Nas vésperas das atípicas eleccións catalás do 21 de decembro, quero compartir o editorial que publica no seu noveno número a revista Aulas Libres, editada polo Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino (STEG), ao que pertenzo.
Imaxe do 1 de Outubro en Cataluña. Fonte: RTVE |
O partido que impulsou e
aprobou no seu día en solitario a LOMCE, abusando prepotentemente da
maioría no Congreso e pasando por riba das múltiplas e razoábeis
voces que desde toda a comunidade educativa advertiron das nefastas
derivacións desa lei, aplica nestes días tamén en Cataluña, co
controvertido artigo 155 da Constitución como arma arreboladiza, a
súa receita de cinismo, prepotencia, represión, negación ao
diálogo e menosprezo dos dereitos fundamentais.
Faino, para sorpresa de
moitas de nós, coa estraña connivencia doutra forza política que
parecía ter recuperado, a impulso das súas bases, algunhas das súas
señas de identidade máis positivas, apostando por un federalismo
estatal aberto á plurinacionalidade e ao diálogo. Parece que, dando
chocante mentís a esa esperanzadora reorientación, tal forza
entrega nestes días boa parte do seu creto nunha alfándega na que
recollen dividendos tanto o reaccionarismo “popular” como a
extrema dereita rediviva.
Faino, como non podía
ser menos, envolto na tramposa retórica da defensa, disque, do
“estado de dereito” (dereito a que o Estado pisotee os dereitos,
debe de ser o tal, como saben ben os “Jordis” da ANC e de Ómnium
Cultural e os centos de alcaldes cataláns chamados a declarar por
permitiren que a xente puidese votar) e na reveladora invocación á
“sacrosanta unidad de la patria”, indisolúbel o mesmo mesmiño
que o tiña que ser en tempos de Francisco Franco, esa repetida roda
de muíño con que se atragoa no Reino borbónico hispano o concepto
mesmo da democracia alí onde as maiorías sociais e parlamentares,
como é agora o caso de Cataluña, desexan superar con toda a
lexitimidade do mundo un corsé colectivo imposto en 1978 baixo ruído
de sabres e reforzado con frufrús de togas en 2010.
Na ofensiva do Estado
contra as ansias pacíficas e profundamente democráticas dun pobo
exemplar como é o catalán, cívico coma poucos, non podían ficar a
salvo, é obvio, nin as portas e demais instalacións físicas dos
colexios onde se celebrou o reférendum do 1-O, destrozadas
alegremente entre porrazo e porrazo contra a xente por quen fora
animado desde o principio co tan “educativo” e “proporcionado”
berro de “A por ellos!”, nin, claro que non, o conxunto dos
mestres e mestras do sistema educativo catalán, axiña postos no
punto de mira, canda os Mossos e canda os medios públicos de
comunicación (TV3 e Catalunya Ràdio), como apetitosas vítimas
propiciatorias a sacrificar no altar do supremacismo centralista,
intolerante e de tintes cada vez máis fascistoides, modelo Erdogán
en Turquía, que se defende con impunidade desde as instancias
gobernamentais españolas e dos seus altofalantes mediáticos.
As mesmas mentiras
podridas sobre o tratamento das linguas na escola catalá que
empregou o ínclito Ignacio Wert para xustificar o seu obxectivo
confeso na LOMCE de “españolizar a los niños catalanes”
resucitaron estes días en todo tipo de medios de comunicación
impresos e audiovisuais, convertidos xa sen freo, como “Brunete
mediática” que dixo o outro, en medios de propaganda política
goebbelsiana, ad maiorem gloriam patriae hispaniae.
Aqueles que reinstauraron
a presenza da Relixión nas nosas aulas con valor académico, os que
asinaron substanciosos concertos económicos con centros que segregan
alumnado por xénero para perpetuar o modelo patriarcal na sociedade,
os que se cargaron a materia de Educación para a Cidadanía, os que
reduciron a límites vergoñentos a presenza da Filosofía e da Ética
nos currículos oficiais (algunhas veces coa connivencia da antiga
Convergencia i Unió, todo hai que dicilo) e aqueles que andan a
presentar nestes días unidades didácticas feitas en convenio co
ministerio de Defensa para enxalzar “el himno, la bandera y la
defensa de España [sic]”, verten mentiras xofrentas sen fin sobre
o presunto “adoutrinamento” que se viría practicando nas aulas
de Cataluña. Tanto que ven a palla no ollo alleo e non ven a viga no
propio!!!
Sabemos como funcionan
estas campañas de desprestixio das e dos docentes, tan visguentas.
Vivímolas nas nosas escolas cando certa entidade galegófoba axitou
o espantallo indigno da “imposición del gallego” ou cando
tiveron lugar as multitudinarias mobilizacións do “Nunca máis”.
Daquela, Conselleiro houbo que pretendeu en balde coartar a nosa
liberdade de expresión e de cátedra, ansioso por interferir cos
seus diktats partidistas a nosa obriga de educar o alumnado
nos valores medioambientais e cívicos sobre os que descansan algúns
dos máis importantes consensos básicos da nosa sociedade.
Fracasarán tamén nesta
hora histórica, perante a ética intachábel, o bo facer e a entrega
profesional da escola catalá no seu conxunto, os políticos que,
coas mesmas siglas ou con outras engadidas, pretenden converter o
ámbito docente en escenario para a súa tiránica ambición de
derrotar a determinación do pobo catalán de que se lle recoñeza o
seu dereito a decidir.
Desde STEG enviamos, de
maneira moi especial e emotiva, unha mensaxe de solidariedade
fraterna para as nosas colegas de USTEC e aplaudimos a súa valentía
e compromiso á hora de opoñérense a toda medida que supoña
detraerlle ás lexítimas autoridades educativas da Generalitat
calquera competencia nesa materia.
¿Que dicir da
reclamación de “información obxectiva e veraz”, arrebolada
contra os medios públicos cataláns no decreto que autoriza a
aplicación do artigo 155, cando está posta en boca dun presidente
que deu roldas de prensa con plasma de por medio, que se negou
reiteradamente a contestar preguntas en roldas de prensa públicas e
que decapitou o xornalismo independente na TVE, como veñen
denunciando unha e outra vez os seus traballadores e traballadoras?
¿El será o modelo desexado para Cataluña o da nosa TVG, que
retransmite series enlatadas e fútbol a mancheas namentras morre
xente queimada nos montes e o país todo arde polos catro costados
vítima dunha política forestal que desde hai décadas argallan nos
despachos con portas xiratorias as elites de ENCE e as do PP?
A posición por parte das
institucións desa Europa de mercachifles, burócratas e neocons
cargados de cinismo e ambición que nos toca padecer, pechando
fileiras cabo do aparello estatal español represor en vez de
arroupar as ansias democráticas, pacificamente demostradas, da
cidadanía catalá indefensa, dános a medida da profunda involución
e da perversión de valores presentes na Carta fundacional europea
que se ten operado no noso espazo político, por se quedasen aínda
dúbidas despois de constatarmos a resposta deses dirixentes
institucionais continentais perante o drama dos refuxiados da guerra
en Oriente Próximo ou a súa actitude tocante aos tratados de
comercio que non fan máis que incrementar o nesgo neoliberalizador,
ergo inxusto, da economía mundial.
O conflito de Cataluña,
con toda a súa complexidade, deixa espidos os profundos deterioros e
perversións do sistema democrático español (onde el vai,
Montesquieu!) e advírtenos, en toda a súa crueza, do arraigo que
máis de corenta anos despois de morto o ditador Franco teñen aínda
en boa parte da sociedade e da clase política españolas as
concepcións imperialistas que negan a pluralidade de suxeitos
políticos dentro das propias fronteiras estatais e antepoñen sen
rubor e mesmo con violencia, sexa física (as cargas policiais do
1-O) sexa simbólico-institucional (destitución do Govern da
Generalitat, esvaciamento do Parlament, intervención das
Consellarías, Mossos, etc.) o discutíbel principio de “la unidad
de la patria española” aos inalienábeis dereitos democráticos e
colectivos da cidadanía catalá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario