Ensínanos o profesor Antón Costa na súa imprescindíbel Historia
da educación e da cultura en Galicia (2004) que o franquismo, facendo pé na
súa posición de forza como bando vencedor dunha guerra, tivo especial empeño en
intervir no sistema educativo, levando a cabo varias operacións simultáneas con
resultados pouco menos que estarrecedores.
En primeiro lugar, practicou unha depuración represiva do
corpo docente, que, en forma de sancións, suspensións, traslados forzosos,
destitucións e ceses, afectou nada menos que a un de cada catro mestres e
mestras na Galiza e que, levando a violencia institucional ao grao máximo,
segou ademais a vida de setenta deles, entre os que cabe lembrar Víctor Fraiz
Villanueva, Germán Adrio, Eugenio Carré Naya, Xoán García Niebla, Luís
Rastrollo, Xacinto Santiago ou a mestra de Monelos Mercedes Romero Abella. O
franquismo responsabilizaba o conxunto do corpo docente que exercera durante a República
de xogar un papel “revolucionario”, na medida en que difundira desde as aulas
pautas, ansias e ideais de emancipación individual, social e ideolóxica que
chocaban frontalmente coa defensa dos “valores tradicionais” (enténdase
reaccionarios).
En segundo lugar, o franquismo modificou de plano a
función última do sistema educativo no seu conxunto, destinado a partir de
entón e practicamente ata a reforma do ministro Villar Palasí (1970), a ofrecer
en Enciclopedias e Catecismos unha formación rancia, limitada por toda caste de
censuras e pedagoxicamente pésima, pero válida en definitiva como ferramenta de
adoutrinamento militarista, españolista e confesional. Non é casual, neste
sentido, que as aulas estivesen presididas a partir de entón por dúas imaxes
icónicas ben significativas: o crucifixo e o retrato do Generalísimo.
Tampouco o é que o idioma galego estivese proscrito das aulas e que houbese
castigos e humillacións para o alumnado que o empregase mesmo de xeito
espontáneo.
En terceiro lugar, o franquismo impuxo un modelo vertical
e autoritario na educación, tanto dentro da aula sobre o alumnado, recorrendo
acotío aos castigos físicos e á violencia psíquica, como nos propios centros
entre o profesorado, aplicando un modelo xerarquizado de obediencia debida e
facendo funcionar o servizo de Inspección educativa como unha sorte de
“policía” á caza da disidencia docente, mesmo que esta fose unicamente
“pedagóxica”.
E, finalmente, coa súa innata aversión a todo cambio, o
franquismo supuxo un freo durante décadas ao proceso de extensión universal da
educación, de maneira que vinte anos despois de comezada guerra civil a
escolarización de meniños e meniñas entre os 6 e os 11 anos de idade non pasaba
do 70% do total.
Hai moitas fontes das que extraer informacións que
corroboren o retrato da escola franquista que, en apertada síntese, acabamos de
ofrecer, mais non debe de ser a máis empregada delas habitualmente a produción
poética. Acontece, porén, que nos versos galegos dalgúns autores e autoras
poden atoparse, coa forza expresiva que só á poesía lle é dado conferir,
vívidos e elocuentes testemuños sobre aquel sistema educativo. As liñas que
seguen son un convite a mergullarse nalgúns deses textos.
O xornalista e poeta Manuel
Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) deixou no poema “Aula de posguerra” un
retrato moi representativo das pésimas condicións materiais das aulas que
frecuentou na súa infancia, dos castigos humillantes que se perpetraban e do
marcado nesgo ideolóxico da educación que se recibía nelas:
Soaba unha pingueira nunha tina de cinc,
alí, onde contaban a Historia conveniente.
E chovía nos verbos, naquel nove entre cinco.
e a táboa do oito era outra mentira tan exacta;
e era outra mentira o mapa da parede
sen o río da aldea.
Chovía nos vacíos das fórmulas e as frases,
na mañá de zotal e tinta fría.
E alí alguén soñou barricadas de estampas,
Cárpatos de ningures,
petos cheos de amoras, un brinco endomingado,
a saúde do seixo e o pentagrama
para fuxir dun mundo de aligacións e ángulos,
da mosca verdiazul do mediodía.
Soaba unha pingueira nunha tina de cinc.
¿Onde resiste
quen foi pasquín de rebelión e escándalo?
¿En que tenda de praza-patrimonio
vende sedas, ou viño, ou minte con megáfono?
¿Onde é materia para un himno?
¿Fervor de que océano ou alcoba?
¿Onde home de proveito? ¿Que guarismo?
E un día fundaron o castigo:
requisaron a luz nos seus depósitos,
as estrelas de lata, os acopios de mica,
algo do mar en soños outorgado
e puxeron a primeira inocencia contra a parede,
contra o mapa das patrias sen patria,
sen o río da aldea.
Soaba unha pingueira nunha tina de cinc.
Comezaba o inverno
a durar media vida.
Noutro poemario do mesmo autor,
titulado Epicentro, hai un apartado denominado “As raíces insomnes” que
contén o poema “Tempo de miseria”. O retrato que nel se ofrece dese período
histórico alude mediante lúcidas imaxes a algunhas das pautas empregadas na
escola franquista, como o adoutrinamento político e relixioso, a rixidez
metodolóxica no ensino das materias e a total ausencia de contidos relacionados
coa realidade máis próxima do alumnado, como a xeográfica:
A
mentira no caderno azul
vencido.
Catro e máis catro oito, a duras penas
A
usurpación dun río.
Con flores a María
por
aquel maio sempre desamándonos [...]
Tamén
Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) incluíu no seu libro Banzados
(2001) un poema no que se estabelece un oportuno contraste entre a intensa
experiencia vital directa de coñecemento do mar nunha visita na compaña do pai
desde a aldea á cidade da Coruña e as aprendizaxes memorísticas, repetitivas,
frías e descontextualizadas que lle ofrecía o mestre franquista na escola,
premiadas algunhas veces con algún que outro complemento alimenticio ou
vitamínico que contribuía a paliar a penuria xeral dos fogares. Tamén se alude
nos versos ao silenciamento, por mor do medo, das curiosidades intelectuais que
o alumnado podía sentir, dado o clima de autoritarismo e distanciamento
implantado na relación entre mestres/as e discentes:
Lembro a primeira vez que ollei
o mar sen as follas
de tantas páxinas que había que
saber sempre
nas mañás de outono cando chove
ou venta en serio
e un don el mandábanos saír de
viaxe triste
para navegar os centímetros de
palabras
no mapamundi, a bordo da variña
de bido:
escarregat categat e sun gran
bel pequeno
bel e ao norde oghost e mar de
kara, de barents...
E o Mar do Orzán pelexaba en
xogo cos tranvías
de Rubine: chaf, rompendo as
bocas dos rapaces
da aldea para os retratos da
época sen guerra
que era toda azul e arrecendente
a latas, bombos
de sardiñas, leite de muiño,
queixo de goma,
que nos daban abasto despois que
o douro nace
nos picos de urbión na provincia
de soria e pasa...
ata chegar ao atlántico... ¿e
non rebenta o mar
con tanta auga? –pensabamos
todos en silencio. [...]
O recurso aos castigos físicos sobre
o alumnado foi frecuentísimo, dando por bo o vetusto principio antipedagóxico
de “la letra con sangre entra”. Aínda máis ferinte e traumático resultaba, porén,
ese distanciamento corporativo, moitas veces socialmente elitista, e esa
frialdade no trato humano que moitos docentes practicaron. Manuel María, neste
sentido, en “Poema en carne viva” de Morrendo a cada intre, deixounos
versos elocuentes como estes:
[...]
Odio fondamente ós catedráticos
enlevitados
e serios que teñen
un
recendo de arqueoloxía artificial e rutinaria [...]
Ese
nesgo intelectualmente castrador que tiña o ensino na escola de Franco,
alérxico a todo espírito crítico, a toda análise desmitificadora e a toda
incursión polas marxes heterodoxas do pensamento, foi reflectido con rotunda potencia polo
poeta Fiz Vergara Vilariño (Lóuzara-Samos,1953-1997) nos primeiros versos do
seu emblemático poema “Hai que vivir”
Eu nacín
un
día calqueira.
Un domingo bautizáronme:
católico,
apostólico,
romano.
Logo botei a camiñar.
Fun á escola.
Os mestres
ensináronme
certas cousas:
compre ser
obedente,
conformista,
dobregado
e
máis...
Os mestres
non
me ensinaron
o significado da verba probeza,
tiven que aprendelo eu
sintíndoo,
sufríndoo,
levándoo
infundido
nos meus ósos moles de neno,
roendo un xugo de miserias
hora tras hora,
día
tras día.
Os mestres
non
me ensinaron
que por riba de nós todos
hai outros
que
nos van zoupando
cal se fósemos
bestos
de carga.
Os mestres
non
me ensiñaron nada.
Tiven que ser eu
quen
se entrollase
contra a realidade
tristeira
e abraiante [...].
Especial responsabilidade nese nesgo
opresivo e intolerante da escola franquista tíñao a abafante presenza da
dogmática católica, espallada en todo tipo de ritos durante o calendario
escolar e presente en todos os contidos e actividades, como testemuña Fermín
Bouza Álvarez (Compostela, 1940-Madrid, 2016) nun dos poemas do seu libro Labirinto
de inverno (1990):
unha
aula de inverno nas idades perdidas
nos
tempos que deixaron o caer dunha gota
nas
revoltas da alma unha tarde de lobos
na
cidade de pedra e o silencio esvarando
nas
preguntas do frío nos seus ocos
con
lamas que son xeos na cidade que dorme
cunha
sotana que lle cobre a alma
o
corazón batido nos estrondos
memoria
dos invernos polas rúas vacías
unha
témera historia de cardenais e estatuas
imperdoable
olor a pés de santo
ollos
coma silencios podrecidos na chuvia
a
turba lingua dunha cobra bébeda
empapuzada
de veneno e mofo
inesquecibles
flores húmidas
na
Ferradura que rexorde dos invernos de auga.
Por outra banda, a escola de Franco
enxalzaba unha determinada visión providencialista e imperial da historia de
España, ocultando adrede, terxiversando sen pudor ou facendo escarño
descualificador sen posíbel dereito a réplica de varias correntes políticas,
feitos históricos, entidades e reivindicacións que non encaixaban no seu molde
político-ideolóxico predefinido. Por iso Salvador García-Bodaño (Teis,
1935), no poema “Identidade”, chamando á necesaria recuperación comunal do
país, convidaríanos deste xeito:
(...)
Perguntade nas escolas todas
por
esquencidos silabarios (...)
A represión lingüística e o
espallamento de pautas diglósicas e de prexuízos contra o galego foi unha
constante da escola franquista. Poetizou Antón Tovar (Rairiz da Veiga,
1921- Ourense, 2004) en “Lingua que rexeitaron meus pais”, do seu libro Calados
esconxuros, por exemplo:
(...)
Borraran os letreiros dos camiños
cos
ben amados nomes das antergas vilas,
dos
silabarios das escolas algareiras
borraron
o cantar humilde e puro
da
lingua popular (...).
E Manuel Rivas (A Coruña,
1957), no poema “Fonema”, denunciou con tenra ironía o intento dalgúns mestres
de erradicar no seu alumnado xa non só a lingua de noso senón tamén a fonética
propia dalgunhas falas galegas, nun contexto de “alleidade” xeral dos contidos
que tiñan cabida nas aulas:
Do máis aló da gorxa,
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar.
Repitan, dicía o mestre:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena
de trigo.
Pero Lolo o do Rito dicía que
Los pajaros de Juadalagara tienen la jarjanta llena
de trijo
e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era,
se é que a tiña,
o toxo que douraba os montes de Galicia.
Os enfoques
patriarcais e machistas, por último, tamén presidiron a escola franquista. A
socióloga e traballadora social Luz Campello (Labrada, Guitiriz, 1966)
dános testemuño disto no libro Inventario do prohibido (2015), cando
escribe:
Repasas de memoria o inventario do prohibido
como quen repasa unha caligrafía
nun caderno Rubio da infancia
un punteado de letras, un sensaír das liñas
no pulso do grafito
amestrar a man, dobregar os dedos, amansar o lapis
nas xemas diminutas
todo ben preciso pola ringleira definida
someter o conxunto ao milímetro
como quen somete a carne para que non reborde
máis do permitido
que non deturpe a indecencia a túa valía
que nos se mollen os beizos, nin se afrouxe o embigo
ao abeiro da túa saia
que non che medre a barriga por unha falta
que a letra con sangue entra
que non se desdobre o pano inmaculado
fóra da cuadrícula
que ninguén saiba que decorres cos teus dedos
territorios
que che son negados
que non se pronuncien os peitos, nin abale o desexo
que o triángulo sexa sempre equilátero
que non se revele a cintura, nin agrome un lexema
de cadeira
que non se abran as pernas, nin a cona
que o sangrado do teu menstruo non se vexa
que a túa vaxina non se converta nun visado schenghen
no teu pasaporte a país ningún
que non se levante un murmurio, nin unha braga no tendal
nada... (...)
O cúmulo de características que
vimos resumindo fixeron da escola franquista, en definitiva, un lugar nada
acolledor, triste e pouco propicio para experimentar a ledicia de aprender. Por
iso Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), no poema “El hermoso rostro del
país”, inserido en Viaxe ao país dos ananos, sinalaría:
A
miña terra é soave, solermiña,
pro,
nos ollos dos meniños
que
van á escola nas mañás frías,
hai
unha tristura antiga.
No mesmo sentido, Xulio L.
Valcárcel (Romeán, 1953), en Solaina de ausencia (1987), evocaría:
Ameite
en
húmidas escolas
de
postguerra,
tristes
como os teus ollos.
Dirixíndose a un público lector infantil, o xa citado Manuel María acertaría
a resumir no poema “Escola” de As rúas do vento ceibe moitos dos “males”
dese sistema educativo consagrado durante a ditadura:
A
miña escola é moi grande,
destaca
entre os edificios.
Según
di o director
ten
moitos e bos servicios.
É de
construción recente
e
semella unha colmea.
Vista
por fóra parece
máis
que escola, unha cadea.
Está
feita de cemento,
non
ten pedra ou cantería.
¡Máis
que construción galega
semella
de Andalucía!
Ten
moitas mestras e mestres
i un
alumnado escesivo.
O ensino
non é bon
¡Penso
máis ben que é cativo!
A
maior parte dos mestres
moi
tristeiro papel fan:
¡nada
ensinan de Galicia
e
falan en castelán!
Non
me gusta a miña escola,
nela
todo me é estrano.
¡Eu
son un neno galego
e non
un americano...!
Así as cousas, a procura de fontes
alternativas de saber e información e o autodidactismo, por máis que resultasen
difíciles nop contexto epocal, abesulláronse en non poucos casos como remedio
eficaz. Así o pon de manifesto Bernardino Graña (Cangas do Morrazo,
1932) en Poema do home que quixo vivir (1958) cando sinala:
(...)
Estou a estudiare, amigos,
A
forma de sere un home.
Estou
a estudiare sempre
libros,
xentes, bosques, montes.
Eu
son un burro completo.
Confeso
que non sei nada.
Estou
pasmado ante todo.
Síntome
estraño e moi lonxe (...).
Esas “aprendizaxes alternativas” no ámbito da escola, dos
institutos ou da Universidade incluían unha variábel combinación de espertares
sentimentais e contacto con ideoloxías clandestinas, prohibidas e reprimidas,
en todo caso sinónimas da liberdade e da xustiza que se botaba en falta. O
testemuño poético de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), co que imos pór
remate a estas liñas, déixanolo ben claro. No seu libro Entre lusco e fusco (1980)
escribiu efectivamente, nesta perspectiva:
De repente
fáiseme extrañísimo o teu nome,
o teu nome escrito nun pupitre,
esas sílabas mortas
cravadas á madeira
entra raias, pombas, unha mosca,
unha estrela, un rosto, o martelo e a fouce.
[Publicado orixinariamente na revista Aulas Libres 10,
editada polo STEG]
Moi interesante a escolla. Haberá moitas máis referencias. Aporto as de Luisa Castro en 'Baleas e baleas', falando dos internados de monxaa...
ResponderEliminar