Onde o aire non era
brisa
A
designación por parte da Real Academia Galega da escritora María
Victoria Moreno como figura sobre a que pivotará a
celebración do vindeiro Día das Letras Galegas pode tomarse, xaora,
como un magnífico pretexto para achegarse á produción literaria
desta autora estremeña de nacemento e galega por propia vontade.
Ademais de numerosas
obras dirixidas ao público infantil (A
festa no faiado,
Leonardo e os
fontaneiros, O
cataventos, Guedellas
de seda e liño, etc.),
da exitosa novela Anagnórise
(1988) e do poemario Elexías
de luz (2006, edición
póstuma), María Victoria, docente de profesión en institutos de
Lugo, Vilalonga e Pontevedra, deixou escrita unha novela con
protagonista feminina dedicada á docencia nunha pequena vila
castelá: Onde o aire non
era brisa.
Publicada
postumamente en 2009 por Galaxia, en tradución para o galego de
Xavier Senín e dentro da colección Literaria (núm. 271), a citada
novela foi presentada pola súa autora a diversos certames literarios
de ámbito hispanófono, conseguindo finalmente o máximo galardón
no Premio de Novela Corta Manuel Díaz Luis convocado polo
Ayuntamiento de Monleón (Salamanca).
A
novela está ambientada nos anos 60 nunha vila de mil casas, “triste
e moi cerrada”, chamada Alcores de Donalvar, na provincia de
Valladolid. Ten por iso, pensamos, evidentes ingredientes
biográfico-familiares, pois a propia nai da autora exerceu como
mestra en localidades moi semellantes á que acolle a acción da
novela.
Aínda
que hai nela unha trama de corte sentimental na que se engarzan
problematicamente e desde parámetros ideolóxico-vitais antitéticos
a xoven mestra Elena Manzanares e a filla da presidenta da Acción
Católica, ambas namoradas do médico e fillo do alcalde Fernando,
non pode obviarse o pendor claramente “social” de moitas das súas
páxinas.
Efectivamente,
a novela constitúe un exercicio brillante de estilo (amiúde dun
sobrio lirismo) para retratar a dura realidade socio-económica do
campo castelán durante certa etapa do franquismo, dominado polos
abusos dos terratenientes sobre os xornaleiros, tanto locais como
foráneos (galegos, por máis señas); pola corrupción á hora de
repartir a paupérrima axuda norteamericana (leite en pó); pola
vingativa aplicación da etiqueta de “roxa” a toda persoa que
manifeste discordancia cun a todas luces inxusto statu
quo e pola tan constante
como sórdida acción represiva e censorial das autoridades, ben
civís (o alcalde), ben eclesiásticas (o párroco, a presidenta da
Acción Católica).
Tamén
se describen, en páxinas intensas, escenas da miseria do
campesiñado, da penuria dos “cómicos de la legua”, do maltrato
ás mulleres naturalizado como norma social, da falta de medios na
escola rural e da dura vida reservada á infancia das capas máis
humildes e marxinadas.
A novela amosa e explica, por iso mesmo, sen pretender xustificalo en
absoluto, ese reaccionarismo inducido que, daquela coma hoxe, logra
converter tantos pobres individuos maltratados pola Historia e
vítimas da Inxustiza en “amigos do vello e inimigos do novo por un
temor que levan dentro transmitido de xeración en xeración”.
[Texto publicado orixinariamente no noveno número da revista Aulas Libres, do STEG]
Ningún comentario:
Publicar un comentario