Da man de Baía Edicións, con fermosa portada de Ana Pedreira e preparada con pulcritude por Armando Requeixo, como era lóxico agardar dun dos máis importantes críticos literarios galegos dos nosos días, acaba de aparecer a escolma de poesía infantil de Xoán Neira Gaiola aberta, que reúne medio cento dos textos presentes nos seis poemarios que o autor de Meilán editou desde 1997 ata a actualidade: Recreos (1997), en colaboración co músico Manuel Rodríguez; Xiz de cor (2004); Farrapos de nube (2007); No cubil da lúa (2009); Un niño no xardín (2012); e, finalmente, Chafarís (2017).
Mestre xa xubilado do colexio “Lois Tobío”, veciño de Viveiro desde 1982,
columnista ocasional da edición mariñá do diario El Progreso e do Heraldo de
Vivero e socio fundador do Seminario de Estudos da vila do Landrove, Xoán
Neira López (Meilán, Lugo, 1953) é un escritor en lingua galega de obra
relativamente prolífica, na que destacan títulos como Memoria e soño
(1996), Nas varandas do abrente (2000), Ás catro augas (2004,
editado pola Fundación Manuel María) e Linguaxes
(2005), libro artístico feito en colaboración co debuxante e ceramista Otero
Regal. Cabe anotar, igualmente, a súa presenza en volumes colectivos como Alma
de beiramar (2003) e Negra sombra. Intervención contra a marea negra
(2003), editados co gallo da catástrofe do “Prestige”; a Homenaxe poética ao
trobador Xohán de Requeixo (2003) e A Coruña á luz das letras
(2008), da editorial Trifolium. Tamén ven sendo constante a súa presenza na
revista poética luguesa Xistral.
Na súa poesía infantil, agora oportunamente escolmada por Requeixo, Xoán Neira
visita o ciclo estacional do ano e canta os elementos da natureza, explora os
astros, enreda cos xogos e comprácese en mirar con ollos anovados as cousas, os
animais e os espazos que habitualmente nos rodean, en procurar a súa beleza e o
seu misterio agochados, en tornalos fonte inesperada para a fantasía e a
ilusión. O poeta é quen de combinar sempre unha perspectiva plástica, visual e
descritiva con outra reflexiva e profunda, de maneira que o que ofrece veñen
sendo algo así como “retratos meditados” sobre elementos do medio que nos
rodea. A brevidade, o atinado manexo das rimas asonantes e dos versos
heterométricos, os xogos de aliteración na procura da musicalidade e unha
coidada selección léxica son algúns dos trazos que caracterizan esta poesía, perfecta
para empregar nas aulas como material para variadísimas actividades e, xaora,
como lectura iniciática.
[Publicado orixinariamente na revista Aulas Libres, nº 11, editada polo STEG]
Ningún comentario:
Publicar un comentario