eu

eu
eu

venres, 26 de maio de 2017

Unha ollada clara e reveladora sobre a lacra do machismo




A Biblioteca de Intervención Social / Didáctica da editorial Galaxia, de Vigo, que xa nos ten ofrecido nos últimos tempos achegas moi interesantes sobre prexuízos lingüísticos (Núñez Singala), lectura e creación poética nas aulas (Antonio García Teijeiro), dificultades de aprendizaxe (Silvia Caride López), trastornos da conduta alimentaria (José Luís Iglesias Diz) e educación emocional (Julia Fernández Rodríguez), tirou do prelo en datas recentes o seu sexto volume, Máis aló do azul e do rosa, que leva o subtítulo de “Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”.

A súa autora é Ana Torres Jack, licenciada en Psicoloxía, Orientadora e colaboradora habitual do suplemento La Voz de la Escuela do diario coruñés La Voz de Galicia e mais da web educativa da Fundación Barrié de la Maza.

Nas arredor de cen páxinas de que consta o volume, afróntase a non doada tarefa de explicar de maneira clara, con estilo divulgativo e sen renunciar ao rigor todas as vertentes que importan na cabal comprensión desa lacra social que padecemos denominada “violencia machista” e no recoñecemento das súas mil e unha manifestacións concretas, desde as máis evidentes ata as máis subtís ou agochadas. Para mellor abordar este fenómeno complexo, a autora organiza as súas exposicións en cinco grandes apartados, precedidos dunha breve presentación.

O primeiro está reservado para expoñer e debullar as nocións, conceptos e datos básicos sobre a desigualdade de xénero na nosa sociedade, dando ademais oportunas pinceladas estatísticas: os tipos e ciclos da violencia machista, os perfís dos maltratadores, as consecuencias nas vítimas e na proxenie das vítimas, os micromachismos na vida cotiá, etc. No segundo apartado ofrece sete claves básicas para, desde o ámbito das familias, contribuír a desterrar o machismo. Esas sete claves son coeducar, corresponsabilizar, ofrecer xoguetes non sexistas, favorecer a práctica de deportes sen estereotipos, aprender a exercitar o pensamento crítico, educar emocionalmente na procura do empoderamento e a asertividade e ofrecer unha boa (in)formación afectivo-sexual.

Un terceiro apartado deste libro céntrase na figura dos fillos e fillas dos maltratadores e nas consecuencias de todo tipo que padecen por tal motivo, mentres que no cuarto apartado reflexiónase sobre os modelos de amor e sobre os prexuízos que inciden de maneira moi especial sobre as persoas adolescentes. Lúcido e útil resulta neste caso o “contraargumentario” que a autora ofrece a toda unha serie de aseveracións prexuizosas ou malintencionadas en materia de xénero que teñen por desgraza grande circulación social aínda, como son, por exemplo, a culpabilización da muller vítima de maltrato (“algo faría”, “provocouno”...), a difusión da etiqueta de “feminazi“ para as mulleres que loitan coherentemente polos seus dereitos ou as posicións de presunta equidistancia (“nin machista nin feminista”). Ofrécese, asemade, unha batería de indicios e consellos para detectar e axudar, respectivamente, adolescentes que poidan estar sendo vítimas de maltrato.

No quinto e derradeiro apartado do libro, que retoma e sintetiza ideas expostas xa no segundo, a autora explica os dez puntos básicos que unha familia debería cumprir se de verdade quere educar en igualdade e contribuír así a desterrar a violencia machista da sociedade. Estamos certos de que a lectura e difusión desta obra pode servir de moita axuda e clarificación neste sentido.


[Publicado orixinalmente no oitavo número da revista do STEG Aulas Libres]

Ningún comentario:

Publicar un comentario