eu

eu
eu

mércores, 2 de xullo de 2014

UNHA HOMENAXE A CASTELAO PROMOVIDA POR ANTÓN VILLAR PONTE

Como aconteceu, en realidade, ao longo de toda a súa traxectoria, durante o período da 2ª República Antón Villar Ponte exerceu desde a tribuna xornalística e desde a súa condición de socio de determinadas entidades e asociacións un papel relevantísimo de animador no panorama cultural galego, incentivando ou participando directamente na realización de múltiplas iniciativas nese ámbito. Que tiña plena consciencia de desempeñar semellante rol demóstrao o seguinte comentario saído da súa pluma (cf. La Voz de Galicia, 25.3.1934):

“Evaristo Correa Calderón en su libro Índice de utopías gallegas ha tenido a bien aplicarme el calificativo moderno de animador: animador de ideas y sentimientos. Si esto significa un galeato para mi modestísima persona, lo acepto puesto que no tengo más remedio que aceptarlo, aunque pienso, y me parece no pensar mal, que todos los periodistas somos animadores”.

Foi o noso autor, efectivamente, quen formulou durante os anos republicanos a necesidade de tributar homenaxes a determinadas figuras da cultura e a política galegas como Manuel Murguía, Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Federico Maciñeira. Animou o viveirés como poucos, ademais, a creación dunha Asociación de Escritores de Galicia, entidade que, no entanto, non chegaría a ver constituída en vida. El propio foi obxecto en outubro de 1934 dunha homenaxe na súa vila natal, Viveiro, e culminou en xullo dese mesmo ano a súa peripecia no seo da Real Academia Galega lendo o seu discurso de ingreso (O sentimento liberal na Galiza) e recibindo, na continuación, a Castelao como numerario.

É nesta perspectiva que hai que contemplar o relevante papel desempeñado polo autor de Almas mortas na tributación dunha homenaxe ao autor de Cousas en Lugo, en xuño de 1932. Tal homenaxe, entendemos, marcou un punto de inflexión moi relevante na configuración pública do rianxeiro como líder ou figura en que se encarnaban as ansias autonomistas e os entusiasmos republicanistas dunha boa parte da sociedade galega. A homenaxe de Lugo sobardou en adhesións os limites do galeguismo organizado e ensanchou definitivamente os lindeiros da estima que xa se lle tributaba en amplos sectores ao rianxeiro como artista e como literato.

En realidade, xa durante a Ditadura primorriverista tiña proposto Villar Ponte, en cando menos tres ocasións mais sempre sen éxito, a tributación dunha homenaxe pública de recoñecemento a Castelao.

En decembro de 1927, efectivamente, o xornalista viveirés tiña feito aceso eloxio nas columnas do diario vigués El Pueblo Gallego do artista rianxeiro, aconsellando a directivos do Centro Galego de Montevideo como Xulio Sigüenza e Constantino Sánchez Mosquera, que, de quereren homenaxear a Castelao, a mellor maneira de facelo sería promovendo unha grande e esmerada edición do álbum Nós, cos pés dos debuxos en galego, francés e inglés (Cf. “Acerca del homenaje a Castelao. La proposición que hemos hecho”, El Pueblo Gallego, 31.12.1927).

Como queira que a citada proposta non foi adiante, o noso xornalista saudou a edición do segundo volume de Cousas (1929) enxalzando ao rianxeiro, cualificándoo de “hombre más representativo de Galicia” e definíndoo como sinónimo de “genialidad, enxebreza, originalidad”. Consideraba Villar Ponte que “el alma de Galicia tiene su caricatura egregia en el alma de Castelao” e acrecentaba que “en los dibujos y cuentos de Castelao se aprende, acaso como en nada, el arte de ser gallego” (Cf. “Pretextos Cotidianos. El gallego, todo gallego”, El Pueblo Gallego, 12.6.1929).

Por último, en xuño de 1930, ao fío da celebración dun banquete-homenaxe a Otero Pedraio con motivo do ingreso do ourensán na Academia Galega, Villar Ponte retomaría a súa idea, indicando agora que o acto de homenaxe a Castelao podería consistir nun banquete ao ar libre no sitio máis próximo ao verdadeiro centro xeográfico do país, coa mesa abeirada a un carballo regado por terras procedentes das sete vellas provincias do Reino de Galiza e con discursos pronunciados exclusivamente en galego que rememorasen as figuras máis destacadas da historia da cultura galega (Cf. Pretextos Cotidianos. Homenaje que debe pensarse mucho”, El Pueblo Gallego, 21.6.1930).

Xa proclamada a 2ª República, volvería ser o viveirés quen, a través das páxinas de El Pueblo Gallego, propuxese novamente na primavera de 1932, e desta volta por fin con éxito, a necesidade de tributar dunha vez por todas a grande homenaxe a que Castelao se tiña feito merecente. Villar Ponte formulaba desta volta o seu chamamento como unha sorte de desagravio ao rianxeiro diante dos virulentos ataques proferidos contra el polo diario madrileño El Imparcial, daquela de orientación filolerrouxista, despois de que o autor de Cousas defendese brillantemente na tribuna parlamentar os dereitos nacionais de Cataluña no transcurso do debate sobre o seu Estatuto autonómico (Cf. “Pretextos cotidianos. Un desagravio que se impone”, 25.5.1932):

“Pero, ¿existe todavía El Imparcial, aquel periódico nefasto que más contribuyó a llevarnos a la pérdida de las colonias al son de la Marcha de Cádiz, siendo, por otra parte, el órgano en la prensa del cerealismo castellano y el defensor más recio de la Monarquía en la hora crítica del 98? Al parecer existe; y nos enteramos de su existencia porque unos buenos amigos nos manifiestan que acaba de publicar en uno de sus últimos números un artículo en que arremete despiadadamente contra Castelao, envolviéndome a mí de pasada en el ataque, debido a que el genial artista gallego, consecuente con su noble postura galleguista, defendió en el Parlamento las aspiraciones de Cataluña (...)”.

A idea lanzada por Antón Villar Ponte en maio de 1932, desde as páxinas de El Pueblo Gallego, de homenaxear a Castelao axiña recibiría apoios e adhesións entusiastas en diversos sectores da opinión pública. Unha amplísima relación de cidadáns lugueses, encabezada polo alcalde accidental Carlos Vázquez Fernández Pimentel e integrada entre outros polo seu irmán o poeta Luís Pimentel, o avogado Juan A. Correa Calderón (promotor nesa altura na cidade das murallas do xornal republicano Vanguardia Gallega), o arquitecto Eloy Maquieira, o impresor Benigno Gómez, o escritor e xornalista Ánxel Fole e o deputado Rafael de Vega Barrera, sae colectivamente á palestra o 27 de maio de 1932 para recoller o chamado villarpontino, aplaudilo e reclamar para a cidade das murallas a honra de lle render esa homenaxe desagraviadora a Castelao (Cf. “Desagravio a Castelao. Lugo recaba para si el honor de rendírsele [sic]”, El Pueblo Gallego, 27.5.1932), por ter sido aquela escenario histórico do levantamento de Solís (1846) e da celebración da primeira Asemblea das Irmandades da Fala (1918). 

Acollendo con satisfacción estas exteriorizacións de apoio á súa iniciativa, o xornalista viveirés subliñaría, a renglón seguido (Cf. “Pretextos cotidianos. Alrededor del homenaje de Lugo”, El Pueblo Gallego, 9.6.1932), o enfoque e relevancia que cabía imprimirlle a ese acto con estas palabras:

“El homenaje a Castelao no puede ser uno de tantos. Tiene que ser algo grandioso, extraordinario, que marque un nuevo jalón en el camino de nuestra historia. A tal señor, tal honor (...) 
Hablar de Galicia es hablar de Castelao y viceversa. Porque todo su pensamiento y todo su arte son netamente gallegos. Todas las inquietudes de nuestro país, todos los anhelos de superación, todas sus alegrías y dolores, viven vida eviterna en las soberbias producciones de su pluma y del lápiz de este inmenso artista que es el artista galaico por antonomasia. Su obra genial resulta el más serio y profundo ideario de la raza. Ideario político, social y artístico. El nombre de Castelao es la mejor bandera y la mejor síntesis de un puro integralismo gallego, de esencia liberal y humana”.

Diante dos máis de setecentos comensais que asistiron ao banquete-homenaxe tributado a Castelao no Hotel Méndez Núñez de Lugo, o 19 de xuño de 1932, e despois de telo precedido no uso da palabra outros persoeiros como Carlos Vázquez Fernández Pimentel (presidente da Comisión organizadora), Ramón Martínez López (secretario da Comisión e destacado membro do Seminario de Estudos Galegos), Alejandro Rodríguez Cadarso (reitor da Universidade de Santiago e deputado), Ramón Otero Pedraio (en nome de todos os parlamentarios galegos nas Cortes Constituíntes), Raimundo López Pol (alcalde de Santiago) e o deputado Ramón Suárez Picallo (quen falou en nome da colectividade galega emigrada), Antón Villar Ponte pronunciou un breve discurso, recollido polo propio diario de Portela Valladares nestes termos (Cf. "Una gran jormada de galleguidad en Lugo", El Pueblo Gallego, 21.6.1932):

“Seguidamente, el diputado señor Villar Ponte dice que va a pronunciar dos palabras fuera de programa.
Nada de Castelao, porque de él, justísimamente, ya está dicho todo.
Dedica un recuerdo a los precursores, a Porteiro Garea y Losada Diéguez, y a los poetas, también muertos, Manuel Antonio y Amado Carballo.
Y dice que se levantó para recordar que el gran Porteiro - orador, civilista, luchador galleguista -, nació en Lugo, en donde no existe huella ninguna de su hecho natal. Propone, por ello, que se le dedique una lápida, aunque no sea más, para que el nombre del malogrado Porteiro tenga un recuerdo en alguna calle”.

O alcalde da cidade das murallas, Sr. Cobreros, presente no acto, tomou entón a palabra para comprometerse publicamente a levar a cabo esta petición de Villar Ponte, que dalgunha maneira personalizara na figura de Porteiro o mérito de toda unha xeración galeguista da que el mesmo era cabezaleiro (Cf. “Pretextos cotidianos. El homenaje de Lugo a Lois Porteiro", El Pueblo Gallego, 13.7.1932):

“Muchas veces se le rindió tributo de admiración a los Precursores del galleguismo. Pero se cometería una injusticia si en estos momentos de brioso renacimiento de la personalidad regional a hombres como Porteiro (honra y prez de los continuadores que dieron los más recios y difíciles impulsos para que la palingenesia galaica de hoy pudiera ser un hecho) se les condenase al olvido”.

Ben é certo que a pesar do compromiso do máximo rexedor da cidade, entrado o ano 1933 aínda Lugo non dispuña dunha rúa co nome do finado dirixente das Irmandades da Fala, e por esa razón Villar Ponte expresaría a súa queixa a través das páxinas de El Pueblo Gallego no artigo "Pretextos cotidianos. Si tenemos defectos librémonos del de la ingratitud” (14.3.1933).

O material obrante no Arquivo da Academia Galega permite afirmar, porén, que esa "improvisación" oratoria de Villar Ponte na homenaxe a Castelao de 1932 respostou máis ao feito de querer evitar redundancias coas peroracións precedentes do que a unha falta efectiva de preparación dun discurso ad hoc. Con efecto, varias cuartillas manuscritas conservadas no citado Arquivo permiten coñecer parcialmente o que tería dito o viveirés, de primeira intención, nesa homenaxe:

“Nunca, penso eu, que se teña feito en Galicia un homenaxe mais xusto que este organizado par'a sua honra pol-o concello de Lugo. Porque dicir Galicia é decir Castelao ou viceversa e hoxe como poucas veces, pol-o tanto, Galicia hónrase a si mesma; preocúpase da sua autovaloración.
Hai momentos, señores, nos que un pensa con Carlyle si os pobos non terán outro ouxeto que produciren as escepcións dos grandes homes representativos, os héroes como el lles chamaba. O certo é que Galicia ó nos dar a Castelao encarnou n'unha persoa, n'un ser de carne e oso, todal-as suas características mesolóxicas e tódal-as cualidades raciaes froito do ambente e da tradición que é o fondo de permanencia do etnos ó longo das xeneracións. Castelao é o genius loci humanizado, personalizado; todal-as esencias do noso ego ipsísimus, que dixera Nietszche, converxentes n'un corazón, n'un cerebro, e n'unha i-alma. Humorismo e lirismo; socarronería estilizada; filosofía de verdades en primeira man; folgos de poesia; brétemas de escepticismo, tecidas con bágoas da parte da dolor universal que lle corresponde a Galicia, avencelladas com'as doas dun rosario místico pol-o fio dunha sonrisa comprensiva, suprema flor da cultura (...)”.

Este discurso non pronunciado de Antón Villar Ponte sobre Castelao proseguía cunhas consideracións sobre a identidade substancial entre as fontes da arte popular galega e as do xenial artista rianxeiro, para afirmar, no remate, que o feito de agasallar desa maneira a unha personalidade como a de Castelao era síntoma de que Galiza cobraba por fin consciencia de si propia, dos seus deberes e das súas responsabilidades. Nese sentido, Castelao convertíase desde ese instante e para o resto da Historia en representación viva das ansias de autogoberno e benestar da Galiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario