"Memoria sempre", de Saúl Otero |
Introdución
A restauración das formas toponímicas (nomes de lugar) e antroponímicas (nomes e apelidos) xenuínas da nosa Terra é un dos labores culturais, patrimoniais e identitarios máis importantes que, sine ira e cum estudio, debemos encarar colectivamente.
Séculos de absurda pancastelanización en aras dunha noción uniformista e excluínte da realidade idiomática e cultural diversa do solar hispánico teñen feito da onomástica galega, ata épocas ben recentes, “campo de agramante” onde o capricho, a arbitrariedade, a impericia e o descoñecemento filolóxico por parte das instancias oficiais estatais e dalgúns sectores profesionais e sociais con elas identificados (curas párrocos, funcionariado de rexistros, notarías e xulgados, membros da oligarquía fidalga e burguesa…) chegaron a campar sen freo, provocando numerosas deturpacións, adaptacións manifestamente deficientes e formas indefendibles baixo ningún punto de vista. Que por ignorancia ou inercia continúen usándose entre nós hogano non nos exime da obriga de explicarmos unha e outra vez as razóns da súa impertinencia e tampouco nos libra dun paciente e sostido esforzo por deixalas atrás, como testemuño doutras épocas que demandan definitiva superación.
Desde certa mentalidade dominante nas Españas, moi viva nos anos da ditadura franquista e aínda presente por desgraza en determinados sectores da nosa sociedade, sostense que os topónimos e antropónimos en lingua galega, por máis que milenarios, non deberan existir e perdurar na súa forma autóctona, nin sequera para seren usados na súa propia terra. Resultaría mellor, disque, que fosen proscritos e substituídos en favor dos “equivalentes” na lingua oficial do Estado, o castelán, visto este como idioma presuntamente “mellor”, máis “culto”, “fino” e, sobre todo, “patriótico”. Nos Séculos Escuros, cunha estrutura estamental da sociedade e nun contexto de mala imaxe proxectada sobre todo o relacionado con Galiza (“reino infeliz… de España muladar”, en célebres versos de Góngora), non poucos procuraron a través da castelanización dos seus apelidos aparentar maior “limpeza de sangue”, “dignidade” e “lustre” e desimular así as raíces galicianas das súas liñaxes. Familias nobiliarias e fidalgas abrazaron entón con entusiasmo digno de mellor causa a tarefa de desterrar “marcas de galeguidade” evidentes nos seus apelidos: os Sarmento, Monteiro, Mosqueira, Lousada, etc. pasaron así a se autoproclamaren *Sarmiento, *Montero, *Mosquera, *Losada, etc., ao igual que os Vilariño deviñeron *Villarino, os Sueiro *Suero e os Soutelo *Sotelo…
Mais claro, dicimos nomes “equivalentes”, entrecomillando, porque son infinitos os casos en que esa presunta “equivalencia” entre a forma orixinaria galega e a nova forma castelanizante non foi tal. Onde os asimilistas pretendían cambiar unha forma galega prístina por unha forma castelá, o que fixeron en tantísimas ocasións, por desleixo, ignorancia ou “comodidade”, foi cambiar unha forma auténtica galega por outra híbrida, “castrapeira”, imperfecta. Os exemplos son abundantes, mais entre eles cabe poñer catro que nos tocan de cheo: Vilalonga, Figueiroa, Fefiñáns e Valadares, convertidos arbitrariamente no transcurso da historia en *Villalonga, *Figueroa, *Fefiñanes e *Valladares, respectivamente.
E por que son “híbridos” inadmisibles? Porque, como tantos outros casos, resultan castelanizacións parciais, deficientemente perpetradas, incorrectas desde as perspectivas dun “verdadeiro castelán” e dun “verdadeiro galego”, en definitiva “inauténticas”, ademais de innecesarias: pastiches froito dunha época e dunha mentalidade que, insistimos, é bo deixarmos dunha vez por todas atrás. Expliquémonos.
Pegada salgada, de Saúl Otero |
Vilalonga vs. *Villalonga
O elemento VILA, que inicialmente en latín portou o significado de ‘posesión rural, predio rústico, granxa’ e está tan presente na toponimia galega, foi complementado en numerosas ocasións cun adxectivo para indicar algunha característica destacable do enclave poboacional en cuestión: a súa maior ou menor antigüidade (Vilavedra, Vilavella, Vilanova, Vilanoviña…), a súa posición (Vilalta, Vilasuso, Vilameá, Vilachá, Vilacova, Vilacampa, Vilancosta…), a súa cor ou luminosidade (Vilaverde, Vilalba, Vilaescura, Vilamoura….), o seu tamaño (Vilapouca, Vilagrande, Vilapequena, Vilamaior ou Vilamor, Vilariño, Vilameor… ), o seu estatuto xurídico (Vilafranca), a súa calidade canto ao clima ou feracidade do chan (Vilaboa, Vilafría, Vilaseca, Vilerma…), etc.
Reciprocamente, o adxectivo galego longo/a, derivado do latín LONGUS-LONGA-LONGUM, pasou a facer parte de numerosos topónimos compostos, como indicador desa característica. Por Galiza adiante rexistramos así Agrolongo, Arealonga, Baralonga, Campolongo, Fragalonga, Leiralonga, Meirolongo, Montelongo, Pedralonga, Riolongo, Silvalonga, Soutolongo, Torrelonga, Valongo, Valonga e Veigalonga.
Vilalonga, núcleo pertencente ao concello de Sanxenxo, é nome xenuíno galego, que tería que se traducir a bo castelán como Villalarga ou, máis exactamente, Villaluenga. Quen quixer pode comprobar que existen, efectivamente, localidades así denominadas en diversos puntos da xeografía hispana: en Palencia (Villaluenga de la Vega, na comarca da Saldaña; Villaluengo, no concello de Santibáñez de la Peña), en Burgos (Villaluenga, no municipio de Valle de Losa), en Araba (Villaluenga, no municipio de Ribera Alta), en Teruel (Villaluengo), en Toledo (Villaluenga de la Sagra), en Cáceres (Villaluengo), en Cádiz (Villaluenga del Rosario)…
A que logo seguir a usar a forma híbrida e castrapeira “Villa” [elemento castelán] + “longa” [elemento galego]”? Coherencia e rigor: ou Vilalonga galega ou Villaluenga castelá, pero non a mestura inxustificábel e espúrea *Villalonga.
Figueiroa vs. *Figueroa
Como explica pormenorizadamente Gonzalo Navaza no seu estudo Fitotoponimia galega (2006) do latín FĪCUS, ‘figo’, sumado ao sufixo latino –ARĬA, procede o nome da árbore FĪCARĬA. Por evolución, ese FĪCARĬA latino deu como resultado en galego figueira, do mesmo xeito que o latín FĬLĬCARĬA evoluíu a filgueira, NŬCARĬA a nogueira, ILĬCĪNARĬA a aciñeira, SALĬCARĬA a salgueira etc. Na obra Fonética e Fonoloxía Históricas da Lingua Galega (2017: 73), o profesor Mariño Paz indica que “a elipse do substantivo do sintagma latino ARBŎRE FĪCARĬA descargou no adxectivo, do que por transcategorización procede o substantivo galego figueira, todo o contido semántico do sintagma orixinal (‘árbore que dá os figos’)”.
En castelán, pola contra, a evolución desde o mesmo FĪCARĬA latino conduciu a higuera, perdendo o f- inicial (un fenómeno típico da lingua cervantina que moitos lingüistas atribúen ao influxo sobre ela do euskera) e carecendo, ademais, da ditongación do sufixo característica da nosa lingua (cf. primeira vs. primera, madeira vs. madera, etc.).
En numerosos pobos de España existe, por iso mesmo, o fitotopónimo La Higuera, mentres que na nosa Terra e en Portugal a forma sistemática é, pola contra, Figueira, con diversos derivados ou variacións: A Figueira, As Figueiras, A Figueiriña, Figueiralba, Pedrafigueira, Chan da Figueira, O Figueiro, etc.
Xa en 1287 hai referencia nun instrumento escrito do convento de San Xoán de Poio a un tal “Johã Pelaez das Figueyras”. En 1310 atopamos nunha escritura de compravenda entre o abade de Lourenzá e o veciño de Mondoñedo Clemente Eanes unha referencia aos “terreos que iazẽ as Figueyras de Tortores”. Numerosos documentos do Libro do Concello de Santiago (1416-1422), editados por Ángel Rodríguez González en 1992, recollen o nome dun bacharel en decretos chamado Martin das Figueiras e en varios instrumentos de 1421 cítase un procurador da confraría dos ferreiros chamado Juan de Figueira o Vello. O Padre Sarmiento fartouse de recoller no seu tempo referencias botánicas para o seu Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables relacionadas cun enclave da cidade pontevedresa denominado Molino das Figueiras ou das Figueyras, como pode comprobarse na edición crítica desa obra realizada polo profesor José Luís Pensado para a Universidade de Salamanca en 1986.
Aconteceu, así e todo, que ao nome latino dalgunhas árbores e plantas se lle engadiu en moitas ocasións un sufixo, ben para indicar a concentración de exemplares da mesma especie nun mesmo terreo, ben para indicar o reducido tamaño ou extensión da propia finca. No primeiro caso temos abundancia de nomes rematados en -edo/a, do latín –ETUM/-ETAM, como Figueiredo, Fiolledo, Carballido, Reboredo, Cerdedo, Freixedo, Salcedo, Carracedo, Codesedo…, tamén en feminino: Reboreda, Carballeda, Cerceda, Freixeda, Salceda, Touceda, Codeseda…. No segundo, o máis frecuente foi engadir o diminutivo latino -ŎLU / -ŎLA, de maneira que sobre a base de FĪCARĬA (› figueira) naceu o topónimo FĪCĀRĬŎLA / FĪCĀRĬŎLO, que está na orixe das formas toponímicas Figueiroa, Figueiroá, Figueirúa e Figueiró (plural Figueirós). A mesma explicación cabe para outros topónimos como Cerdeiroa, Folgueiroa, Nogueiroá, Negueiroá, Nogueiró, Pereirúa, Pereiró, Prexigueiró…
Efectivamente, o sufixo diminutivo latino –ŎLA perdeu no seu paso a galego o -l- intervocálico, a diferenza do que lle aconteceu na súa evolución a castelán, en que o conservou. Compárense AVĬŎLA›*AVŎLA› avoa ou avó fronte ao castelán abuela ou MŎLA› moa ou mó fronte ao castelán muela. De aí que os nosos Figueiroa, Figueiroá, Figueirúa e Figueiró orixinais teñan exacta correspondencia nas formas castelás Higueruela e Higueruelo, respectivamente, o mesmo que os nosos Queiró, Queiroá e Queirúa corresponden ao castelán Quiruelas, topónimo e apelido moi presente na Senabria zamorana, sen irmos máis lonxe.
Sobre o reparto xeográfico desas terminacións tense debruzado Carolina Pérez Capelo no ensaio Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá,-úa, -uá (2015). A este respecto a filóloga Rosario Álvarez no seu relatorio para o I Congreso Internacional de Onomástica Galega Frei Martín Sarmiento, celebrado en 2002:
Os topónimos que integran a terminación diminutiva –òla mostran unha distribución diatópica [xeográfica] entre a solución en –ó do cadrante SW de Galicia (Figueiró, Pereiró…), a solución tipicamente lucuauriense en –oá (Figueiroá, Cabreiroá…) coa variante -uá, unha solución –úa moi minoritaria na marxe mindoniense e lucense oriental (Figueirúa) e mais a solución maioritaria en –oa (Figueiroa, Eiroa…), que ocupa o resto do territorio e se solapa parcialmente coas anteriores nas reepectivas áreas.
Daquela, por que resulta deturpada e, xa que logo, incorrecta a forma *Figueroa? Desde a perspectiva do galego xenuíno, pola ausencia do ditongo (-ei-), convertido “a la castellana” en –e. E desde a perspectiva do castelán xenuíno, polo emprego de F- inicial e pola presenza do sufixo -oa en vez de -uela. Ou o que é o mesmo: o correspondente castelán verdadeiro do noso topónimo ou antropónimo Figueiroa, Figueirúa, Figueiró ou Figueiroá non é *Figueroa, forma híbrida, senón Higueruela, topónimo que encontramos, por exemplo, na provincia de Albacete e mais no concello de Atarfe, na andaluza Sierra de Elvira, ben pertiño de Granada.
"Soños roubados", de Saúl Otero |
En realidade, os ditongos decrecentes, tan característicos do idioma galego, foron unha das principais “vítimas” no proceso de castelanización perpetrado contra a nosa toponimia e antroponimia durante varios séculos. Os casos son incontables: ademais de *Figueroa por Figueiroa, padecemos *Arosa por Arousa, *El Barquero por O Barqueiro, *Montoto por Montouto, *Noguerol por Nogueirol, *Orense por Ourense, *Osera por Oseira, *Otero por Outeiro, *Oterino por Outeiriño, *Ribero ou *Rivero por Ribeiro, *Soto por Souto, *Sotelo por Soutelo, *Vivero por Viveiro… A arbitrariedade e o capricho oficial tiveron moita importancia nese proceso, pois constatamos que ao lado das formas castrapizadas citadas perviviron “sen problema” moitas outras xenuínas, ás que (afortunadamente) nunca a ninguén con mando en praza se lle ocorreu mudar o ditongo -ei por -e: Cedeira (nunca *Cedera), San Miguel de Deiro (nunca *Dero), Pantrigueira (nunca *Pantriguera), Mosteiro (nunca *Mostero)…
En todo caso, son moitos os documentos medievais conservados que testemuñan a autenticidade e antigüidade da forma galega Figueiroa. Amable Veiga, no libro Algunas calas en los orígenes del gallego (1983: 104-105 e 212-213), informounos de que xa en 975 pergameos do mosteiro de Celanova recollían a forma Figariola; outros da catedral compostelá de 1090 e 1154 empregaban as formas Figeyrola e Figueyrola, respectivamente, e aínda outros máis do convento de Oseira, de 1199 e 1202, achegaban cadansúa proba do uso das formas Figeiroa e Figueiroaa. Pola súa vez, José Antonio Souto Cabo transcribiu en Documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII (2008: 151-152) o documento de venda ao mosteiro de Montederramo, en 1261, dunha herdade de “Lourenzo Garzía caualeyro de Figeyroáa”, actuando como testemuña, entre outros, o monxe “Domingo Pérez de Figeyroáá”. Na mesma obra encóntrase transcrita a escritura de venda ao citado mosteiro por parte de Marina Rodrigues, en 1269, de “quanta herdade eu ayo en Ffigeiroáa”.
O investigador Francisco Pérez Rodríguez transcribiu e publicou en 2004 documentos medievais do convento de Toxos Outos, nos que encontramos en 1234 a Pedro Varela doando unha herdade en Figeiroa; a Martíns Eáns, alias “Calado”, facendo outro tanto en 1236 coa súa propiedade en Figueyroa; a Martiño Fernandi doando en 1237 terras súas de Ficairoa e ao crego Nuno Eáns de Urdilde deixando en doazón ao citado convento en 1252 unha herdade en Figeyroo. Pola súa vez, Clarinda de Azevedo Maia cita na súa História do Galego-Português (1986: 201) un documento de 1295 polo que o abade de Santa María de Oia aforaba a “Domĵgo Figeiróá e a uossa moller dona Marina” unhas terras no lugar de “Figueiróo et en Portezelo”.
O sacerdote e filólogo Eligio Rivas Quintas menciona no seu estudo sobre Onomástica persoal do Noroeste Hispano (1991: 560) varios instrumentos medievais con referencias a individuos como “Iohan Rodríguez de Figueyroaa” (ano 1259), “Domingo Pérez Figueyroaa” (1261), “María Fernández de Figueyroa” (1314), “Pero Lourenço de Figueyroaa” (1314) e “Gonçalvo Varva de Figueyroa” (1458)…. Do mesmo xeito, en varios documentos do notario rianxeiro Álvaro Pérez, de 1457, é amentado “Johán Ares de Figeyroa, morador eno Araño”. Nun dos textos medievais incluídos no volume Historia de La Coruña. Edad Media (1988), coordinado por González Garcés, rexistramos igualmente a forma Figueiroa en 1399. Na Colección diplomática de Santa María de Oseira editada en tres volumes por Romaní Martínez (1989-1993) aparece nun documento datado en 1281 a forma Figueyroaa. Varios pergameos de 1364 e 1383 pertencentes á colección de instrumentos do convento de San Estevo de Ribas do Sil, editados en 1972 por Duro Peña, testemuñan igualmente a forma Figueiroá. En A vida e a fala dos devanceiros (1967), de Ferro Couselo, atopamos máis exemplos: fálase de “heredade de Figueiroa” (1399); “Ysabel Fernandes de Figueiroaa” (1459), “Fernando de Figueiroa” (1526)... O historiador Anselmo López Carreira, en fin, infórmanos en A cidade de Ourense no século XV (1998) da existencia dun escudeiro ourensán en 1409 chamado “Gómez Fernández de Figueiroá”…
Cómpre recoñecer, así e todo, que a castelanización de Figueiroa en *Figueroa resultou exitosa no plano antroponímico (ou sexa, como apelido), talvez polo poderoso “exemplo” que significou que adoptasen a forma deturpada algunhas ilustres familias da aristocracia galega de entón, que logo emparentaron cos Valadares de Fefiñáns. Durante os chamados Séculos Escuros o papel aculturizador do clero parroquial e dos notarios e o afán imitativo da fidalguía, unido xa a partir do XIX ao celo uniformizador dos oficiais dos rexistros civís, acabaron por desterrar totalmente da documentación oficial relativa aos nomes de persoa a forma galega Figueiroa, cando o certo é que nunca antes do XVI se rexistrara a forma castelanizada: “Gonçalo Barba de Figueroa” (1548), “Fernán Reimóndez de Figueroa” (1548), “Aldonça Cordera vezina de Figueroa” (1564), “Ares Pardo de Figueroa” (1621), “Baltasar Pardo de Figueroa” (1675), Benito Figueroa (1717), Ventura Figueroa Barreiro (bispo no séc. XVIII), Benito Pardo de Figueroa (1755), etc.
No entanto, un simple repaso a todas as concorrencias da forma toponímica Figueiroa ou Figueiroá que se rexistran por Galiza adiante aínda a día de hoxe, como formas vivas na fala popular, resulta esclarecedor sobre a autenticidade desa forma fronte á espúrea *Figueroa. Chámanse Figueiroa, efectivamente, parroquias como San Paio (Arzúa), San Martiño (Cerdedo) e San Miguel (Abegondo), rexistrándose a forma Figueiroá nas parroquias de San Xillao (Paderne de Allariz) e San Salvador (Sober). Son, así mesmo, Figueiroa lugares existentes nas parroquias de San Lourenzo de Agualada (Coristanco), Santiago de Arteixo, San Pedro de Buxantes e Santa Baia (Dumbría), San Martiño de Cameixa (Boborás), Santa María de Castrofeito (O Pino), San Martiño de Cores (Ponteceso), San Martiño de Ermedelo (Rois), San Xoán de O Freixo de Sabardes (Outes), Santa María de Galdo (Viveiro), San Cibrao de Las (San Amaro), San Salvador de Maceira (Covelo), Santa María de Morquintián (Muxía), Santa María de A Pedra (Cariño), Santiago de Sísamo (Carballo), San Pedro de Tállara (Lousame), San Xián de Torea (Muros), Santa María de Vilela (Punxín) e San Paio de A Estrada, no concello homónimo.
Cantares populares da zona acreditan que ata naqueles enclaves onde a forma espúrea *Figueroa chegou a arraigar e naturalizarse con máis forza, como foi o caso do territorio orixinario do marquesado de Figueroa en Abegondo, co seu pazo e torre, a forma galega prístina perviviu en labios do pobo. Rita Couceiro recollía en Abegondo para o Boletín da Real Academia Galega (nº 92, 1915, p. 204), entre moitos outros cantares populares, o seguinte: “A Virgen de Sarandós / Ten unha mantilla nova / Para ir a visitar / San Miguel de Figueiroa”.
De idéntico xeito, moitos escritores galegos cultos de finais do XIX-comezos do XX, colegas e contemporáneos de Juan Armada y Losada, Marqués de Figueroa, non deixaron de recoller e usar a forma orixinaria e lexítima Figueiroa nos seus escritos. Benito Losada Astrai en Soazes d’un vello (1886) alude nun dos seus poemas ao casamento dunha moza, filla do xastre, con “Xan Figueiroa” e o betanceiro Fernando García Acuña en Orballeiras (1887) pon en boca dunha muller avellentada estes versos: “Xa non son aquela moza / qu’en Figueiroa bailaba […] / e hastra os mozos d’Abegondo / fan risa de min n-as tascas”. Pola súa banda, Galo Salinas, na peza teatral A torre de peito burdelo (1891), prologada polo propio Juan Armada y Losada, relata por medio do personaxe Bermudo os feitos lexendarios que están na orixe da presenza de seis follas de figueira no escudo heráldico dos Figueiroa, para concluír:
D’hoxe por auceón tan boa
D’o escudo suas armas son
As ponlas de Figueiroa
O máis precaro brasón.
Uxío Carré Aldao presentou á Festa da Lingua Galega (que se celebrou en Compostela en 1924) un traballo titulado “A lenda de San Amaro o Pelengrino”, que foi logo publicado no boletín Nós (nº 19, 25.7.1925) precedido da seguinte xustificación: “Damos, pois, á continuación a leenda tal cal a ouímos de labios aldeáns, na feigresía de Figueiroa (Abegondo) onde se celebra unha romería para festexar o Santo tan abegoso”. E o bardo de Ponteceso, en fin, escribiu o poema “A Torre de Figueiroa”, recollido por Carvalho Calero no volume Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961) e ao que pertencen estes fragmentos:
O viaxeiro que conoce
de Galicia a nobre historia,
descendendo de Santiago
na Carrilana que voa;
cando baixa a costa de Herbes
coidando nas patrias glorias,
a súa man estendendo,
aos compañeiros amostra
aló no val de Abegondo
a torre de Figueiroa.
[…]
O trovador vagabundo
que entre as altas uces soña,
e da raza de Breogán
os altos feitos memora,
do Figueiral figueirido
a doce canzón recorda,
e limpando as tenras vágoas
que plo semblante lle rodan,
con entusiasmo escrama:
¡A torre de Figueiroa!
[…]
Coidamos que o absoluto paralelismo evolutivo existente entre as formas galegas Figueira / Figueiroa / Figueiroá / Figueirúa con outras como Ferreira / Ferreiroa / Ferreiroá / Ferreirúa ou Pereira / Pereiroa / Pereiroá / Pereirúa obriga a que os defensores a ultranza da presunta pertinencia actual da forma *Figueroa respondan a esta cuestión: deberemos considerar igualmente necesarias, válidas e oportunas unhas hipotéticas castelanizacións *Ferrera e *Ferreroa e mais *Perera e *Pereroa, sen o ditongo -ei- na segunda sílaba, que fixésemos para os correspondentes topónimos auténticos galegos? A resposta, coidamos, cae de caixón e Figueiroa non ten por que seguir padecendo semellante deturpación intolerable. Nese sentido é moi de agradecer que os autores do Diccionario de Apellidos Españoles publicado por Espasa en 2001 sinalasen claramente que a forma *Figueroa non é senón “variante castellanizada de Figueiroa” (páx. 415).
Fefiñáns vs. *Fefiñanes
Nos seus Estudos de Lingüística Histórica Galego-Portuguesa (1989: 43), o profesor Joseph-Maria Piel ensínanos que
boa parte do léxico toponímico do noroeste hispânico […] é constituída por nomes de antigos possuidores rurais, que estes, desde a época latina e através dos séculos medievais, deixaram vinculados às terras que ocuparam, exploraram e transmitiram aos seus herdeiros. Este considerável conjunto de nomes de senhorios apresenta, em princípio, a característica morfológica particular de se radicar na forma do genitivo, precisamente “possessivo”, dos antropónimos respectivos. Nos nomes […] de origem visigoda a desinência –ANIS ou também –I.
O predominio da antroponimia xermánica na antiga Gallaecia prolongouse, cando menos, ata o século XII. Desa orixe é o nome de varón Fáfila ou Fávila (coas correspondentes variantes en que se produciu desprazamento acentual de esdrúxula a grave: Fafila e Favila), que presenta unha terminación común en moitos outros nomes de idéntica procedencia “bárbara”: Abila, Aldila, Andila, Ansila, Atila, Bechila, Brandila, Dadila, Egila, Fradila, Framila, Franquila, Froila, Frutila, Gaudila, Gúndila, Itila, Iudila, Mirila, Quintila, Requila, Sindila, Sunila, Totila, Vegila, Vintila, Ulfila… Moitos teñen correspondencia feminina mediante o sufixo –ilo: Froilo, Gudilo, Riquilo, Sunilo… Famoso foi un rei Fáfila ou Fafila que morreu devorado por un oso, segundo relata a Crónica Geral mandada facer por Afonso X o Sabio…
O sacerdote e filólogo Eligio Rivas cita no seu Onomástica persoal do Noroeste Hispano (1991: 165) varios instrumentos medievais de Galiza, Portugal e Asturias en que se documentan as formas onomásticas Fafila, Fafia, Fafila, Faffianis, Fafilanis, Fafilani e Fafilane. Clarinda de Azevedo Maia (1986: 205), pola súa vez, recolle exemplos documentais datados en 1296 en que aparecen as formas Fafiaes, Ffafiães e Ffafiáés.
Dese nome de varón Fávila/ Favila ou Fáfila/ Fafila creáronse o xenitivo posesivo latinizado FAFILANIS e o acusativo FAFILANEM (Piel, 1989: 136 e 155-156). De ambos derivan varios topónimos e antropónimos galaico-portugueses actuais, como Fafiães, Fafiás, Fafián e, desde logo, Fefiñáns. Hai unha Quinta de Fafiães en Matosinhos, así como unha aldea Fafiães entre Penafiel e Marco de Canaveses, non lonxe do curso do río Támega, na área de influenza de Porto. Fafiás é un lugar da parroquia de Toiriz, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Coa forma Fafián (procedente do acusativo) rexistramos núcleos de poboación nos concellos de Ribeira e Sarria e nas parroquias de San Xiao de Vea (A Estrada), Pías (Lugo), Santiago de Fafián (Rodeiro) e Trasmonte (Oroso). Na provincia de Zamora atópase a localidade de Villafáfila, mentres que en Asturias hai un Fafilán na parroquia de Tresona, en Corvera de Asturias, perto de Avilés.
Se da forma
latinizada en acusativo dese nome xermánico deriva claramente o topónimo Fafián (como de Atta, Atáns,
castelanizado como *Atanes), da forma en xenitivo deriva o noso Fefiñáns. Para explicar a mudanza da sílaba
inicial FA- en FE-, talvez teñamos que ter presentes outros casos como Tareixa / Tereixa, onde se produciu un cambio vocálico parecido. E para o paso
de -L- a -Ñ- (desde o orixinario Fafilanis
ata chegar a Fefiñáns) talvez haxa
que considerar o influxo que puideron exercer outros sufixos toponímicos da
zona da ría de Arousa rematados en –ñán,
como Galiñáns, Triñáns ou mesmo Padriñán
(este último derivado de PATRINIANI).Arco da Praza de Fefiñáns
A evolución do sufixo xenitivo posesivo “-ANIS” que afecta ao nome de lugar cambadés Fefiñáns non foi, nin moito menos, caso único. Do xermánico Uimara, Vimara, Wimara ou Guimara deriva o xenitivo VIMARANIS ou GUIMARANIS, que evoluíu en catalán a Guimerà e en galego-portugués medieval a Guimarães. Aínda está presente en territorio galego hoxe coas formas e variantes Guimarás, Guimaráns e Guimeráns, todas elas obxecto, como indica Piel (1989: 97) de “castelhanização violenta” no híbrido *Guimaranes.
Do xermánico Gúndila (con latinización en caso xenitivo GUNDILANI) temos hoxe derivados como Gundián, Gundiás, Gundiá e Gundiñáns. Do xermánico Sunila, através do xenitivo latinizado SUNILANI, temos o topónimo e apelido Soilán. De Sándila-SANDILANIS deriva, igualmente, Sandiás. Do xenitivo QUINTILANIS procede o galego Quintillán, como de FROILANIS, Froilán e de MUGILLANIS, Magalláns (en portugués Magalhães). O GANDILANIS xermánico evoluíu a Gondiáns, da mesma maneira que GAUDILANIS (xenitivo de Gaudila) se transformou en Goián(s), FREDILANIS en Freáns e BARUIANIS en Baruxáns. Así mesmo, de IQUILANIS, xenitivo do nome xermánico Ikila, aparece en galego Anguiáns, ao igual que do xenitivo BELLITANIS xurdirá Bilidáns, de TRUDILANIS nacerá Troáns, de MAGANIS, Magán e de RIKAMANNIS a forma Recamáns. A maior parte destes topónimos galegos (algúns convertidos tamén en apelidos) padecerán a mesma pésima sorte castelanizadora ca Fefiñáns, rexistrándomos por iso mesmo híbridos como *Sandianes, *Goyanes, *Freanes, *Bilidanes, *Troanes ou *Barujanes.
A documentación medieval despexa dúbidas sobre a orixe e pertinencia da forma Fefiñáns. O historiador Sindo Mosteiro recolle no seu A torre e a sombra (2018) fragmentos dun documento publicado no seu día polo cóengo compostelán López Ferreiro relativo á partición que asinaron en 1421 Lopo Sánchez de Ulloa e Fernán Eáns de Soutomaior, no que podemos ler: “desde la fonte de Cambados segun corre o rigueiro fasta o mar e fasta fefiñans”. No Libro de notas de Álvaro Pérez, notario da Terra de Rianxo e Postmarcos (1457), editado por Fernando R. Tato Plaza en 1999, varios documentos aluden tamén ao topónimo que nos ocupa. Nun deles, feito no porto de San Tomé do Mar a 12 de xaneiro de 1457, recóllese que Sueiro Gomes de Soutomaior arrendou a un tal “Fernad Gomes d’Ouçẽça, notario de terra do Salnés, morador en Fefiñaas, o benefiçio de Santa Maria de Sjmes”. Noutro, feito en San Tomé no mesmo ano, “Garçía Gomes, juís de Fafiñaas” actúa como testemuña nun pacto entre Gomes de Cortiñas e Fernand Gonçalves, ambos moradores “en Coruillõ” (ou sexa, Corvillón, con v efectivamente). Na mesma colección documental rexistramos varios instrumentos que certifican o apelido Galiñáns (“Affonso de Galljñaas, morador en Meaño”), tamén vítima de castelanización aberrante como *Galiñanes e o apelido Rubiáns (“filigrisía de Santa María de Rrubiãs”), logo castelanizado tamén como *Rubianes.
No Libro do Conçello de Pontevedra, actualmente conservado no Museo de Pontevedra, alúdese nun asento de marzo de 1445 a un tal “Afonso Yanes de Fafinãas”. Tamén tomamos de Sindo Mosteiro a noticia de que no Tombo Vermello de don Lope de Mendoza, escrito arredor do 1400, se anota que “en Fafina͂as ha el arçobispo [de Compostela] seys barcos”.
A derivación do sufixo xenitivo latino -ANIS con nomes xermánicos para unha terminación –áns en galego (Guimeráns, Freáns, Gundiñáns, Fefiñáns etc.) non autoriza a traducir ese –áns como unha marca de plural semellante á de casos como can-cans ou man-mans, que é, en definitiva, o abuso ou incorrección que está detrás da indebida creación no seu momento, en plenos Séculos Escuros, da forma espúrea *Fefiñanes. Por iso mesmo cómpre restituír en toda a súa plenitude de usos a forma auténtica e orixinaria, usada literariamente xa en 1842 por Xoán Manuel Pintos nos poemas que escribiu exercendo como xuíz de primeira instancia en Cambados e corroborada máis tarde polo gran Ramón Cabanillas, que non é outra que Fefiñáns.
Valadares vs. *Valladares
O topónimo e
apelido Valado (frecuentemente escrito
con b, Balado) procede do latín
VALLUM (‘defensa feita con troncos’), a través de VALLĀTU (‘muro de separación
ou contención, valado’). Coma el derivan do mesmo étimo moitos outros presentes
en territorio galaico como A Valada, Valada Grande, As Valadiñas, O Valo, O Valado, O Valón, O Valadiño, Valadelo, Entrevalos, Suvalos… Non
falta quen atribúa a esta mesma orixe tamén o topónimo vigués Balaídos.
O adxectivo latino VALLATARES, formado sobre VALLA (plural de VALLUM), como explica Gerardo Sacau na súa obra Os nomes da terra de Vigo. Estudio etimolóxico (1996: 159-160), é orixe do topónimo e antropónimo Valadares, saído da “simplificación e substantivación posterior do sintagma FUNDI VALLATARES, isto é ‘ terreos pechados, protexidos, acoutados’.
A forma xenuína Valadares e outras derivadas de VALLUM xa citadas están ben documentadas na época medieval. Unha cantiga de escarnio e maldizer de Estévão da Guarda comeza cos versos: “D’ũa gram vinha que tem em Valada / Alvar Rodriguez nom pod’haver prol…”. Cítase en 1268 “Laurentio Suerii de Valadares”; en 1369 “Álvaro Fernandes de Valadares”; en 1401, “Basco Fernandes de Baladares”; en 1411, “Santa Eulália de Valadares” (Monção). No xa citado Libro do Concello de Santiago (1416-1422), que publicou Ángel Rodríguez González en 1992, achégase un documento de 1417 en que se nomea como fiel da alcabala da cera en Compostela a “Rui Peres de Valadares”. No legado do notario Álvaro Pérez, que exerceu na terra de Rianxo e Postmarcos durante 1457, rexistramos dúas referencias a “Sã Migell de Valadares”.
O nobre Álvaro Fernández de Valadares, no seu testamento de 1397, condicionaba a transmisión da súa herencia ao fillo da súa irmá ao feito de que “tome as armas et o apelido de Valadares”. En 1475 Gregorio de Valadares, rexedor de Pontevedra, dispuña que no intre da súa morte o seu corpo fose “sepultado en o moesteyro de Santo Domingo da dita villa de Pontevedra, onde jaz meu padre Gonçalo de Valadares, que Deus aja” e que, ademais, “a o tenpo de minas honrras quebren por mi una duzea d’escudos et arrastren meus pendons pintados das armas de Meyra et Valadares et Canba, et den a meus criados et amos et amas, a cada un, sua capa de loyto”. Boa parte dos seus bens deixáballos ao seu fillo, “Pedro Vaasques de Valadares”.
A castelanización dese orixinario Valadares en *Valladares documéntase a partir do século XV. Decisivo, neste sentido, foi o influxo do posterior marquesado homónimo, creado no século XVII (1673). Con todo e con iso, o médico de orixes viveirenses Nicolás Taboada Leal, tan decisivo no combate do cólera na cidade olívica, anotaba a mediados do século XIX na súa Descripción topográfico-histórica de la Ciudad de Vigo que a forma xenuína Valadares era a que antigamente “se nombraba más comúnmente” e engadía, a maior abondamento, que “todavía muchos naturales del país y con especialidad los vecinos de la parroquia, la denominan de este último modo”. As normas toponímicas actuais na nosa Terra alentan, loxicamente, a recuperación da forma xenuína Valadares, que se mantivo intacta no viciño Portugal en concellos como Viana do Castelo, Vila Nova de Gaia e Viseu.
A xeito de remate
A actuación restauradora da orixinaria e xenuína toponimia e antroponima galega equivale, se nos é permitida a comparación, á actividade de restauración das cores primixenias do Pórtico da Gloria, felizmente efectuada en datas recentes na catedral compostelá. Non vale alegar que debemos conformarnos coa obra do mestre Mateo “escurecida”, “despintada” e “alterada” pola acción dos séculos ou por intervencións espúreas doutras mans: temos os coñecementos e os medios técnicos para restaurala conforme é debido e só houbo que ter vontade para facelo. Así tamén coa nosa onomástica persoal e xeográfica, creación cultural colectiva do pobo galego durante séculos que non merece xa nin máis maltrato nin máis deturpación por parte de ninguén.
Nas ribeiras do mar da Arousa, en novembro de 2020
[Publicado orixinariamente na revista O Umia, editada pola Asociación de Amig@s de Fefiñáns]
Ningún comentario:
Publicar un comentario