eu

eu
eu

mércores, 12 de maio de 2021

Novas probas cartográficas sobre o topónimo San Cibrao (Cervo)

 

En 2010 publiquei co selo do Seminario de Estudos Terra de Viveiro e impreso nos talleres das Gráficas Neira Brochs o volume Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), intentando resumir de maneira científica e documentada as razóns polas que tivo e ten todo o sentido recuperar para o porto das miñas raíces familiares maternas a denominación tradicional galega, perdida no seu día e restaurada de xeito oficial felizmente pola Xunta de Galicia a partir dos anos 80 do pasado século.

Ao longo das páxinas dese meu traballo, expuxen a grandes trazos a evolución histórica dese enclave de poboación, a orixe da devoción ao bispo de Cartago que motivou o renomeamento do antigo castro do Porto do Arriba e a evolución fonética que se experimentou desde o latín Ciprianus ao galego Cibrao. Tamén me detiven a contrastar a presenza do mesmo topónimo noutros lugares da Península Ibérica e da propia Galiza e a reconstruír, na medida do posíbel, o proceso histórico polo que o primitivo nome de San Cibrao foi sendo substituído a partir do século XVI pola forma castelanizante San Cipriano ou San Ciprián.

En concreto, tiven o prurito de reproducir numerosas referencias documentais dos arquivos mindonienses, rescatadas no seu día polo competentísimo D. Enrique Cal Pardo, que non deixaban lugar a dúbidas sobre a denominación do enclave ao longo de todo o período medieval e aínda nos primeiros séculos da era moderna (XV e XVI), desde o máis antigo documento, que remonta ao 1291 e que aludía á pesca da balea en “San Cibrao”, ata o que recollía en 1599 o nomeamento polo Cabido mindoniense do licenciado Juan Alonso como xuíz de “San Cibrao”, documento este último no que, en chamativo contraste, xa se lle chamaba a Viveiro Vivero e ao Valadouro Valle de Oro

No meu traballo, documentei tamén como a partir de finais do s. XVI, os instrumentos eclesiásticos e burocráticos comezaron a adaptar a forma galega San Cibrao referida a este porto cantábrico ás súas equivalentes castelás San Cebrián (ou Cebrán) e San Cibrián (ou Cibrán), como paso previo ao rebautizamento definitivo por medio da forma máis próxima ao étimo latino, San Ciprián, que se documenta por vez primeira en 1550, nun instrumento polo que o Cabido mindoniense cede en foro a Miguel de Lastra un anaco de terra no “Arenal de San Ciprián” e que, respaldada e imposta polos poderes civís e eclesiásticos lingüisticamente uniformizadores, acabará triunfando total e definitivamente sobre a forma autóctona a partir da segunda metade do século XVIII.

En axuda da miña reconstrución histórica, citei tamén numerosos mapas e cartas náuticas, nas que fica patente que ata a primeira metade do século XVIII conviviron unha denominación co grupo BR orixinario (Cibrián), que só ten sentido se partimos do orixinario galego Cibrao, e outra co grupo PR (Ciprián), que á prostre acabou impoñéndose desde a segunda metade da citada centuria na cartografía oficial, auspiciada sen lugar a dúbida pola nova dinastía borbónica e o seu funcionariado obedientemente pancastelanista e uniformizador.

Desde a Carta Náutica de 1424 que fai referencia á “íxola de San Zibrian” ata o Atlas Portátil y Geographico de la Península de las Españas, de Tomás López de Vargas Machuca, de mediados do século XVIII, son innumerábeis as cartas náuticas e os mapas holandeses, franceses, ingleses e hispanos que aluden ao “porto alegre” que cantou Leoncio López de las Casas, non como “San Ciprián”, con -PR-, senón como “San Cibrian”, “San Cibrián”, “San Sibrian”, “San Sebrián” ou “S. Cebrán”, con –BR-, e todas estas formas, insisto, teñen que derivarse por forza da adaptación idiomática e fonética a castelán dun primitivo, orixinario e autóctono “San Cibrao” galego, ese que proclama sen fisuras como único nome do enclave toda a documentación anterior ao século XVI.

Tiven o pracer de reencontrarme en datas relativamente recentes, tras longos anos de non saber que fora del, cun meu antigo alumno das aulas pontevedresas en 1991, Pablo Carballo, convertido agora en competente funcionario do Instituto Geográfico Nacional. Co gallo dese reencontro, achegoume como precioso agasallo, non só os saborosos recordos e simpáticas anécdotas daquel tempo, senón tamén un exemplar do catálogo Cartografía de Galicia, 1522-1990, editado polo Instituto Geográfico Nacional, precisamente.

No interior dese magnífico e completo volume fun dar con novas referencias de mapas e cartas que non coñecía e que non fan máis que corroborar as teses por min expostas no libro Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo de San Cibrao (Cervo). Reproduzo por iso con estas liñas as imaxes dalgúns fragmentos deses mapas que confirman claramente a forma “San Cibrián”, que non “San Ciprián”, como a usual nos séculos XVI, XVII e aínda parte do XVIII, inspirada sen lugar a dúbidas no “San Cibrao” de toda a documentación medieval precedente e reveladora do proceso de substitución que algúns, en contra de todas as evidencias e levados por non sei que obstinación digna de mellor causa, seguen empeñados en manter.

Velaquí están esas imaxes, con indicación do título do mapa ou carta, data de confección ou impresión, autoría, no seu caso lugar de impresión e páxina do citado catálogo cartográfico sobre Galiza do Instituto Geográfico Nacional en que se recolle:

 

Imaxe 1. Reyno de Gallicia y de León, 1600, Anónimo, páx. 39 do catálogo do IGN.

Imaxe 2. Gallicia, Legio, et Asturias de Oviedo, 1606, Anónimo, páx. 40 do catálogo do IGN.

Imaxe 3. Galecia: Descriptio Galleciae et Asturie in Hispania, 1606, Anónimo, páx. 41 do catálogo do IGN.

Imaxe 4. Galitiae Regnum, 1608?, Anónimo, páx. 42 do catálogo do IGN.

Imaxe 5. Galicia, 1632, Amsterdam, Mercator, páx. 43 do catálogo do IGN.

Imaxe 6. Partie Septentrionale des Etats de Castille ou se trouve le Royaume de Gallice, 1749, Franza, Robert de Vaugondy Fils, páx. 59 do catálogo do IGN.

Imaxe 7. Galicia, 1756, Tomás López, páx. 63 do catálogo do IGN.

 

[Publicado previamente no semanario Heraldo de Vivero, 7 de maio de 2021]

Ningún comentario:

Publicar un comentario