eu

eu
eu

venres, 9 de marzo de 2018

No segundo centenario de Vicente Manuel Cociña, heroe do liberalismo decimonónico





A súa repentina e temperá morte en terras cordobesas, con tan só 35 anos feitos, a consecuencia do deterioro na saúde que lle provocou a feroz persecución e acoso a que o someteu o goberno do ultramoderado Conde de San Luís, elevou este fillo de Celeiro (1818-1854) ao rango de referencia mítica e heroica do panteón de loitadores ilustres pola liberdade na Galiza e na España do século XIX.

Especialmente tras a revolución de xullo de 1854 (a chamada Vicalvarada), Cociña foi recordado en banquetes e actos públicos como liberal consecuente “que pagó con la vida su amor a la causa” (cf. El Tribuno, 15.8.1854). O seu nome ficou para sempre asociado, desde entón, á reivindicación da liberdade de prensa e de opinión, de aí que no momento de coñecerse a nova da súa morte, fosen publicadas notas do teor desta que a seguir citamos, aparecida no xornal madrileño El Clamor Público (5.5.1854):

Nosotros no hemos tenido el gusto de tratar al señor Cociña, pero nos basta que haya ejercido con energía e independencia el magisterio de escritor público en estos tiempos calamitosos para sentir su muerte y dedicar a su memoria un recuerdo.

En moitos sentidos, Cociña encarna o protótipo do selfmade man valente, decidido, emprendedor e tocado polo xenio tan grato á épica da burguesía cando esta clase aínda era romántica e revolucionaria. Orfo de pai desde moi novo, foi un espírito rebelde e inconformista, pero ao mesmo tempo lúcido e incisivo, que destacou xa na Compostela do seu tempo mozo por unha manchea de iniciativas e actitudes que fixeron tremelicar as columnas docentes, literarias e levíticas da cidade do Apóstolo.

A primeira desas iniciativas foi a edición en 1840 do folleto Un sueño en Stambul en el año 1550. Di Murguía no seu Diccionario de Escritores Gallegos (1862) que nese folleto, “bajo el velo de la alegoría, se percibe el ataque que el escritor dirigía á Galicia á quien denomina esta ingrata patria, y sobre todo á la Universidad Compostelana, - a quien llama Asilo de la ignorancia y Pentápolis apestada -, y sus profesores, que por entonces eran á menudo atacados por sus alumnos”.

Edificio da Inquisición, en Compostela
Por outra banda, no artigo necrolóxico que sobre Cociña escribiu o seu grande amigo Luís Trelles Noguerol en La Nación (glosado logo en La Ilustración. Periódico Universal, Madrid, 8.1.1855), sinálase que nese opúsculo, “inspirado por el despecho”, o de Celeiro comparaba a Biblioteca da Universidade Compostelá co inferno de Plutón e atacaba “a los bibliotecarios que le habían negado la lectura de los libros prohibidos entonces”.

Pero hai tamén outra perspectiva do contido dese polémico escrito, pois Parga Sanjurjo [autor dun traballo sobre Cociña que o Heraldo de Vivero publicou en catro entregas durante marzo e abril de 1922] aclarou que

era dicho folleto una á manera de profecías sobre política europea en relación especialmente con la colonial seguida en África y Asia. Y al abordar este último punto afirmaba nuestro biografiado con una convicción rayana en la evidencia, que la explotación codiciosa mantenida por las Metrópolis europeas con las colonias, negándoles las más elementales y progresivas reformas y tratándolas con inhumanidad incomprensible, llevaba aparejada, por modo ineludible, sangrientas catástrofes e infaustos éxitos.

Cando aínda os sectores máis tradicionalistas e inmobilistas do Claustro universitario compostelán, escandalizados ata o paroxismo, non apagaran os seus protestos e diatribas contra a temeridade irreverente daquel mozo universitario (émulo en certo sentido do Pedro Pablo Bazán de Mendoza e do bibliotecario Pedrosa que durante a “francesada”, tres décadas antes, lograran abolir por vez primeira o Tribunal da Inquisición en Compostela), o noso protagonista volveu atacar con lúcidos argumentos e munición impresa outro dos males que devoraban a Universidade galega de entón, particularmente a súa Facultade de Dereito: o exceso de “romanismo” e o enfoque escolástico.

Efectivamente, o Opúsculo filosófico sobre la historia del Derecho romano, dividido en tres lecciones, y precedido de una sucinta idea del patrio que Cociña edita na Imprenta da Viúva e Fillos de Compañel, en 1841, escrito cando cursa segundo de carreira e ten apenas 21 anos feitos, naceu, como explica Parga Sanjurjo, de

la decepción amarga que experimentó al contemplar la mucha extensión que se daba en nuestras Universidades al estudio del derecho romano y el subalterno lugar á que estaban relegadas las enseñanzas sobre el derecho patrio, nervio y substancia, éste, de los conocimientos en que ha de basarse la ciencia de los llamados á abogar en el foro español. Embiste con tal motivo Cociña contra el recalcitrante romanismo que informaba entonces la enseñanza oficial en el folleto susodicho, donde desfilan, en cronológica serie, y uno á uno, los emperadores romanos con todas sus arbitrariedades y en toda su desnudez, no acertando nuestro biografiado á cohonestar cómo pudiera formarse una legislación justa é irreprochable al calor de inspiradores de tan bajo nivel moral […]. Estupor y asombro produjo el referido opúsculo en el profesorado de la Universidad compostelana. Aquellos graves doctores de roja muceta y blanco guante, saturados de impenitente romanismo, no volvían de su sorpresa ante las audacias del joven escolar […].

Compañeiro de aulas dunha promoción realmente talentosa e extraordinaria (Neira de Mosquera, Romero Ortiz, os irmáns Antolín e Tiburcio Faraldo, Xosé Rúa Figueroa, Xosé Mª Posada, etc.), Vicente Manuel Cociña presidiu a Academia Literaria, institución que acabou de aclimatar no noso panorama literario os novos ares románticos que xa anunciara coa súa “Alborada” o mozo poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz e que tinxirán tamén as composicións de Aurelio Aguirre.

Para esa Academia leu Cociña dous traballos, en 1842: “El misticismo religioso de Pelayo e Isabel es y será la expresión de la nacionalidad española” e “Origen de la escuela histórica y su influencia en las sociedades modernas”. Este último, co título de Discurso pronunciado por el presidente de la Academia Literaria en la sesión general de la reposición de cargos del año 1842 foi editado nese mesmo ano en Santiago.

Estas actividades e estas publicacións do mozo Cociña, abertamente heterodoxas en moitos sentidos, e aínda outros proxectos que non logrou realizar finalmente, como a edición dun periódico que había titularse, segundo indica Murguía, El Órgano del Siglo Veinte, fixeron que a súa traxectoria académica se resentise. Como explica, máis unha vez, Parga Sanjurjo:

Cayó, pues, Cociña de la gracia de sus profesores, y receloso de provocar las iras de su justicia, decidióse a abandonar, tras cinco años de estudios, la carrera de abogado, por la que no sentía, después de todo, entusiasmos ni aún verdadera vocación.

Bacharel en Leis en 1842, non chegou, efectivamente, a licenciarse. O que fixo foi marchar ao bastión do liberalismo galego que era daquela a cidade da Coruña e alí emprender, coa axuda de Tiburcio Faraldo (Betanzos, 1816?-Shangai-China, 1875), a edición dun xornal político de corte moderado baixo a mancheta de El Centinela de Galicia (1843-44), que non deixou de polemizar a moitas bandas: cos seus colegas máis progresistas El Telégrafo, El Coruñés e El Vigilante, promovidos por Rubines; coa prensa carlista; co provincialista Neira de Mosquera, primeiro biógrafo de Pastor Díaz e impulsor con Antolín Faraldo de El Recreo Compostelano; etc.

Nas planas de El Centinela aparecen sinaturas como as de Francisco Añón, Benito Vicetto, Carolina Coronado, Xosé Mª Posada (a quen Cociña prologará tempo despois, en 1853, o tomo da súas Poesías), etc. e no exemplar do día 27 de novembro de 1843 insírese unha pequena crónica das festas celebradas en Viveiro con motivo da declaración da maioría de idade da meniña Isabel II, a iniciativa de Pastor Díaz, precisamente.

As campañas de prensa en El Centinela de Galicia consolidan a sona de Vicente Manuel Cociña como talento nos asuntos da res publica e catapúltano ao escenario propiamente político, naquela época certamente convulso.

Candidato fracasado por non electo nos comicios de 1844, emprende ao ano seguinte o mesmo camiño vital e público que xa transitara anos antes o autor da Égloga de Belmiro e Benigno. Como explica resumidamente Murguía,

más tarde marchó á la corte en dónde figuró entre los hombres más notables del partido moderado, siendo diputado á Cortes y tomando parte, hacia los años de 1853, en el movimiento político que produjo la caída del poder del partido moderado. Fué entonces, cuando publicó el celébre periódico político titulado El Oriente, cuyos artículos debidos en su mayor parte á la pluma de nuestro Cociña, llamaron entonces la atención de todos, por la belleza de su forma, y el rudo del ataque. Suspendido de real orden El Oriente - en cuya redacción tomaban parte activa los Sres. don Luís Trelles, distinguido jurisconsulto, y el Sr. don Tiburcio Faraldo, hermano del malogrado director de La Europa, hoy individuo del cuerpo consular, y ambos naturales de Galicia, - tuvo que abandonar Madrid para escapar á la persecución de que era objeto, de cuyas resultas falleció en Córdoba el 26 de abril de 1854, perdiendo así la prensa política uno de sus mas ilustres hijos y Galicia un  distinguido escritor y orador político.

Polo medio fican sen citar polo marido de Rosalía de Castro o fracaso de Cociña como candidato polo distrito cordobés de Pozoblanco en 1846 e a relativa prosperidade económica que se labrou con actividades bancarias naquela capital andaluza, aínda que despois boa parte dese capital se perdese na aventura traumática de El Oriente, de xeito que Trelles e Tiburcio Faraldo, unha vez morto Cociña, tiveron que elevar ás Cortes o 26 de novembro de 1854 unha petición de pensión para a súa viúva e as súas fillas, entre elas a futura poeta Camelia Cociña (cf. El Clamor Público, 10.12.1854). No xornal La Unión deuse noticia o 17 de marzo de 1855 de que se estudaba aínda no Parlamento a concesión desa pensión.

Temos que citar, asemade, as repetidas concorrencias de Cociña como candidato a Cortes no distrito da súa terra natal. En 1850, preséntase fronte ao tamén viveirense Antonio María Coira Ares, saíndo vitorioso; en maio de 1851, repite como candidato da oposición moderada fronte ao ministerial Coira, que vence axustadamente entre denuncias de graves irregularidades. Esas denuncias, encabezadas polo pai de Alfredo García Dóriga, Cipriano García, serían debatidas en Cortes, con brillantes intervencións de Pastor Díaz, Calderón Collantes e Bermúdez de Castro, mais a patrocinio do ministro Bravo Murillo resultou decisivo para que Coira fose finalmente proclamado deputado electo o 28 de xuño de 1851, por 66 votos contra 30.

En xullo de 1852, Cociña renuncia á súa candidatura por Viveiro e en marzo de 1853 volve enfrontarse a Coira, gañando de novo o seu rival. Perde moi poucos meses despois contra o candidato Luís Trelles, mais a renuncia deste fai que Cociña asuma por fin o escano de Viveiro nas Cortes en novembro de 1853, do que será ocupante ata o seu falecemento e posterior substitución por Juan López.

Para rematarmos estas breves notas, digamos algunha cousa sobre ese xornal El Oriente, impulsado por Tiburcio Faraldo, Trelles e Cociña, que comezou a publicarse en Madrid en decembro de 1853 e que colle o seu nome, probabelmente, da situación de extrema tensión que se vivía nesa área xeográfica e que desembocará na chamada “guerra de Crimea”.

Aínda que os tres redactores eran entón ideoloxicamente moderados, a súa oposición aos métodos de gobernación de Narváez e do Conde de San Luís e o seu decidido apoio á política de “unión liberal” fixo que o seu cabezallo de prensa fose vítima de todo tipo de reiteradas manobras persecutorias (secuestro de exemplares, multas, censuras …) e que eles propios tivesen que afrontar sucesivas denuncias e encadeamentos. Así as cousas, a curta vida do xornal resultou, en palabras do seu redactor Trelles, “un continuo martirio”. A súa suspensión por orde gobernativa (auspiciada polo Conde de San Luís) provocaría a fuxida de Cociña a Córdoba, o quebranto da súa fortuna e o tráxico deterioro da súa saúde, que desembocou no fatal desenlace. Cociña faleceu o 29 de abril de 1854 e o último número do xornal El Oriente sae á rúa o 4 de maio.

Cociña promoverá por medio do seu xornal, con data de 17 de xaneiro de 1854, unha reunión de deputados galegos para ver de adoptaren medidas contra o andazo de cólera que azoutaba entón Galiza. Non se esqueza que ese andazo, que comezara en Vigo en decembro de 1853, foi vivido en primeira liña en terras olívicas polo médico tamén de orixes viveirenses Nicolás Taboada Leal.

No editorial do exemplar do día 22 dese mesmo mes e ano citados, Vicente Manuel Cociña abxurará da súa condición de conservador para declararse exclusivamente liberal e, por tanto, contrario ao Goberno. Impulsará a partir de entón na súa casa da praciña de San Miguel reunións clandestinas e logo desde as propias planas do xornal, no exemplar de 29 de decembro, un célebre manifesto da prensa contra a censura por parte do chamado “ministerio polaco”, que suscitará unha tremenda controversia e desatará unha desapiadada persecución dos asinantes. Nicomedes Pastor Díaz, xunto con outros escritores, emitiu entón un comunicado de solidariedade cos perseguidos (cf. El Tribuno, 15.1.1854), por máis que non concordase por enteiro, é evidente, coa súa liña ideolóxica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario