O
profesor e catedrático de francés na USC Antón Figueroa, autor de
ensaios de teoría literaria e sobre relacións interculturais tan
relevantes como Diglosia
e texto;
Lecturas
alleas;
Nación,
Literatura, Identidade
e Ideoloxía
e Autonomía no campo literario,
ofrécenos da man de Edicións Laiovento, baixo o título de Margot
Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia,
un libro moi singular e meritorio que resgata do esquecemento a
figura desta profesora berlinesa moi vinculada nun momento dado da
súa traxectoria vital e intelectual á nosa Terra.
Activa
investigadora e docente no período 1927-1933 do “Romanisches
Seminar” de Berlín e autora dunha tese pioneira sobre a lingua
galega elaborada a partir de 1926 e presentada na
Friedich-Wilhellms-Universitat en 1935 baixo o título de
Altgalizische
Urkunden
(Documentos
antigos de Galicia na
versión parcial que dela publicou en 1934 o Anuari
de L'Oficina Romànica de Lingüística i Literatura
de Barcelona), Margot Sponer, que naceu en 1898, significouse na
resistencia contra o nazismo na Universidade alemá a partir de 1933.
Comezada
a guerra civil en España, Margot non desimulou a súa antipatía
cara aos docentes e lectores hispanos enviados por Falange ás aulas
berlinesas (Teodosio Noeli, Celia Giménez...), ocupados, entre
outros prácidos
mesteres, en traducir para alemán os discursos de José Antonio
Primo de Rivera e en recadar información policial sobre os
republicanos españois exiliados. Vixiada pola Gestapo desde moi
cedo, Margot axudaría outras persoas perseguidas polos nazis,
algunhas delas xudías, e enviaría cartos e alimentos a varios
presos en campos de concentración, como o francés Bernard Morey. En
outubro de 1942, acabou sendo expulsada definitivamente da docencia e
morreu a mans de tres integrantes das SS o 27 de abril de 1945,
poucos días antes da definitiva rendición de Alemaña na 2ª Guerra
Mundial.
Sobre
ela existían traballos biográficos previos debidos á súa propia
irmá, Hertha Sponer, e á especialista en historia da ciencia Annete
Vogt, mais o ensaio de Antón Figueroa acrescenta moita información
sobre o relacionamento de Margot con varios núcleos intelectuais de
relevancia na Península ibérica nos anos 20 e 30: o Centro de
Estudios Históricos de Madrid, dirixido por Ramón Menéndez Pidal;
o grupo da revista salmantina El
Estudiante (1925);
e, sobre todo, os intelectuais que animaban o Seminario de Estudos
Galegos, encabezados por Vicente Risco. Froito deste último
relacionamento é a colaboración de Margot co boletín Nós
no
seu número 37 (1927), co traballo “Algunhas notas dos meus estudos
de filoloxía galega”.
En
realidade, Margot estivo en Galiza unha soa vez, durante o verán de
1926. Traballou nos arquivos de varias cidades (A Coruña, Ourense,
Santiago, Pontevedra e Lugo), contactou con eruditos como Pérez
Constanti ou Casto Sampedro e fixo recollida de materiais
dialectolóxicos en terras do Cebreiro (materiais que, infelizmente,
acabarían perdéndose despois da súa tráxica morte).
Con
posterioridade á súa estadía en terras galegas, as súas relacións
en Berlín co xornalista Felipe Fernández Armesto (daquela situado
ideoloxicamente na órbita progresista), co galeguista Lois Tobío e
co Vicente Risco que escribía na capital alemá as páxinas do seu
controvertido Mitteleuropa
permitiríanlle a Margot non perder contacto co devir galego nese
intenso período.
O
libro de Antón Figueroa adquire, sen lugar a dúbidas, a traza dunha
merecedísima e oportuna homenaxe póstuma á filóloga alemá que
tanto amou o noso idioma e que viviu libre e insubmisa fronte ao
horror nazi
ata o final.
[Publicado no número 10 da revista "Aulas Libres", que edita o STEG]
Ningún comentario:
Publicar un comentario