Pode resultar un tanto sorprendente, a priori, que un poeta da Galiza “interior”, da antiga capital e provincia mindoniense, figure entre a nómina destacada de poetas do noso mar; mais tal é o caso do médico e escritor Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912).
Unha primeira explicación a esta “rareza” ten a ver coas súas orixes familiares, máis concretamente coas da súa mai, Matilde Pulpeiro. Orixinaria do porto de Ribadeo, estabeleceuse durante parte da súa vida na parroquia costeira de Cangas de Foz e tivo sempre o prurito de que o seu fillo Manuel se identificase con esa paisaxe, a da Mariña de Lugo. O poeta, xa adulto, elixiuna acotío para pasar as vacacións durante os veráns coa súa muller, Mª de los Milagros Andía Villar, con quen casara polo civil en 1888 cando xa tiñan dous descendentes, Alfredo e Juliano, e mais cos seus outros seis fillos: Magdalena, Manuel, César, Carme, Josefina e Matilde[1].
Sinalou no seu día Ramón Reimunde (1998: 17), con razón, que entre as preferencias constantes de Leiras Pulpeiro destacou sempre “un amor especial pola Mariña e o mar”. Así e todo, dúas das fillas, en conversa co propio Reimunde (1984: 43), confesaban que “cando estábamos en Cangas [de Foz], papá non se bañaba no mar. Tomaba baños de auga do mar na casa, que lle traían nunhas cestas, como era o costume daquela”. Contradise o testemuño, probabelmente veraz, co contido dunha copla de Leiras rescatada no seu día por Franco Grande, que di así:
Cando no mar me
chapuce,
Nadando xunto á
Corneira,
Que non me falen
de nadia,
Que a miña groria é aquela.
O pai de Leiras Pulpeiro procedía da parroquia de Lindín, en plena montaña, e del herdou, segundo parece, a vocación hipocrática. Tras comezar os estudos no Seminario mindoniense entre 1865-1868 e obter o grao de bacharel no Instituto de Tapia de Casariego, Leiras fixo a carreira de Medicina en Santiago desde o curso 1870-71, en Valladolid a partir do 1874-75 e finalmente en Madrid, ata o curso 1876-1877. Unha vez licenciado, exerceu como médico na súa vila natal desde 1878 ata o instante da súa morte, o 9 de novembro de 1912, con 58 anos feitos. O seu enterro civil en Mondoñedo, dous días despois, resultou multitudinario e en 1921 inaugurouse na súa lembranza, con cartos procedentes sobre todo da emigración mindoniense na Arxentina, un artístico mausoleo.
Os primeiros poemas publicados de Leiras dos que hai constancia apareceron en 1884 en O Tío Marcos da Portela, xornal promovido por Lamas Carvajal en Ourense. Colaborou logo na revista coruñesa Galicia e resultou premiado nuns Xogos Florais en Vigo en 1910, mais o certo é que o noso poeta só chegou a publicar en vida un único volume impreso: a colección poética, de rosaliano título, Cantares gallegos (Mondoñedo, 1911), que apenas deixa abesullar o que de creación orixinal súa teñen os textos que contén. Pouco antes de morrer, vítima da diabete e como fixera a propia Rosalía, mandoulle ás fillas queimar un feixe de textos inéditos, entre eles a poesía “A costeira”, que retrataba ao parecer escenas da pesca da sardiña en traiñeira na zona do Cantábrico galego. Deixou dito Eduardo Lence-Santar que esa composición estaba inacabada porque Leiras non puidera cumprir un requisito de documentación ou de verismo que se auto-impuxera: “para inteirar-se de certos pormenores tiña que ir de pesca cos mariñeiros de Foz, cando estes fosen á pesca da sardiña, de noite e en traiñeira” (citado por Ramón Reimunde, 1984: 27).
Postumamente, varias recompilacións da súa obra conservada e dispersa permitiron comprender mellor a altura da súa creatividade e a fondura da súa vocación. A editorial Nós de Ánxel Casal editou en 1930 na Coruña o volume Obras completas. Tomo I (Poesías), en cuxa preparación deberon de traballar Otero Pedraio e Antón Villar Ponte. De 1970 data a edición da obra completa de Leiras preparada por Xosé Luís Franco Grande para a Fundación Penzol; de 1983 é a de Alonso Montero para as Edicións Sálvora e de 1984 a de Ramón Reimunde Noreña para Eds. Sotelo Blanco. Co gallo do Día das Letras Galegas de 1983, fixo Trapero Pardo o volume Manuel Leiras Pulpeiro. Vida e obra. Escolma de textos, en tanto o Departamento de Filoloxía da USC publicaba nese ano tamén unha Escolma de Leiras Pulpeiro. O xa citado Reimunde Noreña publicou en 1998 o ensaio Ben pode Mondoñedo desde agora. A eséncia popular na obra e na língua de Manuel Leiras Pulpeiro (Fundación Caixa Galicia, XII Premio Ánxel Fole e, finalmente, Xurxo Martínez González e Armando Requeixo deron ao prelo Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética (Ed. Galaxia, 2012).
Leiras Pulpeiro, como xa deixamos anotado, amou profundamente o folclore e fíxolle á Academia Galega presidida por Manuel Murguía unha achega moi interesante de materiais léxico-literarios de grande valor etnográfico e antropolóxico, todos eles relativos ás terras da Mariña luguesa e do propio Mondoñedo. Murguía dispuxo para el un nomeamento de académico de número da Corporación no intre fundacional, en 1905, mais Leiras, con extrema modestia, rexeitouno.
Na colección de refráns e ditos populares que o propio Leiras coleccionou na área da vella provincia mindoniense e depositou logo na Academia figuran estes, de incuestionábel xénese mariñeira:
ü A sardiña por abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio, ásaa no borrallo e por San Xoán, xa molla o pan.
ü Non hai millor rede que a que colle o peixe
ü Andar, andar e caer no mar.
ü Cando a gueivota vai pra terra, xa non neva; cando vai pró mar, vai nevar.
ü Cando o trigo vai louro, val o muxil ouro.
ü Lúa a Mondigo, baixamar no río; lúa posta, baixa o mar pola costa.
ü Vento do Cabo, á noite quedado.
Cal as ondiñas do
mare
Morren bicando n-a
area,
Así, amantiña,
contigo,
Así finarme eu
quixera!
Non sallades,
mariñeiros,
Que brúa o mar n-a
Burela!
¡Mariñeiros, non
sallades
Que os marzaliños
arrecian!
Pra facer ben a
costeira,
Mariñeiriños
rinlegos;
Pra... botar
contas, n-o porto,
Mariñeiriños
focegos.
Van as lanchas pra
a sardiña,
Que esta noite hai
escurada.
¡Dios llel-a día de
sorte
Pra matal-a Regañada!
E no apartado
“Louvor da Mariña, menosprezo da montaña” insire estas catro:
Dáime ond’ô mar
unha cova,
Dáime minchiñas e
lapas,
E douvos todo,
todiño
Canto se da n-a
Montaña.
Quen mora acó, n-a
Mariña,
Tén car’ô mundo as
xanelas;
Quen mora aló, n’a
Montaña,
Tenas... tamén;
pero pechas.
N-a Mariña n’hai
morriña;
n-a Mariña n’hai
pan mouro;
n-a Mariña n’hai
quen sinta
pesar pol-as
medras d’outro.
Unha peniña do
cabo
Que cobre o mar
n-as marzadas,
¡Val máis que
todol-os cotos,
y-as veigas que
hai n-a Montaña!
Estas composicións que abordan o tema do “menosprezo da Montaña” / “louvanza da Mariña” deron pé a Aquilino Iglesia Alvariño para subliñar o contraste estético e ideolóxico entre Leiras Pulpeiro e o poeta Antón Noriega Varela. Mentres o autor de Do ermo enxalzaba a miúdo na súa obra a paisaxe, os costumes e as devocións relixiosas das xentes “brañegas”, o médico republicano solicitaba nunha das súas composicións presentes na recompilación editada por Ánxel Casal en 1930:
Si querés
desmorriñarme,
Levaime pra onde o
mar vexa,
I-os seus airiños
me cheguen,
I-o sinta cando
referva;
Leváime pra onde
mais zoupe,
E mais se esfache
n-as penas,
I, ô reventaren as
olas,
Movelos salseiros
sexan;
Ou de non, leváime
a donde
Poida ter â man,
siquera,
Pra espellarme,
unhas pociñas,
Entr’os xuncos d’a
ribeira!
Terra, que o sol,
sempre amante,
Mornea todol-os
días;
Agros, que dádel-o
millo
De canas de catro
espigas;
Xunqueiras, onde
as gueivotas
Se apousan e se
agariman
Cando c’o seu voo
calmoso
Non van ô mar
tral-a vida;
Quen non vos veu
de preto,
Nin pasou unha
invernía
N-os vosos burgos,
estrados
De prefumada
pinica,
Ouvindo os rolos,
non sabe
O que’é a
Mariña. [...]
Nin sabe o que son
congostras
De trabo e lirios
vistidas,
Su cerdeiras e
loureiros
Que as gardan das
nordesías;
Nin o qu’é, acarón
d’un souto,
Sentarse á mirar
pra a ría,
Ou como a escuma
d’a barra
Vai e ven, sube e
rebrinca,
Mentral-as mariñás
soltas
Os bois e as vacas
alindan
N’as pumaregas,
cantando
Cantares que
repinican;
Nin sabe o qu’é o
serán doce
D’unha Mariña.
Nin ô que chega en
feitizos,
Cando a tarde vai
caída,
I-as patas collen
pr’as fúrneas,
Ô ras d’as augas,
en ringras,
C’o arder do bico
d’as ondas,
Co-as figuras que,
n-as cimbras
D’os cotos, fan os
piñeiros
Que desmestou a
cobiza,
E co-o rebruar do
mare
Batuído n-a pena
viva,
Cal si pra
escornarse, o diancho
Cand’él alí se
batira;
Nin sabe o que a
lúa crara
Fai d’a Mariña [...]
Leiras é tamén autor dun poema dialogado, con dúas mulleres da Mariña luguesa como protagonistas, que serve para testemuñar a presenza na zona entre finais do século XIX e principios do XX dos chamados pulés franceses, que viñan pescar á sardiña e á lagosta con barcos de vapor. O viveirense Lois Tobío, nas súas Décadas (1994: 22), evocaría esas tripulacións, bretoas a maioría delas en realidade, acudindo en tempos da súa infancia á vila do Landrove a faceren compras, a beberen no comercio de seus avós e a cantaren polas rúas, mentres Domingo Villar Granjel responsabilizounas nun artigo aparecido no Almanaque Gallego que Manuel Castro López editaba na Arxentina da auténtica esquilma que eses recursos piscatorios padeceron entón na costa cantábrica.
No poema de Leiras, unha das protagonistas recrimina a outra que mocee cun “franxute de mécara” (enténdase, “de merda”), descendente dos que en tempos da invasión napoleónica causaran diversas desgrazas e estragos na bisbarra, mais a atacada replica enxalzando os atractivos físicos e a labia de quen resulta ser patrón dunha dos barcos a vapor que faenaban á sardiña na zona:
[...] - Vaya,
muller, que fai falla
Non ter vergoña,
abofellas,
Pra andar de riba
pra baixo
Co ise franxute de
mécara!
- Pro, miña hirmá,
si non poido
Torcerlle a cara,
anque queira!...
Mirache ben como
pinta
Co-a roupa maja
que leva?
¿Ti sabes o qu’él
me dice
Co-aquila sua
media lengua!
- Con todo canto
lle atopes
E moito máis que
tivera.
Non sal de ser un
demoño,
Un ladrón, un sen
concencia,
Dos que n-o lugar
entraron
Queimando casas e
medas,
E debías co-a
fouciña
Terlle segada a
cabeza!...
- Eche o patrón
d’a vapora
Que colle tanta
sardiña
- Dichoso d’el si
á comela
Non se afoga coás
espiñas.
- Ai, muller, e
fíxoche algo
Pra mostráreslle
así tirria? [...]
Un poema emblemático
Con todo, se nos é permitido o xuízo particular ao respecto, poucos poemas de Leiras Pulpeiro sobre o mar e sobre as xentes que nel traballan teñen a forza descritiva e o fondo reflexivo, mesmo metaforicamente existencialista, que achamos no poema “Engalanada no porto”, publicado co título de “Lancha esquecida” no Heraldo de Vivero de nº 624, 27 de xaneiro de 1924 (núm. 624) e recollido tamén tanto por Reimunde Noreña como por Xurxo Martínez e Armando Requeixo. Con el poñemos punto e final a esta entrega:
Engalanada, no
porto,
Era a da palma, a
primeira
I-era a que
avantaba sempre
Contra ventos e
mareas,
Anque o vento
refolease
I a mar estuvese
crencha
¡Entr’os dous
cabos non había
Lancha mellor, nin
máis feita!
Pro pasaron ús
invernos
E leváronlle a
maxeza
I-o comérselle a
ferraxe,
I-o esgonzárselle
as costelas,
I-o non gardal-as
estopas
Nas xuntas, todas
abertas,
Sobordárona; e ni
estrobas
Lle deixano; e sô
lle queda
Ir podrecendo,
arrumbada,
No areal, ô pé das
penas.
Sin amarras e
esquencida...
Hastra que unha
baga veña,
I-a esbandalle, e
co-ela arrample
Sabe Deus pra que
ribeira...
O que valeu e non
vale,
Coma si nunca
valera!
[1] Tres deles,
Alfredo, Juliano e César, emigraron á Arxentina. Ao morrer o propio Leiras, o
resto da familia marchou a vivir unha temporada nesa república, onde un irmán
do propio poeta traballaba como banqueiro de sólida fortuna. Os fillos varóns ficaron
definitivamente nas beiras do Río da Prata e a mai e as catro fillas volveron á
Península e instaláronse en Madrid. Magdalena estudou maxisterio e Josefina
fíxose funcionaria de Aduanas con destino na Coruña.