eu

eu
eu

sábado, 19 de xuño de 2021

Un alcalde vilagarcián preso en San Simón: Valentín Briones Rey


Valentín Briones Rey
Desde o 15 de outubro de 1936, o antigo lazareto para leprosos da illa de San Simón, fronte a Cesantes-Redondela, na ría de Vigo, converteuse en cadea e a el foron conducidos moitos partidarios e defensores da República. Entre eles, a persoa sobre a que xirará este artigo: o alcalde de Vilagarcía de Arousa Valentín Briones Rey.

A historia dese penal, recollida polo preso galeguista pontevedrés Evaristo Antonio Mosquera (1909-1976) no libro Cuatro años a bordo de una isla (Eds. do Castro, 1984) e analizada no volume Aillados, publicado no ano 2000 por Edicións Ir Indo da man de Antonio Caeiro, Clara Mª de Saá e Irene García, constitúe un dos monumentos máis dolorosos e ao mesmo tempo significativos da barbarie despregada en Galiza durante a guerra civil polo bando que resultou finalmente vencedor.

Fernando Lago Búa, ex-militante esquerdista (concretamente do Partido Republicano Radical-Socialista) e carniceiro de profesión, elevado á categoría de primeiro director do penal; o crego xesuíta Padre Nieto; o tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez (a) 'O Rabioso' e, por último, o médico forense Francisco Bustelo (natural de Arca-O Pino) son o tráxico cuarteto que mellor personifica o terror, a brutalidade e a ideoloxía fascista que se abate sobre os prisioneiros en todas as formas imaxinábeis: humillacións, maltrato, extorsións, torturas, privacións, “paseos”... Consta, ademais, que algúns dos oficiais de prisións que traballaban no penal eran cambadeses de orixe, con apelidos como Padín e Cunqueiro.

Tanta foi a súa criminal vesania que o propio Lago Búa, unha vez descuberta en novembro de 1936 a rede de extorsión e asasinato paralegal que montara aproveitándose da indefensión dos presos e das familias destes, acabou sendo pasado polas armas polos seus camaradas falanxistas o 5 de xaneiro de 1937, en Vigo. No seu descargo só pode dicirse que lle salvou a vida ao seu parente Xosé Núñez Búa, un dos líderes do galeguismo en Vilagarcía, que puido así fuxir ao exilio arxentino.

Preso en San Simón após ser condenado a cadea perpetua estivo, como adiantamos, Valentín Briones Rey, deposto como alcalde de Vilagarcía o 24 de xullo de 1936 polas novas autoridades franquistas na localidade, encabezadas por Frutos Cerecedo, Emiliano Porto Rial e Wenceslao Oubiña. Compartiron esa penalidade carceraria con el outros vilagarciáns e arousáns en xeral, como o policía local Bienvenido Lago, o xuíz Luís Pando Rivero, Jesús Villaverde Rey (alias “Achiño”, irmán do tamén ex-alcalde vilagarcián Elpidio Villaverde), os galeguistas Dámaso Carrasco Duaso e Luís Bouza-Brei (“Lucho”), Ramón Torrado Torrado, Manuel Oubiña López, José Otero Lago, Román Mondragón Cores, Ángel Navia Cores, o mestre e alcalde de Ogrove Xacobe Barral Otero, seu tío o médico Jacobo Otero Goday, o cenetista meco Arturo Mascato Otero, o socialista tamén meco Manuel Otero Barral, o patrón maior do Pósito cambadés Antonio Chaves del Río e un triste e longuísimo etcétera.

A damnatio memoriae provocada por corenta anos de ditadura e algúns lustros máis dunha “transición intransixente”, como a cualificou no seu día Lueiro Rei (e ben que o entendemos hoxe, vendo os turbos asuntos e a innobre “espantá” protagonizada polo Borbón disque “emérito”) fixo que a figura de Valentín Briones ficase borrosa, cando non ignorada, en moitos aspectos da súa traxectoria. 

 Outra foto de Valentín Briones, tomada do web Nomes e Voces

Sabemos que naceu en Vilagarcía o 4 de outubro de 1889 e que se dedicou profesionalmente desde cedo ao negocio da hostelaría. Fíxoo primeiro como rexente da fonda “La Argentina”, en nome da que acudiu en marzo de 1907 a Madrid para unha asemblea estatal de fondistas e hoteleiros, pero máis tarde administrou un dos estabelecementos estelares do turismo arousán nas primeiras décadas da pasada centuria: o Balneario da Concha. En 1924 vémolo citado tamén como apoderado da fábrica de aserrar madeiras “La Caneda”, con delegacións abertas en Bilbao e Madrid.

Valentín casou en 1928 con Carmen Gómez e con ela tivo cinco fillos, o primeiro dos cales veu ao mundo en novembro de 1929. Unha irmá súa, Carme Briones Rey, obtivo en 1915 o título de mestra na Normal de Pontevedra, casou co perito mercantil Ramón A. Buylla e morreu en Vilagarcía a finais de maio de 1936, con 41 anos de idade, cando Valentín exercía como alcalde. Outro irmán, Ricardo, industrial, casou nese mesmo ano con María Martínez.

Ao comezar xaneiro de 1924, Valentín Briones convértese en flamante presidente dunha das moitas entidades recreativas que funcionaban entón en Vilagarcía, o “Recreo Liceo”, tendo como homólogos a Wenceslao G. Garra no Real Club de Regatas, a Adolfo Llovo no Círculo Artístico Mercantil, a Manuel Ramos no Centro Recreativo e a Luciano Buhigas no Nuevo Club. Desde ese posto, organizou diversas actividades lúdico-festivas no propio Balneario da Concha que rexentaba. Así daba conta o xornal El Pueblo Gallego (2.9.1924, p. 8) dun deses eventos:

Los Bailes.- La verbena celebrada en el balneario el sábado, resultó una de las fiestas más animadas de este verano, consiguiendo uno de los mayores éxitos su organizador, el Recreo-Liceo, y siendo muy felicitado el presidente D. Valentín Briones. El mujerío asistió a la fiesta con mantones de Manilla, llenando de animación las terrazas y el salón, convertido en un pintoresco salón japonés. A media noche se sirvió un chocolate a la numerosa concurrencia, que no abandonó el lugar de la fiesta hasta bien entrada la mañana. 

Mais na traxectoria do noso protagonista non faltaron tragos amargos. En agosto de 1908 perdeu unha irmá, Juana, cando esta contaba unicamente dezasete anos. En xuño de 1927 tivo a desgraza de atropelar involuntariamente unha rapaza de catorce anos chamada Josefa Menéndez Conde. El mesmo a conduciu no vehículo ata o posto de socorro (El Progreso, Pontevedra, 21.6.1927, p. 3).

No momento da súa detención en xullo de 1936, Valentín era un dos máis destacados dirixentes locais de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña, mais a súa actividade política comezara en realidade moito tempo atrás.

Efectivamente, Briones Rey foi un dos mozos, canda o seu curmán Elpidio Villaverde e os irmáns Gómez Paratcha, entre outros, que formou en 1917 na súa vila natal a chamada “Juventud de Defensa”, entidade impulsora do xornal El Heraldo de Arosa. Nas lexislativas de febreiro de 1918 achegáronse ás Irmandades da Fala para tentar romper a absoluta hexemonía dos partidos do “turno” na política galega e o certo é que ese obxectivo rexenerador acabaríase plasmando co acceso á alcaldía da vila do río Con por parte de Laureano Gómez Paratcha, por volta de 1922. Briones acompañouno como concelleiro. En febreiro de 1924 saíu en defensa da xestión de Paratcha, polemizando no xornal El Compostelano con Rey Daviña sobre o cobro do imposto de consumos.

A inquina que lle dirixiron a Briones as autoridades gubernativas provinciais de Pontevedra, afectas ao Marqués de Riestra, a González Besada e a outros prebostes da política nesa época, traduciuse nun rosario de multas (20 pesetas en novembro de 1922, 75 pesetas en xaneiro de 1923...) baixo o pretexto de que non facilitaba coa debida celeridade as listaxes de hóspedes do seu negocio á Inspección de Policía... Por iso non admira que no momento en que Primo de Rivera deu o seu golpe de estado en setembro de 1923, moitos demócratas como Briones Rey e Elpidio Villaverde, ilusamente claro está, corresen a poñerse á súa disposición en tanto directivos da Cámara de Comercio de Vilagarcía para a tarefa de limpeza e rexeneración das institucións que cumpría facer.

 
 
Pouco é o que sabemos da actividade cívica concreta de Valentín durante os anos da ditadura primorriverista (1923-1930), mais non é difícil deducir que debeu de ser significativa en sentido pro-democrático, pois non foi por acaso que ocupase en xuño de 1931, xa proclamada a 2ª República, a segunda tenza de alcaldía da corporación vilagarciá, presidida por Elpidio Villaverde. Canda el figuraron, entre outros, Amadeo Brumbeck, José Moreira Casal, Luís Bouza Trillo, Manuel Oubiña López e Segundo Abalo. No reparto funcional dentro da Corporación correspondeulle facer parte da Comisión de Abastos e mais da de Goberno Interior, así como encargado da inspección da Banda de Música. No desempeño desta última función, precisamente, xurdiralle un incidente que acabou sendo solventado nos tribunais de xustiza. A crónica de xulgados do xornal pontevedrés El Progreso (29.3.1932, p. 2) é ben elocuente sobre o particular:

Del de Cambados, contra Andrés Fiuza Iglesias. Según relato del Ministerio Fiscal, en la noche del 30 de septiembre de 1931, se les hizo saber en el ayuntamiento de Villagarcía, por el teniente alcalde D. Valentín Briones, que le había retirado la gratificación mensual que como archivero de la banda municipal disfrutaba el Fiuza; y a consecuencia de esto empezó a insultar al Sr. Briones, y como hubiese acudido el alcalde Sr. Villaverde, también fué insultado y amenazado con una navaja. En las conclusiones provisionales se le pedía la pena de 1 año, 8 meses y 21 días de prisión y multa de 150 pesetas pero en el acto del juicio se tuvo en cuenta la atenuante séptima del artículo 9 del Código, y en su consecuencia se le pidió la pena de 4 meses y 1 día de arresto y multa da 125 pesetas. Defendieron los Sres. Landín y Gestal.

Que o talante de Valentín era conciliador próbao o feito de que se prestase a presidir en 1931, en nome da Corporación Municipal, o desfile relixioso con motivo da festividade de San Roque. Como nese mesmo verán se tiña desatado unha onda de anticlericalismo moi forte que desembocara nalgunhas localidades en vandálicas queimas de templos, non admira que o periódico católico coruñés El Ideal Gallego (18.8.1931, p. 5) sinalase que esa comedida actitude de Briones “le valió unánimes elogios de todo el pueblo villagarciano”. Do mesmo xeito, en febreiro de 1936, cando a multitude se agolpou diante do edificio do Concello vilagarcián para celebrar a vitoria da Frente Popular, o alcalde Briones dirixiuse brevemente a ela para lle prometer “que recogía el saludo y que lo transmitiría al Gobierno, cual era deseo unánime de los manifestantes, rogándoles al final se disolvieran pacíficamente para dar ejemplo de máxima sensatez y cordura que distinguen al pueblo soberano” (El Pueblo Gallego, 21.2.1936, p. 13).

Xa en pleno “Bienio negro”, foron continuas as campañas de descrédito que se argallaron desde o goberno civil, en mans dos lerrouxistas, e desde os sectores dereitistas da propia sociedade vilagarciá, contra os concelleiros da esquerda republicana, buscando a súa deslexitimación. En agosto de 1934, ata catorce deles son acusados dun presunto delito de falsidade en documento público a propósito do alugueiro da escola de Bamio, sendo defendidos polo avogado galeguista Valentín Paz-Andrade (El Pueblo Gallego, 30.8.1934, p. 2). O propio Briones ten que se facer cargo interinamente da alcaldía, forzado polas circunstancias. En setembro, Briones Rey perde a condición de concelleiro no medio dunha profunda “purga” da Corporación, auspiciada manu militari desde o Goberno Civil, en mans dos lerrouxistas, e que desembocou no acceso á presidencia da Comisión Xestora por parte de Carlos Francisco Poyán González.

A finais de maio de 1935, Valentín Briones é un dos varios asinantes dunha denuncia pública ben significativa, da que se fixo eco El Pueblo Gallego (23.5.1935, p. 11):

[...] es público y notorio en Villagarcía que en la casa de la que es propietario y habitante D. José Barreiro Meiro, notario público, que tiene por frente o fachada la que da a la plaza de Martín Gómez Abal, y por fondo un salido o patio cerrado con muro y con una puerta, se están realizando determinadas obras de apertura de huecos convirtiendo dicho muro en fachada y modificando el interior de la finca, todo ello sin el obligado permiso de esa corporación, que aun caso de existir sería contrario a lo establecido en las Ordenanzas municipales, especialmente en su artículo 653. [...] los que suscriben, previo este recordatorio, a la corporación municipal suplican que [...] se ordene que por los agentes municipales sean suspendidas las obras que en dicha casa se verifican subrepticiamente, como asimismo se conmine a su propietario para que deje las cosas en el mismo estado en que se encontraban anteriormente, previniéndole que de no hacerlo, se mandarán ejecutar a su costa, con los perjuicios a que pueda haber lugar.

En xaneiro de 1936 ten lugar a reposición da Corporación municipal vilagarciá saída das urnas en 1931. Como o reposto alcalde Elpidio Villaverde desexou ficar só na condición de concelleiro, procedeuse a elixir novo mandatario: Valentín Briones obtivo 18 votos a favor e 2 en branco. No breve discurso que pronuncia a seguir “da las gracias por el nombramiento de que se le hace objeto y la confianza que en él se deposita, y dice sabrá corresponder a todo, haciendo una labor de austera administración y de defensa de los intereses del pueblo, a la vez que de engrandecimiento y prosperidad del mismo” (El Pueblo Gallego, 21.1.1936, p. 13).

Desde a súa responsabilidade, Briones obtivo do entón Subsecretario do Ministerio de Traballo, o pontevedrés Fernández Osorio Tafall, axudas por valor de 3.000 pesetas para os damnificados polo desbordamento do río do Con e de 20.000 pesetas para obras de encauzamento. Tamén se debe a el a adquisición dos terreos da Lomba para campo de fútbol municipal e a elaboración dunhas bases para a adxudicación por concurso dos servizos da praia e do parque na praia Compostela. Grazas ás xestións do deputado Elpidio Villaverde tamén conseguiu unha subvención estatal de 45.000 pesetas para adoquinado da zona anexa á Praza de Abastos. En contraste, continuaron os seus conflitos cunha parte dos integrantes da banda de música municipal, por asuntos salariais.

En xaneiro de 1936 o alcalde Briones expresou as condolencias do Concello ao almirante da escuadra inglesa fondeada na ría, sir Roger R. C. Backhouse, polo falecemento do monarca Xorxe V e días despois fixo de anfitrión dos oficiais dunha flotilla de submarinos franceses.

Nas vésperas do plebiscito do estatuto de autonomía para Galiza, promulgou como alcalde vilagarcián o seguinte bando, que citamos por El Pueblo Gallego (21.6.1936, p. 16):

Don Valentín Briones Rey, alcalde constitucional de Vilagarcia.- Fago saber: Que o día 28 do presente mes é o sinalado pra plebiscitar o dereito que ten Galiza a labourar por sí mesma as leises en que se ha de artellar a sua vida autonómica. 

Ao cabo de moito tempo deuse conta o pobo da anormalidade que para a nosa Terra siñificaba o feito de que os problemas de caraite xenuinamente galegos estiveran rexidos por leises que non lle eran propias; comprendeu ao fin, todo o que había de aldraxante neste vivir de prestado, nesta cotián disparidade entre as necesidades populares e as solucións na lex.

Conscentes de unha vida propia, recolleron os partidos políticos os anceios do pobo galego, e non quixeron sacrifícalo aínda mais nas aras de un uniformismo estéril que o escraviza, que o mingoa i-emprobece. E nun xuntoiro de todal-as aspiracións galegas resumiron nun Estatuto amprísimo os anceios de toda a Rexión dende os mais lonxanos lugares da montana ata a beiramar.

O día 28, pois, será a data máis groriosa que terán na sua historia todol-os galegos; na que dempois de moitas centurias, veráse erguer un pobo con ansias de vida e liberdade, cara a cara aos seus propiops destiños. 

Ningún outro acto pode diñificar tanto a Galiza, como o de pedir a sua liberdade, a sua autonomía; con prena concencia da sua vida económica, cultural, política, que quere rescatar de unha vergoñenta hipoteca.

Votar pois o Estatuto de Galiza, é un acto de diñidade de todo galego e o omitilo é unha traición que se lle fai a Terra.

Vilagarciáns, Galiza pídevos a vosa opinión e o voso voto pra rexer os seus propios destiños.

Así como non ademetides tutelas no orde privado, no nas ademitades no orde civil.

Vilagarciáns, quen non preste ouvidos ao chamar da Terra, non merez ser chamado seu fillo. 

Votade o domingo, día 28 o Estatuto galego! 

Nos días confusos que rodearon o 18 xullo de 1936, Briones intentou garantir sen éxito a lealdade do xefe do cuartel da Garda Civil, teniente Velay. Días despois, en agosto, foi preso, xulgado (é un dicir) en Pontevedra en novembro, condenado finalmente a cadea perpetua e enviado logo ao penal de San Simón. Alí realizou labores administrativos, censando a poboación reclusa, anotando traslados, etc. Mais en vez de limitarse a cumprir o ordenado polos seus carcereiros, levou en paralelo un censo “oficioso” en que anotaba os compañeiros de infortunio que acababan sendo “paseados”. Entre eles outro alcalde (o de Bueu) tamén escritor, Xosé Gómez de la Cueva, Johán Carballeira.

Despois de ser provisoriamente trasladado ao penal de San Cristovo, en Iruña-Pamplona, Briones Rey daría novamente cos seus osos na illa de San Simón, a mediados de 1938. Sobrepóndose ao drama diario e tirando do sentido do humor nun contexto en que semellaría que só prantos poderían xurdir da súa voz, escribiría un curioso poema, de ton moi quevedesco, intitulado “Autofigura”. Con ese poema, que adopta a forma dun soneto de rimas abrazadas e con estrambote, poñemos fin a estas liñas de recoñecemento e homenaxe:

El pelo todo blanco y rasurado

Ojos hundidos, pómulos salientes;

La armadura de arriba sin tres dientes

Y el mentón muy agudo y pronunciado.

La cara un higo seco y arrugado;

El cuello con las cuerdas muy tirantes;

Una gran nuez, que no tenía antes

Y la nariz, ya larga, se ha afilado.

La estatura parece se ha achicado,

Porque las piernas se me han encogido

Y la espalda y el pecho se han curvado.

No queda, pues, del mozo tan plantado

Y que tú conociste tan fornido,

Más que un viejo carrán y derrengado.

He aquí mi retrato

que además de bien hecho

es muy barato.



[PUBLICADO ORIXINARIAMENTE NA REVISTA AUNIOS, nº 26, 2021]

Ningún comentario:

Publicar un comentario