eu

eu
eu

martes, 10 de decembro de 2024

MAR, LANCHAS E XENTE MARIÑEIRA NA LIRA DO MINDONIENSE MANUEL LEIRAS PULPEIRO (1854-1912)


Barcas abandonadas. Óleo de Prego de Oliver. AFundación

Pode resultar un tanto sorprendente,
a priori, que un poeta da Galiza “interior”, da antiga capital e provincia mindoniense, figure entre a nómina destacada de poetas do noso mar; mais tal é o caso do médico e escritor Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912).

Unha primeira explicación a esta “rareza” ten a ver coas súas orixes familiares, máis concretamente coas da súa mai, Matilde Pulpeiro. Orixinaria do porto de Ribadeo, estabeleceuse durante parte da súa vida na parroquia costeira de Cangas de Foz e tivo sempre o prurito de que o seu fillo Manuel se identificase con esa paisaxe, a da Mariña de Lugo. O poeta, xa adulto, elixiuna acotío para pasar as vacacións durante os veráns coa súa muller, Mª de los Milagros Andía Villar, con quen casara polo civil en 1888 cando xa tiñan dous descendentes, Alfredo e Juliano, e mais cos seus outros seis fillos: Magdalena, Manuel, César, Carme, Josefina e Matilde[1].

Sinalou no seu día Ramón Reimunde (1998: 17), con razón, que entre as preferencias constantes de Leiras Pulpeiro destacou sempre “un amor especial pola Mariña e o mar”. Así e todo, dúas das fillas, en conversa co propio Reimunde (1984: 43), confesaban que “cando estábamos en Cangas [de Foz], papá non se bañaba no mar. Tomaba baños de auga do mar na casa, que lle traían nunhas cestas, como era o costume daquela”. Contradise o testemuño, probabelmente veraz, co contido dunha copla de Leiras rescatada no seu día por Franco Grande, que di así:

 

Cando no mar me chapuce,

Nadando xunto á Corneira,

Que non me falen de nadia,

Que a miña groria é aquela.

O pai de Leiras Pulpeiro procedía da parroquia de Lindín, en plena montaña, e del herdou, segundo parece, a vocación hipocrática. Tras comezar os estudos no Seminario mindoniense entre 1865-1868 e obter o grao de bacharel no Instituto de Tapia de Casariego, Leiras fixo a carreira de Medicina en Santiago desde o curso 1870-71, en Valladolid a partir do 1874-75 e finalmente en Madrid, ata o curso 1876-1877. Unha vez licenciado, exerceu como médico na súa vila natal desde 1878 ata o instante da súa morte, o 9 de novembro de 1912, con 58 anos feitos. O seu enterro civil en Mondoñedo, dous días despois, resultou multitudinario e en 1921 inaugurouse na súa lembranza, con cartos procedentes sobre todo da emigración mindoniense na Arxentina, un artístico mausoleo.

           Retrato de Leiras Pulpeiro

Outra explicación sobre a vinculación do Leiras poeta co mar ten a ver co aceso amor deste home culto e melómano pola cultura popular galega, polo folclore, que foi sempre para el fonte de inspiración vital e existencial, alén da propia literatura. Neste sentido, a dura vida dos humildes, das clases traballadoras do mar e do agro (naquel tempo “soia e verdadeira xente de traballo” no noso país, como ben advertiu Rosalía) e o contacto tan directo que, como médico, tivo coas realidades sociais lacerantes daquel tempo (a pobreza, o analfabetismo masivo, os abusos, a emigración..), foron acicate para Leiras abrazar o ideario republicano, progresista e anticlerical. Significouse así entre a paisanaxe, asistiu en Lugo en 1887 á asemblea que aprobou un “Proxecto de Constitución para o Estado Galaico”, carteouse con Moreno Barcia, Pi i Margall e outros líderes, fixo parte do Comité Republicano de Mondoñedo, militou na Unión Republicana presidida por Nicolás Salmerón, colaborou en xornais como El Farol, foi masón da loxa “Vallibria Redempta” co nome de “irmán Lúculo” e exerceu non pouca influencia ideolóxica sobre mozos que posteriormente xogarían un rol decisivo nas Irmandades da Fala e no republicanismo de esquerdas, como o viveirense Antón Villar Ponte, quen exercía daquela (falamos dos anos 1902 a 1907) como boticario en Foz.

Os primeiros poemas publicados de Leiras dos que hai constancia apareceron en 1884 en O Tío Marcos da Portela, xornal promovido por Lamas Carvajal en Ourense. Colaborou logo na revista coruñesa Galicia e resultou premiado nuns Xogos Florais en Vigo en 1910, mais o certo é que o noso poeta só chegou a publicar en vida un único volume impreso: a colección poética, de rosaliano título, Cantares gallegos (Mondoñedo, 1911), que apenas deixa abesullar o que de creación orixinal súa teñen os textos que contén. Pouco antes de morrer, vítima da diabete e como fixera a propia Rosalía, mandoulle ás fillas queimar un feixe de textos inéditos, entre eles a poesía “A costeira”, que retrataba ao parecer escenas da pesca da sardiña en traiñeira na zona do Cantábrico galego. Deixou dito Eduardo Lence-Santar que esa composición estaba inacabada porque Leiras non puidera cumprir un requisito de documentación ou de verismo que se auto-impuxera: “para inteirar-se de certos pormenores tiña que ir de pesca cos mariñeiros de Foz, cando estes fosen á pesca da sardiña, de noite e en traiñeira” (citado por Ramón Reimunde, 1984: 27).

Postumamente, varias recompilacións da súa obra conservada e dispersa permitiron comprender mellor a altura da súa creatividade e a fondura da súa vocación. A editorial Nós de Ánxel Casal editou en 1930 na Coruña o volume Obras completas. Tomo I (Poesías), en cuxa preparación deberon de traballar Otero Pedraio e Antón Villar Ponte. De 1970 data a edición da obra completa de Leiras preparada por Xosé Luís Franco Grande para a Fundación Penzol; de 1983 é a de Alonso Montero para as Edicións Sálvora e de 1984 a de Ramón Reimunde Noreña para Eds. Sotelo Blanco. Co gallo do Día das Letras Galegas de 1983, fixo Trapero Pardo o volume Manuel Leiras Pulpeiro. Vida e obra. Escolma de textos, en tanto o Departamento de Filoloxía da USC publicaba nese ano tamén unha Escolma de Leiras Pulpeiro. O xa citado Reimunde Noreña publicou en 1998 o ensaio Ben pode Mondoñedo desde agora. A eséncia popular na obra e na língua de Manuel Leiras Pulpeiro (Fundación Caixa Galicia, XII Premio Ánxel Fole e, finalmente, Xurxo Martínez González e Armando Requeixo deron ao prelo Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética (Ed. Galaxia, 2012).

 O folclore como pretexto

Leiras Pulpeiro, como xa deixamos anotado, amou profundamente o folclore e fíxolle á Academia Galega presidida por Manuel Murguía unha achega moi interesante de materiais léxico-literarios de grande valor etnográfico e antropolóxico, todos eles relativos ás terras da Mariña luguesa e do propio Mondoñedo. Murguía dispuxo para el un nomeamento de académico de número da Corporación no intre fundacional, en 1905, mais Leiras, con extrema modestia, rexeitouno.

Na colección de refráns e ditos populares que o propio Leiras coleccionou na área da vella provincia mindoniense e depositou logo na Academia figuran estes, de incuestionábel xénese mariñeira:

ü  A sardiña por abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio, ásaa no borrallo e por San Xoán, xa molla o pan.

ü  Non hai millor rede que a que colle o peixe

ü  Andar, andar e caer no mar.

ü  Cando a gueivota vai pra terra, xa non neva; cando vai pró mar, vai nevar.

ü  Cando o trigo vai louro, val o muxil ouro.

ü  Lúa a Mondigo, baixamar no río; lúa posta, baixa o mar pola costa.

ü  Vento do Cabo, á noite quedado.

 Nos seus Cantares gallegos (1911) insire esta copla amorosa


Cal as ondiñas do mare

Morren bicando n-a area,

Así, amantiña, contigo,

Así finarme eu quixera!

 Nun apartado da mesma obra, co título de “Cantigas dos mariñeiros”, inclúe asemade estas tres coplas:


Non sallades, mariñeiros,

Que brúa o mar n-a Burela!

¡Mariñeiros, non sallades

Que os marzaliños arrecian!

 

Pra facer ben a costeira,

Mariñeiriños rinlegos;

Pra... botar contas, n-o porto,

Mariñeiriños focegos.

 

Van as lanchas pra a sardiña,

Que esta noite hai escurada.

¡Dios llel-a día de sorte

Pra matal-a Regañada! 

E no apartado “Louvor da Mariña, menosprezo da montaña” insire estas catro:

 

Dáime ond’ô mar unha cova,

Dáime minchiñas e lapas,

E douvos todo, todiño

Canto se da n-a Montaña.

 

Quen mora acó, n-a Mariña,

Tén car’ô mundo as xanelas;

Quen mora aló, n’a Montaña,

Tenas... tamén; pero pechas.

 

N-a Mariña n’hai morriña;

n-a Mariña n’hai pan mouro;

n-a Mariña n’hai quen sinta

pesar pol-as medras d’outro.

 

Unha peniña do cabo

Que cobre o mar n-as marzadas,

¡Val máis que todol-os cotos,

y-as veigas que hai n-a Montaña!

Estas composicións que abordan o tema do “menosprezo da Montaña” / “louvanza da Mariña” deron pé a Aquilino Iglesia Alvariño para subliñar o contraste estético e ideolóxico entre Leiras Pulpeiro e o poeta Antón Noriega Varela. Mentres o autor de Do ermo enxalzaba a miúdo na súa obra a paisaxe, os costumes e as devocións relixiosas das xentes “brañegas”, o médico republicano solicitaba nunha das súas composicións presentes na recompilación editada por Ánxel Casal en 1930:


Si querés desmorriñarme,

Levaime pra onde o mar vexa,

I-os seus airiños me cheguen,

I-o sinta cando referva;

Leváime pra onde mais zoupe,

E mais se esfache n-as penas,

I, ô reventaren as olas,

Movelos salseiros sexan;

Ou de non, leváime a donde

Poida ter â man, siquera,

Pra espellarme, unhas pociñas,

Entr’os xuncos d’a ribeira!

 “Pousadoiro” é un poema longo composto por Leiras en 1903 e que representa un canto integral á Mariña luguesa. A el pertence este fragmento, no que diversos elementos da paisaxe costeira (xunqueiras, gaivotas, escumas, nordesías, furnas, ondas, o bruar do mar...) marcan a diferenza á hora de sentir unha especial comuñón panteísta coa natureza e coa súa beleza irremprazábel:

 

Terra, que o sol, sempre amante,

Mornea todol-os días;

Agros, que dádel-o millo

De canas de catro espigas;

Xunqueiras, onde as gueivotas

Se apousan e se agariman

Cando c’o seu voo calmoso

Non van ô mar tral-a vida;

Quen non vos veu de preto,

Nin pasou unha invernía

N-os vosos burgos, estrados

De prefumada pinica,

Ouvindo os rolos, non sabe

O que’é a Mariña. [...]

 

Nin sabe o que son congostras

De trabo e lirios vistidas,

Su cerdeiras e loureiros

Que as gardan das nordesías;

Nin o qu’é, acarón d’un souto,

Sentarse á mirar pra a ría,

Ou como a escuma d’a barra

Vai e ven, sube e rebrinca,

Mentral-as mariñás soltas

Os bois e as vacas alindan

N’as pumaregas, cantando

Cantares que repinican;

Nin sabe o qu’é o serán doce

                D’unha Mariña.

 

Nin ô que chega en feitizos,

Cando a tarde vai caída,

I-as patas collen pr’as fúrneas,

Ô ras d’as augas, en ringras,

C’o arder do bico d’as ondas,

Co-as figuras que, n-as cimbras

D’os cotos, fan os piñeiros

Que desmestou a cobiza,

E co-o rebruar do mare

Batuído n-a pena viva,

Cal si pra escornarse, o diancho

Cand’él alí se batira;

Nin sabe o que a lúa crara

                Fai d’a Mariña [...]


Crítica aos pulés franceses

Leiras é tamén autor dun poema dialogado, con dúas mulleres da Mariña luguesa como protagonistas, que serve para testemuñar a presenza na zona entre finais do século XIX e principios do XX dos chamados pulés franceses, que viñan pescar á sardiña e á lagosta con barcos de vapor. O viveirense Lois Tobío, nas súas Décadas (1994: 22), evocaría esas tripulacións, bretoas a maioría delas en realidade, acudindo en tempos da súa infancia á vila do Landrove a faceren compras, a beberen no comercio de seus avós e a cantaren polas rúas, mentres Domingo Villar Granjel responsabilizounas nun artigo aparecido no Almanaque Gallego que Manuel Castro López editaba na Arxentina da auténtica esquilma que eses recursos piscatorios padeceron entón na costa cantábrica.

No poema de Leiras, unha das protagonistas recrimina a outra que mocee cun “franxute de mécara” (enténdase, “de merda”), descendente dos que en tempos da invasión napoleónica causaran diversas desgrazas e estragos na bisbarra, mais a atacada replica enxalzando os atractivos físicos e a labia de quen resulta ser patrón dunha dos barcos a  vapor que faenaban á sardiña na zona:

 

[...] - Vaya, muller, que fai falla

Non ter vergoña, abofellas,

Pra andar de riba pra baixo

Co ise franxute de mécara!

 

- Pro, miña hirmá, si non poido

Torcerlle a cara, anque queira!...

Mirache ben como pinta

Co-a roupa maja que leva?

¿Ti sabes o qu’él me dice

Co-aquila sua media lengua!

 

- Con todo canto lle atopes

E moito máis que tivera.

Non sal de ser un demoño,

Un ladrón, un sen concencia,

Dos que n-o lugar entraron

Queimando casas e medas,

E debías co-a fouciña

Terlle segada a cabeza!...

 

- Eche o patrón d’a vapora

Que colle tanta sardiña

 

- Dichoso d’el si á comela

Non se afoga coás espiñas.

 

- Ai, muller, e fíxoche algo

Pra mostráreslle así tirria? [...]


Un poema emblemático

Con todo, se nos é permitido o xuízo particular ao respecto, poucos poemas de Leiras Pulpeiro sobre o mar e sobre as xentes que nel traballan teñen a forza descritiva e o fondo reflexivo, mesmo metaforicamente existencialista, que achamos no poema “Engalanada no porto”, publicado co título de “Lancha esquecida” no Heraldo de Vivero de nº 624, 27 de xaneiro de 1924 (núm. 624) e recollido tamén tanto por Reimunde Noreña como por Xurxo Martínez e Armando Requeixo. Con el poñemos punto e final a esta entrega:


Engalanada, no porto,

Era a da palma, a primeira

I-era a que avantaba sempre

Contra ventos e mareas,

Anque o vento refolease

I a mar estuvese crencha

¡Entr’os dous cabos non había

Lancha mellor, nin máis feita!

Pro pasaron ús invernos

E leváronlle a maxeza

I-o comérselle a ferraxe,

I-o esgonzárselle as costelas,

I-o non gardal-as estopas

Nas xuntas, todas abertas,

Sobordárona; e ni estrobas

Lle deixano; e sô lle queda

Ir podrecendo, arrumbada,

No areal, ô pé das penas.

Sin amarras e esquencida...

Hastra que unha baga veña,

I-a esbandalle, e co-ela arrample

Sabe Deus pra que ribeira...

 

O que valeu e non vale,

Coma si nunca valera!



[Publicado orixinariamente na revista Nova Ardentía, núm. 16, 2024]

[1] Tres deles, Alfredo, Juliano e César, emigraron á Arxentina. Ao morrer o propio Leiras, o resto da familia marchou a vivir unha temporada nesa república, onde un irmán do propio poeta traballaba como banqueiro de sólida fortuna. Os fillos varóns ficaron definitivamente nas beiras do Río da Prata e a mai e as catro fillas volveron á Península e instaláronse en Madrid. Magdalena estudou maxisterio e Josefina fíxose funcionaria de Aduanas con destino na Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario