eu

eu
eu

mércores, 4 de febreiro de 2015

DESPEDIDA A UN CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN NEFASTO

O Secretariado Nacional do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza), ao que pertenzo, acaba de facer público un texto de despedida ao Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, que serve de perfecto balanzo e detallado repaso á súa nefasta xestión. Convídovos á súa lectura:

VAISE EMBORA UN CONSELLEIRO NEFASTO. 
Good bye, adiós, adeus, Jesús

O anuncio feito público estes días polo Partido Popular da cidade de Ourense de que designou por unanimidade candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais de Maio ao ata hoxe Conselleiro de Cultura, Educación e O.U. Jesús Vázquez fai máis que previsíbel que se produza en breve (se cadra xa no Consello do goberno autónomo previsto para o vindeiro xoves 5 de febreiro), o seu cesamento á fronte do citado departamento da Xunta.

Deixamos para os politólogos a disquisición sobre se tal movemento significa un ascenso ou unha degradación na carreira política do interfecto, pois o que nos interesa, como sindicato defensor do ensino público, é deixar constancia nesta particular hora do terríbel balanzo que deixa tras de si o ata hoxe conselleiro, que ten a dubidosa honra de ser, en opinión do STEG, un dos xestores do ensino galego máis nocivos e negativos que lle tocou aturar desde o final do franquismo. A escola pública galega, efectivamente, padeceu a nefasta xestión deste conselleiro en todas as vertentes e de múltiplas maneiras.

O seu paso por San Caetano significou, en primeiro lugar, un deterioro sen precedentes nas condicións laborais, profesionais e salariais do profesorado no seu conxunto. Non é só que aumentase a carga lectiva, envolvendo a medida nun discurso de cuestionamento falaz do noso quefacer profesional. Nin que obrigase ao desempeño de tarefas que corresponderían a outro tipo de persoal non docente (garda de transporte) ou que non cubrise baixas laborais por menos de quince días. Tampouco que se enfrontase ás demandas atinadas do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas; que conxelase durante cinco anos consecutivos os nosos salarios; que nos privase do cobro íntegro das correspondentes pagas extras desde 2012; que suspendese durante varios cursos o pagamento das vacacións de verán a unha parte do persoal interino e aos substitutos ou que penalizase salarialmente as baixas médicas, por moi xustificadas que estivesen.

É que tamén reduciu ata extremos rídículos a oferta de prazas nas oposicións, amortizou selvaxemente vacantes por xubilación (taxa de reposición de só o 10%), incrementou exponencialmente as itinerancias e as interinidades (en dous cursos, aumentaron nun 121% no corpo de mestres e nun 74% no de secundaria) e reduciu drasticamente curso tras curso os planteis de profesorado estábel, mesmo infrinxindo cupos e catálogos de postos previamente acordados e asinados cos sindicatos. Este nefasto conselleiro obrigou aos centros a asumir ratios na aula e imparticións de afíns que constitúen, en calquera país europeo, atentados manifestos contra o mínimo concepto da calidade no ensino. Só por sentenza xudiciaria acatou o dereito do profesorado á revisión médica, mais, en compensación, fixo que a tivese que pasar nunha mutua privada, pois seica a sanidade pública non debía asumir semellante carga...

Tamén, coa LOMCE e coa “austeridade” neoliberal como bandeiras, este conselleiro ultraconservador, que fixo seguidismo acrítico cando non directamente entusiástico das directrices emanadas do Ministerio do inefábel Wert, quixo poñer a escola ao servizo de intereses espúreos, privatizadores, partidistas e confesionais.

Modificou o sistema de elección das direccións dos centros escolares, para que a Administración poida aplicar cando queira a arbitrariedade e o “dedazo”. Deixou os Consellos Escolares sen capacidade decisoria, como meros órganos consultivos. Sempre que puido, este conselleiro reforzou e aumentou as subvencións e os concertos coa privada, incluída a segregacionista por razón de sexo, detraendo os necesarios recursos ás escolas públicas, que viron reducidos os seus orzamentos en porcentaxes moitas veces próximas ao 20% dun ano para outro. Cando un centro público e outro concertado solicitaron ao mesmo tempo a implantación de ciclos de formación profesional atractivos e novidosos, non houbo nunca dúbida con este conselleiro sobre a que centro finalmente se lle concedería. Algúns IES foron transformados por decreto en CIFPs sen o consenso nin o acordo previo negociado coa comunidade educativa implicada, mentres que o exitoso programa Preescolar na Casa, despois dunha traxectoria impecábel de sete lustros, foi finiquitado con alevosía por este conselleiro. Minguaron os fondos de programas para a atención á diversidade (o PROA, por exemplo), así como os diñeiros para axudas e bolsas de estudo, axudando a abrir na propia escola esa fenda social que se exacerba con inxustiza. Este conselleiro reduciu sensibelmente os programas de mellora de instalacións e dotación de bibliotecas e privou a todas as familias do acceso gratuíto aos libros de texto. Tamén eliminou outros materiais de uso escolar das axudas, obrigou a boa parte dos fogares ao repago dos servizos de comedor e transporte e foi desmantelando e precarizando pouco a pouco, en cada comezo de novo curso, a imprescindíbel rede de orientación que debería atender o alumnado con dificultades de aprendizaxe e necesidades especiais.

O conselleiro saínte trouxo tamén consigo unha actitude despótica, autoritarista, prepotente e pechada ao diálogo, como poden testemuñar elocuentemente, poñamos exemplos, o expedientado director do IES Illa de Arousa ou o alumnado e profesorado das Escolas Artísticas Superiores, que se mobilizou con razón pola problemática sangrante da homologación europea dos seus estudos. Jesús Vázquez converteu en pouco menos que decorativa a Mesa Sectorial de Educación e desouviu unha e outra vez as fundadas resolucións do Consello Escolar de Galicia en temas fulcrais, como a LOMCE, o Decreto de Plurilingüismo (probabelmente o baldón máis grande que deixará este conselleiro para a Historia) ou a nova FP. Empregou partidistamente, ademais, a páxina web institucional, contestando con medias verdades e insidias, ás veces mesmo en sede parlamentaria, as máis que xustificadas críticas á súa xestión feitas desde todos e cada un dos sectores da comunidade educativa. A chapuza que montou co baremo do Concurso Xeral de Traslados naceu asemade desa total incapacidade súa para a negociación e o diálogo co profesorado e dese afán de unilateralismo de “ordeno y mando” que deu en despregar acotío.

Cando as sentenzas dos Tribunais lle quitaron a razón en varios dos seus “decretos-estrela” ou cuestionaron a legalidade da súa política de contratación laboral (caso do profesorado dos cursos CELGA), actuou e manobrou para seguir conculcando dereitos e burlando a lei en vez de cumprila, como se esperaría de calquera gobernante verdadeiramente democrático. E cando os temporais de inverno bateron nos centros educativos e puxeron en risco a integridade dos escolares, o conselleiro inventou unha maneira curiosa de escamotear a súa propia responsabilidade apelando a unha “autonomía dos centros” que despois, para calquera outra demanda xustificada que veña deles (máis dotación de profesorado, un reforzo extra de PT ou AL, máis recursos materiais, adaptacións de horarios, mellora das liñas de transporte escolar, etc.), deixa en auga de castañas ou mesmo reprime con autoritaria saña. A precipitación e a improvisación demostradas pola Consellería de Jesús Vázquez ao comezo deste curso 2014-15, por mor da implantación dos novos currículos da Primaria e da nova rede da FPBásica (que significou, a respecto dos antigos PCPIs, un drástico baixón no número de alumnado acollido á modalidade), bateron todos os récords, mais, para compensalas, unha parte do corpo de Inspectores, seguindo consignas súas, dedicouse a facer insoportábel a presión sobre os docentes para que elaborasen as novas programacións ou a improvisar respostas distintas para a probelmática das coordinacións de ciclo, nun exercicio de desvío de responsabilidades e de malabarismo legal realmente tan audaz como patético.

Queremos pensar que a marcha deste conselleiro abrirá unha nova fase menos negativa e danina para o ensino público galego e que a persoa que veña ocupar esa mesma responsabilidade terá a suficiente honestidade, sensibilidade e, chegado o caso, valentía política como para modificar, en beneficio de todos, moitos aspectos esenciais da anterior xestión, a comezar por unha necesaria actitude de maior respecto e escoita atenta ás demandas e reivindicacións que lle cheguen dos diversos sectores da comunidade educativa. De non ser así, teranos novamente en fronte, pois nada concibimos máis contrario ao desenvolvemento integral da escola galega que manter as directrices implantadas polo conselleiro agora saínte.

En último caso, confiamos en que a lucidez e a madurez cívicas da sociedade ourensá no seu conxunto poñerán fin cunha merecida derrota democrática nas urnas á carreira política de Jesús Vázquez, quen tanto dano imperdoábel leva feito nos últimos anos ao noso sistema educativo público.



Ningún comentario:

Publicar un comentario