A. Villar Ponte, en 1929 |
Escrito
durante a súa estadía como boticario en Foz e publicado en 1905 na
imprenta Ramiro P. del Río, de Luarca (Asturies), A patria do
labrego é un drama nun acto en prosa (nesa altura predominaba
aínda o uso do verso na dramaturxia) que resposta claramente á
concepción estética do chamado “teatro de tese”, cultivado por
aquel entón por dramaturgos como os escandinavos Ibsen e Strindberg,
o ruso Máximo Gorki, os españois Dicenta e Pérez Galdós,
os cataláns Ignaci Iglèsias e Guimerá ou o galego Lugrís Freire,
figura esta última que con pezas como A ponte serve de modelo
inmediato ao noso autor.
Antón
Villar Ponte (1881-1936), que fai parte nesta época do comité
mindoniense da Unión Republicana de Salmerón, presidido por Leiras
Pulpeiro, mantén no momento de redixir a súa peza un estreito
contacto coa Escola Rexional de Declamación coruñesa, que
impulsaban o citado Lugrís e o actor Bernardo B. Jambrina. Para ela
tentou traducir para o galego algúns dramas cataláns como Els
vells, El místic e Terra baixa, dos que achamos
non poucos ecos na peza que nos ocupa.
Nun
artigo publicado na Revista Gallega (nº 429, 7.6.1903),
Villar Ponte postulaba claramente a necesidade de “llevar á la
escena las fatigas y las privaciones, las miserias y las luchas del
sufrido paria de los campos gallegos, con todo el colorido de la
verdad y con todo el realismo de la exactitud”.
Esta
orientación estética, temática e ideolóxica, que leva aparellada
loxicamente o emprego do idioma en que vivía e padecía ese
campesiñado obxecto de solidariedade (“nada tampoco más
absurdo que escribir en castellano aquello que sólo en gallego puede
expresarse fielmente”, escribe Villar Ponte), é a que alenta
en A patria do labrego, unha peza teatral escrita, segundo
palabras do seu autor, coa clara intención de “que se vexa n-as
pobraciós o servilismo y-a escravitú á que leva ós labregos a
praga do caciquismo”.
A
peza constitúe, efectivamente, un duro alegato anti-caciquil e
pró-migratorio, en que se mesturan unha crítica da docilidade e da
resignación mansa dos labregos perante o sistema político-social
imperante, unha denuncia das estrataxemas de opresión despregadas a
nivel local pola clase política da Restauración na Galiza e unha
afirmación da vía migratoria como única saída real de liberación
para o campesiñado e para os individuos con sentido da dignidade.
Ben é certo que esta visión favorábel á emigración modificaríase
radicalmente, tempo andado, noutra das pezas teatrais do fundador das
Irmandades da Fala: Almas Mortas (Ed. Céltiga, Ferrol, 1922).
A
acción de A patria do labrego sitúase nunha mañá de
inverno, no “tempo actual” (primeiros anos do século XX) e
localízase na cociña dunha casa de aldea da Mariña luguesa. A peza
respecta nas súas oito escenas as tres unidades aristotélicas
(acción, tempo, espazo) e está protagonizada por catro personaxes:
o labrego vello “Tío Xan”, a súa filla “Rosa”, un cacique
que pretende abusar de ambos, “o Señorito”, e o “Vagamundo”,
auténtico alter ego do propio autor e arquetipo da liberdade.
A acción xira arredor do conflito e dilema desa familia labrega
sobre a conveniencia ou non de emigrar e sobre o intento de chantaxe
sexual que o Señorito leva a cabo valéndose da súa situación de
forza e dominio económico-legal sobre esa familia, como vinganza
porque non lle dera o voto nas eleccións. O final da obra,
absolutamente climático, translada ao público receptor toda a
intensidade do dilema “Submisión vs. Rebeldía” que latexa nela.
A
patria do labrego non coñeceu representación até o 7 de
decembro de 1919, data en que foi posta en escena na Coruña polo
cadro de actores e actrices do “Conservatorio Nazonal do Arte
Gallego” da Irmandade herculina, dirixido por Fernando Osorio
Docampo. En 1928, xunto con Entre dous abismos e a citada
Almas Mortas, faría parte do volume Tríptico teatral,
editado pola “Nós” de Ánxel Casal Gosenxe.
É,
en definitiva, unha das obras verdadeiramente fundamentais da etapa
de surximento dunha dramaturxia galega digna de tal nome e, ao mesmo
tempo, unha das mostras do talento literario e da ideoloxía
solidaria, progresista e insubornábel do fundador do nacionalismo
galego contemporáneo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario