La Emigración a las
Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa,
de Víctor Viana
Son xa
unha referencia inescusábel para a historia local de Vilagarcía de Arousa, en
particular, e da comarca do Salnés, en xeral, os traballos do investigador
Víctor Viana Martínez. Citaremos entre eles, a título indicativo, Periódicos y periodistas de Villagarcía
(1988); El Cementerio Inglés de Vilagarcía (1999); Cien años del alumbrado eléctrico en Vilagarcía de Arousa (1899-1999)
(2001); Diccionario biográfico de la
comarca de O Salnés (2001), escrito en colaboración con Xosé Lois Vila
Fariña; Conflicto en
O Salnés: la segregación de las cuatro parroquias de Vilanova de Arousa y su
anexión a Vilagarcía (1935-1945) (2013); Bazán de Mendoza, un afrancesado gallego
(2014) e Los Consulados de
Vilagarcía (2015). A esta nutrida
colección de traballos vén engadirse agora o volume
La Emigración a las Américas por
el Puerto de Vilagarcía de Arousa (Imprenta Fidalgo, Cambados, 2017), que se divide
nun total de once capítulos.
No
primeiro deles, “La época de los veleros”, o citado autor documenta con
referencias hemerográficas e arquivísticas variadas, aínda que un pouco
deslabazadas na exposición ao noso humilde entender, os inicios do fenómeno
migratorio galego cara a América desde o porto de Carril, que adquirirá
dimensións masivas a finais do século XIX. Durante os primeiros anos a
travesía, realizada a bordo de quechemaríns, goletas e polacras como
“Restaurador”, “Adolfo”, “Nicandro”, “Recreo” e “Hortelano”, implicaba
necesariamente facer unha primeira escala en Cádiz, á procura de reembarco en
buques de maior porte. Desde mediados da centuria decimonónica, serán cada vez
máis os veleiros que zarparán xa directamente desde a ría arousá cara América,
como é o caso do bergantín “Centinela”, do que era armador José Benito de Abalo
e capitán Miguel Guisande, o dos bergantíns “Juan” e “Peregrina”, propiedade
ambos do consignatario carrilexo Ramón Francisco Piñeiro, ou o da corveta
“Fustera”, propiedade de José Mª Santiago Cuevas del Valle, ascendente do
escritor Ramón Mª del Valle Inclán.
“El inicio
de las grandes compañías” é o título do segundo capítulo. A partir de 1870, os
barcos a vapor xa fan competencia aos veleiros nese tráfico transoceánico desde
augas arousás. En Vilagarcía e Carril irán asentando entón paulatinamente
compañías como a “Sociedad General de Transportes Marítimos a Vapor”, que fai
transbordos en Xibraltar, conta con buques como “La France” e ten a Salvador
Buhigas Prat como consignatario; a “Pacific Steam Navigation Company”, que
transborda en Cádiz, dispón de buques como o “Aconcagua”, o “Cotopaxi”, o
“Potosí”, o “Liguria”, o “Oropesa” e o “Orellana” e ten como axentes sucesivos
a Santiago Sierra e a Laureano Salgado; a “Empresa de Navegación a Vapor la
Bética”, que transborda tamén en Cádiz e move buques como “Montañés”,
“Calderón” e “Rioja”; a compañía “Vapores Correos”, da que era consignatario en
Carril José García Reboredo e para a que traballaban buques como o “Covadonga”
e o “Luchana”; a famosa “Mala Real Inglesa”, que dispón de barcos como o
“Guadiana”, o “Ebro” e o “Nile”; desde 1886, a navieira “Lloyd Norte Alemán”,
que terá como consignatario ao xa citado García Reboredo e moverá buques como o
“Roland”, o “Aachen”, o “Pfalz”, o “Gotha” ou o “Villeland”; desde 1898, a
“Compañía Hamburguesa Sudamericana”, con Elisardo Domínguez e a sociedade Fillos
de Buhigas Prat como consignatarios e buques como “Petrópolis”, “Argentina”,
“Córdoba”, “Tucumán” e “Santos”; e, por último, desde 1900, a “Compañía
Trasatlántica Española”, que inicialmente facía transbordo en Cádiz e movía
buques como o “Larache”, o “San Francisco”, o “Ciudad de Cádiz”, o “Cataluña” e
o “Santa Isabel”, traxicamente naufragado este último fronte á illa de Sálvora
en 1921.
Os
capítulos terceiro e cuarto do libro de Viana están dedicados a cuantificar
estatisticamente as dúas grandes xeiras migratorias desde augas arousás cara
América, a primeira entre 1895-1907 e a segunda entre 1908-1936. Os rexistros
oficiais falan duns 42.000 emigrantes saídos do porto vilagarcián na primeira
xeira e de entre 72.000 e 78.000 na segunda, aos que habería que sumar ata un
20% máis “clandestinos”. A idade, o xénero, o lugar de procedencia e o oficio
dos elementos do continxente emigrante que zarpou desde Vilagarcía cara a América
(coa República Arxentina como destino moi maioritario) son aspectos abordados
por Viana Martínez noutros tantos capítulos do libro.
O capítulo
noveno céntrase nas “Compañías de navegación y consignatarias”, distinguindo o
autor dúas grandes etapas. Na primeira, as viaxes son organizadas por
negociantes de Vilagarcía, Vigo ou Compostela e fanse en veleiro, case sempre
con escala e transbordo en Cádiz. Na segunda, desde finais do s. XIX, o negocio
cae en mans de compañías estranxeiras que dispoñen en Vilagarcía do
correspondente representante ou consignatario (os García Reboredo, Salvador
Buhigas, Ricardo Urioste, Laureano Salgado, Santiago Sierra, Estanislao Durán,
Pío S. Carrasco, González Garra, etc.) e que empregan barcos de vapor que fan
escala en augas arousás. Dúas desas grandes compañías, a “Lloyd Norte Alemán” (os
“paquetes teutóns” aos que se referiu Castelao no Sempre en Galiza) e a “Mala Real Inglesa”, acabarán por copar boa
parte do negocio da emigración galega nese período.
O capítulo
X, “Los barcos de la emigración”, ofrece en primeiro termo unha listaxe
ordenada alfabeticamente dos buques que fixeron escala en Vilagarcía ao longo
do período estudado, para na continuación achegar algunhas estatísticas e as
historias particularizadas dalgúns dos barcos que se dedicaron a ese
transporte.
Fecha o
volume, antes da pertinente bibliografía, un apartado dedicado á problemática
da emigración clandestina. Entre as páxinas 129-144 podemos visualizar,
ademais, unha valiosa galería fotográfica que ilustra os principais contidos
deste libro, tan abondoso en información como por veces disperso e acumulativo
de máis na exposición.
A gran travesía de
Chiruca Macallás, de Xurxo Souto
Poucos
narradores galegos actuais frecuentan con tan positivo afán e entusiasmo o tema
mariñeiro como o coruñés Xurxo Souto (n. 1966). Desde o volume pioneiro Fumareu (1997), pasando pola novela O retorno dos Homes Mariños (1999), os Contos
da Coruña (2001), os Contos do mar de
Irlanda (2014) ata chegar a este A
gran travesía de Chiruca Macallás (Eds. Xerais, 2018), o vocalista no seu
día do grupo musical bravú “Os
Diplomáticos de Monte Alto” foi construíndo un auténtico “macrotexto” en que
homes e mulleres do mar galego, coas súas vidas de traballo envoltas en
salitre, ocupan un lugar central e epopeico.
Cómpre
salientar o peculiar estilo deste autor, que combina no seu discurso narrativo numerosas
anécdotas reais de navegación, incursións eruditas pola historia e polas lendas
relativas aos océanos e referencias musicais e culturais moi diversas. O
conxunto ten así balances entre a pura ficción e o ensaio antropolóxico, a
divulgación histórica e a reivindicación da epopea anónima protagonizada polos
tripulantes de barcos que faenan en practicamente todos os mares do mundo, o
retrato en chave realista dun traballo duro onde os haxa e a reivindicación
mesmo idealizada da profunda humanidade e do saber intuitivo das persoas que
guían os barcos en mar aberto á procura do peixe. Non faltan na obra de Xurxo
Souto, xaora, denuncias sobre a preocupante contaminación por acumulación de
plástico dos océanos e protestos contra as prácticas depredadoras da riqueza
dos fondos mariños que implica o emprego de determinadas artes de arrastre.
Nesta
ocasión, o fío argumental básico xira arredor dunha marea no verán de 2015 do
arrastreiro Macallás en augas do
Rockall, entre Escocia e Islandia, no Grand Sole, coa súa sucesión de
acontecementos, entre os que destacan os reiterados lances, o blackout do motor por entraren
gulipantes no circuíto de refrixeración e a recalada no porto irlandés de
Killybegs. O barco vai patroneado por Chiruca, unha rapaza de Peruleiro que,
tras anos de traballo nunha perruquería, primeiro, e no trasatlántico Highland Chieftains II, despois, decide
sacar a titulación nunha FP marítimo-pesqueira e embarcar. No transcurso da
marea, Chiruca terá que afrontar os receos e caladas envexas dalgúns dos
membros dunha tripulación mixta galaico-senegalesa e facer valer toda a súa
pericia para sacar adiante a marea, coa inestimábel axuda da maquinista Sofía
Carnota. Recibirá tamén a cordial acollida de moitos outros barcos que faenan
na zona e queren ouvir as súas cancións en directo pola radiofonía, pois non en
balde protagonizara unha parte da historia da música “heavy” na Galiza cos
grupos “Botas de Ante Negras” e “ForzA dozZE”. Como elementos máxicos aparecen
na obra un peixe-sapo falador, Lipeilipeisa, e a serea negra da Guiné, Mamí
Watá. De xeito propositado, Xurxo Souto fundiu nesta novela as paisaxes e
topografías de A Coruña e Vigo nunha única entidade e prescindiu da tríade que
tingue frecuentemente, ata facelos caer no tópico, os relatos sobre o mundo do
mar (“naufraxio, accidente, morte”).
v
Pequena Inglaterra,
de Ioanna Karistiani
Esta obra,
que veu lume na nosa lingua en 2018 da man da Editorial Hugin e Munin, en
tradución de Afonso Blanco, publicouse orixinariamente en grego en 1997 co
título de Μικρά Αγγλία e mereceu o Premio Nacional de Literatura de
Grecia en 1998. Ademais, foi levada ao cinema polo propio marido da escritora,
Pantelis Voulgaris, en 2013. Nas versións ao inglés e ao italiano o título foi
vertido, no entanto, como The Jasmine
Isle e L’isola dei gelsomini, respectivamente.
Ioanna
Karistiani, nacida no porto de Chania (Creta) en 1952, cursou en Atenas a
carreira de Leis e destacou no activismo xornalístico e político de esquerdas
contra a “Ditadura dos Coroneis” (1967-1974). Fixo, ademais, varios guións
cinematográficos para o xa citado Voulgaris e para Costa Gavras.
A acción de
Pequena Inglaterra sitúase na illa de
Andros, no arquipélago das Cícladas, en pleno Mar Exeo, mais da man de moitos
dos personaxes, mariños mercantes de profesión, viáxase tamén a moitos outros mares
e latitudes. Partindo do devir dunha familia en concreto, a formada polo mariño
Savvas Saltaferos, a súa esposa Mina e as súas fillas Orsa e Moscha, a obra
retrata de xeito coral e complexo, con fortes doses de lirismo en ocasións, a
vida dunha comunidade insular grega ao longo da primeira metade do século XX,
coa 1ª Guerra Mundial, o crack do 29, a invasión italo-xermana do país e a
propia guerra civil grega que seguiu ao final da 2ª Guerra Mundial como panos
de fondo histórico.
Polas súas
páxinas, magnificamente escritas e divididas en tres grandes capítulos,
titulados “O Ollo de Deus”, “O cativo piso do sobrado” e “O que afoga non vive
para se laiar”, respectivamente, desfilan moitos personaxes que se entrecruzan
e van vivindo sucesivas desgrazas, alegrías, amores, perdas, naufraxios e
travesías, nunha traxectoria comunitaria que podería perfectamente imaxinarse
ou trasladarse sen moitas alteracións para moitos dos nosos portos… O motor principal
da novela é o triángulo amoroso formado polo navegante Spiros Maltampes e polas
dúas irmás Saltaferos: aínda que foi mozo inicialmente da máis vella, Orsa,
casou coa máis nova, Moscha, para acabar morrendo finalmente a bordo do buque Μικρά
Αγγλία, torpedeado como o resto do
convoi mercante do que facía parte por un submarino alemán fronte ás costas
irlandesas, en marzo de 1943.
Mais
arredor desa historia tráxica ou melodramática principal, como adiantamos, vanse
arremuiñando moitas outras, con relevante protagonismo feminino: a da mestra
xubilada e viúva dun mariñeiro naufragado fronte ás costas de Uruguai Nana
Bourantas Karapiperis; a da criada Annezio, que ten un fillo comunista exiliado
en EE.UU.; a da vella Mouraina, que reúne as “viúvas de vivos” da illa na súa
casa para contaren contos “picantes” e combateren a soidade; a de Katerina
Basantis, que non quere ver o mar desde que este lle arrebatou o seu marido,
tamén mariño de profesión; a da ex prostituta Angelita, que fundará familia en
Buenos Aires co propio mariño Savvas Saltaferos, ao igual que fará en Chile o cociñeiro
Christakis; a de Niko Vatokouzis, pequeno armador que casa con Orsa Saltaferos mais
que acaba marchando con dous dos seus fillos para Nova York; a de Marios, irmán
de Mina, especialista en navegar con fretes perigosos (amoníaco, nitro, nafta,
vernices, piche…) e náufrago en 1923 na Canle da Mancha; a do neto de
Saltaferos, que ansía desde meniño poder navegar como o avó e devora na casa patrucial
cartas mariñas e tratados de navegación; etc., etc. Todo contado cunha prosa
vívida, suxestiva e tinxida de emocións.
Contos mariños de
Carballo, de Xabier Maceiras
Cunha emotiva dedicatoria ao poeta e percebeiro Paco
Souto ábrese este volume do antigo músico dos “Diplomáticos de Monte Alto” e
hoxe dinámico activista cultural Xabier Maceiras Rodríguez, que xa tiña dado ao
prelo con anterioridade outros traballos divulgativos como O mar de Arteixo e os seus naufraxios (2013), De Liverpool ás Sisargas, a derradeira travesía do “Priam” (2014),
en colaboración con Fernando Patricio Cortizo, e Crónica de Arteixo (2017).
Editado polo Concello de Carballo, o volume que nos
ocupa reúne en 35 capítulos detalladas e ben documentadas crónicas de crebas,
embarrancamentos, naufraxios, afundimentos e aterraxes forzosas acontecidas na
costa carballesa, entre Malpica e Caión, nos baixos de Baldaio ou fronte ás
Sisargas. Polas súas páxinas desfilan, como tráxicos protagonistas, buques como
o “Solway”, o “Tunstall”, o “Priam”, o vapor “Skolt”, o “Nantes”, o “Nor”, o
palangreiro “Princesa de Asturias”, a tarrafa “Abella Pereira”, o sueco “Falco”,
o vapor inglés “Somersby”, o baladro noiés “España”, os pesqueiros “Albatros e
“Jesusa”, o motoveleiro “Cabaleiro” ou o pesqueiro “Os Tonechos”.
Non faltan no volume, ademais, historias do corso,
lendas populares, evocacións dos tempos en que se cazaban baleas, referencias
ás loitas sociais contra as areeiras, relatos sobre as mareas negras que
castigaron a zona, explicacións sobre proxectos frustrados de asentar un
aeroporto nas marismas de Baldaio e mesmo incursións nas reviravoltas das dúas
guerras mundiais do século XX, na medida en que tiveron escenario tamén fronte
a ese anaco da costa galega e nas minas de wolfram espalladas polo noso país,
entre elas a do monte Neme.
Maceiras reivindica no seu libro a tradición marítima
e mariñeira de Carballo, un tanto opacada pola dos portos veciños, e debrúzase
con amenidade sobre a riola de eventos tráxicos que se derivaron do intenso
tránsito marítimo existente na zona, desde a Antigüidade ata os nosos días. As
fontes arquivísticas e hemerográficas que dan sustento a moitas páxinas do
libro compleméntanse con retallos da memoria popular e todo o conxunto adórnase
con ilustracións de moi diversa índole: cadros de Urbano Lugrís, fotografías
antigas e modernas, retallos de xornal, litografías, gravados antigos,
escrituras notariais, mapas e cartas náuticas, etc.
Talvez o único aspecto discutíbel do proxecto sexa a
denominación elixida para o título de “contos mariños”, pois a palabra “conto” encerra
suxestións de “fantasía” e “invención” que están totalmente ausente nas
historias que o volume encerra, cargadas de realismo en forma de duro traballo,
solidariedade na desgraza, traxedias e morte. A epopea tantas veces anónima das
xentes do mar ten neste libro, de doada e interesante lectura, un retrato fiel,
aínda que por momentos tamén estarrecedor.
[Recensións publicadas orixinariamente na revista Nova Ardentía 11, editada por Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial]
Ningún comentario:
Publicar un comentario