eu

eu
eu

mércores, 12 de setembro de 2018

Libros no tambuche (IV)

O NENO MARIÑEIRO, de Bernardino Graña. 
Edicións Xerais.

Narrada en primeira persoa polo neno protagonista Elías, en quen non é difícil atopar moitas concomitancias co propio autor, esta novela de Bernardino Graña (Cangas, 1932) é unha homenaxe ás xentes do mar de Darbo e Cangas e un exercicio de memoria persoal tenro, por veces conmovedor, con boas doses de confidencia iniciática, na liña doutros volumes anteriores seus como os titulados Fins do mundo (Brais Pinto, 1974) e Medre o mar! (Edicións Morgante, 2013).

Ao estar ambientada na inmediata posguerra, nun tempo caracterizado polo medo e por diversas miserias, a obra que comentamos, repartida en trinta capítulos que poden lerse tamén como breves relatos con sentido de seu, adquire por momentos tinturas de testemuño histórico e emparéntase así, en boa medida, coas Memorias dun neno labrego coas que Xosé Neira Vilas soubo retratar de xeito maxistral esa mesma época da nosa historia colectiva, centrada no seu caso nunha aldea do rural galego.

Se algunha pexa puidésemos poñer a esta nova entrega do admirado poeta de libros como Profecía do mar, Non vexo Vigo nin Cangas, Se o noso amor e os peixes…, Himno verde e Acendede as almenaras, residiría na relativa indefinición que se deixa intuír en certas pasaxes da obra, pensamos, a respecto da índole do lector destinatario, pois por veces os xeitos do relato parecerían agardar máis que nada a ollada dun lector ou lectora infanto-xuvenil, cando o certo é que aparece nunha colección narrativa para lectores adultos, se damos por válidas estas etiquetas.

En calquera caso, o celme desta novela resulta en todo intre gorentoso e a lingua empregada, como non podía ser menos, ten toda a frescura e autenticidade dun clásico vivo das nosas letras.

MANUEL ANTONIO. UNHA VIDA EN REBELDÍA, de Xosé Luís Axeitos.
Edicións Xerais.

Poñéndolle ramo, dalgunha maneira, a unha intensa e delongada xeira de investigacións sobre a figura do poeta de Rianxo, que incluíu desde monografías a edicións críticas, pasando por artigos, conferencias e a publicación do seu epistolario e da súa prosa inédita completa, o profesor e académico Xosé Luís Axeitos acaba de editar un volume que deixa perfectamente debuxadas, con rigor, densidade e valentía expositivas, as liñas mestras do percurso vital e literario do autor de De catro a catro.

Coa nota actitudinal da rebeldía como eixo permanente, Manuel Antonio apenas dispuxo de trinta anos escasos para levar adiante todos os seus proxectos: escribir varios libros poéticos de xorne vangardista, participar no movemento das Irmandades, axitar o panorama cultural galego co seu manifesto Máis alá! (feito en colaboración co debuxante Álvaro Cebreiro, en 1922), realizar estudos e prácticas de piloto mercante, etc.

Precisamente nesta última perspectiva, o libro do profesor Axeitos achega no seu cuarto capítulo (pp.120-177) unha reconstrución das peripecias de Manuel Antonio como alumno da Escola Oficial de Náutica de Vigo, entre 1920 e 1923, e logo como tripulante sucesivo de tres buques: o pailebote “Constantino Candieira”, do que era capitán o ribeirense Augusto Lustres Rivas e co que circunnavegou ao longo de 1926 as costas da Península; o mercante holandés “Gelria”, entre novembro de 1928 e maio de 1929, co que cruzou tres veces o Atlántico en viaxes de ida e volta que lle permitiron coñecer portos como Pernambuco, Río de Janeiro, Montevideo ou Buenos Aires; e, finalmente, a partir de xuño de 1929 e ata o desembarque definitivo para ir morrer o 28 de xaneiro de 1930, vítima da tise, ao seu Rianxo natal, o pesqueiro “Arosa”, con base en Cádiz e no que chegou a facer ata oito mareas nos caladoiros norteafricanos de Saffi, Mogador, Río Mesa, Tefelnech, Kantin, cabo Ghir e Leonor.

Subliñemos que Axeitos ofrece, asemade, por vez primeira, a transcrición íntegra vertida para galego do diario de navegación en prácticas do poeta rianxeiro, nunhas páxinas que, aparentemente monótonas e tópicas, botan non obstante moita luz sobre os xeitos de navegar a vela naquel tempo e, desde logo, sobre a xénese, o espírito e o sentido final dos poemas que conforman esa alfaia da nosa literatura titulada De catro a catro (1928).


CONTOS DO MAR DO SON, de Luís de Carreira
Asociación Cultura Sonora /Meubook

O mestre xubilado Luís Fernández Pensado, Luís de Carreira (Porto do Son, 1947), ofrécenos neste volume da súa autoría editado en 2017, con limiar de Lino Lema, non unha obra de ficción narrativa, como alguén podería deducir erradamente do seu título, senón máis ben unha nutrida e ben destilada recompilación de historias, anécdotas e sucedidos de inconfundíbel sabor mariñeiro e popular que aparecen aderezadas con infinidade de notas cómicas e atinados apuntamentos sobre etnografía, antropoloxía, lexicoloxía, fraseoloxía, historia e ata gastronomía das xentes do mar da banda sur da ría de Muros-Noia.

A obra, que cabe colocar en certa maneira no ronsel de certos capítulos do Revoeira de Xosé Núñez Búa, transita constantemente entre o descritivo e o explicativo, con vocación de deixar fiel testemuño dun mundo que en moitos aspectos semella escorregar de maneira irremediábel, como auga nun cesto, cara á desaparición. Algunhas fotografías antigas empregadas como ilustracións danlle, se cabe, aínda máis valor a esta recompilación de “intrahistorias” feita desde un agarimo evidente e cun coñecemento “a pé de obra” que se agradece en todos e cada un dos apartados.

O propio autor suxire diversas formas de lectura do seu texto: a “tradicional”, páxina a páxina de comezo a fin, pois cada “entrada” porta sentido de seu, ou a “temática”, para a cal ofrece el propio un esquema baseado en sete grandes apartados: “Cousas do mar”, “A vila”, “Costumes”, “Tempos difíciles”, “Crenzas”, “Infancia” e “Outras anécdotas”.

Será escusado dicir que o primeiro deses apartados, cun total de sesenta e seis “entradas”, é de máis que recomendábel lectura para calquera amante da cultura marítima, dito sexa sen menosprezo de ningún dos outros epígrafes, onde hai vida, sapiencia popular e sorriso intelixente a fartar.


[Recensións publicadas previamente na revista de cultura marítima e fluvial Nova Ardentía, nº 10, editada por Culturmar]

Ningún comentario:

Publicar un comentario