eu

eu
eu

martes, 10 de febreiro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE, LITERATO

A imaxe habitual que se ten sobre Antón Villar Ponte é a do ideólogo e dirixente político, a do animador cívico e cultural e a do xornalista, mais non pode esquecerse nen minusvalorizarse que foi tamén un escritor que cultivou diversos xéneros literarios. Poesía, relato, novela breve, prólogo e texto ensaístico máis ou menos extenso foron os moldes en que verteu unha parte non desdeñábel do seu talento, por máis que haxa que recoñecer que foi no artigo xornalístico, sobre todo, onde brillou con luz propia.

A súa vocación literaria foi moi temperá e viuse favorecida pola conxunción de diversos factores. Entre eles cabe citar, en primeiro termo, a existencia dunha imprensa local no seu Viveiro natalicio (El Vivariense, El Eco de Vivero...). Esta non só facilitou un contacto asiduo coa lectura senón que propiciou as primeiras aparicións de textos villarpontinos en letras de molde. Ademais, non debe perderse de vista a cómoda posición económica do lar paterno, que facilitaba a adquisición de libros, revistas e xornais de todo o tipo e garantía ademais o acceso privilexiado de Antón á educación desde a máis tenra infancia. De idéntico xeito, hai que ter en conta a presenza na vila do Landrove de figuras literarias históricas paradigmáticas, como o romántico Pastor Díaz, ou doutras que cultivaban entón a lira: o mestre Lois Tobío Campos, o poeta e xornalista Alfredo García Dóriga, etc.

Aurelio Aguirre
Antón publica os seus primeiros poemas, escritos invariabelmente en español, na imprensa local viveiresa: “Burbujas”, “Amorosa”, “Lírica”, “Brindis”, “Primavera”, “Rubia”, “Voz del mar”, “El eterno femenino”... Trátase de textos claramente influenciados polas correntes neorrománticas e modernistas que comezaban a ocupar o centro do sistema literario español na transición intersecular, ao influxo de figuras como Salvador Rueda, o primeiro Valle Inclán ou Rubén Darío. Non debe olvidarse, ademais, o influxo de Aurelio Aguirre, que foi, segundo declaración do propio Antón, “uno de los poetas por quien sentí más grande devoción en mi adolescencia”. O mozo fai nestes primeirizos poemas seus unha constante visitación, de raíz probabelmente autobiográfica, do motivo do amor infortunado. Só “La Voz del mar” responde a un estímulo cívico-patriótico, pois foi escrito con motivo do “Desastre do 98”.

Durante a súa estadía en Foz como boticario, Antón prosegue co cultivo desa poesía neorromántica, mais amplía os seus horizontes cultivando profusamente xa o artigo xornalístico, redixindo para La Voz de Galicia un “Cuento de Reyes” e compoñendo a rogos das sociedades obreiras da cidade das murallas unha peza teatral “de tese” en español, El peso de una ley, en que combatía por inxusta socialmente a chamada “redención a metálico” do servizo de armas.

Para a Revista Gallega de Galo Salinas redixe, alén de diversos artigos, varios poemas: os neorrománticos “Carta de amor”, “La promesa”, “Amorosa”, “Cosas de Momo”, “Primavera”, “Tristeza”, “Burbuja”, “Inocente” e “A un clavel rojo”, o costumista “Tipos de mi tierra: Chumín”, do que xa falamos neste mesmo blog, e o fabulístico “La Pereza”. Tamén ven lume nesa revista coruñesa algúns contos en español (“El loco de un cantar”, “La risa de los niños.Esbozo”, “Otoño”, “Brochazos”, “La carcajada”, “Otoñal”) e un texto parateatral intitulado “Dos cartas (monólogo)”. Pola súa vez, para El Combate herculino perxeña Villar Ponte, xunto con moitos textos de teor político republicanista, dous textos parateatrais (“Fragmentos de un diálogo” e “Conflicto internacional”, respectivamente), o poema civil “¿Quosque tandem?” e unha proposta de fundación dunha revista da mocidade literaria galega que había de se chamar La Joven Galicia, mais que nunca apareceu. No semanario El Vivariense publica tamén nesta época os poemas “El gran idilio” e “Carmen”.

O contacto con Leiras Pulpeiro e, através del, coa Escola Rexional de Declamación de Lugrís Freire, esperta nel o interese polo cultivo literario do idioma galego. Confecciona a peza anticaciquil e pró-migratoria A patria do labrego [tamén neste blog analizada], que inicia a súa traxectoria como dramaturgo galego, e ponse a traducir á nosa lingua algunhas obras de autores cataláns como Rusiñol, Ignaci Iglésias e Guimerá.

Comezada a xeira das Irmandades, Villar Ponte publica en A Nosa Terra, en 1918, o poema “Serán e noite”. Nos seguintes anos non é infrecuente a aparición de determinados textos de índole literaria coa súa sinatura no idearium irmandiño. Son poemas orixinais como “Lembranza d’amore” (1921) ou versións galegas da súa autoría de textos doutras literaturas próximas: dous poemas do cónsul uruguaio na Coruña e promotor da revista Alfar Julio J. Casal (1921); senllos poemas dos noucentistas cataláns J.M.López Picó e Josep Carner adicados á loita soberanista irlandesa (1921), etc. No xornal Galicia de Vigo, que dirixiu Paz Andrade, aparecerán tamén varios poemas villarpontinos (“Romance do serán”, “Nouturnio”, “Flor de maio”, “A risa absoluta”, “Lembranza d’amore”), algúns dos cales xa foran publicados previamente noutros cabezallos.

Máis tarde, no xornal A Nosa Terra novamente, Antón daría a coñecer dúas composicións líricas súas máis, intituladas respectivamente “Madrigal” e “Nouturnio” (1929). Foron feitas, segundo a súa declaración, “d’encarga para unhas composicións musicaes do mestre [José] Doncel”. Non temos constancia de que escrebese máis versos dende entón.

Xunto coa poesía, o relato e a novela curta tamén foron obxecto de cultivo pola súa parte. No diario La Idea Moderna de Lugo publicou en 1911, como folletón, a novela curta Villahermosa, retrato ambiental, en clave modernista e pragado de elementos autobiográficos, do Viveiro da súa adolescencia. Sería reproducida novamente en 1924 no diario Galicia. Tamén debeu de dar a lume nalgún cabezallo peninsular nesta época a novela curta Rapsodia bohemia, hoxe perdida. En A Nosa Terra aparecerá en 1917 o conto “A frol da y-auga”, mentres que en 1918 editará en La Voz de Galicia “El asilo azul”. Once anos despois recuperaríao, en versión galega, para o boletín Nós.

Do mesmo xeito, no xornal ferrolán El Correo Gallego, no breve período en que dirixe o rotativo seu irmán Ramón (1921), publica Antón o conto “El primer amor”, protagonizado por dous mozos de distinta clase social que se ven obrigados a romper a súa relación por presións familiares. Tamén inclúe aquí as estampas “Mis vecinos”, “La ciudad y el campo” e “Los periódicos”, reunidas baixo o rótulo de “Breviario de la aldea”. Tempo despois pasarían ás páxinas literarias dominicais do diario Galicia (1924), que tamén acolleu o relato "Bellas mentiras. La hora de la bohemia”. 

Non cabe dúbida que desde a entrada na redacción de La Voz de Galicia, en marzo de 1912, o xornalismo foi a actividade que absorbeu a maior parte das enerxías literarias de Antón. O folleto ensaístico Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, editado en 1916, non fai nese senso máis que recoller unha parte substancial dos argumentos e parágrafos sobre a lingua publicados nos dous anos previos na sección “Con letra del siete”.

En novembro de 1916 principia a xeira do xornal A Nosa Terra, que Antón dirixe de facto desde o primeiro número até xaneiro de 1922. No voceiro das Irmandades, ao lado dunha importante produción articulística, decisiva na configuración da nova ideoloxía nacionalista, rexistramos esporádicos textos ensaísticos da súa autoría. Referímonos, por exemplo, ao breve ensaio Ramón Cabanillas, poeta da Raza (1917), fundamental á postre na consagración do cambadés como voz poética por excelencia do movemento galeguizador. Ou, na mesma liña, á serie de artigos reunidos baixo o rótulo, de claras resonancias fichteanas, de Discursos á nazón galega

No folletón do Galicia de Vigo publicou Villar Ponte o seu breve ensaio A Libertade e a Beleza (1925). De tipo ensaístico son, por norma, as colaboracións que envía a revistas literarias como Alfar, Nós, Ronsel, etc. Para a madrileña Hispania (1925) preparou dous ensaios reivindicadores da modernidade da nosa cultura: “La poesía gallega en la actualidad” e “Apuntes para la historia de la pintura gallega”. Idéntica intención tivo o seu artigo “La tradition du pays de Galice et sa culture”, publicado en 1924 na revista parisina L’Europe Nouvelle e do que ten copia, segundo ela mesma me comunicou, a estimada profesora Pilar García Negro.

Por outra banda, ao longo da súa traxectoria Antón Villar Ponte deu abondas mostras de ser unha figura o suficientemente relevante, coñecida e respectada como para que a súa sinatura tivese o don de engadir certo valor a calquera volume editado. Foi así como se converteu nun reputado prologuista. Para Del Arte Gallego (1917) de Alejandro Barreiro, escribiu un texto en que combatía o preconcepto da imposibilidade dunha escola pictórica galega de calidade e atacaba o afán mimético e o desleigo idiomático das clases altas do país. Tamén prologou a novela curta O deputado por Veiramar (1919) do muxián López Abente, que inauguraba unha efémera “Bibrioteca Galeguista”, selo editorial impulsado pola Irmandade coruñesa.

Son súas, así mesmo, as palabras limiares á edición de dúas pezas teatrais dos autores ferroláns Charlón e Hermida: Mal de moitos e Trato a cegas (1921). En idioma galego prologou o volume A través de Galicia (1922), do escritor valenciano Daniel Martínez Ferrando, editado pola barcelonesa Casa Cervantes. Para esta editora preparaba o prólogo a unha escolma de poesías de Rosalía vertidas ao español cando a morte do tradutor, Fernando Marestany, que estaba asesorado para tal mester por Álvaro Cebreiro, truncou o proxecto.

Xa durante os anos da Ditadura primorriverista, Antón había de introducir coas súas palabras volumes diversos como o Idearium regionalista, do betanceiro José García Acuña; A tola de Sobrán, peza dramática de Francisco Porto Rei coa que a editora “Nós” de Ánxel Casal principaba a súa colección teatral; e o libro de relatos Abellas de ouro, de Lesta Meis. Tamén colaborou cun texto literario no volume Gravados en linóleum, do artista valdeorrés Xaime Prada e traballou, sen concluílos, en senllos ensaios sobre a figura de Porteiro Garea e a traxectoria do nacionalismo galego, respectivamente.

En tempos da 2ª República está presente cun texto evocativo no Álbum de Vivero, volume preparado polo pintor e fotógrafo Fermín González Prieto, Lander, como peza clave na promoción turística da localidade. Son dous os prólogos que escrebe nesta etapa: un á peza teatral Pepa Andrea, de Pérez Pallaré (Pedro Guimarey) e outro ao volume Ribadeo antigo, de Francisco Lanza.

Polo demais, foron varios os proxectos ensaísticos que deixou inconclusos á súa morte: a colectána de ensaios e artigos que se ía titular Teas de araña, a “Introducción a un ensayo sobre la importancia de las lenguas vernáculas”, a “Introducción a un ensayo sobre la niñez y el niño” e unha biografía dos herois liberais decimonónicos Sinforiano López e Juan Díaz Porlier.

Ningún comentario:

Publicar un comentario