Requirido pola moza Amara García Adán, filla de dous prezados amigos de vello e compañeiros de loita cívica como son Carme Adán e Eduardo García Parada, tiven o gosto de contestar hai xa algún tempo un cuestionario que me enviou sobre a figura da pintora viveirense Maruja Mallo. Compártoo agora neste meu blog, na véspera de acudir onda a boa xente da Agrupación Cultural O Facho da Coruña, o vindeiro martes 27 de febreiro, para unha palestra sobre esta grande artista.
Como
unha figura fascinante, tanto na faceta propiamente creativa (é unha
das grandes mulleres pintoras do século XX e un dos nomes con
maiúscula das vangardas e da cultura da España dos anos 20 e 30),
como na puramente existencial: pola súa peripecia repleta de
evolucións, de feitos interesantes e curiosas anécdotas, polas súas
amizades e amores, polos seus comportamentos rompedores e moi pouco
convencionais no contexto da súa época, polos movementos artísticos
e políticos en que participou dun ou doutro xeito e, sobre todo,
pola súa poderosa personalidade, que non pode deixar indiferente a
ninguén.
- Que aspectos destacaría do legado que deixou Maruja Mallo para as mulleres?
En
primeiro lugar, a súa vontade inquebrantable de ser artista nun
medio en que a hexemonía masculina era abafante, case que un
monopolio. Custoulle moito esforzo e sacrificio chegar a ese
recoñecemento. Facerse un oco no mundo artístico de entón non lle
foi doado e, de feito, silenciouse en moitas ocasións a súa
participación fundamental e a súa relevancia nas actividades da
chamada xeración do 27, a diferenza do tratamento intenso e xeneroso
dado sempre a figuras masculinas como Dalí, Alberti, Buñuel ou
Lorca.
Paréceme
salientable tamén a súa decidida ruptura cos roles tradicionalmente
outorgados ás mulleres da súa condición social, que era burguesa.
A absoluta liberdade, a falta de hipocrisía e a desinhibición
presidiron o seu comportamento erótico e afectivo, para escándalo
de moitos. Ela foi sempre dona de si e axudou a que outras mulleres
amigas súas, como Concha Méndez Cuesta, adquirisen conciencia dos
seus dereitos, fuxindo dos roles patriarcais de paridora submisa e
escrava doméstica. Maruja Mallo nunca admitiu as normas
segregacionistas e fixo todo o posíbel sempre por romper a
exclusividade masculina, simbólica ou real, de certos actos e
espazos (a Residencia de Estudantes, as tertulias literarias, as
tabernas, as aulas de estudo, as viaxes ao estranxeiro ou o paseo
polos arrabaldes de Madrid, por exemplo).
Ademais,
no período republicano sobre todo, mantivo actitudes de compromiso
político moi significativas, con participación nas propagandas do
POUM (un partido comunista de orientación trotskista) e nas
manifestacións do Primeiro de Maio. Foi, nese sentido, unha muller
pioneira na militancia activa en política.
Tamén
me parece digno de mención o seu constante esforzo por vivir cos
seus propios medios económicos, sen dependencias, só do seu
traballo artístico. É certo que ese afán de supervivencia
económica autónoma puido facer que se entregase no Buenos Aires dos
anos 40 e 50 a un mundo de relacións con elementos plutocráticos
que resulta case antagónico ás inquietudes e amizades que mantivera
na España republicana, mais foi a portaxe que tivo que pagar para
subsistir no exilio.
Por
último, Maruja Mallo plasmou nunha parte da súa propia obra
pictórica un ideal de muller emancipada, independente, activa, sa e
dinámica que encaixa perfectamente co seu propio carácter. Esa
“visibilización” ou ese “protagonismo” da muller na súa
pintura resulta ben significativo.
- Que aspectos destacaría da súa actitude moderna e rompedora?
A
súa adscrición como artista ás correntes de vangarda, nomeadamente
ao Post expresionismo, ao Surrealismo e ao Construtivismo. Había que
ser moi valente na España daquel entón para defender con todas as
consecuencias diante de marchantes, críticos de arte, colegas de
pincel ou simplemente amantes e curiosos da arte que esa proposta
plástica tan arriscada e novidosa, con toda a súa diversidade de
tendencias mesmo contraditorias, era máis válida e relevante que os
tradicionais academicismo, realismo, costumismo, etc.
Na
mesma liña de defensa da innovación e do afán experimental, é de
destacar a súa admiración precoz por Picasso e o seu interese polo
cinema, a arte novidosa por excelencia da nova centuria.
A
súa particular e pioneira reacción contra a norma social que impuña
na época o uso do sombreiro como prenda coa que as mulleres debían
cubrirse no espazo público (na rúa, nos paseos, etc), nunha especie
de tímido remedo hispano do misóxino burka islámico. Ela e
Concha Méndez lanzáronse a pasear por Madrid practicando o
“sinsombrerismo” e abriron unha porta á revolución na
indumentaria que hoxe pode parecernos ata pueril, mais que tivo moito
significado no seu momento.
A
súa vida erótica e sexual, tan libre como abundante en experiencias
e tan distante sempre dos estreitos conceptos de “decoro” ou
“decencia” imperantes na sociedade de entón, sobre todo cando
aplicados ás mulleres.
A
súa rotunda oposición laicista ás inxerencias na vida social por
parte das xerarquías da Igrexa católica (a “Santa Mafia”,
dicíalle ela). De aí, por exemplo, que participase nun estrafalario
concurso de blasfemias nun café madrileño en 1928.
- Un esquema das etapas da súa obra
- Unha etapa inicial ou de formación, aínda moi suxeita ao academicismo e ás técnicas tradicionais (ata 1926).
- Unha etapa, a partir de 1928, en que fragua o seu primeiro estilo persoal vangardista, cheo de colorido e exuberancia (“Verbenas”) e reflexo dunha nova feminidade dinámica, moderna e emancipada (“Estampas”).
- Unha etapa tétrica, sombría e escura (“Cloacas y Campanarios”), con especial presenza dos influxos do Surrealismo.
- Unha etapa de adhesión ao Construtivismo xeometrista do uruguaio Joaquín Torres García (ilustracións para a Revista de Occidente) e de achegamento ao compromiso social na pintura (“La religión del trabajo”, “La sorpresa del trigo”).
- Unha etapa americana con cadros de cabezas femininas, máscaras e simétricas naturezas vivas.
- Unha etapa final en América, de cadros con motivos esotéricos e galácticos.
Noraboa, Emilio, pola túa entretida palestra sobre Maruja Mallo en Portas Ártabras da Coruña, organizada pola Agrupación Cultural O Facho.
ResponderEliminarGrazas
Foi muito interessante a tua palestra sobre a Mallo na Crunha. Parabéns!
ResponderEliminar