Unha novela no seu
legado póstumo
Coñecíamos o legado do
viveirés Lois Tobío Fernández (1906-2003) como político
galeguista e republicano, de traxectoria intachábel e xenerosa; como
tradutor políglota e exquisito da poesía francesa decadentista e
das obras principais dalgúns dos grandes vultos da literatura
xermana: Goethe, Rilke, Heinrich Mann, Bertold Brecht...; como
investigador humanista e especialista na figura do Conde de Gondomar;
como activista cultural, promotor do Seminario de Estudos
Galegos, animador da emisión radial “Sempre en Galiza” na Radio Carve uruguaia, asesor e alentador de entidades como o Seminario de Estudos Galegos reconstituído, o IGADI, o Instituto de Estudos Miñoranos, o Seminario de Estudos
Terra de Viveiro...
Todos e todas admiramos
esas, en tantos sentidos, monumentais Décadas de T.L.
que nos regalou preto do final dos seus días facendo unha achega
fundamental ao xénero memorialístico dentro da nosa literatura.
Mais desde o 2006, en que conmemoramos o primeiro centenario do seu
nacemento, coñecemos felizmente máis unha faciana do ricaz poliedro
que constitúe a súa traxectoria vital e intelectual.
Con efecto, coidadora
celosa dos materiais deixados por Tobío, a súa filla Constanza
atopou entre eles a copia mecanografada dun texto inédito do que seu
pai nunca lle tiña falado, a diferenza do que acontece co inédito
das Elexías de Duino rilkeanas, aínda pendente de
publicación, ou mesmo co ensaio Dous embaixadores: Digby e
Gondomar, que o de Viveiro deixou pronto para editar e que
publicou o Instituto de Estudos Miñoranos, en colaboración co
Concello de Gondomar, no 2005, coincidindo co nomeamento de Tobío
como Fillo Adoptivo desta vila pontevedresa.
Ese inédito encontrado
por Constanza, que apareceu, en palabras súas, “xunto a outras
carpetas con documentos antigos, entre salvaconductos, pasaportes e
tarxetas de identidade dos anos da guerra”, non é senón unha
novela en idioma galego, intitulada A nova vida, que
saíu do prelo da man das Edicións do Castro, de Isaac
Díaz Pardo, en edición ao coidado de Xosé Ramón Fandiño Veiga,
con cuberta de Xosé Vizoso e unha tríade de textos prologais,
asinados por Luís Martul Tobío, Carlos Nuevo Cal e a propia
Constanza Tobío, respectivamente.
Da confección, da
temática e da estilística desta obra imos tratar a seguir, nun
percuso que, en derradeira instancia, non quere ser máis que un
ameno convite e un humilde acicate para que o/a curioso/a lector/a se
mergulle na súa lectura.
Hipóteses sobre o
proceso de confección
Capa da edición da novela de Tobío |
Non está datada a copia
mecanoscrita conservada da novela tobiana, que consta dun total de 83
páxinas, mais semella claro que a súa elaboración debe
corresponder a algún momento anterior ao exilio uruguaio de Tobío
(antes de 1940, pois), tal vez mesmo a varios momentos distintos, como deixan
entrever o distinto xorne do idioma usado (de sabor máis dialectal
ao principio da novela que no seu desenvolvemento posterior)
e, entendemos nós, os diversos matices na perspectiva adoptada, que
resulta máis sociolóxica ou externa no inicio da novela
e máis psicolóxica ou psico-social e interna no resto da obra,
entregada a dar conta da evolución e maduración ideolóxica e vital
do protagonista, en chave de “romance iniciático” ou
“bildungsroman”.
Praia de Covas, Viveiro, a comezos do século XX |
Coidamos, en todo o caso,
que non ofrece dúbida a relación deste proxecto literario tobiano
coa xeira global do “Seminario de Estudos Galegos” e coa tarefa
de modernización e difusión das nosas letras impulsada polo
galeguismo de pre-guerra. Lémbrese que a partir de 1924 está a
funcionar na Coruña a editora “Lar”, da man de Ánxel Casal e
Leandro Carré Alvarellos, e resulta que boa parte dos mozos
fundadores e colaboradores do citado “Seminario” escreben novelas
curtas para ela: Filgueira Valverde publica Os nenos
(1925) e O vigairo (1927); Fermín Bouza Brei, as
Cabalgadas en Salnés (1925); Xulián Magariños
Negreira, compañeiro e amigo de Tobío desde os tempos de bacharel,
edita O Kalivera 30 HP (1926) e O filósofo de
Tamarica (1926); Felipe Fernández Armesto, futuro compañeiro
de Tobío na estadía berlinesa en 1929/30, Xelo o salvaxe
(1926); Xoán Xesús González, a novela Ana María
(1925), Ánxel Romero Cerdeiriña, O Karma de Farruco Filgueira
(1926)....
Tobío debeu de poñerse
mans á obra movido polo mesmo espírito e desexo de potenciación
das letras galegas, de creación dunha prosa moderna, de procura dun
público lector en galego e de propaganda ideolóxica galeguista (e
tamén social, en certos aspectos) que animaba aos seus outros
compañeiros do “Seminario”. En palabras de Romero Cerdeiriña
(1926), quixeron “apañar o noso grauciño prâ formación de un
xénero literario que escomenza a dar xurdíos froitos na nosa
Patria”.
Que a novela A nova
vida ficase probabelmente interrompida na elaboración
durante non sabemos canto tempo e que ficase finalmente inédita son
circunstancias que teñen doada explicación á luz dos avatares e
reviravoltas da traxectoria biográfica do noso autor. Como anota o prologuista de A nova vida Nuevo Cal, (con
ideas das que o fixemos nós propios partícipe previamente, aínda que logo non tivo nin a delicadeza nin a honestidade intelectual de sinalalo, madia leva), numerosos trazos desta novela respostan claramente ao espírito que
animou e caracterizou, en liñas xerais, a colección de novelas de
“Lar”, dentro da xeira de modernización e popularización da
narrativa galega emprendida neses anos polo galeguismo.
En primeiro lugar, a
localización basicamente vilega e urbana (o Viveiro de comezos do
século XX, nos primeiros compases; logo, algunhas vilas e cidades
galegas: Vilalba, Lugo, Santiago, Vigo; finalmente, os camarotes e
cubertas dun barco transatlántico alemán e o porto da Habana,
avistado). Resulta este un trazo escollido na altura por moitos
autores non só por cuestións de familiaridade ou identificación
biográfica con ese espazo concreto, senón como estratexia para
romper co excesivo predominio ruralista na literatura feita en galego
e como recurso para a captación do público de clase media.
A fins semellantes,
relacionados coa propaganda do idioma como vehículo culto e digno,
resposta a introdución de personaxes de clases medias e altas como
protagonistas, expresándose en galego, na liña do que fixera xa
anos antes Cabanillas na peza de teatro A man de Santiña
(1919).
Tamén se explica na
perspectiva apuntada a presenza de determinados motivos e temáticas,
novidosas nas letras galegas do seu tempo, entre as que debemos
sinalar estas catro:
* a
da decadencia da fidalguía e a denuncia da hexemonía na sociedade
galega dunha burguesía de orixe foránea, que xa está en Pantelas,
home libre (1925), de Otero Pedraio e que será logo tratada
por este en obras posteriores como Os camiños da vida
e O mesón dos ermos, por Castelao en moita da súa
obra caricaturística e nalgunhas “cousas” ou por Álvaro de las
Casas, un home da xeración do propio Tobío, nas pezas de teatro
Matria e Mitin. Na novela que nos ocupa,
o protagonista é, precisamente, un “fidalgo fanegueiro”, casado
coa filla dunha montañesa metida a rexentadora dunha fonda e dun
antigo arrieiro, que se ve obrigado a emigrar cando a sogra lle
desbarata o capital herdado;
Álvaro de las Casas, en 1939 |
* a
presenza de certos detalles de humorismo macabro (o protagonista teme
cando neno a Estadea; a sogra do protagonista pon unha funeraria como
negocio “de rumbo”...), que beben directamente en Do caso
que lle aconteceu ó doutor Alveiros (1919), de Risco,
en Un ollo de vidro (1922), de Castelao e tal vez tamén
en O purgatorio de D. Ramiro (1926), de Otero
Pedraio.
* as
referencias aos “indianos” e á emigración, realidade marcante
na sociedade viveiresa de comezos de século e introducido na
literatura teatral polo tamén viveirés Antón Villar Ponte (A
patria do labrego, Almas mortas) e na narrativa
deses anos por Xosé Lesta Meis (Manecho o da rúa,
Estebo...);
* a
inclusión da breve historia dos amores enganosos entre ‘Benigno de
Pol’ e a sogra do protagonista, ‘Filomena’, prototípica de
certa clase de novelas “románticas” ou folletinescas moi lidas
na época. No propio texto (cap. 10) encontramos unha referencia a
este tipo de novelas, que son lidas na casa do protagonista con certa
deleitación.
UNHA ANÁLISE DA NOVELA
Argumento
Antón, un fidalgo vilego
orfo de pai desde moi cedo, de infancia triste e carácter
pusilánime, soña co suicidio como forma de liberarse da vida que
leva, profundamente insatisfactoria. A súa sogra e a súa muller,
que asoballan nel, malgastan o capital familiar montando un negocio
ruinoso (unha funeraria) e hipotecando a casa, o que forza a Antón,
aconsellado polo escribán Don Lorenzo, a emprender o camiño da
emigración. Despois de viaxar desde Viveiro a Lugo e de pernoctar en
Santiago, agarda polo buque en Vigo e é vítima dun calote. Xa na
travesía, fai amizade con outros pasaxeiros e, suxeito dunha
profunda transformación anímica, amósase disposto a emprender unha
nova vida en Cuba momentos antes de desembarcar.
Estrutura e punto de
vista
A novela presenta un
narrador heterodiexético e omnisciente, que relata a peripecia do
noso protagonista en terceira persoa, facéndose eco amiúde dos seus
procesos psíquicos, pensamentos e inquietudes. Predomina claramente a
narración propiamente dita sobre o diálogo, amiúde cortado en
padróns costumistas e que serve de escaparate, sobre todo no tramo
inicial da obra, da fala popular viveiresa, que Tobío recrea con
mestría.
A nova vida
componse de 26 unidades narrativas ou “capítulos”, numerados e
sen título. O personaxe ‘Antón’ actúa de fío condutor ou
enlace de todos os capítulos na novela, con dúas únicas
excepcións: o once e o doce están protagonizados pola sogra,
‘Filomena’.
Despois dun capítulo
inicial en que se nos presenta ao protagonista deitado na cama
matinando no seu suicido, o narrador engarza tres capítulos de
carácter retrospectivo, que serven para coñecermos os antecedentes
e circunstancias do personaxe: a súa infancia triste, a súa crianza
señoritinga e rodeada de mulleres, a súa falta de integración cos
outros nenos, o seu carácter pusilánime e apoucado, o seu
matrimonio inconscientemente asumido, a pésima relación coa súa
sogra e muller, que o asoballan e o humillan acotío...
A partir do capítulo
quinto retómase o instante en que ‘Antón’ matina no suicidio e
xa acción non ofrecerá máis analepses, agás en determinados
momentos puntuais, case sempre como aclaracións ao pasado dalgunha
personaxe secundaria que se cruza no camiño do protagonista.
Avanzaremos así desde o momento en que Antón toma a decisión de
suicidarse, o que lle dá forzas para se enfrontar á súa sogra e
abrir un certo espazo de dignidade e liberdade na súa vida (“quero
vivir coma un home e non coma un neno ou un miñaxoia”), ata o
momento en que arriba á Habana, aonde chega como emigrante despois
de constatar que o patrimonio pecuniario e rendista da familia fora
estragado. Polo medio, asistimos ao encontro de ‘Antón’ con
diversos personaxes e lugares, que o van madurecendo como persoa e
que lle abren novas expectativas para a adquisición dunha nova
conciencia de si mesmo, da vida e do mundo.
Personaxes
‘Antón’ é o
protagonista principal de A nova vida. A súa peripecia
externa amosa numerosas coincidencias coas do propio Tobío, aínda
que non así, até onde sabemos, a súa peripecia interna ou
psíquica, chave do sentido da obra.
Orfo de pai navegante dese
moi cedo e orfo de nai desde os vinte anos, é un fidalgo de bo pasar
e escasa cultura, de vinteoito anos de idade, criado entre mulleres
(a nai, unha avoa, dúas tías solteiras de carácter frío e moi
beatas, unha criada entremetida...). Amosou desde o principio unha
saúde feble, un espírito medroso e unha incapacidade para se
integrar socialmente e ser aceptado polos outros nenos, pois era, en
palabras do propio narrador, “o que menos corría, o que mandaba os
croios con menos forza, o que pandaba sempre, o que sempre perdía”.
Unha vez casou con
‘Xoaniña’, sen case decatarse da transcendencia da súa
decisión, pasou a estar dominado completamente pola súa sogra
‘Filomena’, que dispuña da casa e do capital sen lle render
contas e que insultaba e humillaba nel acotío. Hai, neste senso,
certos paralelismos entre o Pedriño de Os dous de sempre
de Castelao (1934) e o protagonista de A nova vida no
momento de ficar orfo e pasar a convivir con esposa e sogra. Igual
que Pedriño acaba por se rebelar contra a sogra e intenta cravarlle
un coitelo, o noso protagonista tamén chega un instante en que se
ten que facer valer diante da parenta e reivindicar os seus dereitos.
É entón cando se decata
de que a sogra, enganada por ‘Benigno de Pol’ malgastou o
patrimonio familiar e, aconsellado ao respecto polo notario ‘Don
Lorenzo’, decide emprender o camiño da emigración. Despois dunha
viaxe ata Vigo e de varios días de espera, en que sofre un timo,
embarca con destino a Cuba, desprendéndose ao longo da travesía,
grazas ás experiencias acumuladas e á amizade dalgúns pasaxeiros,
dos seus últimos temores para enfrontar a nova vida que agora
emprende.
‘Filomena’ é a sogra de ‘Antón’. De orixes montañesas,
viúva dun tratante metido a taberneiro chamado ‘Celestino’ e
propietaria dunha fonda popular, tiña sona na vila de “lurpia e
lacazana” e degoiraba medrar socialmente, facer diñeiro e vivir
como unha señora. Para conseguir os seus obxectivos non dubidará en
empregar o casamento da filla como estratexia de ascenso social, en
emprender o negocio ruinoso dunha funeraria de postín e en manter un
romance amoroso co usureiro ‘Benigno de Pol’, que se aproveitará
da circunstancia e causará o endebedamento e ruína de ‘Antón’.
Unha vez que descobre que ela propia foi tamén enganada, amosa un
certo arrepentimento, fecha o negocio ruinoso da funeraria, reabre a
fonda e facilítalle ao seu xenro o contacto dun seu irmán na
Habana. De antagonista pasa, pois, a coadxuvante.
A filla de ‘Filomena’,
‘Xoaniña’, de vinte anos de idade, “nin bonita nin fea”,
aparece absolutamente supeditada á nai e constitúe un motivo máis
para a profunda insatisfacción vital que experimenta o seu marido
antes de se desencadear a súa metamorfose psico-social.
‘Benigno de Pol’,
trasunto de Benigno López Muñoz, banqueiro, avogado das silveiras,
empresario, promotor-propietario do Heraldo de Vivero e preboste liberal do Viveiro de comezos do século XX,
encarna na novela, como anuncia o seu alcume ‘Fol de Veneno’,
condutas esencialmente negativas: a usura, o engano, o aproveitamento
das feblezas e ignorancias dos máis débiles, a infidelidade
amorosa, a hipocrisía, o cinismo... Trátase, ben mirado, dunha
pequena “vinganza” literaria do mozo Tobío contra quen tiña
feito pública campaña na prensa local, nalgunhas ocasións, contra
o mestre Tobío Campos, considerado ‘xermanófilo’...
‘Don Miguel de Acevedo’, “señorito da vila”, é o
representante dun mundo en transo de desaparición, o da fidalguía
rendista, de vivir luxoso e gosto xa trasnoitado, que considera
natural vivir sen traballar e atribúe os males todos da sociedade á
burguesía foránea ascendente e aos seus valores.
‘Cándida de Luaces’,
esposa dun emigrante fracasado e descendente dun ancarés que chegou
á vila, é dona dunha tenda de tecidos. Rebate as ideas de ‘Don
Miguel’ sobre a presunta falta de responsabilidade da fidalguía na
súa propia decadencia.
‘Rosendo’ o
taberneiro, antigo mariñeiro, exemplifica na novela o marido que
procura un equilibrio matrimonial exento de afectos e considera que a
muller debe estar o máis afastada do home para este ser feliz.
Semellante mentalidade, profundamente machista, serve non obstante de
provisorio consolo ao protagonista ‘Antón’, pois permítelle
constatar que o inferno familiar que padece non é unha experiencia
exclusiva súa.
Fronte a ‘Rosendo’
sitúase ‘Andrés o Laraño’, mariñeiro en activo e antigo
compañeiro de escola de ‘Antón’, felizmente casado, defensor
das mulleres e protagonista, mercé ao seu bo corazón, dalgúns
episodios de defensa do desvalido ‘Antón’ na súa infancia.
O notario ‘Don Lorenzo’,
probábel trasunto do padriño de Tobío, Lucio Fernández Argüelles
(véxase a estampa nas súas Décadas, páxs. 61 e
ss.), é un vello amigo da familia do protagonista, honesto e
cumpridor, amante da música, da tertulia, dos libros e da natureza.
Será el o que clarifique a comprometida situación económica de
‘Antón’ e quen lle sinalará como saída posíbel a emigración
transoceánica.
‘Pedro Cornejo’, o
caloteiro de orixe castelán, ben traxado e moi locuaz, fecha
dalgunha maneira o ciclo de encontros con personaxes que se
aproveitan do apouvigamento e candidez de ‘Antón’.
‘Xurxo Lomba’, mozo do
Rosal, compañeiro de pensión de ‘Antón’ en Vigo nos días de
espera para embarcar cara ás Américas, representa a aparición na
vida do protagonista da amizade cordial, da posibilidade de falar
sincera e abertamente dos propios problemas e desexos con outro
semellante. Tal vez se trate dun trasunto do mozo guardés Xoaquín
Sobrino, con quen Tobío preparou as oposicións.
Finalmente, os dous
alemáns cos que ‘Antón’ coincide no barco, ‘Hans Schmitt’,
que estivera no Brasil traballando en múltiples oficios, e ‘Peter
König’, artista circense maltratado pola vida que confía no
destino como único factor de sorte e benestar, encaixan tamén nesta
perspectiva: saen en defensa de ‘Antón’ cando un garda do barco
lle recrimina o ter vomitado en cuberta e dialogan con el sobre a
experiencia do emigrante, abríndolle novas perspectivas e
confianzas.
Sinala Constanza Tobío,
con razón, que “boa parte da novela é unha viaxe, unha longa
viaxe á vez real e metafórica”. Os capítulos un a quince
están ambientados nunha vila do Cantábrico galego, de casas con
tellados pizarrentos, presidida polo monte San Roque, situada na
desembocadura dun río onde se sitúa o pazo de Piago e o lugar de
San Andrés de ‘Portolongo’ (=Portochao) e encravada, ao mesmo
tempo, no fondal dunha ría, desde onde se divisa a illa ‘Leporeira’
(=Coelleira). En síntese, o Viveiro natal do autor.
Nesta primeira parte espacialmente definida, mudan constantemente
os escenarios polos que transita o noso protagonista: o seu cuarto; a
taberna de ‘Rosendo’; a cociña da casa familiar “grande e
vella, de boa cantería, con porta de arco e balcón corrido e, baixo
de el, a pedra de armas da familia”; o local da funeraria; o peirao
da vila; a tenda de teas de ‘Cándida de Luaces’; o despacho do
escribán ‘Don Lorenzo’...
Da man de ‘Filomena’
saímos, así mesmo, ás aforas da vila, onde está situada a mansión
de ‘Benigno de Pol’, e paseamos na noite algunhas das súas rúas.
Notas gastronómicas
(tarta de parrochas...), alusións a edificios e recantos
emblemáticos da vila (Castelo da Ponte, Camiño Vello, peirao con
vapores e traiñeiras...), referencias a trazos urbanísticos
singulares (rúas empinadas, tellados de lousa), mencións de
elementos da menaxe cotiá (sopeira de Sargadelos...) ou citación de
costumes inveterados (xira a Portochao en barca, con farois acesos e
cantigas ao ar; crianza de porcos que se sacan a pasear pola rúa...),
etc., son elementos que reforzan o que de retrato intencionado da
vila de Viveiro nos comezos do século XX quixo facer Tobío coa súa
obra.
Desde o capítulo
dezaseis, a estrutura faise decididamente itinerante e avanza
espacialmente a saltos: a partida desde Viveiro e a ascensión pola
Gañidoira (cap. 16), a arribada a Vilalba, a viaxe até Lugo e desde
alí a Santiago (cap. 17), a chegada a Vigo en tren desde a estación
de Cornes (cap. 18), a estadía nunha pensión olívica (caps. 18 a
21), o embarque no paquebote (cap. 22), a travesía (caps. 23 a 25)
e, finalmente, a arribada ao porto da Habana (cap. 26).
Chama a atención o feito
de que nos primeiros capítulos da novela os espazos aparezan
nominalmente disfrazados (a illa Coelleira é ‘Leporeira’,
Portochao é ‘Portolongo’, o Rego de Sidro pasa a ser ‘Rego de
Chinto’, Naín é ‘Naíño’, Altamira é Miradouta’, etc.),
ao contrario do que acontece nos capítulos finais, en que os espazos
reciben as mesmas denominacións da realidade: Vilalba, Santiago,
Vigo e A Habana.
Interesa, por outra banda,
a coloración simbólica con que cada espazo se presenta nesta
novela. O Viveiro do tramo inicial da obra é o ámbito da
inadaptación, o escenario da decadencia, o espazo que, sendo
familiar e coñecido, resulta non obstante hostil, porque está
hexemonizado polos elementos que causan o inferno do protagonista e
aínda outros infernos (o das estibadoras do sal, por exemplo). O
Viveiro evocado por ‘Antón’ cando está a piques de embarcar
cara a América, porén, é xa unha lembranza saudosa e mesmo
agradábel.
Panorámica de Portochao, no río Landrove |
As cidades que balizan a
súa viaxe cara á nova vida en América teñen tamén o seu valor
alén do referencial: Lugo é o espertar ao interese polo mundo
variado das cidades; Santiago, a cidade espiritual, misteriosa e
solemne, que conmove ao que a visita e garda as esencias da nación;
Vigo, a cidade moderna, ruidosa e populosa, de enormes edificios e
intenso tráfico, latexo dun mundo en constante transformación e
aberto a todas as influencias; o ceo azul e limpo de Cuba representa
a luminosa esperanza do protagonista ao emprender unha nova
existencia...
Interpretación da obra
A nova vida,
como se intúe xa desde o propio título, é unha novela de carácter
iniciático, un relato sobre a “posibilidade dun renacer” (en
expresión de Martul Tobío), sobre a “catarse” liberadora dun
individuo que transita desde a angustia sen aparente saída á
autoafirmación esperanzada.
Florentino L. Cuevillas |
A inadaptación, a imposibilidade de harmonizarse co medio é o punto de partida do proceso psico-social que protagoniza ‘Antón’. Sinala Martul Tobío, neste sentido, que á partida “Antón ten moito que ver con eses heroes que manteñen un conflicto sen saída entre os seus anseios ideais, o seu sistema de valores, e as normas da sociedade que na práctica están impedindo a súa integración e a súa realización como individuos”.
O noso protagonista procura saída primeiro na idea da morte,
mediante suicidio, o que lle dá forza anímica para reaxir contra o
asoballamento que contra el practican muller e sogra, e despois na
viaxe migratoria, que lle permite pasar a páxina do seu pasado
insatisfactorio e que o dota, ao mesmo tempo, de novas experiencias e
contactos, ben con outras persoas, ben con outras realidades
xeográficas e sociais, unhas veces positivos (descuberta da grande
cidade, amizades novas....) e outras negativos (o calote do anel en
Vigo) que, en definitiva, o fan madurar.
Numerosos ingredientes fan
deste texto tobiano, asemade, un auténtico retrato sociolóxico
dunha vila galega de comezos do século XX, trasunto do Viveiro natal
do autor. A nova vida constitúe unha novela en moitos
sentidos de “denuncia” ou “social”. Expón a realidade dunha
vila desde a perspectiva dun fidalgo en devalo, que acaba
reinterpretando o seu drama persoal e familiar (arrastra unha
existencia inane e vive asoballado pola sogra, de orixe foránea, que
dilapida o patrimonio en favor dun burgués usureiro) en chave
social, responsabilizando á burguesía foránea da inversión de
valores que o conduciu á súa situación.
A compaixón e o
sentimento de solidariedade que lle produce ao protagonista a
contemplación no peirao viveirés dunhas mulleres de extracción
popular estibando no sal (cap. 5), por unha banda, e as reflexións
do seu amigo alemán Peter sobre as desigualdades sociais (“moito
para poucos, pouco para moitos”, resume) cando ambos visitan sen
permiso a cuberta e as estancias de primeira clase do transatlántico
en que viaxan a América (cap. 25), por outra, constitúen dous
instantes da novela en que resulta diáfano este afán de denuncia
social ao que aludimos.
Tema de grande relevancia
na novela é, igualmente, o da emigración, ao que concorren tanto a
presenza dos indianos (no cap. 4, Filomena intenta ofrecer os seus
servizos funerarios á familia dun indiano rico, sen éxito; o marido
de ‘Cándida de Luaces’, cóntasenos no capítulo 9, fracasou en
América e agora sobrevive levando libros de contabilidade de varios
negocios industriais, en mas de armadores e burgueses) como a visión
de América como Eldorado, saída e remedio acaído aos males do
protagonista.
Xa cando ‘Antón’
fantasea con emprender unha longa viaxe diante do taberneiro
‘Rosendo’ (cap. 6), este interpreta erroneamente que se trata da
emigración ás Américas. ‘Don Lorenzo’ logra convencer a
‘Antón’ de que o camiño ao Novo Continente é a solución á
súa situación económica (capítulo 13) porque, son palabras súas,
“alí hai empregos a eito, podes traballar en calquer cousa inda
que non seipas moito, gañas diñeiro a moreas, poderás axudar á
familia”. Un auténtico Eldorado, pois, que o lector avisado non
pode acreditar como tal porque xa no capítulo noveno tivo noticia do
fracaso nesas terras do marido de ‘Cándida de Luaces’. Mais para
o protagonista, a xeira migratoria non ten senón atractivos: contará
coa axuda prometida do irmán de Filomena emigrado na Habana
(capítulo 14) e imaxina o engado de Cuba (anacos de guajiras, sons e
rumbas; froitas de nomes doces e brandos, hamacas á sombra das
palmeiras, andares ondeantes das mulatas....), a partir dos recendos
dunha caixa de puros que usaba a súa nai para gardar os fíos e
botóns (capítulo 15). As advertencias do caloteiro ‘Pedro
Cornejo’ sobre América (“aquelo xa non é o que era, xa non é
un paradiso”) caen tras o engano a que somete a ‘Antón’,
loxicamente, en saco roto.
Na mesma perspectiva de
interpretar A nova vida como unha novela “de ideas”
hai que situar o debate que manteñen nun dos capítulos da obra os
personaxes de ‘Don Miguel de Acevedo’ e ‘Cándida de Luaces’
sobre as causas e a etioloxía do devalo fidalgo na vila. Mentres o
primeiro, fidalgo el propio, atribúe o fenómeno “a estas xentes
de afora que viñeron eiquí dalgún tempo a esta parte”,
auténticas “sambesugas” que el propio identifica como
“arrieiros, coireiros vascos e salazoneiros cataláns”,
enriquecidos e elevados socialmente a base de practicar a usura e o
matrimonio de comenencia, a segunda sitúa na propia preguiza e
indolencia da fidalguía a causa derradeira da súa prostración.
Tamén merecente dunha
lectura en chave sociolóxica é o papel e presenza das mulleres
nesta novela, que non por acaso aparece complementado no propio texto
cun debate entre os propios personaxes de ‘Rosendo’, o
taberneiro, e o mariñeiro ‘Andrés de Laraño’.
Finalmente, convén non
perder de vista que A nova vida amosa moitas
peripecias, anécdotas e personaxes recollidas posteriormente nas
Décadas de T.L., o que nos indica o alto grao de
autobiografismo e de memoria familiar e persoal deitado nesta obra.
Lois Tobío e eu, en Xunqueira (Viveiro) no verao de 1987. |
Sen pretendermos ser exhaustivos sinalemos que a anécdota da fidalga
Carlota de ‘Pardomonte’ (=Pardo Vaamonde), bisavoa por parte de
mai de Tobío, botando do banco da misa a un mercador de orixe vasca,
está contada nas Décadas (p. 11); que nenos que xogan
na ribeira viveiresa tapando pudicamente coa man as súas partes,
descritos no capítulo 9 da novela, son evocados tamén no texto
“Unha fonte”, editado nun número conmemorativo da revista Ronsel
de Lugo; que como o ‘Antón’ fidalgo que asistiu á escola
infantil con nenos de familias mariñeiras como ‘O Laraño’,
Tobío tamén compartiu pupitre con nenos desa orixe social (Décadas,
páx. 14); que as referencias aos circos ambulantes que visitan a
vila de Viveiro na infancia do protagonista (páx. 76 da novela)
están tamén nas Décadas (p. 34); que a ordenación
de papelada que ‘Filomena’ emprende na novela (páx. 40) cando
quere coñecer a verdadeira situación financeira familiar, ben pode
ser trasunto da traballosa ordenación de papeis no Arquivo Municipal
de Viveiro feita por Casariego e Tobío, para desgusto do entón
cronista da vila, Jesús Noya (Décadas, páxs.
147-148); que a xira a Portolongo (=Portochao), que se cita na páxina
22 do mecanoscrito da novela, aparece evocada por Tobío nas Décadas,
en moi parecidos termos (páx. 48); que a tenda de teas que aparece
na novela (páx. 25), propiedade de ‘Cándida de Luaces’, ben
pode ser a que tiña unha tía de Tobío, Matilde, na Praza Maior
(Décadas, p. 22), co nome de “La Elegancia”; que o
despacho de notario que se describe na novela cando ‘Antón’ e
‘Filomena’ acoden onda ‘Don Lorenzo’ para clarificaren a
situación pecuniaria ten moitas semellanzas co despacho do padriño
de Tobío, Lucio Fernández Argüelles, descrito nas Décadas
(páx. 62); que a peripecia como emigrante do marido de ‘Cándida’
na novela ten moitos puntos de unión coa que pasou na realidade un
tío de Tobío, Manolo, como se relata nas Décadas
(páx. 115); que as afeccións que presenta o notario ‘D. Lorenzo’
(páx. 44 da novela), ler, andar polo campo, navegar e asistir á
tertulia, son as mesmas que manifesta Tobío de si propio en moitos
parágrafos das Décadas; que a viaxe desde Viveiro a
Santiago do protagonista, que aparece na novela nas páxs. 54-57 é
mallada en moitos aspectos á que conta Tobío nas Décadas
(páx. 77), evocando o instante en que con tan só dez anos de idade
abandonou a cidade do Landrove para se instalar coa familia na cidade
do Apóstolo; que a hospedaxe do protagonista ‘Antón’ en
Santiago (p. 57) está na mesma rúa en que viviu a familia de Tobío,
a Fonte de San Antonio nº 6, ben preto da Praza de Mazarelos; que a
sensación de contraste que experimenta o protagonista, a respecto do
Viveiro nativo, vendo as novas paisaxes galegas polas que anda agora
(p. 60 da novela: “decatábase ben da difrenza antre estas terras
vizosas, sorridente e as súas do norde, da banda do Cantábrico,
bravas e duras”) tamén está recollida nas Décadas
(p. 105) ao establecer contraste entre as terras de Brión-Amaía e o
Viveiro natal; que a chegada a Vigo, o ambiente da cidade olívica e
o mísero hotel de emigrantes en que se hospeda ‘Antón’ (páxs.
60 e ss. da novela) están recollidos nas Décadas (p.
211), con motivo da viaxe do propio Tobío con destino a Alemaña, en
1929; que a presenza de xudeus polacos no barco en que viaxa ‘Antón’
(páx. 74 da novela), está reflectida no episodio das Décadas
(páx. 448) en que Tobío evoca a viaxe cara ao exilio no “Queen
Mary”, en camarote de terceira, con destino a New York (Marzo de
1939); que a amizade con dous mozos alemáns que retornaban a América
no mesmo barco que o noso protagonista na novela (p. 75), está
reflectida autobiograficamente por Tobío nas Décadas
(p. 212); que o feito de colárense ‘Antón’ e ‘Peter’ desde
a cuberta de 3ª aos camarotes de 1ª no barco (páx. 80 do
mecanoscrito) é o que fixo precisamente Tobío na súa primeira
viaxe a Alemaña, cando o paquebote estaba chegando a Cuxhaven
(Décadas, páxs. 212-213); e así ad infinitum...
É posíbel, daquela,
establecer toda unha serie de paralelismos entre a materia narrada na
novela mecanoscrita e o contido memorialístico das Décadas
e isto, ademais de axudar á interpretación e comprensión da obra e
de clarificar as fontes de inspiración do Tobío narrador, ofrece
tamén, pensamos, algunha pista sobre a razón última que manexou o
noso querido mestre para deixar no ineditismo A nova vida.
Debeu de considerar que boa parte da materia que daba xeito á súa
novela fora xa convenientemente transvasada ao volume memorialístico,
mais como ambos textos se complementan e enriquecen mutuamente,
alegrámonos de que Constanza, con moi bo criterio, non se tivese
conformado coa decisión ineditaria do seu pai e nos fixese a
todos os amantes das nosas letras, coa axuda editorial do benemérito e chorado
Isaac Díaz Pardo, un magnífico, por inesperado, e para sempre gratificante
agasallo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario