallegas ha tenido a bien aplicarme el calificativo moderno de animador: animador de ideas y sentimientos. Si esto significa un galeato para mi modestísima persona, lo acepto puesto que no tengo más remedio que aceptarlo, aunque pienso, y me parece no pensar mal, que todos los periodistas somos animadores”.

Foi o noso autor, efectivamente, quen formulou durante os anos republicanos a necesidade de tributar homenaxes a determinadas figuras da cultura e a política galegas como Manuel Murguía, Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Federico Maciñeira. Animou o viveirés como poucos, ademais, a creación dunha Asociación de Escritores de Galicia, entidade que, no entanto, non chegaría a ver constituída en vida. El propio foi obxecto en outubro de 1934 dunha homenaxe na súa vila natal, Viveiro, e culminou en xullo dese mesmo ano a súa peripecia no seo da Real Academia Galega lendo o seu discurso de ingreso (O sentimento liberal na Galiza) e recibindo, na continuación, a Castelao como numerario.

É nesta perspectiva que hai que contemplar o relevante papel desempeñado polo autor de Almas mortas na tributación dunha homenaxe ao autor de Cousas en Lugo, en xuño de 1932. Tal homenaxe, entendemos, marcou un punto de inflexión moi relevante na configuración pública do rianxeiro como líder ou figura en que se encarnaban as ansias autonomistas e os entusiasmos republicanistas dunha boa parte da sociedade galega. A homenaxe de Lugo sobardou en adhesións os limites do galeguismo organizado e ensanchou definitivamente os lindeiros da estima que xa se lle tributaba en amplos sectores ao rianxeiro como artista e como literato.

En realidade, xa durante a Ditadura primorriverista tiña proposto Villar Ponte, en cando menos tres ocasións mais sempre sen éxito, a tributación dunha homenaxe pública de recoñecemento a Castelao.

En decembro de 1927, efectivamente, o xornalista viveirés tiña feito aceso eloxio nas columnas do diario vigués El Pueblo Gallego do artista rianxeiro, aconsellando a directivos do Centro Galego de Montevideo como Xulio Sigüenza e Constantino Sánchez Mosquera, que, de quereren homenaxear a Castelao, a mellor maneira de facelo sería promovendo unha grande e esmerada edición do álbum Nós, cos pés dos debuxos en galego, francés e inglés (Cf. “Acerca del homenaje a Castelao. La proposición que hemos hecho”, El Pueblo Gallego, 31.12.1927).

Como queira que a citada proposta non foi adiante, o noso xornalista saudou a edición do segundo volume de Cousas (1929) enxalzando ao rianxeiro, cualificándoo de “hombre más representativo de Galicia” e definíndoo como sinónimo de “genialidad, enxebreza, originalidad”. Consideraba Villar Ponte que “el alma de Galicia tiene su caricatura egregia en el alma de Castelao” e acrecentaba que “en los dibujos y cuentos de Castelao se aprende, acaso como en nada, el arte de ser gallego” (Cf. “Pretextos Cotidianos. El gallego, todo gallego”, El Pueblo Gallego, 12.6.1929).

Por último, en xuño de 1930, ao fío da celebración dun banquete-homenaxe a Otero Pedraio con motivo do ingreso do ourensán na Academia Galega, Villar Ponte retomaría a súa idea, indicando agora que o acto de homenaxe a Castelao podería consistir nun banquete ao ar libre no sitio máis próximo ao verdadeiro centro xeográfico do país, coa mesa abeirada a un carballo regado por terras procedentes das sete vellas provincias do Reino de Galiza e con discursos pronunciados exclusivamente en galego que rememorasen as figuras máis destacadas da historia da cultura galega (Cf. Pretextos Cotidianos. Homenaje que debe pensarse mucho”, El Pueblo Gallego, 21.6.1930).

Xa proclamada a 2ª República, volvería ser o viveirés quen, a través das páxinas de El Pueblo Gallego, propuxese novamente na primavera de 1932, e desta volta por fin con éxito, a necesidade de tributar dunha vez por todas a grande homenaxe a que Castelao se tiña feito merecente. Villar Ponte formulaba desta volta o seu chamamento como unha sorte de desagravio ao rianxeiro diante dos virulentos ataques proferidos contra el polo diario madrileño El Imparcial, daquela de orientación filolerrouxista, despois de que o autor de Cousas defendese brillantemente na tribuna parlamentar os dereitos nacionais de Cataluña no transcurso do debate sobre o seu Estatuto autonómico (Cf. “Pretextos cotidianos. Un desagravio que se impone”, 25.5.1932):

“Pero, ¿existe todavía El Imparcial, aquel periódico nefasto que más contribuyó a llevarnos a la pérdida de las colonias al son de la Marcha de Cádiz, siendo, por otra parte, el órgano en la prensa del cerealismo castellano y el defensor más recio de la Monarquía en la hora crítica del 98? Al parecer existe; y nos enteramos de su existencia porque unos buenos amigos nos manifiestan que acaba de publicar en uno de sus últimos números un artículo en que arremete despiadadamente contra Castelao, envolviéndome a mí de pasada en el ataque, debido a que el genial artista gallego, consecuente con su noble postura galleguista, defendió en el Parlamento las aspiraciones de Cataluña (...)”.

A idea lanzada por Antón Villar Ponte en maio de 1932, desde as páxinas de El Pueblo Gallego, de homenaxear a Castelao axiña recibiría apoios e adhesións entusiastas en diversos sectores da opinión pública. Unha amplísima relación de cidadáns lugueses, encabezada polo alcalde accidental Carlos Vázquez Fernández Pimentel e integrada entre outros polo seu irmán o poeta Luís Pimentel, o avogado Juan A. Correa Calderón (promotor nesa altura na cidade das murallas do xornal republicano Vanguardia Gallega), o arquitecto Eloy Maquieira, o impresor Benigno Gómez, o escritor e xornalista Ánxel Fole e o deputado Rafael de Vega Barrera, sae colectivamente á palestra o 27 de maio de 1932 para recoller o chamado villarpontino, aplaudilo e reclamar para a cidade das murallas a honra de lle render esa homenaxe desagraviadora a Castelao (Cf. “Desagravio a Castelao. Lugo recaba para si el honor de rendírsele [sic]”, El Pueblo Gallego, 27.5.1932), por ter sido aquela escenario histórico do levantamento de Solís (1846) e da celebración da primeira Asemblea das Irmandades da Fala (1918). 

Acollendo con satisfacción estas exteriorizacións de apoio á súa iniciativa, o xornalista viveirés subliñaría, a renglón seguido (Cf. “Pretextos cotidianos. Alrededor del homenaje de Lugo”, El Pueblo Gallego, 9.6.1932), o enfoque e relevancia que cabía imprimirlle a ese acto con estas palabras:

“El homenaje a Castelao no puede ser uno de tantos. Tiene que ser algo grandioso, extraordinario, que marque un nuevo jalón en el camino de nuestra historia. A tal señor, tal honor (...) 
Hablar de Galicia es hablar de Castelao y viceversa. Porque todo su pensamiento y todo su arte son netamente gallegos. Todas las inquietudes de nuestro país, todos los anhelos de superación, todas sus alegrías y dolores, viven vida eviterna en las soberbias producciones de su pluma y del lápiz de este inmenso artista que es el artista galaico por antonomasia. Su obra genial resulta el más serio y profundo ideario de la raza. Ideario político, social y artístico. El nombre de Castelao es la mejor bandera y la mejor síntesis de un puro integralismo gallego, de esencia liberal y humana”.

Diante dos máis de setecentos comensais que asistiron ao banquete-homenaxe tributado a Castelao no Hotel Méndez Núñez de Lugo, o 19 de xuño de 1932, e despois de telo precedido no uso da palabra outros persoeiros como Carlos Vázquez Fernández Pimentel (presidente da Comisión organizadora), Ramón Martínez López (secretario da Comisión e destacado membro do Seminario de Estudos Galegos), Alejandro Rodríguez Cadarso (reitor da Universidade de Santiago e deputado), Ramón Otero Pedraio (en nome de todos os parlamentarios galegos nas Cortes Constituíntes), Raimundo López Pol (alcalde de Santiago) e o deputado Ramón Suárez Picallo (quen falou en nome da colectividade galega emigrada), Antón Villar Ponte pronunciou un breve discurso, recollido polo propio diario de Portela Valladares nestes termos (Cf. "Una gran jormada de galleguidad en Lugo", El Pueblo Gallego, 21.6.1932):

“Seguidamente, el diputado señor Villar Ponte dice que va a pronunciar dos palabras fuera de programa.
Nada de Castelao, porque de él, justísimamente, ya está dicho todo.
Dedica un recuerdo a los precursores, a Porteiro Garea y Losada Diéguez, y a los poetas, también muertos, Manuel Antonio y Amado Carballo.
Y dice que se levantó para recordar que el gran Porteiro - orador, civilista, luchador galleguista -, nació en Lugo, en donde no existe huella ninguna de su hecho natal. Propone, por ello, que se le dedique una lápida, aunque no sea más, para que el nombre del malogrado Porteiro tenga un recuerdo en alguna calle”.

O alcalde da cidade das murallas, Sr. Cobreros, presente no acto, tomou entón a palabra para comprometerse publicamente a levar a cabo esta petición de Villar Ponte, que dalgunha maneira personalizara na figura de Porteiro o mérito de toda unha xeración galeguista da que el mesmo era cabezaleiro (Cf. “Pretextos cotidianos. El homenaje de Lugo a Lois Porteiro", El Pueblo Gallego, 13.7.1932):

“Muchas veces se le rindió tributo de admiración a los Precursores del galleguismo. Pero se cometería una injusticia si en estos momentos de brioso renacimiento de la personalidad regional a hombres como Porteiro (honra y prez de los continuadores que dieron los más recios y difíciles impulsos para que la palingenesia galaica de hoy pudiera ser un hecho) se les condenase al olvido”.

Ben é certo que a pesar do compromiso do máximo rexedor da cidade, entrado o ano 1933 aínda Lugo non dispuña dunha rúa co nome do finado dirixente das Irmandades da Fala, e por esa razón Villar Ponte expresaría a súa queixa a través das páxinas de El Pueblo Gallego no artigo "Pretextos cotidianos. Si tenemos defectos librémonos del de la ingratitud” (14.3.1933).

O material obrante no Arquivo da Academia Galega permite afirmar, porén, que esa "improvisación" oratoria de Villar Ponte na homenaxe a Castelao de 1932 respostou máis ao feito de querer evitar redundancias coas peroracións precedentes do que a unha falta efectiva de preparación dun discurso ad hoc. Con efecto, varias cuartillas manuscritas conservadas no citado Arquivo permiten coñecer parcialmente o que tería dito o viveirés, de primeira intención, nesa homenaxe:

“Nunca, penso eu, que se teña feito en Galicia un homenaxe mais xusto que este organizado par'a sua honra pol-o concello de Lugo. Porque dicir Galicia é decir Castelao ou viceversa e hoxe como poucas veces, pol-o tanto, Galicia hónrase a si mesma; preocúpase da sua autovaloración.
Hai momentos, señores, nos que un pensa con Carlyle si os pobos non terán outro ouxeto que produciren as escepcións dos grandes homes representativos, os héroes como el lles chamaba. O certo é que Galicia ó nos dar a Castelao encarnou n'unha persoa, n'un ser de carne e oso, todal-as suas características mesolóxicas e tódal-as cualidades raciaes froito do ambente e da tradición que é o fondo de permanencia do etnos ó longo das xeneracións. Castelao é o genius loci humanizado, personalizado; todal-as esencias do noso ego ipsísimus, que dixera Nietszche, converxentes n'un corazón, n'un cerebro, e n'unha i-alma. Humorismo e lirismo; socarronería estilizada; filosofía de verdades en primeira man; folgos de poesia; brétemas de escepticismo, tecidas con bágoas da parte da dolor universal que lle corresponde a Galicia, avencelladas com'as doas dun rosario místico pol-o fio dunha sonrisa comprensiva, suprema flor da cultura (...)”.

Este discurso non pronunciado de Antón Villar Ponte sobre Castelao proseguía cunhas consideracións sobre a identidade substancial entre as fontes da arte popular galega e as do xenial artista rianxeiro, para afirmar, no remate, que o feito de agasallar desa maneira a unha personalidade como a de Castelao era síntoma de que Galiza cobraba por fin consciencia de si propia, dos seus deberes e das súas responsabilidades. Nese sentido, Castelao convertíase desde ese instante e para o resto da Historia en representación viva das ansias de autogoberno e benestar da Galiza.

mércores, 25 de xuño de 2014

ENTREVISTA CON OLALLA COCIÑA

Olalla Cociña. Fotografía de Á. Ballesteros
Nada en Viveiro en 1979, xornalista de profesión e filla de dous grandes profesionais do ensino e animadores culturais en terras do Cantábrico lugués, María Lozano e Ché Cociña, Olalla é unha das voces femininas máis relevantes da poesía galega actual, con títulos como As cervicais da memoria, aquí (intemperies), O libro de Alicia e o recente Ningún precipicio. Todos eles supoñen, en conxunto, a revelación dunha voz libre, firme, delicada e intensa como poucas.
Cónstame que desde moi pequena e por benfadada “deformación familiar”, se me permites a expresión, a lectura foi un dos peares da túa educación e do teu lecer. Que libros lembras como influentes desa etapa e canto hai ou que substrato ficou na Olalla Cociña poeta desa voraz lectora infantil?
O primeiro libro do que teño memoria, e que aprendín de pe a pa, foi O lobo lelo, na adaptación de Xohana Torres. Era un conto rimado que me encantaba recitar aos maiores, supoño que algo diso quedou porque me segue encantando recitar en alto… Teño que lembrarme de títulos que me marcaron especialmente como La recaraba, Manuscrito de segunda orixe, Otto é un rinoceronte, os libros de Cristine Nostingler, Roald Dahl e Agustín Fernández Paz, as series Elige tu propia aventura e El pequeño vampiro, Sherlock Holmes, a revista Don Miki
E que lembranza tes da escola, en xeral, nas primeiras etapas da túa vida?
Teño un recordo vibrante da escola, de mestres especiais, de amizades e xogos gravados a lume… O primeiro lugar da socialización, onde aprendín a compartir, onde se foi conformando a miña personalidade... Lembro escenas marabillosas, de descuberta, e tamén crueis, como a vida mesma.
Serdes a túa irmá Alba e ti nenas galegofalantes nun medio vilego moi castelanizado marcouvos e ti non deixaches de reflectir esa vivencia nalgúns textos. Como ves a situación do idioma?
Marcounos igual que a calquera nena á que lle falan galego na casa e ao saír dese refuxio se enfronta á realidade. O que podes é ser máis ou menos consciente, no meu caso fun moi consciente de situacións diglósicas que me aqueloutraban, ata que tomei unha decisión xunto as miñas amigas, falar en galego e namais.
A situación do idioma, en xeral, é mala, porque foron moitos anos de machaque, pero hai illas de esperanza, sensibilidades que se impoñen, pequenas accións persoais que se fan fortes cando se xuntan e quero crer no seu poder expansivo. E por máis que o intenten non imos perder os folgos nin deixar de repetir, como un mantra, o enerxético verso de Uxío Novoneyra: “A forza do noso amor non pode ser inútil”.
Nos teus anos do bacharelato en Viveiro tiveches profesores que deixaron unha pegada forte na túa formación. ¿Que actitudes ou que métodos de traballo evocarías deles que tan bo resultado tiveron contigo e que merecesen ser tomados como exemplo por quen se dedique a iso de ensinar literatura e lingua?
Tiven a sorte de achegarme ao coñecemento da lingua tamén desde unha perspectiva sociolingüística, lembro que estudar co libro de Manuel Portas Língua e sociedade na Galiza nos abriu os ollos sensiblemente. Algún mestre animounos a autoexplorar a nosa situación nese contexto vilego castelanizado do que falabamos e a adoptar unha postura propia nesa realidade. Moita práctica: debates entre os compañeiros de aulas e tamén cos pais, apuntes da realidade. Para algunhas non foi doado, pero si moito máis construtivo que dar só teoría, gramática e sintáctica.
Canto á literatura, non coñezo mellor método que ensinala desde o amor a ela. Os profesores máis apaixoados son os que me abriron as páxinas dos libros que eu tamén adoraría. Tamén creo que son positivos os exercicios de creación, claro que isto esixe un traballo “extra” do profesor.
Foches, ademais, alumna da Faculdade de Xornalismo en Compostela nos primeiros anos de historia dese centro. Que lembranzas gardas desa época? Como avalías as expectativas con que afrontaches eses estudos entón e as condicións de desempeño do oficio no presente?
Pois teño marabillosas lembranzas: non parábamos de facer cousas, sobre todo fóra da facultade. Malia ter profesores “ilustres” -algúns dos que aprendemos moito e outros dos que nada-, e daquela aínda podíamos ter un “futuro” traballando do noso, o clima -sobre todo nos últimos anos-, era xa de desencanto coa profesión. Estudábamos para aprobar exames, sendo conscientes de que de pouco nos ía valer esa teoría á hora de desenvolver a profesión, e non nos equivocamos. As condicións do oficio hoxe son de precariedade total, nalgúns casos rozando a escravitude. O xornalismo non se dá resituado nesta crise nin dá saído da súa propia, que viña de antes.
Ao fío da pregunta anterior, ¿como ves o panorama dos mass media na Galiza actual e, máis particularmente, cal é a túa percepción sobre a viabilidade e eficacia comunicativa dos diversos proxectos que existen coa lingua galega como vehículo de expresión?
Claman por unha rexeneración a todos os niveis, lamentablemente os mass son os menos, quero dicir: algo comeza a moverse pero nos medios de comunicación máis pequeniños. Os medios en galego teñen un espazo tan compartimentado que é difícil xa non sacar rendemento económico, senón a propia supervivencia dos proxectos empresariais. Algúns volven tropezar na mesma pedra que fixo fracasar proxectos anteriores, cousa que non se entende. O da eficacia comunicativa é complexo, son moitos factores en acción, o que está claro é que hai sensibilidade social e volume de mercado abondo para medios que publiquen en galego, e tamén que son máis necesarios que nunca.
Durante un tempo, aló polo ano 2000, fixeches parte do consello de redacción da revista Animal, que animaron as Edicións Positivas de Paco Macías. Que lembras desa experiencia? Coidas que faltan no panorama publicacións con ese afán rompedor e “alternativo” que animou en boa medida aquela “revista cultural para tódalas especies”?
Foi unha experiencia valiosa e estimulante, o consello de redacción estaba conformado tamén por “animais de tódalas especies” e de todos eles aprendín moito (con algúns trabei amizade e seguimos a compartir “consello de redacción” dalgún xeito). Propoñíamos e debatíamos cada contido por pequeno que fose, aínda que ao final quen tiña a última palabra era o Macías, a quen é difícil levarlle a contraria, hehehe. Boto de menos publicacións máis híbridas e salvaxes, frescas e viscerais, cuns contidos –e sentido- literarios e xornalísticos menos constrinxidos.
E si, hai xornalistas e opinadores que levan toda a vida escribindo e opinando o mesmo e que xa aburren!
Cando a catástrofe do “Prestige” participaches no activismo cultural e xornalístico despregado arredor do movemento “Nunca Máis”. Que pouso che quedou desa experiencia? 
Participei no xornal editado pola Plataforma Nunca Máis e que formaba parte dun berro necesario e urxente. Curiosamente a intensidade do cabreo e da dor axudaron a organizarse, a distribuír o traballo, a sermos pragmáticos.
Tamén ten o seu aquel na túa peripecia vital unha estadía en Finlandia. Cóntame a que fuches aló e que trouxeches na mochila de volta?
Fun cunha beca Erasmus a rematar o último ano da carreira, era o primeiro ano que alumnas de Xornalismo ían a este país, e o experimento non puido ser mellor. O choque cultural e vital foi potente, o seu sistema educativo pareceume do mellor. O primeiro que me deron foron unhas chaves para entrar na facultade as 24 h. do día, para poder acceder aos ordenadores. Todo o mundo parecía “civilizado” e disposto a axudar... Facíanche doado o estudo. A universidade e os profesores estaban ao servizo do estudante e non ao revés, como sucede aquí. Ademais, chamoume a atención que a xente nova tiña unha axuda estatal para independizarse, fomentábase a marcha da casa dos pais…
Un galardón no certame poético da Asociación Cultural “O Facho” no ano 2000 é o punto de arranque da túa traxectoria pública como poeta. En que medida che serviu como estímulo?
Xa no bacharelato mandara poemas a algún premio de poesía, para alguén novo recibir un premio é un bo estímulo para animalo a seguir escribindo, parece que se sinte valorado no camiño que inicia. Máis adiante comprobamos que o dos premios, ás veces, é unha lotería. O Facho era un certame moi prestixioso convocado por unha asociación cultural con moita historia e que gañaran poetas admirados por min, lémbrome con moita ilusión ao recibilo.
Curiosamente, antes mesmo de teres obra individual publicada xa se recollían textos teus en varios libros antolóxicos e escolmas, como Poetas con Rosalía, Volverlles a palabra, Das sonorosas cordas ou Letras novas. ¿Era un recurso para ires sacando a produción do caixón ou pensas que, polo teu activismo poético na Compostela deses anos, xa se comezaba a ter constancia do teu valer nesa altura? 
Nunca me “movín” moito para publicar, pero si me gustaba participar en recitais, non perderme presentacións de libros, enterarme das novas poéticas. Unha cousa leva á outra, e tamén canto máis participas máis te chaman para contar contigo.
En 2005, nunha entrevista para o diario El Progreso de Lugo co gallo da presentación en Viveiro do teu primeiro libro, indicabas, e cito literalmente, que “non me vexo adscrita a ningunha tendencia”. Xa te sentes máis “encadrada” no panorama poético galego? Con que outras autoras e autores sentes afinidade?
Pois sigo sen verme “encadrada”, non me gustan as etiquetas e os moldes xeracionais adoitan ser reducionistas... Afinidades teño moitas, e tamén dependen de cada momento de escrita. Máis aló de afinidades eu entendo a poesía como un feito ou unha fala da amizade, e neste sentido poido falar da poesía “compartida” con Dores Tembrás, Branca Novoneyra, Gonzalo Hermo, Olga Novo, Xiana Arias, Luz Pichel, Estevo Creus ou Jesús Castro, entre outros poetas.
Nese teu primeiro poemario, As cervicais da memoria (2004), premiado co Avelina Valladares e editado por Fervenza, con portada do artista gráfico tamén viveirense Xurxo Ínsua, aparece xa esa tendencia tan túa de condensar, por veces con fórmulas cáseque naïf, experiencias e vivencias moi profundas ou instantes moi reveladores do propio vivir.
A poesía é sempre unha revelación, a aparición dunha verdade que xa está implícita nas cousas, no mundo, desde o detalle máis insignificante ao acto máis afouto. A poesía que admiro xunta o grande co pequeno, vai e vén do cotián ao universal, supoño que eu intento facer o mesmo.
Ademais de levares premios pola túa obra poética, fixeches parte nalgunha ocasión do xurado que ditaminou o “Merlín” da editora Xerais e, cando menos unha vez, pois coincidiches entón comigo, do xurado do Blanco Amor de novela. Que opinión lle merecen os premios literarios a unha persoa que, coma ti, os coñece desde cando menos esas dúas perspectivas?
Como xa dixen antes, moitas veces os premios son unha lotería porque non dependen só da calidade literaria da obra, senón de quen estea no xurado, do seu gusto persoal, da súa capacidade para “convencer” aos outros, da súa aposta polo risco ou polos camiños xa trillados... Eu tiven case sempre sorte, tanto de premiada como de xurado, pero é tan só a miña experiencia persoal. Creo que deben ser un bo estímulo se se acadan, pero nunca un obstáculo se non é así.
aquí (intemperies) foi editado en 2005 na colección “Poeta en Compostela”, do Grupo El Correo Gallego. No limiar, Anxos Sumai alude aos teus versos como unha “busca da beleza no máis cotián, no máis pequeno” e Marica Campo revela como presenza decisiva na túa voz poética a dos seres queridos da familia (a bisavoa Alicia, a avoa Elsa, os pais María e Ché, a irmá Alba)... Como avalías e sentes este libro agora?
O libro naceu dun blog, aquí, que resultou un exercicio impresionante, un pouco a modo de caderno de anotacións ou de dietario literario con imaxes. Del naceu o libro, con textos xa máis traballados. Os blogs, e agora tamén outras plataformas, ofrecen un ilusionante feedback lector que a min me empuxou a escribir cada día, que me inspirou, e así foi medrando e conformándose o libro. E del naceron outros fillos, como o Libro de Alicia.
A cita que preside aquí (intemperies) é de Alejandra Pizarnik e dentro hai outras de Gamoneda e Vicente Huidobro. Que outras escritoras e escritores adoitan alimentar a túa dieta estética favorita?
Non daría feito para nomear a todos os que me veñen alimentando ata hoxe, pero podo falar da dieta actual, onde hai unha potente conexión con escritores leoneses que comezou con Gamoneda (Olvido García, Ildefonso García, Víctor M. Díez). Veño de descubrir a Pilar Martín Gila e Marcos Cantelli. A Wallace Stevens e a Linda Gregg. E adorei o libro “Cativa en su lughar/Casa pechada” de Luz Pichel.
No 2008 prémianche no Fiz Vergara Vilariño de Sarria O libro de Alicia, que presentaches co lema “Xardín de terra” e que, unha vez publicado por Fernán Vello na súa Espiral Maior, supuxo, penso, a túa definitiva revelación. O libro indaga na vida da túa bisavoa materna, Alicia, e xira en certo sentido arredor do proceso de construción da identidade como persoa e como muller. Que valoración fas hoxe do que supuxo este libro? A min, confésoche, tenme certo aquel, mutatis mutandi, coa Memoria para Xoana de Marica Campo...
Si, supoño que foi o libro onde “madurei” literariamente falando. Este libro é a biografía fabulada de Alicia na súa/miña aldea vivida e sentida, non costumista, fala dunha felicidade telúrica, solar, e o amor supremo entre unha nena e unha anciá. Tamén fala da violencia que supón a usurpación e o esgotamento dun mundo, os seus ritmos e traballos. E dese mundo tamén eu formei parte, e seguirá en min, por tanto intúo que estará presente na miña escrita futura.

Marica e máis eu somos amigas desde que eu era ben pequena, así que ao mellor algo da súa “memoria” tamén me é propia.
 
Cando che deron ese premio Fiz Vergara en 2008 declaraches nunha entrevista a un diario herculino que “non escribo moito, só cando me apetece”. Continúas mantendo esta “metodoloxía” espontaneísta ou xa entraches nunha era de maior planificación e premeditación á hora de escribires?

Era un pouco punki esa declaración! O que quería expresar é que escribía cando tiña algo que contar, doutro xeito a escrita tornaría vacua... Agora o proceso é máis premeditado pero sempre parte dun “fulgor” no sentido que lle deu Valente, dunha idea que nace sen premeditación, aínda que si son consciente de que hai que crear un certo “clima” para facer fluír a escrita.
Na túa poesía, esencialmente íntima, está moi presente a idea da indagación: todo aparece envolto nun nimbo misterioso, como agardando pola revelación. E hai tamén moito de exploración da memoria, de revisitación das raíces da propia identidade. Estás conforme con que sexan estas algunhas das chaves da túa poética?
O poeta Nobel Tomas Tranströmer di que un poema é un soño realizado en vixilia, que soño e poesía teñen leis compartidas. Non podo estar máis de acordo. A poesía está feita do mesmo material que os soños, onde sempre hai algo de indagación na memoria e por onde axexamos a propia identidade, e todo isto, velado. O misterio. Sen poesía non hai misterio.
Cóntanos como naceu e en que consiste esa iniciativa que animas desde hai algún tempo en Compostela, xunto con Branca Novoneyra, que se denomina “Picaversos”.
Pois é un ciclo de lecturas poéticas onde convidamos a tres persoas a compartir poemas propios e favoritos arredor dun lema. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música ou do teatro. Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira. Queríamos gozar e facer gozar da poesía en vivo fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público, e penso que o fomos conseguindo. Este é o terceiro ano que o organizamos, coa colaboración do pub Modus Vivendi, onde se celebran a maioría das sesións, pero tamén da Universidade de Santiago, este ano fixemos algunha sesión en espazos cedidos pola USC.
Non hai moito compartiches recital, no ciclo “Poetas Di(n)versos”, co macedonio Nikola Madzirov. Que tal resultou a experiencia? Coñécese por aí fóra o que se está a facer en poesía aquí?
A experiencia foi xenial, Yolanda Castaño organiza dun xeito exquisito este ciclo onde convoca a un poeta da Galiza e outro de fóra en cada sesión, sempre buscando algunha coordenada común, algún fío invisible común aos dous poetas. Na Coruña hai un público moi estable que acude aos recitais. E por aí fóra lamentablemente sábese pouquiño da poesía galega, en contraste coa efervescencia e o talento que temos no país, que creo é moito. Por sorte temos algúns valedores como Antonio Gamoneda, que sempre di que a poesía galega é superior á que se escribe en castelán.
Cos poemas do teu último libro polo momento, Ningún precipicio, editado por Toxosoutos, fixeches unha especie de “happening” ou espectáculo músico-literario en colaboración co escritor leonés e intérprete de jazz Ildefonso Rodríguez (que é, por certo, quen prologa ese teu libro). Como xurdiu a idea e que tal resultou?
Teño a sorte de contar coa amizade de Ildefonso, que ademais de músico de jazz é un escritor impresionante e xeneroso, que me convidou a facer con el un dúo que estreamos na Semana de Poesía Salvaxe en Ferrol, el co seu saxo, híbridos e xoguetiños varios e eu cun pequeno acordeón. Xuntamos os nosos poemas baixo unha especie de carteis de cine mudo, temáticos, e fomos lendo e intercambiando textos del, en castelán, e meus, en galego, e logo traducíndonos un ao outro, ao tempo que tocábamos. Foi enriquecedor e pracenteiro, levámolo a León e a xente dicíame que entendía case todos os poemas en galego.

Seguiches os debates sobre a lei Wert? Que opinión che merece?
É unha lei que pretende desarmar a cidadanía, que despreza os estudantes e a función pública docente e por extensión a toda sociedade. Oír Wert prodúceme calafríos. Con razón foi definido como o Ministro da Anticultura: o seu obxectivo é facernos vivir no mundo que Orwell describiu en 1984, persoas mudas e robóticas.
E que pensas do proxecto de lei do ministro Gallardón sobre interrupción voluntaria do embarazo?
Que ninguén ten dereito a decidir sobre os nosos corpos. Que non podemos dar nin un paso atrás nos nosos dereitos, e que as garantías deben ser plenas en centros autorizados e controlados. Restrinxir só servirá para que os abortos se fagan en malas condicións e na ilegalidade.
E xa para finalizar, Olalla. Ata o de agora o que temos de ti é produción esencialmente poética, sexa en libro, sexa en recitais, sexa en revistas (Grial, Dorna..), sexa en blogs. Non che tentan os outros xéneros literarios?
Nos blogs Acordome.blogspot.com e Reveladora.blogspot.com, que aínda que non os actualizo seguen colgados en Internet, escribín dun xeito máis narrativo. Mais todo o que fago ten a súa base na poesía. Entendendo a poesía como un xénero que aspira a dicilo todo, de momento non preciso outro tipo de escrita.

[Publicada orixinariamente en AULAS LIBRES, nº 2, Revista de pensamento, información e debate do STEG. Maio 2014].