De xeito
póstumo e para inaugurar unha colección denominada
significativamente “Memoria”, a editorial Galaxia publicou en
2003 un volume do intelectual galeguista Marino Dónega Rozas
(Huelva, 1916 - A Coruña, 2001) titulado De
min pra vós. Lembranza epistolar.
Precedido dun
atinado e non por iso menos fermoso limiar do teólogo Andrés Torres
Queiruga e plantexado ao lector con fórmulas epistolares, como
avanza o seu subtítulo, o libro déixase ler ben e contribúe desde
logo a botar algunha luz, desde a persoal e intransferíbel visión e
posicionamento do seu autor, é claro, sobre algúns períodos e
episodios interesantes da historia do galeguismo do século XX.
Non en van,
Marino Dónega foi, após militar nas Mocidades Galeguistas da Coruña
durante o período republicano, un dos máis cualificados
representantes diso que algúns chaman “xeración Galaxia” e
outros “piñeirismo”, quere dicir, o grupo de galeguistas (Ramón
Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carballo Calero,
Celestino Fernández de la Vega, Domingo García-Sabell...) que
resistiu como puido o trebón bélico do 36 e que se lanzou nos
difíciles anos 50 a unha potente xeira de corte cultural e
galeguizador que tivo na editorial Galaxia o seu buque insignia.
Como é ben
sabido, esa xeira, se ben rendiu froitos ben valiosos e
indiscutíbeis, tamén non deixou de provocar a insatisfacción do
exilio republicano galego, con Castelao á frente (que botou en falta
un activismo político clandestino e antifranquista máis decidido)
e, ben axiña tamén e por parecidas razóns, das novas xeracións
galeguistas (Xosé Manuel Beiras, Méndez Ferrín, etc.), que
acabarían rompendo co “culturalismo galaxiano” e retomarían a
loita política através do PSG (Partido Socialista Galego, que
convén non confundir co posterior PsdeG-PSOE) e da UPG (Unón do
Pobo Galego) a comezos dos anos 60.
O volume de
Dónega contén algunhas referencias a figuras viveiresas de maior ou
menor relevo que tiveron trato con el ou que, nun momento dado e como
explicaremos a seguir, chegaron a exercer unha influencia innegábel
e afortunada sobre o discorrer da súa vida.
De familia
luguesa, Marino Dónega pasou a súa infancia e adolescencia a cabalo
entre Valladolid, a aldea de Pías e a cidade de Lugo. En 1928
instalouse na Coruña e nesta cidade, durante os días do fervor
republicanista con que se inaugurou a década dos 30, afiliouse ás
Mocidades Galeguistas e tratou aos irmáns Villar Ponte. Canda eles
acudiu frecuentemente á tertulia do café “Galicia”, na que
brillaban figuras como Suárez Picallo ou Luís Seoane, e con eles
tamén traballou nas campañas pró-estatutistas. Así o evoca nun
dos trechos do seu De
min pra vós. Lembranza epistolar:
“Chegamos xá á campaña
plebiscitaria do Estatuto de autonomía galega do fatídico 36. Ó se
iniciar a propaganda política, Luís Seoane, que batera comigo no
Cantón –sempre no Cantón- fíxome gabear por un poste da luz para
atar no alto do mesmo unha cordiña que, suxeita no outro extremo a
un balcón, termaba dunha pancarta de lenzo na que se lía
‘Autonomía, si’. Esta foi a máis arriscada, perigosa e
comprometida intervención que tiven durante a campaña. Polo demais,
participei nalgúns mítins celebrados en pequenas vilas da
provincia. Recordo especialmente un deles no concello de Arteixo, no
que participaba en calidade de ‘telonero’. Presentounos o alcalde
– en castelán, naturalmente - afirmando que non nos coñecía de
nada. Aínda así parecíalle – e dixéranllo - que eramos boas
persoas; e xeneroso, pregáballe aos seus conveciños que educada e
civicamente nos prestasen a debida atención. Deixándome fóra, as
boas persoas eran Xenaro Mariñas, Víctor Casas, Plácido Castro e
Ramón Villar Ponte. Xa en vésperas do referendo tamén recordo unha
intervención miña nos estudios da entón Radio Coruña EAJ41 (...)
Interviña na emisión radiofónica unha manchea de oradores,
empregando quince minutos cada un deles. A min cadroume falar ás dez
da noite. Precedeume don Manuel Insua, pola Organización Republicana
Gallega Autónoma (ORGA), e seguiume Ramón Villar Ponte, polo
Partido Galeguista. Eu, claro, polas Mocedades”.
Comentando,
así mesmo, o falecemento de Antón Villar Ponte en marzo de 1936,
escrebe Dónega:
“A emoción e mais o
sentimento da cidade fixéronse visibles ó longo das rúas e prazas
ó paso dos restos mortais do ilustre patricio, levados camiño do
camposanto a ombros de militantes dos diversos partidos políticos
integrados na Fronte Popular. E tamén dos rapaces das Mocedades, que
fixeramos garda, alternándonos, ó cadaleito depositado en capela
ardente nun salón baixo da Casa Consistorial. Xuntáronse no sepelio
galeguistas que viñeran de todo o país. Teño presente a don Ramón
Otero Pedrayo subido no cemiterio a unha estada dirixindo á
multitude presente unha emocionadísima oración fúnebre no medio
dun impresionante silencio que só deixaba escoitar ó lonxe un
levísimo murmurio deixado polo ir e vir das ondas lonxanas do mar do
Orzán naquel serán quedo, trasnparente e azul”.
Antón Villar Ponte, en caricatura de Castelao |
A
editorial Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en 1976 unha colección
denominada “Conciencia de Galicia” destinada a acoller as
biografías de sobranceiros intelectuais, políticos e escritores
galegos. Na contracapa do primeiro volume desta colección, unha
biografía de Murguía escrita por Vicente Risco, aparecían un total
de vinte e catro nomes, entre eles o de Antón Villar Ponte, como
figuras que ían ser obxecto de atención, e na lapela interior desa
mesma contracapa anunciábase entre os volumes “de próxima
aparición” un adicado ao xornalista viveirés e da autoría,
precisamente, de Marino Dónega. Mais, por razóns que ignoramos, esa
colección “Conciencia de Galicia” morreu cando ía polo seu
sexto volume, despois de pór nos andeis as biografías de Murguía,
Curros Enríquez, Florentino López Cuevillas, Eduardo Pondal,
Vicente Risco e Alfredo Brañas. O volume sobre Antón Villar Ponte
ficou no tinteiro e aquel a quen lle fora encarregada a súa
elaboración inseriu no libro De
min pra vós. Lembranza epistolar a
seguinte explicación, a xeito de desculpa:
“Esta lembranza do
fundador das Irmandades da Fala e o coñecemento da súa peripecia
humana e política, e mesmo da súa obra xornalística e literaria,
leváronme a aceptar un encargo que aínda hoxe non cumprín.
Refírome á redacción dunha biografía de tan insigne galeguista.
Encetei o labor logo de tomar notas e de argallar nos xornais da
época, tanto galegos coma cubanos, españois coma portugueses, pero
ata o de agora non fun quen de levar adiante o meu compromiso. E,
contricto, confésome pecador. Si, pero ¿e o propósito de emenda?
Fareino”.
A
morte truncou infelizmente esta promesa, pero permítasenos a
inmodestia de dicir que, dalgún xeito, fomos nós quen coa nosa tese
de doutoramento Antón
Villar Ponte. Vida, obra, traxectoria política e pensamento,
defendida na Universidade de Compostela no verán de 2002, viñémos
pagar, con moitas insuficiencias abofé, esa débeda que non só
Dónega, senón todos os galegos adicados á cultura, tiñan,
tíñamos, co autor de A
patria do labrego.
Volvéndomos
ao volume De min pra
vós. Lembranza epistolar,
cómpre dicir que outros dous viveireses, Alfredo Bermúdez de Castro
Rebellón e Néstor Michelena Rebellón, xogaron un papel fundamental
cando Marino Dónega se viu envolto na treboada bélica do 36 e quixo
salvar a súa vida das ansias sanguiñentas que contra el dirixiron
algúns pistoleiros da ‘Falange’.
Na
Coruña, a diferenza doutros mozos galeguistas como Xenaro Ruano ou
Pedro Galán Calvete, vilmente asasinados, Dónega safou
relativamente ben porque as “escuadras del amanecer” procurábano
por nome e apelidos trabucados (“Mariano Dorrego Rojas”, en vez
de Marino Dónega Rozas). Mais en Lugo, aonde fuxiu cando tivo
ocasión, non lle quedou outra que procurar o acobillo dos dous
viveireses citados e alistarse axiña na tropa ‘nacional’ para
evitar ser ‘paseado”... Así refire o propio Dónega a súa
amizade con Bermúdez de Castro e o papel que este e mais Michelena
xogaron na súa provisoria ‘salvación’:
“Outro compañeiro tamén
moi achegado, Alfredo Bermúdez de Castro e Rebellón, era así mesmo
un forofo da literatura. E da mesma maneira que [Teodoro] Morgade nos
veráns, desde Baio, Bermúdez de Castro, desde Viveiro,
correspondíase epistolarmente comigo, en Lugo. Pero do Alfredo non
conservo carta ningunha. E ben que o sinto. Porque, creo recordar,
viñan escritas nun disparatado galego diferencialista e patriótico.
A súa relectura sería hoxe para min unha verdadeira festa. E poida
que tamén o fose para o filólogo amigo, profesor doutor García
(don Constantino). Pero ó Alfredo débolle un favor impagable: polo
simple feito de sermos amigos e ser el fillo do gobernador civil da
provincia de Lugo no mes de agosto do 1936 fun quen de me salvar da
queima (...)
Na cidade facíame ver,
principalmente, en compañía do meu entrañable amigo, compañeiro
de bacharelato e fillo do novo gobernador civil da provincia de Lugo,
Alfredo Bermúdez de Castro, e dun curmán seu, médico asimilado á
brigada de Sanidade Militar, Néstor Michelena Rebellón”.
Unha
derradeira referencia viveiresa no libro memorialístico de Marino
Dónega atopámola nos parágrafos que dedica a relatar sucintamente
o proceso de escolla en 1960 dun novo numerario da Academia Galega,
en substitución do falecido Florentino L. Cuevillas.
Nesa
ocasión, a candidatura do escritor e xornalista viveirés Francisco
Leal Ínsua, apoiada por elementos do sector máis pró-franquista e
ideoloxicamente conservador da institución, resultou claramente
derrotada pola do intelectual Francisco Fernández del Riego, sostida
por un cada vez máis nutrido sector galeguista dentro da entidade. O
traballo de captación de votos realizado nesa altura por Sebastián
Martínez Risco e polo propio Marino Dónega resultou decisivo e, se
ben puidese doernos hoxe como viveireses esta preterición, non cabe
senón recoñecer que a índole e os fins da entidade académica
acaían moitísimo máis ao escritor lourenzao, auténtica figura
clave, desde a editorial Galaxia, a revista Grial
ou a Fundación Penzol, por citarmos algúns ámbitos da súa
actividade, na cultura galega dos últimos cincuenta anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario