Los
balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), de
Felipe Valdés Hansen
Fundación
Barrié de la Maza, A Coruña, 2010, Col. Galicia Histórica.
Doutor
en Historia pola Universidade compostelá, o madrileño Felipe Valdés
Hansen ofrécenos no volume que nos ocupa unha versión revisada e
modificada da súa tese de doutoramento, defendida en abril de 2006.
A obra, de case 600 páxinas, parte dos estudos previamente
realizados sobre o tema por investigadores como Meijide Pardo, Elisa
Priegue e Canoura Quintana, achegando numerosos datos inéditos e
varias conclusións anovadoras.
O
volume que nos ocupa divídese, pondo de parte as diferentes táboas,
catálogos e abondosos apéndices (tanto gráficos como documentais)
que enriquecen o conxunto, en dous grandes apartados, feitos con base
cronolóxica. No primeiro deles (capítulos 1 a 8), debrúzase o
autor sobre as noticias que logrou recompilar en arquivos e fontes
diversas sobre a actividade baleeira galega entre os séculos XIII e
XVIII, cabe dicir, a etapa “artesanal” ou “tradicional”. No
segundo apartado (capítulos 9 a 12), céntrase na actividade, xa
plenamente” moderna” ou “industrial”, verificada arredor da
pescaría da balea nas nosas costas ao longo do século XX, coas
experiencias senlleiras da Compañía Ballenera Española, da
factoría flotante da Sociedad Española Corona, da IBSA e de Massó.
Entre
ambas etapas hai toda unha serie de marcadas diferenzas técnicas e
económicas, que Valdés Hansen explica con pormenor, e que mesmo
afectaron ao tipo de especies obxecto de captura: a balea franca
(Eubalaena
glacialis),
o xibarte (Megaptera
novaengliae)
e os cachalotes ou trompas (Phiseter
macrocephalus),
na etapa artesanal; os grandes rorcuais (Balaenoptera
physalus,
Balaenoptera
borealis,
Balaenoptera
musculus,
Balaenoptera
acutorostrata,
etc.), na industrial.
Entre
as conclusións que o autor sinala para a primeira das etapas
amentadas destacaremos aquela que deixa asente que a actividade
baleeira na costa galega (documentada desde o século XIII para San
Cibrao, Bares e Prioiro-Ferrol como enclaves cantábricos pioneiros e
desde o século XVI para os portos atlánticos de Camelle, Malpica e
Caión) debeu de comezar da man de compañías vascas, mais pasou
logo a mans de compañías mixtas ou, no século XVI, xa enteiramente
galegas. Tamén moi anovadora e ilustrativa resulta a análise que
Valdés Hansen realiza do impacto e contía dos diferentes impostos
que gravaron o produto desta actividade, fose polos bispados de
Mondoñedo e Compostela, fose pola Facenda Real.
Rotunda
en moitos aspectos e exhaustiva, en fin, resulta a segunda parte do
libro, dedicada a reconstruír con rigor toda a actividade baleeira
na Galiza do século XX a través da análise das antes citadas
experiencias industriais, que darían pé ao traballo de factorías
como Caneliñas, Balea-Cangas e Morás-Xove e ás travesías e
angueiras de buques como o Caneliñas,
o Temerario,
o Lobeiro,
o Carrumeiro,
o Cabo
Morás
e os tres barcos da IBSA. Nestes navíos traballaron harponeiros
galegos de Ares, Corme, Coruxo, Cangas e Porto do Son, xunto con
outros de orixe vasca. A actividade baleeira, que tivo o seu canto de
ciño entres os anos 1978/1982 coa apertura dos mercados xaponeses
como importadores de carne de cetáceo, cesou entre nós
definitivamente a mediados da década de 90 do século pasado.
Pódese
dicir con seguranza que este libro de Valdés Hansen marcará un
referente fiábel e imprescindíbel para toda futura revisión deste
importante flanco da nosa historia como pobo de cote virado ao mar.
*******************************************************************************
Tráfico
marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra
(séculos XIII-XVII), de
Ernesto Iglesias Almeida
Editorial
Toxosoutos, Noia, 2006, Col. Anais, nº 2
Tradución
para galego de Ramón Blanco Fernández
A
documentación que se garda no Arquivo da Catedral de Tui é a base
sólida deste breve pero valioso traballo de divulgación (132
páxinas) asinado polo arquiveiro xubilado e Cronista Oficial da vila
tudense Ernesto Iglesias Almeida, que xa tiña dado ao prelo,
directamente en castelán, opúsculos sobre a cultura marítima na
diocese como Los
antiguos ‘portos’ de Tui y las barcas de pasaje a Portugal
(18984)
e mais Notas
históricas del Bajo Miño: puertos barcos y pesqueros
(1988).
O
volume, prologado por Clodio González, inclúe oito capítulos e un
apéndice documental final. Aqueles repasan , de xeito un tanto
fragmentario, aspectos diversos do tráfico e da actividade marítima
na área da vella diocese tudense (portos de A Guarda, Tui, Baiona,
Bouzas, Vigo e Redondela), como os testemuños das navegacións en
tempos da Antigüidade, os tipos de embarcacións que se empregaron
para os distintos mesteres (barcos
de sacada,
bolantes,
carochos,
carabelas,
palmeiros,
pinazas,
pataches,
rasqueiros,
etc.), o desenvolvemento dos gremios e confrarías de mareantes e as
peculiaridades da actividades piscatorias no río Miño.
Tamén se
debruzan sobre outros aspectos, como a presenza de corsarios na área,
a peripecia histórica das barcas de pasaxe entre Galiza e Portugal
(Tui-Valença, Salvaterra-Monção, Porto-Lapela, Goián-Vilanova da
Cerveira e Camposancos-Caminha) ata o intre en que se inaugura en
1886 a Ponte Internacional, ou, finalmente, o desenvolvemento da
pesca e da cabotaxe nos distintos portos da contorna, nomeadamente os
de Baiona e Tui.
O
apéndice, pola súa vez, recolle numerosos textos de índole
notarial e xurídica (foros, cartas executorias, contabilidades,
protocolos comerciais, contratos navieiros, contratos de arrendamento
de pesqueiras ou embarcacións, concordias, sentenzas…), todos eles
datados nos séculos amentados no título da obra e que constitúen,
en conxunto, a privilexiada fonte de onde extrae o autor as
interesantes informacións que achega, tal vez unha miga dispersas
por momentos, neste volume.
Ningún comentario:
Publicar un comentario